literacidadesArchive for the ‘’ Category

O ente

27 de Xuño de 2009

aglomeracao

Algunhas persoas, atentas lectoras deste blog, fanme chegar a consideración, compartida por un sector a día de hoxe minoritario no Ente Lándoas, de que a multiplicación e a pluralidade de discursos é inconveniente para un medio como este. A idea deles consistiría nisto: un blog ten que instaurarse como posición e discurso definidos, porque outra cousa suporía ou ben unha traslación ao ámbito do literario (entendido isto como ficcionalización do suxeito e dos referentes) ou ben unha asimilación de formatos caracterizados en orixe pola combinación de autorías, mundos referenciados, posicións políticas e literacidades. Isto último, dito con brevidade, representaría unha advertencia seria: un blog non é un xornal nin é unha revista, e o autor dun blog non debe xogar a multiplicarse e facer como que son varios os puntos de vista que interveñen no proceso. Por que? Pois porque un blog está moi vinculado á noción de autoría, á identidade enunciadora, a un eu que di, ou, en todo caso, a un nós harmónico, se cadra mesmo unánime. Un blog non sería, pois, un kit de ferretería que permita multiplicar funcionalidades, textualidades, personaxes: aquí para o serio, aquí para o riso, aquí para os encrucillados e outros pasatempos, aquí para o profesional, aquí para o íntimo, aquí para a crítica, aquí para a dermatoloxía, aquí para os soños…

É un debate aberto este, segundo sinalo/amos. Un debate aberto no Ente. Como somos bastante organizad*s levantamos actas das reunións. O cal significa que poderiamos documentar esas tomas de posición e os elos da análise que se vai construíndo e erguendo. Un de nós escribiu unha breve peza, mesmo. Dramática, podería dicirse. Teatro-documento, observa o seu autor, agora cun plus de histamina no bulbo raquídeo. Nela estamos todos e todas, interactuando. Tamén a señora Soutelo, tan remisa a publicar segundo ben sabemos. Por non falar da amiga polaco-canadiano-brasileira Katarzyna Modrzewski, a máis hifenizada de nós en termos identitarios e biónicos, con quen recentemente se recuperou contacto. Todos e todas do teatro-documento.

 

Europa: identidade e diferenza

8 de Xuño de 2009

 

repensarmosEntre os vindeiros 8 e 10 de xullo terá lugar na Faculdade de Filosofía compostelá, no marco da Universidade de Verán 2009 da USC , o curso Repensarmos Europa á luz da diferenza. Procesos emerxentes e enclaves culturais, dirixido por Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade. A páxina institucional da Universidade de Santiago de Compostela informa sobre o programa do curso e sobre a normativa en materia de bolsas e matrícula (o prazo remata o venres 26 de xuño). Tomo as notas que seguen do blogue do Grupo Alea de Análise Poética (GAAP).

Os obxectivos do curso cífranse en tres: facer visíbeis as implicacións sociais dos fenómenos vinculados ás coordenadas da emerxencia cultural e dos movementos migratorios no contexto europeo, impulsar a análise das manifestacións culturais procedentes de marcos aos que tradicionalmente se adxudica unha representatividade e/ou unha lexitimidade insuficientes e abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, políticos, económicos, tecnolóxicos, mediáticos, xurídicos ou estéticos.

O curso Repensarmos Europa á luz da diferenza pretende ser non só unha actividade de divulgación, senón tamén un encontro entre especialistas na análise da cultura nos seus diferentes aspectos. En que medida os movementos migratorios están a afectar a redefinición das identidades europeas? Cales son os vínculos, pasados e presentes, entre as culturas europeas e as culturas africanas e latino-americanas? Podemos aínda falar dunha cultura europea? Responden os discursos contemporáneos sobre Europa a unha realidade ou a unha aspiración?

Estas son algunhas das preguntas que servirán como eixe para o desenvolvemento deste curso. A redefinición de conceptos teóricos como os de enclave, fronteira, interculturalidade, identidade ou diferenza será tomada como ferramenta para a análise destes procesos e para explicar en que medida afectan á vida das persoas, así como para estimular a discusión conxunta dalgúns dos debates mais presentes no mundo contemporáneo.

Participarán como relatores Itamar Even-Zohar, Elias Torres Feijó, Nacira Guénif-Souilamas, Xaime Barreiro Gil, José M. Díaz Lage, Carlos Valcárcel, Samuel Rego, Humberto Martins, António Medeiros, Pilar Cagiao e Graziela Moraes da Silva. Alén destes relatorios desenvolverase unha mesa redonda de escritores moderada por María do Cebreiro Rábade, con participación de Limam Boicha, Joaquim Arenas, Chus Pato e Manuel Outeiriño. Varios membros do CIEPE (Raquel Bello, Manuela Palacios e Arturo Casas) presentarán o curso e introducirán algúns dos relatores, como tamén o farán Ánxelo González, do IGADI, e Antón Corbahco Quintela, da Universidade Federal de Goiás. O xoves 9 pola tarde proxectarase o filme de Pedro Costa Juventude en marcha (2006), presentado polo propio director.

A inauguración será o mércores 8 de xullo ás 10 h. a cargo da Vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo. Colaboraron coa organización e o financiamento do curso de verán a propia Vicerreitoría de Cultura, o CIEPE, o Grupo de Investigaçom GALABRA da USC, a área de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Alliance Française e o Instituto Camões.

 

Que é Poéticas de Resistencia?

31 de Marzo de 2009

Poéticas de Resistencia é unha rede internacional de investigadores e produtores literarios e culturais de Europa, América Latina e Estados Unidos. A rede atópase en fase de constitución mediante encontros e debates centrados xustamente na especificidade das nocións de resistencia e de intervención artístico/cultural. Asúmese de xeito normal a procesualidade desas discusións e acéptase a idea de que os encontros serven para reflexionar en voz alta e en marcha. Cun compromiso crítico e tamén de debate teórico e metodolóxico.

Como se activa a produción artística, literaria, cultural… no momento histórico presente? En que modo a intervención cultural estabelece hoxe relacións de interdependencia con dinámicas sociais, políticas e económicas? Cal é a a marxe de manobra para lograr desestabilizar a axenda política e económica do neoliberalismo, para resistir e vencer a hexemonía exercida e abrirmos paso ao cambio histórico? En que medida son efectivas as poéticas de resistencia? En que modo se vinculan resistencia e poder?

A primeira reunión celebrouse hai agora un ano na Universidade de Leeds, organizada por Ben Bollig e Cornelia Gräbner. Acudira daquela á cidade inglesa unha representación galega, analistas e poetas, relativamente nutrida. Os días 16 e 17 de abril terá lugar na Universidade de Santiago de Compostela unha segunda reunión. Esta páxina web informa sobre programación e actividades do II Simposio Poéticas de Resistencia.

[Colaxe de Xosé Luís Mosquera Camba que ilustra cartaces e web do simposio. O texto tómase parcialmente do texto de presentación da reunión de Leeds]

Fálase de perfopoesía na radio

17 de Febreiro de 2009


Hoxe, no Diario Cultural da Radio Galega, Anxo Quintela convocou voces para falar do que mencionamos o outro día por aquí, un festival sevillano de perfopoesía que comezou onte. E arredor del todo o resto: conceptos, prácticas, públicos, intervención, oralidades…, política.

Falan no programa Antón Reixa, Antón Lopo, María Lado e Arturo Casas sobre dub poetry, corpos, espazos, páxinas, videopoemas, danza, televisión, cantigas medievais, hibridación, industria cultural, sons, slam, usurpacións funcionais, literaturización do poético, poslírica, o privado e o público, o lecer, a imaxe, a lectura, o espectáculo, a poesía en acción, a música, a interpretación, a distorsión, vellas e novas experiencias. A montaxe na radio, espléndida.

En abril teremos en Compostela un simposio no que algo de todo isto entrará tamén en debate e análise. Un simposio da rede Poetics of Resistance, que presta moita atención á poesía en performance e á dimensión política do discurso poético. Se cadra, outro día falamos del.

[Na foto, María Lado dubida por nós]

Desencaixes

3 de Decembro de 2008

Quizais o problema da anotación anterior provén dunha encrucillada cultural/institucional na que andamos todos. Bastante precisa e máis controvertida do que a priori concedemos (algúns). Con significación distinta se se pensa en realidades culturais consolidadas no plano institucional e político (culturas sostidas por un Estado) e en realidades culturais minorizadas, emerxentes, excluídas, colonizadas…, todas en fin as que non teñen un Estado como soporte seguro e continuado ao longo dun tempo histórico suficiente.

Formularíaa así a encrucillada: ten a literatura hoxe a relevancia que sitios como este blog, os ministerios de cultura e os sistemas educativos vixentes no mundo lle outorgan? Ou tamén así: entenden os axentes que participan no mundo social e económico que a literatura é tan importante e está tan necesitada de protección institucional como nós consideramos? E aínda así: cumpre hoxe a literatura a mesma función política e ideolóxica que cumpriu no momento en que os Estados modernos entenderon que debía ser incorporada ao currículo escolar como materia de estudo? Ou así: sabemos e lembramos que esa incorporación curricular que viña a substituír outras aproximacións escolares ou académicas ao literario moi diverxentes da activada de inicio conta con só dous séculos de traxectoria e que basicamente se conformou como a actualización dunha estratexia dirixida de xeito fulcral ao logro da cohesión social e política das novas nacións modernas, e dalgunha excepción premoderna, co socorro dunha comprensión laxísima do literario? Ou: lembramos e sabemos que esa perspectiva obedeceu sempre e en todo lugar a un programa político nacionalista e que consecuentemente optou, de acordo cos referentes románticos e historicistas de base, por un entendemento do literario visto estritamente á luz da historia literaria nacional constituída como metarrelato (digo da historia literaria nacional, non da historia nacional, non da historia)?

Ou: é máis útil á polis hoxe o estudo da historia literaria narrativa (nacional) que a formación noutras disciplinas ausentes dos currículos (linguaxes audiovisuais, ecoloxía, dereito, domótica, gastronomía, tai-chi…, que sei eu)? En fin: por que nos importa tanto iso —a literatura reducida a historia literaria— que á inmensa maioría da poboación mundial non lle importa nada? En fin: por que illamos como obxecto de estudo supostas realidades históricas sistémicas que, antes de proceder, limpamos convenientemente de todo canto de sistémico teñan para deixalas espidas nesa abstracción moderna do dito “nacional”? En fin: por que se tan sistémicos somos atribuímos o plus da sistematicidade a todo menos ao que é ineludíbel para a constitución do sistema (lectores, institucións, canonicidade, contradición, loita dos axentes polo dominio e administración da polaridade centro/periferia, repertorios contrapostos, mercados, mediadores, distribuidores, premios…)? En fin: por que pensamos que o sistema é un bombón para adozar e aggiornare a boca e ha de ficar logo limitado á sacrosanta morea quieta e xerarquizada de obras e autores maiores nese circuíto teleolóxico consistente en chegar a ser quen xa eramos? Por que dicimos sistema cando queremos dicir retorta? Por que falamos de rede cando en realidade queremos falar de fíos? Por que simulamos interese pola loita e a interacción de elementos sistémicos se só nos preparamos para falar e saber de equilibrios?

Naturalmente, ningunha destas preguntas está dirixida só a nós. Pero si tamén a nós.
[Nas fotografías unha retorta para un espectáculo de maxia (1940) e un recente encontro da conselleira Ánxela Bugallo, o editor Manuel Bragado e o escritor Manuel Rivas en Compostela. Descoñezo autorías]