Luísa VillaltaArchive for the ‘’ Category

Ascender as escalas das esferas

18 de Agosto de 2009

 

luisavillaltaSon palabras nun verso de Luísa Villalta, aínda que lembrarán ao dicilas en voz alta Pitágoras ou Viqueira. Figuran nun libro dedicado a Carlos Paredes en 1997, organizado por Alberto Augusto Miranda e editado polo Departamento Literário da Sociedade Guilherme Cossoul de Lisboa (Edições Tema). Lembreino hoxe, cumpridos cinco anos da morte do guitarrista, ao ler no blogue de Saramago que “aquela música era feita de alvoradas, canto de pássaros anunciando o sol”. Luísa escribira estes versos memorábeis: “Estaba o ar imposíbel tinxido en soños de paxaros / tal era a vontade de ascender as escalas das esferas / axudándonos só do propio timbre / medido contra o eco dos abismos”. Versos sobre Eurídice escritos na Coruña en 1997. Lémbroa agora de chapeu cando xantamos nun bar de San Lázaro o 1 de decembro de 2002, despois da manifestación, moi mollados. Entrara logo cando estabamos nos cafés Helena de Carlos e lembrará o que me dixo sobre Luísa transcorridos uns meses. E lémbroa tamén a Luísa cando nos coordinaba na Área 1 do Foro da Cultura Galega, igualmente en Compostela, entre febreiro e agosto de 2000. Sobre Eurídice e sobre moito máis o seu poema en homenaxe a Carlos Paredes. Como podiamos supoñer que ían falecer o mesmo ano 2004, ela no final do inverno e el catro meses despois, en xullo? Pregunta estúpida, como todas as que facemos en relación co azar. O azar e a morte a voltas, como o sábado en Céltigos, aquela estrada. Algún día, algún día, amigo… E así os outros poemas daquel pequeno libro vermello e gris da Cossoul en memoria do guitarrista de Coimbra. Os de Anna Hatherly, por exemplo. E os de Amadeu Baptista, Egito Gonçalves, Viale Moutinho, Casimiro de Brito, Firmino Mendes, Ana Maria Ferreira, Pepe Cáccamo, Xulio L. Valcárcel, Mário Cláudio, Isabel Aguiar Barcelos, Emanuel Jorge Botelho… O Alberto convidárame tamén a min para a ocasión e enviei ocarlos_paredes poema “O leme (Diálogo lembrado)”, que calquera día recupero aquí e que escribín ouvindo repetidamente Mudar de Vida na guitarra do vello Paredes, enfermo desde 1993. Vida a súa certamente inusual no que afecta á concepción da arte e da súa función ou lugar público, mesmo na consideración do que signifique ser autor e ao tempo ser traballador, empregado, operario. El, por exemplo, nun hospital lisboeta, arquivando placas e informes no servizo de radioloxía. Mudar de Vida leva tamén o ánimo, pero será por outras razóns, aos poemas de Xohana Torres, o que pecha Estacións ao mar, por exemplo (hei de transcribilo outro día;  Manoli entenderá o camiño). E tamén, acaso, o entenda Vicente Araguas, a quen me pareceu ver por Neda ou Glasgow domingo morning na estrada. Camiño el de Xuvia, naturalmente; e nós de Betanzania. Un querería ter tempo, ver Xuvia nas dúas formas que Araguas lle deu e logo contalo con algún detalle. Mudar de vida ou tempo e regresar á Terraza de Sada cunha cervexa na man e Luísa Villalta nas cores todas daquel cristal contra o eco dos abismos.

 

[Luísa Villalta e Carlos Paredes en fotografías de autoría e momento que non podo precisar]