matemáticasArchive for the ‘’ Category

Coñecemento do medio

15 de Xuño de 2009

familia-zolavazquez1senora-siberiana-cos-9-fillos

Olla atentamente para estas tres fotografías de unidades familiares. Despois, le con atención o cuestionario que a Consellería de Educación acaba de facilitarche para que, con garantías e total reserva persoal e familiar, túa nai e teu pai, ou quen sexa, o cubran e o reintegren logo ao centro escolar, preferibelmente sen sobre nin nada, total para que. Ben, ruliñ@, pois agora, tendo á vista o cuestionario e as fotografías da familia (paralela) Zola, da familia desta señora siberiana da dereita que sorrí ou o que sexa pensando na que lle caeu a ela e ao seu tovarich se aínda se ten en pé (igual está en decúbito detrás deles) e a da familia unipersoal do señor que aparece na terceira imaxe (a do medio), casualmente conselleiro da cousa arestora na Xunta de Galicia, indica cantos votos/cuestionarios calculas que cada un deles podería depositar na consulta-chirifú posta en marcha, esa que os teus fillos, se algún día os tes, estudarán como un dos grandes fitos da trapallada, do cinismo e da infamia locoglobais ou globolocais, que tanto ten.

Marca cun circuliño a túa resposta para cada un dos tres casos. Cantos cuestionarios calculas que entregará, onde sexa, a quen sexa e como sexa, cada unha destas tres unidades familiares?

Caso 1, os Zola: 0 – 1-  2 –  entre 5 e 7 – 9 – mogollón – todos.

Caso 2, os Madialevich: 0 -1 -2 – entre 5 e 7 – 9 – mogollón – todos. 

Caso 3, o Vázquez: 0 -1 -2 – entre 5 e 7 – 9 – mogollón – todos.

6 x 1

15 de Xuño de 2009

urna

 

 

 

Isto… Desculpen que insista, amigo Vázquez, amigo Lorenzo, amigo Feijóo, xa saquei o asunto o outro día. E non acabo de velo, con franqueza. Non acabo de ver por que razón o meu criterio a propósito do uso das linguas oficiais no ensino ten a sexta parte do valor que ten o criterio do Sr./Sra. X, el(a) con seis fillos en idade escolar e eu cun único fillo nesa situación?

 

A sexta parte, si. Porque a el/ela tráenlle seis cuestionarios da escola e a min só un (se mo traen, cousa que aínda non ocorreu). E logo, cando se faga o cómputo (porque eu créoos a vostedes e penso que si, que realizarán o cómputo), está claro que o criterio de X contabilizará seis veces máis que o meu, isto con independencia dos criterios respectivos de X e meu, que agora mesmo non vén ao caso tratar (ou pode que si, ou pode que si, he he…).

 

Podería explicarme alguén —insisto— por que debo contentarme con estas raras regras? Quen me ampara? O Valedor? Algún ministro? ZP, que hoxe recibe a Feijóo? O Constitucional? Santa Rita? Blanco Valdés, sempre tan recto e ecuánime?

 

Só isto, señores. Non entro noutras miudezas neste momento —e podería!—, pero iso penso humildemente que vostedes deben explicalo un pouquecho. Non? Á marxe, naturalmente, de que como xa explicaron vostedes isto é unha simple consulta, un chirifú de nada.

 

Claro que, reconsiderado o asunto, tamén podemos ampliar ese criterio a calquera proceso decisorio de xorne democrático. Por exemplo, nas comunidades de viciños. Ou nas comisións que interveñen nunha oposición para corrixir os tests dos opositores. Ou nas eleccións sindicais. Ou para elixir ao representante patrio en Eurovisión. Ou como norma de decisión no Parlamento Galego. Tes tres fillos? Votas tres veces na investidura. Non tes ningún? Pois non votas. Mmm… Interesante, interesante isto de ter tropa pequena na casa.

 

 

[Urna vella do terzo familiar]

 

 

A catro mans

23 de Febreiro de 2009

Unha das experiencias máis intensas da etapa inicial dos meus estudos universitarios foi a epistolar. Viña dun grupo bastante amplo de amigos que carecía dunha delimitación estrita, de xeito que en función do plan de traballo/diversión o núcleo tomaba unhas ou outras dimensións, compúñase dun ou doutro xeito. O caso é que unha parte importante daquel núcleo (Hervada, Pedreira, Cuco, Orzo e Janolas) decidiu facer Enxeñaría, algo que en 1975 implicaba cursar un selectivo na Faculdade de Ciencias compostelá e logo saír con destino Madrid xa para concretar se Industrial, Camiños, Telecomunicacións, Naval ou o que for. Outros amigos optaron por quedar na Coruña, en Arquitectura, por exemplo. Outros foron a Económicas. Ninguén a Letras, eu tampouco. O caso é que tras o selectivo, fiquei bastante desasistido de camaradaxe naquela inhóspita Faculdade de Ciencias, até que como é lóxico apareceron outros vínculos e relacións, os meus amigos matemáticos.

Coa separación de 1976 xurdiu a posibilidade de mantermos contacto epistolar. Só querería hoxe mencionar unha clase de escritura que daquela me causaba unha diversión incomparábel, un profundo pracer intelectual e vital. Eran as cartas que viñan de Madrid a catro mans: Janolas e Orzo. Amigos que decidiran compartir habitación e que escribían xuntos a carta. Normalmente, comezaba un deles e se estendía en asuntos académicos, sociais, existenciais, musicais, pecuniarios ou da militia/furor amoris, todo o que un ten na cabeza aos 18 anos. Cando cansaba, retomaba a carta o outro colega. Eran cartas longas as que viñan. Pero o que quería comentar era unha práctica que a min me facía rir como un tolo. Tras a escrita de A viña como digo a escrita de B, pero a escrita de B consistía ante todo en rebater o dito por A, en tumbar por completo toda a súa construción de identidade persoal ou mundo exterior, non só mediante unha argumentación consecutiva e dialéctica tras os folios redactados previamente polo compañeiro senón mediante moi subversivas, dialóxicas, grosas e carnavalescas impugnacións en notas laterais ou a rodapé, tachóns, debuxos ad hoc, remedos estilísticos e outras falcatruadas textuais e gráficas que posteriormente retomaría A no corpo textual adxudicado a B coa finalidade de lle devolver a graza.

Cartas a catro mans, bakhtinianas, paródicas, polifónicas, heteroglósicas, sen nós sabérmolo entón, porque naquela altura Spivak, por exemplo, era Michael e non Gayatri, e a irracionalidade de π resultaba moito máis motivadora que a correspondente de Apollinaire (ou así así). Lembrei isto porque recibín a semana pasada unha mensaxe por correo electrónico tamén a catro mans escrita desde París por persoas moi queridas, xa xubiladas. E pensei en que medida ese desdobramento pode darse en casos de autoría individual. Porque, como é natural, eu intentaba estar ao nivel dos amigos de Madrid e procedía a inventar alteridades, dobres e réplicas nas cartas de resposta. Muriel xa estaba alí, ou case, estaba cando menos ¿Qué es un axioma? Movilidad y semejanza, pode que un dos primeiros libros que lin de Dieste e que conduciu logo a unha publicación en prensa.

Nos blogs hai un desdobramento parecido entre o xeito no que escribimos o post e a forma na que intervimos nos retruques e comentarios. A min compráceme de maneira moi especial esa heteroloxía, esa esquizoleria que move incluso a refutarse ou a rirse dun mesmo, manxar olímpico. Lembreino tamén, aquel mundo dos vinte anos, porque o outro día recibín un regalo de aniversario moi especial, o libro de Xenaro García Suárez Dos signos de Stendhal aos imaxinarios de Musil, atento ás relacións entre matemáticas e literatura e pendente non só dos autores mencionados no título senón tamén de Mallarmé, Dieste, Dostovievski, Calvino, Mann…

[M.C. Escher, Autorretrato en espello esférico, 1935]