mediosArchive for the ‘’ Category

O desigual combate

17 de Setembro de 2009

tabernas-11

Seguramente será que non dou aprendido o oficio. O de galego. Ou será que levo sangue das dúas Castelas, de Flandes, de Cataluña e de Cantabria como mínimo, alén dunha proporción (considerábel) de sangue do país, sexa isto o que for. De sangue e do resto de líquidos corporais, claro. Bile incluída. Ou quizais sexa que, como se di agora no xardín Moncloa-Palas, eu xa teño colmadas as miñas aspiracións políticas despois de ser presidente consorte da comunidade de viciños do edificio no que vivo. Razón esta pola que non tería nada que perder, pois nin aspiro a columnista ben pagado nin a insignia de ningunha clase. E ademais os búlgaros cáenme ben. Igual é iso. Igual é que me importan menos que nada a pompa e o carnaval. Igual é que distingo aos que pretenden tumbar a cultura do meu país para proceder logo a facer a autopsia a todos os que confundían o sentido institucional e a dignidade coa sumisión. O cal resta mérito, pode que si, a esta vontade de falar claro polo menos uns minutos ao día. Pero quen falou aquí de méritos?

O combate é desigual. Uns tocan o cornetín de ordes de Sabón con chulería subsidiaria mentres deitan chumbo ardente desde o castelo do seu señor, que aí atrás marcou a toda a tropa a folla de ruta para o curso político 2009-2010 , e outros fan discursos firmes pero abstractos, xustificatorios e nada apostróficos  (por tanto, sen marcar quen é o destinatario coa claridade que o caso reclamaba) nos que malia ficar claro (para algúns, só para algúns) que o que se está a facer é responder ao insulto previo e á tosca e mendaz caricatura reiterada de Roberto Blanco Valdés pois resulta que este nome, o do cornetín, non sae por ningures. Non pido que se mente ao dono, Freixanes, pero si polo menos a quen lle coida a porta e o insultou a vostede e aos seus compañeiros aducindo as máis estrafalarias imaxes e as máis falaces  argumentacións que un soñaría escoitar nunca na boca dun publicista demócrata ou simplemente na dun señor cultivado. E engado algo. O que acabo de indicar non me interesa en absoluto como anécdota: o problema é que me interesa como categoría. Iso é, iso está a ser no meu país a categoría! Ou non nos queremos dar conta?

A partida, seino, xógase case sempre fóra da casa. Eu só digo isto: o espazo público, o logro de alcanzarmos algún día en Galiza unha opinión pública libre, digna e politicamente madura só se concretará se chamamos ás cousas polo seu nome, se declaramos sen veos nin danza a quen estamos a responder cos nosos argumentos e se contraatacamos o bombardeo artilleiro que pretende borrarnos do mapa co calibre proporcionado a esa agresión e sen sordina. Se fai falta, desde outra tribuna, pois hai máis (e censuran menos).

[Rúa Tabernas, na Cidade Vella da Coruña. A foto é de xornalcerto e vén de Flickr]

 

Educar a un presidente

8 de Setembro de 2009

 

celanova-casa-dos-poetasAnoto con brevidade uns apuntamentos relacionados cos acontecementos recentes de Celanova:

1) Algunhas persoas e institucións, tras unha longa fase de reflexión, tomaron a decisión de asumir as súas responsabilidades. Magnífico.

2) Algúns membros do séquito do presidente puxeron caras mentres escoitaban as “imprudencias” que Xosé R. Barreiro, presidente da Real Academia Galega, dirixía ao presidente da Xunta. Algunha prensa di que amosaban o seu malestar.

3) Algúns medios silenciaron ou ocultaron o acontecido. Outros operaron coa calculada diplopia empresarial que lles é propia. Outros magnificaron o significado do episodio. Por aquí está o combate.

4) Sobre os actos institucionais caben dúas clases de pactos tácitos. Óptase en ocasións por unha neutralización ritual do discurso (a fin de non dicir nada novo e de que todo fique en harmonización sonora). Óptase outras veces por elaborar un discurso de fundamentación incoativa: “propoñémonos facer tal cousa”. O que resulta claramente inapropiado e abusivo é empregar un acto institucional para agredir verbalmente determinadas conviccións e programas, en particular se se presupoñen abrazados por unha maioría do público presente.

5) A terceira opción foi a de Feijóo desque agarrou o temón do poder. Cunha especificidade: fíxoo en contextos moi definidos, os que teñen a ver coa política cultural e lingüística. De modo que nunha serie de actos institucionais de toma de contacto ou de celebración cívica e simbólica fixou como pauta vertebradora das súas intervencións afear en público certos compromisos, certas traxectorias, certos consensos, certas políticas. Feijóo subiuse a si mesmo, ao seu cargo, para rifar e agredir a quen lle petou, basicamente aos que non pensan como el, que en Galiza somos maioría, por certo.

6) O pasmo paralizante e irresponsábel de moitos en actos como os indicados non fixo senón incrementar a autoestima que en xeral padece de forma tan patolóxica coma irrisoria case todo individuo da especie humana que accede a cotas de poder relevantes (isto increméntase exponencialmente en casos de persoas intelectualmente capitidisminuídas e/ou hiperhormonadas, máis aínda se elas mesmas foran conscientes, nalgunha fase previa de mínima lucidez, da súa mediocridade mental e/ou moral; véxase o caso paradigmático de Aznar).

7) Educar ao príncipe posmoderno é de novo tarefa do pobo. Eu, modestamente,  estaba a consolidar entre os meus achegados a que iamos chamar “Columna Levante”, cuxo operativo principal consistiría en acudir a actos oficiais nos que se anunciase a plática de Feijóo ou do seu mariachi mediático-administrativo sobre materia cultural para, en plan bastante Gandhi, coller e erguer un a un de xeito educado e digno á mínima faltada do presidente, como nunha respectuosa procesión de caladiños, pero sen tambor nacional nin cilicio na virilla. É mágoa que Barreiro, nalgunha medida, fane a iniciativa ao activar —por fin— algo que malia todo o que se diga só as institucións son quen de activar. Ou non a fana e podemos seguir coa Columna Levante imaxinando que o exemplo cunde e que toda Galiza se ergue e se vai do salón?

8 ) Señor*s: Dignidade e forza contra a impostura! Sátira e firmeza contra a institucionalización da mendacidade e a alienación campante! Linguaxe contra o orneo! Érganse e ábranse se os insultan ou insultan ao país! Basta de contemporizar coa mediocridade, a falsificación e a angostura mental! Somos o que somos non por Marta Rivera de la Cruz nin polas levitacións de Farjas nin polas cotizacións empresariais (acolá) do conselleiro de Economía!! 

 

[Barreiro e Feijóo no acto de entrega á RAG do XXV Premio Celanova Casa dos Poetas. Fotografía de El Correo Gallego]

 

Enfeite diferencial

31 de Agosto de 2009

 

bernabeu

A día de hoxe un dos lugares e momentos nos que con maior nitidez se concreta en que consiste España desde o punto de vista dos sentimentos primarios paréceme a min que sexa o Estadio Santiago Bernabeu cando o Real Madrid xoga contra os equipos que, en certo imaxinario sólido e amplamente asentado na capital, representan por unha ou outra razón a anti-España. Hai moitos anos que teño a convicción de que ese público é quen mellor interpreta o significado histórico daquelas nacionalidades (tres?) despois baleiradas de diferenza política que os “pais da Constitución” recoñeceron a finais dos anos 70 entre memoria da lexitimidade republicana, os axustes orzamentarios da conxuntura, os sempre complexos encaixes de fueros / huevos con navarros e vascos, o medo á comparecencia militar nalgún entreacto do que non se sabía aínda se ía ser sainete, entremés, traxedia, comedia burguesa ou happening e as ensoñacións neorrománticas de carrete solto alimentadas daquela e aínda hoxe polos cataláns, por unha maioría importante dos cataláns.

Ignoro que pensará sobre o asunto Bautista Álvarez, madridista tan confeso coma discreto (agás subidón incontrolado, seica), pero algo de estimulante hai no momento, triste e non infrecuentemente inxusto en estritos termos futbolísticos, no que o Real Madrid se adianta con algunha carambola raulina no marcador do Bernabeu contra o meu equipo ou contra outros dous moi concretos se falamos da actual nómina de conxuntos da primeira división. Refírome a Deportivo, Barcelona e Athletic Club, claro. Volveu a ocorrer o pasado sábado durante o partido inaugural da liga 2009-2010, Madrid-Dépor. O fenómeno descríbese así: baixo certas circunstancias ambientais de expectativa histórica, tensión hormonal e cálculo infinitesimal, en canto os de branco cobran vantaxe no marcador abrocha en miles de gorxas (pero en moitos miles de gorxas) o cántico que un afastado serán de 1973 percorreu por vez primeira as meninxes ubérrimas de Manolo Escobar & Bros. Si, xusto; ese Y Viva España que todos sabemos de cor tras tanto chute en vea por chiringuitos e festas populares.

Tan reiterado como esta pulsión antropolóxica do estadio de Chamartín (máis vibrante canto máis medo previo pasou o madridismo no partido ou no que agora os necios chaman a previa) é o silencio asociado e case sempre cómplice dos locutores da radio e a televisión públicas (dos privados xa nin falo) encargados da información, o cal conduce a pensar que existan indicacións claras da superioridade sobre a inconveniencia de subliñar ese feito, ese enfeite diferencial co que por pasiva agasalla Madrid, rompeolas machadiano de las Españas, ás “nacións periféricas” do Estado. Porque é claro que o que fan os mexanacamas que pretenden saber de tácticas e que en realidade se limitan a machacarnos con patolóxicos orneos, insensatez cúbica e infantil fachenda expostfactista (do tipo “isto xa o dicía eu no minuto 3 e tal e cal...”) é, no fundamental, interviren como coro da excelencia atribuída aos protagonistas (deportivos, financeiros, mediáticos) de branco. Malia estar afeito un tras tantos anos a esas e a outras regras do xogo non deixa de causar enorme vergonza allea comprobar ano tras ano que nós, os branquiazuis, somos como moito figurantes, ou peor: tenros e dóciles años para a Gran Festa do Sacrificio Merengue. Pero non era dese descaro nin desas feblezas do que hoxe ía falar, certamente.

O que pediría aos meus lectores e lectoras é que colaboren a aclarar que pasa aquí partindo dos seguintes faits accomplis:

1. Ese cántico, o da canción de Escobar, resérvase rigorosamente no Bernabeu para as conxuncións astrais nas que o Madrid se adianta no marcador sobre equipos vascos, galegos ou cataláns (coa excepción do Español). Non se entoa o YVE contra Racing, Sevilla, Getafe ou Valladolid (creo que tampouco tanto contra Osasuna, pero agardarei por carminha-burana-berto-2004información suplementaria). Así, pois, na mellor tradición Hippolyte Taine: raza +  momento + medio + xionllazo do 7 caído no chan = clímax emerxente en forma épico-lírica. Por suposto, estase a falar aquí unicamente do cántico desde as bancadas, pois é certo que o tema de Escobar se pincha por megafonía antes de dar comezo o partido e ás veces tamén no descanso (ignoro se sempre ou se se trata dunha deferencia exclusiva para determinados contrincantes), incluídos neste caso os encontros da selección española. Un inciso: é para este cronista un arcano o regusto do DJ que goberne esas decisións, pois concatena as veces a copla do almeriense con Carl Orff e  con quen faga falta. Aínda que, agora que o penso, pode que o de Orff fose o outro día unha piscadela patriota aos da AVA (Avícola Católica e Azul), sector histórico.

2. O vigor na interpretación de Chamartín gaña en decibelios e bemol duodenal dependendo dunha serie de algoritmos que aínda non son quen de especificar nos que se entremisturan parámetros como a actualidade deportiva, a actualidade política, a situación económica, a posición na táboa clasificatoria, a retentiva renal de cada siareiro, a diferenza conxuntural no marcador (a máis diferenza de goles a favor do Madrid, pero con certo límite, máis gorxas cantando a peza) e o momento estacional.

3. O estro lírico de Escobar aspirou no seu día a integrar en Y Viva España a diferenza rexional con mención explícita (e exclusiva, por certo) de certas marcas identitarias catalás: a sardana e a Costa Brava, nada menos; todo pasado convenientemente polo pasapuré nacional en combinación con estoutros figuremas de neutralización: a Costa do Sol, o fandango, a hidalguía patria e a corrida (de touros).

4. Que clase de historia efectual (Gadamer) conduciu ás masas merengues a esgrimir o himno de Escobar contra a periferia afastándose así do pulo orixinal panhispánico integrador do xenio de El Ejido? Eh? Acaso o feito de non teren alí, na meseta, unha Rianxeira ou cousa similar? Acaso o ritmo inapropiado do chotis? Pero non hai tamén nesa decisión, en medio dela, unha rara contradición consistente en definitiva en recoñecer ao outro como outro nacional? Como diría García-Sabell, cómpre aprofundar.

 

[Arriba, o Bernabeu nun Madrid – Sporting Ciudad. Abaixo, carátula de Berto (2004) en Aduaneiros sem Fronteiras]

 

“Chapuzas gallegas”

17 de Agosto de 2009

 

samos-foto-de-xavier-lombardero

A peculiar fruición coa que La Voz de Galicia rotula o espazo informativo “Chapuzas gallegas” desde hai uns anos podería ser un dos motivos secundarios polos que, como empresa xornalística, recibe subvencións que superan o millón de euros anuais nas sucesivas resolucións dunha convocatoria da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia destinada ao enaltecemento patrio ou cousa semellante. O caso é que o artigo 2º da resolución pola que se convocan esas axudas, segundo se le no Diario Oficial de Galicia do 2 de decembro de 2008 baixo o epígrafe “Actuacións subvencionables”, recolle textualmente o seguinte:

 

1. Poderán solicitar as axudas obxecto desta resolución as empresas que publiquen, ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego.

2. As empresas xornalísticas e de radiodifusión que se acollan ás axudas reguladas nesta resolución comprometeranse a: respectar, nas informacións redactadas en castelán, a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, cando menos na relación xornalística cos representantes cidadáns e cargos de responsabilidade pública. A oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada.

 

 

A redacción da convocatoria non esixe demasiado, a que non? Con todo, talvez non incorramos no que Umberto Eco chamaría sobreinterpretación de concluírmos que con esa mornísima prosa oficial autoexcluiríanse da posibilidade de recibir cartos para a promoción da lingua galega só os medios dedicados frontalmente e sen tapuxos ao vituperio dese obxecto de promoción: a lingua, a cultura e a identidade galegas.

Desde logo, a sección “Chapuzas gallegas” de LVG —curiosamente iniciada cun jacuzzi na ligazón arriba marcada— non semella moi orientada ao sentido que a Secretaría de Medios di querer promover. Excepción ou categoría este detalle que se apunta? Categoría, xaora! Iso sabémolo todos: os promotores do decreto, as empresas subvencionadas ano tras ano (sen maiores flutuacións segundo pode comprobarse nas asignacións de 2008 comparadas coas actuais de 2009) e nós. Sabémolo todos agás os fiscais, os xuíces, os defensores do pobo e os grupos parlamentarios que non tiran dos fíos do estado de prevaricación no que nos fomos afacendo a vivir. Todo iso que noutra altura histórica se chamou indecencia.

La Voz de Galicia e a inmensa maioría dos outros medios subvencionados por “alentar a defensa da identidade de Galicia” cumpren coa súa misión histórica. E o Goberno paga relixiosamente ese esforzo seu. Cos nosos impostos, naturalmente. Tamén cos teus, lectora, lector. Claro, esa cifra é moi menor en termos relativos. En realidade, os medios reciben moitísimo máis por outras vías, non sempre públicas. Quen ignora isto? Un millón de euros por ano non é nada. Supón pouco máis que dous Audis de Touriño, por así dicilo. Pouco máis que oito Audis de Touriño nunha lexislatura. Cartos para promover o galego e a nosa identidade… Como nas “Chapuzas gallegas”. Suxiro que a foto inmediata que LVG saque nesa sección sexa a da páxina 13.548 do DOG deste ano, esa táboa coa asignación última recibida por eles, tan parangonábel por certo aos bidés e retretes reconvertidos a testo floral (textos, testos, que máis ten…) de calquera locus amoenus rural.

Porque iso si, as chapuzas que saca este xornal a través do cal podemos entender o que efectivamente somos apuntan sempre cara a un feísmo específico, un feísmo de clase. Non urbano, non de recualificación de solos, non de finanzas, non de Vuitton servido en palangana aurífera, non de moqueta. Non. Aquí, nas páxinas do xornal coruñés, o que mola é o cutre. Polo que devecen estes xornalistas nados en Teixeiro, A Laracha, Arzúa ou a Agra do Orzán é polo cutre a escala menor (só a escala moi menor e sempre cun punto de alienación e falsa conciencia). Revísese a serie. Considérese, asemade, a autoría popular desas fotos, a mirada que as alecciona, a educación cívica e estética recibida con esa mirada, a que mece a conciencia de noso desde as páxinas do xornal de referencia no país.

Aprovéitese logo —non evado o outro problema, en todo caso secundario para min— e estabelézase unha consideración antropolóxica (e ecolóxica) sobre o sentido último  das pezas sanitarias reutilizadas como elemento de ornato en hortas e xardíns privados, non necesariamente no sector máis recóndito dos mesmos, o cal resulta tamén significativo. Por que camiño se chegou aí? Por que camiño histórico demos niso? É diferente ese vieiro ao que habilita as vellas potas do caldo para fins análogos? Hai un punto de simple agradecemento polos servizos prestados?, hai un non querer destruír e esquecer senón simplemente xubilar aquilo do que tan preto nos sentimos durante tempo e tempo por vía dixestiva ou epitelial? Hai un factor de xénero nesas decisións? Son os homes ou son as mulleres quen chantan retretes floridos a carón do pozo?

E, xa postos, considérese a chave comparada do asunto. Somos nós os únicos entre os indoeuropeos que o facemos? Esas chapuzas gallegas de LVG son só galegas? Que clase de reminiscencia etno-estética hai detrás? Figurará no Catálogo Aarne de constantes folk? Por que LVG suscita esta exploración xeocultural de xeito tan apaixonado? Sabe algo que nós non saibamos? Que se investigue todo isto, por favor! Que se investigue a fondo. E a propósito de pescudas, nestoutra resolución en DOG do Goberno galego (do anterior, non do monopartito senón do bipartito) poden verse os cartos asignados á investigación básica nas tres universidades galegas, co reparto cuatrienal decidido. Vexan, calculen cantos proxectos de investigación en química orgánica, edafoloxía, inmigración, osteoporose ou acuicultura se poderían soster co millón de euros anuais que LVG recibe por promocionar o galego (a catro anos, 80 proxectos cunha asignación similar á recibida, por exemplo, polo titulado Síntesis de derivados deuterados de la Vitamina D de interés biomédico, que levou segundo o DOG mencionado 50.312€ para o cuatrienio 2008-2011; ou 135 proxectos do tipo do titulado Algoritmos genéticos en problemas de satisfactibilidad: estudio formal y aplicación a answer set programming, que levou un montante de 29.555€ para o mesmo período). Señores, basta xa de imposicións.

 

[Fotografía de Xavier Lombardero tomada na parte de Samos e incorporada á serie “Chapuzas Gallegas” de LVG]

  

 

Tarrío: relectura dun mito

24 de Xullo de 2009

 

medulio02

Este mércores 22 Anxo Tarrío publicou na súa colaboración semanal en Galicia Hoxe unha lúcida e contundente consideración co título “Aló, Presidente!!! Aló” na que, contra o que o primeiro efecto podería suxerir, nada se fala de Chávez nin de salutacións á audiencia. Fálase dun aló adverbial, máis de tempo que de espazo. Ese aló redutor que regresa na mentalidade de quen, como Núñez Feijóo, xoga coas cartas marcadas e trata de promover con vantaxismo político na opinión pública unha nova declinación, perversa, da palabra liberdade. Tarrío fixo ademais algunhas consideracións xenerosas sobre o falado neste blog, pero o relevante é a súa análise da conceptualización que o presidente e os xornalistas fundamentaron, implícita ou explicitamente, da nada inocente voz espetar e dese mitema falazmente reconducido a suposta autoimaxe (local e universal, por iso é un mitema) que nomeamos Medulio. A Galiza soñada polos que cren nela, na súa existencia diferenciada, reducida a Medulio: a claustro detido nun recanto melancólico da historia. Mitema, digo, alén da verdade histórica que a lenda incorpore, algo que non se cuestiona agora. Mitema, o do Medulio, para o que o confuso e insubstancial Feijóo localizou un contrapeso noutro mitema doado de banalizar, o do cosmopolitismo. Escóitese xa o dito por Anxo Tarrío:  

Xa no seu día me chamara a atención o titular con que Galicia Hoxe saía en portada o día dez deste mes sobre a citada intervención que a véspera fixera o Presidente da Xunta de Galicia nun acto tan sinalado como o da conmemoración do 25º aniversario da creación do Consello da Cultura Galega (CCG). Alí pode lerse: “Feijóo espeta diante do CCG que Galicia non está no monte Medulio”. Hai neste magnífico titular dúas palabras nas que non sei se o lector do xornal reparou pero que resumen á perfección a estrutura discursiva de fondo sobre a que está elaborado o texto que prepararon os colaboradores do señor Presidente. Por unha banda, está a forma verbal en presente histórico (nunca tan negativamente oportuno): espeta, do verbo espetar, que en todas as súas acepcións ten os mesmos significados tanto en galego coma en castelán, pero que neste contexto vale por “Dicir ou facer algo dun xeito brusco ou violento; chantar” (Gran Diccionario Xerais da Lingua). A cortesía impediu que os redactores do titular non fixesen do CCG complemento indirecto da oración, cousa doada de perpetrar variándolle levemente algunhas cousas, como introducir nela o pronome enclítico “lle” (non proclítico, Presidente), despois do verbo principal, e pouco máis. E foi oportuna esta redacción porque Núñez Feijóo fíxo de todos os galegos os destinatarios do aviso que, efectivamente, nos espetou en primeira instancia diante CCG, que é unha das sinécdoques representativas do ser total do noso País. E ese aviso, que constitúe de seu, á parte dun insulto á intelixencia, unha obviedade xa ben superada hai moito tempo, non é outro que o que reza o complemento directo: “Galicia non está no monte Medulio”. E velaí a outra palabra (mítica) que eu quería salientar: Medulio. Unha palabra que, na intención de quen lle elaborou o discurso ao Presidente e, xa que logo, do Presidente mesmo, vale tanto como dicir “durmida”, “aló no pasado remoto”, “resistencia aos cambios”, “anacronismo”, “fóra de actualidade”, “pechazón autista”, en definitiva, todo aquilo que o PP dá por sentado que nos define, incluído moi especialmente o empeño en non querermos desaparecer como Nación diluídos nun concepto trangalleiro, aqueloutrado e doente do Estado Español nin renunciar á nosa lingua a favor do castelán.

[Formigueiros, no Caurel. Tomado dunha páxina web de Orlando Álvarez]

Cunqueiro: libros que non foron

23 de Xullo de 2009

 

 cunqueiro-ca-19503

O máis estimulante de abrir botica é a trastenda. Despois da anotación do outro día sobre a conferencia inédita de Álvaro Cunqueiro en Ourense chegáronme por vía privada algunhas mensaxes curiosas, incluída unha de alguén que eu non sabía que vivía. Podo dicilo abertamente, isto último; que ninguén me atribúa inconveniencias nin descortesía. Ela mesma, a dama da que falo, pediu con sentido do humor que o comentase, aínda que sen dúbida escusará se le as liñas de hoxe que non supere este límite. Unha das mensaxes sobre aquel Cunqueiro de 1933 escribiuma Ramón Nicolás, quen, coa xentil elegancia que nel todos recoñecemos, menciona unha publicación recente en Madrygal, a revista que edita desde 1998 a Universidade Complutense. O caso é que no último número desta publicación dirixida por Carmen Mejía, o amigo Nicolás informou sobre un suplemento que La Región botou a andar naquel mesmo ano da conferencia no Liceo sobre Colmeiro. Un suplemento que o xornal puxera nas mans de Manuel Luís Acuña e de Ramos Colemán. Interesoume moito no artigo de Madrygal unha especie de autoentrevista de Cunqueiro na que fai mención de proxectos seus daquel momento tan complicado na historia do país e menciona unha serie de libros que puido escribir, que pensaba escribir, e non escribiu; asunto este por certo moi propicio a unha liña de pesquisa que nos últimos tempos cobrou enorme actualidade na crítica e do que recentemente tivemos mostra nunha reportaxe xornalística de Daniel Salgado. Reproduzo só unhas liñas do Cunqueiro autointerpelado e chamo a atención sobre os valores que el propio deita sobre a obra que daquela acumulaba e mais sobre os proxectos que reclamaban con forza a súa atención creadora:

 

 

1933 chegou con certa lediza. Livros de Iglesia Alvariño, Bouza Brey. Un livro meu, de 1931-32: Poemas do sí e non. Outro livro meu escrevido en dez días composteláns: Cantiga nova que se chama Riveira. A miña maior obra: Papel de Color. Matino dar outro livro iste ano: Tres herexes simpres e incompretos. Ao millor: Ensaios de arte e literatura aitual.  Fago poesía. Os tantas veces intentados poemas en prosa do Caderno de un Mapa iñocente. Logo Adolescenza en inverno, na mesma liña de Mar ao Norde. Intento, por terceira vegada xa, teatro e novela. Teatro sobre todo. Non sei até que ponto o lograrei. Matino un caderno anónimo deshomanizado, un boletín literario i-artísteco “comercial”, unha gran serie dos Papel de color. Non sei que farei de todo isto. Perdín o senso: do posível i-o imposível. En chegando a un certo ponto tanto da pra riba coma pra baixo. Creo que 1933-34 serán dous bos anos pras letras galegas, a pesares da políteca e do chicolate canónigo das seis. Tamén creo que teño sono e non sei que cousa seña o estar calado.

 

[Fotografía de Cunqueiro contra 1950. Na man esquerda a plaquette autoeditada baixo o selo Edizós do pescador de cana, con tradución dalgúns dos poemas de Hölderlin]

 

 

 

Como comunicar?

22 de Xullo de 2009

 

dsc00208

 

A propósito de certas formas de intervención na esfera pública, un meu compañeiro seguidor das prosas que aquí se acumulan comentaba este día comigo que o problema é sempre localizar unha linguaxe e unha zona común de argumentación que habiliten non xa un consenso de análise senón, antes ca iso, o feito mesmo de fundar a posibilidade de comunicármonos con algunha posibilidade de éxito non limitada ao cenáculo inmediato da xente próxima nas esferas ideolóxica ou afectiva.

É posíbel que moito do que se di aquí e acolá respecto dos problemas importantes e dos non tan importantes quede reducido, en efecto, a desafogo emocional ou intelectual, inatendido en definitiva polas maiorías e tamén polas minorías ás que pensamos que de entrada nos diriximos. Voltamos así ao complexo asunto da eficacia da acción política e do debate no espazo público. Voltamos mesmo ao asunto da incidencia social e política da blogosfera.

Para min, e aquí coincido coa análise do colega e amigo, esa é a cerna de todo o que hai por diante. Será que un exceso de elitismo, unha sobredose de brillantez, un esteticismo político… creban calquera posibilidade de conexión con quen decide? Será que no que Debord comezou a definir hai moito tempo como sociedade do espectáculo importa máis un zapato que voa que cen argumentos ben articulados pero raseados? Sen dúbida, hai moito disto. Os populismos de dereita e de esquerda atoparon resposta e lograron canalizar vontades. Hai que reflexionar sobre o modo no que as mensaxes se constrúen e chegan onde está previsto que cheguen, onde se quere que cheguen. Obviamente, hai un aspecto crucial neste asunto: vén dado pola simple idea de rede. Aí está a potencialidade inmensa que aínda non soubemos calibrar. Pero cada día mudan as coordenadas.

E mudan a favor. O simple feito da desafección do público novo polo que significan os medios de comunicación tradicionais, en particular a TV, é de extraordinaria relevancia. Arume dos Piñeiros falaba hai pouco das súas reflexións mentres contemplaba o tratamento dado nun telexornal a unha violación en grupo, falaba diso e por suposto de moito máis: a distancia que se abre entre información e telespectadores por causa da manipulación indisimulada e dun exceso de cesións socioculturais en mente de todos. Así é: unha experiencia común. Cada día máis.

Eu mesmo teño dito aquí que a forza de moitos xornais galegos de implantación digamos non estritamente local (non falemos xa dos xornais de vocación só local) é debida a que prestan algúns servizos demandados por sectores poboacionais decisivos e que ninguén máis ca eles presta. Ás veces —na ducha, conducindo…—, ocórreseme matinar que na perspectiva de poñer límite á hexemonía de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e outras cabeceiras poderosas do país, talvez exista unha posibilidade máis eficaz que a de crear medios alternativos. Imaxinen un gratuíto de distribución diaria, con forte implantación urbana, vilega e rural,  limitado só ás esquelas. Imaxinen que iso se puidese lograr. Imaxinen a incidencia no mercado dos medios tradicionais que adoutrinan e gobernan. Imaxino, imaxinen, un gratuíto só de esquelas. Nesta imaxinación está tamén o retrato do país, ou polo menos de cómo un le o país.

 

[A foto remitiuma en 2002 un dos meus curmáns montevideanos, Julio Rey. Fíxoa nalgún lugar de México, onde traballou varios anos. Ignóroo todo sobre que sexa ese organismo que promove a campaña de aforro de auga no plano doméstico, ese/a CAPAT]

300? Só 300?

9 de Xullo de 2009

 

caravaggio4

300 anotacións con esta, seica. Había que celebralo con algo experimental, non? Así que a decisión foi por Caravaggio. El e a súa discípula Artemisia Gentileschi son dos poucos que pintan Iudit en plena faena. Outros preferiron retratala co traballo feito, mesmo con Holofernes atopado ao día seguinte polos seus servidores, descabezado; ou coa fermosa viúva abandonando o lugar do crime en medio da noite, levando na man sen excesiva prudencia a cabeza do xeneral asirio. Pero esta imaxe de Caravaggio que aparece arriba está en xerundio. E ese é xustamente o tempo político no que agora andamos. Cortando cabezas e tal! Nos medios públicos, por exemplo.

Alén diso, hai que morrer con dignidade. Sobre isto non imos facer cuestión. Pero convén lembrar aquilo do tipo dos lentes. Como era? Sangue? Cadavres? Ah, si! Non tiran ao lixo brazos de panadeiros inmigrantes… Non, non, non era así, que iso é alí pola parte de Levante. Semente? Doazón de que? Non lembro, síntoo. Ah, si! Enterran semente! Están a enterrar semente! Coitados…

 

[Caravaggio, Giuditte e Oloferne (et al., digo eu), 1599]

 

Cortadoría

6 de Xullo de 2009

 

corta

Hai algo de patafísico, creo que non aínda plenamente de oulípico, na concepción da política por parte da nova administración galega. Algo que se asemella ás holorrimas: construcións seriais que soan igual ou case igual pero que din cousas diferentes, bastante diferentes!, totalmente diferentes!! Holorrimaren caetanamente: silabeo e fraseo detrás de todo, sport, moi sport e ponible, como xa en Alphonse Allais. A vella arte cisoria medieval. Cortar sílabas, entrecortar dediños ou mans á talibana, tallar ou reducir cabezas á moda xíbara pero cun punto de anestesia, aos poucos e sempre cun sorriso no morro. Hoxe caes ti, mañá esoutro nacho, a semana que vén tal programa, así até a capitulación final deles, desmembrados, escorrentados. E é que non hai cartos porque os bífidos activos espirriados liquidaron os orzamentos en tres meses. Repitan comigo: “li-ber-da-de”. E todo ecoa nos corredores do poder caetano: “bi-ver-da-de”. A biverdade! A biverdade bilingüe e bimembre. Ostitú! Eis a aletheia da hora nosa, mon dieu!! Como xa no cristal de Campoamor? Equilicuá, pero máis alá, máis alá, coleguiña!

Ilenia Ducombe, agora traballando en Wuppertal, no sushi-bar do Institut für Klima, remite dúas holorrimas de seu, non moi doadas de traducir ao galego, tamén é verdade. A primeira en tres movementos (explora-torio, minxi-torio, limina-torio). A segunda en só dous movementos (inspira-torio, expira-torio). Mentres a primeira composición foi lida pola hermenéutica sushi como impromptu relativo ao feito biográfico de Ilenia ser belga de orixe (e padecer en consecuencia continuas deslocalizacións laborais e identitarias), a segunda apuntaría con claridade a unha retrospectiva ludo-vitalista do turismo sexual feminino na idade madura tirando a senil, feita aquela baixo prisma decúbito supino (agosto e mar Caribe na memoire), o que xustificaría tanto a metaforización da aparataxe muscular que sobrevén ao suxeito lírico (a caniza invocada) como o punto climático terminal (interxectivo pero pos-tónico, sen perda da compostura antes mencionada). Reprodúcense xa:

  

I

 

Adú Ana?

Adúa na

aduana.

 

II

 

A idade mecaniza a doca?

Ai, dádeme caniza ad hoc [aaah!]

 

  

   

A opinión pública e o voto

22 de Xuño de 2009

 

tourino-audi-360Segundo pode verse nun post moi lúcido e clarificador de Calidonia, o Centro de Investigaciones Sociológicas vén de facer público o informe correlativo a unha enquisa feita en Galiza tras as eleccións do 1 de marzo. As datas exactas da consulta foron do 7 ao 31 dese mes de marzo. Todos os datos son relevantes e non creo que eu poida engadir nada ao anotado por Calidonia. Acaso só algún subliñado reiterativo: a diferenza de votos para a consecución do escano decisivo foi moi escasa e a batalla decidiuse nos últimos días da campaña en zonas urbanas moi específicas, xusto aquelas nas que o dominio e control da opinión pública por parte de La Voz de Galicia son absolutos. Este medio facía ostentación hai uns días desa influencia á hora de orientar o voto: un 45,6% da poboación galega prefire ese xornal para informarse segundo os datos do CIS. Os efectos da manipulación co asunto do Audi e co asunto do iate estaban ben calculados. O mesmo que o xogo dos tempos e a propia coordinación, en días consecutivos, entre a manifestación en Compostela de Galicia Bilingüe e o manifesto “Yo protesto” do editor Rey Fernández-Latorre.

Se neste blog se fai tanto fincapé nesta zona do problema político que temos enriba é por algo. Alén das percepcións persoais e das distancias éticas, insisto, é por algo. E resulta evidente que o problema nunca se solucionará se non se logra reducir como mínimo nun terzo a influencia sociocultural e política deste xornal, a súa pegada, o cal non é tarefa doada se se consideran os intereses económicos e doutro tipo que ten detrás como sustento da súa hexemonía. Un complemento ilustrativo: segundo a enquisa do CIS, o medio que segue en influencia a La Voz de Galicia sería Faro de Vigo, pero a enorme distancia, pois a porcentaxe de seguimento resulta ser neste caso de só o 16,8%, pouco máis dun terzo que a correspondente a LVG. Este dato e os complementarios, referidos a outros medios, quedan reflectidos no informe mencionado (que pode descargase aquí) do xeito que se amosa máis abaixo. Podería pensarse, e é certo, que as distancias ideolóxicas entre os medios relacionados nesta nómina son a miúdo escasas ou incluso nulas. A cuestión, aquí e en calquera outro lugar que se desexe considerar, radica como é evidente na conversión da opinión pública nun xoguete en mans de quen exerce o poder. Iso é o que permite construír a realidade. Iso é o determina tamén a percepción dos dereitos individuais e colectivos. Eis o detalle dos datos referidos á pregunta 13 da enquisa do CIS:

  

Pregunta 13ª

 

¿Y qué periódico prefiere Ud. para informarse? (Respuesta espontánea)

 

  

El País 8.6

El Mundo 2.4

ABC .6

La Razón .2

Público .4

El Correo 1.1

La Voz de Galicia 45.6

El Ideal Gallego .9

La Opinión .7

Xornal de Galicia .5

El Correo Gallego 3.5

Diario de Bergantiños .1

Diario de Pontevedra 1.8

Faro de Vigo 16.8

Atlántico .1

Diario de Arousa .1

El Progreso 4.7

La Región 5.2

Periódicos digitales .1

Periódicos económicos .1

Periódicos gratuitos 1.5

Todos .6        

Otras respuestas 1.3

N.S. .1

N.C. 3.0

 

(N) (1770)

 

  

 [Na fotografía, Touriño saíndo do célebre Audi, non sei se recordan]

  

Vidas minadas

13 de Xuño de 2009

gervasio-sanchez-vidas-minadas1

Recibo de Xesús González Gómez, por correo electrónico, o recordatorio do discurso de Gervasio Sánchez o pasado día 7 de maio en Madrid con motivo da recepción do Premio Ortega y Gasset de Fotografía. O proxecto Vidas Minadas asóciase a unha exposición itinerante e á edición dun volume coas fotografías que Gervasio Sánchez tomou dos desastres causados polas minas antipersoa e da recondución das vidas por parte das vítimas que lograron sobrevivir. Recóllese neste lugar unha presentación co discurso do xornalista premiado, que polos seus contidos non foi ben recibido polas autoridades presentes no acto nin tampouco suficientemente dado a coñecer despois polos medios de comunicación. A foto que se reproduce arriba foi a premiada. Nela vese a Sofia Elface Fumo coa súa filla Alia.

Sofia foi unha das vítimas das minas antipersoa, arma esta que España produciu e exportou no pasado. Segundo lembrou o fotógrafo o 7 de maio perante as autoridades e o público, esa situación concreta non persiste a día de hoxe, pero agora mesmo o goberno de Rodríguez Zapatero segue permitindo a exportación a gran escala doutras armas de efectos semellantes ás minas antipersoa. Entre estas, as minas de acio.

A democracia e a intervención do poder

21 de Maio de 2009

 No número 143 da revista Tempos Novos (abril 2009, pp. 30-35) apareceu unha entrevista que me fixo Belén Puñal e que ilustraron as fotografías de Tamara de la Fuente. O marco foi o dosier que a revista titulou “1-M. Estratexias políticas e mediáticas”. Agora a entrevista publícase tamén en formato dixital (TemposDixital).

tourino-e-rey-bn1A conversa foi longa e pausada. Arredor dunha hora. Talvez algúns aspectos tiven ocasión de analizalos e desenvolvelos un pouco máis polo miúdo do que aparece no texto da entrevista, pero no básico iso que se recolle é o que dixen e é tamén o que penso. O meu criterio non variou en ningún dos aspectos tratados, aínda que é certo que desde o 27 de marzo, día no que mantivemos o encontro, foron numerosas as incidencias rexistradas na política galega e no seo dos tres partidos representados no Parlamento. Como tamén na esfera estatal, coa crise de goberno que supuxo, entre outros asuntos sen tanta confluencia co tratado na entrevista, o acceso de José Blanco ao Ministerio de Fomento.

Reproduzo de seguido o texto tomado de TemposDixital:

Que significado ten para vostede o 1-M?

Aínda non hai consciencia do que significa isto. No que se refire ao proxecto nacional, o feito de que o estatuto quede aparcado ou pase a ser unha cuestión secundaria na axenda paréceme dunha gravidade extrema. Coido que os medios, especialmente os máis implicados co mundo económico, financeiro, industrial, eólico,… aprenderon moitísimo desta experiencia. Fixeron un cursiño moi acelerado, e para eles moi produtivo, sobre como manexar a opinión pública. E a opinión pública galega é moi manexábel por feblezas emocionais.

Estas eleccións situáronnos ante un mapa do voto inédito no país. Se falamos de Galicia como realidade, en que estadio coida que estamos?

É un momento moi determinado pola situación económica internacional, de expectativa, de indefinición industrial, cunha cantidade de postos de traballo no aire extraordinaria. No terreo político, Galicia unha vez máis opta pola subsidiariedade, pola subordinación. Polo que Fraga chamaría “facerlle un servizo a España”. Por non ter axenda propia. E iso é nefasto.

Aínda non está Galicia madura para un proxecto propio?

Non me convence esa expresión. A cuestión non é esa, senón de liberdades. Admitimos e fomentamos unha hipoteca das liberdades públicas, e o Goberno bipartito non fixo nada para cambiar a situación. Estamos permanentemente condicionados a que opinen por nós os medios e as empresas, a que non exista unha boa articulación da opinión pública, a que non haxa debate público, a que se criminalicen determinadas posicións políticas. Blanco Valdés está permanentemente identificando independentismo e terrorismo, e paréceme inadmisíbel. O bipartito fixo bastante ben a xestión, pero a min non me chegou un discurso político no sentido nobre que ten a política de construír realidades e discurso. Descreo de que iso se deba a unha falta de conexión entre dúas sensibilidades políticas. Están afastados nos discursos públicos, pero non tanto no resto de cuestións, e nese sentido falta política.

E se falamos de Galicia como proxecto, cara a onde debemos ir?

Hai unha palabra básica, que define os momentos fundamentais da historia de Galicia. É “dignidade”. Nas eleccións, houbo unha renuncia clara á dignidade, no sentido de saber dar resposta aos infundios, á irrupción do poder con maiúsculas, de deixarse enganar por cantos de sereas de ínfimo nivel. Da mesma maneira que o Prestige serviu para reactivar as vitaminas de moita xente, agora hai un movemento en marcha coma reacción á manipulación política que debería tamén render resultados, non só electorais, senón tamén sociais e culturais. Galicia ten que recuperar a dignidade cultural e política, e iso só se fai falando en pé de igualdade co poder.

Cales son as dificultades, internas e externas, para un proxecto baseado na liberdade e na dignidade?

Autoconvencernos da nosa identidade nacional e establecer cal sería o noso papel no escenario histórico que se abre para o Estado español. Se goberna o partido que goberna, a nosa aproximación tenderá a ser ao modelo Murcia. Se gobernan as alternativas, e se nos convencemos de que a única alternativa ao goberno pasa por un bo entendemento e unha boa xestión da colaboración a partir dos concellos e deputacións e do que se teña, a partir de aí eu creo que haberá que decidir entre o modelo Murcia e o modelo Cataluña.

Por que o discurso de Galicia Bilingüe arramplou con todo o que se consideraba politicamente correcto dende hai vinte anos?

Por unha banda, ter dotado a Galicia Bilingüe dun estatuto de interlocución no debate público retroalimentou as súas forzas, e iso é algo ao que todos contribuímos nalgunha medida. E por outra, teño a impresión de que Galicia Bilingüe talvez non tiña unha programación tan exacta do que ía acontecer no futuro, canto aos seus propios contactos e pactos, como o que finalmente o propio proceso activou. Creo que algunhas persoas tiñan bastante calculados os movementos, e Galicia Bilingüe foi un peón relevante nese proceso. As últimas semanas, que corresponden á campaña electoral, estiveron moi pautadas por unha serie de movementos mediáticos. E iso só se resolve ben, coa precisión coa que se fixo, se hai técnicos e cálculos demoscópicos moi finos detrás.

Movementos pautados mesmo até na propia xornada de reflexión…

Absolutamente. E isto é algo que non se debe esquecer. De feito, estamos vendo que nestas últimas semanas a actuación de Touriño responde a unha especie de toma de terra. Parece que todo o seu carácter, que nunca antes saíra, o sacou despois das eleccións. Isto obedece tamén a outros condicionantes, basicamente á soberbia política e a unha certeza de que as cousas estaban consolidadas, cando obviamente non o estaban. O reparto da dereita e da chamada esquerda, no país, está moi equilibrado. Hai que ser moi conscientes de que os últimos días son moi importantes, non tanto polo que digan os políticos –é un discurso ao que non se lle presta maior atención pública–, como polos movementos mediáticos.

Coida que iso de que a prensa é o cuarto poder quizais nunca quedou tan claro en Galicia como agora?

Claro. Por falar de La Voz de Galicia, a prima donna deste concerto, todos temos máis ou menos na memoria momentos anteriores da súa traxectoria. Todos sabemos que puido representar a dirección de Pillado no seu momento ou a toma de posición con Augusto Assía en relación cos pactos do mundo sindical. Moito máis fresco temos o primeiro momento en relación co Prestige e todos tamén, a pouco que nos fixemos, temos capacidade de análise para saber cales son as circunstancias e os operativos que fan variar a suposta posición editorial de La Voz de Galicia.

Cales son para vostede esas circunstancias?

O reparto eólico foi o factor fundamental, a aspiración a que se reformule ese reparto, e a que determinadas opcións non recibisen a súa parte da torta. Pero hai outro factor, a aparición en escena do partido de Rosa Díez, de Unión Progreso y Democracia (UPyD). Non son analista para determinar a que condicionantes corresponde esa extraordinaria emerxencia dunha forza política que chega a alcanzar os 25.000 votantes practicamente sen traballar nin coñecer o terreo, a través da fulguración mediática de Savater ou Díez. Estou convencido de que ten apoios importantes no mundo empresarial e político galego, se cadra como factor de recambio. O meu razoamento é que algunhas figuras da política galega coma Francisco Vázquez non son alleas a ese movemento de fichas.

Falaba no seu blog do entrismo, como esa actitude de certos conformadores de opinión, en aparencia de esquerda ou centro esquerda, que á hora da verdade acaban servindo estratexias conservadoras…

Iso foi unha broma da linguaxe trosquista.

Por que ese pudor a manifestarse abertamente nunha liña explicitamente conservadora, tanto de La Voz como doutros medios e sectores intelectuais?

La Voz de Galicia é no país o xornal único para moita xente que non necesita facer un esforzo de matización dentro do abano político. Ademais non ten competidores no outro lado do campo, e polo tanto aspiran a que sexa un xornal que lea todo o mundo, e aparentemente neutro. Tamén é o xornal das esquelas a día de hoxe. É un medio que a xente, sobre todo certos lectores, manexa apenas para a información local directa, ou pouco máis. Como proxecto histórico perdeu o rumbo. Alén diso, o seu nivel de autoesixencia profesional está en mínimos.

Pero tamén hai certos intelectuais que están nesa liña. ac1

O que nos xogabamos estas eleccións era moitísimo e nese sentido eu non podo entender que haxa colaboradores simplemente galeguistas –non vou dicir nacionalistas–, ou que se sitúan na esquerda, que nunca digan nada en relación coas posicións públicas de carácter político que toma o medio no que eles están intervindo. Paréceme un acto de covardía.

Entrando en responsabilidades concretas, cales son as de Touriño e Quintana?

Absolutas. Aí non hai matices, son os responsábeis do que pasou e cargarán toda a vida cunha responsabilidade política por este erro colosal que cometeron. Porque ademais toda a súa estratexia, todo o pacto de goberno e todo o que se tivo que aguantar desde posicións máis ou menos de esquerdas, foi sobre a base de que este era o inicio, e polo tanto, tiña que facerse ao ralentí. Ese ralentí levou a que o camiño que se quería andar fose moito menor do previsto, e a partir de aí, foi un fracaso colosal, de cálculo, ritmos, discursos…, que está a ter un efecto pertubador extraordinario para o futuro.

Sendo como foron as marxes de esquerda e dereita tan pequenas, a perda dunha parte do seu electorado de esquerdas foi especialmente grave para o bipartito…

Si, sen dúbida, e moitas veces por cuestión simbólicas. Outro erro moi grave da fase final do proceso foi que a presidenta do Parlamento acudise a un acto relixioso como o que supón a translación dos restos do apóstolo Santiago o 30 de decembro. Ela representa o poder popular. Non pode participar nesa teatralización lexitimadora que equipara poder civil e poder relixioso, en diálogo público, cun representante dunha institución político-relixiosa. Fíxese: iso ten unha forza desmoralizadora extraordinaria.

Que cuestións cre vostede que frustraron máis as bases sociais críticas nestes anos de xestión do bipartito?

No PSdeG-PSOE decepcionou moito, ao comezo, que Touriño confiase en exceso en tecnócratas, en xente de perfil político limitado, para o labor de goberno, opción que evidentemente respondía a una estratexia política. Esa percepción das bases trasladouse despois ao conxunto da sociedade, porque a parte socialista do goberno demostrou de maneira fidedigna carecer de discurso político. No campo do nacionalismo, o problema fundamental das bases foi de ritmos, de non aceptar que o ritmo non puidese incrementarse.

Mais ás bases tamén lles custou aceptar determinadas políticas realizadas dende o goberno. Talvez así o amosa a baixada do BNG en Ferrol, onde puido ser clave a oposición a Reganosa…

En Ferrol hai outra cuestión que cómpre ter en conta, a aparición de Terra Galega. Case todos os votos de Terra Galega, uns 18.000, están en Ferrolterra. A morneza en relación con fenómenos como Reganosa seguramente pasou factura. Tamén entendo que as bases do BNG probabelmente nunca chegaron a entender se compensaba facer tanto esforzo eólico para quedarse cunha porción que aproximadamente era a metade da inicialmente considerada polo propio BNG como innegociábel. A xente percibe talvez un exceso de protagonismo do BNG en cuestións simbólicas pero vaiamos a cuestións orzamentarias e vexamos a descompensación que se produciu entre o simbólico e o económico.

O PP mantén unha gran forza social. Onde radica?

O PP non ten inimigos naturais de suficiente tamaño no campo mediático e ademais sabe que calquera pequeno fallo que cometa a esquerda será sobredimensionado. O PP vive cómodo e relaxado na súa biosfera. Os predadores, no medio que habita e controla, non lle fan maior pupa. Nese sentido presupoño que o blogomillo pode constituírse en catalizador: ten moito que facer nos anos vindeiros, e para iso eu coido que ten unha capacidade grande de convocatoria, de mobilización, de facer ruído e chegar a máis capas sociais.

Unha das grandes perdas da esquerda estivo no voto mozo e urbano. Ponnos ante un mapa sociolóxico novo?

Hai que ter en conta unha vez máis a situación económica. Iso supón que a xente que accede ao voto nunha situación de inestabilidade, de falta de seguridade, etc. pense nas alternativas.

Por onde coida que debe ir a procura de novos líderes tanto no PSdeG-PSOE como no BNG?

O grave da situación actual é que existe unha percepción moi xeneralizada de provisionalidade nas decisións que se tomen nos vindeiros meses. E iso en termos políticos é nefasto, sempre se acaba pagando un prezo.

Dáse por suposto que existen tapados…

Planea a idea de provisionalidade, á espera da aterraxe dalgunha gran figura, e cando falamos de gran figura en relación co PSOE todo o mundo sabe a quen me refiro. Iso pasaría por unha adxudicación inicial da carteira de Obras Públicas a José Blanco. No BNG non hai ese referente externo, esas plataformas mediáticas, sociais e culturais que pode proporcionar a televisión do Estado, e todo se ten que cociñar doutra maneira. Creo que se están dando movementos en falso, que se están equivocando por todas partes, coido que aínda non se sabe quen será o líder nin que líder se necesita. Ningún dos que até este momento se mencionaron ten a forza que puido ter no seu día Quintana. E para ir para atrás realmente non sei se fai falta moverse.

Son compatíbeis as culturas políticas do PSdeG-PSOE e do BNG?

Non só non son incompatíbeis, senón que teñen puntos de converxencia moi marcados e hai que darse conta de que o futuro necesariamente pasa por aí. Non hai outra alternativa, non hai ningunha posibilidade de maioría absoluta para ningunha destas dúas forzas políticas no curto prazo

No BNG fálase da necesidade urxente de refundar a organización…

É unha evidencia.

O debate xira arredor da posibilidade tanto de conformarse en partido como de centrar a solución no volver a conectar cos movementos sociais. Para vostede, cal é a vía?

Non o sei. O tempo histórico do frontismo entendido como o entende a UPG pasou. Porén, estamos nun tempo histórico no que abrochan as converxencias de plataformas distintas con sensibilidades parciais. Aí entramos no debate un pouco habermasiano arredor de se a multiplificación de perspectivas e de forzas na esquerda non é un acto de servizo á dereita, que creo que en certa medida si o é. Parcializar a intervención a partir de claves como o compromiso ecolóxico, de xénero, reparto da riqueza, colaboración cos países en desenvolvemento…, nunha multiplicación de perspectivas, compromete a existencia dun discurso único de reacción contra a dereita. E a dereita ten un discurso único, tívoo sempre. Observe a xestión que fai do que lle digo a Igrexa católica. Aí está o paradigma.

Pasa entón o futuro do BNG pola renuncia ao frontismo?

Non sei se o futuro do Bloque debería pasar pola renuncia ao frontismo. Dende logo ten que pasar pola renuncia ao frontismo entendido nun sentido estalinista, no sentido tutelar do calibre do control que exerce a UPG, como unha especie de referente case moral tras de cada acto, de cada elección, de cada nome Pero iso significa renunciar a outro tipo de construción de plataformas plurais? Non. Agora, deixar unha plataforma plural para pasar a ser outro tipo de plataforma plural é un acto político de extrema indefinición e perigoso para a propia cohesión do Bloque, e aí nace a posibilidade da escisión, o que para min en termos simplemente políticos non sería unha desgraza.

Ao PP veulle ben que existira UPyD… Nese sentido, cre que ao BNG lle viría ben que aparecese un partido á súa esquerda?

Non lle viría ben, pero é certo que hai moita xente que está á esquerda do BNG en termos económicos e de políticas sociais, e sobre todo nun sentido que poderiamos chamar ético, de non aceptación de tutelas e de autoridades pre-políticas.

Para vostede non sería dramática esa posibilidade?

Non. Incluso podería axudar a que se reperfilasen nalgún sentido as posicións editoriais dos medios. A tutela da UPG é a día de hoxe o motivo fundamental que poden ter persoas situadas no espectro do centro para non botar BNG. Non sei o que podería pasar se aparecese unha forza política que aglutinase sensibilidades de esquerdas e que soubese prescindir de calquera tutelaxe. Dende logo estou seguro de que a primeira vista á dereita iso encantaríalle. A min, dígoo con claridade, ese reparto non me parecería unha situación tan vantaxosa para a dereita no medio prazo. Non o contemplo como algo apocalíptico.

Canto tempo lle queda a Galicia Bilingüe?

Está claro que o movemento Galicia Bilingüe será fagocitado de inmediato por parte do PP e dos medios que o apoiaron porque a súa persistencia sería un elemento de desequilibrio extraordinario para un goberno da dereita. Canto ao discurso de Galicia Bilingüe, se se exerce en sentido programático tal e como eles o declararon, e se o sacamos do ámbito da educación e o levamos ao xurídico, sanitario, etc., creo que moitos asinaríamos esa opción. Garántame vostede que vou ter un xuíz e procuradores que me van permitir intervir en galego a todas horas e en calquera lugar. Garántame que a administración central do Estado me vai atender en galego se quero. Claro, iso está fundamentado no cinismo: unha cousa é o que se di e outra é o que se quere. O PP fixo un programa no que defendía algo que en realidade non quería. O que quere é outra cousa moi elemental, que é a que quere tamén La Voz de Galicia e Santiago Rey Fernández Latorre: laminar por completo a cultura galega se non pasa polo aro da docilidade e a subordinación.

Na cultura xógase unha parte importante do espectro ideolóxico. Fálase de que, no novo goberno, Cultura será unha consellería única xunto con Educación e Política Lingüística…

Non me fai falta coñecer onde vai estar Cultura para saber o que quere facer coa cultura galega a xente do PP. Coñezo ben a traxectoria de Pérez Varela, sei o que significou, sei que iso é o antónimo absoluto do que eu chamo dignidade, e por tanto creo que é iso do que temos que estar pendentes.

Coida vostede que o decreto do galego será finalmente derrogado?

Non se atreverán. Creo que saben que se fan iso terían para a totalidade da lexislatura aí o talón de Aquiles. E saben que a capacidade de mobilización da Galicia actual por razóns simbólicas deste calibre é extraordinario.

Como están as forzas dos movementos sociais galegos?

Temos un bo estado físico e anímico no ámbito cultural e social. A capacidade que ten o mundo cultural e o mundo social de mover as máquinas é moita, e aí hai moito que facer, e se vai facer, máis aló de xestos. Unha chamada de atención ao mundo cultural para min sería romper coa simple satisfacción que pode dar facer un xesto puntual e despois esvaecerse nese ronsel de autocompracencia. O blogomillo e o mundo das ciberturbas, os novos medios, xogarán un papel importante, primeiro para desenmascarar todo o que pasou nos últimos meses, e a partir de aí para a intervención permanente, no día a día, e facer que o goberno do PP non o teña fácil.

Estas eleccións foron síntoma ou consecuencia?

Foron consecuencia, e foron consecuencia dunha intervención directa e brutal do mundo económico, financeiro e mediático na realidade política do país. Os galegos e as galegas temos que comprometernos con nós mesmos a tomar nota, a non esquecelo nunca e a saber quen é cadaquén.

   [Na fotografía superior Emilio Pérez Touriño e Santiago Rey Fernández-Latorre nunha fotografía de arquivo que reproduce Tempos Novos na anteportada do dosier indicado. Na outra fotografía, de Tamara de la Fuente, o entrevistado no seu lugar de traballo]

 

Raptar a realidade

3 de Maio de 2009

 Exactísimo hoxe Suso de Toro na súa columna de El País. Titúlaa “Fuera piel de cordero” e nela describe con precisión os operativos mediáticos do nacionalismo español en relación co Estado ben entendido, que como ocorre sempre nesa esfera arrinca cunha precisa planificación dos usos da linguaxe. Sempre a manipulación comeza por aí, xa se sabe. Primeiro é o dominio da linguaxe e o sometemento previa caricaturización dos enunciadores de mensaxes contrarias ou simplemente diferentes, despois vén o resto, até a claudicación de calquera outredade, até a asimilación de toda diferenza, até a comuñón confesional e única nalgúns principios morais e políticos emanados de quen sabe que cloaca dos poderes de sempre.

 Insistirei en algo postulado noutros momentos neste mesmo lugar: un dos compromisos colectivos básicos que ten por diante todo aquel que se sinta demócrata é axudar a sacar á luz con rigor e sobre todo con eficacia política o secuestro da linguaxe por parte de quen prentende anularnos, algo que comeza por ser sempre un secuestro da razón e un secuestro da realidade.

 O encontro de tres nacionalistas na COPE esoutro día constitúe unha manifestación meridiana de como se monta unha realidade paralela fundamentada na falsificación dos feitos. Entre Pedro J. Ramírez, Federico Jiménez Losantos e un Alberto Núñez Feijóo tacticamente reducido pola corveira COPE a labores de palanganeo radiofónico (e alá el se iso colma o seu ego e a súa folla de servizos) argallaron unha retórica na que unha vez máis se promoveu a confusión entre dominados e dominadores, entre vítimas e vitimarios, entre dereitos e abusos, entre o caos e a lei. Basicamente por referencia á lingua, aínda que non só, porque no mesmo paquete se meteu o asunto do parque móbil e todo o resto de contas do rosario desta xente pía.

 Reitero máis unha vez a cerna do asunto: hai que retar a quen sexa, incluído o actual conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e naturalmente o presidente do goberno, a que nos sinale un só caso na escola galega dos últimos vinte anos no que un neno ou unha nena que no momento de ingresar en Ensino Primario tivese como lingua inicial o castelán modificase por factores sociais, institucionais e ambientais referidos ás estruturas escolares esa opción de uso lingüístico en favor do galego. Déannos un só caso, un só caso que contraste coa realidade esmagadora que dá conta real do proceso inverso, o único que existe, o único documentado: o dos nenos e as nenas que empregando no ámbito familiar e social a lingua galega mudan esa opción tras un par de anos de escolarización (incluso menos tempo en zonas urbanas ou nas vilas). Déannos un só caso de nenos ou nenas que á porta da escola se despidan dos pais en castelán e regresen a casa un curso ou dous despois saudándoos en galego, pedíndolle auga á nai ou ao pai en galego. Un só caso!

 De modo que iso que se recolle na nota da COPE sobre o compromiso de Feijóo para a “reposición de los derechos civiles en los colegios” é un insulto intolerábel á verdade e á intelixencia. O Estado funciona, abofé que funciona cando se trata de impor a idea de que España segue a ser unha. E isto sabémolo requetebén todos, incluídos os tres tartufetes da tertulia matinal do 28 de abril na COPE, os falsificadores da FAES e os seus adlátares, os catedráticos de Dereito Constitucional, os editores dos grandes medios centenarios galegos e o bispo de Compostela, nacionalistas de ben todos eles.

 E un derradeiro apuntamento. Núñez Feijóo é moi libre no plano individual de decidir a quen serve. Nós, as cidadás e cidadáns de Galiza, temos a obriga de lle lembrar sen tregua que alén de chamarse Alberto e ter uns ideais e uns gustos persoais é o presidente do goberno do país e que por dignidade institucional non pode ocuparse das palanganas que lle poñan nas mans en público individuos como Federico Jiménez Losantos.

 [Jiménez Losantos, vocalista]

Critilo e os antisistema

27 de Abril de 2009

Ultimamente tocan entrevistas. É peculiar o asunto, porque todas derivan —resulta unha obviedade— da pequena proxección que ao escriba puideron darlle as lándoas incultas que rodean a senra na que anda a diario con outros colegas do Círculo Semiótico de Vite (docencia, pescuda, levar contas, refacer currículos e planos de estudo e volver refacelos cando xa os tes listos, atender o turismo académico, pasar a mopa burocrática, solicitar proxectos de investigación e cos fondos que veñen actualizar o equipo informático que o común dos traballadores da función pública recibe co seu posto de traballo, convivir coa vella filoloxía, algo tamén coa nova, aturar egos, celebrar achados, emocionarse ás veces…). Así é a vida. O único que un espera é que desa zona mixta, dese marco non cultivado, saian ideas, análises e en particular algo de forza común para movermos o penedo grande que sempre aparece e dificulta o paso. Mixta a zona, digo, porque sendo a lándoa para o que de seu é, certo parece que nela abrochan algunhas flores e hai trebos, e dase ben nela a herba que chaman baixafumes. Aquilo —isto— é o que se espera, si, debate e intervención, e mais nada fóra diso.

A semana pasada telefonou Óscar Iglesias, xornalista de El País, para formularme unhas preguntas sobre a crítica literaria galega. A reportaxe saíu publicada o venres 24 na páxina 8 do encarte El País – Galicia con opinións de diferentes compañeiros de oficio, talvez moitos para unha soa páxina de xornal. Anotei daquela o que fun dicindo, aproximadamente o que segue, agora levemente ampliado en dous ou tres lugares. Apunto así mesmo as propostas para a reflexión de Óscar Iglesias tal como as lembro.

Preguntou o xornalista polo meu parecer sobre a crítica universitaria ou académica en Galiza. E fun e dixen algo próximo a isto:

Na miña percepción hai un bo nivel, homologábel con vantaxe para nós con outras producións críticas doutros espazos culturais. Cando falo de crítica académica en Galiza loxicamente estou a referirme a toda á que se produce, que non afecta só á produción literaria galega senón tamén á que se fai noutras linguas e noutros lugares. Un ensaio crítico feito aquí sobre Keats, sobre Leopardi ou sobre narrativas fílmicas brasileiras é tamen crítica galega. Ás veces isto non se percibe con claridade por parte da maioría. E engado outro matiz: ese bo nivel técnico considero que está pexado por unha condición inercial na que inflúen aínda en exceso os restos do paradigma estruturalista e prácticas de vella escola filolóxica. Existe unha especie de “vangarda crítica” que se liberou desa condición, pero non consegue constituírse en referente e ten escasa repercusión social, basicamente pola ausencia de operativos dinámicos de axencialidade. Tamén porque en xeral vivimos tempos de “silencio administrativo”. Quero dicir: tendo as dimensións que temos, é raro que alguén conteste; raro que alguén conteste nun sentido orientado ao diálogo e a un razoamento sen exceso de paixón, sen rizoma egótico e sen apelar nalgunha altura da discusión ao seu específico sétimo de cabalería (refírome ás conviccións profundas e aos copartícipes nesas órbitas).

Logo quixo saber Ó.I. se a teoría de sistemas e as que sinalou como outras clínicas desenvolvidas a partir dos anos 90, entre elas a teoría dos campos sociais, non condicionarían en exceso o curso das investigacións na academia galega. Eu formulei o seguinte, máis ou menos:

O peor que lle pode pasar a unha alternativa teórica é resultar trivializada e divulgada por quen non a entende e non se molesta en estudala. As teorías bourdianas e sistémicas chegaron a Galiza, arredor de 1990, con máis forza e repercusión que a calquera outro lugar da Península Ibérica e case diría que de toda Europa. Porén, os seus ecos divulgativos acabaron por afogar en alta medida o corpo conceptual e analítico, de xeito tal que se produciu unha especie de adaptación simplificadora que ten o seu expoñente máis visíbel na igualación entre “campo / sistema literario” e “literatura nacional”. A día de hoxe é complicado desmontar ese erro, tanto no mundo intelectual coma no dos lectores en sentido amplo. Para min, por exemplo, é moi sorprendente escoitar algúns escritores de prestixio sinalar que eles non pertencen ao sistema literario, como se iso fose unha opción, como se iso fose semellante a darse de alta nunha cátedra de mus ou na adoración nocturna. Pero máis grave ca iso é a renuncia a estudar a esfera de novos problemas que esas teorías sinalan como fundamentais, algúns deles con forte repercusión cultural e política, mesmo no eido identitario. Penso nos repertorios, na dominación asociada ao que se coñece como “gusto”, na homoloxia entre campo cultural e campo de poder ou nas transferencias sistémicas (movementos entre posicións centrais e posicións marxinais nun sistema dado).

Despois falamos algo de ProTexta e dalgunhas outras iniciativas en marcha no xornalismo do país, non exactamente das que se vinculan coas cabeceiras de maior difusión. Óscar Iglesias valoraba que nalgún sentido había aí un renacer da case desaparecida crítica midcult. Pensei que tiña razón e así llo dixen:

ProTexta, tanto na etapa de Iago Martínez coma na actual de Ana Salgado, e algún outro proxecto en marcha configuran a evidencia de que a crítica pode ser un exercicio intelectualmente digno e pode constituír unha intervención social e politicamente útil nunha cultura como a nosa.

Ó.I. pasou de seguido aos defectos atribuídos á crítica xornalística. Preguntoume se me parecía a min que a benevolencia era o peor de todos e lembrou algúns dos postulados teóricos de Xoán González-Millán. Lembro dicirlle que non, que para min a benevolencia non é o peor defecto da crítica. Continuei logo:

O peor defecto da crítica é a caída no desleixo intelectual e no acomodo a supostos valores locais ou universais de tipo estético e sobre todo político. Un deses acomodos é sen dúbida o promovido en aras dunha cohesión social pensada como horizonte. O que González-Millán estudou como “nacionalismo literario” ten moito que ver con eses procesos lexitimadores que ás veces son lidos como benevolencia ou amiguismo. Con todo, unhas veces é a nación o referente sobrepuxado en termos de metro-valor e outras será unha ideación alternativa, incluso con aparencia máis neutra que a que convoca o concepto de nación.

Despois pasamos a falar das fronteiras entre a produción literaria de éxito e aquela outra que Ó.I. identificou como “literatura de risco”. Mencionou algúns excesos avaliativos e algunhas correccións metacríticas deses excesos de enxalzamento esaxerado de determinados textos, case icónicos nalgún momento do pasado. Despois na reportaxe, apareceu unha mención expresa ao dito por Xesús González Gómez sobre Crime en Compostela, presentada no seu día coma fundacional para certa literatura case de quiosco. Ocorréuseme responder algo como isto:

Penso que en culturas como a galega levamos vantaxe nese campo a outras xeoculturalmente próximas a nós, tanto no noso continente como máis lonxe. É probábel que iso se deba á ausencia dunha fagocitación burguesa culminada ou completada da idea de valor artístico. Con todo, neste terreo nunca se pode dicir que haxa nada definitivamente gañado. A escola é un campo de batalla en relación co consumo de obra literaria de éxito / de risco. Interpreto que o principal de todos.

Logo derivamos á converxencia entre crítica e mercado. Óscar Iglesias mencionou que ao mellor a medra do mercado editorial estaba a condicionar a independencia dos críticos. Entón dixen:

Para min é inapropiado cuestionar en termos obsesivos a independencia da crítica e hipertrofiar esa nota por riba doutras máis relevantes. Non existe independencia na crítica e non existe tampouco tal cousa en ningunha outra actividade humana. Hai redes, hai conexións, hai fluxos, hai interdependencias, hai reparto de capital, hai conflitos e cousas en xogo. En suma: hai campo e hai sistema.

De aí fomos á recentemente creada Sección de Crítica (ou sección de crítica, a min tanto me ten) da Asociación de Escritores en Lingua Galega e aos recentes Premios Nacionais da Crítica outorgados a Chus Pato e a Marcos Calveiro (creo que en realidade, na realidade oficial, non se chaman así senón simplemente “Premios de la Crítica”, pero xa se sabe que en canto se abre o campo X ao Estado enteiro enseguida comparece, con total naturalidade, o de nacional, así que todo o mundo empeza a usalo, basicamente para marcar terreo e prestixiar o tamaño; tal retrouso, en cambio, irrita e epitelio dos españois ben nacidos cando o uso se aplica polo outro nacional, polo que ten un sentido diferente sobre os límites dos seus afectos). Óscar Iglesias lembrou que antes, na esfera galega, eses premios eran decisión dos críticos do país integrados na Asociación Española de Críticos Literarios. E mencionou, como logo se vería, e aínda se ve, na páxina mencionada do xornal, que para algúns quedaban demasiadas dúbidas no aire a propósito do sistema de votos habilitado pola AELG, en particular sobre o feito de que exista unha suposta proximidade excesiva entre críticos e escritores. Preguntoume Óscar Iglesias se eu sabía como era exactamente o sistema de votación, e en particular se podía darse o caso de que un crítico que tamén fose poeta ou narrador se votase a si mesmo. A este respecto dixen:

Esa dimensión dos premios é a que, en termos intelectuais e directamente persoais, menos me interesa de cantas se atribúen á crítica literaria. Nunca formei parte de xuris literarios (cunha excepción moi menor nos anos 80) e procuro absterme de participar en calquera votación dese tipo. O cal, como é lóxico, non significa que me pareza mal que outros colegas diriman premios. Nin me parece mal nin me parece ben. É algo no que non me paro moito a pensar (agora fágoo máis, talvez porque tamén me ocasiona algúns problemas e malentendidos e porque demanda de min xustificacións ou matizacións). Por tanto, malia pertencer á Sección de Crítica da AELG, sei bastante pouco sobre os mecanismos polos que se me pregunta. En calquera caso, creo que existe un avance importantísimo nos Premios da Crítica. Polo menos, deixaron de ser os Premios do Crítico. E iso a min non me parece pouco.

[Fotografía de Anxo Iglesias que ilustrou a reportaxe de El País da que se fala. Máis abaixo, Tres estudos de cabeza humana (1953), de Francis Bacon]

Iraq e as historias contadas: falsificación e impunidade

8 de Abril de 2009

Hai seis anos, na primavera de 2003, fun convidado pola Asemblea de Estudantes da Faculdade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela para conducir un acto poético contra a guerra, contra o imperialismo e contra o pensamento único. No acto leron poemas Antón Lopo, Pilar Pallarés, Claudio Rodríguez Fer, Chus Pato e Alfonso Pexegueiro. Pode que tamén eu. A última hora non puido asistir, por problemas de saúde, Manuel María, quen faleceu no verán do ano seguinte. Algúns membros daquela Asemblea de Estudantes son hoxe compañeiros en tarefas docentes ou de investigación. E o caso é que alguén lembrou o que aquel día dixen na sala de graos, onde se xuntara bastante xente, se non recordo mal. Procurei o texto e apareceu. Reprodúcese abaixo na súa parte introdutoria. Vai para Cristina e Isaac, seis anos despois. Acaso compartan comigo eles e a maior parte dos asistentes a aquel acto unha convicción: que algún día veremos a Bush, a Blair e a Aznar perante a Corte Penal Internacional.

Agradezo á Asemblea de Estudantes a súa invitación para presentar este acto e mais a iniciativa de traerdes poetas á Faculdade. Todos sabemos por que razón estamos aquí, todos e todas sabemos o que este acto significa. O certo é que nunca houbo un exceso de iniciativas desta índole na casa, non desque eu entrei por primeira vez aquí a mediados dos anos 70. Sempre viñeron máis os escritores mortos que os vivos. Non sei exactamente por que.

Grazas tamén a todos os presentes, aos compañeiros que cederon unha parte das súas clases para favorecer a presenza do alumnado e, de xeito moi especial, aos poetas que nos acompañan, incluído Manuel María, que por unha indisposición non pode estar entre nós. Grazas a todos vós, queridos amigos: Antón, Pilar, Claudio, Chus e Alfonso.

Reitero que todos sabemos que facemos nesta sala hoxe, día 30 de abril de 2003. Todos e todas somos conscientes de que a partir da caída do muro de Berlín, do reequilibrio incerto do mundo e das circunstancias históricas que isto trouxo consigo, até acontecementos máis recentes, como os ataques do 11 de setembro e a segunda guerra do Golfo Pérsico, non é só que asistamos á pretendida escenificación da fin da historia senón que contemplamos algo que vai bastante máis lonxe. Cos últimos episodios bélicos, asumidos e xustificados pola administración republicana estadounidense, por parte da súa opinión pública e mais por algúns outros líderes europeos e doutras zonas do planeta —minoritarios, si, pero con enorme poder—, o certo é que parece pretenderse meter a marcha atrás da historia. Rectificar o que eles consideran un exceso de concesións, impropio para garantir unha óptima rodaxe da maquinaria da economía global, incluídos aí por suposto os sectores da industria do armamento e o negocio das grandes petroleiras e outros sectores enerxéticos. Ao fondo, a medio prazo, están ademais outras cuestións, entre elas, penso eu, a emerxencia de novas potencias económicas. China, de maneira moi especial, polas súas extraordinarias potencialidades, incluído de xeito directo o que representa para o consumo. Tomar posicións na zona do Golfo para controlar sucesivamente a Península Arábiga, Siria e Irán, supón gañar un espazo de tranquilidade para o estado hebreo pero non en menor medida adiantar de xeito suficiente as estruturas de contención e o novo reparto da torta mundial en relación con China, a colosal potencia emerxente.

Eis a Historia. Unha das vertentes máis esperanzadoras que perviven neste momento consiste nisto: a poboación mundial e de xeito moi particular vós, que sodes a vangarda dun movemento estudantil comprometido e solidario que irá a máis axiña, tomades nota da manipulación colosal da Historia. Desta do día presente e por suposto tamén da de onte e da de sempre. Pero doe de xeito moi especial, a vós, ás mariscadoras, aos labregos, aos obreiros, aos mariñeiros, testemuñas directas de acontecementos gravísimos, protagonistas en realidade da nosa historia parcial, a rectificación. Que se nos diga: isto que acabas de vivir, de experimentar, de promover… non existe, non ocorreu. Na manifestación do domingo erades 223, por certo todos ebrios, comunistas e separatistas. Todos tendes magníficas bolsas de estudos. Todas tendes traballo se o queredes. Non hai marxinación social. Non hai fame no mundo. A vida é perfecta.

Chegará un día en que se nós non o remediamos, e tal e como vai de lanzada a maquinaria poderosa e reaccionaria da dereita global e local, chegará un día en que a simple asistencia a un recital como este constitúa un delicto de lesa USA, de lesa aznaridade, de lesa fragancia. Estaredes todos nalgunha baralla, como esa que de xeito tan obsceno e perverso publicitaron os gobernos da chamada “coalición” e que sen ningunha clase de pudor nin de respecto por nada que non sexa o espectáculo gratuíto da idiocia reactiva a prensa occidental a diario. Todos estamos na baralla, nalgunha baralla, todos somos delincuentes e marxinais, todos nós reducidos a un non-nome, a ignominia tolerada de Guantánamo.



Isto ten que ser detido e contestado con decisión e convicción. Hai que dicir un “basta” moi alto para rematar entre outras cousas con esta paranioa da autoxustificación permanente, esta síndrome da explicación completa dos nosos actos. Porque agora estamos aceptando a validez dun procedemento louco que nos leva a que cada vez que dicimos non a algo, se non dicimos simultaneamente non a outras tres ou catro cousas que a eles son as que lles interesan máis quedamos desautorizados, autoimpugnados. Cómo se pode xogar a este xogo? Un berra por exemplo “non á guerra“ e de inmediato se lle esixe que pronuncie tamén un “non ao terrorismo”, un “non ao comunismo”, un “non ao derrotismo”, un “non á malaria”, un “non ás laranxas do Magreb”, un “non a non sei que”. É como se cando un vai a un restaurante tivese que dicir que quere de comida e tamén todo o que non quere. E ademais explicando convenientemente os porqués, dado que se non se fai así enseguida será catalogado como sospeitoso.

Fraga vén facendo exactamente isto desde sempre. Desde sempre lembro ser insultado por este señor. Cada vez que asino algo sae el ao pouco dicindo que todos os que respaldan iso nunca asinarán un manifesto contra tal ou contra cal, que nunca denunciarán isto ou aquilo outro. Non pode ser! Tería que estar perseguido por lei. Polos fiscais. Porque supón a redución permanente da opinión e da diferenza ao territorio da ilegalidade.

Todo este panorama é o dunha democracia aparente, manipulada até extremos que fan precisa unha reacción tamén global en todas partes. Empeza a ser unha nova forma de fascismo de cara amábel, un fascismo enfeitado. Noutros momentos da historia falariamos acaso de revolución; hoxe non, con certeza, pero os efectos terían que ser moi semellantes, comezando nun estrato cultural.

A guerra, o imperialismo, o pensamento único… servidos en primeira instancia polos medios. A guerra é tamén unha guerra da linguaxe, dos signos e dos códigos, da pedagoxía social. Desorientado o público, o electorado, sobre os límites entre a realidade e a ficción, entre os feitos e a invención, semella que todo vale. Sabemos da mentira e porén aceptamos o discurso. É como xogar ao xadrez contra un tipo que mete tres raíñas de matute. Querería lembrar as palabras tan silenciadas de Michael Moore cando recolleu o seu oscar ao mellor documental por Bowling for Columbine. Dixo que estaban alí o resto de nominados, que a todos lles gustaba a non-ficción porque vivimos tempos ficticios, baixo o mandato dun presidente ficticio e metidos nunha guerra librada por razóns ficticias.

E en efecto é así. Vén sendo así en todos os niveis da vida pública. Nós sabémolo moi ben en relación co Prestige, en relación coas vacas tolas, en relación coa normalización lingüística, en relación coas infraestruturas viarias… E tamén por iso estamos aquí. E estaremos sempre aquí. Este é o momento para a poesía, é o momento dos poetas e das poetas.

[Arriba, a baralla iraquí, utilizada con profusión polos medios de comunicación e comercializada como xogo nalgúns países no tempo da Guerra de Iraq. Abaixo, a foto dos Azores, tomada o 16 de marzo de 2003]

Maside debuxante

5 de Abril de 2009

Baixo o selo da Secretaría Xeral de Política Lingüística, reeditouse en 2008 o libro de Mª Esther Rodríguez Losada A época da II República vista por Carlos Maside. O volume serviu para lembrar os cincuenta anos da morte do gran pintor cesureño (en 1988, sufragado pola Dirección Xeral homónima, servira para un propósito semellante). A editora literaria do libro, profesora nun instituto compostelán e nora de Maside, recuperou no volume un considerábel feixe de viñetas publicadas moi maioritariamente en El Pueblo Gallego, o xornal de Portela Valladares, nos anos 1931-1936. Acompaña cada un dos debuxos unha cita tomada de textos historiográficos e políticos, tratados ou artigos sobre economía ou socioloxía… De xeito que os lectores están en disposición de contrastar cada viñeta con informacións ou opinións complementarias de variada procedencia autorial e disciplinar. A que figura arriba, por exemplo, acompáñase dun breve texto de Santos Juliá pertencente ao libro da súa autoría Orígenes del Frente Popular en España (1934-1936).
[Viñeta publicada por Carlos Maside en El Pueblo Gallego o día 6 de febreiro de 1936]

Terceto atopado nun Citroën

30 de Marzo de 2009

Por conduto malabar, chega a nós unha rectificación dos tres versos de peche para o soneto interruptus do outro día enviados polo ínclito lírico tudense Artemio P. Canorrio, cuxos ancestros por parte de nai chegaron hai cinco xeracións de terras sardas, vía marítima, ignórase exactamente con que propósito. Malia a calidade xeral das achegas recibidas para o que en orixe non era concurso de ideas senón simple astrinxencia palatal do autor do texto —e debe indicarse expresamente, tamén malia o prodixio rupturista métrico-rimante perceptíbel no estro inxel mas invulgar do vate togado Iacopo di Reccatello, alquitara a súa na que destilan, pinga a pinga, verso a verso, uvas petrarquistas de alta escola hispalense con delicados taninos alvariño(sic)-mindonienses—, o xuri, reunido nun taxi Citroën C4 Sedán, atopa de xeito inexplicado un sobre con remite do devandito Sr. Pérez Canorrio alí no chan vehicular, como se conta!, un envelope pisado, desairado e obliterado por clientes anteriores, dirixido a Lándoas & Asociados. Aberta, en consecuencia rauda, tal misiva, e contrastada inter pares a aquilatada contundencia épico-ilírica daquela maxistral execución, non exenta de pulsión profética, de impares hendecasílabos esdrúxulos (impares pola orde, pois en realidade son dous, os esdrúxulos), o xuri, integrado por tres destacadas plumas locais da parte esta das Mariñas dos Condes, en plenitude de faculdades gustativas e sen mediar inxesta ningunha de substancias delicuescentes do xuízo estético nin outra caste de mecanismos compensatorios por débitos cruzados non impropios, todo hai que dicilo, da vida trobadoresco-institucional, o xuri, digo, dicimos!, decide por maioría de tres cuartos (o taxista acabou sumándose e non se considerou dolosa para as musas a súa proposición), decide, dicimos, outorgar o I Premio Completa un soneto e pasa unha fin de semana onde xa tiñas pensado facelo ao texto intitulado “Terceto atopado nun Citroën”, o cal resultou ser obra do eximio vate e profesor reformado de Tui, don Artemio Pérez Canorrio, da xeración dos Fastos Edelweiss. Complétase así, xa que logo, até o catorceno límite natural o soneto de marras, que fica agora para os séculos vindeiros deste xeito que se enuncia e publicita co obxecto de proporcionar coñecemento e lecer a case todos e todas, acaso coa única excepción dos utentes da celebrada colonia Eau d’Été, tan popular na Cidade das Burgas desque a Deputación a introduciu no pack de felicitación das tradicionais festas de Natal, a carón dun bocal de trombón usado e un par de condóns benditos polo bispo coas inopinadas siglas PPPP, trasunto posíbel segundo algunhas obscenas e reviradas mentes da fortaleza viril de non sabemos que militancia baixo que clase de estímulo carrexo-electoral [Dise isto en Betanzos dos Cabaleiros, a tal de tal de tal, asinan… (ilexíbel) tres sabios locais e un taxista que vive na Condesa]:

Demandas, oh Feijóo, o transo breve
do outro que che ocupa o Monte Pío,
e advirtes que non toquen nin un fío
das teas e enxovais que aquilo leve.

Remoo na memoria o mesto prebe
das
últimas funcións do teu plantío
de saldos e mercés que esquece a plebe
agora que
o estipula o vocerío.

“Negoocios son negoocios, meu ruliño”,
apréndenche os mentores ideolóxicos
que saben de enerxía máis que o Miño.

Lanzáronte á carreira, ornitolóxicos,
seis corvos camaradas do Mesquiño.
Os froitos han de ser teratolóxicos!

[Taxi!]

Cantiga de proseguir

24 de Marzo de 2009

Non acabo de sacar o terceto de peche. Rogo colaboración.

MUDANZA

Demandas, oh Feijóo, o transo breve
do outro que che ocupa o Monte Pío,
e advirtes que non toquen nin un fío
das teas e enxovais que aquilo leve.

Remoo na memoria o mesto prebe
das últimas funcións do teu plantío
de saldos e mercés que esquece a plebe
agora que o estipula o vocerío.

“Negoocios son negoocios, meu ruliño”,
apréndenche os mentores ideolóxicos
que saben de enerxía máis que o Miño.

[A foto é de EFE]

Teatro proício 3

18 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas etc.

Momento central
19,40 h. da xornada electoral referida. O mesmo espazo cúbico do momento inicial, envolto agora nunha luz como de placenta asnal, amarelecente por tanto. O público, que na parte anterior non chegou nunca a gozar dunha posición axeitada nin cómoda para seguir a obra, por rodear en O a alta mesa camilla central na parte baixa do escenario, na mellor tradición Fluxus 70s, pasa agora a situarse nun lugar que para algunhas sensibilidades podería parecer de privilexio, por canto supón ascender no cubo e colocarse na superficie cenital do mesmo, en toda a súa extensión. Orabén, sería discutíbel tal condición de privilexio. De feito, unha parte dos espectadores nega a colaboración e abandona a sala de San Marcos (dez ou quince destes son reclamados polo seu nome e dni por unha furgoneta azul con megáfono exterior que rube a cen a costa vindo de San Lázaro: last-minute carrexo?, desgraza familiar?, ignórase). Outros fican na sala, pero deambulan abaixo, como nunha circunferencia ou espiral circunscrita á mesa camilla, facendo roda, se cadra maledicente, ao xeito de groundlings non plenamente decididos a quedarse. O caso é que un sector moi amplo do público accede á proposta da Directora de Escena e ocupa o lugar cenital mencionado, aparentemente de privilexio, segundo xa se dixo nesta didascalia. A pega, motivadora da sedición parcial, é que esa posición pública pasa a ocuparse por suspensión corporal. Con efecto, cada espectador/a aparece pendurado/a dos nocellos a xeito de Pipistrellus pipistrellus, isto é, como unha pequena colonia de morcegos ananos (arredor de cento once, cento trece individuos). Perigo de caída non hai ningún, razón pola que incluso acceden, os pipistrelos humanoides, a que os tremoístas lles aten os pulsos nas costas. Por se acaso algo pasar, portan, iso si, sostido nas manciñas á altura do óso sacro, cadanseu pequeno abano de Manila a xeito de penuxe caudal. Reitérase que o perigo é limitado para os individuos da colonia, por canto desde a posición cenital até os cabos de groso aceiro que sosteñen o jacuzzi hai non máis de tres metros de distancia. Malo sería que en caso de caída os pipistrelos non puidesen reaccionar e alcanzaren con algunha parte do corpo un deses cabos. É máis, a dirección de escena (isto non se dixera até agora), como medida precautoria invisíbel estendeu xa no momento inicial unha ampla malla metálica 9 x 7, un metro por baixo dos cabos de aceiro, de modo que nin o tipo do jacuzzi nin o cátedro en manguites do monociclo circense pasaron nunca perigo ningún como frontispicio distópico da farsa. Aliás…, aliás nada. Abonda! Só unha outra consideración. O público contempla agora o jacuzzi (envolto durante o momento central nunca especie de arielita que o protexe dos elementos e do guano quiróptero), o teléfono glauco e a mesa camilla en picado cenital. Para evitar seren cegados pola brillante epiderme craneal do Académico, levan todos lentes de sol. Os groundlings fican aló embaixo/enriba nunha anamorfose que para os morcegos máis centrados podería describirse así: hai un planeta central cun tipo dentro, logo, atrás, como nunha eclipse hai un satélite con protuberancias periféricas (a mesa de autopsias) e, ao fondo, móvense corpos astrais, meteoritos, lixo espacial. Fosbury salta agora para eles dun xeito epifánico e como sen mérito: por baixo do listón. Tres ou catro pipistrelos son incontinentes emocionais e vendo esas imaxes ceden a unha ouriñaxe secuencial, ampliada a vontade e segundo o grao de perversión individual a todo o momento central da peza. A fluencia minxitoria deslizándose corpo arriba até faciana ou guedella (segundo constitución e idade dos incontinentes) e logo caendo en mélica pingada sobre o tapete azul da mesa camilla fai que acorde da sesta o Intelectual Morto, quen declama como recén chegado de ultratumba “Oye, patria, mi micción!” en castelán do que en tempos fora arrabalde da Gaiteira (con caída de velar implosiva). Os obreiros do porto exterior voltaron ao traballo. Do coito tectónico colexiado e da epéntese de iodo nas praias sobrevoadas de Bens, Malpica, Gures, Corrubedo e A Lanzada —Eros polítropo, Chibo raptor, voo nupcial de sesta plurilingüe e multiorgásmica— naceu, en acelerado portento biolóxico, un bebé multicontinental, multirracial e polifónico que medra dous anos por minuto e sorprende en primeiro lugar á nai que o krew, unha fermosa muller de Carnota que ha lembrar á Cecilia d’O Castro – Sargadelos, serie 1984, entre exipcíaca e atlántica, poderosa. É unha nena a criatura. Póñenlle Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada Wyspianski Paredes Mbengue da Silva Paruhum Ledo (en adiante, Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada). Desempeñará un papel relevante no momento final da auto-farsa. Seguen no escenario os personaxes do momento inicial, pero incorporáronse tamén Galicia Milindres, o Sistema Literario e a Inocencia Pública. A medida que avanza o momento central aparecen outros personaxes, segundo se irá vendo.

TI > [Nefroloxicamente húmido/a] Xa estamos!

A INTELECTUAL DESMARCADA > [Baixo o paraugas negro] Mexan por nós e dicimos que chove [Riso breve].

A INOCENCIA PÚBLICA > [Simultaneamente. Baixo o paraugas verde] Nunca choveu que non escampase!

GALICIA MILINDRES > [Simultaneamente. Paraugas amarelo] ¡Llueve sobre mojado! Co Patrón non pasaban estas cousas. [Riso].

O SISTEMA LITERARIO > [Ton empírico malia reflexivo] Ben sei que non me corresponde a min dicilo, porque eu non valoro, eu constato. O meu é ver e calar, nunca exercer a crítica. [Pausa]. Ben o sei, pero hoxe… se calo rebento. O caso é que a esta peza se lle vai toda a forza dramática pola boca teatral. Moito espectáculo, moita pantalla, moita danza quieta e pouco drama. Que se fixo do diálogo? Da tradición moral-sacramental e dos seus repertoremas que se fixo? Pero sobre todo, quen paga isto? Non me dirán que todo é unha montaxe de don Arengas.

O ACADÉMICO > Oiga, un respecto!

O SISTEMA LITERARIO > [Con retranca pouco sistémica] Home, falou a institución… Non foi sen tempo, señor. Aínda que un esperaba outra actitude e outra gallardía da(s) súa(s) parte(s), e non llo digo só a título persoal.

O INTELECTUAL INTEGRADO > [Paraugas vermello. Vaticinante] Meu deus…! Aquí aínda vai pasar algo.

A POLITOLOXÍA ILUSTRADA > [Incorporándose ao xuntoiro] Que quen paga isto? Eis a única cuestión de peso que se pronunciou arredor desta mesa desque comezou a comedia.
LÁNDOAS > [Emerxe outravolta para recuperar o fío metateatral. Ti volves brincar na cadeira, diante da túa computadora] Non é comedia, que é farsa sacramental. [Dío silabeando, e xunta sen querer, ridiculamente, o -sa de farsa co sa- de sacramental: far – sasa – cra -men -tal] Fóra do cal, ten razón o Sistema. Aquí non hai drama, señores, non hai dialéctica. E a culpa é, claro está, da Directora. [Tusidos reiterados, de discrepancia]. Se me deixasen a min só, verían vostedes o que era a forza dramática. Pero ela non. Ela [pedante] deturpa o dialóxico. Todos acabamos sendo como bonecos de ideas fixas sobre o escenario, sen tensión interior, sen conflito íntimo nin na conciencia, nin no peito, nin nas éngoas. Claro, á señora Directora [retintín e espavento esaxerado] interésalle o efecto teatral, a interacción escénica, o sampler, a luminotecnia sen emoción, a suxestión pop, o ruxe-ruxe coral e o salto de altura repetido e repetido. [Berra] Sen paixón ningunha! Traizoa a tradición!

A DIRECTORA > [Desde abaixo, que para o público é arriba] Vostede a calar, langrán! Isto non é Marat-Sade, por moito que haxa un tipo na bañeira escribindo unha redacción de tema libre. Aquí o autor non pinta nada. E, ademais, vostede nin autor é. É per-so-na-xe, como o tipo do jacuzzi, outro bobo con ínfulas de ira-do-pobo, igual que vostede, só que con pasta e cínico, con moitísima pasta e moi cínico. Así que deixe de presentarse aquí como o factótum do couso, señor Weiss. Ou queda só en vinculeiro de Rubia Barcia e o tres-en-uno ferreteiro? [Aceno frívolo-burlesco de medio corpo para arriba mentres mo di. Logo dá media volta e farfalla algo, coido que isto]: Tal para cal, maragato e medio! [Acciona o sampler agora e repite, distorsionándoo, o discurso de Lándoas, ou sexa, o meu. Repíteo varias veces… Risada longa da Directora, aplaudida por unha das gavelas de ñáñaras peripatéticos que non dá decidido se fica no teatro ou marcha de tazas. Queda ecoando a miña frase distorsionada no sampler “Ela deeeeeeeeeeeturpaodialóxico”, “Ela detuuuuuuuuuuuuurpa odialóxico”, “Ela deturpa turpa turpa turpa…”].

LÁNDOAS > [Aparte] Heina sacar no meu blogue á tipa!

GALICIA MILINDRES > [Almibarada e algo prima donna, simula dar unha coitelada pero non perde o sorriso histórico] Ay, yo me pido el papel de Carlota Corday. [O tipo do jacuzzi altérase e váiselle un borrancho na redacción. O seu auxiliar, atento a todo, acude solícito no monociclo cunha restra de folios limpos. Entra na arielita e deita unha presada de sales de baño por toda a parte. Algo desa caspa olímpica cae na mesa camilla, segundo xa se dixo, tamén sobre Galicia Milindres, que nese momento declara:] Tráioche os nomes, Marat!

O CORO QUIRÓPTERO > [Máis de cen voces, unísonas] Gloria a deus nas alturas! [Neste momento soa o teléfono glauco e comezan a moverse as aspas do aeroxenerador, lentamente de principio, sen efectos perceptíbeis sobre a sala durante os primeiros cinco minutos alén do bambeo que empezan a experimentar os colgados. Continúa a chuva de caspa e auga de jacuzzi]. Eses paraugas! Non se ve nada!!!

A INOCENCIA PÚBLICA > [Dramática de vez] E lo? Somos personaxes todos? Eu tamén? As nadas reptantes tamén? [Olla para o chan] Esqueceuse de nós a Natureza? [Pausa] Quen carafio manda aquí?

O TIPO DO JACUZZI > [Próelle o lombo e usa unha rascadoira vermella. Olla reiteradamente cara a abaixo mentres o fai. Finalmente berra, molesto pero engolado] A ver se calan a boca aí abaixo. [Pausa e subidón de clase despois, entre quixotesco e cínico, entre Señor Vences e Laudamuco] Chamo aos corazóns nobres, como fan adoito os grandes medios en momentos centrais da vida como este que representamos no gran mercado do mundo. Eu teño por norma cumprir coa miña responsabilidade: rañala, mollar os pés, gardar a roupa, compor esquelas e facer de BT. [Sube desde a mesa camilla neste momento unha minestra de murmurios e comentarios. Pausa. O ton agora pasa a ser de tenente coronel] Calen, coño! Van dar o resultado das enquisas a pé de urna!

A SOBERBIA POLÍTICA > Pois mira ti! Como se iso tiver algún interese para nós. [Pausa] Pan comido.

A INOCENCIA PÚBLICA > BT? [Tose].

O ACADÉMICO > [Burlón] Si, BT. Claro que BT.

GALICIA MILINDRES > BT, banda transportadora, correa de transmisión, mulleriña. Faino como dios ahí onde lo ve. No le sé cómo, pero hasta autobuses del Ebro mobilizaron os que pagan para la movida nuestra en la precampaña. Que ben saíu todo! Que contenta quedou Rosa! E Paco nin lle conto! [Risada].

O TIPO DO JACUZZI > Silencio, Milindres!

[Cae un quiróptero polo exceso de acaneo eólico. Era o máis próximo ao muíño. Mentres descende, intenta alzar o voo, ou como pouco pairar a media altura, mediante un movemento compulsivo e mecánico da penuxe caudal administrada pola equipa de tremoia-atrezo. Non o consegue. Sesenta e tantos anos, elegante, baixote, discreto na caída, diríase mesmo que digno. Da súa boca non se oe unha palabra de queixa ou medo. Ruído apreciábel no impacto, que é dobre: primeiro nunha beira da malla e logo, tras rebotar nela e subir momentaneamente como medio metro (instante que dá azos caudais ao pipistrelo), nunha beira do escenario. Este último ruído é menos metálico, máis serio. Cae xusto a carón dun grupo de casulos metamórficos. Fica quieto no chan, como morto].

CASULO METAMÓRFICO > [Voz profetizante, como de xornalista deportivo despois de rematado un partido] Víase vir.

A INOCENCIA PÚBLICA > Pobre pipistrelo!

O INTELECTUAL INTEGRADO > Dioloteñanagloria!

[Óese aquí de novo a risada longa de Medela, que vén súbita desde Lobeira sobre serras e vales. Dial radiofónico a procurar emisora. Radio Voz, RNE, COPE, Radio Galega… Sinais horarios das 20 h. Anuncio de inquéritos. Montaxe: sete minutos de cortes. O público empeza a amosar incomodidade cervical e problemas respiratorios. Toses compulsivas, como entre dous movementos dunha sinfonía de Sibelius. Por certo, soa de fondo, moi baixa, Finlandia, op. 26: andante sostenuto, allegro moderato, allegro, nove minutos longos (por tanto dous máis que os cortes informativos). Proxéctase asemade na pantalla do fondo unha entrevista televisiva a Th.W. Adorno, en alemán con subtítulos en finlandés, na que se desprestixia a música de Sibelius. Unha dama do público en posición quiróptera recita de memoria, parte inicial en francés e parte final en portugués, o capítulo “A estética tradicional como irreconciliábel coa arte actual”, da Teoría estética (1970) do francfortiano. Tamén lle leva sete minutos. As toses aumentan en especial en dous momentos: cando menciona A colonia penitenciaria de Kafka e cando se fala dos risos en Final de partida de Beckett. A dama recitadora, extraordinariamente delgada e móbil na corrente eólica, viste unha saia gris longa que lle cubre o rosto. De non ser pola arquitectura obtusa dos xeonllos semellaría unha lámpada parlante de deseño milanés. Sábese aproximadamente quen é, ou onde está, apenas polas liñas de miradas cruzadas entre o conxunto dos espectadores pendurados. Segundo vai dicir as derradeiras palabras do capítulo, cae tamén por efecto da lufada, cae como unha folla lenta de ameneiro, como nunha danza irónica de Palucca durante os bombardeos de Dresde. Mentres descende até o escenario, allea a toda xesticulación, declama: “se é que alguma vez pôde chegar de outra forma].

O CORO DE MORCEGOS > [Máis de cen voces, pero dúas menos que antes, ao unísono] Sáquennos de aquí!! Imos morrer todos, como nunha peli de Bruce Willis furioso!!

SANTA MADRE > [De mitra e incensario, con acólitos como recén saídos dunha sesión de terapia electro-convulsiva. O vento zoa mil zoares] Pipistrelos de pouca fe! Deus apreta pero nunca afoga. Estes dous que caeron fixérono por todos nós, nun sacrificio nobilísimo que os conduce á vida eterna. O vento é fonte de vida, é alento divino, plusvalía de isobaras. Confiade no Altísimo para que as xunte co seu debuxo preciso sobre cuíñas e castros, sobre cabos e esteiros, desde o Courel a Compostela con dixitación perfecta de megawatios de amor. Pai, Noso Señor, fai que o nordés sexa nordés na Capelada e o suroeste entre aurífero nas rías e lucre mesmo os vales agochados. [Caen seis ou sete máis. O tipo do jacuzzi abandona a oblea a todo correr, tapando cu e sexo con senllos suplementos culturais que tiña alí apartados. Coa sección “Letras No Ficción” dun deles oculta a parte dianteira e coa sección “Letras en Galego” doutro suplemento fai o propio co zafanario. Fica pois a arielita deshabitada. A auga conxunta de jacuzzi e chuva cae a eito sobre a mesa camilla e desátase unha certa desorde anímico-política. Os tertulianos todos, incluída a Politoloxía Ilustrada e unha recén chegada Mentira que non abre a boca, suben á mesa porque as cadeiras tamén foron caendo. Usan pastecas e poleas para recuperar caídos. Compoñen un grupo que finalmente remeda o tableau danzante do Géricault na Balsa da Medusa, como unha patera camilla, pero non se sabe a quen fan sinais cos panos]. Confiade no Altísimo, fillos! Confiade na magnanimidade do seu aloumiño ventoso. Vaiamos todos xuntos da man en comuñón: comunidades de montes, poderes públicos, asociacións de viciños, banca e caixas de aforros, parafarmacias e multinacionais da enerxía, cooperativistas e construtores, xornalistas e quiosqueiros, pensionistas e ecoloxistas, dentistas e burócratas, bipartito e dióceses, moinantes e intelectuais. O vento é de todos e todos somos vento, todos somos Igrexa! [Caen tres máis. Logo dous. A mitra vai boa que voou. Collérona os operarios do porto exterior. Un caboverdiano que coidaba de Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada intenta calzarlle a mitra, por protexer á nena, pero o bebé é xa de obra de vinte anos e o perímetro craneal seu supera o do arcebispo. O caboverdiano tira coa mitra. Dous gatos chutados de Penamoa fan disputa por ela no momento en que na pantalla do escenario coagula un sorriso que xa non val un pataco. O gato sen mitra cruza o escenario e fabula para si: “República e independencia ou nada”].

A INOCENCIA PÚBLICA > [Arriba, na mesa, caendo da burra e movendo un pano en dirección oeste, o que fai que emerxa un peito redondo e materno por baixo da blusa rota] Weiss, que nolo conte todo Weiss!

CORO DE CASULOS > [No chan, case afogando en metade da tormenta] Tarde piaches!

[Riso pánico de Medela, agora desde a Praza do Azougue de Betanzos. Tras parolar cos restos de Andrade o Boo, en San Francisco, avanzan ambos en dirección ao Lastras. Un gato cunha mitra suxa pasa fulgurante entre os peronés enfraquecidos do conde eumés no momento en que se dispuña a subir os chanzos da taberna. O ruído da osada contra helmo e loriga conmove ás vellas que fan fiada sen fío pé da fonte. O riso de Medela dura e faise nesa altura pancreático, carnal. Inopinadamente, o Azougue énchese de xente, tras a porta do Lastras pecharse ao mundo. De xente que accede desde oito rúas ou ruelas que alí embocan. En silencio, con cadanseu móbil na man. Veñen de Xinzo e de Viveiro, de Zas e de Baiona, do Barco e da Fonsagrada, de Melide e de Melón. Son unha ciberturba e ninguén sabe de donos].

[Mentres, no espazo cúbico envolto nunha luz como de placenta ovina, cae o jacuzzi. Caen doce pipistrelos máis. Cae a malla. Quen negaría que aquí remate o momento medio do auto sacramental intitulado Fin de Lándoas?]

[Na fotografía, morcegos da Galitzia ucraína profunda, doutra clase distinta. Este texto é un perpetuum mobile. Modifícase sen previo aviso e reformúlase sen pausa. Continuará?]

Teatro proício 2

16 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas (2 x 1: Auto sacramental, Farsa inmóbil)
Momento inicial
Espazo cúbico envolto nunha luz placentaria —como de placenta vacuna— que lembra o lugar predestinado para unha rotativa nunca instalada dun xornal-soño, capaz que chegado das ucronías dun exilio estraño. No centro dese espazo érguese unha mesa camilla cun número de cadeiras non doado de precisar; talvez sete, oito. As cadeiras son altas e teñen un mecanismo de izado para os ocupantes. A luz proxéctase neste momento inicial até dous terzos da altura do espazo cúbico, non desde o nivel inferior do escenario senón desde o que correspondería a un terzo da altura total que acabará por descubrirse segundo se desenvolva o auto. Por tanto, iluminarase de partida só o terzo central do volume (considerado en vertical). Como pano de fondo hai unha pantalla sobre a que intermitentemente se proxectarán as imaxes do salto de Dick Fosbury en México 1968 (récord olímpico, 2,24 m). Á dereita da pantalla e algo adiantada, calcúlese unha gran columna branca que a ausencia de luz corte a media altura, algo por riba do nivel alcanzado pola mesa camilla. Esta ten un diámetro de cinco metros, con outros catro metros de alto, de modo que as persoas que sentan arredor dese cilindro con tapete azul ceo están relativamente distantes unhas das outras, nalgún sentido abducidas e aqueloutradas, se ben trasladan en todo momento impresión de perfecto acomodo á situación. Sobre a mesa hai catro grandes paraugas pousados. A medida que a acción arranque, a luz placentaria ampliará a zona iluminada cunha progresión dun metro por minuto (50 cms para arriba e outros 50 para abaixo medidos na vertical da columna), até ocupar o volume completo do espazo bauhaus descrito. Devagar, iso permitirá descubrir unha cuadrilla de operarios á esquerda e a existencia de seres —ou nadas— reptantes no escenario, por toda a parte, envoltos como nun casulo metamórfico (parte do público?, animais disecados en vida?, políticos cesantes?). Os primeiros fuman e constrúen un porto exterior. Á dereita, a columna branca vai desvelándose progresivamente como aeroxenerador, parte improbábel, acaso apenas simbólica, dun parque eólico, porque o certo é que a carón del non hai outro muíño máis senón unha especie de escultura pública de cerámica mediterránea, asemellada ás que identifican os paseos coruñeses e con distinción estética de marca opus-vazquista: trátase de dúas enormes mans de tres metros de alto, sen código claro, xuntas polos pulsos e con habitus receptivo, indiscutibelmente obra de Lladró. A medida que a luz descenda irá véndose que o aeroxenerador é eixe dunha escaleira exterior de caracol que lembrará a montaxe do Macbeth pensada por E.G. Craig en 1906. Cando a luz ascenda por completo, non aínda no momento inicial, descubrirá arriba un jacuzzi sostido por dous grosos cabos de aceiro. Un individuo de idade indeterminada chapuca ás veces nel, os pés por fóra. Ao tempo semellará redactar ou corrixir algo, como concentrado na gramática. Haberá un teléfono ao seu carón. Un teléfono glauco que ocupará medio metro cúbico e estará suspenso dun cabo vertical, xusto á altura do ventre do écrivant. Un empregado deste, con manguites de linotipista e barrete académico, vai e vén en monociclo funambulario polo tirante de aceiro que sae cara a esquerda da pantalla desta computadora (a túa) e que vai dar a un obelisco (esquerda). Detense ás veces a facerlle a pedicura ao tipo do jacuzzi ou deita sales de baño que acaban caendo como caspa olímpica sobre escenario e público. Neses momentos o empregado sorrí e anota nunha libreta series de Fibonacci, a súa oculta paixón. Máis adiante, cando o do jacuzzi se mova na bañeira e o aeroxenerador medio tapado por bambolinas abanee o aire do escenario (e da sala toda), é probábel que a bañeira comece a oscilar como un bambán, de dentro a fóra do écran (do teu, internauta). Entón desvelarase que os cabos de aceiro que sosteñen o jacuzzi conectan o aeroxenerador e o obelisco, de parte a parte do escenario. Algo de auga eólica caerá sobre a mesa camilla e nese momento os personaxes que nela aparezan (en xeral, intelectuais e grupos escultóricos afíns) abrirán os paraugas para non mollarse. O público, arredor da mesa de braseiro, móllase algo. Ti, desde logo, tamén. Un curmán teu que traballa na Xunta pásache unha toalla. Agora. Porque algo chapuca xa o tipo do jacuzzi, oculto nas sombras superiores. O obxecto de exaltación neste auto semella ser plural (mesa, jacuzzi, información, enerxía…), se ben o tipo do jacuzzi ocupa unha centralidade escénica irrefutábel, reforzada máis adiante cando fique enmarcada a bañeira nun obxecto esférico acristalado, perceptíbel por tanto desde calquera ángulo de visión como circular e brancuxento. Exacto, como unha oblea.

TI > Ostia! Que me mollo!

AS VOCES DE TRES SEÑORAS DA LIMPEZA CON CADANSÚA FREGONA INDUSTRIAL > O seco molla e o mollado seca. Deitemos o alento no caldeiro impuro!

A VOZ DA DIRECTORA > Veña, veña, rapaces! Asegurádeo ben.

[As Tres Señoras da Limpeza e a Directora permanecen nas sombras inferiores. A última diríxese dando voces a un grupo de tremoístas dividido entre a parte de abaixo e a zona iluminada. Tres tremoístas —os únicos visíbeis— sosteñen cordas desde o tapete da mesa. Izan un corpo inerte. É o do intelectual morto]

A VOZ DO INTELECTUAL MORTO > A modo! Aínda me habedes mancar!

[Do pescozo do corpo inerte pende un cubo-urna dourado que escintila no ar ao tempo que se procede ao izado: contén o capital simbólico do finado]

OS TREMOÍSTAS DA MESA > Iso é. Quietiño aí.

[Colocan o corpo inerte nunha cadeira da dereita. O cubo-urna co capital simbólico (C-UCS) fica sobre a mesa. Os tremoístas descenden logo en cadansúa tirolina. Mentres o fan, ábrese o C-UCS como se fose unha caixiña de música. Soa Negra Sombra en versión sinfónica. O defunto pecha o cubo-caixa cun manotazo torpe. Silencio posterior. Ao longo do momento inicial do auto a caixa abrirase de novo dúas veces máis e o defunto sempre procederá do mesmo xeito, con violencia crecente no xesto]
O ACADÉMICO > Non che hai nada como estar morto para que recoñezan os méritos dun. Fixo vostede como deus finando. Fágame caso.

[Dillo ao Intelectual Morto mentres ascende ao sitial de seu tras accionar un mecanismo na cadeira. Asemade, brune a calva cun longo pano branco movido enerxicamente de lado a lado, ao xeito dos limpabotas]

CORO DE OPERARIOS DO PORTO EXTERIOR (COPE) > [Canta] Bailaches, Carolina? Bailei, yes I do. Tell me con quen bailaches. Bailei en Xanadu.

[O coro de operarios canta na parte esquerda do escenario, escura aínda. Divídense en dous grupos: nativos e inmigrantes (eslavos, peruanos, subsaharianos, caboverdianos e sobre todo indonesios, que usan como koiné un inglés estraño mesturado con galego, portugués e castelán estraños, inopinadamente tamén francés). Comparten miserias e piollos, fraternalmente, como en Charenton. Os galegos enuncian os heptasílabos impares. Os estranxeiros, os pares. Repiten tres veces e rin. Pausa de dous minutos e ruído a seguir de mazas e maquinaria lixeira, que non cesará até que se indique expresamente. O coro emprega a partir de aquí dicción recitativa, interveña por partes ou por xunto]
VOCES DO SECTOR NATIVO DO COPE > Así e todo, manda carallo! O día das eleccións, a festa da democracia, domingo… e nós aquí currando como parias.
VOCES DO SECTOR MULTICULTURAL DO COPE > What’s wrong? Fiesta! Se resides, decides. Se decides, la cagas. If you work, you get money. Fiesta na rúa! Festival of democracy!! Défécation politique! Trabalho e carro para toda a gente!! Auto e moças!! [Escachan a rir]
TODOS OS DO CORO > [Acenan entre lascivos, escatolóxicos e lúdicos, pero non se ve] Assim, assim! Bailei en Xanadu!! Bailei en Xanadu!!

LÁNDOAS > [Elemento emerxente sorpresivo. Fai un aparte só para ti, alucando por tras da pantalla da computadora como un cíclope de Odilon Redon] Este texto é un perpetuum mobile.
TI > [Sobresaltándote] Ostia, que susto!
O ACADÉMICO > [Non se entera do anterior, que acontece noutra dimensión do espazo-tempo. Non se entera de nada, de case nada. En realidade, non se sabe se se entera, probabelmente si se entera. Diríxese ao Intelectual Morto. Entre tanto acceden a cadansúa cadeira outros dous personaxes] Daquela que? Xa votou?
O INTELECTUAL MORTO > [Levísimo aceno de monicaco. Voz fraca, como desafiuzada] E logo non! Os mortos somos sempre os primeiros en votar. Mantemos o elo sagrado entre a historia que foi e a historia que é. Eis a nosa misión.
O INTELECTUAL INTEGRADO > [Xa incorporado á súa cadeira] Así é… Así é, meu señor.
A INTELECTUAL DESMARCADA > Pois eu desta non voto. Pensei votar inútil, pero ao final decidín que nin iso. Non fun e non vou.
O ACADÉMICO > [Lustrando de novo parietais e mesmo frontal, cambiando xa de dirección e alcanzando case a altura do occipital] Mala decisión, neniña. [Logo olla cara a abaixo: a luz foi medrando, pero aínda non se chega a ver nada novo, só máis espazo, nin seres nin nadas, que diría Gómez]
A INTELECTUAL DESMARCADA > Bótelle un fieito!
O INTELECTUAL INTEGRADO > Miña dona, miña dona, un pouquiño de respecto. [Diríxese logo ao Intelectual Morto] E vostede non ten frío, así espido?
O INTELECTUAL MORTO > [Cachazudo] Pois mire, voulle dicir unha cousa: desque acabei de apodrecer, case van alá cinco anos, teño unha caste de insensibilidade para o frío. O calor élle outra cousa, xaora! No panteón pásanse putas de verán, disimulando a expresión.
[Segundo o Intelectual Morto anda a expoñer a súa razón a luz alcanza por fin a parte baixa do jacuzzi e ilumina, abaixo, os movementos da cuadrilla de operarios do porto exterior. Algunha maza que sube e recibe a luz. O Intelectual Integrado olla para estes últimos con mirada experta. Os outros tres alzan a vista sobre as súas cabezas e contemplan o ventre negro do jacuzzi como quen albisca a proximidade dunha treboada. Cesa o ruído de obras nese momento. Simultaneamente, sube o volume da locución que describe o salto iterativo de Fosbury. A luz alaranxea e do ventre do jacuzzi emanan estreliñas e potencias neobarrocas. Óese ladrar xalundes, pero de súpeto todo o orbe é ladrido. O Monte do Gozo abre nesa altura en dous, como nun parto telúrico. Ecoa nel a risada dionisíaca de Medela. Un minuto, dous. Fosbury salta e salta conseguindo o ouro olímpico n veces. Un individuo avanza entre o público correndo. Leva unha pértiga. Con ela efectúa un chimpo prodixioso e tras unha vistosa cabriola con caracol aéreo encaixa nádegas e coxas con precisión suíza nunha das cadeiras libres. Nin se despeitea co salto. É a Soberbia Política. Segundo acomoda o corpo e repasa as caras arredor da mesa, inquire:]
A SOBERBIA POLÍTICA > E lo, aínda non chegaron a Mentira, a Tutela Democrática e o Libre Mercado Enerxético? E a Inocencia Pública… non arrimou hoxe ao cenáculo? Pero se nen sequera están aquí a Politoloxía Ilustrada e o Sistema Literario! Nin a Santa Madre!! Señores, nin a Santa Madre!!! Pero que vexo? Nin Galicia Milindres chegou ao patio!! Mi ma…! Cacho parladoiro de pousafoles imos ter. Cacho exaltación con sordina! Catro intelectuais e o pobo embaixo.
A RISADA DIONISÍACA DE MEDELA E DO FUSO NEGRO > [Estéreo longínquo: fff] Ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha haa haaaa!!! Touporroutou!!!
O ESPECTRO DA PROXECCIÓN EXTERIOR DE GALIZA > [Pé da mesa, en cadeira de rodas e con manta de cadros sobre as pernas, capitidisminuído] Soan tremoias! Ouh, mísero de min no Mundo. Presinto a morte do nasciturus que son ou fun.
[A Soberbia Política non se decata de que arriba da súa cabeza, como a dous metros ou algo máis, hai un jacuzzi. Sorpresivamente cae algo de auga, non moita, e os tres Intelectuais e o Académico pillan, espilidos, cadanseu paraugas. A Soberbia Política reacciona tarde e non consegue ningún. Móllase]
CORO COPE EMBAIXO > [Trasunto de vulgo malia saberse “saber”. Circulan arredor da mesa camilla e entre o público, que tamén a rodea en metonimia de corpo social-electoral. Todos se mollan aló embaixo, un sitio popular e infame para contemplar a obra] Assim, assim… bailei en Xanadu, bailei en Xanadu.
[Hora da sesta comunal. Algunhas espectadoras idosas e non tanto fan rolda carnal co subcoro de subsaharianos, que retoma o retrouso-consigna “Auto e moças para a gente!”. Óese unha voz algo rouca de vicetiple, vindo acaso de dentro da faldra da mesa camilla: “Aquí xógome a i-alma” . Cega logo a luz laranxa como nun orgasmo tectónico, exponencial: converxen as razas todas do porto exterior no salgado sorbo marítimo, cunnilingüe, de herbas do país, paso previo á unión carnal das nacións proletarias coa Terra (coa Nosa Terra). Nesa altura, en prolepse de dezaseis días, a pantalla na que saía Fosbury recolle imaxes de Ratzinger aterrando en Yaundé. Levou a África a boa nova: o uso do condón coadxuva á propagación da SIDA, polo que é preferíbel non usalo. O preferíbel é, engade, non usar o corpo, esquecelo. Iso declara o Papa branco ao continente negro. Aumenta asemade, con todo, o ritmo obreiro das razas baixo a carpa lúbrica e alegórica. A Nosa Terra treme enteira con epicentro en Triacastela. O grao na escala Richter é 3,9]
[Este texto é un perpetuum mobile. Modifícase sen previo aviso e reformúlase sen pausa. No se recibe duelo. Non se opta a nada. Continuará?]

Teatro proício

13 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas (2 x 1: Auto sacramental, Farsa inmóbil)

Momento inicial
Espazo cúbico envolto nunha luz placentaria —como de placenta vacuna— que lembra o lugar predestinado para unha rotativa nunca instalada dun xornal-soño, capaz que chegado das ucronías dun exilio estraño. No centro dese espazo érguese unha mesa camilla cun número de cadeiras non doado de precisar; talvez sete, oito. As cadeiras son altas e teñen un mecanismo de izado para os ocupantes. A luz proxéctase neste momento inicial até dous terzos da altura do espazo cúbico, non desde o nivel inferior do escenario senón desde o que correspondería a un terzo da altura total que acabará por descubrirse segundo se desenvolva o auto. Por tanto, iluminarase de partida só o terzo central do volume (considerado en vertical). Á dereita da pantalla, calcúlese unha gran columna branca que a ausencia de luz corte a media altura, algo por riba do nivel alcanzado pola mesa camilla. Esta ten un diámetro de cinco metros, con outros catro metros de alto, de modo que as persoas que sentan arredor dese cilindro con tapete azul ceo están relativamente distantes unhas das outras, nalgún sentido abducidas e aqueloutradas, se ben trasladan en todo momento impresión de perfecto acomodo á situación. Sobre a mesa hai catro grandes paraugas pousados. A medida que a acción se desenvolva, a luz placentaria ampliará o cono iluminado cunha progresión de medio metro por minuto (25 cms para arriba e outros 25 para abaixo medidos na vertical da columna), até ocupar o volume completo do espazo bauhaus descrito. Devagar, iso permitirá descubrir a existencia de seres —ou nadas— reptantes no escenario (parte do público?, animais disecados en vida?, políticos cesantes?) e unha cuadrilla de operarios á esquerda. Estes últimos fuman e constrúen un porto exterior. Á dereita, a columna branca vai desvelándose progresivamente como aeroxenerador, parte improbábel, acaso apenas simbólica, dun parque eólico, porque o certo é que a carón del non hai outro muíño máis senón unha especie de escultura pública de cerámica mediterránea, asemellada ás que identifican os paseos coruñeses e con distinción estética de marca opus-vazquista: trátase de dúas enormes mans sen código claro, xuntas polos pulsos e con habitus receptivo, indiscutibelmente obra de Lladró. Cando a luz ascenda por completo, non aínda neste momento inicial, descubrirá arriba un jacuzzi sostido por dous grosos cabos de aceiro. Un individuo de idade indeterminada chapuca ás veces nel, os pés por fóra. Ao tempo semellará redactar algo, como concentrado na gramática. Haberá un teléfono ao seu carón. Un teléfono glauco que ocupará medio metro cúbico e estará suspenso dun cabo vertical, xusto á altura do ventre do écrivant. Un empregado deste, con manguites de linotipista e barrete académico, vai e vén en monociclo funambulario polo tirante de aceiro que sae cara a esquerda da pantalla desta computadora (a túa). Detense ás veces a facerlle a pedicura ao tipo do jacuzzi ou deita sales de baño que acaban caendo como caspa olímpica sobre escenario e público. Máis adiante, cando o tipo do jacuzzi se mova na bañeira e o aeroxenerador abanee o aire do escenario e a sala toda, é probábel que a bañeira comece a oscilar como un bambán, de dentro a fóra do écran (do teu). Algo de auga eólica caerá sobre a mesa camilla e nese momento os personaxes que nela aparezan (en xeral, intelectuais e grupos escultóricos afíns) abrirán os paraugas para non mollarse. O público, arredor da mesa camilla, móllase algo. Ti, desde logo, tamén. Un curmán teu que traballa na Xunta pásache unha toalla.

[Continuará?]

A realidade explicada a nenas e nenos

12 de Marzo de 2009

Pasou algo de tempo desde o 1 de marzo. Abondo para formular de modo sumario —dentro das limitacións de quen asina— unha análise directa do acontecido fundamentada en datos e por suposto tamén en percepcións e valoracións persoais, como é natural discutíbeis:

1. O reparto de votos entre o que convencionalmente denominamos esquerda e dereita resulta ser a día de hoxe en Galiza 1:1.

2. Este equilibrio case exacto nas opcións, que ronda os 800.000 votos para cada un deses dous supostos sectores ideolóxicos (non hai tal en realidade, por diferentes causas), presupón que os momentos inmediatos á celebración das eleccións son absolutamente decisivos.

3. De toda a vida, isto sábeo moito mellor a dereita que a esquerda. Sábeo e aplícao. Sábeo e aplícao até as 19:59 horas da xornada electoral mediante todos os procedementos que a lei permite e mediante moitos outros que repugnan á ética democrática aínda que a lei non os penalice de xeito explícito.

4. A dereita domina mellor os tempos políticos e mediáticos que a esquerda. Proba irrefutábel, con implicacións que teñen que ver co punto segundo, foron dous factores recentes: a resolución do controvertido reparto eólico a tres meses das eleccións (unha de dúas: prepotencia obtusa ou temeridade cega nas condicións nas que se fixo, con responsabilidade compartida dos dous socios de goberno) e a aparición simultánea dun novo xornal a comezos de decembro, algo que coa traxectoria tan curta até o 1M era moi evidente que só podía causar problemas, nunca render beneficios, a xestores e promotores directos ou indirectos pola previsíbel animadversión dos outros medios cos que ese xornal pasaba a competir, sobre todo do máis forte, La Voz de Galicia.

5. A dereita, unha vez que se incorpora ao ring electoral, sabe castigar o fígado até o desfalecemento ou o abandono do contrincante. Baltar é un exemplo magnífico do que se apunta. A esquerda nosa, a galega, ignórao todo sobre este aspecto. É pusilánime, piadosa, medrosa e pánfila. Ten incluso algo do espírito do seminarista: considera que se non se pecou o mellor é rumiar en soidade as acusacións que caian, porque o pobo é sabio e non sei cantas outras necidades que Gramsci desmontou sobradamente. Ademais, o socialismo galego nunca soubo promover a figura do segundo malencarado, do defensa central á vella usanza. Esa voz que reparte leña sen excesivas contemplacións, pero que logo asume con disciplina, simulación de acatamento e docilidade de aceno as matizacións que lle faga, entre o desleixo e a reconvención, o número 1. Sobre iso, o PSdeG , ignórao todo. E non será por falta de exemplos dos que beber.

6. A dereita, na súa inmemorial connivencia cos poderes fácticos, non experimenta pudor de ningunha clase no recurso ás mañas extrademocráticas con tal de alcanzar o poder. A dereita, alén diso, sabe poñer en práctica o que con todas as precaucións polo uso figurado da etiqueta, reclamada desde as vellas prácticas trotskistas, chamaremos entrismo. Así, numerosos conformadores de opinión habitualmente considerados de centro-esquerda ou dunha esquerda ornamental serven en realidade estratexias conservadoras. Ás veces non o saben eles mesmos, porque en xeral se fala aquí de individuos de tallaxe intelectual no rango S – M. Pero a maioría das veces si que o saben. Sábeno eles e sábeno as súas nóminas, igualmente entristas.

7. O entrismo, como é natural, non se deu só na esfera mediática no noso país. O caso de Francisco Vázquez (conservador, católico, local-nacionalista, muñidor do máis feroz antigaleguismo coruñés, militante impenitente da medra patrimonial) é paradigmático do que quero indicar: un individuo que pasa por republicano e socialista, guerrista en tempos!, e que impuxo con éxito esa ominosa mascarada a varias xeracións de cidadáns e de compañeiros de partido, deixando ademais unha pegada ideolóxica e imagolóxica brutal no coruñesismo menos democrático.

8. A dereita convive sen problemas coa frivolización da vida pública. Sabe facelo. Ten ese habitus, polo que non precisa esforzo ningún (véxase o escándalo Carrera Pásaro, véxase o sostenuto Baltar, os excesos, o vaivén verbal-caciquil). A esquerda non o ten, carece dese habitus. Cando quere frivolizar cae no ridículo e faino con consciencia de estar a remedar o que non lle corresponde. Quintana debe de estar pensando arreo sobre isto.

9. Estas eleccións gañounas La Voz de Galicia. A súa foi a única intervención decisiva en todo o proceso electoral. Fíxoo en boa medida (pero non só) á luz pública, xustamente polo indicado no punto anterior. A dereita non precisa esconder a maquinaria de guerra, a frivolidade, a instalación no límite exacto da ilegalidade e varios metros alén do que deberían ser as normas éticas e políticas dunha democracia merecedora de tal nome. O feito de que o editor Santiago Rey mantivese na páxina de acceso de LVG en Internet o escrito “Yo protesto” durante a totalidade da campaña electoral, xusto até a xornada de reflexión, cando foi retirado, é dunha gravidade extraordinaria e non debe valorarse só pola incidencia directa que puido ter nos lectores ocasionais. Foi ante todo un xesto fático e performativo: estou aquí, permanecemos aquí e ides ver o que pasa por facerdes o que fixestes. Iso cara a fóra, con fachenda e, insisto, no gume da inmoralidade e do que pode ser admisíbel na intromisión política dos medios como manipuladores da realidade. Cara a dentro, esa exposición permanente do escrito —intelectual e politicamente ruín— significou unha chamada á orde dos empregados da empresa, en todas as súas divisións. E tamén un aviso (mental, político, laboral). Esas divisións do medio mencionado son a día de hoxe cómplices na desactivación dun cambio histórico que era imprescindíbel para Galiza como proxecto nacional. Creo que somos moitos os que nunca o esqueceremos. E, en contra do dito por Barreiro Rivas, isto non foi algo menor, isto non forma parte da atribución de funcións que as institucións e os axentes públicos teñen dereito a exercer ou a poñer en práctica cando o consideran oportuno. En absoluto é iso o que fixo LVG. O que fixo LVG foi, con total claridade, outra cousa.

10. Isto último que se describe, sabido por quen pensou e acaso secuencializou o proceso todo en colaboración directa cos responsábeis da empresa mencionada (infundios, fotografías manipuladas na súa localización temporal e na súa proxección social, selección de datas para cada golpe de efecto, etc.), foi un elemento máis de afortalamento da táctica de derruba do bipartito. Por iso mesmo resulta inverosímil que Francisco Vázquez permanecese alleo á partida.

11. A estratexia á que fago referencia podería estar encamiñada a algo moi concreto a medio prazo: garantir no noso país un abrocho novo, o de UPyD, o partido de Rosa Díez, Savater e algúns outros que contan como lexitimidade curricular principal a de estar ameazados polo terrorismo de ETA (léase o seu programa electoral se se desconfía do que sinalo). Non son moitos, pero son os suficientes como para lograr, por exemplo, que o discurso terxiversador da imposición do galego sobre o castelán (falsificación irreal da verdade contrastada por observadores e técnicos neutrais que, porén, alcanzou un rendemento social e electoral moi apreciábel) movese a cartografía electoral nese ángulo pequeno que era preciso facelo. Ou non tan pequeno ao final. Calculo que polo menos un 20% do electorado tradicional socialista da zona urbana atlántica (Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra) decidiu nesta ocasión negar o voto ao PSdeG.

12. A soberbia intelectual (?) e política de figuras como o conselleiro Méndez Romeu, e tamén nalgunha medida a da garda pretoriana do presidente Touriño, xunto coa insubstancialidade política e a baixada de brazos nos momentos máis tensos dun amplo sector do Goberno nomeado por aquel, converxeu irresponsabelmente co detallado no punto anterior. De modo que o conselleiro de Presidencia é a día de hoxe a faciana máis obvia do que significa a renuncia ao único xeito posíbel de desaloxar á dereita do poder en Galiza: converxer nalgunha forma co nacionalismo. Isto explica, como é lóxico na lóxica que ambos comparten, os parabéns que recibe por parte de analistas como Blanco Valdés. Reiteraraos, xa se verá, con precisa puntualidade, ás veces revestidos de advertencia. Porque do que se trata é de que desapareza das institucións o nacionalismo que el tilda de independentista á menor ocasión que se lle preste, criminalizando con vileza moral dous paxaros dun só tiro.

13. O papel de articulistas máis ou menos tocados coa marca de “editorialistas” en La Voz de Galicia foi igualmente eficaz para alcanzar os obxectivos trazados. Non falo tanto do que poidan representar os homes da casa, un Ventoso ou un Casal, ocasionalmente brillantes pero case sempre ecoicos, vacuos e tendentes á simpleza de análise e argumentación. Falo doutras sinaturas, falo dos que outorgan á causa de Rey o prestixio académico, a distinción, o fru-fru intelectual. Cumpriron o papel asignado Blanco Valdés, desde un discurso político absolutamente homologábel ao de UPyD, e Barreiro Rivas, nese seu zigzagueo cansino entre o vello espazo electoral dereitista-galeguista e a dependencia de esquemas de análise de xorne centralista e estatalista, pero á vez cunha probada eficacia retórico-homilética aprendida onde mellor se aprenden esas cousas. E digo asignado co dobre valor de auto-asignación e hetero-asignación. Desde logo, para min, as súas non son sinaturas libres. Descúlpenme se me equivoco, porque o asunto é groso. Pero a circunstancia histórica éo aínda máis.

14. Alén da gravidade histórica da manipulación exercida desde La Voz de Galicia neste proceso electoral, existen algúns aspectos que merecen unha atención especial: un é a súa constancia na xestión do cinismo social e político, que alcanza máxima expresión no mencionado manifesto do editor, cun correlato na rúa no papeliño de figurante adxudicado conxunturalmente a Galicia Bilingüe como úvula armada dun movemento destinado —sinalouno noutros termos Manuel Rivas— á extinción definitiva da cultura galega como realidade diferenciada e autónoma, non alienada e non subordinada, non rexionalizada e miniaturizada. Outro aspecto é o factor probatura-rodaxe: Santiago Rey acaba de constatar algo que xa el mesmo intuía, que desde a frivolización política, a instalación nun proto-berlusconismo populista e a soberbia de clase, pode argallarse na cousa pública e pode na práctica un (el) decidir quen presida o Goberno galego. É dicir, aprendeu a conxugar, a escala, os xogos de rol que outros donos de medios moi poderosos levan anos practicando en Madrid. Non entro agora na responsabilidade que o poder lexislativo, executivo e xudicial teñen en que iso se manteña así, en que se favoreza, ás veces entrando directamente na prevaricación, esa necia política en relación coa subvención aos medios. Por que temos que pagar como contribución á normalización lingüística un programa de actuación destinado en realidade a garantir a hexemonía da outra lingua e o mantemento dos seus privilexios? Non é iso prevaricación por parte de quen libra os fondos? Que nome lle poñemos aos receptores deses cartos?

15. Galicia Bilingüe era un bo nome, en termos publicitarios, para intervir contra o bipartito. Pero é unha pésima marca estando no Goberno o PP. En catro meses máximo, amortizados e disoltos.

16. Os risos máis altos na noite do 1M estou seguro de que se escoitaron en Roma. Co fracaso do bipartito —Touriño chegou a interiorizar o termo bi-gobernación na noite electoral— Vázquez riu de novo. Ecoan aínda eses risos na Piazza di Spagna. Volverá. En realidade, nunca se foi. Pero voltará a María Pita. Calquera expectativa de futuro de UPyD no Estado pasa polo nome de Vázquez. E iso sábeno moitos dos que moven os fíos da cousa pública para se, chegado o caso, Rajoy precisase axuda de infantería e intendencia. A que espera(ba) Vázquez? Desde logo, a isto. Pode que a algo máis, si. Calquera de nós sería quen agora mesmo de redactar o discurso que el fará público ese día, o da volta. Así de previsíbel me parece todo.

17. En relación co punto segundo mencionado no apartado 13, os medios —prensa, radio, TV (e agora vén máis TV)— tomarán nota das posibilidades enormes que teñen na súa man. O país semella aceptar a infantilización, a idiotización e a sedación. Hai unha entrega a esa tutela. E os medios con maior influencia, reitéroo, tomarán boa nota diso. Falta (díxose sempre) sociedade civil, esfera pública, debate. O fracaso neste punto podería parecer definitivo, pero non o é. A rede ten que asumir a responsabilidade que lle corresponde neste ámbito.

18. É imprescindíbel nos vindeiros meses unha demostración de forza. Non direi da esquerda. Direi dos demócratas. En parte, esas mobilizacións han vir pola cuestión da lingua e da educación. Ben está. E ben estaría tamén que algunhas institucións adormecidas levantasen de cando en vez se non a voz cando menos un dediño para pedir turno de palabra a ver se llelo conceden. Virán tamén as mobilizacións polo avance na destrución de emprego industrial e pola crise económica. E pode, en fin, que veñan de novo algún día polo que, tras o Prestige e a xestión que daquilo fixeron entre outros estes Feijóo e Rajoy, acordamos chamar dignidade. Pero eu animaría desde este humildísimo foro a que esa mobilización chegue ao día a día e teñamos moi claro quen serviu en bandexa esta victoria a un partido que ten como un dos seus obxectivos prioritarios desmontar a nosa dignidade como nación, domesticar a nosa dignidade cultural e social e pulverizar a nosa dignidade política.

19. As cuestións nominais para a remuda de dirixentes do PSdeG e BNG non saíron aquí. Non quero entrar nelas agora por simple preguiza e por non anoxar. Pero entendo necesario tratar aos derrotados, aos responsábeis maiores da derrota por seren eles dous quen dirixiron as respectivas forzas políticas e o propio Goberno, con tanto respecto persoal como distancia moral. A súa responsabilidade histórica é enorme, aínda tendo presente o dito aquí sobre a intervención decisiva dos medios e o non dito aquí sobre a guerra suxa non de superficie montada pola dereita, con tres variantes básicas, a viguesa, a ourensá e a coruñesa. Creo que Touriño e Quintana terán bastante con levar ese peso na súa conciencia política e civil. Ambos, é moi evidente, desaparecerán do mapa político en breve. Primeiro Touriño. Despois Quintana. Con esas desaparicións, en todo caso, non debera desaparecer o espírito de colaboración entre as forzas ditas de esquerda. Iso constitúe a única alternativa hoxe por hoxe á eternización no poder do PP. E ademais, deixando á marxe cuestións de convivencia persoal e abrochos esporádicos de momentos de tensión, estes tres anos e medio de goberno de coalición foron exemplares na traslación á sociedade de algo moi evidente: había entendemento e compromiso malia os proxectos seren bastante diverxentes.

20. Algo para rematar en relación con Feijóo. Á marxe de todo o que se vai ter que tragar este home en relación con asuntos de automoción e demais, sería magnífico que nos evitase a vergonza dunha nova toma de posesión con espectáculo público e escenificación do acceso ao poder. Hai tres anos e medio, cando aquel horror de Touriño e Quintana cos tempos medidos no Obradoiro, case como uns Pimpinela relativamente politizados, reflexionei sobre o difícil que resulta aprender, ser cauto, ser discreto nesta clase de momentos. Tamén reflexionei sobre a medida na que os socios de goberno acabarían intentando asimilar certos operativos do fraguismo. En fin, Sr. Presidente de case todos os galegos, tome posesión, agarre logo a feijooneta e traballe arreo sen facer ostentación de nada. Non xogue a ser Obama percorrendo avenidas en Washington nin a ser Fraga entre foles e bandullos. Se quere gaiteiros ou trombonistas ese día, métaos na zona de carga do monovolume ou da C15 de segunda man que estime adquirir e que os músicos lle amenicen a viaxe, pero en privado, por favor, e só entre o Hórreo e Monte Pío. Pase do Obradoiro, faga caso. A partir de aí, ollo! Vai haber moita xente no país que non permitirá un paso atrás en determinados logros históricos e democráticos. Palabra!

[Fragmento do mapa de Domingo Fontán, 1834]

Canal 6 de Julio

11 de Marzo de 2009


Moi necesario o traballo do Canal 6 de Julio, fundado en 1988 por Carlos Mendoza, fillo por certo dun exiliado ourensán. Coñezo algún dos documentais desta produtora mexicana polo contacto que manteño con Mario Viveros, correalizador de Zapatistas: Crónica de una rebelión (2004) e Romper el cerco (2006), entre outras producións. Para conmemorar os vinte anos do proxecto, Mendoza preparou o volume Canal 6 de Julio: La guerrilla fílmica. Comunicación alternativa, documental y autogestión, con colaboracións diversas e en verdade interesantes, que inclúen o recoñecemento de alguén con tanta influencia na sociedade mexicana como Carlos Monsiváis. El mesmo, Granados Chapa e outros colaboradores do volume prestan atención especial á persecución destas producións por parte dun poder ansioso non só por impedir o acceso aos circuítos públicos das imaxes senón mesmo pola súa anulación material. O coordinador comenta nas páxinas iniciais do que presenta como unha especie de autobiografía do proxecto que a publicación intenta aclarar tres cuestións: en que medida resulta sostíbel a produción independente e autoxestionada nun país como México, cal é o modus operandi no día a día do grupo de documentalistas e cal é a incidencia efectiva do acoso e da censura sobre o que eles pretenden construír. Destaco unhas palabras de Cuauhtémoc Esquivel sobre o que representa este proxecto:

El Canal 6 de Julio se ha convertido en un doble emblema que, por una parte, recuerda un suceso político repetido durante múltiples ocasiones en nuestro país: el fraude electoral (sea pasado o reciente) y, por otra, señala el fraude en lo político, el fraude en lo social, el fraude en lo económico, el fraude en lo mediático, el fraude en lo moral, destacado por una digna visión que posee uno de los archivos, o quizá el archivo de imágenes más importante de la historia política del país, y que pésele a quien le pese, merece una felicitación tras sus veinte años de largo trabajo y esfuerzo.

O libro será presentado, xunto cunha das producións do Canal 6 de Julio, dentro de pouco máis dun mes en Compostela por Mario Viveros.

[Capa do volume que conmemora os vinte anos de traxectoria do Canal 6 de Julio]

Microrroturas (viii)

7 de Marzo de 2009

Desertos (Mt 4, 1-11)

Inexistes, díxolle mentres coas mans trazaba a escasos cinco cms da súa cabeza e corpo unha especie de traxe aural. Es, pero non es o que pensas ser, o que queres ser. Inexistes, reiterou a voz. E logo aproximou o alento até a distancia exacta antes trazada, como se fose absorbelo nun fundido…, mais nada fixo. Só durou o instante. Despois xirou como se procurase a saída, como se o deserto a tiver. E rozou aquel corpo coa ala negra.

[Félicien Rops, Pornokrates, 1878]

inPOSTados (7): ontoloxía mediática

3 de Marzo de 2009

PROBA DE FILOSOFÍA
TEXTO A
En la penúltima conversación que sostuvimos —un tanto tensa para ser entre dos viejos conocidos y tener como testigos a personas tan agradables como Manolo Ameijeiras y Javier Losada— le dije a Emilio Pérez Touriño, al hilo de sus negativas actuaciones sobre Xornal de Galicia, algo así como lo siguiente:
—Emilio, yo ya te hablaba cordialmente cuando no eras nada, sigo haciéndolo ahora que estás en la gloria y lo seguiré haciendo cuando no seas nadie. Otros, que ahora te dan instrucciones, ni siquiera te recibían cuando no eras nadie, y seguramente volverán a hacer lo mismo cuando no seas nada“.
TEXTO B
Así, aínda cando o ser non fose o soporte de ningunha cualidade diferenciada, a nada sería loxicamente posterior, xa que supón ao ser para negalo, dado que a cualidade irredutíbel do non sobreengádese a esa masa indiferenciada de ser para liberala. Isto significa non só que hai que se negar a poñer no mesmo plano ser e non ser, senón tamén que temos que precavernos contra a idea de poñer a nada como un abismo orixinario do que surxiría o ser“.
Cuestións para a autoavaliación
1. Le atentamente os textos anteriores e intenta distinguir, polo ritmo da prosa, cal deles corresponde a Jean-Paul Sartre (O ser e a nada: Ensaio de ontoloxía fenomenolóxica, 1943) e cal outro corresponde a José Luis Gómez (“Emilio ya se nos había ido…“, 2009).
2. Cal destes dous pensadores consideras que reflicte mellor a idea de angustia existencial?
3. Redacta catro liñas sobre a fatuidade do ser. Non redactes ningunha sobre a fatuidade da nada.
4. Subliña, se o atopares, algún fragmento que remita ao que na lección sobre a Ética Nicomáquea de Aristóteles estudamos como andreía ou valentía.
5. A partir dun dos dous textos, o que che pareza máis acaído, correlaciona se podes a tríade conceptual haecceitas (Scoto), privacidade (Arendt) e prurito anal (Freud).
[Sartre]