mediosArchive for the ‘’ Category

inPOSTados (6)

3 de Marzo de 2009

“Por eso creo que la victoria obtenida ayer por Núñez Feijoo, aunque no marca la cima de escaños que obtuvo el PP, es el mayor triunfo obtenido en Galicia, porque es limpia, propia, inteligente e incontestable”. [Xosé Luís Barreiro Rivas, na súa columna de opinión en LVG, 2 de marzo de 2009]
Incontestábel?
Intelixente??
Limpa???
Propia, Sr. Barreiro????
[Barreiro Rivas nunha foto de Manuel P. Rúa]

FAQ 2

2 de Marzo de 2009

Sabe vostede se existe algunha lei de proporcionalidade directa entre os metros cadrados de bandeira de iate e os milleiros de votos glu-glú?
Cantos deses milleiros de votos glu-glú pensa que caeron polas cores da bandeira no encadre de babor?
Cantos deses milleiros pensa que se perderon polo tamaño da bañeira do iate?
Cantos deses milleiros de votos pensa que fixeron glu-glú pola suxestión implícita de corrupción política vinculada co concurso eólico?
Coñece vostede o nome da empresa de publicidade que deseñou e secuencializou o dispositivo foto-iconográfico de La Voz de Galicia para estas eleccións?
Estará limitada a operación de La Voz de Galicia a estrangular os medios que lle fan a competencia na área de influencia coruñesa-compostelá ou transcenderá a ese operativo por incorporar algunha clase de contrato político-mercantil coa forza que venceu nas eleccións?
Esquecerá vostede algún día a deslealdade institucional e a afrenta nacional causada polo PNV e o lehendakari Ibarretxe por fixaren parasitariamente a data de celebración das eleccións vascas o mesmo día que Touriño determinara para as galegas?
Que idade mental atribúe vostede ao socialismo galego acollido baixo as siglas PSdeG-PSOE?
Considera vostede apropiado que máis da metade dun goberno careza de discurso político?
Cederá de novo o PSdeG tras a retirada do seu actual secretario xeral ás vellas tensións de sempre?
Sabería vostede estimar a porcentaxe de novos parlamentarios cun discurso político minimamente coherente que poida ser articulado ademais nun rexistro lingüístico e nun nivel argumentativo á altura do esixido na selectividade?
É posíbel que algunha vez exista un líder político na esquerda galega que combine formación, carácter, sentido da realidade e capacidade de diálogo?
Consiste a sucesión nos postos de mando do PSdeG simplemente no resultado dun pulso entre Francisco Vázquez e José Blanco?
É vostede consciente do poder que conserva Vázquez no istmo coruñés, entendendo por tal accidente xeocultural o poder económico e mediático máis determinante no país?
Cantos telexornais lle quedan ao alcalde Losada se non tritura o acordo co nacionalismo no concello da Coruña?
Cantas veces releu Losada desde onte o manual LVG para fundir alcaldes en quince meses (ed. orix., 1981)?
Que papel reservan as providencias ao ministro Caamaño en relación coa fonda crise do socialismo galego?
Tomará nota sobre o acontecido a esquerda nacionalista extraparlamentaria ou continuará pensando que o seu papel histórico queda cuberto coa consecución de 4.500 votos cada catro anos?
Teremos por fin un estatuto de rexión?
A canto tempo asinamos esta hipoteca?
Podería vostede explicar en menos dun minuto e con palabras sinxelas por que carallo se lle chama a isto “a festa da democracia”?

[Pezas]

Champaña no jacuzzi

1 de Marzo de 2009

Gañou. Apostou e gañou. Gañaron os que prepararon a operación toda no istmo. Gañou Vázquez, que regresará. Moitas cousas se van mover nas vindeiras semanas. Touriño rematou a súa vida política en Galiza. Espero que o faga con dignidade e non permita a culminación de certas operacións ligadas á estratexia do istmo. Quintana non creo que peche a andaina no Hórreo, aínda que queda moi tocado no persoal pola circulación de infamias e a utilización de fotos. Corina xa non terá que abrirse ao exilio. Galicia Bilingüe parecerá que alcanza papel na interlocución e na demolición de certos símbolos e ferramentas, pero a realidade é que comeza a súa disolución (por simple perda de funcionalidade).
Como nas autoestradas, un exceso de cautela orixinou riscos enormes para a circulación, para o progreso social e político do país. No PP non se atreverán a facer todo o que anunciaron en letra de grande ou mediano corpo. Aínda así, veñen tempos de resistencia. Esperemos que de algo máis tamén.

[Santiago Rey, quen mantivo até a xornada de reflexión o manifesto “Yo protesto” ben visíbel na páxina de entrada da edición electrónica do xornal LVG]

"Defender a língua nom é delito. Crónica do 8F"

19 de Febreiro de 2009

Súmome ás 7 razóns de Mario e recomendo ver a información de GZ Vídeos sobre os sucesos do 8 de febreiro en Compostela. É moi certo, nada disto saíu nin sairá non medios de información que controlan o que se debe ver e o que se debe pensar. Información e contrainformación, por tanto. Códigos e contracódigos. E reflexión a fondo sobre o que significa a posesión da linguaxe. Aquilo de abater/asasinar, verbos que todo informador aprende de inmediato a conxugar con corrección política e diáfana distribución semántica. O poder lexítimo abate. Os outros asasinan e reciben informativamente a etiqueta adecuada ao caso. Sempre foi así, claro. O terror é ás veces quen nomea o terror, quen ten o poder de administrar o que iso signifique.
Penso agora, noutra escala, na utilización que o delegado gubernativo Manuel Ameijeiras transmite aos medios sobre a etiqueta “independentismo”, ecuacionada directamente a “violencia” e a “ilegalidade”. Penso nos ecos mediáticos e sociais desa ecuación e na súa equiparación a “terrorismo”, verbalizada nas gorxas bilingües dos violentos bos do día 8 (“Leña! Leña!”). Penso na violencia que rexistra o relato de GZ Vídeos (tamén nos baleiros que se abren nesa narrativa, por suposto), na cámara a contar a súa verdade, nos berros dos manifestantes de GB, na conivencia con quen calculan que son “os seus” (este neofranquismo en gabardina, cada vez máis afouto), nos autobuses fletados desde Aragón ou Madrid (hai máis datos sobre isto?). Violencia boa, violencia mala.

Guindastres

19 de Febreiro de 2009

Falabamos aí atrás da cabalgata de guindastres no Festival de Perfopoesía que organiza en Sevilla estes días a xente de La Revuelta Sureña. Creo que algúns poetas suben aos guinches e fan declamación poética megáfono ou micro en man alí enriba sobre xente que pasea ou anda ás súas actividades cotiás. Poesía peripatética, pois, peripatética, con altofalantes e en contrapicado para a leria e a festa colectiva e para desaxuste individual das cervicais e da distinción dos paseantes menos en forma.

Esa diagonal suprematista levoume a lembrar, non sei por que, El Lissitzky e a Tribuna Lenin, pensada nos primeiros 20 cunha finalidade pode que semellante, moi en débito co soño aquel magnífico do Tatlin piramidal e cilíndrico, tamén espiral, como nunha babel obreira e internacionalista para Leningrado. Pero se un o pensa ben, a idea está xa en capiteis e ménsulas románicos ou góticos. O músico ou o trobador que desde alí arriba di o seu canto, ás veces en performance ben máis construtivista, dinámica, escatolóxica, hormonada e queer que as que agora se estilan. E os medios veñen facendo o mesmo, non si? Doutrina e lecer é a receita desde Horacio. Diso falaba Reixa na radio con Quintela, máis ou menos.

[Deseño para a Tribuna de Lenin, El Lissitzky, 1920-1924]

ps. Eis o punto de vista de Ferradura en Tránsito en relación coas prácticas referidas, tamén sobre unha posíbel diferenciación entre poesía e actitude poética (23 02 2009).

Fantasmagorías

16 de Febreiro de 2009

Que boa é esta imaxe de Jaureguizar na Ronda da Muralla! Esa lectura súa da metaplasia posmoderna! Pero, en fin, ía falar doutra cousa, aínda que tamén desa, claro. Ía falar de fantasmagorías. E para iso Hamlet é perfecto. Logo ocorre que na vida ocorren estas cousas das coincidencias, que tanto interesaron aos surrealistas. Por exemplo, o mércores pasado acudín á presentación do acordo Google – Galaxia e alí coincidín con moitos amigos. Fomos algúns despois do acto tomar unha cervexa e acabamos nun lugar ao que non estaba previsto acudir. Foi curioso xa ese dato. Pasando ao carón do Monroy, en Fonseca, comentei que alí escoitara eu un discurso de Arias Navarro que en 1976, tras morrer Franco, quería enlazar con aqueloutro famoso do espírito do 12 de febreiro. Espírito, diso ía eu falar aquí. Espíritos e pantasmas. Pasaron como 33 anos daquela noite no Monroy. E pasaban 35 anos xusto esa noite en relación co 12 de febreiro de 1974 e eu non era consciente exactamente dese paso entre tantos febreiros. O feito é que entre os contertulios da cervexa a carón do Monroy estaba Xesús Constela, o autor de Shakespeare destilado. Con el fomos tamén Marilar Aleixandre, Anxos Sumai, Xosé Monteagudo e eu mesmo. Houbo unha epifanía moi lúdica cando Constela, co que falamos moito sobre Irlanda, descubriu que eu era Lándoas. Dixo que me lía con frecuencia e engadiu que pensou que era unha muller, algo por certo que nunca cheguei a descartar. Pero non sei por que razón a lío tanto. Seguro que por falar con prosistas. O caso é que ao día seguinte tiven unha conversa prodixiosa con MB no que algúns chaman a Fuck. Prodixiosa, polo dicilo sen vaidade, porque basicamente me limitei a escoitar a MB. Falábame de T.S. Eliot, do seu ensaio sobre os problemas de artellamento funcional do Hamlet e da súa idea de que no comezo desa traxedia pasaba algo extraordinario, vaticinante. Algo que Eliot, sen chegar a precisalo, cifraba como o momento de máxima manifestación do xenio dramático do autor inglés. Xa se sabe, ese instante do cambio da garda en Elsinor no que a pantasma do rei morto está e non está entre os soldados que fan garda no pazo real. MB conecta ese momento coa crise da ecuación “identidade = subxectividade”, introducida da man da apelación á pantasma do rei morto e fundamental para entender o que significou o paso á modernidade. Non me estendo tampouco nisto nin na súa conexión con algo que Eliot non chega a explicitar no seu coñecido ensaio “Hamlet and His Problems”, de 1922. Pero regreso xa ao correlato obxectivo do blog nestes días: o jacuzzi, claro. Por certo, e vou parecendo Tristram Shandy, que hoxe no chat de El País con quen desde Madrid nese xornal chaman con perseveranza biblica, malia telo en nómina, Suso del Toro hai unha consideración sobre o propósito último do xa celebérrimo manifesto (pregunta 13, formulada por Mortimer): para Suso non outro que o de forzar un entendemento PP-PSOE, con acomodo exacto á doutrina Vázquez. Concordo. Pero iamos a outra zona, seica. A das coincidencias. Resulta que un dos comentarios que entrou aquí no post arriba mencionado, xusto a noite antes á conversa con MB, preparaba unha teatralización dos acontecementos destes días fixando precisamente Hamlet como hipotexto [Unha mañá de domingo. Dereita e esquerda as dos lectores de xornais. Un tipo en chándal contempla o porto da Coruña. Chámase Arana. Outro está nun jacuzzi, e saca os pés por fóra. Repártense as dúas metades do escenario. Vaise a luz na parte dereita, a que ocupa o tipo do jacuzzi. Na Coruña vira o vento a Noroeste. Vai fedendo na sala mentres quince autobuses entran en escena e cruzan por diante do tipo do chándal, Arana, quen acaba de recibir unha chamada do tipo do jacuzzi, alporizado porque en Oleiros se foi a luz]. Chama a atención o nome do autor dese comentario: Ventoso. Que non será o subdirector de La Voz, supoño, senón outra persoa interesada igualmente na evolución do concurso eólico. O caso é que Ventoso retomou ao día seguinte a súa proposta de teatralización da intervención política de Galicia Bilingüe, nun interesante travestimento burlesco (Genette, Palimpsestes) da primeira escena da obra de Shakespeare que aquí andamos a citar:

O TIPO DO JACUZZI.- Quen anda aí?
ARANA.- Son eu quen pregunta, que por algo recibín a chamada e son o delegado.
O TIPO DO JACUZZI.- Viva o bilingüismo!
ARANA.- Zoliñas, es ti!
O TIPO DO JACUZZI.- E logo, quen vai ser?
ARANA.- Chamas cando dixeches.
O TIPO DO JACUZZI.- Veña, que son as 12. Tes listos aos antidisturbios?
ARANA.- Claro, non vou ter? O caso é que me doe o lombo con esta friaxe.
O TIPO DO JACUZZI.- Foi ben a garda?
ARANA.- Aquí non se move un furelo sen que eu o saiba.
O TIPO DO JACUZZI.- Veña, come on!
ARANA.- Se ves a Gabi dille que bula.

[Entra Gabi]

ARANA (saíndo).- Alto, quen vai?
GABI.- Amigos desta terra.

Como é posíbel todo isto, Jaureguizar, Constela? Non dou creto. En particular a esa reelaboración da fantasmagoría, correlativa en fin da persecución que sofre o castelán na Galiza e das tribulacións que algúns pasan por causa diso. Pantasmadas? Que diría Eliot, rico e conservador pero intelectualmente honrado? Que diría MB a propósito da recondución espect-acular e espect-ral da pantasma como saída posmoderna e local(ista) á quebra definitiva de calquera fío condutor entre subxectividade e individualidade?

[Na fotografía Jaureguizar na Ronda da Muralla de Elsinor o pasado xoves (Cortesía de Plásticos Santi)]

A terra quere pobo, en efecto

14 de Febreiro de 2009

Ben interesante, non como adoito nesta caste de simulacro do chateo “ente conspicuo” – “masa disforme”, o encontro dixital das lectoras e lectores con Xosé Luís Barreiro Rivas onte venres na Voz de Galicia. Nun comentario ao post noso do día 12 sinala Tío Pepín que lle pareceu raro que ningunha pregunta das dirixidas a Barreiro se referise á posición Rey, ao j’accuse de jacuzzi do que vimos falando. Desde logo, semella un pouco curiosa esa ausencia. Pero é evidente que non se pode contestar a todo e que non todas as preguntas pasan da portería.

Na figura pública de Barreiro existen na miña percepción algunhas notas chamativas, algunhas contradicións que fan atractiva a súa imaxe e en particular o seu discurso. Quizais porque, sendo un home conservador, proxecta uns hábitos de pensamento que saen dese marco, e tamén porque os seus escritos plasman un proxecto reformista que de se ter aplicado durante a os longos lustros de pax fraguiana terían determinado algo semellante a unha reinvención polo menos administrativa do país (ás veces a reinvención nacional é cousa dos reformistas, por moito que escoza).

Aliás, raras veces verbalizou Barreiro en público, que eu saiba, unha das cuestións máis persoais que figuran no chat de onte: a da súa expulsión da vida pública e a das tentativas (diversas) de reincorporación á esfera política e ao exercicio do poder. Cinguireime a iso en seguida, pero antes quero concretar algunha outra nota de contextualización. Por exemplo, a súa opción lingüística no chat. O uso exclusivo do galego nas respostas do encontro, mesmo nas respostas feitas a preguntas formuladas en castelán. Anótoo, simplemente. Anótoo polo contraste coa súa práctica de anos como columnista nese mesmo medio. E anótoo tamén por contraste coas cousas que vimos tocando estes días a propósito de Galicia Bilingüe (incluído o tic José Blanco) e da entrada desa plataforma na campaña ás eleccións do 1 de marzo, confesada como tal pola súa voceira Gloria Lago sen lugar a dúbidas nin a reservas de ningunha especie (“Estamos consiguiendo que los partidos se muevan“). Segundo indica Tío Pepín, é evidente que Barreiro se implica nese debate, que toma partido nel e que se distancia, aínda que sexa con cautela, da posición Rey. Mesmo que se desmarca do abuso mediático destinado á manipulación informativa e ideolóxica pola que se sobredimensiona a deriva violenta (o momento “cristal”) que puido funcionar como séquito ou como testemuño de resistencia (existen valoracións) á marcha dos mil e pico por Compostela (por certo, que Nós-UP pida a ilegalización de GB resulta para min tan inescrutábel como un tratado de teoloxía positiva).

O que me confirma tamén este encontro co politólogo é algo que hai moito tempo teño como certo. Percibo de sempre a xa longa xeira do Barreiro columnista na Voz como unha demorada Brief an den Vater, ou Carta ao Pai, pendente de algo que sería redutivo concretar na liña culpa-perdón, pero que desde logo está absolutamente inscrito na sombra de Manuel Fraga (e nunca, ou case nunca, na de Fernández Albor, por certo). Percibo as análises de Barreiro como lúcidas e asemade como seriamente pexadas por algo que levan enriba, unha laxe pesadísima procedente da súa expulsión da vida pública mediante operativos político-xurídicos que si terían merecido na súa sazón algún j’accuse, e non dos de salón nin dos de cuarto de baño precisamente. En Barreiro hai tamén algo de tráxico-shakespeareano, que no meu entender explicaría a aceptación (resignación) dun exilio académico con tanxencias ao público. Naturalmente, non diría nada disto se non fose porque creo que excede en moito o sentido do privado, porque creo mesmo que atravesa de les a les un libro como A terra quere pobo.

Velaquí xa o que mencionei arriba sobre o pathema da expulsión:

—Sr. Barreiro, no sé si me contestará a la pregunta. Mi opinión es la siguiente, dado el bajo nivel de la clase política gallega -en general-, creo que una persona como Vd. daría un buen Presidente de la Xunta. Es posible retomar su carrera política hacia tal fin, o lo tiene descartado. Un saludo.

—A política e os políticos non son elementos illados do contexto social, económico, organizativo e cultural dunha sociedade, e cometería unha equivocación quen carente de unha organización adecuada e dun contexto cultural necesario para plantexar unha etapa de rexeneración política se lanzase á area confiando só nas súas forzas. Cando a min me botaron fora da política cunha maniobra evidente que o PP debería explicar agora e cando o conxunto da cidadanía me negou o pequeno apoio que necesitaba para aguantar non se perdeu só a miña carreira persoal senón que se perdeu tamén en honor e gloria de Fraga un instrumento de acción política coma era o nacionalismo centrista que hoxe sería unha maravilla para dinamizar e elevar de categoría o nivel da nosa política. Nas actuais circunstancias a miña volta á política sería coma se Springsteen subira ao escenario sen amplificación ou sen destellos de luz, ou se Messi saíra a xogar con equipo formado por dez inexpertos e máis el. Iso sería melancolía pero non sería música nin fútbol e algo así sería tamén a miña volta á política que sería un bó espectáculo pero estéril.

[Barreiro Rivas nunha fotografía tomada da páxina web que incorpora o encontro dixital mencionado]

J’accuse no jacuzzi

12 de Febreiro de 2009

Seguir falando do fracaso da convocatoria de Galicia Bilingüe é un erro. Talvez teña algún sentido táctico ou emocional facelo. O problema é chegar a crelo.

Un indicio de que non hai tal fracaso é o xeito no que algúns reaccionaron estes días a todo o proceso que conduciu até a manifestación do pasado domingo en Compostela. Galicia Bilingüe e a conexión que representa con UPyD, o partido de Rosa Díez, e outras plataformas conservadoras ou fascistoides da súa trastenda non fracasan desde o momento no que están forzando tomas de posición e declaracións de terceiros para delimitar un espazo ideolóxico e mediático de cara ás eleccións do 1 de marzo. Non fracasan desde o momento en que acollen significadas adhesións por parte de responsábeis políticos e cargos públicos do PP. Porque é evidente que a cuestión ten unha dimensión que transcende ao debate sobre o modelo lingüístico da educación ou da vida pública. Isto é innegábel. Que noutra zona do ángulo parlamentario e do reparto de poder, dirixentes políticos como José Blanco cheguen a sentir a necesidade táctica de lanzar unha mensaxe de rebelión (sic) contra a imposición de falar galego é un indicio do que se sinala.

Pero moito máis relevante que todo iso é a manobra manifestaria de Santiago Rey no seu xornal, ese “Yo protesto” que na edición dixital de La Voz de Galicia abriu páxina durante nada menos que catro días e que agora mesmo segue sendo accesíbel nunha posición menos destacada da web. Rey, co soporte dalgunhas persoas do mundo empresarial e profesional coruñés, dun catedrático de Dereito Constitucional da USC e dun intelectual, asumiu en realidade co seu manifesto, en forma e fondo, as posicións de Galicia Bilingüe e todo o cinismo social que vai no seu guiñol. Fixo coincidir ademais a publicación dese texto coa celebración da manifestación do pasado domingo, como querendo subliñar unha concordancia de fondo e unha empatía coas consignas. Imaxino que os membros de GB estarán moi satisfeitos con ese apoio.

Trátase dun erro de colosais dimensións nunha persoa da súa traxectoria empresarial e política. Un erro de análise e un erro estratéxico, acaso derivados dunha inquietude puramente contábel e conxuntural. Pero ante todo, e isto é o único que desexo destacar hoxe aquí, estamos perante un desafío á sociedade civil galega e á legalidade. Un desafío que se dirixe de modo especial ao campo da cultura galega. Unha declaración pública desa entidade, no que é estritamente o plano lingüístico-cultural que incorpora, non debera quedar sen resposta social nin, atención!, resposta institucional. Non se pode amosar conivencia nin fraqueza moral con esta clase de asuntos. Non se deben rir estas supostas grazas a quen paga ou convida. As institucións están para algo e é perentorio que cumpran co seu deber. Como tales institucións, loxicamente. Porque non estamos diante das reflexións dun columnista calquera un día calquera. Estamos diante doutra cousa moi distinta.

[Fotografía da manifestación de Galicia Bilingüe o 8 de febreiro en Compostela. Tomada da páxina web da asociación]

O poder de dar nome ás cousas

10 de Febreiro de 2009

Confésoo. Cada vez que, ciclicamente, El Hijo del Trueno se ve forzado a intervir porque a Historia o demanda, ou porque algo importante debe ser reaxustado entre fígado e petos, tremo como mapoula silvestre ante o Klaus e agocho logo a caluga coa humildade de quen sabe desde neno que os seus días desembocarán fatalmente nunha esquela nas follas que el pilota con liberalidade e galeguismo ben entendido. Esa clarividencia de xuízo e de exposición, ese desinterese, esa clase, ese tinte… Ese kairós tamén seu de falar cando cómpre (“es necesario levantar la voz y llamar la atención de los corazones nobles, como hemos hecho siempre en momentos cumbre, desde grandes medios de comunicación, aquellos que tenemos como norma cumplir con nuestra responsabilidad. Y eso ha de hacerse por encima de cualquier posición cómoda, aun a riesgo de ganarse las incomprensiones de unos [PP?, certo PSOE?] y las declaradas hostilidades de otros” [BNG?]), na oportunidade exacta para mudar o rumbo dos acontecementos, aínda que se dea a malfadada coincidencia de que ese sexa xusto o día no que unha extrema dereita disfrazada de igualitarista e demócrata demanda unha política lingüística anticonstitucional e antiestatutaria e nos chama aos demais imbéciles por non percibir país e mundo cos seus lentes, non outros que os do privilexio de clase e a alienación nacional.

E agora, serios. Atención ao xiro dialéctico e político deste editor a tres semanas das eleccións. As súas palabras e argumentos soan esta vez directamente a berlusconismo malia a fatuidade dese título que procura o parangón que procura (miñaxoia!). Os argumentos do editor constitúen violencia porque confunden e manipulan negando validez política a case todo o que se move nos hemiciclos de occidente e porque incorporan unha actio profética que resulta cínica nunha persoa que representa o que el é. Non é que haxa un anti-sistema aos mandos da Voz. Non é simplemente que se declare que todo está mal entre a dereita social e o marxismo contemplativo, un pouco ao xeito de quen inspira aproximadamente tres cuartas partes do discurso Rey (Roberto Blanco Valdés, naturalmente, vid. infra). Atentos ao xiro, moi atentos ao xiro e ao seu engarce social co que supón un populismo transversal e supostamente desideoloxizado.

Por riba, atribúese Rey Fernández-Latorre certa tradición galeguista (de seis nomes mencionados, cinco pertencen a mortos e non van chistar; chistarán os vivos citados ou non citados que colaboran no xornal?, chistará Barreiro?) para forzar un desprestixio de determinadas políticas culturais e lingüísticas máis que moderadas en relación cos programas de goberno publicitados no inicio da lexislatura. Violencia e terxiversación as de Rey que semella claro que aspiran a converxer nalgún sentido co vazquismo e con certo cinismo social moi poderoso no istmo coruñés. Violencia non do tipo da que retratan o seu periódico e outros medios en lugares privilexiados e ben visíbeis, identificando independentismo e resistencia á falsificación da realidade; ou tamén, noutra esfera, independentismo e revolta social. Violencia da outra, da que non se nomea, da impune, da que se exerce desde o poder e sae gratis. Violencia manipuladora da que non se resolve varrendo as rúas ás 5 da tarde. Da outra. Da que sabe Vázquez (que casualidade que me saia xa dúas veces neste post!, será que releo estes días en Larrea e ando propenso á pre-visión onírica?, será que volve e Rey o sabe?). En fin, que as condeno, todas, a das botellas lanzadas e a destrución de mobiliario urbano (iso é violencia, o resto de accións atribuídas ese día aos contramanifestantes non o é) e a das falacias calculadas dun individuo con tanto poder. Pero sei medir e comparar o dano que fai cada unha delas. E comparo tamén a resposta que recibe cada unha delas.

Por último, violencia ineficaz, inocua, inoperante, a do editor Rey mentres se ate a ese metrónomo vacuo de pedir e solicitar sempre o mesmo desde unha retórica de coros e danzas (“toda la rémora y la falta de perspectivas se quedan en el abandonado paraíso del Finisterre”). Como a inmensa maioría dos cidadáns que len xornais, un nin é imbécil nin permite ser tratado como tal. Pero isto é o de menos agora. O relevante, ademais da leña que mandou dar Ameixeiras e o que agora faga o fiscal, é a pauta política do editor do xornal que máis xente le, ou follea, en Galiza. A tres semanas das eleccións e con toda a redacción en posición de revista (algúns mediopensionistas xa o pillaron, e ecoan).

[O editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre]

ps. Antón Baamonde contextualiza o asunto e opina desde o blog O Café na Trincheira (25 02 2009).