metaficciónArchive for the ‘’ Category

Teatro proício 3

18 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas etc.

Momento central
19,40 h. da xornada electoral referida. O mesmo espazo cúbico do momento inicial, envolto agora nunha luz como de placenta asnal, amarelecente por tanto. O público, que na parte anterior non chegou nunca a gozar dunha posición axeitada nin cómoda para seguir a obra, por rodear en O a alta mesa camilla central na parte baixa do escenario, na mellor tradición Fluxus 70s, pasa agora a situarse nun lugar que para algunhas sensibilidades podería parecer de privilexio, por canto supón ascender no cubo e colocarse na superficie cenital do mesmo, en toda a súa extensión. Orabén, sería discutíbel tal condición de privilexio. De feito, unha parte dos espectadores nega a colaboración e abandona a sala de San Marcos (dez ou quince destes son reclamados polo seu nome e dni por unha furgoneta azul con megáfono exterior que rube a cen a costa vindo de San Lázaro: last-minute carrexo?, desgraza familiar?, ignórase). Outros fican na sala, pero deambulan abaixo, como nunha circunferencia ou espiral circunscrita á mesa camilla, facendo roda, se cadra maledicente, ao xeito de groundlings non plenamente decididos a quedarse. O caso é que un sector moi amplo do público accede á proposta da Directora de Escena e ocupa o lugar cenital mencionado, aparentemente de privilexio, segundo xa se dixo nesta didascalia. A pega, motivadora da sedición parcial, é que esa posición pública pasa a ocuparse por suspensión corporal. Con efecto, cada espectador/a aparece pendurado/a dos nocellos a xeito de Pipistrellus pipistrellus, isto é, como unha pequena colonia de morcegos ananos (arredor de cento once, cento trece individuos). Perigo de caída non hai ningún, razón pola que incluso acceden, os pipistrelos humanoides, a que os tremoístas lles aten os pulsos nas costas. Por se acaso algo pasar, portan, iso si, sostido nas manciñas á altura do óso sacro, cadanseu pequeno abano de Manila a xeito de penuxe caudal. Reitérase que o perigo é limitado para os individuos da colonia, por canto desde a posición cenital até os cabos de groso aceiro que sosteñen o jacuzzi hai non máis de tres metros de distancia. Malo sería que en caso de caída os pipistrelos non puidesen reaccionar e alcanzaren con algunha parte do corpo un deses cabos. É máis, a dirección de escena (isto non se dixera até agora), como medida precautoria invisíbel estendeu xa no momento inicial unha ampla malla metálica 9 x 7, un metro por baixo dos cabos de aceiro, de modo que nin o tipo do jacuzzi nin o cátedro en manguites do monociclo circense pasaron nunca perigo ningún como frontispicio distópico da farsa. Aliás…, aliás nada. Abonda! Só unha outra consideración. O público contempla agora o jacuzzi (envolto durante o momento central nunca especie de arielita que o protexe dos elementos e do guano quiróptero), o teléfono glauco e a mesa camilla en picado cenital. Para evitar seren cegados pola brillante epiderme craneal do Académico, levan todos lentes de sol. Os groundlings fican aló embaixo/enriba nunha anamorfose que para os morcegos máis centrados podería describirse así: hai un planeta central cun tipo dentro, logo, atrás, como nunha eclipse hai un satélite con protuberancias periféricas (a mesa de autopsias) e, ao fondo, móvense corpos astrais, meteoritos, lixo espacial. Fosbury salta agora para eles dun xeito epifánico e como sen mérito: por baixo do listón. Tres ou catro pipistrelos son incontinentes emocionais e vendo esas imaxes ceden a unha ouriñaxe secuencial, ampliada a vontade e segundo o grao de perversión individual a todo o momento central da peza. A fluencia minxitoria deslizándose corpo arriba até faciana ou guedella (segundo constitución e idade dos incontinentes) e logo caendo en mélica pingada sobre o tapete azul da mesa camilla fai que acorde da sesta o Intelectual Morto, quen declama como recén chegado de ultratumba “Oye, patria, mi micción!” en castelán do que en tempos fora arrabalde da Gaiteira (con caída de velar implosiva). Os obreiros do porto exterior voltaron ao traballo. Do coito tectónico colexiado e da epéntese de iodo nas praias sobrevoadas de Bens, Malpica, Gures, Corrubedo e A Lanzada —Eros polítropo, Chibo raptor, voo nupcial de sesta plurilingüe e multiorgásmica— naceu, en acelerado portento biolóxico, un bebé multicontinental, multirracial e polifónico que medra dous anos por minuto e sorprende en primeiro lugar á nai que o krew, unha fermosa muller de Carnota que ha lembrar á Cecilia d’O Castro – Sargadelos, serie 1984, entre exipcíaca e atlántica, poderosa. É unha nena a criatura. Póñenlle Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada Wyspianski Paredes Mbengue da Silva Paruhum Ledo (en adiante, Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada). Desempeñará un papel relevante no momento final da auto-farsa. Seguen no escenario os personaxes do momento inicial, pero incorporáronse tamén Galicia Milindres, o Sistema Literario e a Inocencia Pública. A medida que avanza o momento central aparecen outros personaxes, segundo se irá vendo.

TI > [Nefroloxicamente húmido/a] Xa estamos!

A INTELECTUAL DESMARCADA > [Baixo o paraugas negro] Mexan por nós e dicimos que chove [Riso breve].

A INOCENCIA PÚBLICA > [Simultaneamente. Baixo o paraugas verde] Nunca choveu que non escampase!

GALICIA MILINDRES > [Simultaneamente. Paraugas amarelo] ¡Llueve sobre mojado! Co Patrón non pasaban estas cousas. [Riso].

O SISTEMA LITERARIO > [Ton empírico malia reflexivo] Ben sei que non me corresponde a min dicilo, porque eu non valoro, eu constato. O meu é ver e calar, nunca exercer a crítica. [Pausa]. Ben o sei, pero hoxe… se calo rebento. O caso é que a esta peza se lle vai toda a forza dramática pola boca teatral. Moito espectáculo, moita pantalla, moita danza quieta e pouco drama. Que se fixo do diálogo? Da tradición moral-sacramental e dos seus repertoremas que se fixo? Pero sobre todo, quen paga isto? Non me dirán que todo é unha montaxe de don Arengas.

O ACADÉMICO > Oiga, un respecto!

O SISTEMA LITERARIO > [Con retranca pouco sistémica] Home, falou a institución… Non foi sen tempo, señor. Aínda que un esperaba outra actitude e outra gallardía da(s) súa(s) parte(s), e non llo digo só a título persoal.

O INTELECTUAL INTEGRADO > [Paraugas vermello. Vaticinante] Meu deus…! Aquí aínda vai pasar algo.

A POLITOLOXÍA ILUSTRADA > [Incorporándose ao xuntoiro] Que quen paga isto? Eis a única cuestión de peso que se pronunciou arredor desta mesa desque comezou a comedia.
LÁNDOAS > [Emerxe outravolta para recuperar o fío metateatral. Ti volves brincar na cadeira, diante da túa computadora] Non é comedia, que é farsa sacramental. [Dío silabeando, e xunta sen querer, ridiculamente, o -sa de farsa co sa- de sacramental: far – sasa – cra -men -tal] Fóra do cal, ten razón o Sistema. Aquí non hai drama, señores, non hai dialéctica. E a culpa é, claro está, da Directora. [Tusidos reiterados, de discrepancia]. Se me deixasen a min só, verían vostedes o que era a forza dramática. Pero ela non. Ela [pedante] deturpa o dialóxico. Todos acabamos sendo como bonecos de ideas fixas sobre o escenario, sen tensión interior, sen conflito íntimo nin na conciencia, nin no peito, nin nas éngoas. Claro, á señora Directora [retintín e espavento esaxerado] interésalle o efecto teatral, a interacción escénica, o sampler, a luminotecnia sen emoción, a suxestión pop, o ruxe-ruxe coral e o salto de altura repetido e repetido. [Berra] Sen paixón ningunha! Traizoa a tradición!

A DIRECTORA > [Desde abaixo, que para o público é arriba] Vostede a calar, langrán! Isto non é Marat-Sade, por moito que haxa un tipo na bañeira escribindo unha redacción de tema libre. Aquí o autor non pinta nada. E, ademais, vostede nin autor é. É per-so-na-xe, como o tipo do jacuzzi, outro bobo con ínfulas de ira-do-pobo, igual que vostede, só que con pasta e cínico, con moitísima pasta e moi cínico. Así que deixe de presentarse aquí como o factótum do couso, señor Weiss. Ou queda só en vinculeiro de Rubia Barcia e o tres-en-uno ferreteiro? [Aceno frívolo-burlesco de medio corpo para arriba mentres mo di. Logo dá media volta e farfalla algo, coido que isto]: Tal para cal, maragato e medio! [Acciona o sampler agora e repite, distorsionándoo, o discurso de Lándoas, ou sexa, o meu. Repíteo varias veces… Risada longa da Directora, aplaudida por unha das gavelas de ñáñaras peripatéticos que non dá decidido se fica no teatro ou marcha de tazas. Queda ecoando a miña frase distorsionada no sampler “Ela deeeeeeeeeeeturpaodialóxico”, “Ela detuuuuuuuuuuuuurpa odialóxico”, “Ela deturpa turpa turpa turpa…”].

LÁNDOAS > [Aparte] Heina sacar no meu blogue á tipa!

GALICIA MILINDRES > [Almibarada e algo prima donna, simula dar unha coitelada pero non perde o sorriso histórico] Ay, yo me pido el papel de Carlota Corday. [O tipo do jacuzzi altérase e váiselle un borrancho na redacción. O seu auxiliar, atento a todo, acude solícito no monociclo cunha restra de folios limpos. Entra na arielita e deita unha presada de sales de baño por toda a parte. Algo desa caspa olímpica cae na mesa camilla, segundo xa se dixo, tamén sobre Galicia Milindres, que nese momento declara:] Tráioche os nomes, Marat!

O CORO QUIRÓPTERO > [Máis de cen voces, unísonas] Gloria a deus nas alturas! [Neste momento soa o teléfono glauco e comezan a moverse as aspas do aeroxenerador, lentamente de principio, sen efectos perceptíbeis sobre a sala durante os primeiros cinco minutos alén do bambeo que empezan a experimentar os colgados. Continúa a chuva de caspa e auga de jacuzzi]. Eses paraugas! Non se ve nada!!!

A INOCENCIA PÚBLICA > [Dramática de vez] E lo? Somos personaxes todos? Eu tamén? As nadas reptantes tamén? [Olla para o chan] Esqueceuse de nós a Natureza? [Pausa] Quen carafio manda aquí?

O TIPO DO JACUZZI > [Próelle o lombo e usa unha rascadoira vermella. Olla reiteradamente cara a abaixo mentres o fai. Finalmente berra, molesto pero engolado] A ver se calan a boca aí abaixo. [Pausa e subidón de clase despois, entre quixotesco e cínico, entre Señor Vences e Laudamuco] Chamo aos corazóns nobres, como fan adoito os grandes medios en momentos centrais da vida como este que representamos no gran mercado do mundo. Eu teño por norma cumprir coa miña responsabilidade: rañala, mollar os pés, gardar a roupa, compor esquelas e facer de BT. [Sube desde a mesa camilla neste momento unha minestra de murmurios e comentarios. Pausa. O ton agora pasa a ser de tenente coronel] Calen, coño! Van dar o resultado das enquisas a pé de urna!

A SOBERBIA POLÍTICA > Pois mira ti! Como se iso tiver algún interese para nós. [Pausa] Pan comido.

A INOCENCIA PÚBLICA > BT? [Tose].

O ACADÉMICO > [Burlón] Si, BT. Claro que BT.

GALICIA MILINDRES > BT, banda transportadora, correa de transmisión, mulleriña. Faino como dios ahí onde lo ve. No le sé cómo, pero hasta autobuses del Ebro mobilizaron os que pagan para la movida nuestra en la precampaña. Que ben saíu todo! Que contenta quedou Rosa! E Paco nin lle conto! [Risada].

O TIPO DO JACUZZI > Silencio, Milindres!

[Cae un quiróptero polo exceso de acaneo eólico. Era o máis próximo ao muíño. Mentres descende, intenta alzar o voo, ou como pouco pairar a media altura, mediante un movemento compulsivo e mecánico da penuxe caudal administrada pola equipa de tremoia-atrezo. Non o consegue. Sesenta e tantos anos, elegante, baixote, discreto na caída, diríase mesmo que digno. Da súa boca non se oe unha palabra de queixa ou medo. Ruído apreciábel no impacto, que é dobre: primeiro nunha beira da malla e logo, tras rebotar nela e subir momentaneamente como medio metro (instante que dá azos caudais ao pipistrelo), nunha beira do escenario. Este último ruído é menos metálico, máis serio. Cae xusto a carón dun grupo de casulos metamórficos. Fica quieto no chan, como morto].

CASULO METAMÓRFICO > [Voz profetizante, como de xornalista deportivo despois de rematado un partido] Víase vir.

A INOCENCIA PÚBLICA > Pobre pipistrelo!

O INTELECTUAL INTEGRADO > Dioloteñanagloria!

[Óese aquí de novo a risada longa de Medela, que vén súbita desde Lobeira sobre serras e vales. Dial radiofónico a procurar emisora. Radio Voz, RNE, COPE, Radio Galega… Sinais horarios das 20 h. Anuncio de inquéritos. Montaxe: sete minutos de cortes. O público empeza a amosar incomodidade cervical e problemas respiratorios. Toses compulsivas, como entre dous movementos dunha sinfonía de Sibelius. Por certo, soa de fondo, moi baixa, Finlandia, op. 26: andante sostenuto, allegro moderato, allegro, nove minutos longos (por tanto dous máis que os cortes informativos). Proxéctase asemade na pantalla do fondo unha entrevista televisiva a Th.W. Adorno, en alemán con subtítulos en finlandés, na que se desprestixia a música de Sibelius. Unha dama do público en posición quiróptera recita de memoria, parte inicial en francés e parte final en portugués, o capítulo “A estética tradicional como irreconciliábel coa arte actual”, da Teoría estética (1970) do francfortiano. Tamén lle leva sete minutos. As toses aumentan en especial en dous momentos: cando menciona A colonia penitenciaria de Kafka e cando se fala dos risos en Final de partida de Beckett. A dama recitadora, extraordinariamente delgada e móbil na corrente eólica, viste unha saia gris longa que lle cubre o rosto. De non ser pola arquitectura obtusa dos xeonllos semellaría unha lámpada parlante de deseño milanés. Sábese aproximadamente quen é, ou onde está, apenas polas liñas de miradas cruzadas entre o conxunto dos espectadores pendurados. Segundo vai dicir as derradeiras palabras do capítulo, cae tamén por efecto da lufada, cae como unha folla lenta de ameneiro, como nunha danza irónica de Palucca durante os bombardeos de Dresde. Mentres descende até o escenario, allea a toda xesticulación, declama: “se é que alguma vez pôde chegar de outra forma].

O CORO DE MORCEGOS > [Máis de cen voces, pero dúas menos que antes, ao unísono] Sáquennos de aquí!! Imos morrer todos, como nunha peli de Bruce Willis furioso!!

SANTA MADRE > [De mitra e incensario, con acólitos como recén saídos dunha sesión de terapia electro-convulsiva. O vento zoa mil zoares] Pipistrelos de pouca fe! Deus apreta pero nunca afoga. Estes dous que caeron fixérono por todos nós, nun sacrificio nobilísimo que os conduce á vida eterna. O vento é fonte de vida, é alento divino, plusvalía de isobaras. Confiade no Altísimo para que as xunte co seu debuxo preciso sobre cuíñas e castros, sobre cabos e esteiros, desde o Courel a Compostela con dixitación perfecta de megawatios de amor. Pai, Noso Señor, fai que o nordés sexa nordés na Capelada e o suroeste entre aurífero nas rías e lucre mesmo os vales agochados. [Caen seis ou sete máis. O tipo do jacuzzi abandona a oblea a todo correr, tapando cu e sexo con senllos suplementos culturais que tiña alí apartados. Coa sección “Letras No Ficción” dun deles oculta a parte dianteira e coa sección “Letras en Galego” doutro suplemento fai o propio co zafanario. Fica pois a arielita deshabitada. A auga conxunta de jacuzzi e chuva cae a eito sobre a mesa camilla e desátase unha certa desorde anímico-política. Os tertulianos todos, incluída a Politoloxía Ilustrada e unha recén chegada Mentira que non abre a boca, suben á mesa porque as cadeiras tamén foron caendo. Usan pastecas e poleas para recuperar caídos. Compoñen un grupo que finalmente remeda o tableau danzante do Géricault na Balsa da Medusa, como unha patera camilla, pero non se sabe a quen fan sinais cos panos]. Confiade no Altísimo, fillos! Confiade na magnanimidade do seu aloumiño ventoso. Vaiamos todos xuntos da man en comuñón: comunidades de montes, poderes públicos, asociacións de viciños, banca e caixas de aforros, parafarmacias e multinacionais da enerxía, cooperativistas e construtores, xornalistas e quiosqueiros, pensionistas e ecoloxistas, dentistas e burócratas, bipartito e dióceses, moinantes e intelectuais. O vento é de todos e todos somos vento, todos somos Igrexa! [Caen tres máis. Logo dous. A mitra vai boa que voou. Collérona os operarios do porto exterior. Un caboverdiano que coidaba de Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada intenta calzarlle a mitra, por protexer á nena, pero o bebé é xa de obra de vinte anos e o perímetro craneal seu supera o do arcebispo. O caboverdiano tira coa mitra. Dous gatos chutados de Penamoa fan disputa por ela no momento en que na pantalla do escenario coagula un sorriso que xa non val un pataco. O gato sen mitra cruza o escenario e fabula para si: “República e independencia ou nada”].

A INOCENCIA PÚBLICA > [Arriba, na mesa, caendo da burra e movendo un pano en dirección oeste, o que fai que emerxa un peito redondo e materno por baixo da blusa rota] Weiss, que nolo conte todo Weiss!

CORO DE CASULOS > [No chan, case afogando en metade da tormenta] Tarde piaches!

[Riso pánico de Medela, agora desde a Praza do Azougue de Betanzos. Tras parolar cos restos de Andrade o Boo, en San Francisco, avanzan ambos en dirección ao Lastras. Un gato cunha mitra suxa pasa fulgurante entre os peronés enfraquecidos do conde eumés no momento en que se dispuña a subir os chanzos da taberna. O ruído da osada contra helmo e loriga conmove ás vellas que fan fiada sen fío pé da fonte. O riso de Medela dura e faise nesa altura pancreático, carnal. Inopinadamente, o Azougue énchese de xente, tras a porta do Lastras pecharse ao mundo. De xente que accede desde oito rúas ou ruelas que alí embocan. En silencio, con cadanseu móbil na man. Veñen de Xinzo e de Viveiro, de Zas e de Baiona, do Barco e da Fonsagrada, de Melide e de Melón. Son unha ciberturba e ninguén sabe de donos].

[Mentres, no espazo cúbico envolto nunha luz como de placenta ovina, cae o jacuzzi. Caen doce pipistrelos máis. Cae a malla. Quen negaría que aquí remate o momento medio do auto sacramental intitulado Fin de Lándoas?]

[Na fotografía, morcegos da Galitzia ucraína profunda, doutra clase distinta. Este texto é un perpetuum mobile. Modifícase sen previo aviso e reformúlase sen pausa. Continuará?]

Teatro proício 2

16 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas (2 x 1: Auto sacramental, Farsa inmóbil)
Momento inicial
Espazo cúbico envolto nunha luz placentaria —como de placenta vacuna— que lembra o lugar predestinado para unha rotativa nunca instalada dun xornal-soño, capaz que chegado das ucronías dun exilio estraño. No centro dese espazo érguese unha mesa camilla cun número de cadeiras non doado de precisar; talvez sete, oito. As cadeiras son altas e teñen un mecanismo de izado para os ocupantes. A luz proxéctase neste momento inicial até dous terzos da altura do espazo cúbico, non desde o nivel inferior do escenario senón desde o que correspondería a un terzo da altura total que acabará por descubrirse segundo se desenvolva o auto. Por tanto, iluminarase de partida só o terzo central do volume (considerado en vertical). Como pano de fondo hai unha pantalla sobre a que intermitentemente se proxectarán as imaxes do salto de Dick Fosbury en México 1968 (récord olímpico, 2,24 m). Á dereita da pantalla e algo adiantada, calcúlese unha gran columna branca que a ausencia de luz corte a media altura, algo por riba do nivel alcanzado pola mesa camilla. Esta ten un diámetro de cinco metros, con outros catro metros de alto, de modo que as persoas que sentan arredor dese cilindro con tapete azul ceo están relativamente distantes unhas das outras, nalgún sentido abducidas e aqueloutradas, se ben trasladan en todo momento impresión de perfecto acomodo á situación. Sobre a mesa hai catro grandes paraugas pousados. A medida que a acción arranque, a luz placentaria ampliará a zona iluminada cunha progresión dun metro por minuto (50 cms para arriba e outros 50 para abaixo medidos na vertical da columna), até ocupar o volume completo do espazo bauhaus descrito. Devagar, iso permitirá descubrir unha cuadrilla de operarios á esquerda e a existencia de seres —ou nadas— reptantes no escenario, por toda a parte, envoltos como nun casulo metamórfico (parte do público?, animais disecados en vida?, políticos cesantes?). Os primeiros fuman e constrúen un porto exterior. Á dereita, a columna branca vai desvelándose progresivamente como aeroxenerador, parte improbábel, acaso apenas simbólica, dun parque eólico, porque o certo é que a carón del non hai outro muíño máis senón unha especie de escultura pública de cerámica mediterránea, asemellada ás que identifican os paseos coruñeses e con distinción estética de marca opus-vazquista: trátase de dúas enormes mans de tres metros de alto, sen código claro, xuntas polos pulsos e con habitus receptivo, indiscutibelmente obra de Lladró. A medida que a luz descenda irá véndose que o aeroxenerador é eixe dunha escaleira exterior de caracol que lembrará a montaxe do Macbeth pensada por E.G. Craig en 1906. Cando a luz ascenda por completo, non aínda no momento inicial, descubrirá arriba un jacuzzi sostido por dous grosos cabos de aceiro. Un individuo de idade indeterminada chapuca ás veces nel, os pés por fóra. Ao tempo semellará redactar ou corrixir algo, como concentrado na gramática. Haberá un teléfono ao seu carón. Un teléfono glauco que ocupará medio metro cúbico e estará suspenso dun cabo vertical, xusto á altura do ventre do écrivant. Un empregado deste, con manguites de linotipista e barrete académico, vai e vén en monociclo funambulario polo tirante de aceiro que sae cara a esquerda da pantalla desta computadora (a túa) e que vai dar a un obelisco (esquerda). Detense ás veces a facerlle a pedicura ao tipo do jacuzzi ou deita sales de baño que acaban caendo como caspa olímpica sobre escenario e público. Neses momentos o empregado sorrí e anota nunha libreta series de Fibonacci, a súa oculta paixón. Máis adiante, cando o do jacuzzi se mova na bañeira e o aeroxenerador medio tapado por bambolinas abanee o aire do escenario (e da sala toda), é probábel que a bañeira comece a oscilar como un bambán, de dentro a fóra do écran (do teu, internauta). Entón desvelarase que os cabos de aceiro que sosteñen o jacuzzi conectan o aeroxenerador e o obelisco, de parte a parte do escenario. Algo de auga eólica caerá sobre a mesa camilla e nese momento os personaxes que nela aparezan (en xeral, intelectuais e grupos escultóricos afíns) abrirán os paraugas para non mollarse. O público, arredor da mesa de braseiro, móllase algo. Ti, desde logo, tamén. Un curmán teu que traballa na Xunta pásache unha toalla. Agora. Porque algo chapuca xa o tipo do jacuzzi, oculto nas sombras superiores. O obxecto de exaltación neste auto semella ser plural (mesa, jacuzzi, información, enerxía…), se ben o tipo do jacuzzi ocupa unha centralidade escénica irrefutábel, reforzada máis adiante cando fique enmarcada a bañeira nun obxecto esférico acristalado, perceptíbel por tanto desde calquera ángulo de visión como circular e brancuxento. Exacto, como unha oblea.

TI > Ostia! Que me mollo!

AS VOCES DE TRES SEÑORAS DA LIMPEZA CON CADANSÚA FREGONA INDUSTRIAL > O seco molla e o mollado seca. Deitemos o alento no caldeiro impuro!

A VOZ DA DIRECTORA > Veña, veña, rapaces! Asegurádeo ben.

[As Tres Señoras da Limpeza e a Directora permanecen nas sombras inferiores. A última diríxese dando voces a un grupo de tremoístas dividido entre a parte de abaixo e a zona iluminada. Tres tremoístas —os únicos visíbeis— sosteñen cordas desde o tapete da mesa. Izan un corpo inerte. É o do intelectual morto]

A VOZ DO INTELECTUAL MORTO > A modo! Aínda me habedes mancar!

[Do pescozo do corpo inerte pende un cubo-urna dourado que escintila no ar ao tempo que se procede ao izado: contén o capital simbólico do finado]

OS TREMOÍSTAS DA MESA > Iso é. Quietiño aí.

[Colocan o corpo inerte nunha cadeira da dereita. O cubo-urna co capital simbólico (C-UCS) fica sobre a mesa. Os tremoístas descenden logo en cadansúa tirolina. Mentres o fan, ábrese o C-UCS como se fose unha caixiña de música. Soa Negra Sombra en versión sinfónica. O defunto pecha o cubo-caixa cun manotazo torpe. Silencio posterior. Ao longo do momento inicial do auto a caixa abrirase de novo dúas veces máis e o defunto sempre procederá do mesmo xeito, con violencia crecente no xesto]
O ACADÉMICO > Non che hai nada como estar morto para que recoñezan os méritos dun. Fixo vostede como deus finando. Fágame caso.

[Dillo ao Intelectual Morto mentres ascende ao sitial de seu tras accionar un mecanismo na cadeira. Asemade, brune a calva cun longo pano branco movido enerxicamente de lado a lado, ao xeito dos limpabotas]

CORO DE OPERARIOS DO PORTO EXTERIOR (COPE) > [Canta] Bailaches, Carolina? Bailei, yes I do. Tell me con quen bailaches. Bailei en Xanadu.

[O coro de operarios canta na parte esquerda do escenario, escura aínda. Divídense en dous grupos: nativos e inmigrantes (eslavos, peruanos, subsaharianos, caboverdianos e sobre todo indonesios, que usan como koiné un inglés estraño mesturado con galego, portugués e castelán estraños, inopinadamente tamén francés). Comparten miserias e piollos, fraternalmente, como en Charenton. Os galegos enuncian os heptasílabos impares. Os estranxeiros, os pares. Repiten tres veces e rin. Pausa de dous minutos e ruído a seguir de mazas e maquinaria lixeira, que non cesará até que se indique expresamente. O coro emprega a partir de aquí dicción recitativa, interveña por partes ou por xunto]
VOCES DO SECTOR NATIVO DO COPE > Así e todo, manda carallo! O día das eleccións, a festa da democracia, domingo… e nós aquí currando como parias.
VOCES DO SECTOR MULTICULTURAL DO COPE > What’s wrong? Fiesta! Se resides, decides. Se decides, la cagas. If you work, you get money. Fiesta na rúa! Festival of democracy!! Défécation politique! Trabalho e carro para toda a gente!! Auto e moças!! [Escachan a rir]
TODOS OS DO CORO > [Acenan entre lascivos, escatolóxicos e lúdicos, pero non se ve] Assim, assim! Bailei en Xanadu!! Bailei en Xanadu!!

LÁNDOAS > [Elemento emerxente sorpresivo. Fai un aparte só para ti, alucando por tras da pantalla da computadora como un cíclope de Odilon Redon] Este texto é un perpetuum mobile.
TI > [Sobresaltándote] Ostia, que susto!
O ACADÉMICO > [Non se entera do anterior, que acontece noutra dimensión do espazo-tempo. Non se entera de nada, de case nada. En realidade, non se sabe se se entera, probabelmente si se entera. Diríxese ao Intelectual Morto. Entre tanto acceden a cadansúa cadeira outros dous personaxes] Daquela que? Xa votou?
O INTELECTUAL MORTO > [Levísimo aceno de monicaco. Voz fraca, como desafiuzada] E logo non! Os mortos somos sempre os primeiros en votar. Mantemos o elo sagrado entre a historia que foi e a historia que é. Eis a nosa misión.
O INTELECTUAL INTEGRADO > [Xa incorporado á súa cadeira] Así é… Así é, meu señor.
A INTELECTUAL DESMARCADA > Pois eu desta non voto. Pensei votar inútil, pero ao final decidín que nin iso. Non fun e non vou.
O ACADÉMICO > [Lustrando de novo parietais e mesmo frontal, cambiando xa de dirección e alcanzando case a altura do occipital] Mala decisión, neniña. [Logo olla cara a abaixo: a luz foi medrando, pero aínda non se chega a ver nada novo, só máis espazo, nin seres nin nadas, que diría Gómez]
A INTELECTUAL DESMARCADA > Bótelle un fieito!
O INTELECTUAL INTEGRADO > Miña dona, miña dona, un pouquiño de respecto. [Diríxese logo ao Intelectual Morto] E vostede non ten frío, así espido?
O INTELECTUAL MORTO > [Cachazudo] Pois mire, voulle dicir unha cousa: desque acabei de apodrecer, case van alá cinco anos, teño unha caste de insensibilidade para o frío. O calor élle outra cousa, xaora! No panteón pásanse putas de verán, disimulando a expresión.
[Segundo o Intelectual Morto anda a expoñer a súa razón a luz alcanza por fin a parte baixa do jacuzzi e ilumina, abaixo, os movementos da cuadrilla de operarios do porto exterior. Algunha maza que sube e recibe a luz. O Intelectual Integrado olla para estes últimos con mirada experta. Os outros tres alzan a vista sobre as súas cabezas e contemplan o ventre negro do jacuzzi como quen albisca a proximidade dunha treboada. Cesa o ruído de obras nese momento. Simultaneamente, sube o volume da locución que describe o salto iterativo de Fosbury. A luz alaranxea e do ventre do jacuzzi emanan estreliñas e potencias neobarrocas. Óese ladrar xalundes, pero de súpeto todo o orbe é ladrido. O Monte do Gozo abre nesa altura en dous, como nun parto telúrico. Ecoa nel a risada dionisíaca de Medela. Un minuto, dous. Fosbury salta e salta conseguindo o ouro olímpico n veces. Un individuo avanza entre o público correndo. Leva unha pértiga. Con ela efectúa un chimpo prodixioso e tras unha vistosa cabriola con caracol aéreo encaixa nádegas e coxas con precisión suíza nunha das cadeiras libres. Nin se despeitea co salto. É a Soberbia Política. Segundo acomoda o corpo e repasa as caras arredor da mesa, inquire:]
A SOBERBIA POLÍTICA > E lo, aínda non chegaron a Mentira, a Tutela Democrática e o Libre Mercado Enerxético? E a Inocencia Pública… non arrimou hoxe ao cenáculo? Pero se nen sequera están aquí a Politoloxía Ilustrada e o Sistema Literario! Nin a Santa Madre!! Señores, nin a Santa Madre!!! Pero que vexo? Nin Galicia Milindres chegou ao patio!! Mi ma…! Cacho parladoiro de pousafoles imos ter. Cacho exaltación con sordina! Catro intelectuais e o pobo embaixo.
A RISADA DIONISÍACA DE MEDELA E DO FUSO NEGRO > [Estéreo longínquo: fff] Ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha haa haaaa!!! Touporroutou!!!
O ESPECTRO DA PROXECCIÓN EXTERIOR DE GALIZA > [Pé da mesa, en cadeira de rodas e con manta de cadros sobre as pernas, capitidisminuído] Soan tremoias! Ouh, mísero de min no Mundo. Presinto a morte do nasciturus que son ou fun.
[A Soberbia Política non se decata de que arriba da súa cabeza, como a dous metros ou algo máis, hai un jacuzzi. Sorpresivamente cae algo de auga, non moita, e os tres Intelectuais e o Académico pillan, espilidos, cadanseu paraugas. A Soberbia Política reacciona tarde e non consegue ningún. Móllase]
CORO COPE EMBAIXO > [Trasunto de vulgo malia saberse “saber”. Circulan arredor da mesa camilla e entre o público, que tamén a rodea en metonimia de corpo social-electoral. Todos se mollan aló embaixo, un sitio popular e infame para contemplar a obra] Assim, assim… bailei en Xanadu, bailei en Xanadu.
[Hora da sesta comunal. Algunhas espectadoras idosas e non tanto fan rolda carnal co subcoro de subsaharianos, que retoma o retrouso-consigna “Auto e moças para a gente!”. Óese unha voz algo rouca de vicetiple, vindo acaso de dentro da faldra da mesa camilla: “Aquí xógome a i-alma” . Cega logo a luz laranxa como nun orgasmo tectónico, exponencial: converxen as razas todas do porto exterior no salgado sorbo marítimo, cunnilingüe, de herbas do país, paso previo á unión carnal das nacións proletarias coa Terra (coa Nosa Terra). Nesa altura, en prolepse de dezaseis días, a pantalla na que saía Fosbury recolle imaxes de Ratzinger aterrando en Yaundé. Levou a África a boa nova: o uso do condón coadxuva á propagación da SIDA, polo que é preferíbel non usalo. O preferíbel é, engade, non usar o corpo, esquecelo. Iso declara o Papa branco ao continente negro. Aumenta asemade, con todo, o ritmo obreiro das razas baixo a carpa lúbrica e alegórica. A Nosa Terra treme enteira con epicentro en Triacastela. O grao na escala Richter é 3,9]
[Este texto é un perpetuum mobile. Modifícase sen previo aviso e reformúlase sen pausa. No se recibe duelo. Non se opta a nada. Continuará?]

Teatro proício

13 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas (2 x 1: Auto sacramental, Farsa inmóbil)

Momento inicial
Espazo cúbico envolto nunha luz placentaria —como de placenta vacuna— que lembra o lugar predestinado para unha rotativa nunca instalada dun xornal-soño, capaz que chegado das ucronías dun exilio estraño. No centro dese espazo érguese unha mesa camilla cun número de cadeiras non doado de precisar; talvez sete, oito. As cadeiras son altas e teñen un mecanismo de izado para os ocupantes. A luz proxéctase neste momento inicial até dous terzos da altura do espazo cúbico, non desde o nivel inferior do escenario senón desde o que correspondería a un terzo da altura total que acabará por descubrirse segundo se desenvolva o auto. Por tanto, iluminarase de partida só o terzo central do volume (considerado en vertical). Á dereita da pantalla, calcúlese unha gran columna branca que a ausencia de luz corte a media altura, algo por riba do nivel alcanzado pola mesa camilla. Esta ten un diámetro de cinco metros, con outros catro metros de alto, de modo que as persoas que sentan arredor dese cilindro con tapete azul ceo están relativamente distantes unhas das outras, nalgún sentido abducidas e aqueloutradas, se ben trasladan en todo momento impresión de perfecto acomodo á situación. Sobre a mesa hai catro grandes paraugas pousados. A medida que a acción se desenvolva, a luz placentaria ampliará o cono iluminado cunha progresión de medio metro por minuto (25 cms para arriba e outros 25 para abaixo medidos na vertical da columna), até ocupar o volume completo do espazo bauhaus descrito. Devagar, iso permitirá descubrir a existencia de seres —ou nadas— reptantes no escenario (parte do público?, animais disecados en vida?, políticos cesantes?) e unha cuadrilla de operarios á esquerda. Estes últimos fuman e constrúen un porto exterior. Á dereita, a columna branca vai desvelándose progresivamente como aeroxenerador, parte improbábel, acaso apenas simbólica, dun parque eólico, porque o certo é que a carón del non hai outro muíño máis senón unha especie de escultura pública de cerámica mediterránea, asemellada ás que identifican os paseos coruñeses e con distinción estética de marca opus-vazquista: trátase de dúas enormes mans sen código claro, xuntas polos pulsos e con habitus receptivo, indiscutibelmente obra de Lladró. Cando a luz ascenda por completo, non aínda neste momento inicial, descubrirá arriba un jacuzzi sostido por dous grosos cabos de aceiro. Un individuo de idade indeterminada chapuca ás veces nel, os pés por fóra. Ao tempo semellará redactar algo, como concentrado na gramática. Haberá un teléfono ao seu carón. Un teléfono glauco que ocupará medio metro cúbico e estará suspenso dun cabo vertical, xusto á altura do ventre do écrivant. Un empregado deste, con manguites de linotipista e barrete académico, vai e vén en monociclo funambulario polo tirante de aceiro que sae cara a esquerda da pantalla desta computadora (a túa). Detense ás veces a facerlle a pedicura ao tipo do jacuzzi ou deita sales de baño que acaban caendo como caspa olímpica sobre escenario e público. Máis adiante, cando o tipo do jacuzzi se mova na bañeira e o aeroxenerador abanee o aire do escenario e a sala toda, é probábel que a bañeira comece a oscilar como un bambán, de dentro a fóra do écran (do teu). Algo de auga eólica caerá sobre a mesa camilla e nese momento os personaxes que nela aparezan (en xeral, intelectuais e grupos escultóricos afíns) abrirán os paraugas para non mollarse. O público, arredor da mesa camilla, móllase algo. Ti, desde logo, tamén. Un curmán teu que traballa na Xunta pásache unha toalla.

[Continuará?]