metamorfoseArchive for the ‘’ Category

Escoitar e mirar

20 de Agosto de 2009

 

assessment_workshop

Cando, a finais da primavera pasada, asistín a un dos penúltimos actos literarios nunha algo abafante tardiña compostelá, fun testemuña dun episodio que acaso non sexa tan singular como a min me pareceu aquel día. Na mesa do acto situábanse catro persoas. Dúas delas falaron bastante e o acto demoraba o remate, previsto aproximadamente segundo os cánones para as 21 h. Na sala estabamos unhas vinte persoas, eu na parte central da sala, algo á dereita. Na fila anterior á miña un individuo non moi ben encarado duns cincuenta anos facía acenos que deixaban ver que se sentía incómodo coa duración das peroratas. Ao primeiro con discreción, posteriormente con certo afán de protagonismo. Pero o que desexo relatar aquí é o que ocorreu entre medias. Digamos que eu estaba situado detrás deste señor, nun ángulo duns 255 graos (o equivalente ás 00:43 h. que agora mesmo está a marcar o meu reloxio). Diante do individuo aquel, dúas filas por diante para ser máis exacto (por tanto, tres por diante da miña posición na sala, e desculpen que isto vaia camiño de La Jalousie, pero o detalle é preciso), exactamente na súa vertical,  considerada esta como paralela á parede da dereita, estaba unha muller nova de longa cabeleira negra e fermosa figura. Tardei case media hora en ver o seu rosto desque reparei na súa presenza. De feito só o cheguei a ver con detalle cando abandonou a sala, dez minutos despois de facelo, ás 21:36 h., o individuo que sentaba entre ela e eu. Algo chegaba a percibir da forma da súa orella esquerda, certo é, algo do óvalo facial, pero nada máis ca iso, descontado o movemento delicado dun abano sostido coa man esquerda. En cambio, por estar relativamente libre de público a zona na que todos tres sentaramos, e por ficarmos situados en termos relativos ela e eu no ángulo citado de 255 graos pero máis ou menos ao triplo de distancia existente entre o individuo malhumorado e eu —tamén por facilitalo a clase de cadeiras da sala, que eran como as dos vellos cafés—, o certo é que a liña de visión de talle, van, coxas e nocellos era inmellorábel. Vestía unha blusa branca e unha saia de flores negras. A medida que o acto literario se facía algo pesado reparei en algo insólito. O individuo do bigotiño louro levaba uns minutos gravando co móbil a intervención do terceiro orador (imaxinei que podía ser amigo seu, incluso que podía ser seu pai). De entrada, non prestei maior atención ao que facía por estar eu concentrado nesa altura no cálculo do ritmo co que a moza cambiaba a posiciónpes dos pés, acaso no punto exacto no que o tedio impide deixalos quietos. Entre vintecinco e corenta e tres segundos, calculei. As sandalias eran negras e as unllas estaban pintadas en cor escura tamén, polo menos as do pé esquerdo. No nocello do mesmo lado, caendo ao peito do pé, crin apreciar unha pequena tatuaxe, un motivo ornitolóxico creo, acaso unha rara galinácea de cor turquesa. Nese momento ela moveu a melena cun aceno algo brusco, como se fose xirar o corpo para procurar coa mirada algo situado detrás dela. Acaso eu mesmo, considerei durante nanosegundos. Pero o que quería sinalar, o relevante desta historia, é que xusto en paralelo con ese xesto non completado de ollar ela para a parte posterior da sala o individuo xirou tamén con precipitación o corpo, un corpo, non o dixen antes, vulgar, tanto ou máis que o meu, aínda que conservaba todo o pelo o tipo. En fin, pasou ese instante algo vertixinoso e eu fiquei sorprendido por aquel contrapunto. Faltaban aínda uns dez minutos para que o do bigotiño loiro se levantase e abandonase a sala (cando o fixo, cando se levantou, pensei por un momento que ía dar voces contra alguén da mesa). O caso é que o cabrón do tipo, constateino sen resquicio ningún de dúbida inmediatamente, o que estaba a gravar en realidade era á rapaza, o depravado. Zoom diante zoom atrás percorreu a súa anatomía posterior enteira deténdose onde mellor lle parecía e chegando incluso (podería xuralo) a forzar unha toma a carón despois de simular unha caída das chaves. Eu, a un metro escaso e malia que deixara os lentes na casa, puiden seguir todo o proceso na pantalliña do móbil. De arriba abaixo o langrán, cunha delectación miserábel, particularmente na curva do van e no ombreiro dereito, algo máis descuberto, non tanto na canle que baixo a blusa debuxaban as lumbares, e aí discrepamos. Cando aquel obseso se sentiu satisfeito pechou a rodaxe e se levantou como un lóstrego. O cuarto orador acababa de indicar algo ao parecer relevante e polémico, non prestei atención; os murmurios na sala marcaron certa tensión dialéctica e xusto entón o tipo do bigote, baixote e loiro el, largou con aquel tesouro pixelado deus sabe con que finalidade inconfesábel. Aos dez minutos ergueu tamén a moreniña. Resultou ser de faciana pouco agraciada e de andar torpe, de modo que a descompensación entre isto que sinalo e as proporcións corporais resultaba chamativa á vista, inxusta. Pensei entón no depravado e decidín saír eu tamén antes de acabar o acto. Seguina durante dez ou quince minutos para asegurarme de que non había ren que temer e logo fumei un charuto á saúde da autonomía do campo e dos intelectuais facundos.

Quaggas

11 de Xullo de 2009

 

 quagga-south-africa

 

O derradeiro quagga que habitou no planeta morreu no zoo de Ámsterdam o 12 de agosto de 1883. Estas cebras da foto superior non son propiamente quaggas, voz esta de natureza onomatopeica que imitaría na lingua dos khoikhoi ou hotentotes o rincho do animal, senón que forman parte dun elo máis no longo proceso iniciado hai vinte anos para intentar recuperar, sen recorrer á clonación, unha subespecie de cebra que se extinguiu nas planicies sudafricanas a finais do século XIX pola intervención directa do home.

Haberá quen o saiba, eu non o sabía: existe un Proxecto Quagga que tratará de facer ese camiño tan estraño de chegar a borrar por selección xenética as raias dos cuartos traseiros das cebras para que dentro de varias xeracións haxa animais parecidos aos que enchían as chairas do sur de África hai cento cincuenta anos: cebras que só tiñan raias na parte dianteira do corpo, basicamente na cabeza e no pescozo, segundo pode verse na que ao parecer é única foto existente dun quagga real, tomada nun zoo londinense no ano 1870.

Chegados a este punto é probábel que alguna lectora se pregunte polos motivos de eu contar todo isto no blog. Haberá malintencionados que sospeiten que acabarei falando, por vía alegórica, de algo con pendor nacional. Algún conselleiro, que sei eu… Pero non, o único motivo para falar aquí dos quaggas é filolóxico. Pregúntome, desde a inocencia, se a razón de ser dos quaggas, a súa identidade como subespecie, non radicaría antes que na ausencia de raias no lombo e nos cuartos traseiros na súa especialísima forma de rinchar. A cuestión é esta para min: logrará o Proxecto Quagga que as cebras metamorfoseadas tras vinte ou vintecinco xeracións de remexerlles no ADN cheguen a emitir un son tan peculiar como aquel “quaaaaagggaaa!” orixinal. Eu, modestamente e con todo respecto pola ciencia (co respecto que a bioloxía e a xenética non teñen pola lingüística diacrónica), limítome hoxe a deixar constancia das miñas reservas. Digo máis, xa posto: se os quaggas se chamaron así por dicir “quaaaaagggaaa!”, non sería máis lóxico que o proxecto, tal como vai, se chamase, poño por caso, Proxecto Cebras-Sen-Raias-no-Cu? E por se algún repugnante vir co ruxerruxe de que todas as cebras din como mínimo “quaaggaa!” e que os hotentotes tampouco diferenciaban nomes de subespecies de cebras pola diferenza de rinchos porque no fondo todos os rinchos de cebra son iguais, engado: iso vosté non mo di a min na rúa!

Depretto 6

26 de Outubro de 2008

Atopouse logo fronte ao acuario do comedor, o rosto entre as ondulacións interiores, aínda coa memoria naquel escenario familiar do Jardin des Plantes. Esquecera nas últimas tres semanas as indicacións de Wladia. Había dúas ducias ou máis de peixes mortos, descompostos, os máis deles irrecoñecíbeis, sen ollos nin ventre tras o acoso das coridoras, os únicos peixes que sobreviviran ao abandono ademais do enorme pleco, outra especie orixinaria de América. Wladia comentara que o plecostomus medraba sen pausa desque o mercara había dous anos en Morlaix. Era unha especie amazónica con aspecto de proceder doutra fase da historia: desenvolvera as placas coirazadas do lombo para resistir os golpes contra as rochas nas correntes daqueles ríos virxes. Alimentábase das algas e, se estas faltaren, das plantas do acuario… ou do que houber. Medía uns vinte centímetros e a súa cabeza, brutal, enorme —case un terzo do corpo—, situábase do outro lado do cristal, no fondo do acuario, tamén inexpresiva e lenta. Non lle custou traballo coller o peixe pero acabou coas mans ensanguentadas, feridas polas espiñas dorsais do monstro. Espírase no solpor porque ía calor e a noite entraba húmida. Nos días máis recentes apenas escribira sobre papel. A situación chegara ao bloqueo. Empezara a escribir na parede. Tamén sobre o propio corpo. Nalgún momento, cando non conseguía que a pel se impregnase do que a voz ditaba, fixérase sangue. Salmodiaba entón un verso memorizado, lido nun poeta menor do que non lembraba o nome: “unha nota sostida até a loucura”, “unha nota sostida até a loucura”.

Depretto 4

10 de Outubro de 2008

O que lle producía maior deleitación era describir o quebro cando enunciado directamente por quen é, ou foi, protagonista seu. En que momento o eu que estaba a falar pasaba a sentirse outro? Cal era o vértice da transformación, o salto que sen perda de inocencia leva por exemplo ao can adoito dócil a devorar o amo? O rexistro desa incorporación do monstro sobre a figura propia, for esta humana, de besta, irreal… E en que maneira o suxeito que contaba presentía, asimilaba inorde, que algo se fendera entre as palabras que ía tecendo, de xeito que nalgunha frase pronunciada con aparente continuidade… a voz —mudada— ocupase o sitio dun eco inicial xa por completo alleo? Porque, en verdade, só se conta desde o punto de acceso físico á escritura, por tanto desde a resolución que transforma toda condición inicial, toda causalidade, como dicía Vanader, e as converte nun simple efecto dese “agora” que reconstrúe o pasado con gramática (e con palabras que expresan só o que son, linguaxe, imposición). Mediante esta pantalla obsesiva, este espello que seguro vesarei coa fronte, por exemplo. Si: relatar é suplantar o pasado con frases e silencios que son débito da rasa actualidade da escrita e da súa condición substitutiva. Frases e silencio como textos que non deixan de pasar pola roca á que chega aquilo que sobrevive, só aquilo que mantén o propósito interesado de ofrecer contas, mudar a estriga.