miliciaArchive for the ‘’ Category

A pluma e a espada

3 de Setembro de 2009

 

celso_emilio_ferreiro

Ás veces pensamos que a escrita é para o vento, o cal non sería pouco en todo caso. Os amigos convencen de que non era así. O vento, se acaso, leva e trae de volta onda nós un aceno. Hoxe chegaron varios, de distintos lugares do continente.

Darase agora continuidade a unha anotación de madrugada, nacida dunha mesurada irrigación interna e do desaxuste entre o reloxio mental e os externos calendarios, crudelísimos, que marcan ritmo de galera a esta altura do verán. De limiares era o conto. E se lese naquela hora da noite, entre o gin e o yang, un limiar en concreto, este de Celso Emilio Ferreiro ao libro Mis pobres versos (1965) dun mando ourensán da Guardia Civil, malia estar advertido reiteradamente sobre o caso, creo que non daría ningunha caste de creto aos ollos e pasaría moi logo a considerar que chegara o momento de facer algo diferente a esa entrega pagá ao body-building.

Digo con este circunloquio, en suma, que Anxo Tarrío leu a dúbida e resolveu disipala enviando o arquivo que se xunta na ligazón de arriba (clíquese, por favor!). E nel, no arquivo, por xunto, glosa e exemplos abondos da poética autorial como para preguntarse moitas cousas, como para preguntarse en realidade… todo.

A análise do prologuista incorpora de modo progresivo e sabio a lenta sedación precisa para que o vate aquel que aquí non nomearemos dubidase, como nós agora, sobre que era aquilo que tiña entre as mans, sobre que facer: se crer que a carta-limiar de Celso Emilio era inocente na pauta que sinala —acompañándoo— o delirio misóxino e babeco do poeta ou se levar ao de Celanova, de pillalo, a algún lugar incómodo con tricornios nas perchas. Pero a intelixencia obnubilada é o que ten. Puido máis a vaidade do bardo e aquel querer vivir seguido en risco nietzscheano, acatado polo militar con absoluta e cega determinación. Non convén engadir nada á provocación do narciso, nada á traca satírica de resposta. Nin sequera sobre a condición moral do prologado. Nin sequera sobre a posibilidade de que descoñecese a publicación, tres anos antes, de Longa noite de pedra. E de Celso Emilio, que engadir? Brincadeira tabernaria levada ao prelo. Non se acredita nin lendo.

 

Batutas

19 de Xuño de 2009

 

man

Pouca xente coñece a innobre procedencia etimolóxica do termo batuta. Agora non vén ao caso demorar niso. O que en realidade querería contar é igualmente descoñecido, algo que até hai moi pouco tempo reservaba un para a familia máis directa. Ou nin iso, mentres non se soubo. Debo confesalo. Gústanme as batutas. Atesouro unha colección máis que notábel. De procedencias diversas, adoro as balcánicas, e en madeiras tamén múltiples. O tacto dunha batuta ben compensada co tamaño do brazo e ben asentada contra o carpiano é algo inigualábel. Aprecio en particular que a base sexa de madeiras nobres, con algo de peso, como mínimo o que corresponde ao xacarandá brasileiro, que casa ben no cromático e no post-olfativo co arce finlandés. Para dirixir prefiro un tamaño que sei pouco ortodoxo. Estimo que a batuta non supere en tres cms como máximo a distancia que vai do cóbado ao engarce do cubital anterior no óso pisiforme. Hai dous anos que dispoño tamén dunha tarima que me fixo un carpinteiro de Cesuras. En alistonado de castiñeiro, sen quitamedo diante, porque na casa non hai perigo ningún de caída. Téñoa no gabinete de verán, nunha zona fresca. Non hai pracer superior a este de calzar os cascos sen fíos Sennhaiser e dirixir unha ou dúas horas seguidas. En particular, isto tampouco estimaba orealo en exceso, a música militar (a francesa sobre todo, “Si tu crois en ton destin / Si tu crois aux lendemains...” , viril e sobria, tamén a turca) e a zarzuela. Ah, a zarzuela! Quen non dirixa na casa non sabe do que estamos a falar. Esa é a clase de música na que intúes sempre o momento exacto no que se esgota un crescendo ou abrocha un súbito sforzato. Ou resoan os timbais alí na parte do móbel-bar, xusto diante das cortinas. Nunca falla. A batuta móvese autónoma  na escuridade azul do gabinete, de verán. O corpo descansa enteiro en nubes lentas. Esa previsibilidade emocional ofrece un rendemento emulxente para o espírito melancólico, náufrago do mal de vivre ou ahíto de trienios. Esa paz… Ou esa guerra, señor…, ese staccato que disloca o radio contra a paleta humeral e fai que ruba do profundo o cardias até rebotar na glote como un pinball, ou o mesmo con outras partes mentres imaxina un a carga da infantería ou os movementos de intendencia en retagarda. Si, iso comprace o ánimo. Como tamén o fai a voluta dramática da zarzuela hispana. Onde estea unha obra do Maestro Serrano, con toda a orquestra disposta na salita ou mesmo na cociña mentres ferve a auga para escalfar os ovos da cea, ignórense benzodiacepinas e ansiedades. Los claveles, sen ir máis lonxe.