naturezaArchive for the ‘’ Category

Oviparidade e ideoloxía

20 de Agosto de 2009

 

ovos-desideoloxizados1

 

 

Acaban de informarme. O Conselleiro de LibrePensamento e Moita Liberdade ten mentes de promover en setembro, en colaboración coa Consellería de Medio Rural Libre, un novo control de paternidade/maternidade no marco do que el mesmo redenominou antonte Escolas de Redes Infantís (0-3 anos). Prevese un kit de acompañamento entre cuxos elementos se incluirán, como gancho para a participación, packs con media ducia de ovos azuis importados de Chile, unha libreta de aforro infantil de Caja Madrid, unha noveliña de Kundera titulada L’Ignorance e unha rifa para unha viaxe de tres ou catro persoas a Agadez, onde se poderá ver apurando o paso unha exposición itinerante sobre a cultura dos tuaregues ou homes azuis. Coa foto superior hai idea de facer cartaces na entrada das galescolas desinfectadas, seica. A pregunta prevista é: “Cales destes ovos non son ideolóxicos?“. Ignórase a día de hoxe se tamén tomará parte na consulta a SXPL. O que si se sabe é que os resultados do inquérito serán coñecidos con absoluta dilixencia, pode mesmo que antes da celebración da consulta.

ovos-azuis

Microrroturas (ix)

26 de Xullo de 2009

 

b_black_fly

Afonía

Costara erguerse despois daquela noite. Foi directa a unha bolsa con claudias que deixara Mon a tarde do venres. Había unha mosca de tamaño medio pousada alí, no vértice superior da pirámide verde. Preparou o dispositivo e soltou con forza o dedo, como tantas outras veces. O insecto rebotou por dentro da bolsa. Refíxose logo mentres ela puxo cara de lembrar algo. Ignoraba que as moscas emitisen un son audíbel. Aquela fíxoo mentres ía directa ao cristal da ventá. Laiándose, en efecto. Con afonía. Ollou para ela e puido pensar, como ti vendo a foto: está fóra! E o certo é que estaban.

[A imaxe procede do buscador Cepolina Photo]

 

Wick-Ullapool

9 de Xullo de 2009

 

kipperinghouse-fullcrop_0_030_050_980_87

Lembro ben aquel día estraño. O almorzo en Wick na vivenda-hospedaxe do home das catro fillas e a roupa toda no chan daquela alcoba na que entrevín espida mentres baixaba as escaleiras á menor, quizais a menos tola das catro, a rolos sobre blusas, saias, camisóns, o homiño aquel que durante case unha hora temín que se lanzase ao baleiro nos cantís do vello castelo e que precisaba contarme a súa vida toda na tardiña que soñou compartir co estranxeiro, naquel xuño do sol que marchaba coa medianoite. Despois 300 km pola A836, a A838 ,a A894… até alcanzar un Ullapool gris e lento, tras parar en John O’Groats, fronte á illa de Stroma, demorarse nos parques de Thurso, pasar Dounreay e as súas centrais nucleares, atravesar Scourie fronte á illa de Handa. A condución por estradas sen dereita nin esquerda, nas que atopar outro automóbil, outras persoas, era improbábel. Lembro as breves encostas, extraordinariamente estreitas, como en case toda a viaxe, arredor de Loch Eriboll; lémbroas agora máis que ás mozas que berraban ao pai en Wick, á vista o tristísimo porto de Wick, noutro tempo ateigado de barcos de pesca e no comezo do século coa maior parte dos homes evadidos do tedio e da pobreza nas plataformas petrolíferas do mar do Norte. Ullapool, a cea solitaria no mantel branco e a pequena biblioteca para escribir algo na mañá seguinte. Ullapool, onde o ferry a Stornoway, Na h-Eileanan Siar, Hébridas occidentais. Digo o nome, Ullapool. Síntome alí.

loch-eriboll

 

[Abaixo, Loch Eriboll, no noroeste de Escocia. A foto tómase de Flickr. O autor é Ziggi Blue. Na fotografía superior, operarias na preparación do arenque afumado, en Wick. A foto tómase da páxina web indicada no corpo da anotación]

Loairas

27 de Xuño de 2009

 

 

neves-raseadas2

 

 

Aquí nada se perde (2)

18 de Maio de 2009

A anotación que segue subiuse ao vello blog Lándoa o 14.05.2009 ás 00:48 h. Despois dela figuran os dezanove comentarios recibidos.

 acios

Hoxe, xa onte en realidade, fun testemuña dun episodio singular sobre o que non informarei de xeito completo porque non desexo facelo. Pero si direi algo, aínda que só sexa para ilustrar sobre algunhas das condicións nas que se desenvolve a vida política. Estaba cun bo amigo nun restaurante de Compostela e pouco despois de nós sentar, a iso das tres, entrou un conselleiro do goberno Feijóo. Unha muller agardaba por el nunha mesa inmediata á nosa. Non prestei atención particular á conversa deles. Pode crerse que iso non supuxo esforzo ningún, nin para min nin para o meu colega. Interesábanos moito máis falar do noso e intercambiar opinións sobre cuestións gastronómicas (xarda, agulla…) e académicas (muros, sistemas…). O conselleiro fixo algunha chamada telefónica. E recibiu outras. O relevante é que unha desas chamadas foi para falar co que axiña será novo secretario xeral de Política Lingüística, a quen pediu absoluta discreción sobre o nomeamento mentres este non se faga público no consello de hoxe xoves e co que compartiu algunha información digamos que reservada, reservada cando menos até o domingo 17. Naturalmente, saíu o nome desa persoa. E nós ouvímolo. Talvez o conselleiro pensou que nese restaurante non había ninguén máis ca el e a súa acompañante loira. Talvez por iso falaba alto e transmitía a idea de que a caixa dos xoguetes era súa. Talvez non nos viu, malia nós estarmos a carón del. O poder é o que ten. E as orellas é o que teñen.

[Natureza e cultura]

 

Mario disse…
Non o vaia contar, eh? Aver se vamos perder a emoción.

14-05-2009 1:36

 

 Rue Valette disse…
Paradoxo: despois de ‘morto’, este blog fala novamente para dicir que ten algo moi importante(?) que contar pero que non vai contarnos nada! Que retorcido é o mantedor, que neosalomónico, ou sexa, talvez barroco! O que estaría ben saber, sexa quen sexa ese xa elexido persoeiro ou -eira, é se o de natureza vai polas orellas ou vai polos políticos, e idem o de cultura, porque non acabo de telo claro visto o visto. E por último, lémbrolle que é xa ésta cando menos unha súa segunda resurrección, que xa está ben a cousa, non se queixará vostede.

14-05-2009 7:42

 

 arume dos piñeiros disse…
Coñecendo ao mantedor, o nome da persoa xa está dito. A cuestión é atopalo.

14-05-2009 8:41

 

 Rue Valette disse…
Arume, vou darlle unha pista: mire as páxinas de Galicia d’El País. Creo que todo o mundo vai ó mesmo restaurante ou, poidera ser tamén, o mantedor déixase sobornar.

14-05-2009 9:07

 

 r.r. disse…

¡Lede ben entre liñas! Cando descubrades o nome saíde ó mundo e estará xa na prensa. Xúrovos por deus (o que non me costa moito esforzo, confeso) que a verificación de palabra é “nonsabbe”. Adxunto imaxe.

AQUÍ

O poder fai das máis das xentes vulgares elementos divertidos para a contemplación (moito menos divertidos para sufrir as súas ordes)

14-05-2009 9:20

 

 SurOeste disse…
Que sorte, tamén che poñen caixa de xoguetes no despacho. Así calquera se resiste!
E na Feijooneta, tamén haberá xoguetes e minibar?

14-05-2009 9:50

 

 Lándoas disse…

Alto aí, irmáns serapións, que o blogue está pechado e a miña boca tamén.

14-05-2009 9:59

 

 arume dos piñeiros disse…
É vostede un Anxo, amigo Lándoas.

14-05-2009 10:35

 

 apicultor disse…
A.L.

Supoño que xa saiu na prensa, que aínda non lin.

14-05-2009 12:28

 

 hoanking disse…
Señor Lándoa: creo que o Conselleiro en cuestión ten un fino sentido do humor. Primeiro filtra a noticia á prensa, para que a difunda na edición de hoxe, e logo, na comida ad hoc para celebrar a solución do problema, bérralla a vostede desde a mesa do lado para que faga o propio, aínda que castigándoo co temor á indiscreción. Conclusións:
1. é vostede unha boa persoa, diso non cabe dúbida.
2. é vostede, malia todo, unha persoa discreta.
3. o tal Feijoo non pensaba gañar as eleccións, por iso fixo a campaña que fixo.
4. agora que as gañou chega o propósito de enmenda
5. que fiche a Anxo Lorenzo e non a Gloria Lago é un éxito do galeguismo.
6. Que se la enmiende también.

14-05-2009 16:33

 

arume dos piñeiros disse…
O número 5 de hoanting é a versión máis divertida que vin do asunto.

14-05-2009 16:40

 

Comentário eliminado
Esta mensagem foi removida pelo autor.

14-05-2009 19:02

 

 abrov disse…
caro arume dos piñeiros, ou candea, ou agullas, se cando menos serve para o pasares ben algo gañamos, triste mundo

14-05-2009 22:21

 

 outrjoy disse…
Arume: Libertad Digital coincide contigo
http://www.libertaddigital.com/sociedad/feijoo-cede-la-politica-linguistica-a-un-defensor-de-la-imposicion-del-gallego-1276359233/

14-05-2009 23:21

 

 Anónimo disse…
A ver, agora que xapasou o conto, ula a solución? Porque eu saquei a referencia ao Anxos, pero o de Lorenzo non o dou atopado e teño aí esa intriga que me quita o sono…

14-05-2009 23:33

 

 Lándoas disse…

Pois tamén vén sendo singular a historieta dos comentarios, xa o creo. Se eu quixese dar tantas pistas como algúns de vostedes procura… acababa antes dicindo o nome completo, non cren?

Considerei que non debía facelo. Nin dar pistas nin dar o nome de xeito directo. De ser xornalista é probábel que pensase doutro xeito, pero o oficio de blogueiro sitúase nun marco algo diferente, polo menos no sentido no que o experimento eu. E, naturalmente, non saíu de min esa información con destino a ningún medio. De feito, no _País_, Salgado deixa claro que manexou outra clase de referentes. Comento isto polo que de novelesco ten. Non xustifico nin dou reviravoltas. Pero confeso que algo de coña si me fai a colectánea de anotacións que fomos xuntando.

O que me interesaba transmitir non era outra cousa que esta: un individuo indiscreto con certo poder esixe discreción a un terceiro. Ese paradoxo no fondo cotián sobre o que se fundan tantos actos comunicativos na praxe social do tempo noso. O resto de asuntos non me interesou tocalos no post. Tiña e teño unha idea formada de Anxo Lorenzo, claro. Agora non creo que sexa o momento de pronunciarme ao respecto. Engadirei incluso que non sabería pronunciarme sen deixar en claro que son moitas as dúbidas en órbita. Malia todo, o que penso sobre o proceso de problematización partidaria da lexislación en materia lingüística e, en definitiva, sobre os cálculos demoscópicos diso derivados x o expuxen na entrevista que apareceu en _Tempos Novos_ hai agora case un mes. E ademais, carafio, _Lándoa_ está morto. Esta é unha memoria-informe de ultratumba.

Por evitar pesquisas a maiores: non hai referencia ningunha a “Lorenzo” no texto. Arume argallou a lenda urbana da encriptación da miña mensaxe de onte, pero foi cousa súa. Eu non son Cardano e non teño grella ningunha a man. Metín o xogo co nome do novo Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo, tomando o título dunha novela de Rei Ballesteros só para deixar constancia de que non había farol ou invención no que estaba a postar. Gustoume o de Acios, alén diso, non só pola asonancia con ese nome senón tamén por ser aquel o nome do restaurante no que o conselleiro, a dama loira, o meu amigo E. e eu mesmo xantamos o mércores 13 de maio uns a carón dos outros. Unha mensaxe ao conselleiro, esta, por se el pensar que neste blog todo é autoficción? Home, non tanto. Non creo que o conselleiro nos lea, non dá aspecto de lernos, aos blogueiros do blogomillo, digo. Se nos lese… igual non era así. Igual era menos lingoretas, máis humilde. Igual até nos deixaba dar unha volta no triciclo.

15-05-2009 0:25

 

 arume dos piñeiros disse…
Non sei por que Libertad Digital coincide conmigo (cousa que tampouco me quita o sono, dito sexa de paso). Eu simplemente dixen que a apreciación de que o nomeamento de Anxo Lorenzo fose un éxito do galeguismo resultaba divertida. Non por Anxo, a quen coñezo persoalmente e trato case a diario, e cuxo compromiso co galeguismo non ten ao meu ver dúbida algunha, senón por crer que Núñez Feijoo puidese actuar cunha clave galeguista ou atendendo á pulsión galeguista do partido. Se for, xaora, sería sorpresa agradable: pero polo de agora, permítaseme o sorriso.
Dito todo esto, obviamente, co permiso do enterrador deste blog.

15-05-2009 9:12

 

 Anónimo disse…
Cando escribo landoa.blogaliza.com ou landoas.blogaliza.com aparece un páxina en español dun señor ou señora que fala sobre libros. ?????

16-05-2009 13:12

 

 Lándoas disse…

Escuras manobras de mios enemigos malos, don Anónimo.

Menos mal que os de Lándoas UnLtd. & Círculo Semiótico de Vite rexistramos a tempo outros condominios na vastedade azul das esferas.

Paciencia…, que xa imos todos e todas no paquete astral.

16-05-2009 17:38

 

Rotring

4 de Maio de 2009


Hoxe, procurando entre vellas carpetas, atopei unha azul que dicía PROSAS. Nela están algúns contos (primeiros 80), o comezo dunha novela (anos 70), materiais diversos e algúns debuxos que fixen cuns Rotring que merquei a finais dos anos 70 e que aínda teño porque me resulta difícil desfacerme de nada. Aparece mesmo na parte posterior da caixa de cartón tamén conservada isto: “Oferta ‘Promoción Escolar’ Limitada 1.600 Ptas”. Boto contas e decido que iso naquel tempo era unha fortuna importante. Podía equivaler á metade da parte que un estudante universitario paga hoxe por compartir piso con outros compañeiros/as. Divertíame debuxar naquel tempo. Agora ollo para estas dúas cuartillas e véñense á memoria moitos fíos: a mesa naquel terceiro de Santiago de Chile, as protestas contra as axencias inmobiliarias pola carestía dos pisos, as amizades idas… Ollo para os debuxos e sei que pouco diso entra neles. Fago hermenéutica do propio. Intento saber daquela hora, marzo e abril de 1980 polo que está anotado ao pé doutros debuxos da serie. Intento recoñecerme no trazo. Logo atendo o voo nervoso dunha lavandeira no patio. Nunca antes as vira aí. Onte, xantando en Cecebre, falamos das moitas que había na estrada na que xogabamos. Era agosto.

[Restos]