o tráxicoArchive for the ‘’ Category

Vidas oclusivas, vidas fricativas

16 de Xuño de 2009

nena_daconte-he_perdido_los_zapatos-frontal

Anótoo para exploralo como dialéctica outro día. Hoxe só iso. Algo ocorreu entre Miguel de Unamuno e Nena Daconte, no tempo transcorrido; algo ocorreu que ten un correlato na ciencia fonolóxica, nesa abstracción da oclusión e da fricación, previa á teorización sobre o continuum larínxeo-alveolar e á emerxencia da idea de caos. Fonosimbolismo tamén nos eidos que abren entre filósofo e dúo. E onomancia, pois non pode ser o mesmo chamarse Pepe que chamarse Fifí, chamarse Tata que chamarse Fofó ou Fofito, aínda que este último hipocorístico atempera a fricatividade no xiro derradeiro de seu. Nomes oclusivos malia as aparencias (Unamuno) e nomes fricativos malia o propio (Daconte). Poéticas oclusivas e poéticas fricativas? Claro! No campo da poesía hispánica Unamuno andaría polos penedos aqueles da oclusión encabalgante e Nena Daconte andarían polas chairas esoutras dos estanques e dos parques temáticos, fricativos eles (fricativa sobre todo ela na redución articulatoria que remite a unha minoría de idade declamatoria, sentimental e intelectual, propiciatoria no imaxinario patriarcal de cazas e capturas —supóñase un Pondal pola parte de Neaño— no límite do estupro), si, fricativos eles na dicción e no pensamento, insisto, como un demorado flato oral, nasal, vaxinal. Anal non, anal non. Un flato emitido empero como crítica da linguaxe. E como apoteose do ripio (“tardamos mucho en no volver / a ver la luz del sol nacer”, onde o eneasílabo se alcanza como sexa, faltaría plus).  Compróbese, compróbese se non se me outorgar creto. En termos puramente empíricos e comparados. Primeiro este “El Aleph” (2009) do dúo omnipresente, co vídeo de autor (J.A. Bayona)  e a inconsistencia dos vellos conceptos a derrubarse con feitura plástica desde as alturas hermenéuticas  de tellados ou as baixuras metamórficas de patio urbano, entre kubricko e gadameriano todo, con palabras rotas (“corazón” – “razón”, e logo “compartir” – “partir”, “sentimiento” – “miento”, “ilusión”, ¡”pareja” – “reja”!, “confianza” —mágoa perder aí o xogo que tería dado “fianza” de tirar algo máis da corda, coa isotopía aquela do préstamo hipotecario, euríbor e tal— e, en fin, pero non ao final senón polo medio, ¡¡”sentido”!!…, que clímax conciliatorio e diexético o de sentido meu-deus!). E de contado, todos quietos, o contrapunto: un soneto de Unamuno, un soneto mal composto que non sei ben por que sempre me amolou un chisco. Que mente, Unamuno!, ese prodixio de facer el crítica aos postestruturalistas e á posmodernidade antes de existir nada semellante ao estruturalismo ou a Barthes, nin en Salamanca nin en Fuerteventura nin en París. Todo iso nos catorce versos do soneto en cuestión. Antes, escóitese e véxase, se se quer, Nena Daconte, que fan da corda e da fricatividade ontolóxica alegorese e sostén da súa poética enteira, segundo se preanuncia xa na foto que arriba incorporo, non sei se carátula tamén nin penso comprobalo:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/qFg9OVEGUIg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

[Por se alguén bloquear o acceso, que temo que si, clíquese neste punto e váiase acolá: http://www.youtube.com/watch?v=qFg9OVEGUIg]

Velaquí agora o soneto de Unamuno, “Don Juan de las ideas”, da serie “De nuevo en casa” de Rosario de sonetos líricos (1911), escrito en Salamanca no outono premoriente e encabalgante de 1910, cen anos antes de Nena Daconte fricativizarnos a todas horas cerebelo e linguaxe mentres a AP-9 transcorre no parabrisas e afoga o tempo, oclusivo ou polo menos africado, con este pó quente que vén do Sahara, seica:

Don Juan de las ideas que cortejas

todas las teorías, libertino

del pensamiento, eterno peregrino

del ansia de saber, sé que te quejas

 

de hastío de inquirir y que aconsejas

a los mozos que dejen el camino

de la ciencia y encierren su destino

de la santa ignorancia tras las rejas.

 

No amor a la verdad, sino lujuria

intelectual fue siempre el alimento

de tu mente, lo que te dio esa furia

 

de perseguir a la razón violento,

mas ella se vengó de tal injuria

haciendo estéril a tu pensamiento.