opinión públicaArchive for the ‘’ Category

Educar a un presidente

8 de Setembro de 2009

 

celanova-casa-dos-poetasAnoto con brevidade uns apuntamentos relacionados cos acontecementos recentes de Celanova:

1) Algunhas persoas e institucións, tras unha longa fase de reflexión, tomaron a decisión de asumir as súas responsabilidades. Magnífico.

2) Algúns membros do séquito do presidente puxeron caras mentres escoitaban as “imprudencias” que Xosé R. Barreiro, presidente da Real Academia Galega, dirixía ao presidente da Xunta. Algunha prensa di que amosaban o seu malestar.

3) Algúns medios silenciaron ou ocultaron o acontecido. Outros operaron coa calculada diplopia empresarial que lles é propia. Outros magnificaron o significado do episodio. Por aquí está o combate.

4) Sobre os actos institucionais caben dúas clases de pactos tácitos. Óptase en ocasións por unha neutralización ritual do discurso (a fin de non dicir nada novo e de que todo fique en harmonización sonora). Óptase outras veces por elaborar un discurso de fundamentación incoativa: “propoñémonos facer tal cousa”. O que resulta claramente inapropiado e abusivo é empregar un acto institucional para agredir verbalmente determinadas conviccións e programas, en particular se se presupoñen abrazados por unha maioría do público presente.

5) A terceira opción foi a de Feijóo desque agarrou o temón do poder. Cunha especificidade: fíxoo en contextos moi definidos, os que teñen a ver coa política cultural e lingüística. De modo que nunha serie de actos institucionais de toma de contacto ou de celebración cívica e simbólica fixou como pauta vertebradora das súas intervencións afear en público certos compromisos, certas traxectorias, certos consensos, certas políticas. Feijóo subiuse a si mesmo, ao seu cargo, para rifar e agredir a quen lle petou, basicamente aos que non pensan como el, que en Galiza somos maioría, por certo.

6) O pasmo paralizante e irresponsábel de moitos en actos como os indicados non fixo senón incrementar a autoestima que en xeral padece de forma tan patolóxica coma irrisoria case todo individuo da especie humana que accede a cotas de poder relevantes (isto increméntase exponencialmente en casos de persoas intelectualmente capitidisminuídas e/ou hiperhormonadas, máis aínda se elas mesmas foran conscientes, nalgunha fase previa de mínima lucidez, da súa mediocridade mental e/ou moral; véxase o caso paradigmático de Aznar).

7) Educar ao príncipe posmoderno é de novo tarefa do pobo. Eu, modestamente,  estaba a consolidar entre os meus achegados a que iamos chamar “Columna Levante”, cuxo operativo principal consistiría en acudir a actos oficiais nos que se anunciase a plática de Feijóo ou do seu mariachi mediático-administrativo sobre materia cultural para, en plan bastante Gandhi, coller e erguer un a un de xeito educado e digno á mínima faltada do presidente, como nunha respectuosa procesión de caladiños, pero sen tambor nacional nin cilicio na virilla. É mágoa que Barreiro, nalgunha medida, fane a iniciativa ao activar —por fin— algo que malia todo o que se diga só as institucións son quen de activar. Ou non a fana e podemos seguir coa Columna Levante imaxinando que o exemplo cunde e que toda Galiza se ergue e se vai do salón?

8 ) Señor*s: Dignidade e forza contra a impostura! Sátira e firmeza contra a institucionalización da mendacidade e a alienación campante! Linguaxe contra o orneo! Érganse e ábranse se os insultan ou insultan ao país! Basta de contemporizar coa mediocridade, a falsificación e a angostura mental! Somos o que somos non por Marta Rivera de la Cruz nin polas levitacións de Farjas nin polas cotizacións empresariais (acolá) do conselleiro de Economía!! 

 

[Barreiro e Feijóo no acto de entrega á RAG do XXV Premio Celanova Casa dos Poetas. Fotografía de El Correo Gallego]

 

cEnsura = bOndade ou nube/fraga de tags (poema transcrito do natural)

26 de Xullo de 2009

 

 

fraga-iribarne

 

 

resistencia non máis     a censura pode ser precisa pode ser precisa precisamos máis censura máis censura censura precisamos en certas condicións a censura pode ser necesaria porque en certas condicións a situación     esixe de todos a censura e o premio pois é o pobo e só o pobo e só o pobo quen premia a situación sitúa a normalidade censura en certas circunstancias censura natural o vello di que se deixe traballar          ao amo que non é tal que precisa censura por sentido común a censura pode ser precisa a censura agora como é natural que                     a censura é precisa porque si iso é certo   coas elites e o  resistencialismo non se vai a ningures o resistencialismo resiste resístese e non permite a violencia cordial de vencelo e anular presenza o pobo ordena censura           iso é ás veces é necesaria a censura (practicada por nós) e vós debedes entendelo debedes entender que é precisa a rendición das elites como Castelao o entendeu ao falar da tradición franqueade as portas á censura da Santa Compaña porque é bo para todos e todas para todos a censura é boa para a cordialidade como é natural a censura nosa xa o estades a ver todos é harmónica e natural a censura a censura si por sentido común e el debe traballar como é natural polo pobo si polo   pobo e punto  sen máis incordio de resistencia.

 

 

 

 

 

 

 

 [Manuel Fraga Iribarne fotografado por Benito Ordóñez]

Véxase aquí unha prosificación do anterior. Calíbrese, tras vela, a inmediata influencia da Doutrina Lándoas-Kruschov sobre Cando-se-Debe e Cando-se-Non-Debe Aplaudir un discurso supostamente institucional reconvertido a ataque directo contra un(s) que está(n) no público ou, noutras variantes, a groseira declaración partidista ou mesmo a apoloxía do fascismo. De ser exacto o que relata Xornal de Galicia, só de ser escrupulosamente exacto, ben por Laxe e ben por Touriño. Agasallo para eles (allegro moderato). Deshonra para os felóns (por certo esta palabra encantáballe usala a ese señor a finais dos 80).

  

Feijóo no CCG, ou eloxio da alienación

18 de Xullo de 2009

goberno-galego

 

O discurso do Presidente Alberto Núñez Feijóo no acto solemne que conmemorou en Raxoi os 25 anos do Consello da Cultura Galega foi obxecto de controversia en varios lugares e moi probabelmente será lembrado no futuro como un dos momentos máis irresponsábeis do seu mandato, que desexo breve, bastante breve.

Anotarei algo: non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos. En particular en tres dimensións. A primeira é a  narrativa: cómo chegamos a ser o que somos e non outra cousa distinta. A segunda é a patética, referida á lectura emocional da nosa condición periférica en Europa. A terceira e última e a argumentativa, e aquí é onde o pensador que lle escribe o conto a Feijóo fala do provincianismo dos procesos de construción nacional (pero non de todos, claro: só dos diferentes ao lexitimado pola existencia do Estado, pois o discurso naturaliza a postulación nacional de España, fóra de  cuestión e nunca provinciana) fronte ao divino cosmopolitismo. A peza oratoria leva a quen a ature á peculiar conclusión de que os máis cosmopolitas son os grandes escritores que abrazaron para expresarse unha lingua  diferente da súa orixinal ou materna. Así, Joyce, Kafka, Beckett, Kundera (sic). O anterior non é tan exacto como poda parecer, pero ese non é o asunto hoxe. De todos modos haberá que voltar a todo isto porque considero que aí reside a mandorla conceptual do discurso de Feijóo no CCG.

Pero hai máis. Hai, por exemplo, unha inelegante, maleducada incluso, deslealdade institucional, pois todos sabemos que non se vai a unha celebración á que se nos invita co único obxectivo de augar a festa aos anfitrións. E hai de porparte unha tamén inelegante deslealdade persoal co presidente do Consello da Cultura, polo uso perverso e intelectualmente obsceno de dúas citas descontextualizadas que, resulta obvio, Ramón Villares nunca poñería ao servizo da causa argumentativo-ideolóxica defendida por quen sabía que despois del ninguén podería retrucar. E o caso é que esas dúas citas son as efectivas e reais chaves vertebradoras do discurso todo de Núñez Feijóo ese día. Ese día que foi á casa daquel seu amigo, quen alén dese dubidoso privilexio é a terceira autoridade do país segundo os protocolos oficiais sancionados pola Xunta de Galicia.

Algo máis? Abofé que si. Porque non falei aínda desa pílula de diámetro superior ao da gorxa de calquera ser humano. Voltarei a ela con detalle. Menciono só que se trata dese canto a alienación cultural na que se abandeirou no Consello da Cultura  ese señor que nos preside. Apréciase agora a grave e onerosa realidade que nos caeu enriba pola incompetencia táctica de Touriño e de Quintana e pola intromisión tamén táctica do poder financeiro-estratéxico-mediático vinculado co triángulo escaleno Iñás-Piazza di Spagna-Sabón.

Así, pois, o texto de Feijóo pasará ás máis extravagantes antoloxías sobre o revisionismo histórico, sobre a colonización e a alienación culturais, sobre os conceptos de  resistencia cultural, hibridación, aculturación…, pois este home que a min antes me parecía intelectualmente limitado ten que ter acceso a algunha esotérica e potente tradición teórica, talvez recadada nos sotos da FAES ou noutro templo do saber. Direino directamente e xa sen ironías: constitúe un inaturábel insulto á intelixencia que un licenciado universitario manexe algúns conceptos de cultura xeral como o fixo Alberto Núñez Feijóo nese lugar que o texto estatutario de noso destaca nos termos que o fai.

Cando cunha mistura de desleixo e estupefacción accedín hai unha semana aos breves apuntamentos sobre o acto recollidos en prensa —na inane, na pérfida, na lexíbel e na outra—, acudín case de inmediato ás webs institucionais da Xunta en procura do texto. Porque un pensa, fíxense vostedes, que os textos pronunciados en ocasións solemnes da índole da que aquí se comenta deberían ser de acceso público. Por simple respecto aos cidadáns e cidadás, ou aos contribuíntes, palabra esta que cada vez máis penso que hai que recuperar para a esquerda cando se fala destas cousas. E é que non todo o mundo recibe un convite insstitucional para acudir a eses actos; non todo o mundo ten acomodo na pequena e incómoda sala magna do Consello da Cultura Galega, atafegante a partir de maio e insufríbel en termos acústicos polo inconsútil fío musical que chega desde a escaleira de Xelmírez dos pulmóns dun gaiteiro (incombustíbel e artísticamente menor) ao que habería que pagar de inmediato, entre todos, o plus que lle falte para alcanzar unha pensión digna que goce rodeado dos seus.

Falando xa moi en serio, sinalo isto: os discursos dun Presidente do Goberno en ocasións da entidade institucional que aquí se comenta son os que marcan políticas, son os definitorios dun rumbo, son os que estabelecen e aclaran unha cartografía e anuncian unha forma de intervención. Este de Feijóo o día 9 de xullo de 2009 de maneira absolutamente incontestábel.

Por iso mesmo, celebrei que o Consello da Cultura decidise pendurar onte o vídeo do acto, que incorpora tamén o discurso do Presidente Feijóo entre os minutos 43 e 57. E celebrei hoxe á maña, así mesmo, que a partir dese vídeo a dirección de Galicia Hoxe decidise que os seus redactores o transcribisen (“O Presidente no CCG“) para llelo ofrecer aos lectores, o certo é que con poucas grallas ou modificacións en relación co que en efecto pronunciou Feijóo (ningunha delas substancial e case todas por simple conmiseración lingüística, se ben hai unha de signo inverso, moi ao comezo da transcrición, porque o poscolonial Feijóo non fala do Obradoiro como “meeting point” senón como “melting pot“). Antes de pasar a unha parte máis analítica do que quero contar, suxiro que lean o texto á vez que teñen á vista as imaxes. Observen as actitudes do orador, fíxense ben nos seus acenos, bastante comedidos pero con algún momento de excepción, atendan tamén á resposta do público, ao meu xuízo inapropiada se temos en conta o que alí se dixo. Claro que ese público era, como diría o Presidente Feijóo, plural; por moito que a min me pareza máis ben singular, tan singular que non creo que en ningún outro lugar do mundo reaccionase así á afrenta recibida: 14 segundos de aplausos para un torpedo dirixido á liña de flotación do buque (un segundo máis que os aplausos que seguiron á intervención de Ramón Villares).

Cansa tanto relatar isto que hoxe xa non o aturo máis. Deixo para un post doutra hora a análise do texto presidencial. Pero por se alguén se animar a estudalo déixoo aquí en pdf, con só unha mínima edición de páxina e sen modificacións sobre o publicado en GH.

Un complemento: o outro día dixen que cómpre saber quen lle escribe estas cousas disparatadas e imprudentes a Núñez Feijóo. Algo avanzamos a día de hoxe. Ese ideólogo/a non é filólogo/a. Con certeza. Diría máis: non sabe gramática. Así que podería ser ese señor que aparece na foto estreitando a man do Presidente tras a toma de posesión do Goberno. Tería lóxica, lóxica orgánica, quero dicir: porque estas materias son da súa incumbencia, da de Varela, visto o asunto desde unha perspectiva conservadora. Ou é que o conselleiro de Cultura alén de saber linguas sabe gramática?

O da gramática dise porque no discurso de Feijóo hai un momento no que se menciona que “nós” (o Nós de Risco e os demais membros da súa xeración e o nós de “nós mandamos”) é un posesivo. E… vaia, como que non. Os posesivos son eles, os señores e señoras da foto da axencia EFE que abre esta anotación. Nós somos sinxelamente persoais, como o pronome nós, e tamén un pouco ambiciosos e testáns. Apropiámonos da lingua e apropiarémonos do futuro. Ñam!

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Falou o oráculo

17 de Xuño de 2009

rbv

Invístese de autoridade técnica e de inmaculada asepsia xurídica, pero o que elabora é un discurso plenamente ideolóxico, con moi importante carga de violencia simbólica contra quen considera os seus adversarios políticos. Estes son, a día de hoxe, segundo o que el mesmo se encarga de reiterar á mínima oportunidade, todos os que non comparten un ideario conservador e radicalmente nacionalista na defensa da identidade e da esencia española, entendida esta nun sentido ahistórico e, nos seus fundamentos xurídicos, claramente preconstitucional. De modo que o noso constitucionalista está desconstitucionalizado. 

 

O seu programa é ultraconservador en cuestións sociais e políticas. Ten pleno dereito a emprender esa ruta, desde logo, e a facelo con teimosía e cegueira xurídica; ou, noutro plano, servindo os intereses que serve. Pero non ten dereito ningún a concretar un día si e outro tamén un intolerábel e perverso ideoloxema, xermolo potencial do autoritarismo máis perigoso: “Os que non pensan o que eu penso son violentos e exercen con violencia a súa intervención política”. Isto é o que Roberto Blanco Valdés di hoxe na súa columna de opinión. Iso é o que di unha e outra vez. E iso é inadmisíbel.

 

Os trucos para manter tal liña de argumentación son intelectualmente obscenos e, porén, bastante eficaces en relación co nivel medio de formación dos lectores dun xornal como La Voz de Galicia. Isto é o que a min me preocupa. O certo é que non teño interese ningún en polemizar no plano persoal con Blanco Valdés, o que me parece urxente é contribuír a parar esa maquinaria criminalizadora de todo o que se sitúe uns centímetros despois da socialdemocracia galeguista. No artigo de hoxe, por exemplo, fala de “auténtica intifada” para referirse ás moi cívicas e pacíficas accións de protesta contra a consulta a pais e nais argallada polo Goberno Núñez Feijóo. Tirou alguén aquí algunha pedra? Deixando agora á marxe o valor semántico que este home outorgue á palabra, como se atreve a falar de intifada? A min paréceme que o seu discurso si é violento, porque forza de vez a verdade e forza seguido a realidade, a que está aí fóra, na rúa, no mundo laboral, na convivencia cotiá. Iso si é tirar pedras: tiralas desde a súa posición de constitucionalista e de algo non desemellante ao rol de editorialista do xornal no que publica. Por iso falo de violencia simbólica, por equiparacións como a de hoxe, cando afirma que a normalización lingüística non é máis que “el cambio, mediante la imposición, de los hábitos lingüísticos de la sociedad”. Isto si é violencia e, alén diso, creo que constitúe unha mostra bastante pura de cinismo social. Pero o máis relevante é que converte en criminais, ou en algo moi próximo a iso, a todos os que interpretan i) que o castelán ten en Galiza unha posición de superioridade abrumadora sobre o galego na práctica totalidade dos usos institucionais e no uso lingüístico por parte de instancias dos distintos poderes actuantes na vida pública e ii) que os falantes de galego se ven a diario na obriga de facer cesión dos seus dereitos constitucionais para manteren a través desa renuncia a paz social e un mínimo de sosego persoal. 

 

Asemade, Blanco Valdés auspicia coas súas palabras a conversión en sospeitosos de non-se-sabe-que de todos os que empregan a lingua galega para estabelecer unha comunicación interpersoal ou social. O ideoloxema de base é simple: falar castelán e defender a súa hexemonía é natural, falar galego é defender a súa normalización como lingua de comunicación é político. Asociado a isto, na práctica discursiva deste columnista é relativamente usual introducir algúns termos en lingua autóctona. Un día un por aquí, outro día esoutro por acolá. Fáganme un favor: sigan eses usos e intenten detectar a súa fundamentación pragmática ou performativa. En termos menos técnicos: fíxense en que circunstancias mete algunha palabra en galego no marco da súa argumentación. Descubrirán que a norma non tan oculta é bastante sinxela e que de novo obedece un patrón ideolóxico reaccionario, promotor da subalternidade da que o vixente Estatuto define como lingua propia do país. Aí vai completamente da man co patrón Rey Fernández-Latorre e o sostén do autonoxo que pagamos cada un de nós cos nosos impostos co destino ficticio de normalizar o uso do galego nos medios de comunicación. Prevaricación e cinismo todo revolto. De novo o intolerábel asumido e aceptado por case todos. Por unha maioría, aquí si, pois nada efectivo se fai para conseguir que esa vergonza remate.

 

O furibundo nacionalista que é Roberto Blanco Valdés interpreta ademais, día si e día tamén, que en Galiza existe algo semellante a aquela maioría natural da que falaba Fraga Iribarne. E iso é tamén falso, rotundamente falso. O pobo falou o 1 de marzo, acéptese. E curiosamente para naturalistas como Fraga e como Blanco, a maioría social (real) non coincidiu exactamente coa maioría natural (suposta), porque houbos máis votos á esquerda que á dereita (poucos máis, si, pero máis), por usarmos eses termos que favorecen que nos entendamos e que, en realidade, son parte constitutiva da ficción política que, de novo con violencia simbólica incesante, publicistas como Blanco Valdés contribúen a manter activa desde posicións moi poderosas para a conformación e control da opinión e do espazo públicos (“El ojo público”, rotula sen rubor o columnista a súa colaboración, tamén aquí disfrazando de criterio o que adoita ser simple doutrina).

 

Por último, Blanco Valdés, con contumacia talvez efectista pero de novo intelectualmente reprobábel e eticamente abeirada á infamia,  insiste en considerar que toda acción política contra os seus intereses de clase ou contra as súas crenzas políticas ou académicas obedecería a unha planificación en mans dun extremismo que identifica coas siglas BNG, o cal convertiría en satélites e autómatas só aptos para a consigna a todos os que nos declaramos contra a concepción do Estado que este constitucionalista menor defende con visceralidade, falacias e vellos trucos sofísticos, un deles pensar que os que discrepamos somos minoría activa mentres que el e os seus (os seus lectores, o seu patrón, os seus correlixionarios…) son a maioría silenciosa, segundo o título da súa columna proclama hoxe. Era boa!

 

  [Roberto Blanco Valdés, columnista de La Voz de Galicia e catedrático da USC]

 

 

Restar para eliminar

10 de Xuño de 2009

linguassuman1

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística está a facer algo positivo e estimo que, na medida da súa capacidade, eficaz en relación coa consulta programada pola Consellería de Educación a propósito do uso das linguas no ensino: decidir constituírse en interlocutora e falarlle ás nais e aos pais chamados a participar na enquisa. Faino deixando tan clara a súa opción como a perspectiva aplicada na argumentación, que é técnica e profesional, non ideolóxica. A Coordinadora vai repartir un tríptico: as linguas suman. Fai o que debe facer.

Hai, porén, entidades, institucións e administracións que non están facendo o que deben. É probábel que nalgúns casos isto sexa así por prudencia orzamentario-contábel; noutros porque se espera ao resultado da consulta para falaren elas despois. Da primeira motivación nin paga a pena falar (refírome aos fitos de Láncara e demais retablos das marabillas). A segunda constitúe desde o meu punto de vista un craso erro de cálculo. Ou, o que é peor, algo que aspira a ocultar a inexistencia de criterio ou que alimenta con luz e taquígrafos unha cesión irresponsábel ao derrotismo histórico. Poderiamos falar, en fin, do feito de que quizais noutro país con algún sentido da dignidade civil algunhas institucións farían, talvez, un chamamento formal ao boicot, unha declaración a prol da abstención, se non directamente unha convocatoria pola resistencia nalgunha vertente eficaz (esta palabra, asúmase de vez, é capital, resulta  irrenunciábel no programa político de quen teña e queira ter conciencia democrática e conciencia nacional), nalgunha vertente que podería implicar mesmo algo semellante a unha sabotaxe cívica e pacífica do protocolo Feijóo-Vázquez para eliminar o galego da vida pública. E, por seguir pensando na dignidade, quizais noutro país esas institucións ás que apelo decidisen coordinarse, falar quizais non solemnemente pero si dignamente cun único discurso, breve, directo, claro. Unha voz institucional contra o abuso, unha voz polos dereitos fundamentais, unha voz pola nación, que naturalmente se sumaría a outras voces e a outros discursos provenientes doutras coordenadas do espazo público.

Existen, con todo, outros posíbeis niveis de intervención que suporían mesmo unha vía para a paralización externa (vouno dicir así sabendo que o uso é impropio) dunha consulta anómala e alegal por varias razóns. Unha, algo máis que técnica, é que se vai converter á parella de proxenitores en emisor único de opción e decisión —de voto, dixo o conselleiro Vázquez nun lapsus que nin se parou a matizar—, o cal contravén o sentido profundo da democracia e presupón unha unanimidade que non por probábel converte en lixeiro o asunto. Outra, tamén algo máis que técnica e coa que é probábel que estea encantada a parte Opus do actual goberno, consiste en que dado que o alumno/a é o elemento de engarce “democrático” da decisión, parece que os pais e nais con varios fillos acabarán emitindo opinión (voto) por cada un deles, así que o meu voto, por exemplo, podería valer a cuarta parte que o do meu viciño do 2º F se este tiver catro fillos en idade escolar e eu só un. Ninguén aclara isto. Ninguén aclara nada. E o caso é que do que de aí resulte sairá a base retórica para o preámbulo do decreto alternativo que a nova administración, por moito que o negue, ten precociñado e articulado, ignoro se en forno Opus, en forno FAES ou en forno Génova (tripartito?, pentapartito?, hai avances nese terreo da unidade do goberno?, seguro?).

Non hai tanto tempo, un entendera non-sei-que-exactamente a propósito do referendo que ía activar o goberno Ibarretxe. Son niveis diferentes incluso na óptica dos autodenominados partidos constitucionalistas, é certo. Pero a argumentación xurídica de fondo con aplicación ao referendo vasco non só debería ser igualmente aplicábel á consulta Vázquez-Lorenzo senón que ademais tería que ser corrixida e aumentada para a ocasión. A ausencia de autoridade para levar a cabo unha consulta desa clase (que con medias palabras se presenta como vinculante, como se tal cousa couber), súmase unha palmaria e case diría  ostentosa ausencia de garantías, con diversos mediadores e transportadores da enquisa no periplo Consellería-Nais e Pais-Consellería. Existen con certeza máis garantías en procesos de elección de cargos ou representantes para asuntos triviais na vida comunitaria, ou aínda nunha conxuntural participación como espectadores-votantes de TV para determinar algunha nimiedade. E hai algo máis, que non concorría no caso vasco. Será chamada a opinar sobre este asunto, capital para a cidadanía toda e para o futuro do país, só unha parte da poboación galega, unha parte bastante reducida, aínda que iso non é agora a cerna do asunto, porque o que importa é xustamente iso, que é unha parte: a configurada polos cidadáns que teñen fillas ou fillos escolarizados.

O Delegado do goberno central declarou algo hoxe aos medios. Pero aquí non é unha declaración política o que corresponde. Un inciso: entre outras razóns coadxuvantes, o PP activou o seu plan de destrución da convivencia social e cultural porque nin o PSOE nin o PSdeG emitiron previamente sinais suficientes de advertencia para que non o fixese. En fin, o goberno Rodríguez Zapatero está na obriga de defender os dereitos constitucionais de galegos e galegas. O Ministro do Interior, en particular, tamén. Rubalcaba debería lembrar aquilo de que “No hay que ser un genio del Derecho para conocer las tachas de inconstitucionalidad”. Debería lembrar esa frase esgrimida contra o referendo paralizado no País Vasco e tamén que existe, que segue a existir, o Tribunal Constitucional. Debería lembrar que as leis, os Estatutos de autonomía, as Constitucións e todo iso están para cumprirse.

Son moitas as razóns sociais, políticas e tamén xurídicas para deter unha consulta que vai supoñer unha quebra de enorme envergadura no país e que está destinada con absoluta claridade a que un dos poucos elementos que garanten un principio de igualdade de dereitos fundamentais sexa conculcado con aparencia democrática. O Conselleiro de Educación e o Presidente Feijóo, que interveñen como se a maioría do seu grupo parlamentario fose similar á que perfilan as cifras do concello ourensán de Avión nas recentes eleccións europeas (sobre un 90% de votos para o PP), esquecen que e só un o escano que lles outorga a lexitimidade para gobernar o país. Pero non é esa a cuestión principal que hoxe é preciso tratar aquí. O relevante é que o operativo Feijóo-Vázquez-Lorenzo, o operativo PP, está destinado a preservar o feito de que unha parte da poboación galega desenvolva a súa actividade cidadá e a totalidade da súa participacións na vida social e cultural absolutamente á marxe dunha das dúas linguas oficiais do país. Iso é algo que hoxe xa se pode facer coa única reserva (sobre o papel, non na realidade) da esfera do ensino. Á inversa é obvio que resulta imposíbel.

E por seguir indagando nas inversións, pregunto: que ocorrería se un goberno afín a outro nacionalismo (non ao español) impulsase unha consulta como a que a finais desta semana se vai activar en Galiza? Que pasaría se un goberno, por exemplo monocolor do BNG ou de CiU, empregase esas mesmas preguntas con intercambio dos lugares de aparición das dúas linguas oficiais do país en cuestión, Galiza ou Cataluña? Interviría nese caso o Ministerio do Interior? Non pregunto polo que dirían os xornais de Madrid, de Valencia ou de Ferrol; tampouco polas declaracións na COPE ou noutras emisoras de radio e televisión. Pregunto polo que faría Interior, polo que faría a fiscalía, polo que faría o Constitucional.

 

ps. Véxase AQUÍ o documento asinado o día 10 de xuño por doce sindicatos e organizacións do ámbito do ensino contra a consulta da Consellería de Educación, a ausencia de garantías e a manipulación tendenciosa vehiculada nas preguntas do inquérito. Asinan o documento: CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística. Préstese especial atención ás recomendacións sobre as implicacións das respostas  posíbeis (10 06 2009).

 

A democracia e a intervención do poder

21 de Maio de 2009

 No número 143 da revista Tempos Novos (abril 2009, pp. 30-35) apareceu unha entrevista que me fixo Belén Puñal e que ilustraron as fotografías de Tamara de la Fuente. O marco foi o dosier que a revista titulou “1-M. Estratexias políticas e mediáticas”. Agora a entrevista publícase tamén en formato dixital (TemposDixital).

tourino-e-rey-bn1A conversa foi longa e pausada. Arredor dunha hora. Talvez algúns aspectos tiven ocasión de analizalos e desenvolvelos un pouco máis polo miúdo do que aparece no texto da entrevista, pero no básico iso que se recolle é o que dixen e é tamén o que penso. O meu criterio non variou en ningún dos aspectos tratados, aínda que é certo que desde o 27 de marzo, día no que mantivemos o encontro, foron numerosas as incidencias rexistradas na política galega e no seo dos tres partidos representados no Parlamento. Como tamén na esfera estatal, coa crise de goberno que supuxo, entre outros asuntos sen tanta confluencia co tratado na entrevista, o acceso de José Blanco ao Ministerio de Fomento.

Reproduzo de seguido o texto tomado de TemposDixital:

Que significado ten para vostede o 1-M?

Aínda non hai consciencia do que significa isto. No que se refire ao proxecto nacional, o feito de que o estatuto quede aparcado ou pase a ser unha cuestión secundaria na axenda paréceme dunha gravidade extrema. Coido que os medios, especialmente os máis implicados co mundo económico, financeiro, industrial, eólico,… aprenderon moitísimo desta experiencia. Fixeron un cursiño moi acelerado, e para eles moi produtivo, sobre como manexar a opinión pública. E a opinión pública galega é moi manexábel por feblezas emocionais.

Estas eleccións situáronnos ante un mapa do voto inédito no país. Se falamos de Galicia como realidade, en que estadio coida que estamos?

É un momento moi determinado pola situación económica internacional, de expectativa, de indefinición industrial, cunha cantidade de postos de traballo no aire extraordinaria. No terreo político, Galicia unha vez máis opta pola subsidiariedade, pola subordinación. Polo que Fraga chamaría “facerlle un servizo a España”. Por non ter axenda propia. E iso é nefasto.

Aínda non está Galicia madura para un proxecto propio?

Non me convence esa expresión. A cuestión non é esa, senón de liberdades. Admitimos e fomentamos unha hipoteca das liberdades públicas, e o Goberno bipartito non fixo nada para cambiar a situación. Estamos permanentemente condicionados a que opinen por nós os medios e as empresas, a que non exista unha boa articulación da opinión pública, a que non haxa debate público, a que se criminalicen determinadas posicións políticas. Blanco Valdés está permanentemente identificando independentismo e terrorismo, e paréceme inadmisíbel. O bipartito fixo bastante ben a xestión, pero a min non me chegou un discurso político no sentido nobre que ten a política de construír realidades e discurso. Descreo de que iso se deba a unha falta de conexión entre dúas sensibilidades políticas. Están afastados nos discursos públicos, pero non tanto no resto de cuestións, e nese sentido falta política.

E se falamos de Galicia como proxecto, cara a onde debemos ir?

Hai unha palabra básica, que define os momentos fundamentais da historia de Galicia. É “dignidade”. Nas eleccións, houbo unha renuncia clara á dignidade, no sentido de saber dar resposta aos infundios, á irrupción do poder con maiúsculas, de deixarse enganar por cantos de sereas de ínfimo nivel. Da mesma maneira que o Prestige serviu para reactivar as vitaminas de moita xente, agora hai un movemento en marcha coma reacción á manipulación política que debería tamén render resultados, non só electorais, senón tamén sociais e culturais. Galicia ten que recuperar a dignidade cultural e política, e iso só se fai falando en pé de igualdade co poder.

Cales son as dificultades, internas e externas, para un proxecto baseado na liberdade e na dignidade?

Autoconvencernos da nosa identidade nacional e establecer cal sería o noso papel no escenario histórico que se abre para o Estado español. Se goberna o partido que goberna, a nosa aproximación tenderá a ser ao modelo Murcia. Se gobernan as alternativas, e se nos convencemos de que a única alternativa ao goberno pasa por un bo entendemento e unha boa xestión da colaboración a partir dos concellos e deputacións e do que se teña, a partir de aí eu creo que haberá que decidir entre o modelo Murcia e o modelo Cataluña.

Por que o discurso de Galicia Bilingüe arramplou con todo o que se consideraba politicamente correcto dende hai vinte anos?

Por unha banda, ter dotado a Galicia Bilingüe dun estatuto de interlocución no debate público retroalimentou as súas forzas, e iso é algo ao que todos contribuímos nalgunha medida. E por outra, teño a impresión de que Galicia Bilingüe talvez non tiña unha programación tan exacta do que ía acontecer no futuro, canto aos seus propios contactos e pactos, como o que finalmente o propio proceso activou. Creo que algunhas persoas tiñan bastante calculados os movementos, e Galicia Bilingüe foi un peón relevante nese proceso. As últimas semanas, que corresponden á campaña electoral, estiveron moi pautadas por unha serie de movementos mediáticos. E iso só se resolve ben, coa precisión coa que se fixo, se hai técnicos e cálculos demoscópicos moi finos detrás.

Movementos pautados mesmo até na propia xornada de reflexión…

Absolutamente. E isto é algo que non se debe esquecer. De feito, estamos vendo que nestas últimas semanas a actuación de Touriño responde a unha especie de toma de terra. Parece que todo o seu carácter, que nunca antes saíra, o sacou despois das eleccións. Isto obedece tamén a outros condicionantes, basicamente á soberbia política e a unha certeza de que as cousas estaban consolidadas, cando obviamente non o estaban. O reparto da dereita e da chamada esquerda, no país, está moi equilibrado. Hai que ser moi conscientes de que os últimos días son moi importantes, non tanto polo que digan os políticos –é un discurso ao que non se lle presta maior atención pública–, como polos movementos mediáticos.

Coida que iso de que a prensa é o cuarto poder quizais nunca quedou tan claro en Galicia como agora?

Claro. Por falar de La Voz de Galicia, a prima donna deste concerto, todos temos máis ou menos na memoria momentos anteriores da súa traxectoria. Todos sabemos que puido representar a dirección de Pillado no seu momento ou a toma de posición con Augusto Assía en relación cos pactos do mundo sindical. Moito máis fresco temos o primeiro momento en relación co Prestige e todos tamén, a pouco que nos fixemos, temos capacidade de análise para saber cales son as circunstancias e os operativos que fan variar a suposta posición editorial de La Voz de Galicia.

Cales son para vostede esas circunstancias?

O reparto eólico foi o factor fundamental, a aspiración a que se reformule ese reparto, e a que determinadas opcións non recibisen a súa parte da torta. Pero hai outro factor, a aparición en escena do partido de Rosa Díez, de Unión Progreso y Democracia (UPyD). Non son analista para determinar a que condicionantes corresponde esa extraordinaria emerxencia dunha forza política que chega a alcanzar os 25.000 votantes practicamente sen traballar nin coñecer o terreo, a través da fulguración mediática de Savater ou Díez. Estou convencido de que ten apoios importantes no mundo empresarial e político galego, se cadra como factor de recambio. O meu razoamento é que algunhas figuras da política galega coma Francisco Vázquez non son alleas a ese movemento de fichas.

Falaba no seu blog do entrismo, como esa actitude de certos conformadores de opinión, en aparencia de esquerda ou centro esquerda, que á hora da verdade acaban servindo estratexias conservadoras…

Iso foi unha broma da linguaxe trosquista.

Por que ese pudor a manifestarse abertamente nunha liña explicitamente conservadora, tanto de La Voz como doutros medios e sectores intelectuais?

La Voz de Galicia é no país o xornal único para moita xente que non necesita facer un esforzo de matización dentro do abano político. Ademais non ten competidores no outro lado do campo, e polo tanto aspiran a que sexa un xornal que lea todo o mundo, e aparentemente neutro. Tamén é o xornal das esquelas a día de hoxe. É un medio que a xente, sobre todo certos lectores, manexa apenas para a información local directa, ou pouco máis. Como proxecto histórico perdeu o rumbo. Alén diso, o seu nivel de autoesixencia profesional está en mínimos.

Pero tamén hai certos intelectuais que están nesa liña. ac1

O que nos xogabamos estas eleccións era moitísimo e nese sentido eu non podo entender que haxa colaboradores simplemente galeguistas –non vou dicir nacionalistas–, ou que se sitúan na esquerda, que nunca digan nada en relación coas posicións públicas de carácter político que toma o medio no que eles están intervindo. Paréceme un acto de covardía.

Entrando en responsabilidades concretas, cales son as de Touriño e Quintana?

Absolutas. Aí non hai matices, son os responsábeis do que pasou e cargarán toda a vida cunha responsabilidade política por este erro colosal que cometeron. Porque ademais toda a súa estratexia, todo o pacto de goberno e todo o que se tivo que aguantar desde posicións máis ou menos de esquerdas, foi sobre a base de que este era o inicio, e polo tanto, tiña que facerse ao ralentí. Ese ralentí levou a que o camiño que se quería andar fose moito menor do previsto, e a partir de aí, foi un fracaso colosal, de cálculo, ritmos, discursos…, que está a ter un efecto pertubador extraordinario para o futuro.

Sendo como foron as marxes de esquerda e dereita tan pequenas, a perda dunha parte do seu electorado de esquerdas foi especialmente grave para o bipartito…

Si, sen dúbida, e moitas veces por cuestión simbólicas. Outro erro moi grave da fase final do proceso foi que a presidenta do Parlamento acudise a un acto relixioso como o que supón a translación dos restos do apóstolo Santiago o 30 de decembro. Ela representa o poder popular. Non pode participar nesa teatralización lexitimadora que equipara poder civil e poder relixioso, en diálogo público, cun representante dunha institución político-relixiosa. Fíxese: iso ten unha forza desmoralizadora extraordinaria.

Que cuestións cre vostede que frustraron máis as bases sociais críticas nestes anos de xestión do bipartito?

No PSdeG-PSOE decepcionou moito, ao comezo, que Touriño confiase en exceso en tecnócratas, en xente de perfil político limitado, para o labor de goberno, opción que evidentemente respondía a una estratexia política. Esa percepción das bases trasladouse despois ao conxunto da sociedade, porque a parte socialista do goberno demostrou de maneira fidedigna carecer de discurso político. No campo do nacionalismo, o problema fundamental das bases foi de ritmos, de non aceptar que o ritmo non puidese incrementarse.

Mais ás bases tamén lles custou aceptar determinadas políticas realizadas dende o goberno. Talvez así o amosa a baixada do BNG en Ferrol, onde puido ser clave a oposición a Reganosa…

En Ferrol hai outra cuestión que cómpre ter en conta, a aparición de Terra Galega. Case todos os votos de Terra Galega, uns 18.000, están en Ferrolterra. A morneza en relación con fenómenos como Reganosa seguramente pasou factura. Tamén entendo que as bases do BNG probabelmente nunca chegaron a entender se compensaba facer tanto esforzo eólico para quedarse cunha porción que aproximadamente era a metade da inicialmente considerada polo propio BNG como innegociábel. A xente percibe talvez un exceso de protagonismo do BNG en cuestións simbólicas pero vaiamos a cuestións orzamentarias e vexamos a descompensación que se produciu entre o simbólico e o económico.

O PP mantén unha gran forza social. Onde radica?

O PP non ten inimigos naturais de suficiente tamaño no campo mediático e ademais sabe que calquera pequeno fallo que cometa a esquerda será sobredimensionado. O PP vive cómodo e relaxado na súa biosfera. Os predadores, no medio que habita e controla, non lle fan maior pupa. Nese sentido presupoño que o blogomillo pode constituírse en catalizador: ten moito que facer nos anos vindeiros, e para iso eu coido que ten unha capacidade grande de convocatoria, de mobilización, de facer ruído e chegar a máis capas sociais.

Unha das grandes perdas da esquerda estivo no voto mozo e urbano. Ponnos ante un mapa sociolóxico novo?

Hai que ter en conta unha vez máis a situación económica. Iso supón que a xente que accede ao voto nunha situación de inestabilidade, de falta de seguridade, etc. pense nas alternativas.

Por onde coida que debe ir a procura de novos líderes tanto no PSdeG-PSOE como no BNG?

O grave da situación actual é que existe unha percepción moi xeneralizada de provisionalidade nas decisións que se tomen nos vindeiros meses. E iso en termos políticos é nefasto, sempre se acaba pagando un prezo.

Dáse por suposto que existen tapados…

Planea a idea de provisionalidade, á espera da aterraxe dalgunha gran figura, e cando falamos de gran figura en relación co PSOE todo o mundo sabe a quen me refiro. Iso pasaría por unha adxudicación inicial da carteira de Obras Públicas a José Blanco. No BNG non hai ese referente externo, esas plataformas mediáticas, sociais e culturais que pode proporcionar a televisión do Estado, e todo se ten que cociñar doutra maneira. Creo que se están dando movementos en falso, que se están equivocando por todas partes, coido que aínda non se sabe quen será o líder nin que líder se necesita. Ningún dos que até este momento se mencionaron ten a forza que puido ter no seu día Quintana. E para ir para atrás realmente non sei se fai falta moverse.

Son compatíbeis as culturas políticas do PSdeG-PSOE e do BNG?

Non só non son incompatíbeis, senón que teñen puntos de converxencia moi marcados e hai que darse conta de que o futuro necesariamente pasa por aí. Non hai outra alternativa, non hai ningunha posibilidade de maioría absoluta para ningunha destas dúas forzas políticas no curto prazo

No BNG fálase da necesidade urxente de refundar a organización…

É unha evidencia.

O debate xira arredor da posibilidade tanto de conformarse en partido como de centrar a solución no volver a conectar cos movementos sociais. Para vostede, cal é a vía?

Non o sei. O tempo histórico do frontismo entendido como o entende a UPG pasou. Porén, estamos nun tempo histórico no que abrochan as converxencias de plataformas distintas con sensibilidades parciais. Aí entramos no debate un pouco habermasiano arredor de se a multiplificación de perspectivas e de forzas na esquerda non é un acto de servizo á dereita, que creo que en certa medida si o é. Parcializar a intervención a partir de claves como o compromiso ecolóxico, de xénero, reparto da riqueza, colaboración cos países en desenvolvemento…, nunha multiplicación de perspectivas, compromete a existencia dun discurso único de reacción contra a dereita. E a dereita ten un discurso único, tívoo sempre. Observe a xestión que fai do que lle digo a Igrexa católica. Aí está o paradigma.

Pasa entón o futuro do BNG pola renuncia ao frontismo?

Non sei se o futuro do Bloque debería pasar pola renuncia ao frontismo. Dende logo ten que pasar pola renuncia ao frontismo entendido nun sentido estalinista, no sentido tutelar do calibre do control que exerce a UPG, como unha especie de referente case moral tras de cada acto, de cada elección, de cada nome Pero iso significa renunciar a outro tipo de construción de plataformas plurais? Non. Agora, deixar unha plataforma plural para pasar a ser outro tipo de plataforma plural é un acto político de extrema indefinición e perigoso para a propia cohesión do Bloque, e aí nace a posibilidade da escisión, o que para min en termos simplemente políticos non sería unha desgraza.

Ao PP veulle ben que existira UPyD… Nese sentido, cre que ao BNG lle viría ben que aparecese un partido á súa esquerda?

Non lle viría ben, pero é certo que hai moita xente que está á esquerda do BNG en termos económicos e de políticas sociais, e sobre todo nun sentido que poderiamos chamar ético, de non aceptación de tutelas e de autoridades pre-políticas.

Para vostede non sería dramática esa posibilidade?

Non. Incluso podería axudar a que se reperfilasen nalgún sentido as posicións editoriais dos medios. A tutela da UPG é a día de hoxe o motivo fundamental que poden ter persoas situadas no espectro do centro para non botar BNG. Non sei o que podería pasar se aparecese unha forza política que aglutinase sensibilidades de esquerdas e que soubese prescindir de calquera tutelaxe. Dende logo estou seguro de que a primeira vista á dereita iso encantaríalle. A min, dígoo con claridade, ese reparto non me parecería unha situación tan vantaxosa para a dereita no medio prazo. Non o contemplo como algo apocalíptico.

Canto tempo lle queda a Galicia Bilingüe?

Está claro que o movemento Galicia Bilingüe será fagocitado de inmediato por parte do PP e dos medios que o apoiaron porque a súa persistencia sería un elemento de desequilibrio extraordinario para un goberno da dereita. Canto ao discurso de Galicia Bilingüe, se se exerce en sentido programático tal e como eles o declararon, e se o sacamos do ámbito da educación e o levamos ao xurídico, sanitario, etc., creo que moitos asinaríamos esa opción. Garántame vostede que vou ter un xuíz e procuradores que me van permitir intervir en galego a todas horas e en calquera lugar. Garántame que a administración central do Estado me vai atender en galego se quero. Claro, iso está fundamentado no cinismo: unha cousa é o que se di e outra é o que se quere. O PP fixo un programa no que defendía algo que en realidade non quería. O que quere é outra cousa moi elemental, que é a que quere tamén La Voz de Galicia e Santiago Rey Fernández Latorre: laminar por completo a cultura galega se non pasa polo aro da docilidade e a subordinación.

Na cultura xógase unha parte importante do espectro ideolóxico. Fálase de que, no novo goberno, Cultura será unha consellería única xunto con Educación e Política Lingüística…

Non me fai falta coñecer onde vai estar Cultura para saber o que quere facer coa cultura galega a xente do PP. Coñezo ben a traxectoria de Pérez Varela, sei o que significou, sei que iso é o antónimo absoluto do que eu chamo dignidade, e por tanto creo que é iso do que temos que estar pendentes.

Coida vostede que o decreto do galego será finalmente derrogado?

Non se atreverán. Creo que saben que se fan iso terían para a totalidade da lexislatura aí o talón de Aquiles. E saben que a capacidade de mobilización da Galicia actual por razóns simbólicas deste calibre é extraordinario.

Como están as forzas dos movementos sociais galegos?

Temos un bo estado físico e anímico no ámbito cultural e social. A capacidade que ten o mundo cultural e o mundo social de mover as máquinas é moita, e aí hai moito que facer, e se vai facer, máis aló de xestos. Unha chamada de atención ao mundo cultural para min sería romper coa simple satisfacción que pode dar facer un xesto puntual e despois esvaecerse nese ronsel de autocompracencia. O blogomillo e o mundo das ciberturbas, os novos medios, xogarán un papel importante, primeiro para desenmascarar todo o que pasou nos últimos meses, e a partir de aí para a intervención permanente, no día a día, e facer que o goberno do PP non o teña fácil.

Estas eleccións foron síntoma ou consecuencia?

Foron consecuencia, e foron consecuencia dunha intervención directa e brutal do mundo económico, financeiro e mediático na realidade política do país. Os galegos e as galegas temos que comprometernos con nós mesmos a tomar nota, a non esquecelo nunca e a saber quen é cadaquén.

   [Na fotografía superior Emilio Pérez Touriño e Santiago Rey Fernández-Latorre nunha fotografía de arquivo que reproduce Tempos Novos na anteportada do dosier indicado. Na outra fotografía, de Tamara de la Fuente, o entrevistado no seu lugar de traballo]

 

Cantiga de proseguir

24 de Marzo de 2009

Non acabo de sacar o terceto de peche. Rogo colaboración.

MUDANZA

Demandas, oh Feijóo, o transo breve
do outro que che ocupa o Monte Pío,
e advirtes que non toquen nin un fío
das teas e enxovais que aquilo leve.

Remoo na memoria o mesto prebe
das últimas funcións do teu plantío
de saldos e mercés que esquece a plebe
agora que o estipula o vocerío.

“Negoocios son negoocios, meu ruliño”,
apréndenche os mentores ideolóxicos
que saben de enerxía máis que o Miño.

[A foto é de EFE]

Teatro proício 3

18 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas etc.

Momento central
19,40 h. da xornada electoral referida. O mesmo espazo cúbico do momento inicial, envolto agora nunha luz como de placenta asnal, amarelecente por tanto. O público, que na parte anterior non chegou nunca a gozar dunha posición axeitada nin cómoda para seguir a obra, por rodear en O a alta mesa camilla central na parte baixa do escenario, na mellor tradición Fluxus 70s, pasa agora a situarse nun lugar que para algunhas sensibilidades podería parecer de privilexio, por canto supón ascender no cubo e colocarse na superficie cenital do mesmo, en toda a súa extensión. Orabén, sería discutíbel tal condición de privilexio. De feito, unha parte dos espectadores nega a colaboración e abandona a sala de San Marcos (dez ou quince destes son reclamados polo seu nome e dni por unha furgoneta azul con megáfono exterior que rube a cen a costa vindo de San Lázaro: last-minute carrexo?, desgraza familiar?, ignórase). Outros fican na sala, pero deambulan abaixo, como nunha circunferencia ou espiral circunscrita á mesa camilla, facendo roda, se cadra maledicente, ao xeito de groundlings non plenamente decididos a quedarse. O caso é que un sector moi amplo do público accede á proposta da Directora de Escena e ocupa o lugar cenital mencionado, aparentemente de privilexio, segundo xa se dixo nesta didascalia. A pega, motivadora da sedición parcial, é que esa posición pública pasa a ocuparse por suspensión corporal. Con efecto, cada espectador/a aparece pendurado/a dos nocellos a xeito de Pipistrellus pipistrellus, isto é, como unha pequena colonia de morcegos ananos (arredor de cento once, cento trece individuos). Perigo de caída non hai ningún, razón pola que incluso acceden, os pipistrelos humanoides, a que os tremoístas lles aten os pulsos nas costas. Por se acaso algo pasar, portan, iso si, sostido nas manciñas á altura do óso sacro, cadanseu pequeno abano de Manila a xeito de penuxe caudal. Reitérase que o perigo é limitado para os individuos da colonia, por canto desde a posición cenital até os cabos de groso aceiro que sosteñen o jacuzzi hai non máis de tres metros de distancia. Malo sería que en caso de caída os pipistrelos non puidesen reaccionar e alcanzaren con algunha parte do corpo un deses cabos. É máis, a dirección de escena (isto non se dixera até agora), como medida precautoria invisíbel estendeu xa no momento inicial unha ampla malla metálica 9 x 7, un metro por baixo dos cabos de aceiro, de modo que nin o tipo do jacuzzi nin o cátedro en manguites do monociclo circense pasaron nunca perigo ningún como frontispicio distópico da farsa. Aliás…, aliás nada. Abonda! Só unha outra consideración. O público contempla agora o jacuzzi (envolto durante o momento central nunca especie de arielita que o protexe dos elementos e do guano quiróptero), o teléfono glauco e a mesa camilla en picado cenital. Para evitar seren cegados pola brillante epiderme craneal do Académico, levan todos lentes de sol. Os groundlings fican aló embaixo/enriba nunha anamorfose que para os morcegos máis centrados podería describirse así: hai un planeta central cun tipo dentro, logo, atrás, como nunha eclipse hai un satélite con protuberancias periféricas (a mesa de autopsias) e, ao fondo, móvense corpos astrais, meteoritos, lixo espacial. Fosbury salta agora para eles dun xeito epifánico e como sen mérito: por baixo do listón. Tres ou catro pipistrelos son incontinentes emocionais e vendo esas imaxes ceden a unha ouriñaxe secuencial, ampliada a vontade e segundo o grao de perversión individual a todo o momento central da peza. A fluencia minxitoria deslizándose corpo arriba até faciana ou guedella (segundo constitución e idade dos incontinentes) e logo caendo en mélica pingada sobre o tapete azul da mesa camilla fai que acorde da sesta o Intelectual Morto, quen declama como recén chegado de ultratumba “Oye, patria, mi micción!” en castelán do que en tempos fora arrabalde da Gaiteira (con caída de velar implosiva). Os obreiros do porto exterior voltaron ao traballo. Do coito tectónico colexiado e da epéntese de iodo nas praias sobrevoadas de Bens, Malpica, Gures, Corrubedo e A Lanzada —Eros polítropo, Chibo raptor, voo nupcial de sesta plurilingüe e multiorgásmica— naceu, en acelerado portento biolóxico, un bebé multicontinental, multirracial e polifónico que medra dous anos por minuto e sorprende en primeiro lugar á nai que o krew, unha fermosa muller de Carnota que ha lembrar á Cecilia d’O Castro – Sargadelos, serie 1984, entre exipcíaca e atlántica, poderosa. É unha nena a criatura. Póñenlle Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada Wyspianski Paredes Mbengue da Silva Paruhum Ledo (en adiante, Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada). Desempeñará un papel relevante no momento final da auto-farsa. Seguen no escenario os personaxes do momento inicial, pero incorporáronse tamén Galicia Milindres, o Sistema Literario e a Inocencia Pública. A medida que avanza o momento central aparecen outros personaxes, segundo se irá vendo.

TI > [Nefroloxicamente húmido/a] Xa estamos!

A INTELECTUAL DESMARCADA > [Baixo o paraugas negro] Mexan por nós e dicimos que chove [Riso breve].

A INOCENCIA PÚBLICA > [Simultaneamente. Baixo o paraugas verde] Nunca choveu que non escampase!

GALICIA MILINDRES > [Simultaneamente. Paraugas amarelo] ¡Llueve sobre mojado! Co Patrón non pasaban estas cousas. [Riso].

O SISTEMA LITERARIO > [Ton empírico malia reflexivo] Ben sei que non me corresponde a min dicilo, porque eu non valoro, eu constato. O meu é ver e calar, nunca exercer a crítica. [Pausa]. Ben o sei, pero hoxe… se calo rebento. O caso é que a esta peza se lle vai toda a forza dramática pola boca teatral. Moito espectáculo, moita pantalla, moita danza quieta e pouco drama. Que se fixo do diálogo? Da tradición moral-sacramental e dos seus repertoremas que se fixo? Pero sobre todo, quen paga isto? Non me dirán que todo é unha montaxe de don Arengas.

O ACADÉMICO > Oiga, un respecto!

O SISTEMA LITERARIO > [Con retranca pouco sistémica] Home, falou a institución… Non foi sen tempo, señor. Aínda que un esperaba outra actitude e outra gallardía da(s) súa(s) parte(s), e non llo digo só a título persoal.

O INTELECTUAL INTEGRADO > [Paraugas vermello. Vaticinante] Meu deus…! Aquí aínda vai pasar algo.

A POLITOLOXÍA ILUSTRADA > [Incorporándose ao xuntoiro] Que quen paga isto? Eis a única cuestión de peso que se pronunciou arredor desta mesa desque comezou a comedia.
LÁNDOAS > [Emerxe outravolta para recuperar o fío metateatral. Ti volves brincar na cadeira, diante da túa computadora] Non é comedia, que é farsa sacramental. [Dío silabeando, e xunta sen querer, ridiculamente, o -sa de farsa co sa- de sacramental: far – sasa – cra -men -tal] Fóra do cal, ten razón o Sistema. Aquí non hai drama, señores, non hai dialéctica. E a culpa é, claro está, da Directora. [Tusidos reiterados, de discrepancia]. Se me deixasen a min só, verían vostedes o que era a forza dramática. Pero ela non. Ela [pedante] deturpa o dialóxico. Todos acabamos sendo como bonecos de ideas fixas sobre o escenario, sen tensión interior, sen conflito íntimo nin na conciencia, nin no peito, nin nas éngoas. Claro, á señora Directora [retintín e espavento esaxerado] interésalle o efecto teatral, a interacción escénica, o sampler, a luminotecnia sen emoción, a suxestión pop, o ruxe-ruxe coral e o salto de altura repetido e repetido. [Berra] Sen paixón ningunha! Traizoa a tradición!

A DIRECTORA > [Desde abaixo, que para o público é arriba] Vostede a calar, langrán! Isto non é Marat-Sade, por moito que haxa un tipo na bañeira escribindo unha redacción de tema libre. Aquí o autor non pinta nada. E, ademais, vostede nin autor é. É per-so-na-xe, como o tipo do jacuzzi, outro bobo con ínfulas de ira-do-pobo, igual que vostede, só que con pasta e cínico, con moitísima pasta e moi cínico. Así que deixe de presentarse aquí como o factótum do couso, señor Weiss. Ou queda só en vinculeiro de Rubia Barcia e o tres-en-uno ferreteiro? [Aceno frívolo-burlesco de medio corpo para arriba mentres mo di. Logo dá media volta e farfalla algo, coido que isto]: Tal para cal, maragato e medio! [Acciona o sampler agora e repite, distorsionándoo, o discurso de Lándoas, ou sexa, o meu. Repíteo varias veces… Risada longa da Directora, aplaudida por unha das gavelas de ñáñaras peripatéticos que non dá decidido se fica no teatro ou marcha de tazas. Queda ecoando a miña frase distorsionada no sampler “Ela deeeeeeeeeeeturpaodialóxico”, “Ela detuuuuuuuuuuuuurpa odialóxico”, “Ela deturpa turpa turpa turpa…”].

LÁNDOAS > [Aparte] Heina sacar no meu blogue á tipa!

GALICIA MILINDRES > [Almibarada e algo prima donna, simula dar unha coitelada pero non perde o sorriso histórico] Ay, yo me pido el papel de Carlota Corday. [O tipo do jacuzzi altérase e váiselle un borrancho na redacción. O seu auxiliar, atento a todo, acude solícito no monociclo cunha restra de folios limpos. Entra na arielita e deita unha presada de sales de baño por toda a parte. Algo desa caspa olímpica cae na mesa camilla, segundo xa se dixo, tamén sobre Galicia Milindres, que nese momento declara:] Tráioche os nomes, Marat!

O CORO QUIRÓPTERO > [Máis de cen voces, unísonas] Gloria a deus nas alturas! [Neste momento soa o teléfono glauco e comezan a moverse as aspas do aeroxenerador, lentamente de principio, sen efectos perceptíbeis sobre a sala durante os primeiros cinco minutos alén do bambeo que empezan a experimentar os colgados. Continúa a chuva de caspa e auga de jacuzzi]. Eses paraugas! Non se ve nada!!!

A INOCENCIA PÚBLICA > [Dramática de vez] E lo? Somos personaxes todos? Eu tamén? As nadas reptantes tamén? [Olla para o chan] Esqueceuse de nós a Natureza? [Pausa] Quen carafio manda aquí?

O TIPO DO JACUZZI > [Próelle o lombo e usa unha rascadoira vermella. Olla reiteradamente cara a abaixo mentres o fai. Finalmente berra, molesto pero engolado] A ver se calan a boca aí abaixo. [Pausa e subidón de clase despois, entre quixotesco e cínico, entre Señor Vences e Laudamuco] Chamo aos corazóns nobres, como fan adoito os grandes medios en momentos centrais da vida como este que representamos no gran mercado do mundo. Eu teño por norma cumprir coa miña responsabilidade: rañala, mollar os pés, gardar a roupa, compor esquelas e facer de BT. [Sube desde a mesa camilla neste momento unha minestra de murmurios e comentarios. Pausa. O ton agora pasa a ser de tenente coronel] Calen, coño! Van dar o resultado das enquisas a pé de urna!

A SOBERBIA POLÍTICA > Pois mira ti! Como se iso tiver algún interese para nós. [Pausa] Pan comido.

A INOCENCIA PÚBLICA > BT? [Tose].

O ACADÉMICO > [Burlón] Si, BT. Claro que BT.

GALICIA MILINDRES > BT, banda transportadora, correa de transmisión, mulleriña. Faino como dios ahí onde lo ve. No le sé cómo, pero hasta autobuses del Ebro mobilizaron os que pagan para la movida nuestra en la precampaña. Que ben saíu todo! Que contenta quedou Rosa! E Paco nin lle conto! [Risada].

O TIPO DO JACUZZI > Silencio, Milindres!

[Cae un quiróptero polo exceso de acaneo eólico. Era o máis próximo ao muíño. Mentres descende, intenta alzar o voo, ou como pouco pairar a media altura, mediante un movemento compulsivo e mecánico da penuxe caudal administrada pola equipa de tremoia-atrezo. Non o consegue. Sesenta e tantos anos, elegante, baixote, discreto na caída, diríase mesmo que digno. Da súa boca non se oe unha palabra de queixa ou medo. Ruído apreciábel no impacto, que é dobre: primeiro nunha beira da malla e logo, tras rebotar nela e subir momentaneamente como medio metro (instante que dá azos caudais ao pipistrelo), nunha beira do escenario. Este último ruído é menos metálico, máis serio. Cae xusto a carón dun grupo de casulos metamórficos. Fica quieto no chan, como morto].

CASULO METAMÓRFICO > [Voz profetizante, como de xornalista deportivo despois de rematado un partido] Víase vir.

A INOCENCIA PÚBLICA > Pobre pipistrelo!

O INTELECTUAL INTEGRADO > Dioloteñanagloria!

[Óese aquí de novo a risada longa de Medela, que vén súbita desde Lobeira sobre serras e vales. Dial radiofónico a procurar emisora. Radio Voz, RNE, COPE, Radio Galega… Sinais horarios das 20 h. Anuncio de inquéritos. Montaxe: sete minutos de cortes. O público empeza a amosar incomodidade cervical e problemas respiratorios. Toses compulsivas, como entre dous movementos dunha sinfonía de Sibelius. Por certo, soa de fondo, moi baixa, Finlandia, op. 26: andante sostenuto, allegro moderato, allegro, nove minutos longos (por tanto dous máis que os cortes informativos). Proxéctase asemade na pantalla do fondo unha entrevista televisiva a Th.W. Adorno, en alemán con subtítulos en finlandés, na que se desprestixia a música de Sibelius. Unha dama do público en posición quiróptera recita de memoria, parte inicial en francés e parte final en portugués, o capítulo “A estética tradicional como irreconciliábel coa arte actual”, da Teoría estética (1970) do francfortiano. Tamén lle leva sete minutos. As toses aumentan en especial en dous momentos: cando menciona A colonia penitenciaria de Kafka e cando se fala dos risos en Final de partida de Beckett. A dama recitadora, extraordinariamente delgada e móbil na corrente eólica, viste unha saia gris longa que lle cubre o rosto. De non ser pola arquitectura obtusa dos xeonllos semellaría unha lámpada parlante de deseño milanés. Sábese aproximadamente quen é, ou onde está, apenas polas liñas de miradas cruzadas entre o conxunto dos espectadores pendurados. Segundo vai dicir as derradeiras palabras do capítulo, cae tamén por efecto da lufada, cae como unha folla lenta de ameneiro, como nunha danza irónica de Palucca durante os bombardeos de Dresde. Mentres descende até o escenario, allea a toda xesticulación, declama: “se é que alguma vez pôde chegar de outra forma].

O CORO DE MORCEGOS > [Máis de cen voces, pero dúas menos que antes, ao unísono] Sáquennos de aquí!! Imos morrer todos, como nunha peli de Bruce Willis furioso!!

SANTA MADRE > [De mitra e incensario, con acólitos como recén saídos dunha sesión de terapia electro-convulsiva. O vento zoa mil zoares] Pipistrelos de pouca fe! Deus apreta pero nunca afoga. Estes dous que caeron fixérono por todos nós, nun sacrificio nobilísimo que os conduce á vida eterna. O vento é fonte de vida, é alento divino, plusvalía de isobaras. Confiade no Altísimo para que as xunte co seu debuxo preciso sobre cuíñas e castros, sobre cabos e esteiros, desde o Courel a Compostela con dixitación perfecta de megawatios de amor. Pai, Noso Señor, fai que o nordés sexa nordés na Capelada e o suroeste entre aurífero nas rías e lucre mesmo os vales agochados. [Caen seis ou sete máis. O tipo do jacuzzi abandona a oblea a todo correr, tapando cu e sexo con senllos suplementos culturais que tiña alí apartados. Coa sección “Letras No Ficción” dun deles oculta a parte dianteira e coa sección “Letras en Galego” doutro suplemento fai o propio co zafanario. Fica pois a arielita deshabitada. A auga conxunta de jacuzzi e chuva cae a eito sobre a mesa camilla e desátase unha certa desorde anímico-política. Os tertulianos todos, incluída a Politoloxía Ilustrada e unha recén chegada Mentira que non abre a boca, suben á mesa porque as cadeiras tamén foron caendo. Usan pastecas e poleas para recuperar caídos. Compoñen un grupo que finalmente remeda o tableau danzante do Géricault na Balsa da Medusa, como unha patera camilla, pero non se sabe a quen fan sinais cos panos]. Confiade no Altísimo, fillos! Confiade na magnanimidade do seu aloumiño ventoso. Vaiamos todos xuntos da man en comuñón: comunidades de montes, poderes públicos, asociacións de viciños, banca e caixas de aforros, parafarmacias e multinacionais da enerxía, cooperativistas e construtores, xornalistas e quiosqueiros, pensionistas e ecoloxistas, dentistas e burócratas, bipartito e dióceses, moinantes e intelectuais. O vento é de todos e todos somos vento, todos somos Igrexa! [Caen tres máis. Logo dous. A mitra vai boa que voou. Collérona os operarios do porto exterior. Un caboverdiano que coidaba de Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada intenta calzarlle a mitra, por protexer á nena, pero o bebé é xa de obra de vinte anos e o perímetro craneal seu supera o do arcebispo. O caboverdiano tira coa mitra. Dous gatos chutados de Penamoa fan disputa por ela no momento en que na pantalla do escenario coagula un sorriso que xa non val un pataco. O gato sen mitra cruza o escenario e fabula para si: “República e independencia ou nada”].

A INOCENCIA PÚBLICA > [Arriba, na mesa, caendo da burra e movendo un pano en dirección oeste, o que fai que emerxa un peito redondo e materno por baixo da blusa rota] Weiss, que nolo conte todo Weiss!

CORO DE CASULOS > [No chan, case afogando en metade da tormenta] Tarde piaches!

[Riso pánico de Medela, agora desde a Praza do Azougue de Betanzos. Tras parolar cos restos de Andrade o Boo, en San Francisco, avanzan ambos en dirección ao Lastras. Un gato cunha mitra suxa pasa fulgurante entre os peronés enfraquecidos do conde eumés no momento en que se dispuña a subir os chanzos da taberna. O ruído da osada contra helmo e loriga conmove ás vellas que fan fiada sen fío pé da fonte. O riso de Medela dura e faise nesa altura pancreático, carnal. Inopinadamente, o Azougue énchese de xente, tras a porta do Lastras pecharse ao mundo. De xente que accede desde oito rúas ou ruelas que alí embocan. En silencio, con cadanseu móbil na man. Veñen de Xinzo e de Viveiro, de Zas e de Baiona, do Barco e da Fonsagrada, de Melide e de Melón. Son unha ciberturba e ninguén sabe de donos].

[Mentres, no espazo cúbico envolto nunha luz como de placenta ovina, cae o jacuzzi. Caen doce pipistrelos máis. Cae a malla. Quen negaría que aquí remate o momento medio do auto sacramental intitulado Fin de Lándoas?]

[Na fotografía, morcegos da Galitzia ucraína profunda, doutra clase distinta. Este texto é un perpetuum mobile. Modifícase sen previo aviso e reformúlase sen pausa. Continuará?]

Teatro proício 2

16 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas (2 x 1: Auto sacramental, Farsa inmóbil)
Momento inicial
Espazo cúbico envolto nunha luz placentaria —como de placenta vacuna— que lembra o lugar predestinado para unha rotativa nunca instalada dun xornal-soño, capaz que chegado das ucronías dun exilio estraño. No centro dese espazo érguese unha mesa camilla cun número de cadeiras non doado de precisar; talvez sete, oito. As cadeiras son altas e teñen un mecanismo de izado para os ocupantes. A luz proxéctase neste momento inicial até dous terzos da altura do espazo cúbico, non desde o nivel inferior do escenario senón desde o que correspondería a un terzo da altura total que acabará por descubrirse segundo se desenvolva o auto. Por tanto, iluminarase de partida só o terzo central do volume (considerado en vertical). Como pano de fondo hai unha pantalla sobre a que intermitentemente se proxectarán as imaxes do salto de Dick Fosbury en México 1968 (récord olímpico, 2,24 m). Á dereita da pantalla e algo adiantada, calcúlese unha gran columna branca que a ausencia de luz corte a media altura, algo por riba do nivel alcanzado pola mesa camilla. Esta ten un diámetro de cinco metros, con outros catro metros de alto, de modo que as persoas que sentan arredor dese cilindro con tapete azul ceo están relativamente distantes unhas das outras, nalgún sentido abducidas e aqueloutradas, se ben trasladan en todo momento impresión de perfecto acomodo á situación. Sobre a mesa hai catro grandes paraugas pousados. A medida que a acción arranque, a luz placentaria ampliará a zona iluminada cunha progresión dun metro por minuto (50 cms para arriba e outros 50 para abaixo medidos na vertical da columna), até ocupar o volume completo do espazo bauhaus descrito. Devagar, iso permitirá descubrir unha cuadrilla de operarios á esquerda e a existencia de seres —ou nadas— reptantes no escenario, por toda a parte, envoltos como nun casulo metamórfico (parte do público?, animais disecados en vida?, políticos cesantes?). Os primeiros fuman e constrúen un porto exterior. Á dereita, a columna branca vai desvelándose progresivamente como aeroxenerador, parte improbábel, acaso apenas simbólica, dun parque eólico, porque o certo é que a carón del non hai outro muíño máis senón unha especie de escultura pública de cerámica mediterránea, asemellada ás que identifican os paseos coruñeses e con distinción estética de marca opus-vazquista: trátase de dúas enormes mans de tres metros de alto, sen código claro, xuntas polos pulsos e con habitus receptivo, indiscutibelmente obra de Lladró. A medida que a luz descenda irá véndose que o aeroxenerador é eixe dunha escaleira exterior de caracol que lembrará a montaxe do Macbeth pensada por E.G. Craig en 1906. Cando a luz ascenda por completo, non aínda no momento inicial, descubrirá arriba un jacuzzi sostido por dous grosos cabos de aceiro. Un individuo de idade indeterminada chapuca ás veces nel, os pés por fóra. Ao tempo semellará redactar ou corrixir algo, como concentrado na gramática. Haberá un teléfono ao seu carón. Un teléfono glauco que ocupará medio metro cúbico e estará suspenso dun cabo vertical, xusto á altura do ventre do écrivant. Un empregado deste, con manguites de linotipista e barrete académico, vai e vén en monociclo funambulario polo tirante de aceiro que sae cara a esquerda da pantalla desta computadora (a túa) e que vai dar a un obelisco (esquerda). Detense ás veces a facerlle a pedicura ao tipo do jacuzzi ou deita sales de baño que acaban caendo como caspa olímpica sobre escenario e público. Neses momentos o empregado sorrí e anota nunha libreta series de Fibonacci, a súa oculta paixón. Máis adiante, cando o do jacuzzi se mova na bañeira e o aeroxenerador medio tapado por bambolinas abanee o aire do escenario (e da sala toda), é probábel que a bañeira comece a oscilar como un bambán, de dentro a fóra do écran (do teu, internauta). Entón desvelarase que os cabos de aceiro que sosteñen o jacuzzi conectan o aeroxenerador e o obelisco, de parte a parte do escenario. Algo de auga eólica caerá sobre a mesa camilla e nese momento os personaxes que nela aparezan (en xeral, intelectuais e grupos escultóricos afíns) abrirán os paraugas para non mollarse. O público, arredor da mesa de braseiro, móllase algo. Ti, desde logo, tamén. Un curmán teu que traballa na Xunta pásache unha toalla. Agora. Porque algo chapuca xa o tipo do jacuzzi, oculto nas sombras superiores. O obxecto de exaltación neste auto semella ser plural (mesa, jacuzzi, información, enerxía…), se ben o tipo do jacuzzi ocupa unha centralidade escénica irrefutábel, reforzada máis adiante cando fique enmarcada a bañeira nun obxecto esférico acristalado, perceptíbel por tanto desde calquera ángulo de visión como circular e brancuxento. Exacto, como unha oblea.

TI > Ostia! Que me mollo!

AS VOCES DE TRES SEÑORAS DA LIMPEZA CON CADANSÚA FREGONA INDUSTRIAL > O seco molla e o mollado seca. Deitemos o alento no caldeiro impuro!

A VOZ DA DIRECTORA > Veña, veña, rapaces! Asegurádeo ben.

[As Tres Señoras da Limpeza e a Directora permanecen nas sombras inferiores. A última diríxese dando voces a un grupo de tremoístas dividido entre a parte de abaixo e a zona iluminada. Tres tremoístas —os únicos visíbeis— sosteñen cordas desde o tapete da mesa. Izan un corpo inerte. É o do intelectual morto]

A VOZ DO INTELECTUAL MORTO > A modo! Aínda me habedes mancar!

[Do pescozo do corpo inerte pende un cubo-urna dourado que escintila no ar ao tempo que se procede ao izado: contén o capital simbólico do finado]

OS TREMOÍSTAS DA MESA > Iso é. Quietiño aí.

[Colocan o corpo inerte nunha cadeira da dereita. O cubo-urna co capital simbólico (C-UCS) fica sobre a mesa. Os tremoístas descenden logo en cadansúa tirolina. Mentres o fan, ábrese o C-UCS como se fose unha caixiña de música. Soa Negra Sombra en versión sinfónica. O defunto pecha o cubo-caixa cun manotazo torpe. Silencio posterior. Ao longo do momento inicial do auto a caixa abrirase de novo dúas veces máis e o defunto sempre procederá do mesmo xeito, con violencia crecente no xesto]
O ACADÉMICO > Non che hai nada como estar morto para que recoñezan os méritos dun. Fixo vostede como deus finando. Fágame caso.

[Dillo ao Intelectual Morto mentres ascende ao sitial de seu tras accionar un mecanismo na cadeira. Asemade, brune a calva cun longo pano branco movido enerxicamente de lado a lado, ao xeito dos limpabotas]

CORO DE OPERARIOS DO PORTO EXTERIOR (COPE) > [Canta] Bailaches, Carolina? Bailei, yes I do. Tell me con quen bailaches. Bailei en Xanadu.

[O coro de operarios canta na parte esquerda do escenario, escura aínda. Divídense en dous grupos: nativos e inmigrantes (eslavos, peruanos, subsaharianos, caboverdianos e sobre todo indonesios, que usan como koiné un inglés estraño mesturado con galego, portugués e castelán estraños, inopinadamente tamén francés). Comparten miserias e piollos, fraternalmente, como en Charenton. Os galegos enuncian os heptasílabos impares. Os estranxeiros, os pares. Repiten tres veces e rin. Pausa de dous minutos e ruído a seguir de mazas e maquinaria lixeira, que non cesará até que se indique expresamente. O coro emprega a partir de aquí dicción recitativa, interveña por partes ou por xunto]
VOCES DO SECTOR NATIVO DO COPE > Así e todo, manda carallo! O día das eleccións, a festa da democracia, domingo… e nós aquí currando como parias.
VOCES DO SECTOR MULTICULTURAL DO COPE > What’s wrong? Fiesta! Se resides, decides. Se decides, la cagas. If you work, you get money. Fiesta na rúa! Festival of democracy!! Défécation politique! Trabalho e carro para toda a gente!! Auto e moças!! [Escachan a rir]
TODOS OS DO CORO > [Acenan entre lascivos, escatolóxicos e lúdicos, pero non se ve] Assim, assim! Bailei en Xanadu!! Bailei en Xanadu!!

LÁNDOAS > [Elemento emerxente sorpresivo. Fai un aparte só para ti, alucando por tras da pantalla da computadora como un cíclope de Odilon Redon] Este texto é un perpetuum mobile.
TI > [Sobresaltándote] Ostia, que susto!
O ACADÉMICO > [Non se entera do anterior, que acontece noutra dimensión do espazo-tempo. Non se entera de nada, de case nada. En realidade, non se sabe se se entera, probabelmente si se entera. Diríxese ao Intelectual Morto. Entre tanto acceden a cadansúa cadeira outros dous personaxes] Daquela que? Xa votou?
O INTELECTUAL MORTO > [Levísimo aceno de monicaco. Voz fraca, como desafiuzada] E logo non! Os mortos somos sempre os primeiros en votar. Mantemos o elo sagrado entre a historia que foi e a historia que é. Eis a nosa misión.
O INTELECTUAL INTEGRADO > [Xa incorporado á súa cadeira] Así é… Así é, meu señor.
A INTELECTUAL DESMARCADA > Pois eu desta non voto. Pensei votar inútil, pero ao final decidín que nin iso. Non fun e non vou.
O ACADÉMICO > [Lustrando de novo parietais e mesmo frontal, cambiando xa de dirección e alcanzando case a altura do occipital] Mala decisión, neniña. [Logo olla cara a abaixo: a luz foi medrando, pero aínda non se chega a ver nada novo, só máis espazo, nin seres nin nadas, que diría Gómez]
A INTELECTUAL DESMARCADA > Bótelle un fieito!
O INTELECTUAL INTEGRADO > Miña dona, miña dona, un pouquiño de respecto. [Diríxese logo ao Intelectual Morto] E vostede non ten frío, así espido?
O INTELECTUAL MORTO > [Cachazudo] Pois mire, voulle dicir unha cousa: desque acabei de apodrecer, case van alá cinco anos, teño unha caste de insensibilidade para o frío. O calor élle outra cousa, xaora! No panteón pásanse putas de verán, disimulando a expresión.
[Segundo o Intelectual Morto anda a expoñer a súa razón a luz alcanza por fin a parte baixa do jacuzzi e ilumina, abaixo, os movementos da cuadrilla de operarios do porto exterior. Algunha maza que sube e recibe a luz. O Intelectual Integrado olla para estes últimos con mirada experta. Os outros tres alzan a vista sobre as súas cabezas e contemplan o ventre negro do jacuzzi como quen albisca a proximidade dunha treboada. Cesa o ruído de obras nese momento. Simultaneamente, sube o volume da locución que describe o salto iterativo de Fosbury. A luz alaranxea e do ventre do jacuzzi emanan estreliñas e potencias neobarrocas. Óese ladrar xalundes, pero de súpeto todo o orbe é ladrido. O Monte do Gozo abre nesa altura en dous, como nun parto telúrico. Ecoa nel a risada dionisíaca de Medela. Un minuto, dous. Fosbury salta e salta conseguindo o ouro olímpico n veces. Un individuo avanza entre o público correndo. Leva unha pértiga. Con ela efectúa un chimpo prodixioso e tras unha vistosa cabriola con caracol aéreo encaixa nádegas e coxas con precisión suíza nunha das cadeiras libres. Nin se despeitea co salto. É a Soberbia Política. Segundo acomoda o corpo e repasa as caras arredor da mesa, inquire:]
A SOBERBIA POLÍTICA > E lo, aínda non chegaron a Mentira, a Tutela Democrática e o Libre Mercado Enerxético? E a Inocencia Pública… non arrimou hoxe ao cenáculo? Pero se nen sequera están aquí a Politoloxía Ilustrada e o Sistema Literario! Nin a Santa Madre!! Señores, nin a Santa Madre!!! Pero que vexo? Nin Galicia Milindres chegou ao patio!! Mi ma…! Cacho parladoiro de pousafoles imos ter. Cacho exaltación con sordina! Catro intelectuais e o pobo embaixo.
A RISADA DIONISÍACA DE MEDELA E DO FUSO NEGRO > [Estéreo longínquo: fff] Ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha haa haaaa!!! Touporroutou!!!
O ESPECTRO DA PROXECCIÓN EXTERIOR DE GALIZA > [Pé da mesa, en cadeira de rodas e con manta de cadros sobre as pernas, capitidisminuído] Soan tremoias! Ouh, mísero de min no Mundo. Presinto a morte do nasciturus que son ou fun.
[A Soberbia Política non se decata de que arriba da súa cabeza, como a dous metros ou algo máis, hai un jacuzzi. Sorpresivamente cae algo de auga, non moita, e os tres Intelectuais e o Académico pillan, espilidos, cadanseu paraugas. A Soberbia Política reacciona tarde e non consegue ningún. Móllase]
CORO COPE EMBAIXO > [Trasunto de vulgo malia saberse “saber”. Circulan arredor da mesa camilla e entre o público, que tamén a rodea en metonimia de corpo social-electoral. Todos se mollan aló embaixo, un sitio popular e infame para contemplar a obra] Assim, assim… bailei en Xanadu, bailei en Xanadu.
[Hora da sesta comunal. Algunhas espectadoras idosas e non tanto fan rolda carnal co subcoro de subsaharianos, que retoma o retrouso-consigna “Auto e moças para a gente!”. Óese unha voz algo rouca de vicetiple, vindo acaso de dentro da faldra da mesa camilla: “Aquí xógome a i-alma” . Cega logo a luz laranxa como nun orgasmo tectónico, exponencial: converxen as razas todas do porto exterior no salgado sorbo marítimo, cunnilingüe, de herbas do país, paso previo á unión carnal das nacións proletarias coa Terra (coa Nosa Terra). Nesa altura, en prolepse de dezaseis días, a pantalla na que saía Fosbury recolle imaxes de Ratzinger aterrando en Yaundé. Levou a África a boa nova: o uso do condón coadxuva á propagación da SIDA, polo que é preferíbel non usalo. O preferíbel é, engade, non usar o corpo, esquecelo. Iso declara o Papa branco ao continente negro. Aumenta asemade, con todo, o ritmo obreiro das razas baixo a carpa lúbrica e alegórica. A Nosa Terra treme enteira con epicentro en Triacastela. O grao na escala Richter é 3,9]
[Este texto é un perpetuum mobile. Modifícase sen previo aviso e reformúlase sen pausa. No se recibe duelo. Non se opta a nada. Continuará?]

Teatro proício

13 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas (2 x 1: Auto sacramental, Farsa inmóbil)

Momento inicial
Espazo cúbico envolto nunha luz placentaria —como de placenta vacuna— que lembra o lugar predestinado para unha rotativa nunca instalada dun xornal-soño, capaz que chegado das ucronías dun exilio estraño. No centro dese espazo érguese unha mesa camilla cun número de cadeiras non doado de precisar; talvez sete, oito. As cadeiras son altas e teñen un mecanismo de izado para os ocupantes. A luz proxéctase neste momento inicial até dous terzos da altura do espazo cúbico, non desde o nivel inferior do escenario senón desde o que correspondería a un terzo da altura total que acabará por descubrirse segundo se desenvolva o auto. Por tanto, iluminarase de partida só o terzo central do volume (considerado en vertical). Á dereita da pantalla, calcúlese unha gran columna branca que a ausencia de luz corte a media altura, algo por riba do nivel alcanzado pola mesa camilla. Esta ten un diámetro de cinco metros, con outros catro metros de alto, de modo que as persoas que sentan arredor dese cilindro con tapete azul ceo están relativamente distantes unhas das outras, nalgún sentido abducidas e aqueloutradas, se ben trasladan en todo momento impresión de perfecto acomodo á situación. Sobre a mesa hai catro grandes paraugas pousados. A medida que a acción se desenvolva, a luz placentaria ampliará o cono iluminado cunha progresión de medio metro por minuto (25 cms para arriba e outros 25 para abaixo medidos na vertical da columna), até ocupar o volume completo do espazo bauhaus descrito. Devagar, iso permitirá descubrir a existencia de seres —ou nadas— reptantes no escenario (parte do público?, animais disecados en vida?, políticos cesantes?) e unha cuadrilla de operarios á esquerda. Estes últimos fuman e constrúen un porto exterior. Á dereita, a columna branca vai desvelándose progresivamente como aeroxenerador, parte improbábel, acaso apenas simbólica, dun parque eólico, porque o certo é que a carón del non hai outro muíño máis senón unha especie de escultura pública de cerámica mediterránea, asemellada ás que identifican os paseos coruñeses e con distinción estética de marca opus-vazquista: trátase de dúas enormes mans sen código claro, xuntas polos pulsos e con habitus receptivo, indiscutibelmente obra de Lladró. Cando a luz ascenda por completo, non aínda neste momento inicial, descubrirá arriba un jacuzzi sostido por dous grosos cabos de aceiro. Un individuo de idade indeterminada chapuca ás veces nel, os pés por fóra. Ao tempo semellará redactar algo, como concentrado na gramática. Haberá un teléfono ao seu carón. Un teléfono glauco que ocupará medio metro cúbico e estará suspenso dun cabo vertical, xusto á altura do ventre do écrivant. Un empregado deste, con manguites de linotipista e barrete académico, vai e vén en monociclo funambulario polo tirante de aceiro que sae cara a esquerda da pantalla desta computadora (a túa). Detense ás veces a facerlle a pedicura ao tipo do jacuzzi ou deita sales de baño que acaban caendo como caspa olímpica sobre escenario e público. Máis adiante, cando o tipo do jacuzzi se mova na bañeira e o aeroxenerador abanee o aire do escenario e a sala toda, é probábel que a bañeira comece a oscilar como un bambán, de dentro a fóra do écran (do teu). Algo de auga eólica caerá sobre a mesa camilla e nese momento os personaxes que nela aparezan (en xeral, intelectuais e grupos escultóricos afíns) abrirán os paraugas para non mollarse. O público, arredor da mesa camilla, móllase algo. Ti, desde logo, tamén. Un curmán teu que traballa na Xunta pásache unha toalla.

[Continuará?]

O poder de dar nome ás cousas

10 de Febreiro de 2009

Confésoo. Cada vez que, ciclicamente, El Hijo del Trueno se ve forzado a intervir porque a Historia o demanda, ou porque algo importante debe ser reaxustado entre fígado e petos, tremo como mapoula silvestre ante o Klaus e agocho logo a caluga coa humildade de quen sabe desde neno que os seus días desembocarán fatalmente nunha esquela nas follas que el pilota con liberalidade e galeguismo ben entendido. Esa clarividencia de xuízo e de exposición, ese desinterese, esa clase, ese tinte… Ese kairós tamén seu de falar cando cómpre (“es necesario levantar la voz y llamar la atención de los corazones nobles, como hemos hecho siempre en momentos cumbre, desde grandes medios de comunicación, aquellos que tenemos como norma cumplir con nuestra responsabilidad. Y eso ha de hacerse por encima de cualquier posición cómoda, aun a riesgo de ganarse las incomprensiones de unos [PP?, certo PSOE?] y las declaradas hostilidades de otros” [BNG?]), na oportunidade exacta para mudar o rumbo dos acontecementos, aínda que se dea a malfadada coincidencia de que ese sexa xusto o día no que unha extrema dereita disfrazada de igualitarista e demócrata demanda unha política lingüística anticonstitucional e antiestatutaria e nos chama aos demais imbéciles por non percibir país e mundo cos seus lentes, non outros que os do privilexio de clase e a alienación nacional.

E agora, serios. Atención ao xiro dialéctico e político deste editor a tres semanas das eleccións. As súas palabras e argumentos soan esta vez directamente a berlusconismo malia a fatuidade dese título que procura o parangón que procura (miñaxoia!). Os argumentos do editor constitúen violencia porque confunden e manipulan negando validez política a case todo o que se move nos hemiciclos de occidente e porque incorporan unha actio profética que resulta cínica nunha persoa que representa o que el é. Non é que haxa un anti-sistema aos mandos da Voz. Non é simplemente que se declare que todo está mal entre a dereita social e o marxismo contemplativo, un pouco ao xeito de quen inspira aproximadamente tres cuartas partes do discurso Rey (Roberto Blanco Valdés, naturalmente, vid. infra). Atentos ao xiro, moi atentos ao xiro e ao seu engarce social co que supón un populismo transversal e supostamente desideoloxizado.

Por riba, atribúese Rey Fernández-Latorre certa tradición galeguista (de seis nomes mencionados, cinco pertencen a mortos e non van chistar; chistarán os vivos citados ou non citados que colaboran no xornal?, chistará Barreiro?) para forzar un desprestixio de determinadas políticas culturais e lingüísticas máis que moderadas en relación cos programas de goberno publicitados no inicio da lexislatura. Violencia e terxiversación as de Rey que semella claro que aspiran a converxer nalgún sentido co vazquismo e con certo cinismo social moi poderoso no istmo coruñés. Violencia non do tipo da que retratan o seu periódico e outros medios en lugares privilexiados e ben visíbeis, identificando independentismo e resistencia á falsificación da realidade; ou tamén, noutra esfera, independentismo e revolta social. Violencia da outra, da que non se nomea, da impune, da que se exerce desde o poder e sae gratis. Violencia manipuladora da que non se resolve varrendo as rúas ás 5 da tarde. Da outra. Da que sabe Vázquez (que casualidade que me saia xa dúas veces neste post!, será que releo estes días en Larrea e ando propenso á pre-visión onírica?, será que volve e Rey o sabe?). En fin, que as condeno, todas, a das botellas lanzadas e a destrución de mobiliario urbano (iso é violencia, o resto de accións atribuídas ese día aos contramanifestantes non o é) e a das falacias calculadas dun individuo con tanto poder. Pero sei medir e comparar o dano que fai cada unha delas. E comparo tamén a resposta que recibe cada unha delas.

Por último, violencia ineficaz, inocua, inoperante, a do editor Rey mentres se ate a ese metrónomo vacuo de pedir e solicitar sempre o mesmo desde unha retórica de coros e danzas (“toda la rémora y la falta de perspectivas se quedan en el abandonado paraíso del Finisterre”). Como a inmensa maioría dos cidadáns que len xornais, un nin é imbécil nin permite ser tratado como tal. Pero isto é o de menos agora. O relevante, ademais da leña que mandou dar Ameixeiras e o que agora faga o fiscal, é a pauta política do editor do xornal que máis xente le, ou follea, en Galiza. A tres semanas das eleccións e con toda a redacción en posición de revista (algúns mediopensionistas xa o pillaron, e ecoan).

[O editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre]

ps. Antón Baamonde contextualiza o asunto e opina desde o blog O Café na Trincheira (25 02 2009).

Carta bastante aberta ao constitucionalista Roberto Blanco Valdés

14 de Decembro de 2008

Prezado Sr. Blanco Valdés:

Coñezo e trato de seguir desde hai anos o seu pensamento político como catedrático da Área de Dereito Constitucional do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado e, máis en particular, tamén o seu pensamento político como columnista destacado de La Voz de Galicia. Falo de pensamento político, permítame aclaralo, convencido de que os constitucionalistas tamén o teñen, malia con algunha frecuencia e de forma corporativa intentaren algúns dos seus colegas, vostede tamén en ocasións, simulalo ou camuflalo como proxección natural de simples aproximacións técnicas ou de comentarios periciais ao fío da actualidade do debate público; pero sobre todo malia ao intento, máis que reprobábel, de se apropiaren vostedes con máis forza da conveniente de debates que son da cidadanía toda por pertenceren eles ás regras do xogo da esfera pública e en definitiva por estaren adscritos ao debate sobre as liberdades fundamentais. Falo de pensamento político, si. Falo diso, asemade, porque para min é unha obviedade que nin vostede nin ningún dos seus pares falan, cando o asunto é a Constitución de 1978, desde un limbo de pureza xurídica, desde a asepsia moral, desde a non-biografía ou, en fin, desde un non-lugar profesional, académico, económico, social, sentimental, mediático…

E o certo é que neste tempo observo, sen maior esforzo de concentración, a deriva que o seu pensamento vai tomando. Unha deriva —política!, xaora, aquí non fou falar doutra cousa— que probabelmente vostede controla en por si, con autonomía persoal e profesional plena, e que, con certeza, dependerá destes o destoutros estudos e avaliacións súas sobre o lugar que quere definir e ocupar no campo de forzas ideolóxicas e políticas hoxe actuantes no noso país.

Todo iso é correcto, desde logo. Con independencia de que as máis das veces supoña unha achega de munición supostamente técnica para proveito de posicións políticas e sociais moi reaccionarias, mesmo contrarias á Constitución desde o lado pardo. E eu non entraría a analizalo de ficar aí. Pero hai algo que resulta verdadeiramente peculiar no seu argumentario do día a día e que querería expoñerlle. En particular, pola repercusión que alcanza entre os seus lectores, algo máis numerosos que os meus. Hai algo nos seus puntos de vista, digo, que está posto ao servizo non só da realidade efectiva da vida e do mundo noso, da vida de diario, a efectiva e tanxíbel, a que ás veces se complica e ás veces se acaba, desa; hai algo que está posto ao servizo non só da lexitimidade do punto de vista individual que corresponde a un constitucionalista do prestixio que, por méritos propios, vostede atesoura. E non aceptarei a propósito do que vou comentar, advírtollo de entrada, amoestacións como as tan socorridas na súa linguaxe pública sobre coutos xurídicos, cacharrarías, proboscídeos e mais todo ese pensamento analóxico (cutre, moi cutre) que entre os editorialistas máis ou menos declarados da prensa de noso —vostede é lido como tal por unha maioría dos lectores da Voz, sábeo ben e semella compracido nesa posición— causa furor desque Carlos L. Rodríguez comezou hai anos a facer exercicios de estilo á vista de toda a xente e sen pudor intelectual ningún. Non, non aceptarei esa cousa relativamente subtil (cada día menos na súa prosa, prezado colega) dos argumentos de autoridade e dos contiños analóxicos. Ca! Nin tampouco concedo que sobre linguaxe xurídica non poida intervir por exemplo un semiólogo (eu son tal), ou unha xestora administrativa, ou un canteiro, ou unha empresaria, ou unha estudante de Enxeñería de Montes…, admitido en todos eles un mínimo de lecturas e un mínimo de formación política (eu pode que os teña) e a maioría de idade que máis dun 95% dos seus lectores acadou xa (ignoro se o sabe e se algún mecanismo demoscópico podería aseveralo para non deixar o apuntamento en simple intuición miña).

A Constitución é o referente de todos nun estado de dereito, que lle vou dicir a vostede. Tamén o é para os xuristas e para os parlamentarios, técnicos e políticos que desde fóra, por exemplo desde o Consello de Europa, deban facer análise e valoracións sobre o grao de aplicación do articulado constitucional (de todo o articulado, eh!, porque vostede amosa unha acusada tendencia a poñer o dedo en certos títulos) no atinente á vida de todos os días e de todos os cidadáns. De todos os días e de todos os cidadáns, Sr. Blanco Valdés, non só dos días e as horas dun catedrático de Dereito Constitucional que semella ollar con nostalxia situacións lingüísticas doutro tempo ou doutro lugar.

Porque, desde que clase de experiencia está a falar vostede día si e día tamén na súa columna da Voz de Galicia para aseverar, como fai hoxe, textualmente, que no sistema educativo galego “el castellano está camino de desaparecer”? Ou que o castelán resulta irrelevante no ensino ou que na práctica foi eliminado en determinados traxectos de escolarización? Desde que lugar está a falar vostede, desde que mundo, desde que experiencia da realidade? E en que clase de retórica se ampara ou inspira —como o vén facendo desde hai bastante tempo desde a súa privilexiada e influente columna, maná ideolóxico de grupos cos que vostede non creo que teña moito que ver en termos de parangón político (dígollo con franqueza e moi en serio)— para escandir adxectivos e adverbios (tecnicamente delicados na linguaxe xurídica ou en calquera outra por ela inspirada) que aplica aquí e acolá, día tras día, á súa análise da realidade legal e efectiva, da realidade que a min me gustaría recoñecer nalgunha medida como real, esa que en definitiva existe de veras e que se manifesta no día a día, esa que abrocha por todas partes, non só en determinados salóns, gabinetes, clubes, claustros e moquetas?

Porque, claro, postos a confrontar experiencias concretas, do tipo das que a vostede alguén lle contaría nalgures, ou das que escoite en tertulias incivís e cainitas nalgunha frecuencia radiofónica, eu tamén teño un saquete delas. Un día tomamos un café, prezado colega, e facemos comparatismo a fondo, que iso si concederá que vén sendo o meu, concederao antes de suxerir moi logo que sobre a Constitución e a ignorancia tal e tumba, como hoxe, igualiño ca hoxe na Voz. Pero o certo é que é vostede quen se equivoca, quen ve o que non hai, repítollo, por moi constitucionalista que sexa. Fíxese, hoxe mesmo, escribiu vostede nestes termos, moi pouco ponderados, na columna dominical do seu periódico:

alguien debería informar a sus portavoces [aos do Consello de Europa!, que non é o consello escolar dun instituto de Allariz, nin este é aquel] de que la primera norma que vincula a las autoridades españolas (la Constitución) fija un modelo de cooficialidad lingüística que, ciertamente, no se respeta como debiera en el mundo judicial, pero que no se respeta en absoluto en la vida institucional gallega y en su sistema de enseñanza.

Que, ciertamente, no se respeta [o modelo de cooficialidade lingüística constitucional] como debiera en el mundo judicial“. Iso concede, mide, matiza, pondera, minimiza…, como indicando co adverbio e co ritmo frástico que qué se lle vai facer, que vaia por deus, Maripili, que é un imponderábel, algo como alleo a nós, os xuristas, os constitucionalistas, os que somos Estado… Todo iso que vostede xabe conxugar ben co habitus académico e político propio da súa condición profesional e mediática. E segue logo: “Pero que no se respeta [o modelo de cooficialidade lingüística constitucional] en absoluto en la vida institucional gallega y en su sistema de enseñanza”.

Desculpe agora, prezado colega, o comentario de texto e a close reading (un tamén vai viciándose co pouso profesional, hehe). Así que en la vida institucional gallega, eh! Pero como? Suxire vostede que na vida institucional galega non se usa ou se usa pouco o castelán, Sr. Blanco Valdés? En que país e por que rúas vive/anda vostede? Porque a vida institucional será algo máis que os dez minutos (é un dicir, un dicir piadoso) que Touriño ou Feijoo saen a diario na TVG, e será algo máis que o momento aquel de pedirlle a un conserxe que poña auga mineral sen gas no estrado da cámara, e será algo máis que un pleno no Concello de Lalín, e será algo máis que o acto público no que o director xeral dunha caixa de aforros presenta un libro editado pola súa Fundación con textos dun escritor independentista que se chama igual pero non é igual en case nada, e será algo máis que unha visita institucional de Baltar a algún velorio en Bande, e será algo máis que o pregón municipal das festas de agosto en Burela, ou que a gala cultural da deputación en Mariñán… Digo eu.

Pero non, a súa capacidade de matización, Sr. Blanco Valdés, esváese no ar en canto toca entrar nesa parte do seu discurso, neste prurito delicado seu coa cousa da lingua, que adoito contempla desde unha perspectiva… peculiar. Creo —permítame— que pouco afeita xa (digo xa, non digo aínda, e vostede sabe moito de adverbios e de frases adverbiais) ao marco constitucional, a ese que vostede analiza nas súas clases. Talvez iso explique que fale da situación lingüística no Estado como unha “cacharraría”. Claro. Iso é descodificado pola inmensa maioría dos seus lectores, mestres xa na arte de interpretar as súas simplonas analoxías e/ou alegorías, exactamente como vostede quere: se no canto de tantos cacharros tivesemos unha peza única, centrada, brillante… non falariamos da “cacharrería lingüística española” senón de… De que Sr. Blanco Valdés? De que falariamos? Confésenos os seus soños, ho. Acaban onde os de Francisco Vázquez e Mariano Rajoy ou van alén deles? Alí onde Galicia Bilingüe, por caso?

E é todo? Non, non é todo, prezado colega. Non é todo, pacientes lectores e lectoras. Porque logo engade a columna de hoxe, como puntilla dialéctica e toureira, o do sistema de ensino. Nada menos que o do sistema de ensino! Fíxese que eu teño outra experiencia sobre isto. Véxoa a diario e en toda a parte: nas cidades, nas vilas e nas aldeas galegas. Desde sempre véxoa, tamén desde que o galego entrou a formar parte do currículo escolar e desde que existen leis que regulan o seu uso na escola, leis se cadra (seguro!) menos pomposas que a Constitución pero que vostede tamén lería. Con todo, falo dela, da experiencia miña, cando o fago, en termos bastante atentos á Constitución e ao Estatuto, créame. E entón uso unha frase en relación co que observo: “O Estado funciona!”. Aplícoa, por exemplo, a realidades como esta que enuncio de seguido en termos máis ou menos alxebraicos, lúdicos ou parabólicos (tómeo como homenaxe):

Sexa G un grupo de amigos/as en torno aos cinco anos de idade vinculados en orixe por unhas dadas relacións de viciñanza e amizade dos pais e nais respectivos nunha vila grande V ou pequena v do país P (valería igualmente unha cidade ou un núcleo rural dese país). Sexa x a lingua vehicular e de uso familiar do grupo G nese país P, no que existen dúas linguas oficiais, x e y. Sexa n un número de cursos académicos continuados nos que os nenos/as do grupo G asisten xuntos á escola (dá igual que sexa pública Pu ou privada Pr), de modo que n ≥ 3.

Pregunta 1, Sr. Blanco Valdés: existe a posibilidade de que ao cabo deses n anos, para n ≥ 3, os nenos do grupo G que tiñan por propia e común a lingua x pasen a ter por propia e común na práctica totalidade das súas esferas de comunicación a outra lingua oficial do país P, a lingua y?

Pregunta 2: Tería algo que ver nesa posíbel mudanza o sistema escolar do país P?

Pregunta 3: Pode ocorrer o paso “x a y” para P = Galiza?

Pregunta 4: De responder afirmativamente, para que valores concretos de x e de y (x = galego / x = castelán; y = galego / y = castelán? Para que valores de x e y, Sr. Blanco Valdés?

Por favor, vexa de ser intelectualmente honesto, e tamén cabal e xusto, na súa resposta se considera oportuno ofrecela. Séxao desde a lexítima posición política á que vostede se foi adscribindo nestes anos, pero fale, pericial e tecnicamente se quixer, atendendo como mínimo por igual ás diversas situacións e condicións culturais e lingüísticas do alumnado polo que amosa preocupación en columnas como a de hoxe.

Atentamente,

Arturo Casas
Semiólogo e profesor titular de Teoría literaria na USC

[Nas fotografías, sesión de traballo no hemiciclo do Consello de Europa, en Estrasburgo, e o columnista de La Voz de Galicia Roberto Blanco Valdés]

ps. Informe do Comité de Expertos do Consello de Europa sobre a aplicación en España da Carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias. A propósito dos protocolos efectuados e pendentes até a aprobación do Informe por parte do Comité de Ministros, recomendo a lectura do preámbulo (15 12 2008).

Terrorismos consentidos

3 de Outubro de 2008

Non hai palabras. Nunca as hai cando un atentado rebenta o peito e os soños de individuos e comunidades. En quente non hai palabras. A análise, para máis tarde.

Inmunidade ao resentimento

30 de Setembro de 2008

Calculo que como pouco dous terzos das columnas de opinión publicadas entre 1925 e 1927 por Rafael Dieste como analista político e sociocultural da realidade galega conservan vixencia. Parte daquela produción foi escolmada no mesmo ano da morte do autor, 1981, no volume Antre a terra e o ceo (Ediciós do Castro). Sináloo non por apuntar un carácter visionario senón porque o dato demostra a lentitude dos cambios sociais.

Esta naveta nova, que imos rotular “Diesteana”, ábrese con mención dun artigo de maio de 1927 referido de xeito principal aos políticos do país, pero en realidade válido para calquera persoa con proxección pública no ámbito galego.

O novo estilo que por aqueles anos demandaba Dieste debía superar un lastre antropolóxico e social serio e moi pesado. Naquela primavera de 1927, pouco antes de cesar como columnista en El Pueblo Gallego e de emprender moi outros rumbos persoais, o xornalista arelaba algo aparentemente sinxelo: a irrupción esperanzadora no espazo público de persoas inmunes ao resentimento. Reclamaba esa actitude para o exercicio dun servizo civil eficaz e, no sentido nobre do termo, patriótico. En boa medida, nesas seguimos.

Medios, analistas e opinión pública

17 de Setembro de 2008

En relación co artigo de hoxe de JL Sucasas en Vieiros, que non fala do que parece e fai ben, desexo suxerir algo. A liberdade de opinión nos medios está enormemente condicionada na Galiza actual por unha serie de pautas que máis ou menos todos recoñecemos sen dificuldades. Pautas ás veces ideolóxicas, desde logo, pero tamén de carácter propiamente empresarial, referidas ao mercado e á financiación a medio prazo.

Existe un cálculo de opinión nos medios e os lectores somos adestrados nesas prácticas. Afacémonos sen maior resistencia a elas. Precisamos isto e podemos/queremos chegar até aquí, calculan os medios. O poder político e o poder económico arbitran a partida: conceden, distribúen, retiran, sancionan. Non é nada novo, aínda que resulta por completo inaceptábel.

Nese vello xogo aparecen as voces singulares, os opinadores libres, cunha función de marca, no sentido medieval do termo. É unha función que conxuga con habelencia cálculo e simulación por parte dos vértices. É unha función-máscara que vira en ocasións a función-mascota. É un xogo cínico aquel, por tanto. Sitúo o mascarón lexitimado e libre que opina sen corda sobre o que quixer e marco con el un territorio, un arredor, un cortalumes-aura, un silencio que me protexe e que exhibo como diploma ou como trofeo. Dentro do círculo, administro, calculo o que se pode dicir, ordeno a finca. E de cando en vez, con patetismo, alzo a voz e marco un exabrupto sobre o un asunto social candente. O sol, por exemplo.

A blogosfera ten unha capacidade extraordinaria: a de poñer todo iso en claro. A de analizar aos analistas e á totalidade do sistema, que Sucasas contempla nun plano de coordenadas progreso – identidade pero que eu suxeriría ampliar a algunha outra dimensión. Pode semellar tarefa para moito tempo, pero esas calendas han chegar. A liberdade xogará entre nós non inscrita nese cálculo. A blogosfera contribuirá a deslindar o espazo para que tal cousa aconteza. Eles xa o saben. Nós precisamos e merecemos outros medios, outra sintaxe e outra opinión.