oralidadeArchive for the ‘’ Category

Escoitar e mirar

20 de Agosto de 2009

 

assessment_workshop

Cando, a finais da primavera pasada, asistín a un dos penúltimos actos literarios nunha algo abafante tardiña compostelá, fun testemuña dun episodio que acaso non sexa tan singular como a min me pareceu aquel día. Na mesa do acto situábanse catro persoas. Dúas delas falaron bastante e o acto demoraba o remate, previsto aproximadamente segundo os cánones para as 21 h. Na sala estabamos unhas vinte persoas, eu na parte central da sala, algo á dereita. Na fila anterior á miña un individuo non moi ben encarado duns cincuenta anos facía acenos que deixaban ver que se sentía incómodo coa duración das peroratas. Ao primeiro con discreción, posteriormente con certo afán de protagonismo. Pero o que desexo relatar aquí é o que ocorreu entre medias. Digamos que eu estaba situado detrás deste señor, nun ángulo duns 255 graos (o equivalente ás 00:43 h. que agora mesmo está a marcar o meu reloxio). Diante do individuo aquel, dúas filas por diante para ser máis exacto (por tanto, tres por diante da miña posición na sala, e desculpen que isto vaia camiño de La Jalousie, pero o detalle é preciso), exactamente na súa vertical,  considerada esta como paralela á parede da dereita, estaba unha muller nova de longa cabeleira negra e fermosa figura. Tardei case media hora en ver o seu rosto desque reparei na súa presenza. De feito só o cheguei a ver con detalle cando abandonou a sala, dez minutos despois de facelo, ás 21:36 h., o individuo que sentaba entre ela e eu. Algo chegaba a percibir da forma da súa orella esquerda, certo é, algo do óvalo facial, pero nada máis ca iso, descontado o movemento delicado dun abano sostido coa man esquerda. En cambio, por estar relativamente libre de público a zona na que todos tres sentaramos, e por ficarmos situados en termos relativos ela e eu no ángulo citado de 255 graos pero máis ou menos ao triplo de distancia existente entre o individuo malhumorado e eu —tamén por facilitalo a clase de cadeiras da sala, que eran como as dos vellos cafés—, o certo é que a liña de visión de talle, van, coxas e nocellos era inmellorábel. Vestía unha blusa branca e unha saia de flores negras. A medida que o acto literario se facía algo pesado reparei en algo insólito. O individuo do bigotiño louro levaba uns minutos gravando co móbil a intervención do terceiro orador (imaxinei que podía ser amigo seu, incluso que podía ser seu pai). De entrada, non prestei maior atención ao que facía por estar eu concentrado nesa altura no cálculo do ritmo co que a moza cambiaba a posiciónpes dos pés, acaso no punto exacto no que o tedio impide deixalos quietos. Entre vintecinco e corenta e tres segundos, calculei. As sandalias eran negras e as unllas estaban pintadas en cor escura tamén, polo menos as do pé esquerdo. No nocello do mesmo lado, caendo ao peito do pé, crin apreciar unha pequena tatuaxe, un motivo ornitolóxico creo, acaso unha rara galinácea de cor turquesa. Nese momento ela moveu a melena cun aceno algo brusco, como se fose xirar o corpo para procurar coa mirada algo situado detrás dela. Acaso eu mesmo, considerei durante nanosegundos. Pero o que quería sinalar, o relevante desta historia, é que xusto en paralelo con ese xesto non completado de ollar ela para a parte posterior da sala o individuo xirou tamén con precipitación o corpo, un corpo, non o dixen antes, vulgar, tanto ou máis que o meu, aínda que conservaba todo o pelo o tipo. En fin, pasou ese instante algo vertixinoso e eu fiquei sorprendido por aquel contrapunto. Faltaban aínda uns dez minutos para que o do bigotiño loiro se levantase e abandonase a sala (cando o fixo, cando se levantou, pensei por un momento que ía dar voces contra alguén da mesa). O caso é que o cabrón do tipo, constateino sen resquicio ningún de dúbida inmediatamente, o que estaba a gravar en realidade era á rapaza, o depravado. Zoom diante zoom atrás percorreu a súa anatomía posterior enteira deténdose onde mellor lle parecía e chegando incluso (podería xuralo) a forzar unha toma a carón despois de simular unha caída das chaves. Eu, a un metro escaso e malia que deixara os lentes na casa, puiden seguir todo o proceso na pantalliña do móbil. De arriba abaixo o langrán, cunha delectación miserábel, particularmente na curva do van e no ombreiro dereito, algo máis descuberto, non tanto na canle que baixo a blusa debuxaban as lumbares, e aí discrepamos. Cando aquel obseso se sentiu satisfeito pechou a rodaxe e se levantou como un lóstrego. O cuarto orador acababa de indicar algo ao parecer relevante e polémico, non prestei atención; os murmurios na sala marcaron certa tensión dialéctica e xusto entón o tipo do bigote, baixote e loiro el, largou con aquel tesouro pixelado deus sabe con que finalidade inconfesábel. Aos dez minutos ergueu tamén a moreniña. Resultou ser de faciana pouco agraciada e de andar torpe, de modo que a descompensación entre isto que sinalo e as proporcións corporais resultaba chamativa á vista, inxusta. Pensei entón no depravado e decidín saír eu tamén antes de acabar o acto. Seguina durante dez ou quince minutos para asegurarme de que non había ren que temer e logo fumei un charuto á saúde da autonomía do campo e dos intelectuais facundos.

cEnsura = bOndade ou nube/fraga de tags (poema transcrito do natural)

26 de Xullo de 2009

 

 

fraga-iribarne

 

 

resistencia non máis     a censura pode ser precisa pode ser precisa precisamos máis censura máis censura censura precisamos en certas condicións a censura pode ser necesaria porque en certas condicións a situación     esixe de todos a censura e o premio pois é o pobo e só o pobo e só o pobo quen premia a situación sitúa a normalidade censura en certas circunstancias censura natural o vello di que se deixe traballar          ao amo que non é tal que precisa censura por sentido común a censura pode ser precisa a censura agora como é natural que                     a censura é precisa porque si iso é certo   coas elites e o  resistencialismo non se vai a ningures o resistencialismo resiste resístese e non permite a violencia cordial de vencelo e anular presenza o pobo ordena censura           iso é ás veces é necesaria a censura (practicada por nós) e vós debedes entendelo debedes entender que é precisa a rendición das elites como Castelao o entendeu ao falar da tradición franqueade as portas á censura da Santa Compaña porque é bo para todos e todas para todos a censura é boa para a cordialidade como é natural a censura nosa xa o estades a ver todos é harmónica e natural a censura a censura si por sentido común e el debe traballar como é natural polo pobo si polo   pobo e punto  sen máis incordio de resistencia.

 

 

 

 

 

 

 

 [Manuel Fraga Iribarne fotografado por Benito Ordóñez]

Véxase aquí unha prosificación do anterior. Calíbrese, tras vela, a inmediata influencia da Doutrina Lándoas-Kruschov sobre Cando-se-Debe e Cando-se-Non-Debe Aplaudir un discurso supostamente institucional reconvertido a ataque directo contra un(s) que está(n) no público ou, noutras variantes, a groseira declaración partidista ou mesmo a apoloxía do fascismo. De ser exacto o que relata Xornal de Galicia, só de ser escrupulosamente exacto, ben por Laxe e ben por Touriño. Agasallo para eles (allegro moderato). Deshonra para os felóns (por certo esta palabra encantáballe usala a ese señor a finais dos 80).

  

Loairas

27 de Xuño de 2009

 

 

neves-raseadas2

 

 

Embocadoiro

25 de Xuño de 2009

  telhado

 

Iso semellarían procurar as fotografías da lisboeta Ana Telhado, con frecuencia dispostas ao vello xeito da representación escénica, como agardando durante tempo e tempo a chegada dun público que porén acaba sendo o verdadeiro obxecto do relato, aludido polo lugar inmóbil, polo indigno expolio dunha mirada que de sempre explorou mares e comunidades aspirando a saber, ante todo, que se podía levar de alí, que podiamos traer connosco. Telhado procura agora o legado das visitas que fixemos. Configura esculturas humanas para eludir a ironía. E rexistra que a nada é unha sucesión, non un teatro.

 

[Fotografía da serie Si proche de la matrice, de Ana Telhado]

 

Escribir por vicio

23 de Febreiro de 2009

Nunha entrevista que hoxe publica Galicia Hoxe pregunta Vidal Villaverde a Bieito Iglesias que por que se escribe. E o novelista responde: “Eu escribo por vicio”. É notábel o modo no que o entrevistado, declarándose na entrevista, dicindo o que el é, procura unha distancia moral consigo mesmo. E abofé que dá con ela. Distancia consigo e con case todo, malia o cal esta é quizais a perorata da serie “Conversas contemporáneas” que maior profundidade humana e política ten das que un leva lidas.
Se a min me preguntase alguén pola xenialidade literaria e non me demandase exceso de explicacións sobre en que consista tan entrambilicada cousa é moi probábel que o nome primeiro que me viñese á boca fose o de Valle-Inclán. Por riba doutros, Shakespeare ou Dante incluídos, xa que nos poñemos. E se a min me preguntase alguén logo diso se penso que a xenialidade literaria caracterizadora de Valle-Inclán pervive hoxe dalgún xeito nalgún dos nosos escritores vivos daría en primeiro lugar o nome de Bieito Iglesias. Nel está o Valle do Retablo de la avaricia, la lujuria y la muerte. Está tamén o de La corte de los milagros. E outros. Nel como en ninguén, considero eu. E non de modo menor nas columnas e colaboracións xornalísticas, por certo. Como a do outro día en ANT, “Caza grosa”. Unha razón? Collan entre as mans o conglomerado linguaxe-mundo e ollen para el movéndoo logo como un cubo de Rubik. O primeiro que a min se me ocorre cando penso en Valle ou cando penso en Bieito Iglesias, Rubik por medio, é isto e só isto: eficacia.
Logo hai outro punto en común. Os dous traducen mal. Quero dicir, os dous son complicados para a tradución.

[Bieito Iglesias na fotografia que ilustra a entrevista na edición dixital de Galicia Hoxe]

Fálase de perfopoesía na radio

17 de Febreiro de 2009


Hoxe, no Diario Cultural da Radio Galega, Anxo Quintela convocou voces para falar do que mencionamos o outro día por aquí, un festival sevillano de perfopoesía que comezou onte. E arredor del todo o resto: conceptos, prácticas, públicos, intervención, oralidades…, política.

Falan no programa Antón Reixa, Antón Lopo, María Lado e Arturo Casas sobre dub poetry, corpos, espazos, páxinas, videopoemas, danza, televisión, cantigas medievais, hibridación, industria cultural, sons, slam, usurpacións funcionais, literaturización do poético, poslírica, o privado e o público, o lecer, a imaxe, a lectura, o espectáculo, a poesía en acción, a música, a interpretación, a distorsión, vellas e novas experiencias. A montaxe na radio, espléndida.

En abril teremos en Compostela un simposio no que algo de todo isto entrará tamén en debate e análise. Un simposio da rede Poetics of Resistance, que presta moita atención á poesía en performance e á dimensión política do discurso poético. Se cadra, outro día falamos del.

[Na foto, María Lado dubida por nós]

In medias res (i)

5 de Febreiro de 2009

Alvéolos

Consideraba que o amor, ou para dicilo directamente, o erotismo, era antes que unha cuestión de atracción física unha cuestión fónica. Non de ortofonía nin nada semellante, por favor. Namoraba só, ou para dicilo directamente, notaba algo en todo o corpo agás nos xionllos, cando localizaba na voz das mulleres un punto de amarre fónico. Ás veces era a prosodia, outras a forza dos bilabiais, ou o timbre, menos veces algún asunto de morfoloxía verbal ou de campos semánticos baixo determinadas condicións de proximidade ou de efusión parótide. Porque hai quen ten usos lingüísticos completamente impredicíbeis baixo determinadas inflexións emocionais, iso sabémolo todos. Esa sorpresa, aparecendo, tiña unha forza eróxena inadiábel. De aí que fose tamén algo impetuoso cando existía esa clase de provocación, ou do que el percibía como tal. Ora que tamén podía funcionar como inhibidor sexual, o fónico-articulatorio. Había palatalizacións decisivas nese sentido. Non as aturaba. Eran como un escarapote no perineo. Tamén estaba a parte figurativa ou estritamente elocutiva, malia non ser a máis determinante. Comprobara unha vez, falando cunha loira do Ebro, o efecto fulminante da desaparición do amor, ou para dicilo directamente, dun principio inseguro de erección. El fóralle coa angulemia de lle preguntar por unha ruta entre tal e tal sitio, simple manobra de distracción cartográfica por xuntar dedos e cráneos. Poñamos que pola parte do río Cidacos, a ruta. Puro vicio. Ela contestou que había unha estrada “no excelsa pero hacible”. Foi o finiquito, malia os eles dela seren delicados na parte alveolar como nubes de abril no ceo de Verona.

[Fotografía tomada dun manual de biolingüística inaplicada]

Da Casa del Lago a Translittera

10 de Xaneiro de 2009

Sempre interesante a programación da Casa del Lago en México D.F. Chamo a atención hoxe sobre a sección Poesía en voz alta. Aí, a través do podcast, pode escoitarse a voz do poeta nuyorican Willie Perdomo e moitas outras mostras de polipoesía, accións poéticas e outras variantes do que adoito se adscribe no rótulo poesía en performance ou performance poetry, que por alá move sen tregua os marcos todos entre slam poetry, spoken word e outras variantes, moi a miúdo competitivas nalgún sentido. Si, como as vellas regueifas, as desgarradas minhotas e outros desafíos. Palabra e son apenas na PVA da Casa del Lago, nalgúns casos tamén vídeos. Desigual, atractivo.

Pediría hoxe ás fadas do Consello da Cultura que recuperasen e puxesen en liña para todos gozar delas as gravacións que alí conservan do Translittera que coordinara Rafa Xaneiro hai tres anos. O proxecto era dixitalizar as trece horas de gravacións, feitas en cinco fundacións galegas, e sacar logo un DVD. Merece un pulo definitivo a idea. Fora tamén atractiva, desigual.
[Logo do Nuyorican Poets Cafe en Nova York e cartel anunciador do Translittera (2005)]