Paulino VázquezArchive for the ‘’ Category

Deseiva do tempo

19 de Marzo de 2009


Adiei a lectura de Arcaico o tempo que respira, o último libro de poemas de Paulino Vázquez (Galaxia, 2008), por pensar na primavera. Éncheme agora os bronquios de invernía, bosques, poalla, ruína, faias, desolación. Faime lembrar a chaira interminábel de biduídos brancos na néboa que vai do lago Peipus ao Báltico, naquel século XX fenecente. A contracapa menciona, noutros termos, o que estes poemas son. A lamentación do arqueólogo moral que anota e religa o testemuño dos socalcos lidos, a escasa consistencia dos restos a se desfacer nas mans, a concesión cultural á barbarie; tamén a conciencia do corpo que apalpa a morte. Paulino Vázquez, o eu que constitúe discurso e modula métricas libres de quen oe a música das fontes, fónicas e semánticas a vontade as métricas, fabrica espirais no regreso que non cesa dese léxico da devastación, da capitulación, da relectura de Pound, tamén conservadora e relixiosa no sentido non mercantil e non xerarquizante deses termos malqueridos pola modernidade que outros conxugaron por nós. A alienación e o acabamento. Eses son os asuntos deste tratado moral no que conviven a temporalidade e o tropo medievais, a espacialidade e a arquitectura barrocas e os imaxinarios románticos e modernistas (ingleses sempre neste poeta maior entre os do seu tempo, neste poeta de obra breve). Lamentación, profecía tamén. Antes que elexía, despedida. E, sempre, a denuncia da usura, a denuncia ecolóxica e cultural da usura. Escóitese:

Arcaico o tempo que respira en arañeiras
esculpe cinza a morte, o tempo as estacións
o ocre nos muros nos que cesa a chuvia gris
como teselas dun mosaico repasadas por escamas
ásperas de arxila, onde repousa oculto
o desgaste das palabras escritas na poeira
inmemorial da morte —cinza que sobre a cinza
se derrama como as dalias sobre as escalinatas
dos pazos baleiros —arcaico xace o tempo que respira
detido como os ocres dos estanques
tallando un lique negro, nos cansados
frisos de pedra nos que se apousenta
a morte cicelada nas vellas metopas
(como xeada estiñada en arañeiras)
nas cardinas de orvallo, nos limiares
do tempo que respira larvado, inmemorial
levando a morte a cada cousa, inerte
aos acantos, ás esculpidas hedras vexetais
aos fúnebres barrocos que se consumen
na xeada, ás ramaxes funestas que coroan
acios de morte acaso —acenante o tempo
destrutor, como un destello de xade na penumbra
velado por máscaras que agoiran o presente
esvaíndose, esculpindo cinza a morte
antes de que o tempo descanse nos seus umbrais.

Hai once anos, cando recensionei para A Trabe de Ouro o libro de poemas anterior a este de Paulino Vázquez, A experiencia inglesa (edición de autor, 1998), escribín palabras que agora debería matizar nalgún sentido. Escribín que a obra poética do autor se deixaba explicar sobre a base dun sistema de coordenadas transdución anamorfose. Está previsto que leamos as escenas da dubidosa realidade ou da verídica ficción desde unha identificación postural e discursiva co que a tradición trasladou a nós sobre tal ou cal personaxe/mundo [así seguía a nota crítica n’A Trabe]. O xogo non exclúe nunca ao propio autor empírico, por suposto. El, e a súa voz, son así mesmo material anamórfico e transdutivo, pero sempre mediado e fictivizado. Mediado entre outras cousas polo que o brevísimo John Keats chamaba negative capability, interesante en canto concepto para T.S. Eliot e os seus criterios distanciadores sobre a disociación da sensibilidade. Isto supón unha cesión de espazo ao matérico das cousas, aos derrelictos cultu(r)ais que o poema incorpora, aos discursos outros, sen que nada disto se someta en fin á personalidade do poeta. O poeta está nos seus poemas, si, mais a través dunha emoción reflexiva, a través das lembranzas apócrifas que o seu imaxinario acumula como pedras romeiras dun milladoiro non tan aleatorio. Deste xeito os poemas non resultan colonizados, non nos danan coa exposición dos marcos dunha propiedade experiencial à la mode. Paulino Vázquez —eliotiano convicto e confeso— é doutra clase de poetas, a dos elusivos, a dos non-efusivos [textual na Trabe todo o anterior, que, insisto, agora matizaría].

[Capa do libro, que reproduce o cadro de Gustav Klimt Bosque de faias]