planificaciónArchive for the ‘’ Category

BGL

12 de Xuño de 2009

tollii-porta-1991

Vinte anos e corenta números, algúns deles dobres, do Boletín Galego de Literatura, un soño feito realidade por Anxo Tarrío Varela desde a súa cátedra  de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela. El mesmo lembrou hai unha semana algúns datos e eixes desta traxectoria, de gran mérito e vitalidade, na páxina semanal que escribe para Galicia Hoxe.

Non é doado subsistir vinte anos para unha empresa desta clase nos tempos que vivimos; non é doado, para empezar, se falamos da súa dimensión primaria, a do sustento orzamentario, que é o que permite manter o equilibrio e o rumbo ao longo de tanto tempo. Este é sempre un plano delicado e máis que complexo cando se trata de revistas universitarias. Tarrío soubo conducilo con discreción e talento, o que lle permitiu aplicar pautas en verdade infrecuentes no eido da publicación académica.

Alén disto, a revista soubo interpretar a finais dos pasados anos 80 algo relevante que mantén absoluta vixencia: a conveniencia dunha expansión e dunha actualización dos Estudos literarios de marca galega en dous sentidos, o dos métodos e o dos obxectos de análise e estudo. Nese sentido, Anxo Tarrío promoveu e brindou con xenerosidade e perspicacia un espazo de diálogo e convivencia para que especialistas en literatura galega compartisen páxinas con colegas especializados noutras tradicións culturais e literarias, un espazo asemade para o intercambio de perspectivas epistemolóxicas e de aplicacións metodolóxicas diversas. Segundo a el mesmo lle aprace explicar, o proxecto corresponde a unha publicación feita en Galiza sobre literatura e sobre literaturas, o cal non é o mesmo que falar dunha publicación sobre literatura galega. O Boletín acolle este campo de estudos, por suposto, pero faino sen exclusividade de atencións, segundo saben moi ben os seus lectores e lectoras. Como tampouco practica exclusividade de ningunha especie en relación cunha lectura restrinxida ou inercial do fenómeno literario. Tarrío, e este paréceme outro dato importante que fala con anxo-tarrio1claridade do seu talante como director da revista e como coordinador do grupo de colaboradores que o acompañou e acompaña no periplo, incorporou así mesmo ampliacións comparatistas e interartísticas, algunhas delas tan inusuais no ámbito académico (de noso ou de radio máis amplo) como as que se concretaron en monográficos sobre banda deseñada, as relacións entre literatura e cinema ou a literatura infantil. A este propósito, a publicación paréceme exemplar. Éo tamén noutros aspectos. Un deles, que todo lector estima, é o exquisito coidado gráfico e a de novo plural nómina artística de debuxantes, gravadores, pintores, fotógrafos… que ilustraron as sucesivas entregas do BGL. Outra faciana tamén interesante é a constituída polas páxinas de peche da publicación, dedicadas á obra literaria de narradores, poetas e dramaturgos, consagrados ou de traxectoria aínda non tan firme, a quen se convida adoito a reflexionar en voz alta sobre esa tarefa creativa súa mercé a unha modalidade complicada pero moi atractiva que chamamos poéticas de autor.

Longa vida, pois, a este proxecto fundamental! Longa vida, desexo hoxe aquí, a unha revista que para quen asina constitúe, non o vou ocultar, unha das referencias centrais e máis queridas da súa peripecia como investigador. Como tamén o é o nome do seu director, o meu profesor e mestre Anxo Tarrío Varela. No Boletín publiquei a instancias súas diferentes traballos a partir de 1991. Unhas veces recensións, noutros casos artigos, e tamén entrevistas, bibliografías e traducións. Creo que un total de dez colaboracións neste tempo xa non tan breve, incluídos dous números monográficos tan laboriosos como satisfactorios. A nova política que se está a emprender por parte do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC permitirá axiña que o Boletín Galego de Literatura e outras revistas da casa poidan consultarse libremente on line, talvez antes de que remate o ano. Unha expansión nova, da que temos que felicitarnos todos porque favorecerá un acceso universal a traballos sobre a nosa cultura e a outros moitos, escritos igualmente en lingua galega, debidos a investigadores e investigadoras de moi plural procedencia sobre literaturas alleas que, por medio de soños como este de Anxo Tarrío, son á vez e de vez nosas.

Parabéns emocionados por estes vinte anos do Boletín e beizóns por tantas e tantas horas de dedicación, caro amigo.

[Augaforte “Porta” (1991), da artista estonia Vive Tolli, publicado na monografía 2 do BGL, e fotografía recente de Anxo Tarrío Varela, tomada do xornal Galicia Hoxe]

Móvese o GAAP

29 de Maio de 2009

 

gaap-alt-2O que segue tírase da nota de presentación do GAAP, algo resumida.

O Grupo Alea de Análise Poética (GAAP) formalizou a súa constitución no mes de xaneiro de 2009. Fixa como obxectivo a dinamización da investigación sobre materia poética e sobre os propios procedementos de análise metodolóxica e de decisión sobre de qué hai que falar cando se fala de poesía. Trátase dunha tarefa entendida na súa dimensión participativa no campo literario-cultural. O GAAP aspira a intervir nese campo achegando un discurso teórico e crítico plurívoco, non cinguido a coordenadas apriorísticas e acompañado dun esforzo por documentar da mellor maneira posíbel o curso da poesía contemporánea, a que está viva e ten algunha clase de cometido e presenza na esfera pública.

Forman o GAAP dez investigadoras e investigadores que comparten o interese polo debate metodolóxico na esfera teórico-crítica e comparada pero que no marco das análises que se comprometen a activar como colectivo orientarán o labor con determinación e claridade á produción poética galega, sobre todo á propia dos séculos XX e XXI.

O concepto de produción activado polo GAAP non terá un sentido restritivo nin textualista, de modo que as atencións responderán a un programa aberto e plural que non oculta a súa ambición como tarefa crítica e intelectual, por tanto tamén cultural e conscientemente política.

 Tratarase, pois, de activar a análise sobre repertorios e prácticas, sobre medios e públicos, sobre axencialidade e identidades, sobre a institucionalización e o canon, sobre imaxes e formas, sobre disposición e performatividade. Iso e algo máis.

Inicialmente constitúen o GAAP Iris Cochón, Lorena Domínguez Mallo, Margarita García Candeira, María López Sández, Isaac Lourido, Chus Nogueira, Montse Pena, María do Cebreiro Rábade, Iria Sobrino e Arturo Casas. A serie de logotipos, entre eles o que acompaña esta anotación, débese á X. Carlos Hidalgo.

O legado de González-Millán

19 de Decembro de 2008


Hai un mes publiquei aquí mesmo unha anotación na que lembraba o sexto aniversario do pasamento de Xoán González-Millán (1951-2002) e lamentaba á desaparición de referencias á súa persoa e á súa obra en Internet. Confeso que levei unha moi agradábel e conmovedora sorpresa ao ver que en moi pouco tempo se produciu unha resposta que demostraba que os blogs son unha ferramenta útil e que o afecto e respecto por Xan seguían máis que vivos. Acumuláronse así sucesivos complementos ao post, até un total de nove, cada un deles con información recuperada ou de nova redacción, todos de interese innegábel.

Pero iso non abonda. Faise preciso dar algúns pasos máis. Pasos que teñen que orientarse nun sentido non só afectivo, pasos non limitados ao rexistro dunha personalidade irrepetíbel nas vertentes humana e académica. Debido a que a memoria e a influencia da obra de González-Millán persisten hai, no momento actual, algúns investigadores e estudosos que desexarían ver materializadas algunhas respostas. Unha delas é a puramente académica. Consiste no rescate das súas ideas como reto para a análise da realidade socio-cultural galega e como planificación dos Estudos galegos no seu conxunto. Cónstame que, mercé á implicación persoal de varios colegas coordinados por Gabriel Rei-Doval, profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee, haberá un panel de relatorios dedicados á análise do pensamento teórico-crítico de González-Millán no IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que terá lugar en xullo de 2009 coa colaboración das tres universidades do país.

Pero hai un aspecto máis que preocupa a todos. Falo agora dunha memoria física e documental, a relativa aos seus libros, aos seus arquivos, aos proxectos que fanou a morte e que resulta crucial recuperar, ordenar e poñer a disposición dos investigadores presentes e futuros. Non habería mellor servizo á memoria do Prof. González-Millán que garantir que esa recuperación é factíbel e pode materializarse nun prazo razoábel de tempo, dous ou tres anos como moito.

Para iso é imprescindíbel a xenerosidade dalgunhas persoas e a implicación das institucións públicas. É conveniente por tanto a cooperación leal entre quen herdaron lexitimamente un legado e as institucións que representan un país moderno decidido a preservar e custodiar con intelixencia e sentido do que é o servizo público uns bens que xa son de todos. O Goberno galego, institucións como o Consello da Cultura ou a Real Academia, as Universidades, os discípulos directos do profesor falecido, o Concello do Grove e a familia de González-Millán deberían procurar a opción idónea que asegure continuidade no tempo para o que de seu é un feito: a enorme vitalidade e fertilidade intelectual que atesouran os escritos de Xoán González-Millán.

[Itamar Even-Zohar escoita a intervención de Antón Figueroa no Simposio Entre o nacionalismo literario e a literatura nacional, celebrado en honor de Xoán González-Millán no Graduate Center da City University of New York o 5 de setembro de 2003]