poderArchive for the ‘’ Category

Educar a un presidente

8 de Setembro de 2009

 

celanova-casa-dos-poetasAnoto con brevidade uns apuntamentos relacionados cos acontecementos recentes de Celanova:

1) Algunhas persoas e institucións, tras unha longa fase de reflexión, tomaron a decisión de asumir as súas responsabilidades. Magnífico.

2) Algúns membros do séquito do presidente puxeron caras mentres escoitaban as “imprudencias” que Xosé R. Barreiro, presidente da Real Academia Galega, dirixía ao presidente da Xunta. Algunha prensa di que amosaban o seu malestar.

3) Algúns medios silenciaron ou ocultaron o acontecido. Outros operaron coa calculada diplopia empresarial que lles é propia. Outros magnificaron o significado do episodio. Por aquí está o combate.

4) Sobre os actos institucionais caben dúas clases de pactos tácitos. Óptase en ocasións por unha neutralización ritual do discurso (a fin de non dicir nada novo e de que todo fique en harmonización sonora). Óptase outras veces por elaborar un discurso de fundamentación incoativa: “propoñémonos facer tal cousa”. O que resulta claramente inapropiado e abusivo é empregar un acto institucional para agredir verbalmente determinadas conviccións e programas, en particular se se presupoñen abrazados por unha maioría do público presente.

5) A terceira opción foi a de Feijóo desque agarrou o temón do poder. Cunha especificidade: fíxoo en contextos moi definidos, os que teñen a ver coa política cultural e lingüística. De modo que nunha serie de actos institucionais de toma de contacto ou de celebración cívica e simbólica fixou como pauta vertebradora das súas intervencións afear en público certos compromisos, certas traxectorias, certos consensos, certas políticas. Feijóo subiuse a si mesmo, ao seu cargo, para rifar e agredir a quen lle petou, basicamente aos que non pensan como el, que en Galiza somos maioría, por certo.

6) O pasmo paralizante e irresponsábel de moitos en actos como os indicados non fixo senón incrementar a autoestima que en xeral padece de forma tan patolóxica coma irrisoria case todo individuo da especie humana que accede a cotas de poder relevantes (isto increméntase exponencialmente en casos de persoas intelectualmente capitidisminuídas e/ou hiperhormonadas, máis aínda se elas mesmas foran conscientes, nalgunha fase previa de mínima lucidez, da súa mediocridade mental e/ou moral; véxase o caso paradigmático de Aznar).

7) Educar ao príncipe posmoderno é de novo tarefa do pobo. Eu, modestamente,  estaba a consolidar entre os meus achegados a que iamos chamar “Columna Levante”, cuxo operativo principal consistiría en acudir a actos oficiais nos que se anunciase a plática de Feijóo ou do seu mariachi mediático-administrativo sobre materia cultural para, en plan bastante Gandhi, coller e erguer un a un de xeito educado e digno á mínima faltada do presidente, como nunha respectuosa procesión de caladiños, pero sen tambor nacional nin cilicio na virilla. É mágoa que Barreiro, nalgunha medida, fane a iniciativa ao activar —por fin— algo que malia todo o que se diga só as institucións son quen de activar. Ou non a fana e podemos seguir coa Columna Levante imaxinando que o exemplo cunde e que toda Galiza se ergue e se vai do salón?

8 ) Señor*s: Dignidade e forza contra a impostura! Sátira e firmeza contra a institucionalización da mendacidade e a alienación campante! Linguaxe contra o orneo! Érganse e ábranse se os insultan ou insultan ao país! Basta de contemporizar coa mediocridade, a falsificación e a angostura mental! Somos o que somos non por Marta Rivera de la Cruz nin polas levitacións de Farjas nin polas cotizacións empresariais (acolá) do conselleiro de Economía!! 

 

[Barreiro e Feijóo no acto de entrega á RAG do XXV Premio Celanova Casa dos Poetas. Fotografía de El Correo Gallego]

 

cEnsura = bOndade ou nube/fraga de tags (poema transcrito do natural)

26 de Xullo de 2009

 

 

fraga-iribarne

 

 

resistencia non máis     a censura pode ser precisa pode ser precisa precisamos máis censura máis censura censura precisamos en certas condicións a censura pode ser necesaria porque en certas condicións a situación     esixe de todos a censura e o premio pois é o pobo e só o pobo e só o pobo quen premia a situación sitúa a normalidade censura en certas circunstancias censura natural o vello di que se deixe traballar          ao amo que non é tal que precisa censura por sentido común a censura pode ser precisa a censura agora como é natural que                     a censura é precisa porque si iso é certo   coas elites e o  resistencialismo non se vai a ningures o resistencialismo resiste resístese e non permite a violencia cordial de vencelo e anular presenza o pobo ordena censura           iso é ás veces é necesaria a censura (practicada por nós) e vós debedes entendelo debedes entender que é precisa a rendición das elites como Castelao o entendeu ao falar da tradición franqueade as portas á censura da Santa Compaña porque é bo para todos e todas para todos a censura é boa para a cordialidade como é natural a censura nosa xa o estades a ver todos é harmónica e natural a censura a censura si por sentido común e el debe traballar como é natural polo pobo si polo   pobo e punto  sen máis incordio de resistencia.

 

 

 

 

 

 

 

 [Manuel Fraga Iribarne fotografado por Benito Ordóñez]

Véxase aquí unha prosificación do anterior. Calíbrese, tras vela, a inmediata influencia da Doutrina Lándoas-Kruschov sobre Cando-se-Debe e Cando-se-Non-Debe Aplaudir un discurso supostamente institucional reconvertido a ataque directo contra un(s) que está(n) no público ou, noutras variantes, a groseira declaración partidista ou mesmo a apoloxía do fascismo. De ser exacto o que relata Xornal de Galicia, só de ser escrupulosamente exacto, ben por Laxe e ben por Touriño. Agasallo para eles (allegro moderato). Deshonra para os felóns (por certo esta palabra encantáballe usala a ese señor a finais dos 80).

  

Ideario Feijóo

24 de Xullo de 2009

Día a día o Presidente Núñez Feijóo configura malgré lui un discurso propio que afecta á esfera identitaria. É evidente que esa non era unha das súas arelas vitais nin sentimentais. Faino forzado polo feito de a historia saírlle ao paso, pois a historia e os feitos non se retiran ao paso dos poderosos. Fican. E resulta que el ten que falar. E fala.

castelaoConcretei en análises anteriores algunhas notas sobre o que vai comparecendo nesas alocucións. Hoxe parece mesmo urxente abundar no asunto. Parécemo polo día no que andamos e porque Feijóo volveu falar noutro lugar de forte carga simbólica e incorreu de novo nesa práctica deshonesta de terxiversar textos e ideas alleos.

Pode crerse que para min representa un esforzo non menor dedicar tempo a isto. Non experimento ningún pracer tratando de escudriñar o que en realidade vén dicir este señor. Pois, en definitiva, desde unha perspectiva semiótica e de análise do discurso, un sabe que se dispón a falar do espectáculo de quen aspira a se (re)presentar a si mesmo como a nada, como alguén que postula a conveniencia escénica de non ser e non pensar nada, de quen hoxe se abandeira nun raro furor populista, o de  reducir a cero o respecto xa non á realidade histórica e ao presente senón ante todo á racionalidade humana. A cada paso máis preto daquela norma de Franco, facer como que un non está en política para facer política de vez.

Leo o discurso seu de hoxe en Bonaval, perante o féretro de Castelao, e teño presente de novo o texto de hai dúas semanas no Consello da Cultura. En esquema digo:

1. Feijóo aspira a promover dous ideoloxemas constitutivos de todo o sistema de coordenadas do seu “pensamento” político: un é a súa noción de liberdade, o outro é a súa noción de pobo.

2. A acepción Feijóo de liberdade incorpora como antónimo de uso o termo imposición. Mentres que a acepción Feijóo de pobo sitúa como antitética a idea de elites culturais.

3. Para Feijóo e para quen inspiren o seu discurso oficial, que talvez non sexan exactamente os seus subordinados no Gabinete, as liberdades corresponden ao pobo innominado, mentres que as imposicións corresponden ao exercicio e á intervención das elites culturais.

4. O pobo é galeguista. As elites culturais do país propenden ao nacionalismo. Galeguismo e nacionalismo han de promoverse desde o discurso do poder como concepcións antagónicas. O mesmo que pobo e elites culturais.

5. O pobo en Feijóo caracterízase, alén do anonimato, pola aceptación mansa do que sobrevén de fóra en forma de superestrato cultural ou de dominación. As elites son o Medulio, é dicir, un reduto enclaustrado que se limita a exercer a resistencia perante os ritmos naturais da historia.

6. El, Feijóo, intentará no seu mandato dous logros históricos que na súa linguaxe non pública poderían definirse como “definitiva despolitización da esfera pública” e “sometemento tras rendición, e posterior tutela, dos resistentes do Medulio”. Esa é a tarefa histórica de Feijóo. En tradución libre a unha linguaxe adulta, permítome transcribila nestoutros termos: populismo sustentado nun pacto financeiro-mediático de non agresión entre o poder institucional e os poderes efectivos ou reais e logro dunha definitiva rexionalización da nación (aténdase a un punto feble deste equilibrio inestábel: a posibilidade de que a rexionalización político-cultural levada ás súas últimas consecuencias supoña algunha clase de restrición da autonomía do poder económico e/ou mediático do país).

7. Un mecanismo que merece optimizarse é o da manipulación ou terxiversación, mesmo deconstrutiva, de mitos e símbolos identitarios, entende Feijóo. Esa é unha tarefa que el interpreta que debe afrontar directamente: incidindo nas institucións e nos lugares nalgún sentido sacralizados polas elites culturais nacionalistas ou simplemente galeguistas (se estas se excederen nalgún momento por algunha razón, mesmo desde dentro do PP).

8. No Consello da Cultura, o pasado día 9 de xullo, Feijóo golpeou até cansar no fígado identitario diso que algúns chamaron “criterio filolóxico” (algo que, serei claro, merece revisión desde un punto de vista empírico e sociolóxico, con total franqueza) e outros describiron como “filoloxización da cultura”. Veu dicir alí, en definitiva, que a cultura galega non ten por que facerse en galego. Aínda máis: que pode ser máis galego culturalmente alguén que se exprese en castelán que alguén que se exprese en galego. E aínda isto: que Valle-Inclán é máis galego que por exemplo Rodríguez Mourullo ou Guerra da Cal (por poñer nomes, xa sei que é probábel que  Feijóo non lese nada deles, de ningún deles, de ningún dos tres, quero dicir). E vaia, só por procurar un punto de encontro e animar a rebotica, até entraría un nese debate… Pero, claro, só a condición de… (isto, outro día).

9. Hoxe, no Panteón de Galegas Ilustres, Feijóo fixo outras cousas, moi na liña de usar a conveniencia propia o dito por terceiros, o discurso de outros, en especial se nel detecta algunha plusvalía simbólica. Moi na liña tamén de saírse do guión institucional e, non sei se por entender mal aquilo de se poñer á defensiva, acabar na mala educación e no vicio máximo de calquera acto retórico: ignorar por completo o sentido empático e suasorio do kairós. Malia todo o cal, tamén debe recoñecerse que pronunciou unhas certas palabras de Castelao, nada menos que da Alba de Groria de 1948 (escribo groria por non escribir gloria e evitar así irmos todos con Lancelot xusto alí en data tan sinalada como esta). Si, Feijóo falou do que na edición anotada que eu manexo Castelao enunciou comobeckett “substractum insobornable da patria galega”. Iso aparece máis ou menos así no texto que esta vez si remitiu Presidencia ou polo menos o partido aos medios de comunicación e que eu recupero sen anotación marxinal ningunha (polo de agora). Un texto co  algo aparatoso marbete de “manifesto” ao que accedín hai unhas horas polo favor dun amigo xornalista. Será posíbel iso do substractum etc.? Diríao de veras? Pois si, díxoo. Curiosamente, creo que un Touriño, por caso, nunca repetiría esas palabras de Castelao, nin na intimidade. Pero igual me equivoco.

10. Entón, que está a acontecer aquí? O que ocorre é que Feijóo usa de novo un lugar emblemático para seguir castigando o fígado identitario como unha especie de adaíl antielitista e rexionalista. Para alén das modificacións que introduciu na cita de Castelao (quen por certo atuaba ao seu público naquel 25 de xullo bonaerense, nun texto algo modificado ou normativizado na cita usada) e para alén doutras cuestións menores, o que Feijóo fixo hoxe foi deconstruír por completo a mensaxe de Castelao de 1948, que non esquezamos que era un canto á irmandade no exilio político e na emigración social ademais dunha homenaxe aos galeguistas, republicanos e en xeral demócratas asasinados desde 1936, e sobre todos eles unha homenaxe a Bóveda. De forma que Feijóo usa a Castelao, cita a Castelao, expele mesmo o que nel é un simple flatus voci (“patria galega”). E non como substractum senón como superestrato discursivo e ideolóxico, como un xogo cínico entre pastiche e cambalache para así reformular e negar o pensamento de Castelao. Como se dixo por aquí hai pouco, para espetar de novo onde máis doe. Por que? Acaso é malévolo Feijóo? Non nos precipitemos. Diso tratarase no punto 12, derradeiro de hoxe.

11. Alba de Groria foi un emotivo discurso (persoalmente, tería algo que engadir a esa valoración pero non o farei aquí) articulado, tras un moi interesante exordio, en dúas partes: unha, a final, centrábase en efecto no pobo (nese pobo reconducido a espírito e a unha aparente —en Castelao, só aparente— mansedume, que tanto chifla ao Presidente Feijóo) e outra, a inicial, referíase aos nomes propios, aos nomes históricos, ás elites… (horreur, Rueda, Varela!) encabezadas por Prisciliano e con colofón (vaia!) no nome de Valle-Inclán. Era o que Castelao chamou de modo acaso inconveniente pero acaído ao acto cívico daquel día naquel exilio “Santa Compaña inmorredoira” (polo medio, Xelmírez, Pardo de Cela, Faraldo, Rosalía e moitos máis, algún deles tamén presente a carón do lugar que ocupaba hoxe o orador). Por tanto, de novo, Feijóo furta unha parte substantiva da mensaxe e do texto: todo o que lle sobra ou estorba: as elites, os intelectuais, os ideólogos e idealistas, os que soñaron e fixeron a nación. E con que fica? Con iso que el soletrea como p-o-b-o e que Castelao chamou tamén, por conmover á xente, “a espranza celta”, “xermes incorruptibles da nosa futura hestoria” e demais.

12. Non esquivo a pregunta. É Feijóo malo? Por que nos trata así? Sabe o que fai? Como conxectura técnica, diría que Feijóo non ten nin puta idea de cara onde vai, que non se dá conta en absoluto de todo o que se está a cargar, que se sente como un Harry Potter benévolo que poñerá as cousas no seu sitio: o das liberdades e o pobo, o do pobre neno que experimenta a imposición de ter que chamar “conxunto baleiro” ao que propiamente se ve que é un “conjunto vacío”. Cada vez máis, Fraga —de novo por dar un nome—, o que Fraga Iribarne representou, esváese da súa memoria. Pouco ten que ver xa con el nin co sentido institucional de quen a estas alturas arelaba ser conserxe do Izelig1nstituto de Vilalba (e isto si que empeza a ser canalla, o de non nomealo conserxe a don Manuel e darlle a oportunidade de concluír os seus servizos ao Estado como sempre quixo) e ten que andar recibindo condecoracións do carniceiro de Guiné Ecuatorial. Pero Feijóo si ten algo na cabeza (algo, apenas algo, non extrememos os xuízos) no marco identitario e na súa planificación do que ten de ser a Galiza futura e a política cultural que a tal ideación corresponda: i) a bandeira da liberdade debe tapar a do dereito e a lei; ii) os dereitos explícitos dos cidadáns sométense a unha noción tácita, esencial, abstracta e nunca continxente do comodín liberdade; iii) en canto oio falar de cultura saco o DOG e amanso o patio; iv) todo intelectual ten un prezo (barato); v) toda cita e todo símbolo son susceptíbeis de sometemento á lei do calcetín; vi) a esfera pública pode e debe reconducirse a casino ou no peor dos casos a taberna (por aquí a andrómena do harmónico, o cordial e outras variantes que frivolizan o conflito); vii) o pobo ten a palabra e para iso se fan inquéritos e periódicos, para que a teña; viii) a identidade é dos que veñen, nós non a precisamos e limitámonos a asimilar a dos que veñen a vernos (como Kundera!, como Beckett!, como Zelig!); ix) a identidade é unha deconstrución e, como debeu dicir Píndaro e non dixo xustamente por ser elite cultural, hai que chegar a ser o que non somos, coma min e como a oposición.

Todo o anterior está a facer o seu efecto. As cartografías xa son outras, é certo. Feijóo malia non saber exactamente onde quere ir está logrando algo: un desarme, un certo decaemento, algúns actos de reacción mal calibrados e con carencias tácticas penosas. Pero os montes seguen onde estaban, incluído o Medulio e todos os significados que anden na órbita dese nome como mínimo eufónico. Reaccionemos!

 

Materiais para unha clínica da alienación

19 de Xullo de 2009

 

feijoo-con-varela

Avancemos algo na análise de onte. Sempre é importante coñecer que é o que di aquel contra quen queremos intervir dialéctica ou politicamente. E ese traballo ás veces non se fai, por desleixo ou por aborrecemento coas razóns dos demais. Esa é a motivación que, con sentido político, me leva a fornecer algunhas ferramentas retóricas con compromiso didáctico. Fágoo no arquivo que propoño para relermos o discurso do Presidente Núñez Feijóo no Consello da Cultura Galega o pasado 9 de xullo. Quen sabe se tamén para facer prácticas escolares cando chegue o tempo. Porque os cidadáns e cidadás, os maiores e os menores de idade, debemos coñecer cara a onde nos queren levar. É unha obriga civil estarmos ao tanto diso.

E a análise do discurso tamén serve para eses mesteres. Serve, por exemplo, para mostrar que un pretendido discurso sport de defensa do cosmopolitismo e de rectificación das políticas culturais de base identitaria pode ser intelectualmente vacuo e perigoso en termos sociais e políticos alén de innobre e malintencionado na utilización das citas e das fontes ou autoridades que se suxire refrendarían a posición propia, cousa que no discurso Feijóo – Varela non se dá, non se dá case nunca, como eles saben perfectamente. E non só a propósito de Villares. Tampouco existe correspondencia entre o que Milan Kundera di en Le Rideau (2005) e a oposición provincianismo – cosmopolitismo tal como é construída no discurso de Feijóo. E o curioso é que Kundera é xunto con Villares a autoridade que o Presidente habilitou como fundamento basal do discurso sobre o que el entende por cultura e identidade. Pois ben, nin o pensamento de Villares está representado só coas citas que del se toman nin Kundera di o que Feijóo semella adxudicarlle, ese estrafalario argumento segundo o cal o cosmopolitismo radica en instalarse noutra lingua e noutra cultura. Kundera nin di iso no capítulo titulado “O provincianismo dos pequenos” nin tampouco no titulado “O provincianismo dos grandes” (por que Feijóo se referiría no seu argumentario só ao sinalado no primeiro e non ao sinalado no segundo?, por que será?). E algo máis: Kundera despreza a noción e a voz Mitteleuropa, a usada por Risco, segundo pode lerse en varias das súas obras e entrevistas. De modo que esta clínica da alienación ten unha vía en paralelo, que non me parece esaxerado describir como unha clínica da terxiversación. Nada sorprendente, concedo, para quen escoitou falar a Feijóo do parque móbil da Xunta de Galicia ou da imposición lingüística do galego no noso país.

A análise do discurso serve tamén, por exemplo para elaborarmos a cartografía dos valores que o PP e o Goberno actual, e con eles todos os seus valedores financeiro-mediáticos, postulan para nós, cidadáns e contribuíntes galegos. O documento que se pode descargar aquí ten un obxectivo non tan humilde, por tanto: ver como se constrúe o discurso cultural do poder galego, cales son as súas ideas-forza, qué é o que propón. E a partir de aí, o arquivo e as anotacións pretenden levarnos á reflexión sobre os mecanismos acaídos contra esa intervención da dereita nacionalista española na esfera cultural (e insisto en algo básico que outras veces incorporei neste blog: a cultura é máis que a lingua, moito máis que a lingua; a cultura é máis que a literatura, moito máis que a literatura). Unha intervención que no plano epitelial é equivalente, en efecto, a un perezvarelismo con foulard, pero que no fondo aspira a un avance sen volta atrás nun proceso estúpido e irresponsábel de alienación e destrución cultural que nin sequera é compartido pola totalidade dos dirixentes actuais dese partido, nin moito menos polas súas bases e votantes. O seu é un proceso con operativos estratéxicos doutro tempo que xa non se usan en ningún sitio. Porque estes gobernantes, alén de cínicos e insensatos, son bastante iletrados.

Hai que paralos. Imos paralos.

 

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Feijóo no CCG, ou eloxio da alienación

18 de Xullo de 2009

goberno-galego

 

O discurso do Presidente Alberto Núñez Feijóo no acto solemne que conmemorou en Raxoi os 25 anos do Consello da Cultura Galega foi obxecto de controversia en varios lugares e moi probabelmente será lembrado no futuro como un dos momentos máis irresponsábeis do seu mandato, que desexo breve, bastante breve.

Anotarei algo: non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos. En particular en tres dimensións. A primeira é a  narrativa: cómo chegamos a ser o que somos e non outra cousa distinta. A segunda é a patética, referida á lectura emocional da nosa condición periférica en Europa. A terceira e última e a argumentativa, e aquí é onde o pensador que lle escribe o conto a Feijóo fala do provincianismo dos procesos de construción nacional (pero non de todos, claro: só dos diferentes ao lexitimado pola existencia do Estado, pois o discurso naturaliza a postulación nacional de España, fóra de  cuestión e nunca provinciana) fronte ao divino cosmopolitismo. A peza oratoria leva a quen a ature á peculiar conclusión de que os máis cosmopolitas son os grandes escritores que abrazaron para expresarse unha lingua  diferente da súa orixinal ou materna. Así, Joyce, Kafka, Beckett, Kundera (sic). O anterior non é tan exacto como poda parecer, pero ese non é o asunto hoxe. De todos modos haberá que voltar a todo isto porque considero que aí reside a mandorla conceptual do discurso de Feijóo no CCG.

Pero hai máis. Hai, por exemplo, unha inelegante, maleducada incluso, deslealdade institucional, pois todos sabemos que non se vai a unha celebración á que se nos invita co único obxectivo de augar a festa aos anfitrións. E hai de porparte unha tamén inelegante deslealdade persoal co presidente do Consello da Cultura, polo uso perverso e intelectualmente obsceno de dúas citas descontextualizadas que, resulta obvio, Ramón Villares nunca poñería ao servizo da causa argumentativo-ideolóxica defendida por quen sabía que despois del ninguén podería retrucar. E o caso é que esas dúas citas son as efectivas e reais chaves vertebradoras do discurso todo de Núñez Feijóo ese día. Ese día que foi á casa daquel seu amigo, quen alén dese dubidoso privilexio é a terceira autoridade do país segundo os protocolos oficiais sancionados pola Xunta de Galicia.

Algo máis? Abofé que si. Porque non falei aínda desa pílula de diámetro superior ao da gorxa de calquera ser humano. Voltarei a ela con detalle. Menciono só que se trata dese canto a alienación cultural na que se abandeirou no Consello da Cultura  ese señor que nos preside. Apréciase agora a grave e onerosa realidade que nos caeu enriba pola incompetencia táctica de Touriño e de Quintana e pola intromisión tamén táctica do poder financeiro-estratéxico-mediático vinculado co triángulo escaleno Iñás-Piazza di Spagna-Sabón.

Así, pois, o texto de Feijóo pasará ás máis extravagantes antoloxías sobre o revisionismo histórico, sobre a colonización e a alienación culturais, sobre os conceptos de  resistencia cultural, hibridación, aculturación…, pois este home que a min antes me parecía intelectualmente limitado ten que ter acceso a algunha esotérica e potente tradición teórica, talvez recadada nos sotos da FAES ou noutro templo do saber. Direino directamente e xa sen ironías: constitúe un inaturábel insulto á intelixencia que un licenciado universitario manexe algúns conceptos de cultura xeral como o fixo Alberto Núñez Feijóo nese lugar que o texto estatutario de noso destaca nos termos que o fai.

Cando cunha mistura de desleixo e estupefacción accedín hai unha semana aos breves apuntamentos sobre o acto recollidos en prensa —na inane, na pérfida, na lexíbel e na outra—, acudín case de inmediato ás webs institucionais da Xunta en procura do texto. Porque un pensa, fíxense vostedes, que os textos pronunciados en ocasións solemnes da índole da que aquí se comenta deberían ser de acceso público. Por simple respecto aos cidadáns e cidadás, ou aos contribuíntes, palabra esta que cada vez máis penso que hai que recuperar para a esquerda cando se fala destas cousas. E é que non todo o mundo recibe un convite insstitucional para acudir a eses actos; non todo o mundo ten acomodo na pequena e incómoda sala magna do Consello da Cultura Galega, atafegante a partir de maio e insufríbel en termos acústicos polo inconsútil fío musical que chega desde a escaleira de Xelmírez dos pulmóns dun gaiteiro (incombustíbel e artísticamente menor) ao que habería que pagar de inmediato, entre todos, o plus que lle falte para alcanzar unha pensión digna que goce rodeado dos seus.

Falando xa moi en serio, sinalo isto: os discursos dun Presidente do Goberno en ocasións da entidade institucional que aquí se comenta son os que marcan políticas, son os definitorios dun rumbo, son os que estabelecen e aclaran unha cartografía e anuncian unha forma de intervención. Este de Feijóo o día 9 de xullo de 2009 de maneira absolutamente incontestábel.

Por iso mesmo, celebrei que o Consello da Cultura decidise pendurar onte o vídeo do acto, que incorpora tamén o discurso do Presidente Feijóo entre os minutos 43 e 57. E celebrei hoxe á maña, así mesmo, que a partir dese vídeo a dirección de Galicia Hoxe decidise que os seus redactores o transcribisen (“O Presidente no CCG“) para llelo ofrecer aos lectores, o certo é que con poucas grallas ou modificacións en relación co que en efecto pronunciou Feijóo (ningunha delas substancial e case todas por simple conmiseración lingüística, se ben hai unha de signo inverso, moi ao comezo da transcrición, porque o poscolonial Feijóo non fala do Obradoiro como “meeting point” senón como “melting pot“). Antes de pasar a unha parte máis analítica do que quero contar, suxiro que lean o texto á vez que teñen á vista as imaxes. Observen as actitudes do orador, fíxense ben nos seus acenos, bastante comedidos pero con algún momento de excepción, atendan tamén á resposta do público, ao meu xuízo inapropiada se temos en conta o que alí se dixo. Claro que ese público era, como diría o Presidente Feijóo, plural; por moito que a min me pareza máis ben singular, tan singular que non creo que en ningún outro lugar do mundo reaccionase así á afrenta recibida: 14 segundos de aplausos para un torpedo dirixido á liña de flotación do buque (un segundo máis que os aplausos que seguiron á intervención de Ramón Villares).

Cansa tanto relatar isto que hoxe xa non o aturo máis. Deixo para un post doutra hora a análise do texto presidencial. Pero por se alguén se animar a estudalo déixoo aquí en pdf, con só unha mínima edición de páxina e sen modificacións sobre o publicado en GH.

Un complemento: o outro día dixen que cómpre saber quen lle escribe estas cousas disparatadas e imprudentes a Núñez Feijóo. Algo avanzamos a día de hoxe. Ese ideólogo/a non é filólogo/a. Con certeza. Diría máis: non sabe gramática. Así que podería ser ese señor que aparece na foto estreitando a man do Presidente tras a toma de posesión do Goberno. Tería lóxica, lóxica orgánica, quero dicir: porque estas materias son da súa incumbencia, da de Varela, visto o asunto desde unha perspectiva conservadora. Ou é que o conselleiro de Cultura alén de saber linguas sabe gramática?

O da gramática dise porque no discurso de Feijóo hai un momento no que se menciona que “nós” (o Nós de Risco e os demais membros da súa xeración e o nós de “nós mandamos”) é un posesivo. E… vaia, como que non. Os posesivos son eles, os señores e señoras da foto da axencia EFE que abre esta anotación. Nós somos sinxelamente persoais, como o pronome nós, e tamén un pouco ambiciosos e testáns. Apropiámonos da lingua e apropiarémonos do futuro. Ñam!

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Golpe a golpe

11 de Xullo de 2009

 

feijoo

A estratexia está definida e está servida para que a entenda todo o mundo. Procura enunciar os criterios programáticos de intervención no plano cultural e lingüístico alí onde existe un valor simbólico engadido, alí onde presupón que se concentra a sociedade civil e onde se incorporan os que representan, tamén simbolicamente, unha vontade nacional de persistencia e de pacto. Amparado neses lugares por unha posición institucional que non resulta doado contestar ou afear desde o auditorio, fai ditado da súa análise cultural e de paso insulta. Non sempre querendo —ás veces si—, insulta. En ocasións, un pode pensar que busque unha reacción, un xesto de resposta desde o público parangonábel ás célebres garrafas do día da manifestación de Galicia Bilingüe en Compostela. Será iso? Será a impagábel fotoxenia dos cristais rotos? A ira en primeira páxina dos que non aturaron a provocación? Procura iso o Presidente?

Non estou convencido do que algúns analistas promoven desde diversos espazos de opinión: a idea de que Feijóo estea a utilizar esta fase do seu goberno (a fase inicial é sempre a dos grandes xestos e a das grandes rectificacións da situación herdada) para promocionarse como alternativa pensando nun novo fracaso de Rajoy nas eleccións xerais de 2012 ou de cando sexa. Non. Alguén que accede ao poder de forma tan inopinada como correspondeu a este home non chega a proxectar esa clase de previsión tan axiña. El está aterrando. Está facendo probas. Pero na escala do país. Polo de agora abóndalle, créase. Está testando con eses discursos que non sabemos quen documenta e redacta, pero que mostran impericia, descoñecemento e soberbia moral a partes iguais, até onde aguantará a xente, até onde se soporta no país o insulto, até onde pode desarmar nesa progresiva trivialización de conceptos como liberdade, igualdade, cosmopolitismo e resistencia, nese abandeirarse na falsificación do real (imposición, inmersión, provincianismo…). Vai aos lugares simbólicos, rebaixa aos representantes das institucións culturais, mófase deles ofrecendo orzamento e deixándoos en evidencia con declaracións e fotos risíbeis destinadas a desarmar compromisos, permítese boutades coa historia dos antepasados que ningún gobernante de ningún país administraría dese xeito (proben a mudar Medulio por Numancia, sen ir máis lonxe), ergue unha delirante e ofensiva polaridade entre provincianismo e cosmopolitismo que na súa estrutura profunda significa “cultura desde a identidade e a lingua propia” vs. “cultura desde unha lingua diferente da propia”, lexisla á contra e toma con desleixo algunhas das funcións que lle corresponden como autoridade máxima do país. Para que? Resulta evidente: o programa cultural e político de Feijóo e o dos seus valedores económicos, sociais, ideolóxicos, relixiosos e mediáticos consiste, no plano que aquí estou tratando, en algo que se formula con moi poucas palabras: promover de vez a rexionalización da nación.

Por iso comezaron por onde se comezan sempre estas cousas (tanto nos movementos construtivos coma nos deconstrutivos): polo ensino. E no escenario comparece un aspecto máis, en parte novedoso. Feijóo séntese tan seguro, tras estes meses, que mesmo se comeza a permitir o luxo de prescindir dunha das armas que mellores resultados estaba a dar ás posicións aleccionadas polo Opus Dei, FAES, a catacumba neofranquista e os poderes financeiro-mediáticos locais. Falo evidentemente do cinismo. Que Feijóo necesite cada día menos dese recurso indica moito sobre a recomposición do mapa en tres meses de recuperación do poder.

Algo hai que esperar da nosa dignidade como pobo. Algo que non creo que deba vir atravesado por nada máis que a esixencia de respecto á historia e á nación, alén de á verdade dos feitos. Nada histriónico, por tanto. Nada xestual, bufo ou circense. Hai que esperar, mesmo desde a dereita que con el goberna, un exercicio discreto pero firme e permanente de dignidade. E iso debe comezar, ineludibelmente, desde arriba, desde quen ocupa postos de responsabilidade real ou simbólica. Debe comezar por non rir as grazas de quen se comporta como tirano, debe pasar por non condecoralo, por non acompañalo nin convocalo, debe seguir por non ser séquito nin claque de quen vén decidido contra nós e contra os nosos intereses. O único que limita á cultura galega é a obscena incapacidade e falta de interese dos gobernantes do país para poñerse ao seu servizo.

 

ps. Vídeo do acto de clausura dos actos conmemorativos do XXV aniversario da creación do Consello da Cultura Galega, coa intervención do Presidente Núñez Feijóo á que se fai referencia no post e tamén a de Ramón Villares e outras autoridades e persoas vinculadas coa historia do CCG. A partir dese vídeo, Galicia Hoxe recupera na edición do día de hoxe o texto lido por Feijóo (18 07 2009).

300? Só 300?

9 de Xullo de 2009

 

caravaggio4

300 anotacións con esta, seica. Había que celebralo con algo experimental, non? Así que a decisión foi por Caravaggio. El e a súa discípula Artemisia Gentileschi son dos poucos que pintan Iudit en plena faena. Outros preferiron retratala co traballo feito, mesmo con Holofernes atopado ao día seguinte polos seus servidores, descabezado; ou coa fermosa viúva abandonando o lugar do crime en medio da noite, levando na man sen excesiva prudencia a cabeza do xeneral asirio. Pero esta imaxe de Caravaggio que aparece arriba está en xerundio. E ese é xustamente o tempo político no que agora andamos. Cortando cabezas e tal! Nos medios públicos, por exemplo.

Alén diso, hai que morrer con dignidade. Sobre isto non imos facer cuestión. Pero convén lembrar aquilo do tipo dos lentes. Como era? Sangue? Cadavres? Ah, si! Non tiran ao lixo brazos de panadeiros inmigrantes… Non, non, non era así, que iso é alí pola parte de Levante. Semente? Doazón de que? Non lembro, síntoo. Ah, si! Enterran semente! Están a enterrar semente! Coitados…

 

[Caravaggio, Giuditte e Oloferne (et al., digo eu), 1599]

 

Querer, saber, poder

6 de Xullo de 2009

caja_madrid_logo

Algo se move no reparto actancial do conto que nos contan sobre as caixas de aforros. As informacións cruzadas son ás veces contraditorias, pero hai intervencións, algunhas de hoxe mesmo, que ofrecen pistas para quen pare nelas. Como sinala Antón Baamonde no seu blog, unha gramática do relato nova significaría outro país. Non hai dúbida. E outra distribución de predicados (querer, saber, poder, na semiótica de Greimas), outros suxeitos e obxectos. Léase.

 

Cortadoría

6 de Xullo de 2009

 

corta

Hai algo de patafísico, creo que non aínda plenamente de oulípico, na concepción da política por parte da nova administración galega. Algo que se asemella ás holorrimas: construcións seriais que soan igual ou case igual pero que din cousas diferentes, bastante diferentes!, totalmente diferentes!! Holorrimaren caetanamente: silabeo e fraseo detrás de todo, sport, moi sport e ponible, como xa en Alphonse Allais. A vella arte cisoria medieval. Cortar sílabas, entrecortar dediños ou mans á talibana, tallar ou reducir cabezas á moda xíbara pero cun punto de anestesia, aos poucos e sempre cun sorriso no morro. Hoxe caes ti, mañá esoutro nacho, a semana que vén tal programa, así até a capitulación final deles, desmembrados, escorrentados. E é que non hai cartos porque os bífidos activos espirriados liquidaron os orzamentos en tres meses. Repitan comigo: “li-ber-da-de”. E todo ecoa nos corredores do poder caetano: “bi-ver-da-de”. A biverdade! A biverdade bilingüe e bimembre. Ostitú! Eis a aletheia da hora nosa, mon dieu!! Como xa no cristal de Campoamor? Equilicuá, pero máis alá, máis alá, coleguiña!

Ilenia Ducombe, agora traballando en Wuppertal, no sushi-bar do Institut für Klima, remite dúas holorrimas de seu, non moi doadas de traducir ao galego, tamén é verdade. A primeira en tres movementos (explora-torio, minxi-torio, limina-torio). A segunda en só dous movementos (inspira-torio, expira-torio). Mentres a primeira composición foi lida pola hermenéutica sushi como impromptu relativo ao feito biográfico de Ilenia ser belga de orixe (e padecer en consecuencia continuas deslocalizacións laborais e identitarias), a segunda apuntaría con claridade a unha retrospectiva ludo-vitalista do turismo sexual feminino na idade madura tirando a senil, feita aquela baixo prisma decúbito supino (agosto e mar Caribe na memoire), o que xustificaría tanto a metaforización da aparataxe muscular que sobrevén ao suxeito lírico (a caniza invocada) como o punto climático terminal (interxectivo pero pos-tónico, sen perda da compostura antes mencionada). Reprodúcense xa:

  

I

 

Adú Ana?

Adúa na

aduana.

 

II

 

A idade mecaniza a doca?

Ai, dádeme caniza ad hoc [aaah!]

 

  

   

A opinión pública e o voto

22 de Xuño de 2009

 

tourino-audi-360Segundo pode verse nun post moi lúcido e clarificador de Calidonia, o Centro de Investigaciones Sociológicas vén de facer público o informe correlativo a unha enquisa feita en Galiza tras as eleccións do 1 de marzo. As datas exactas da consulta foron do 7 ao 31 dese mes de marzo. Todos os datos son relevantes e non creo que eu poida engadir nada ao anotado por Calidonia. Acaso só algún subliñado reiterativo: a diferenza de votos para a consecución do escano decisivo foi moi escasa e a batalla decidiuse nos últimos días da campaña en zonas urbanas moi específicas, xusto aquelas nas que o dominio e control da opinión pública por parte de La Voz de Galicia son absolutos. Este medio facía ostentación hai uns días desa influencia á hora de orientar o voto: un 45,6% da poboación galega prefire ese xornal para informarse segundo os datos do CIS. Os efectos da manipulación co asunto do Audi e co asunto do iate estaban ben calculados. O mesmo que o xogo dos tempos e a propia coordinación, en días consecutivos, entre a manifestación en Compostela de Galicia Bilingüe e o manifesto “Yo protesto” do editor Rey Fernández-Latorre.

Se neste blog se fai tanto fincapé nesta zona do problema político que temos enriba é por algo. Alén das percepcións persoais e das distancias éticas, insisto, é por algo. E resulta evidente que o problema nunca se solucionará se non se logra reducir como mínimo nun terzo a influencia sociocultural e política deste xornal, a súa pegada, o cal non é tarefa doada se se consideran os intereses económicos e doutro tipo que ten detrás como sustento da súa hexemonía. Un complemento ilustrativo: segundo a enquisa do CIS, o medio que segue en influencia a La Voz de Galicia sería Faro de Vigo, pero a enorme distancia, pois a porcentaxe de seguimento resulta ser neste caso de só o 16,8%, pouco máis dun terzo que a correspondente a LVG. Este dato e os complementarios, referidos a outros medios, quedan reflectidos no informe mencionado (que pode descargase aquí) do xeito que se amosa máis abaixo. Podería pensarse, e é certo, que as distancias ideolóxicas entre os medios relacionados nesta nómina son a miúdo escasas ou incluso nulas. A cuestión, aquí e en calquera outro lugar que se desexe considerar, radica como é evidente na conversión da opinión pública nun xoguete en mans de quen exerce o poder. Iso é o que permite construír a realidade. Iso é o determina tamén a percepción dos dereitos individuais e colectivos. Eis o detalle dos datos referidos á pregunta 13 da enquisa do CIS:

  

Pregunta 13ª

 

¿Y qué periódico prefiere Ud. para informarse? (Respuesta espontánea)

 

  

El País 8.6

El Mundo 2.4

ABC .6

La Razón .2

Público .4

El Correo 1.1

La Voz de Galicia 45.6

El Ideal Gallego .9

La Opinión .7

Xornal de Galicia .5

El Correo Gallego 3.5

Diario de Bergantiños .1

Diario de Pontevedra 1.8

Faro de Vigo 16.8

Atlántico .1

Diario de Arousa .1

El Progreso 4.7

La Región 5.2

Periódicos digitales .1

Periódicos económicos .1

Periódicos gratuitos 1.5

Todos .6        

Otras respuestas 1.3

N.S. .1

N.C. 3.0

 

(N) (1770)

 

  

 [Na fotografía, Touriño saíndo do célebre Audi, non sei se recordan]

  

Falou o oráculo

17 de Xuño de 2009

rbv

Invístese de autoridade técnica e de inmaculada asepsia xurídica, pero o que elabora é un discurso plenamente ideolóxico, con moi importante carga de violencia simbólica contra quen considera os seus adversarios políticos. Estes son, a día de hoxe, segundo o que el mesmo se encarga de reiterar á mínima oportunidade, todos os que non comparten un ideario conservador e radicalmente nacionalista na defensa da identidade e da esencia española, entendida esta nun sentido ahistórico e, nos seus fundamentos xurídicos, claramente preconstitucional. De modo que o noso constitucionalista está desconstitucionalizado. 

 

O seu programa é ultraconservador en cuestións sociais e políticas. Ten pleno dereito a emprender esa ruta, desde logo, e a facelo con teimosía e cegueira xurídica; ou, noutro plano, servindo os intereses que serve. Pero non ten dereito ningún a concretar un día si e outro tamén un intolerábel e perverso ideoloxema, xermolo potencial do autoritarismo máis perigoso: “Os que non pensan o que eu penso son violentos e exercen con violencia a súa intervención política”. Isto é o que Roberto Blanco Valdés di hoxe na súa columna de opinión. Iso é o que di unha e outra vez. E iso é inadmisíbel.

 

Os trucos para manter tal liña de argumentación son intelectualmente obscenos e, porén, bastante eficaces en relación co nivel medio de formación dos lectores dun xornal como La Voz de Galicia. Isto é o que a min me preocupa. O certo é que non teño interese ningún en polemizar no plano persoal con Blanco Valdés, o que me parece urxente é contribuír a parar esa maquinaria criminalizadora de todo o que se sitúe uns centímetros despois da socialdemocracia galeguista. No artigo de hoxe, por exemplo, fala de “auténtica intifada” para referirse ás moi cívicas e pacíficas accións de protesta contra a consulta a pais e nais argallada polo Goberno Núñez Feijóo. Tirou alguén aquí algunha pedra? Deixando agora á marxe o valor semántico que este home outorgue á palabra, como se atreve a falar de intifada? A min paréceme que o seu discurso si é violento, porque forza de vez a verdade e forza seguido a realidade, a que está aí fóra, na rúa, no mundo laboral, na convivencia cotiá. Iso si é tirar pedras: tiralas desde a súa posición de constitucionalista e de algo non desemellante ao rol de editorialista do xornal no que publica. Por iso falo de violencia simbólica, por equiparacións como a de hoxe, cando afirma que a normalización lingüística non é máis que “el cambio, mediante la imposición, de los hábitos lingüísticos de la sociedad”. Isto si é violencia e, alén diso, creo que constitúe unha mostra bastante pura de cinismo social. Pero o máis relevante é que converte en criminais, ou en algo moi próximo a iso, a todos os que interpretan i) que o castelán ten en Galiza unha posición de superioridade abrumadora sobre o galego na práctica totalidade dos usos institucionais e no uso lingüístico por parte de instancias dos distintos poderes actuantes na vida pública e ii) que os falantes de galego se ven a diario na obriga de facer cesión dos seus dereitos constitucionais para manteren a través desa renuncia a paz social e un mínimo de sosego persoal. 

 

Asemade, Blanco Valdés auspicia coas súas palabras a conversión en sospeitosos de non-se-sabe-que de todos os que empregan a lingua galega para estabelecer unha comunicación interpersoal ou social. O ideoloxema de base é simple: falar castelán e defender a súa hexemonía é natural, falar galego é defender a súa normalización como lingua de comunicación é político. Asociado a isto, na práctica discursiva deste columnista é relativamente usual introducir algúns termos en lingua autóctona. Un día un por aquí, outro día esoutro por acolá. Fáganme un favor: sigan eses usos e intenten detectar a súa fundamentación pragmática ou performativa. En termos menos técnicos: fíxense en que circunstancias mete algunha palabra en galego no marco da súa argumentación. Descubrirán que a norma non tan oculta é bastante sinxela e que de novo obedece un patrón ideolóxico reaccionario, promotor da subalternidade da que o vixente Estatuto define como lingua propia do país. Aí vai completamente da man co patrón Rey Fernández-Latorre e o sostén do autonoxo que pagamos cada un de nós cos nosos impostos co destino ficticio de normalizar o uso do galego nos medios de comunicación. Prevaricación e cinismo todo revolto. De novo o intolerábel asumido e aceptado por case todos. Por unha maioría, aquí si, pois nada efectivo se fai para conseguir que esa vergonza remate.

 

O furibundo nacionalista que é Roberto Blanco Valdés interpreta ademais, día si e día tamén, que en Galiza existe algo semellante a aquela maioría natural da que falaba Fraga Iribarne. E iso é tamén falso, rotundamente falso. O pobo falou o 1 de marzo, acéptese. E curiosamente para naturalistas como Fraga e como Blanco, a maioría social (real) non coincidiu exactamente coa maioría natural (suposta), porque houbos máis votos á esquerda que á dereita (poucos máis, si, pero máis), por usarmos eses termos que favorecen que nos entendamos e que, en realidade, son parte constitutiva da ficción política que, de novo con violencia simbólica incesante, publicistas como Blanco Valdés contribúen a manter activa desde posicións moi poderosas para a conformación e control da opinión e do espazo públicos (“El ojo público”, rotula sen rubor o columnista a súa colaboración, tamén aquí disfrazando de criterio o que adoita ser simple doutrina).

 

Por último, Blanco Valdés, con contumacia talvez efectista pero de novo intelectualmente reprobábel e eticamente abeirada á infamia,  insiste en considerar que toda acción política contra os seus intereses de clase ou contra as súas crenzas políticas ou académicas obedecería a unha planificación en mans dun extremismo que identifica coas siglas BNG, o cal convertiría en satélites e autómatas só aptos para a consigna a todos os que nos declaramos contra a concepción do Estado que este constitucionalista menor defende con visceralidade, falacias e vellos trucos sofísticos, un deles pensar que os que discrepamos somos minoría activa mentres que el e os seus (os seus lectores, o seu patrón, os seus correlixionarios…) son a maioría silenciosa, segundo o título da súa columna proclama hoxe. Era boa!

 

  [Roberto Blanco Valdés, columnista de La Voz de Galicia e catedrático da USC]

 

 

A mitra do escaravello

28 de Maio de 2009

manuel_vilarinho-fragmanuel_vilarinho-frag-inv

Coa anotación anterior pretendín introducir un asunto para a reflexión que me parece capital. Existen para min agora mesmo dous eixes que merecen absoluta atención nas coordenadas nas que estamos: un é o da impunidade, outro é o da eficacia da linguaxe-razón. No fondo, son o mesmo problema, desde logo. Interésame pensar nese marco a construción social dos imaxinarios e tamén outras cousas igualmente grandes. Pero neste momento interésame reflexionar sobre a entidade argumentativa da blogosfera, do blogomillo, como movemento de contributo político para o desenvolvemento dunha acción racional no espazo público. A cuestión principal pode formularse así: en que modo aprisiona a linguaxe pública a toma de conciencia sobre a realidade? Xa se sabe que noutros momentos apareceron propostas, incluso no ámbito da estética, para a activación dunha dialéctica negativa. No campo artístico isto conduciu a repensar a vellísima noción de mímese, e aí o expresionismo alcanzou metas que non se deben menosprezar. Como usar a linguaxe e a razón nas coordenadas de campo actuais (aquí, digo aquí, non penso noutro lugar agora mesmo)? Como des-figurar e des-montar o habitus cultural que conduce a entender como normal (aquí, tamén aquí) que xeracións e xeracións de cativos socialmente desprotexidos fosen material sexual funxíbel para o catolicismo irlandés, para os sacerdotes católicos irlandeses, sistematicamente ao longo do tempo, sistematicamente ao longo do tempo… e non pase nada de nada? Por que razón se reduce iso a excepcionalidade? Por que motivo se acepta como normal a permanente intromisión política da xerarquía eclesiástica católica nas estruturas de goberno e da administración, na capacidade de decisión política sobre como vivir e como morrer, tamén por tanto na realidade diaria dos cidadáns, e non pasa nada e non se cambia nada?

A ineficacia da linguaxe mimética, a ineficacia da razón, a impunidade, o secuestro das liberdades, o cinismo social, a hipocrisía institucional e a súa frivolidade mercantil diante dun corpo violado… Velaí unha axenda aberta, tamén para a blogosfera. Só algunha das súas páxinas, claro. Hai outras. E pode que máis perentorias.

Nada que facer logo? Realmente, nada que facer con só a linguaxe e a razón? Que eficacia podemos ter? Con que grao de intervención nos contentamos?

[Fotografía de Manuel Vilariño, Cruz negra, escarabajo rojo (2001). Fragmento e fragmento con inversión cromática]

Espazo sacro, danza sacra, política de deus, corpo social

28 de Maio de 2009

O Arcebispado e a praza da Quintana. Como tratar este asunto tan vello?  As idas e vindas do festivo, do teatral, da música, do sacrificial e da política entre altares e adros? Mt 21,12-17? Desde logo, e tamén o proceso medieval e a protesta dos poderes ante o exceso de ruído, os camiños de dentro a fóra do templo, entre o drama litúrxico e os moi populares misterios, entre  a festum stultorum e outras variantes xocosas e subversivas de ordes e xerarquías, nas que a xoglaría o o laico facían osmótico o espazo liminar arredor do sagrado e o mundo se puña por momentos do revés e entraba no sagrado sen saber ben a que. Asnos orneando diante do altar, nenos-bispos, a representación do salvaxe exposto á mirada civilizada e redentora da súa natureza espida… O sagrado lese nas palabras de arcebispo e deán, agora, como núcleo centrífugo que gaña de novo terreo á esfera pública e reclama algo que a min me parece relevante: a política faise dentro. Eis a cerna da intervención que insiste sempre en incorporar o institucional-público en actos litúrxicos que deberan ser privados, acolle a voz do poder sedado e domesticado e denuncia, en cambio, o canto de xoglares e bufóns vociferantes arredor do templo. Silencio aí fóra, cidadáns, o poder recóllese a orar e decidir dentro!

Abonde hoxe Martin Codax (con Manuel Vilariño):

 manuel_vilarinho

  

Eno sagrado, en Vigo,

Baylava corpo velido:

Amor ey!

 

En Vigo, no sagrado,

baylava corpo delgado:

Amor ey!

 

Baylava corpo velido,

que nunca ouver’ amigo:

Amor ey!

 

Baylava corpo delgado,

que nunca ouver’ amado:

Amor ey!

 

Que nunca ouver’ amigo,

ergas no sagrad’, en Vigo:

Amor ey!

 

Que nunca ouver’ amado,

ergas en Vigo, no sagrado:

Amor ey!

 

 

   

[Fotografía de Manuel Vilariño, Cruz negra, escarabajo rojo (2001)]

A democracia e a intervención do poder

21 de Maio de 2009

 No número 143 da revista Tempos Novos (abril 2009, pp. 30-35) apareceu unha entrevista que me fixo Belén Puñal e que ilustraron as fotografías de Tamara de la Fuente. O marco foi o dosier que a revista titulou “1-M. Estratexias políticas e mediáticas”. Agora a entrevista publícase tamén en formato dixital (TemposDixital).

tourino-e-rey-bn1A conversa foi longa e pausada. Arredor dunha hora. Talvez algúns aspectos tiven ocasión de analizalos e desenvolvelos un pouco máis polo miúdo do que aparece no texto da entrevista, pero no básico iso que se recolle é o que dixen e é tamén o que penso. O meu criterio non variou en ningún dos aspectos tratados, aínda que é certo que desde o 27 de marzo, día no que mantivemos o encontro, foron numerosas as incidencias rexistradas na política galega e no seo dos tres partidos representados no Parlamento. Como tamén na esfera estatal, coa crise de goberno que supuxo, entre outros asuntos sen tanta confluencia co tratado na entrevista, o acceso de José Blanco ao Ministerio de Fomento.

Reproduzo de seguido o texto tomado de TemposDixital:

Que significado ten para vostede o 1-M?

Aínda non hai consciencia do que significa isto. No que se refire ao proxecto nacional, o feito de que o estatuto quede aparcado ou pase a ser unha cuestión secundaria na axenda paréceme dunha gravidade extrema. Coido que os medios, especialmente os máis implicados co mundo económico, financeiro, industrial, eólico,… aprenderon moitísimo desta experiencia. Fixeron un cursiño moi acelerado, e para eles moi produtivo, sobre como manexar a opinión pública. E a opinión pública galega é moi manexábel por feblezas emocionais.

Estas eleccións situáronnos ante un mapa do voto inédito no país. Se falamos de Galicia como realidade, en que estadio coida que estamos?

É un momento moi determinado pola situación económica internacional, de expectativa, de indefinición industrial, cunha cantidade de postos de traballo no aire extraordinaria. No terreo político, Galicia unha vez máis opta pola subsidiariedade, pola subordinación. Polo que Fraga chamaría “facerlle un servizo a España”. Por non ter axenda propia. E iso é nefasto.

Aínda non está Galicia madura para un proxecto propio?

Non me convence esa expresión. A cuestión non é esa, senón de liberdades. Admitimos e fomentamos unha hipoteca das liberdades públicas, e o Goberno bipartito non fixo nada para cambiar a situación. Estamos permanentemente condicionados a que opinen por nós os medios e as empresas, a que non exista unha boa articulación da opinión pública, a que non haxa debate público, a que se criminalicen determinadas posicións políticas. Blanco Valdés está permanentemente identificando independentismo e terrorismo, e paréceme inadmisíbel. O bipartito fixo bastante ben a xestión, pero a min non me chegou un discurso político no sentido nobre que ten a política de construír realidades e discurso. Descreo de que iso se deba a unha falta de conexión entre dúas sensibilidades políticas. Están afastados nos discursos públicos, pero non tanto no resto de cuestións, e nese sentido falta política.

E se falamos de Galicia como proxecto, cara a onde debemos ir?

Hai unha palabra básica, que define os momentos fundamentais da historia de Galicia. É “dignidade”. Nas eleccións, houbo unha renuncia clara á dignidade, no sentido de saber dar resposta aos infundios, á irrupción do poder con maiúsculas, de deixarse enganar por cantos de sereas de ínfimo nivel. Da mesma maneira que o Prestige serviu para reactivar as vitaminas de moita xente, agora hai un movemento en marcha coma reacción á manipulación política que debería tamén render resultados, non só electorais, senón tamén sociais e culturais. Galicia ten que recuperar a dignidade cultural e política, e iso só se fai falando en pé de igualdade co poder.

Cales son as dificultades, internas e externas, para un proxecto baseado na liberdade e na dignidade?

Autoconvencernos da nosa identidade nacional e establecer cal sería o noso papel no escenario histórico que se abre para o Estado español. Se goberna o partido que goberna, a nosa aproximación tenderá a ser ao modelo Murcia. Se gobernan as alternativas, e se nos convencemos de que a única alternativa ao goberno pasa por un bo entendemento e unha boa xestión da colaboración a partir dos concellos e deputacións e do que se teña, a partir de aí eu creo que haberá que decidir entre o modelo Murcia e o modelo Cataluña.

Por que o discurso de Galicia Bilingüe arramplou con todo o que se consideraba politicamente correcto dende hai vinte anos?

Por unha banda, ter dotado a Galicia Bilingüe dun estatuto de interlocución no debate público retroalimentou as súas forzas, e iso é algo ao que todos contribuímos nalgunha medida. E por outra, teño a impresión de que Galicia Bilingüe talvez non tiña unha programación tan exacta do que ía acontecer no futuro, canto aos seus propios contactos e pactos, como o que finalmente o propio proceso activou. Creo que algunhas persoas tiñan bastante calculados os movementos, e Galicia Bilingüe foi un peón relevante nese proceso. As últimas semanas, que corresponden á campaña electoral, estiveron moi pautadas por unha serie de movementos mediáticos. E iso só se resolve ben, coa precisión coa que se fixo, se hai técnicos e cálculos demoscópicos moi finos detrás.

Movementos pautados mesmo até na propia xornada de reflexión…

Absolutamente. E isto é algo que non se debe esquecer. De feito, estamos vendo que nestas últimas semanas a actuación de Touriño responde a unha especie de toma de terra. Parece que todo o seu carácter, que nunca antes saíra, o sacou despois das eleccións. Isto obedece tamén a outros condicionantes, basicamente á soberbia política e a unha certeza de que as cousas estaban consolidadas, cando obviamente non o estaban. O reparto da dereita e da chamada esquerda, no país, está moi equilibrado. Hai que ser moi conscientes de que os últimos días son moi importantes, non tanto polo que digan os políticos –é un discurso ao que non se lle presta maior atención pública–, como polos movementos mediáticos.

Coida que iso de que a prensa é o cuarto poder quizais nunca quedou tan claro en Galicia como agora?

Claro. Por falar de La Voz de Galicia, a prima donna deste concerto, todos temos máis ou menos na memoria momentos anteriores da súa traxectoria. Todos sabemos que puido representar a dirección de Pillado no seu momento ou a toma de posición con Augusto Assía en relación cos pactos do mundo sindical. Moito máis fresco temos o primeiro momento en relación co Prestige e todos tamén, a pouco que nos fixemos, temos capacidade de análise para saber cales son as circunstancias e os operativos que fan variar a suposta posición editorial de La Voz de Galicia.

Cales son para vostede esas circunstancias?

O reparto eólico foi o factor fundamental, a aspiración a que se reformule ese reparto, e a que determinadas opcións non recibisen a súa parte da torta. Pero hai outro factor, a aparición en escena do partido de Rosa Díez, de Unión Progreso y Democracia (UPyD). Non son analista para determinar a que condicionantes corresponde esa extraordinaria emerxencia dunha forza política que chega a alcanzar os 25.000 votantes practicamente sen traballar nin coñecer o terreo, a través da fulguración mediática de Savater ou Díez. Estou convencido de que ten apoios importantes no mundo empresarial e político galego, se cadra como factor de recambio. O meu razoamento é que algunhas figuras da política galega coma Francisco Vázquez non son alleas a ese movemento de fichas.

Falaba no seu blog do entrismo, como esa actitude de certos conformadores de opinión, en aparencia de esquerda ou centro esquerda, que á hora da verdade acaban servindo estratexias conservadoras…

Iso foi unha broma da linguaxe trosquista.

Por que ese pudor a manifestarse abertamente nunha liña explicitamente conservadora, tanto de La Voz como doutros medios e sectores intelectuais?

La Voz de Galicia é no país o xornal único para moita xente que non necesita facer un esforzo de matización dentro do abano político. Ademais non ten competidores no outro lado do campo, e polo tanto aspiran a que sexa un xornal que lea todo o mundo, e aparentemente neutro. Tamén é o xornal das esquelas a día de hoxe. É un medio que a xente, sobre todo certos lectores, manexa apenas para a información local directa, ou pouco máis. Como proxecto histórico perdeu o rumbo. Alén diso, o seu nivel de autoesixencia profesional está en mínimos.

Pero tamén hai certos intelectuais que están nesa liña. ac1

O que nos xogabamos estas eleccións era moitísimo e nese sentido eu non podo entender que haxa colaboradores simplemente galeguistas –non vou dicir nacionalistas–, ou que se sitúan na esquerda, que nunca digan nada en relación coas posicións públicas de carácter político que toma o medio no que eles están intervindo. Paréceme un acto de covardía.

Entrando en responsabilidades concretas, cales son as de Touriño e Quintana?

Absolutas. Aí non hai matices, son os responsábeis do que pasou e cargarán toda a vida cunha responsabilidade política por este erro colosal que cometeron. Porque ademais toda a súa estratexia, todo o pacto de goberno e todo o que se tivo que aguantar desde posicións máis ou menos de esquerdas, foi sobre a base de que este era o inicio, e polo tanto, tiña que facerse ao ralentí. Ese ralentí levou a que o camiño que se quería andar fose moito menor do previsto, e a partir de aí, foi un fracaso colosal, de cálculo, ritmos, discursos…, que está a ter un efecto pertubador extraordinario para o futuro.

Sendo como foron as marxes de esquerda e dereita tan pequenas, a perda dunha parte do seu electorado de esquerdas foi especialmente grave para o bipartito…

Si, sen dúbida, e moitas veces por cuestión simbólicas. Outro erro moi grave da fase final do proceso foi que a presidenta do Parlamento acudise a un acto relixioso como o que supón a translación dos restos do apóstolo Santiago o 30 de decembro. Ela representa o poder popular. Non pode participar nesa teatralización lexitimadora que equipara poder civil e poder relixioso, en diálogo público, cun representante dunha institución político-relixiosa. Fíxese: iso ten unha forza desmoralizadora extraordinaria.

Que cuestións cre vostede que frustraron máis as bases sociais críticas nestes anos de xestión do bipartito?

No PSdeG-PSOE decepcionou moito, ao comezo, que Touriño confiase en exceso en tecnócratas, en xente de perfil político limitado, para o labor de goberno, opción que evidentemente respondía a una estratexia política. Esa percepción das bases trasladouse despois ao conxunto da sociedade, porque a parte socialista do goberno demostrou de maneira fidedigna carecer de discurso político. No campo do nacionalismo, o problema fundamental das bases foi de ritmos, de non aceptar que o ritmo non puidese incrementarse.

Mais ás bases tamén lles custou aceptar determinadas políticas realizadas dende o goberno. Talvez así o amosa a baixada do BNG en Ferrol, onde puido ser clave a oposición a Reganosa…

En Ferrol hai outra cuestión que cómpre ter en conta, a aparición de Terra Galega. Case todos os votos de Terra Galega, uns 18.000, están en Ferrolterra. A morneza en relación con fenómenos como Reganosa seguramente pasou factura. Tamén entendo que as bases do BNG probabelmente nunca chegaron a entender se compensaba facer tanto esforzo eólico para quedarse cunha porción que aproximadamente era a metade da inicialmente considerada polo propio BNG como innegociábel. A xente percibe talvez un exceso de protagonismo do BNG en cuestións simbólicas pero vaiamos a cuestións orzamentarias e vexamos a descompensación que se produciu entre o simbólico e o económico.

O PP mantén unha gran forza social. Onde radica?

O PP non ten inimigos naturais de suficiente tamaño no campo mediático e ademais sabe que calquera pequeno fallo que cometa a esquerda será sobredimensionado. O PP vive cómodo e relaxado na súa biosfera. Os predadores, no medio que habita e controla, non lle fan maior pupa. Nese sentido presupoño que o blogomillo pode constituírse en catalizador: ten moito que facer nos anos vindeiros, e para iso eu coido que ten unha capacidade grande de convocatoria, de mobilización, de facer ruído e chegar a máis capas sociais.

Unha das grandes perdas da esquerda estivo no voto mozo e urbano. Ponnos ante un mapa sociolóxico novo?

Hai que ter en conta unha vez máis a situación económica. Iso supón que a xente que accede ao voto nunha situación de inestabilidade, de falta de seguridade, etc. pense nas alternativas.

Por onde coida que debe ir a procura de novos líderes tanto no PSdeG-PSOE como no BNG?

O grave da situación actual é que existe unha percepción moi xeneralizada de provisionalidade nas decisións que se tomen nos vindeiros meses. E iso en termos políticos é nefasto, sempre se acaba pagando un prezo.

Dáse por suposto que existen tapados…

Planea a idea de provisionalidade, á espera da aterraxe dalgunha gran figura, e cando falamos de gran figura en relación co PSOE todo o mundo sabe a quen me refiro. Iso pasaría por unha adxudicación inicial da carteira de Obras Públicas a José Blanco. No BNG non hai ese referente externo, esas plataformas mediáticas, sociais e culturais que pode proporcionar a televisión do Estado, e todo se ten que cociñar doutra maneira. Creo que se están dando movementos en falso, que se están equivocando por todas partes, coido que aínda non se sabe quen será o líder nin que líder se necesita. Ningún dos que até este momento se mencionaron ten a forza que puido ter no seu día Quintana. E para ir para atrás realmente non sei se fai falta moverse.

Son compatíbeis as culturas políticas do PSdeG-PSOE e do BNG?

Non só non son incompatíbeis, senón que teñen puntos de converxencia moi marcados e hai que darse conta de que o futuro necesariamente pasa por aí. Non hai outra alternativa, non hai ningunha posibilidade de maioría absoluta para ningunha destas dúas forzas políticas no curto prazo

No BNG fálase da necesidade urxente de refundar a organización…

É unha evidencia.

O debate xira arredor da posibilidade tanto de conformarse en partido como de centrar a solución no volver a conectar cos movementos sociais. Para vostede, cal é a vía?

Non o sei. O tempo histórico do frontismo entendido como o entende a UPG pasou. Porén, estamos nun tempo histórico no que abrochan as converxencias de plataformas distintas con sensibilidades parciais. Aí entramos no debate un pouco habermasiano arredor de se a multiplificación de perspectivas e de forzas na esquerda non é un acto de servizo á dereita, que creo que en certa medida si o é. Parcializar a intervención a partir de claves como o compromiso ecolóxico, de xénero, reparto da riqueza, colaboración cos países en desenvolvemento…, nunha multiplicación de perspectivas, compromete a existencia dun discurso único de reacción contra a dereita. E a dereita ten un discurso único, tívoo sempre. Observe a xestión que fai do que lle digo a Igrexa católica. Aí está o paradigma.

Pasa entón o futuro do BNG pola renuncia ao frontismo?

Non sei se o futuro do Bloque debería pasar pola renuncia ao frontismo. Dende logo ten que pasar pola renuncia ao frontismo entendido nun sentido estalinista, no sentido tutelar do calibre do control que exerce a UPG, como unha especie de referente case moral tras de cada acto, de cada elección, de cada nome Pero iso significa renunciar a outro tipo de construción de plataformas plurais? Non. Agora, deixar unha plataforma plural para pasar a ser outro tipo de plataforma plural é un acto político de extrema indefinición e perigoso para a propia cohesión do Bloque, e aí nace a posibilidade da escisión, o que para min en termos simplemente políticos non sería unha desgraza.

Ao PP veulle ben que existira UPyD… Nese sentido, cre que ao BNG lle viría ben que aparecese un partido á súa esquerda?

Non lle viría ben, pero é certo que hai moita xente que está á esquerda do BNG en termos económicos e de políticas sociais, e sobre todo nun sentido que poderiamos chamar ético, de non aceptación de tutelas e de autoridades pre-políticas.

Para vostede non sería dramática esa posibilidade?

Non. Incluso podería axudar a que se reperfilasen nalgún sentido as posicións editoriais dos medios. A tutela da UPG é a día de hoxe o motivo fundamental que poden ter persoas situadas no espectro do centro para non botar BNG. Non sei o que podería pasar se aparecese unha forza política que aglutinase sensibilidades de esquerdas e que soubese prescindir de calquera tutelaxe. Dende logo estou seguro de que a primeira vista á dereita iso encantaríalle. A min, dígoo con claridade, ese reparto non me parecería unha situación tan vantaxosa para a dereita no medio prazo. Non o contemplo como algo apocalíptico.

Canto tempo lle queda a Galicia Bilingüe?

Está claro que o movemento Galicia Bilingüe será fagocitado de inmediato por parte do PP e dos medios que o apoiaron porque a súa persistencia sería un elemento de desequilibrio extraordinario para un goberno da dereita. Canto ao discurso de Galicia Bilingüe, se se exerce en sentido programático tal e como eles o declararon, e se o sacamos do ámbito da educación e o levamos ao xurídico, sanitario, etc., creo que moitos asinaríamos esa opción. Garántame vostede que vou ter un xuíz e procuradores que me van permitir intervir en galego a todas horas e en calquera lugar. Garántame que a administración central do Estado me vai atender en galego se quero. Claro, iso está fundamentado no cinismo: unha cousa é o que se di e outra é o que se quere. O PP fixo un programa no que defendía algo que en realidade non quería. O que quere é outra cousa moi elemental, que é a que quere tamén La Voz de Galicia e Santiago Rey Fernández Latorre: laminar por completo a cultura galega se non pasa polo aro da docilidade e a subordinación.

Na cultura xógase unha parte importante do espectro ideolóxico. Fálase de que, no novo goberno, Cultura será unha consellería única xunto con Educación e Política Lingüística…

Non me fai falta coñecer onde vai estar Cultura para saber o que quere facer coa cultura galega a xente do PP. Coñezo ben a traxectoria de Pérez Varela, sei o que significou, sei que iso é o antónimo absoluto do que eu chamo dignidade, e por tanto creo que é iso do que temos que estar pendentes.

Coida vostede que o decreto do galego será finalmente derrogado?

Non se atreverán. Creo que saben que se fan iso terían para a totalidade da lexislatura aí o talón de Aquiles. E saben que a capacidade de mobilización da Galicia actual por razóns simbólicas deste calibre é extraordinario.

Como están as forzas dos movementos sociais galegos?

Temos un bo estado físico e anímico no ámbito cultural e social. A capacidade que ten o mundo cultural e o mundo social de mover as máquinas é moita, e aí hai moito que facer, e se vai facer, máis aló de xestos. Unha chamada de atención ao mundo cultural para min sería romper coa simple satisfacción que pode dar facer un xesto puntual e despois esvaecerse nese ronsel de autocompracencia. O blogomillo e o mundo das ciberturbas, os novos medios, xogarán un papel importante, primeiro para desenmascarar todo o que pasou nos últimos meses, e a partir de aí para a intervención permanente, no día a día, e facer que o goberno do PP non o teña fácil.

Estas eleccións foron síntoma ou consecuencia?

Foron consecuencia, e foron consecuencia dunha intervención directa e brutal do mundo económico, financeiro e mediático na realidade política do país. Os galegos e as galegas temos que comprometernos con nós mesmos a tomar nota, a non esquecelo nunca e a saber quen é cadaquén.

   [Na fotografía superior Emilio Pérez Touriño e Santiago Rey Fernández-Latorre nunha fotografía de arquivo que reproduce Tempos Novos na anteportada do dosier indicado. Na outra fotografía, de Tamara de la Fuente, o entrevistado no seu lugar de traballo]

 

Rotring

4 de Maio de 2009


Hoxe, procurando entre vellas carpetas, atopei unha azul que dicía PROSAS. Nela están algúns contos (primeiros 80), o comezo dunha novela (anos 70), materiais diversos e algúns debuxos que fixen cuns Rotring que merquei a finais dos anos 70 e que aínda teño porque me resulta difícil desfacerme de nada. Aparece mesmo na parte posterior da caixa de cartón tamén conservada isto: “Oferta ‘Promoción Escolar’ Limitada 1.600 Ptas”. Boto contas e decido que iso naquel tempo era unha fortuna importante. Podía equivaler á metade da parte que un estudante universitario paga hoxe por compartir piso con outros compañeiros/as. Divertíame debuxar naquel tempo. Agora ollo para estas dúas cuartillas e véñense á memoria moitos fíos: a mesa naquel terceiro de Santiago de Chile, as protestas contra as axencias inmobiliarias pola carestía dos pisos, as amizades idas… Ollo para os debuxos e sei que pouco diso entra neles. Fago hermenéutica do propio. Intento saber daquela hora, marzo e abril de 1980 polo que está anotado ao pé doutros debuxos da serie. Intento recoñecerme no trazo. Logo atendo o voo nervoso dunha lavandeira no patio. Nunca antes as vira aí. Onte, xantando en Cecebre, falamos das moitas que había na estrada na que xogabamos. Era agosto.

[Restos]

Coincidencias?

14 de Abril de 2009

Mágoa que coincidan no tempo a II Semana de Poesía Salvaxe, que ten lugar en Ferrol estes días, e o II Simposio Poéticas de Resistencia, que ten lugar en Compostela e arrinca mañá con algúns actos previos ao debate máis académico. Ou quizais sexa signo de algo esa coincidencia, pois ambos eventos recollen actitudes nalgún sentido converxentes sobre a renovación da poesía e (quizais máis importante) do concepto e da percepción pública da poesía nas sociedades deste tempo noso.

A poesía xa non pode ser reducida a espazos conceptuais marcados polo vello suxeito (masculino, etc.) hiperestésico. Tampouco non a simple eufonía moral ou a música de fondo con sintaxe ben composta. Moito menos, e un segue a escoitalo, a trasunto sublime de non sei que tensión espiritual. Algo novo abrocha desde hai moito tempo xa. A poesía pode ser todo o que se vén de indicar tamén, claro. Pero é iso e moitísimo máis ca iso. Igual que a política é algo máis que Feijóo falando no Hórrreo nun debate de investidura. E o caso é que o que sinalo non dá chegado nin á xente nin a unha boa parte dos que explican á xente estas cousas.

[Cartaz da semana ferrolá dedicada á poesía salvaxe, asunto ao que presta atención o blog Grøenlandia, que medio compromete cos seus seguidores/as formalizar unha crónica do que alí ocorra. Como lectores de Carlos Santiago, e dos demais participantes no evento, desde aquí facemos votos porque ese compromiso se desenvolva con detalle. Sobre o simposio compostelán apareceu xa unha crónica en Praza das Letras. Recolle ademais interesantes declaracións de Iris Cochón, unha das organizadoras do encontro]

Que é Poéticas de Resistencia?

31 de Marzo de 2009

Poéticas de Resistencia é unha rede internacional de investigadores e produtores literarios e culturais de Europa, América Latina e Estados Unidos. A rede atópase en fase de constitución mediante encontros e debates centrados xustamente na especificidade das nocións de resistencia e de intervención artístico/cultural. Asúmese de xeito normal a procesualidade desas discusións e acéptase a idea de que os encontros serven para reflexionar en voz alta e en marcha. Cun compromiso crítico e tamén de debate teórico e metodolóxico.

Como se activa a produción artística, literaria, cultural… no momento histórico presente? En que modo a intervención cultural estabelece hoxe relacións de interdependencia con dinámicas sociais, políticas e económicas? Cal é a a marxe de manobra para lograr desestabilizar a axenda política e económica do neoliberalismo, para resistir e vencer a hexemonía exercida e abrirmos paso ao cambio histórico? En que medida son efectivas as poéticas de resistencia? En que modo se vinculan resistencia e poder?

A primeira reunión celebrouse hai agora un ano na Universidade de Leeds, organizada por Ben Bollig e Cornelia Gräbner. Acudira daquela á cidade inglesa unha representación galega, analistas e poetas, relativamente nutrida. Os días 16 e 17 de abril terá lugar na Universidade de Santiago de Compostela unha segunda reunión. Esta páxina web informa sobre programación e actividades do II Simposio Poéticas de Resistencia.

[Colaxe de Xosé Luís Mosquera Camba que ilustra cartaces e web do simposio. O texto tómase parcialmente do texto de presentación da reunión de Leeds]

Teatro proício 3

18 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas etc.

Momento central
19,40 h. da xornada electoral referida. O mesmo espazo cúbico do momento inicial, envolto agora nunha luz como de placenta asnal, amarelecente por tanto. O público, que na parte anterior non chegou nunca a gozar dunha posición axeitada nin cómoda para seguir a obra, por rodear en O a alta mesa camilla central na parte baixa do escenario, na mellor tradición Fluxus 70s, pasa agora a situarse nun lugar que para algunhas sensibilidades podería parecer de privilexio, por canto supón ascender no cubo e colocarse na superficie cenital do mesmo, en toda a súa extensión. Orabén, sería discutíbel tal condición de privilexio. De feito, unha parte dos espectadores nega a colaboración e abandona a sala de San Marcos (dez ou quince destes son reclamados polo seu nome e dni por unha furgoneta azul con megáfono exterior que rube a cen a costa vindo de San Lázaro: last-minute carrexo?, desgraza familiar?, ignórase). Outros fican na sala, pero deambulan abaixo, como nunha circunferencia ou espiral circunscrita á mesa camilla, facendo roda, se cadra maledicente, ao xeito de groundlings non plenamente decididos a quedarse. O caso é que un sector moi amplo do público accede á proposta da Directora de Escena e ocupa o lugar cenital mencionado, aparentemente de privilexio, segundo xa se dixo nesta didascalia. A pega, motivadora da sedición parcial, é que esa posición pública pasa a ocuparse por suspensión corporal. Con efecto, cada espectador/a aparece pendurado/a dos nocellos a xeito de Pipistrellus pipistrellus, isto é, como unha pequena colonia de morcegos ananos (arredor de cento once, cento trece individuos). Perigo de caída non hai ningún, razón pola que incluso acceden, os pipistrelos humanoides, a que os tremoístas lles aten os pulsos nas costas. Por se acaso algo pasar, portan, iso si, sostido nas manciñas á altura do óso sacro, cadanseu pequeno abano de Manila a xeito de penuxe caudal. Reitérase que o perigo é limitado para os individuos da colonia, por canto desde a posición cenital até os cabos de groso aceiro que sosteñen o jacuzzi hai non máis de tres metros de distancia. Malo sería que en caso de caída os pipistrelos non puidesen reaccionar e alcanzaren con algunha parte do corpo un deses cabos. É máis, a dirección de escena (isto non se dixera até agora), como medida precautoria invisíbel estendeu xa no momento inicial unha ampla malla metálica 9 x 7, un metro por baixo dos cabos de aceiro, de modo que nin o tipo do jacuzzi nin o cátedro en manguites do monociclo circense pasaron nunca perigo ningún como frontispicio distópico da farsa. Aliás…, aliás nada. Abonda! Só unha outra consideración. O público contempla agora o jacuzzi (envolto durante o momento central nunca especie de arielita que o protexe dos elementos e do guano quiróptero), o teléfono glauco e a mesa camilla en picado cenital. Para evitar seren cegados pola brillante epiderme craneal do Académico, levan todos lentes de sol. Os groundlings fican aló embaixo/enriba nunha anamorfose que para os morcegos máis centrados podería describirse así: hai un planeta central cun tipo dentro, logo, atrás, como nunha eclipse hai un satélite con protuberancias periféricas (a mesa de autopsias) e, ao fondo, móvense corpos astrais, meteoritos, lixo espacial. Fosbury salta agora para eles dun xeito epifánico e como sen mérito: por baixo do listón. Tres ou catro pipistrelos son incontinentes emocionais e vendo esas imaxes ceden a unha ouriñaxe secuencial, ampliada a vontade e segundo o grao de perversión individual a todo o momento central da peza. A fluencia minxitoria deslizándose corpo arriba até faciana ou guedella (segundo constitución e idade dos incontinentes) e logo caendo en mélica pingada sobre o tapete azul da mesa camilla fai que acorde da sesta o Intelectual Morto, quen declama como recén chegado de ultratumba “Oye, patria, mi micción!” en castelán do que en tempos fora arrabalde da Gaiteira (con caída de velar implosiva). Os obreiros do porto exterior voltaron ao traballo. Do coito tectónico colexiado e da epéntese de iodo nas praias sobrevoadas de Bens, Malpica, Gures, Corrubedo e A Lanzada —Eros polítropo, Chibo raptor, voo nupcial de sesta plurilingüe e multiorgásmica— naceu, en acelerado portento biolóxico, un bebé multicontinental, multirracial e polifónico que medra dous anos por minuto e sorprende en primeiro lugar á nai que o krew, unha fermosa muller de Carnota que ha lembrar á Cecilia d’O Castro – Sargadelos, serie 1984, entre exipcíaca e atlántica, poderosa. É unha nena a criatura. Póñenlle Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada Wyspianski Paredes Mbengue da Silva Paruhum Ledo (en adiante, Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada). Desempeñará un papel relevante no momento final da auto-farsa. Seguen no escenario os personaxes do momento inicial, pero incorporáronse tamén Galicia Milindres, o Sistema Literario e a Inocencia Pública. A medida que avanza o momento central aparecen outros personaxes, segundo se irá vendo.

TI > [Nefroloxicamente húmido/a] Xa estamos!

A INTELECTUAL DESMARCADA > [Baixo o paraugas negro] Mexan por nós e dicimos que chove [Riso breve].

A INOCENCIA PÚBLICA > [Simultaneamente. Baixo o paraugas verde] Nunca choveu que non escampase!

GALICIA MILINDRES > [Simultaneamente. Paraugas amarelo] ¡Llueve sobre mojado! Co Patrón non pasaban estas cousas. [Riso].

O SISTEMA LITERARIO > [Ton empírico malia reflexivo] Ben sei que non me corresponde a min dicilo, porque eu non valoro, eu constato. O meu é ver e calar, nunca exercer a crítica. [Pausa]. Ben o sei, pero hoxe… se calo rebento. O caso é que a esta peza se lle vai toda a forza dramática pola boca teatral. Moito espectáculo, moita pantalla, moita danza quieta e pouco drama. Que se fixo do diálogo? Da tradición moral-sacramental e dos seus repertoremas que se fixo? Pero sobre todo, quen paga isto? Non me dirán que todo é unha montaxe de don Arengas.

O ACADÉMICO > Oiga, un respecto!

O SISTEMA LITERARIO > [Con retranca pouco sistémica] Home, falou a institución… Non foi sen tempo, señor. Aínda que un esperaba outra actitude e outra gallardía da(s) súa(s) parte(s), e non llo digo só a título persoal.

O INTELECTUAL INTEGRADO > [Paraugas vermello. Vaticinante] Meu deus…! Aquí aínda vai pasar algo.

A POLITOLOXÍA ILUSTRADA > [Incorporándose ao xuntoiro] Que quen paga isto? Eis a única cuestión de peso que se pronunciou arredor desta mesa desque comezou a comedia.
LÁNDOAS > [Emerxe outravolta para recuperar o fío metateatral. Ti volves brincar na cadeira, diante da túa computadora] Non é comedia, que é farsa sacramental. [Dío silabeando, e xunta sen querer, ridiculamente, o -sa de farsa co sa- de sacramental: far – sasa – cra -men -tal] Fóra do cal, ten razón o Sistema. Aquí non hai drama, señores, non hai dialéctica. E a culpa é, claro está, da Directora. [Tusidos reiterados, de discrepancia]. Se me deixasen a min só, verían vostedes o que era a forza dramática. Pero ela non. Ela [pedante] deturpa o dialóxico. Todos acabamos sendo como bonecos de ideas fixas sobre o escenario, sen tensión interior, sen conflito íntimo nin na conciencia, nin no peito, nin nas éngoas. Claro, á señora Directora [retintín e espavento esaxerado] interésalle o efecto teatral, a interacción escénica, o sampler, a luminotecnia sen emoción, a suxestión pop, o ruxe-ruxe coral e o salto de altura repetido e repetido. [Berra] Sen paixón ningunha! Traizoa a tradición!

A DIRECTORA > [Desde abaixo, que para o público é arriba] Vostede a calar, langrán! Isto non é Marat-Sade, por moito que haxa un tipo na bañeira escribindo unha redacción de tema libre. Aquí o autor non pinta nada. E, ademais, vostede nin autor é. É per-so-na-xe, como o tipo do jacuzzi, outro bobo con ínfulas de ira-do-pobo, igual que vostede, só que con pasta e cínico, con moitísima pasta e moi cínico. Así que deixe de presentarse aquí como o factótum do couso, señor Weiss. Ou queda só en vinculeiro de Rubia Barcia e o tres-en-uno ferreteiro? [Aceno frívolo-burlesco de medio corpo para arriba mentres mo di. Logo dá media volta e farfalla algo, coido que isto]: Tal para cal, maragato e medio! [Acciona o sampler agora e repite, distorsionándoo, o discurso de Lándoas, ou sexa, o meu. Repíteo varias veces… Risada longa da Directora, aplaudida por unha das gavelas de ñáñaras peripatéticos que non dá decidido se fica no teatro ou marcha de tazas. Queda ecoando a miña frase distorsionada no sampler “Ela deeeeeeeeeeeturpaodialóxico”, “Ela detuuuuuuuuuuuuurpa odialóxico”, “Ela deturpa turpa turpa turpa…”].

LÁNDOAS > [Aparte] Heina sacar no meu blogue á tipa!

GALICIA MILINDRES > [Almibarada e algo prima donna, simula dar unha coitelada pero non perde o sorriso histórico] Ay, yo me pido el papel de Carlota Corday. [O tipo do jacuzzi altérase e váiselle un borrancho na redacción. O seu auxiliar, atento a todo, acude solícito no monociclo cunha restra de folios limpos. Entra na arielita e deita unha presada de sales de baño por toda a parte. Algo desa caspa olímpica cae na mesa camilla, segundo xa se dixo, tamén sobre Galicia Milindres, que nese momento declara:] Tráioche os nomes, Marat!

O CORO QUIRÓPTERO > [Máis de cen voces, unísonas] Gloria a deus nas alturas! [Neste momento soa o teléfono glauco e comezan a moverse as aspas do aeroxenerador, lentamente de principio, sen efectos perceptíbeis sobre a sala durante os primeiros cinco minutos alén do bambeo que empezan a experimentar os colgados. Continúa a chuva de caspa e auga de jacuzzi]. Eses paraugas! Non se ve nada!!!

A INOCENCIA PÚBLICA > [Dramática de vez] E lo? Somos personaxes todos? Eu tamén? As nadas reptantes tamén? [Olla para o chan] Esqueceuse de nós a Natureza? [Pausa] Quen carafio manda aquí?

O TIPO DO JACUZZI > [Próelle o lombo e usa unha rascadoira vermella. Olla reiteradamente cara a abaixo mentres o fai. Finalmente berra, molesto pero engolado] A ver se calan a boca aí abaixo. [Pausa e subidón de clase despois, entre quixotesco e cínico, entre Señor Vences e Laudamuco] Chamo aos corazóns nobres, como fan adoito os grandes medios en momentos centrais da vida como este que representamos no gran mercado do mundo. Eu teño por norma cumprir coa miña responsabilidade: rañala, mollar os pés, gardar a roupa, compor esquelas e facer de BT. [Sube desde a mesa camilla neste momento unha minestra de murmurios e comentarios. Pausa. O ton agora pasa a ser de tenente coronel] Calen, coño! Van dar o resultado das enquisas a pé de urna!

A SOBERBIA POLÍTICA > Pois mira ti! Como se iso tiver algún interese para nós. [Pausa] Pan comido.

A INOCENCIA PÚBLICA > BT? [Tose].

O ACADÉMICO > [Burlón] Si, BT. Claro que BT.

GALICIA MILINDRES > BT, banda transportadora, correa de transmisión, mulleriña. Faino como dios ahí onde lo ve. No le sé cómo, pero hasta autobuses del Ebro mobilizaron os que pagan para la movida nuestra en la precampaña. Que ben saíu todo! Que contenta quedou Rosa! E Paco nin lle conto! [Risada].

O TIPO DO JACUZZI > Silencio, Milindres!

[Cae un quiróptero polo exceso de acaneo eólico. Era o máis próximo ao muíño. Mentres descende, intenta alzar o voo, ou como pouco pairar a media altura, mediante un movemento compulsivo e mecánico da penuxe caudal administrada pola equipa de tremoia-atrezo. Non o consegue. Sesenta e tantos anos, elegante, baixote, discreto na caída, diríase mesmo que digno. Da súa boca non se oe unha palabra de queixa ou medo. Ruído apreciábel no impacto, que é dobre: primeiro nunha beira da malla e logo, tras rebotar nela e subir momentaneamente como medio metro (instante que dá azos caudais ao pipistrelo), nunha beira do escenario. Este último ruído é menos metálico, máis serio. Cae xusto a carón dun grupo de casulos metamórficos. Fica quieto no chan, como morto].

CASULO METAMÓRFICO > [Voz profetizante, como de xornalista deportivo despois de rematado un partido] Víase vir.

A INOCENCIA PÚBLICA > Pobre pipistrelo!

O INTELECTUAL INTEGRADO > Dioloteñanagloria!

[Óese aquí de novo a risada longa de Medela, que vén súbita desde Lobeira sobre serras e vales. Dial radiofónico a procurar emisora. Radio Voz, RNE, COPE, Radio Galega… Sinais horarios das 20 h. Anuncio de inquéritos. Montaxe: sete minutos de cortes. O público empeza a amosar incomodidade cervical e problemas respiratorios. Toses compulsivas, como entre dous movementos dunha sinfonía de Sibelius. Por certo, soa de fondo, moi baixa, Finlandia, op. 26: andante sostenuto, allegro moderato, allegro, nove minutos longos (por tanto dous máis que os cortes informativos). Proxéctase asemade na pantalla do fondo unha entrevista televisiva a Th.W. Adorno, en alemán con subtítulos en finlandés, na que se desprestixia a música de Sibelius. Unha dama do público en posición quiróptera recita de memoria, parte inicial en francés e parte final en portugués, o capítulo “A estética tradicional como irreconciliábel coa arte actual”, da Teoría estética (1970) do francfortiano. Tamén lle leva sete minutos. As toses aumentan en especial en dous momentos: cando menciona A colonia penitenciaria de Kafka e cando se fala dos risos en Final de partida de Beckett. A dama recitadora, extraordinariamente delgada e móbil na corrente eólica, viste unha saia gris longa que lle cubre o rosto. De non ser pola arquitectura obtusa dos xeonllos semellaría unha lámpada parlante de deseño milanés. Sábese aproximadamente quen é, ou onde está, apenas polas liñas de miradas cruzadas entre o conxunto dos espectadores pendurados. Segundo vai dicir as derradeiras palabras do capítulo, cae tamén por efecto da lufada, cae como unha folla lenta de ameneiro, como nunha danza irónica de Palucca durante os bombardeos de Dresde. Mentres descende até o escenario, allea a toda xesticulación, declama: “se é que alguma vez pôde chegar de outra forma].

O CORO DE MORCEGOS > [Máis de cen voces, pero dúas menos que antes, ao unísono] Sáquennos de aquí!! Imos morrer todos, como nunha peli de Bruce Willis furioso!!

SANTA MADRE > [De mitra e incensario, con acólitos como recén saídos dunha sesión de terapia electro-convulsiva. O vento zoa mil zoares] Pipistrelos de pouca fe! Deus apreta pero nunca afoga. Estes dous que caeron fixérono por todos nós, nun sacrificio nobilísimo que os conduce á vida eterna. O vento é fonte de vida, é alento divino, plusvalía de isobaras. Confiade no Altísimo para que as xunte co seu debuxo preciso sobre cuíñas e castros, sobre cabos e esteiros, desde o Courel a Compostela con dixitación perfecta de megawatios de amor. Pai, Noso Señor, fai que o nordés sexa nordés na Capelada e o suroeste entre aurífero nas rías e lucre mesmo os vales agochados. [Caen seis ou sete máis. O tipo do jacuzzi abandona a oblea a todo correr, tapando cu e sexo con senllos suplementos culturais que tiña alí apartados. Coa sección “Letras No Ficción” dun deles oculta a parte dianteira e coa sección “Letras en Galego” doutro suplemento fai o propio co zafanario. Fica pois a arielita deshabitada. A auga conxunta de jacuzzi e chuva cae a eito sobre a mesa camilla e desátase unha certa desorde anímico-política. Os tertulianos todos, incluída a Politoloxía Ilustrada e unha recén chegada Mentira que non abre a boca, suben á mesa porque as cadeiras tamén foron caendo. Usan pastecas e poleas para recuperar caídos. Compoñen un grupo que finalmente remeda o tableau danzante do Géricault na Balsa da Medusa, como unha patera camilla, pero non se sabe a quen fan sinais cos panos]. Confiade no Altísimo, fillos! Confiade na magnanimidade do seu aloumiño ventoso. Vaiamos todos xuntos da man en comuñón: comunidades de montes, poderes públicos, asociacións de viciños, banca e caixas de aforros, parafarmacias e multinacionais da enerxía, cooperativistas e construtores, xornalistas e quiosqueiros, pensionistas e ecoloxistas, dentistas e burócratas, bipartito e dióceses, moinantes e intelectuais. O vento é de todos e todos somos vento, todos somos Igrexa! [Caen tres máis. Logo dous. A mitra vai boa que voou. Collérona os operarios do porto exterior. Un caboverdiano que coidaba de Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada intenta calzarlle a mitra, por protexer á nena, pero o bebé é xa de obra de vinte anos e o perímetro craneal seu supera o do arcebispo. O caboverdiano tira coa mitra. Dous gatos chutados de Penamoa fan disputa por ela no momento en que na pantalla do escenario coagula un sorriso que xa non val un pataco. O gato sen mitra cruza o escenario e fabula para si: “República e independencia ou nada”].

A INOCENCIA PÚBLICA > [Arriba, na mesa, caendo da burra e movendo un pano en dirección oeste, o que fai que emerxa un peito redondo e materno por baixo da blusa rota] Weiss, que nolo conte todo Weiss!

CORO DE CASULOS > [No chan, case afogando en metade da tormenta] Tarde piaches!

[Riso pánico de Medela, agora desde a Praza do Azougue de Betanzos. Tras parolar cos restos de Andrade o Boo, en San Francisco, avanzan ambos en dirección ao Lastras. Un gato cunha mitra suxa pasa fulgurante entre os peronés enfraquecidos do conde eumés no momento en que se dispuña a subir os chanzos da taberna. O ruído da osada contra helmo e loriga conmove ás vellas que fan fiada sen fío pé da fonte. O riso de Medela dura e faise nesa altura pancreático, carnal. Inopinadamente, o Azougue énchese de xente, tras a porta do Lastras pecharse ao mundo. De xente que accede desde oito rúas ou ruelas que alí embocan. En silencio, con cadanseu móbil na man. Veñen de Xinzo e de Viveiro, de Zas e de Baiona, do Barco e da Fonsagrada, de Melide e de Melón. Son unha ciberturba e ninguén sabe de donos].

[Mentres, no espazo cúbico envolto nunha luz como de placenta ovina, cae o jacuzzi. Caen doce pipistrelos máis. Cae a malla. Quen negaría que aquí remate o momento medio do auto sacramental intitulado Fin de Lándoas?]

[Na fotografía, morcegos da Galitzia ucraína profunda, doutra clase distinta. Este texto é un perpetuum mobile. Modifícase sen previo aviso e reformúlase sen pausa. Continuará?]

Teatro proício 2

16 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas (2 x 1: Auto sacramental, Farsa inmóbil)
Momento inicial
Espazo cúbico envolto nunha luz placentaria —como de placenta vacuna— que lembra o lugar predestinado para unha rotativa nunca instalada dun xornal-soño, capaz que chegado das ucronías dun exilio estraño. No centro dese espazo érguese unha mesa camilla cun número de cadeiras non doado de precisar; talvez sete, oito. As cadeiras son altas e teñen un mecanismo de izado para os ocupantes. A luz proxéctase neste momento inicial até dous terzos da altura do espazo cúbico, non desde o nivel inferior do escenario senón desde o que correspondería a un terzo da altura total que acabará por descubrirse segundo se desenvolva o auto. Por tanto, iluminarase de partida só o terzo central do volume (considerado en vertical). Como pano de fondo hai unha pantalla sobre a que intermitentemente se proxectarán as imaxes do salto de Dick Fosbury en México 1968 (récord olímpico, 2,24 m). Á dereita da pantalla e algo adiantada, calcúlese unha gran columna branca que a ausencia de luz corte a media altura, algo por riba do nivel alcanzado pola mesa camilla. Esta ten un diámetro de cinco metros, con outros catro metros de alto, de modo que as persoas que sentan arredor dese cilindro con tapete azul ceo están relativamente distantes unhas das outras, nalgún sentido abducidas e aqueloutradas, se ben trasladan en todo momento impresión de perfecto acomodo á situación. Sobre a mesa hai catro grandes paraugas pousados. A medida que a acción arranque, a luz placentaria ampliará a zona iluminada cunha progresión dun metro por minuto (50 cms para arriba e outros 50 para abaixo medidos na vertical da columna), até ocupar o volume completo do espazo bauhaus descrito. Devagar, iso permitirá descubrir unha cuadrilla de operarios á esquerda e a existencia de seres —ou nadas— reptantes no escenario, por toda a parte, envoltos como nun casulo metamórfico (parte do público?, animais disecados en vida?, políticos cesantes?). Os primeiros fuman e constrúen un porto exterior. Á dereita, a columna branca vai desvelándose progresivamente como aeroxenerador, parte improbábel, acaso apenas simbólica, dun parque eólico, porque o certo é que a carón del non hai outro muíño máis senón unha especie de escultura pública de cerámica mediterránea, asemellada ás que identifican os paseos coruñeses e con distinción estética de marca opus-vazquista: trátase de dúas enormes mans de tres metros de alto, sen código claro, xuntas polos pulsos e con habitus receptivo, indiscutibelmente obra de Lladró. A medida que a luz descenda irá véndose que o aeroxenerador é eixe dunha escaleira exterior de caracol que lembrará a montaxe do Macbeth pensada por E.G. Craig en 1906. Cando a luz ascenda por completo, non aínda no momento inicial, descubrirá arriba un jacuzzi sostido por dous grosos cabos de aceiro. Un individuo de idade indeterminada chapuca ás veces nel, os pés por fóra. Ao tempo semellará redactar ou corrixir algo, como concentrado na gramática. Haberá un teléfono ao seu carón. Un teléfono glauco que ocupará medio metro cúbico e estará suspenso dun cabo vertical, xusto á altura do ventre do écrivant. Un empregado deste, con manguites de linotipista e barrete académico, vai e vén en monociclo funambulario polo tirante de aceiro que sae cara a esquerda da pantalla desta computadora (a túa) e que vai dar a un obelisco (esquerda). Detense ás veces a facerlle a pedicura ao tipo do jacuzzi ou deita sales de baño que acaban caendo como caspa olímpica sobre escenario e público. Neses momentos o empregado sorrí e anota nunha libreta series de Fibonacci, a súa oculta paixón. Máis adiante, cando o do jacuzzi se mova na bañeira e o aeroxenerador medio tapado por bambolinas abanee o aire do escenario (e da sala toda), é probábel que a bañeira comece a oscilar como un bambán, de dentro a fóra do écran (do teu, internauta). Entón desvelarase que os cabos de aceiro que sosteñen o jacuzzi conectan o aeroxenerador e o obelisco, de parte a parte do escenario. Algo de auga eólica caerá sobre a mesa camilla e nese momento os personaxes que nela aparezan (en xeral, intelectuais e grupos escultóricos afíns) abrirán os paraugas para non mollarse. O público, arredor da mesa de braseiro, móllase algo. Ti, desde logo, tamén. Un curmán teu que traballa na Xunta pásache unha toalla. Agora. Porque algo chapuca xa o tipo do jacuzzi, oculto nas sombras superiores. O obxecto de exaltación neste auto semella ser plural (mesa, jacuzzi, información, enerxía…), se ben o tipo do jacuzzi ocupa unha centralidade escénica irrefutábel, reforzada máis adiante cando fique enmarcada a bañeira nun obxecto esférico acristalado, perceptíbel por tanto desde calquera ángulo de visión como circular e brancuxento. Exacto, como unha oblea.

TI > Ostia! Que me mollo!

AS VOCES DE TRES SEÑORAS DA LIMPEZA CON CADANSÚA FREGONA INDUSTRIAL > O seco molla e o mollado seca. Deitemos o alento no caldeiro impuro!

A VOZ DA DIRECTORA > Veña, veña, rapaces! Asegurádeo ben.

[As Tres Señoras da Limpeza e a Directora permanecen nas sombras inferiores. A última diríxese dando voces a un grupo de tremoístas dividido entre a parte de abaixo e a zona iluminada. Tres tremoístas —os únicos visíbeis— sosteñen cordas desde o tapete da mesa. Izan un corpo inerte. É o do intelectual morto]

A VOZ DO INTELECTUAL MORTO > A modo! Aínda me habedes mancar!

[Do pescozo do corpo inerte pende un cubo-urna dourado que escintila no ar ao tempo que se procede ao izado: contén o capital simbólico do finado]

OS TREMOÍSTAS DA MESA > Iso é. Quietiño aí.

[Colocan o corpo inerte nunha cadeira da dereita. O cubo-urna co capital simbólico (C-UCS) fica sobre a mesa. Os tremoístas descenden logo en cadansúa tirolina. Mentres o fan, ábrese o C-UCS como se fose unha caixiña de música. Soa Negra Sombra en versión sinfónica. O defunto pecha o cubo-caixa cun manotazo torpe. Silencio posterior. Ao longo do momento inicial do auto a caixa abrirase de novo dúas veces máis e o defunto sempre procederá do mesmo xeito, con violencia crecente no xesto]
O ACADÉMICO > Non che hai nada como estar morto para que recoñezan os méritos dun. Fixo vostede como deus finando. Fágame caso.

[Dillo ao Intelectual Morto mentres ascende ao sitial de seu tras accionar un mecanismo na cadeira. Asemade, brune a calva cun longo pano branco movido enerxicamente de lado a lado, ao xeito dos limpabotas]

CORO DE OPERARIOS DO PORTO EXTERIOR (COPE) > [Canta] Bailaches, Carolina? Bailei, yes I do. Tell me con quen bailaches. Bailei en Xanadu.

[O coro de operarios canta na parte esquerda do escenario, escura aínda. Divídense en dous grupos: nativos e inmigrantes (eslavos, peruanos, subsaharianos, caboverdianos e sobre todo indonesios, que usan como koiné un inglés estraño mesturado con galego, portugués e castelán estraños, inopinadamente tamén francés). Comparten miserias e piollos, fraternalmente, como en Charenton. Os galegos enuncian os heptasílabos impares. Os estranxeiros, os pares. Repiten tres veces e rin. Pausa de dous minutos e ruído a seguir de mazas e maquinaria lixeira, que non cesará até que se indique expresamente. O coro emprega a partir de aquí dicción recitativa, interveña por partes ou por xunto]
VOCES DO SECTOR NATIVO DO COPE > Así e todo, manda carallo! O día das eleccións, a festa da democracia, domingo… e nós aquí currando como parias.
VOCES DO SECTOR MULTICULTURAL DO COPE > What’s wrong? Fiesta! Se resides, decides. Se decides, la cagas. If you work, you get money. Fiesta na rúa! Festival of democracy!! Défécation politique! Trabalho e carro para toda a gente!! Auto e moças!! [Escachan a rir]
TODOS OS DO CORO > [Acenan entre lascivos, escatolóxicos e lúdicos, pero non se ve] Assim, assim! Bailei en Xanadu!! Bailei en Xanadu!!

LÁNDOAS > [Elemento emerxente sorpresivo. Fai un aparte só para ti, alucando por tras da pantalla da computadora como un cíclope de Odilon Redon] Este texto é un perpetuum mobile.
TI > [Sobresaltándote] Ostia, que susto!
O ACADÉMICO > [Non se entera do anterior, que acontece noutra dimensión do espazo-tempo. Non se entera de nada, de case nada. En realidade, non se sabe se se entera, probabelmente si se entera. Diríxese ao Intelectual Morto. Entre tanto acceden a cadansúa cadeira outros dous personaxes] Daquela que? Xa votou?
O INTELECTUAL MORTO > [Levísimo aceno de monicaco. Voz fraca, como desafiuzada] E logo non! Os mortos somos sempre os primeiros en votar. Mantemos o elo sagrado entre a historia que foi e a historia que é. Eis a nosa misión.
O INTELECTUAL INTEGRADO > [Xa incorporado á súa cadeira] Así é… Así é, meu señor.
A INTELECTUAL DESMARCADA > Pois eu desta non voto. Pensei votar inútil, pero ao final decidín que nin iso. Non fun e non vou.
O ACADÉMICO > [Lustrando de novo parietais e mesmo frontal, cambiando xa de dirección e alcanzando case a altura do occipital] Mala decisión, neniña. [Logo olla cara a abaixo: a luz foi medrando, pero aínda non se chega a ver nada novo, só máis espazo, nin seres nin nadas, que diría Gómez]
A INTELECTUAL DESMARCADA > Bótelle un fieito!
O INTELECTUAL INTEGRADO > Miña dona, miña dona, un pouquiño de respecto. [Diríxese logo ao Intelectual Morto] E vostede non ten frío, así espido?
O INTELECTUAL MORTO > [Cachazudo] Pois mire, voulle dicir unha cousa: desque acabei de apodrecer, case van alá cinco anos, teño unha caste de insensibilidade para o frío. O calor élle outra cousa, xaora! No panteón pásanse putas de verán, disimulando a expresión.
[Segundo o Intelectual Morto anda a expoñer a súa razón a luz alcanza por fin a parte baixa do jacuzzi e ilumina, abaixo, os movementos da cuadrilla de operarios do porto exterior. Algunha maza que sube e recibe a luz. O Intelectual Integrado olla para estes últimos con mirada experta. Os outros tres alzan a vista sobre as súas cabezas e contemplan o ventre negro do jacuzzi como quen albisca a proximidade dunha treboada. Cesa o ruído de obras nese momento. Simultaneamente, sube o volume da locución que describe o salto iterativo de Fosbury. A luz alaranxea e do ventre do jacuzzi emanan estreliñas e potencias neobarrocas. Óese ladrar xalundes, pero de súpeto todo o orbe é ladrido. O Monte do Gozo abre nesa altura en dous, como nun parto telúrico. Ecoa nel a risada dionisíaca de Medela. Un minuto, dous. Fosbury salta e salta conseguindo o ouro olímpico n veces. Un individuo avanza entre o público correndo. Leva unha pértiga. Con ela efectúa un chimpo prodixioso e tras unha vistosa cabriola con caracol aéreo encaixa nádegas e coxas con precisión suíza nunha das cadeiras libres. Nin se despeitea co salto. É a Soberbia Política. Segundo acomoda o corpo e repasa as caras arredor da mesa, inquire:]
A SOBERBIA POLÍTICA > E lo, aínda non chegaron a Mentira, a Tutela Democrática e o Libre Mercado Enerxético? E a Inocencia Pública… non arrimou hoxe ao cenáculo? Pero se nen sequera están aquí a Politoloxía Ilustrada e o Sistema Literario! Nin a Santa Madre!! Señores, nin a Santa Madre!!! Pero que vexo? Nin Galicia Milindres chegou ao patio!! Mi ma…! Cacho parladoiro de pousafoles imos ter. Cacho exaltación con sordina! Catro intelectuais e o pobo embaixo.
A RISADA DIONISÍACA DE MEDELA E DO FUSO NEGRO > [Estéreo longínquo: fff] Ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha haa haaaa!!! Touporroutou!!!
O ESPECTRO DA PROXECCIÓN EXTERIOR DE GALIZA > [Pé da mesa, en cadeira de rodas e con manta de cadros sobre as pernas, capitidisminuído] Soan tremoias! Ouh, mísero de min no Mundo. Presinto a morte do nasciturus que son ou fun.
[A Soberbia Política non se decata de que arriba da súa cabeza, como a dous metros ou algo máis, hai un jacuzzi. Sorpresivamente cae algo de auga, non moita, e os tres Intelectuais e o Académico pillan, espilidos, cadanseu paraugas. A Soberbia Política reacciona tarde e non consegue ningún. Móllase]
CORO COPE EMBAIXO > [Trasunto de vulgo malia saberse “saber”. Circulan arredor da mesa camilla e entre o público, que tamén a rodea en metonimia de corpo social-electoral. Todos se mollan aló embaixo, un sitio popular e infame para contemplar a obra] Assim, assim… bailei en Xanadu, bailei en Xanadu.
[Hora da sesta comunal. Algunhas espectadoras idosas e non tanto fan rolda carnal co subcoro de subsaharianos, que retoma o retrouso-consigna “Auto e moças para a gente!”. Óese unha voz algo rouca de vicetiple, vindo acaso de dentro da faldra da mesa camilla: “Aquí xógome a i-alma” . Cega logo a luz laranxa como nun orgasmo tectónico, exponencial: converxen as razas todas do porto exterior no salgado sorbo marítimo, cunnilingüe, de herbas do país, paso previo á unión carnal das nacións proletarias coa Terra (coa Nosa Terra). Nesa altura, en prolepse de dezaseis días, a pantalla na que saía Fosbury recolle imaxes de Ratzinger aterrando en Yaundé. Levou a África a boa nova: o uso do condón coadxuva á propagación da SIDA, polo que é preferíbel non usalo. O preferíbel é, engade, non usar o corpo, esquecelo. Iso declara o Papa branco ao continente negro. Aumenta asemade, con todo, o ritmo obreiro das razas baixo a carpa lúbrica e alegórica. A Nosa Terra treme enteira con epicentro en Triacastela. O grao na escala Richter é 3,9]
[Este texto é un perpetuum mobile. Modifícase sen previo aviso e reformúlase sen pausa. No se recibe duelo. Non se opta a nada. Continuará?]

Canal 6 de Julio

11 de Marzo de 2009


Moi necesario o traballo do Canal 6 de Julio, fundado en 1988 por Carlos Mendoza, fillo por certo dun exiliado ourensán. Coñezo algún dos documentais desta produtora mexicana polo contacto que manteño con Mario Viveros, correalizador de Zapatistas: Crónica de una rebelión (2004) e Romper el cerco (2006), entre outras producións. Para conmemorar os vinte anos do proxecto, Mendoza preparou o volume Canal 6 de Julio: La guerrilla fílmica. Comunicación alternativa, documental y autogestión, con colaboracións diversas e en verdade interesantes, que inclúen o recoñecemento de alguén con tanta influencia na sociedade mexicana como Carlos Monsiváis. El mesmo, Granados Chapa e outros colaboradores do volume prestan atención especial á persecución destas producións por parte dun poder ansioso non só por impedir o acceso aos circuítos públicos das imaxes senón mesmo pola súa anulación material. O coordinador comenta nas páxinas iniciais do que presenta como unha especie de autobiografía do proxecto que a publicación intenta aclarar tres cuestións: en que medida resulta sostíbel a produción independente e autoxestionada nun país como México, cal é o modus operandi no día a día do grupo de documentalistas e cal é a incidencia efectiva do acoso e da censura sobre o que eles pretenden construír. Destaco unhas palabras de Cuauhtémoc Esquivel sobre o que representa este proxecto:

El Canal 6 de Julio se ha convertido en un doble emblema que, por una parte, recuerda un suceso político repetido durante múltiples ocasiones en nuestro país: el fraude electoral (sea pasado o reciente) y, por otra, señala el fraude en lo político, el fraude en lo social, el fraude en lo económico, el fraude en lo mediático, el fraude en lo moral, destacado por una digna visión que posee uno de los archivos, o quizá el archivo de imágenes más importante de la historia política del país, y que pésele a quien le pese, merece una felicitación tras sus veinte años de largo trabajo y esfuerzo.

O libro será presentado, xunto cunha das producións do Canal 6 de Julio, dentro de pouco máis dun mes en Compostela por Mario Viveros.

[Capa do volume que conmemora os vinte anos de traxectoria do Canal 6 de Julio]

inPOSTados (7): ontoloxía mediática

3 de Marzo de 2009

PROBA DE FILOSOFÍA
TEXTO A
En la penúltima conversación que sostuvimos —un tanto tensa para ser entre dos viejos conocidos y tener como testigos a personas tan agradables como Manolo Ameijeiras y Javier Losada— le dije a Emilio Pérez Touriño, al hilo de sus negativas actuaciones sobre Xornal de Galicia, algo así como lo siguiente:
—Emilio, yo ya te hablaba cordialmente cuando no eras nada, sigo haciéndolo ahora que estás en la gloria y lo seguiré haciendo cuando no seas nadie. Otros, que ahora te dan instrucciones, ni siquiera te recibían cuando no eras nadie, y seguramente volverán a hacer lo mismo cuando no seas nada“.
TEXTO B
Así, aínda cando o ser non fose o soporte de ningunha cualidade diferenciada, a nada sería loxicamente posterior, xa que supón ao ser para negalo, dado que a cualidade irredutíbel do non sobreengádese a esa masa indiferenciada de ser para liberala. Isto significa non só que hai que se negar a poñer no mesmo plano ser e non ser, senón tamén que temos que precavernos contra a idea de poñer a nada como un abismo orixinario do que surxiría o ser“.
Cuestións para a autoavaliación
1. Le atentamente os textos anteriores e intenta distinguir, polo ritmo da prosa, cal deles corresponde a Jean-Paul Sartre (O ser e a nada: Ensaio de ontoloxía fenomenolóxica, 1943) e cal outro corresponde a José Luis Gómez (“Emilio ya se nos había ido…“, 2009).
2. Cal destes dous pensadores consideras que reflicte mellor a idea de angustia existencial?
3. Redacta catro liñas sobre a fatuidade do ser. Non redactes ningunha sobre a fatuidade da nada.
4. Subliña, se o atopares, algún fragmento que remita ao que na lección sobre a Ética Nicomáquea de Aristóteles estudamos como andreía ou valentía.
5. A partir dun dos dous textos, o que che pareza máis acaído, correlaciona se podes a tríade conceptual haecceitas (Scoto), privacidade (Arendt) e prurito anal (Freud).
[Sartre]

Fantasmagorías

16 de Febreiro de 2009

Que boa é esta imaxe de Jaureguizar na Ronda da Muralla! Esa lectura súa da metaplasia posmoderna! Pero, en fin, ía falar doutra cousa, aínda que tamén desa, claro. Ía falar de fantasmagorías. E para iso Hamlet é perfecto. Logo ocorre que na vida ocorren estas cousas das coincidencias, que tanto interesaron aos surrealistas. Por exemplo, o mércores pasado acudín á presentación do acordo Google – Galaxia e alí coincidín con moitos amigos. Fomos algúns despois do acto tomar unha cervexa e acabamos nun lugar ao que non estaba previsto acudir. Foi curioso xa ese dato. Pasando ao carón do Monroy, en Fonseca, comentei que alí escoitara eu un discurso de Arias Navarro que en 1976, tras morrer Franco, quería enlazar con aqueloutro famoso do espírito do 12 de febreiro. Espírito, diso ía eu falar aquí. Espíritos e pantasmas. Pasaron como 33 anos daquela noite no Monroy. E pasaban 35 anos xusto esa noite en relación co 12 de febreiro de 1974 e eu non era consciente exactamente dese paso entre tantos febreiros. O feito é que entre os contertulios da cervexa a carón do Monroy estaba Xesús Constela, o autor de Shakespeare destilado. Con el fomos tamén Marilar Aleixandre, Anxos Sumai, Xosé Monteagudo e eu mesmo. Houbo unha epifanía moi lúdica cando Constela, co que falamos moito sobre Irlanda, descubriu que eu era Lándoas. Dixo que me lía con frecuencia e engadiu que pensou que era unha muller, algo por certo que nunca cheguei a descartar. Pero non sei por que razón a lío tanto. Seguro que por falar con prosistas. O caso é que ao día seguinte tiven unha conversa prodixiosa con MB no que algúns chaman a Fuck. Prodixiosa, polo dicilo sen vaidade, porque basicamente me limitei a escoitar a MB. Falábame de T.S. Eliot, do seu ensaio sobre os problemas de artellamento funcional do Hamlet e da súa idea de que no comezo desa traxedia pasaba algo extraordinario, vaticinante. Algo que Eliot, sen chegar a precisalo, cifraba como o momento de máxima manifestación do xenio dramático do autor inglés. Xa se sabe, ese instante do cambio da garda en Elsinor no que a pantasma do rei morto está e non está entre os soldados que fan garda no pazo real. MB conecta ese momento coa crise da ecuación “identidade = subxectividade”, introducida da man da apelación á pantasma do rei morto e fundamental para entender o que significou o paso á modernidade. Non me estendo tampouco nisto nin na súa conexión con algo que Eliot non chega a explicitar no seu coñecido ensaio “Hamlet and His Problems”, de 1922. Pero regreso xa ao correlato obxectivo do blog nestes días: o jacuzzi, claro. Por certo, e vou parecendo Tristram Shandy, que hoxe no chat de El País con quen desde Madrid nese xornal chaman con perseveranza biblica, malia telo en nómina, Suso del Toro hai unha consideración sobre o propósito último do xa celebérrimo manifesto (pregunta 13, formulada por Mortimer): para Suso non outro que o de forzar un entendemento PP-PSOE, con acomodo exacto á doutrina Vázquez. Concordo. Pero iamos a outra zona, seica. A das coincidencias. Resulta que un dos comentarios que entrou aquí no post arriba mencionado, xusto a noite antes á conversa con MB, preparaba unha teatralización dos acontecementos destes días fixando precisamente Hamlet como hipotexto [Unha mañá de domingo. Dereita e esquerda as dos lectores de xornais. Un tipo en chándal contempla o porto da Coruña. Chámase Arana. Outro está nun jacuzzi, e saca os pés por fóra. Repártense as dúas metades do escenario. Vaise a luz na parte dereita, a que ocupa o tipo do jacuzzi. Na Coruña vira o vento a Noroeste. Vai fedendo na sala mentres quince autobuses entran en escena e cruzan por diante do tipo do chándal, Arana, quen acaba de recibir unha chamada do tipo do jacuzzi, alporizado porque en Oleiros se foi a luz]. Chama a atención o nome do autor dese comentario: Ventoso. Que non será o subdirector de La Voz, supoño, senón outra persoa interesada igualmente na evolución do concurso eólico. O caso é que Ventoso retomou ao día seguinte a súa proposta de teatralización da intervención política de Galicia Bilingüe, nun interesante travestimento burlesco (Genette, Palimpsestes) da primeira escena da obra de Shakespeare que aquí andamos a citar:

O TIPO DO JACUZZI.- Quen anda aí?
ARANA.- Son eu quen pregunta, que por algo recibín a chamada e son o delegado.
O TIPO DO JACUZZI.- Viva o bilingüismo!
ARANA.- Zoliñas, es ti!
O TIPO DO JACUZZI.- E logo, quen vai ser?
ARANA.- Chamas cando dixeches.
O TIPO DO JACUZZI.- Veña, que son as 12. Tes listos aos antidisturbios?
ARANA.- Claro, non vou ter? O caso é que me doe o lombo con esta friaxe.
O TIPO DO JACUZZI.- Foi ben a garda?
ARANA.- Aquí non se move un furelo sen que eu o saiba.
O TIPO DO JACUZZI.- Veña, come on!
ARANA.- Se ves a Gabi dille que bula.

[Entra Gabi]

ARANA (saíndo).- Alto, quen vai?
GABI.- Amigos desta terra.

Como é posíbel todo isto, Jaureguizar, Constela? Non dou creto. En particular a esa reelaboración da fantasmagoría, correlativa en fin da persecución que sofre o castelán na Galiza e das tribulacións que algúns pasan por causa diso. Pantasmadas? Que diría Eliot, rico e conservador pero intelectualmente honrado? Que diría MB a propósito da recondución espect-acular e espect-ral da pantasma como saída posmoderna e local(ista) á quebra definitiva de calquera fío condutor entre subxectividade e individualidade?

[Na fotografía Jaureguizar na Ronda da Muralla de Elsinor o pasado xoves (Cortesía de Plásticos Santi)]

A terra quere pobo, en efecto

14 de Febreiro de 2009

Ben interesante, non como adoito nesta caste de simulacro do chateo “ente conspicuo” – “masa disforme”, o encontro dixital das lectoras e lectores con Xosé Luís Barreiro Rivas onte venres na Voz de Galicia. Nun comentario ao post noso do día 12 sinala Tío Pepín que lle pareceu raro que ningunha pregunta das dirixidas a Barreiro se referise á posición Rey, ao j’accuse de jacuzzi do que vimos falando. Desde logo, semella un pouco curiosa esa ausencia. Pero é evidente que non se pode contestar a todo e que non todas as preguntas pasan da portería.

Na figura pública de Barreiro existen na miña percepción algunhas notas chamativas, algunhas contradicións que fan atractiva a súa imaxe e en particular o seu discurso. Quizais porque, sendo un home conservador, proxecta uns hábitos de pensamento que saen dese marco, e tamén porque os seus escritos plasman un proxecto reformista que de se ter aplicado durante a os longos lustros de pax fraguiana terían determinado algo semellante a unha reinvención polo menos administrativa do país (ás veces a reinvención nacional é cousa dos reformistas, por moito que escoza).

Aliás, raras veces verbalizou Barreiro en público, que eu saiba, unha das cuestións máis persoais que figuran no chat de onte: a da súa expulsión da vida pública e a das tentativas (diversas) de reincorporación á esfera política e ao exercicio do poder. Cinguireime a iso en seguida, pero antes quero concretar algunha outra nota de contextualización. Por exemplo, a súa opción lingüística no chat. O uso exclusivo do galego nas respostas do encontro, mesmo nas respostas feitas a preguntas formuladas en castelán. Anótoo, simplemente. Anótoo polo contraste coa súa práctica de anos como columnista nese mesmo medio. E anótoo tamén por contraste coas cousas que vimos tocando estes días a propósito de Galicia Bilingüe (incluído o tic José Blanco) e da entrada desa plataforma na campaña ás eleccións do 1 de marzo, confesada como tal pola súa voceira Gloria Lago sen lugar a dúbidas nin a reservas de ningunha especie (“Estamos consiguiendo que los partidos se muevan“). Segundo indica Tío Pepín, é evidente que Barreiro se implica nese debate, que toma partido nel e que se distancia, aínda que sexa con cautela, da posición Rey. Mesmo que se desmarca do abuso mediático destinado á manipulación informativa e ideolóxica pola que se sobredimensiona a deriva violenta (o momento “cristal”) que puido funcionar como séquito ou como testemuño de resistencia (existen valoracións) á marcha dos mil e pico por Compostela (por certo, que Nós-UP pida a ilegalización de GB resulta para min tan inescrutábel como un tratado de teoloxía positiva).

O que me confirma tamén este encontro co politólogo é algo que hai moito tempo teño como certo. Percibo de sempre a xa longa xeira do Barreiro columnista na Voz como unha demorada Brief an den Vater, ou Carta ao Pai, pendente de algo que sería redutivo concretar na liña culpa-perdón, pero que desde logo está absolutamente inscrito na sombra de Manuel Fraga (e nunca, ou case nunca, na de Fernández Albor, por certo). Percibo as análises de Barreiro como lúcidas e asemade como seriamente pexadas por algo que levan enriba, unha laxe pesadísima procedente da súa expulsión da vida pública mediante operativos político-xurídicos que si terían merecido na súa sazón algún j’accuse, e non dos de salón nin dos de cuarto de baño precisamente. En Barreiro hai tamén algo de tráxico-shakespeareano, que no meu entender explicaría a aceptación (resignación) dun exilio académico con tanxencias ao público. Naturalmente, non diría nada disto se non fose porque creo que excede en moito o sentido do privado, porque creo mesmo que atravesa de les a les un libro como A terra quere pobo.

Velaquí xa o que mencionei arriba sobre o pathema da expulsión:

—Sr. Barreiro, no sé si me contestará a la pregunta. Mi opinión es la siguiente, dado el bajo nivel de la clase política gallega -en general-, creo que una persona como Vd. daría un buen Presidente de la Xunta. Es posible retomar su carrera política hacia tal fin, o lo tiene descartado. Un saludo.

—A política e os políticos non son elementos illados do contexto social, económico, organizativo e cultural dunha sociedade, e cometería unha equivocación quen carente de unha organización adecuada e dun contexto cultural necesario para plantexar unha etapa de rexeneración política se lanzase á area confiando só nas súas forzas. Cando a min me botaron fora da política cunha maniobra evidente que o PP debería explicar agora e cando o conxunto da cidadanía me negou o pequeno apoio que necesitaba para aguantar non se perdeu só a miña carreira persoal senón que se perdeu tamén en honor e gloria de Fraga un instrumento de acción política coma era o nacionalismo centrista que hoxe sería unha maravilla para dinamizar e elevar de categoría o nivel da nosa política. Nas actuais circunstancias a miña volta á política sería coma se Springsteen subira ao escenario sen amplificación ou sen destellos de luz, ou se Messi saíra a xogar con equipo formado por dez inexpertos e máis el. Iso sería melancolía pero non sería música nin fútbol e algo así sería tamén a miña volta á política que sería un bó espectáculo pero estéril.

[Barreiro Rivas nunha fotografía tomada da páxina web que incorpora o encontro dixital mencionado]

O poder de dar nome ás cousas

10 de Febreiro de 2009

Confésoo. Cada vez que, ciclicamente, El Hijo del Trueno se ve forzado a intervir porque a Historia o demanda, ou porque algo importante debe ser reaxustado entre fígado e petos, tremo como mapoula silvestre ante o Klaus e agocho logo a caluga coa humildade de quen sabe desde neno que os seus días desembocarán fatalmente nunha esquela nas follas que el pilota con liberalidade e galeguismo ben entendido. Esa clarividencia de xuízo e de exposición, ese desinterese, esa clase, ese tinte… Ese kairós tamén seu de falar cando cómpre (“es necesario levantar la voz y llamar la atención de los corazones nobles, como hemos hecho siempre en momentos cumbre, desde grandes medios de comunicación, aquellos que tenemos como norma cumplir con nuestra responsabilidad. Y eso ha de hacerse por encima de cualquier posición cómoda, aun a riesgo de ganarse las incomprensiones de unos [PP?, certo PSOE?] y las declaradas hostilidades de otros” [BNG?]), na oportunidade exacta para mudar o rumbo dos acontecementos, aínda que se dea a malfadada coincidencia de que ese sexa xusto o día no que unha extrema dereita disfrazada de igualitarista e demócrata demanda unha política lingüística anticonstitucional e antiestatutaria e nos chama aos demais imbéciles por non percibir país e mundo cos seus lentes, non outros que os do privilexio de clase e a alienación nacional.

E agora, serios. Atención ao xiro dialéctico e político deste editor a tres semanas das eleccións. As súas palabras e argumentos soan esta vez directamente a berlusconismo malia a fatuidade dese título que procura o parangón que procura (miñaxoia!). Os argumentos do editor constitúen violencia porque confunden e manipulan negando validez política a case todo o que se move nos hemiciclos de occidente e porque incorporan unha actio profética que resulta cínica nunha persoa que representa o que el é. Non é que haxa un anti-sistema aos mandos da Voz. Non é simplemente que se declare que todo está mal entre a dereita social e o marxismo contemplativo, un pouco ao xeito de quen inspira aproximadamente tres cuartas partes do discurso Rey (Roberto Blanco Valdés, naturalmente, vid. infra). Atentos ao xiro, moi atentos ao xiro e ao seu engarce social co que supón un populismo transversal e supostamente desideoloxizado.

Por riba, atribúese Rey Fernández-Latorre certa tradición galeguista (de seis nomes mencionados, cinco pertencen a mortos e non van chistar; chistarán os vivos citados ou non citados que colaboran no xornal?, chistará Barreiro?) para forzar un desprestixio de determinadas políticas culturais e lingüísticas máis que moderadas en relación cos programas de goberno publicitados no inicio da lexislatura. Violencia e terxiversación as de Rey que semella claro que aspiran a converxer nalgún sentido co vazquismo e con certo cinismo social moi poderoso no istmo coruñés. Violencia non do tipo da que retratan o seu periódico e outros medios en lugares privilexiados e ben visíbeis, identificando independentismo e resistencia á falsificación da realidade; ou tamén, noutra esfera, independentismo e revolta social. Violencia da outra, da que non se nomea, da impune, da que se exerce desde o poder e sae gratis. Violencia manipuladora da que non se resolve varrendo as rúas ás 5 da tarde. Da outra. Da que sabe Vázquez (que casualidade que me saia xa dúas veces neste post!, será que releo estes días en Larrea e ando propenso á pre-visión onírica?, será que volve e Rey o sabe?). En fin, que as condeno, todas, a das botellas lanzadas e a destrución de mobiliario urbano (iso é violencia, o resto de accións atribuídas ese día aos contramanifestantes non o é) e a das falacias calculadas dun individuo con tanto poder. Pero sei medir e comparar o dano que fai cada unha delas. E comparo tamén a resposta que recibe cada unha delas.

Por último, violencia ineficaz, inocua, inoperante, a do editor Rey mentres se ate a ese metrónomo vacuo de pedir e solicitar sempre o mesmo desde unha retórica de coros e danzas (“toda la rémora y la falta de perspectivas se quedan en el abandonado paraíso del Finisterre”). Como a inmensa maioría dos cidadáns que len xornais, un nin é imbécil nin permite ser tratado como tal. Pero isto é o de menos agora. O relevante, ademais da leña que mandou dar Ameixeiras e o que agora faga o fiscal, é a pauta política do editor do xornal que máis xente le, ou follea, en Galiza. A tres semanas das eleccións e con toda a redacción en posición de revista (algúns mediopensionistas xa o pillaron, e ecoan).

[O editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre]

ps. Antón Baamonde contextualiza o asunto e opina desde o blog O Café na Trincheira (25 02 2009).

Como se fai unha homilía?

3 de Xaneiro de 2009

A estas alturas da película sei que haberá lectoras que pensen que ao blogueiro arriba asinante le acude una alferecía cada vez que ule ínfulas, kipás, solideos ou burkinis. E non é así, non é así, créase. Trátase simplemente de deixar atrás un lastre que deriva non tanto do documentadísimo feeling histórico entre igrexa(s) e poder(es) como da excesiva ostentación ritual e ideolóxica desa paixón e, en particular, das implicacións imaxinario-simbólicas que dela derivan como freo da historia en marcos como o científico, o xurídico, o político, o educativo ou o sanitario. Trátase apenas, por tanto, de pasarmos páxina nese capítulo, que diría o esgrevio empregado de Murdoch para o patio latino.

Hai un par de días falei da vacuidade intelectual na que adoito bambea o discurso de señores como Barrio en actos litúrxico-políticos como o da dita Ofrenda Nacional de cada 30 de decembro en Compostela. En boa sintonía retórica, o arcebispo non espera outra cousa do oferente que el/a mesmo/a se manteña en similar nivel intelectual e inventivo. Eis o pacto tácito da oferenda: unha especie de anestesia mutua. Non dicir case nada ningún dos dous fóra dos latinorios sabidos sobre o malo que é ser malo e o bo que é ser bo, ás veces ampliados aqueles a unha consideración sobre a iluminación que do apóstolo se espera para cadrar orzamentos autonómicos, evitar o botellón xuvenil na Quintana, mediar nalgún contencioso-administrativo co Altísimo ou emprender a ampliación da AP-9. Seguro? Seguro que só iso? Algunha das dúas partes sobarda o pacto, sempre con boas formas e sorriso pastoral, e deita por aquí e por alá algunhas pingas coercitivas caramelizadas como caritas perante un oferente civil xa en estado semicomatoso por non estar el/a afeito/a a tanto incenso e a tanto frufrú de casullas?

A Igrexa Católica organízase, sabémolo todos, como unha estrutura sólida e moi xerarquizada. Unha manifestación especialmente audíbel da xerarquía católica é a correa de transmisión discursiva que fai que un motu proprio, unha encíclica ou una carta apostólica percorran en cuestión de horas os estamentos todos desde o Vaticano até a última parroquia das fisterras do mundo. Iso garante que a voz papal, as súas análises e tomas de posición, resoen en todos os recunchos. Só se desmarcan diso algúns cregos, escasos bispos e case ningún cardeal. O arcebispo Barrio Barrio, como calquera outro dos que Ratzinger e Suquía controlan de preto, non se sae nunca do guión. E o guión consiste, no básico, en que baixo a aparente nadería anestesiante se vaia ensarillando un discurso ideolóxico que se corresponde punto por punto co pensado, máis ou menos infalibelmente, polo colega de Roma en termos de dogma e en termos políticos.

O arcebispado de Santiago de Compostela non pendurou aínda da súa páxina web o BOAS de xaneiro de 2009, no que axiña se poderá ler a homilía de hai uns días. Pero si temos acceso ao BOAS de xaneiro de 2008, co discurso correspondente ao 30 de decembro de 2007 (pp. 4-8). En poucos minutos de intervención —recoñezo que o da brevidade é un detalle— conto nove citas de textos papais (de dous papas naquela ocasión, Wojtyła e Ratzinger) ou bíblicos, alén de varias outras paráfrases e intertextualidades das que a SGAE nunca pasaría sen largar minuta. A encíclica Spe Salvi, que Ratzinger publicara só un mes antes, foi un dos fíos condutores fundamentais da homilía de Barrio 07. Como tamén o foi o discurso Ratzinger sobre o neopaganismo na homilía Barrio 08. Pero entre soster o báculo coa man dereita e manter as cervicais dereitas por mor da mitra, Barrio non ten xeito de marcar cos dedos en alto —ao babiolo gusto anglosaxón— as citas e pseudocitas que introduce. Por exemplo esta, tomada da encíclica papal xa mencionada: “El presente aunque sea un presente fatigoso, se puede vivir y aceptar si lleva hacia una nueva meta, si podemos estar seguros de esa meta y si esta meta es tan grande que justifique el esfuerzo del camino”. Se puede vivir y aceptar, o presente, se a meta é grande. Todo un programa vital, escatolóxico e político. Que é o de sempre, nin máis nin menos, Villarino. En fin, parabéns por chegar á meta!

[A presidenta do Parlamento, ou pode que aí simplemente Dolores Villarino Santiago, e o arcebispo de Santiago de Compostela, ou pode que aí simplemente Julián Barrio Barrio, en biunívoco arroubo o pasado 30 de decembro. A fotografía tómase do blog de Ana Bande, quen tratou igualmente este tema, o mesmo que Carlos Callón, Occam e seguramente alguén máis]