poesía en performanceArchive for the ‘’ Category

Coincidencias?

14 de Abril de 2009

Mágoa que coincidan no tempo a II Semana de Poesía Salvaxe, que ten lugar en Ferrol estes días, e o II Simposio Poéticas de Resistencia, que ten lugar en Compostela e arrinca mañá con algúns actos previos ao debate máis académico. Ou quizais sexa signo de algo esa coincidencia, pois ambos eventos recollen actitudes nalgún sentido converxentes sobre a renovación da poesía e (quizais máis importante) do concepto e da percepción pública da poesía nas sociedades deste tempo noso.

A poesía xa non pode ser reducida a espazos conceptuais marcados polo vello suxeito (masculino, etc.) hiperestésico. Tampouco non a simple eufonía moral ou a música de fondo con sintaxe ben composta. Moito menos, e un segue a escoitalo, a trasunto sublime de non sei que tensión espiritual. Algo novo abrocha desde hai moito tempo xa. A poesía pode ser todo o que se vén de indicar tamén, claro. Pero é iso e moitísimo máis ca iso. Igual que a política é algo máis que Feijóo falando no Hórrreo nun debate de investidura. E o caso é que o que sinalo non dá chegado nin á xente nin a unha boa parte dos que explican á xente estas cousas.

[Cartaz da semana ferrolá dedicada á poesía salvaxe, asunto ao que presta atención o blog Grøenlandia, que medio compromete cos seus seguidores/as formalizar unha crónica do que alí ocorra. Como lectores de Carlos Santiago, e dos demais participantes no evento, desde aquí facemos votos porque ese compromiso se desenvolva con detalle. Sobre o simposio compostelán apareceu xa unha crónica en Praza das Letras. Recolle ademais interesantes declaracións de Iris Cochón, unha das organizadoras do encontro]

O medo á liberdade

6 de Marzo de 2009

Inscrições abertas para o novo Filo-Café da Incomunidade (Boiro, 11 de Abril):

Para a sua inscrição indique nome, lugar de proveniência e área de emissão, através de incomunidade@gmail.com. As inscrições estarão abertas até ao dia 5 de Abril (podendo ser fechadas antes, caso o nº de inscritos o justifique).

Áreas de Emissão: Pensamento, Fotografia, Música, Performance, Poesia, Pequenas-Comunicações, Teatro, Artesanato, Filosofia, Semiótica, Pintura, Escultura.

Um Filo-Café é, no essencial, um espaço público de trocas. Real. Com pessoas vivas, para lá do virtual. A partir de um tema, há uma pequena comunicação (não superior a 10 minutos) que serve para estimular a emissão do pensamento aberta a todos os presentes. No meio das trocas de pensamento surgem emissões artísticas: pequenas performances, música, poesia, etc. Isto é: a conversa é espontânea, a emissão artística é “preparada” antecipadamente. No espaço onde se realiza o filo-café há também lugar para a exposição de fotografia, pintura, escultura, instalação. É efémero. Começa às 21h30 e costuma acabar às 24h. A participação na conversa é absolutamente livre. As inscrições, livres, destinam-se às pessoas que querem apresentar algum trabalho artístico.

[Cartel do Filo-Café de Boiro. Texto tomado do blog Incomunidade]

Guindastres

19 de Febreiro de 2009

Falabamos aí atrás da cabalgata de guindastres no Festival de Perfopoesía que organiza en Sevilla estes días a xente de La Revuelta Sureña. Creo que algúns poetas suben aos guinches e fan declamación poética megáfono ou micro en man alí enriba sobre xente que pasea ou anda ás súas actividades cotiás. Poesía peripatética, pois, peripatética, con altofalantes e en contrapicado para a leria e a festa colectiva e para desaxuste individual das cervicais e da distinción dos paseantes menos en forma.

Esa diagonal suprematista levoume a lembrar, non sei por que, El Lissitzky e a Tribuna Lenin, pensada nos primeiros 20 cunha finalidade pode que semellante, moi en débito co soño aquel magnífico do Tatlin piramidal e cilíndrico, tamén espiral, como nunha babel obreira e internacionalista para Leningrado. Pero se un o pensa ben, a idea está xa en capiteis e ménsulas románicos ou góticos. O músico ou o trobador que desde alí arriba di o seu canto, ás veces en performance ben máis construtivista, dinámica, escatolóxica, hormonada e queer que as que agora se estilan. E os medios veñen facendo o mesmo, non si? Doutrina e lecer é a receita desde Horacio. Diso falaba Reixa na radio con Quintela, máis ou menos.

[Deseño para a Tribuna de Lenin, El Lissitzky, 1920-1924]

ps. Eis o punto de vista de Ferradura en Tránsito en relación coas prácticas referidas, tamén sobre unha posíbel diferenciación entre poesía e actitude poética (23 02 2009).

Fálase de perfopoesía na radio

17 de Febreiro de 2009


Hoxe, no Diario Cultural da Radio Galega, Anxo Quintela convocou voces para falar do que mencionamos o outro día por aquí, un festival sevillano de perfopoesía que comezou onte. E arredor del todo o resto: conceptos, prácticas, públicos, intervención, oralidades…, política.

Falan no programa Antón Reixa, Antón Lopo, María Lado e Arturo Casas sobre dub poetry, corpos, espazos, páxinas, videopoemas, danza, televisión, cantigas medievais, hibridación, industria cultural, sons, slam, usurpacións funcionais, literaturización do poético, poslírica, o privado e o público, o lecer, a imaxe, a lectura, o espectáculo, a poesía en acción, a música, a interpretación, a distorsión, vellas e novas experiencias. A montaxe na radio, espléndida.

En abril teremos en Compostela un simposio no que algo de todo isto entrará tamén en debate e análise. Un simposio da rede Poetics of Resistance, que presta moita atención á poesía en performance e á dimensión política do discurso poético. Se cadra, outro día falamos del.

[Na foto, María Lado dubida por nós]

Perfopoesía, polipoesía

29 de Xaneiro de 2009

En Sevilla, na Alameda de Hércules, vai ter lugar dentro de nada o II Festival Internacional de Perfopoesía. Semella que o han pasar ben. Hai montaxes que recollen algo da edición anterior, coa cabalgata de grúas e outros momentos.

[Foto de M.J. Martínez Palero, tomada do blog El vals de los elefantes. A domadora, Gracia Iglesias, participará no Festival por segundo ano]

Da Casa del Lago a Translittera

10 de Xaneiro de 2009

Sempre interesante a programación da Casa del Lago en México D.F. Chamo a atención hoxe sobre a sección Poesía en voz alta. Aí, a través do podcast, pode escoitarse a voz do poeta nuyorican Willie Perdomo e moitas outras mostras de polipoesía, accións poéticas e outras variantes do que adoito se adscribe no rótulo poesía en performance ou performance poetry, que por alá move sen tregua os marcos todos entre slam poetry, spoken word e outras variantes, moi a miúdo competitivas nalgún sentido. Si, como as vellas regueifas, as desgarradas minhotas e outros desafíos. Palabra e son apenas na PVA da Casa del Lago, nalgúns casos tamén vídeos. Desigual, atractivo.

Pediría hoxe ás fadas do Consello da Cultura que recuperasen e puxesen en liña para todos gozar delas as gravacións que alí conservan do Translittera que coordinara Rafa Xaneiro hai tres anos. O proxecto era dixitalizar as trece horas de gravacións, feitas en cinco fundacións galegas, e sacar logo un DVD. Merece un pulo definitivo a idea. Fora tamén atractiva, desigual.
[Logo do Nuyorican Poets Cafe en Nova York e cartel anunciador do Translittera (2005)]

Figuras de micción

8 de Decembro de 2008

Ningunha carga superior á de ler un dicionario ao xeito do Autodidacto sartreano da Náusea? Ningunha. Nin sequera a dun espello que reflicte as pedras de Compostela e as súas nubes e paseantes todos? Ningunha.
Aínda que un amigo cóntanos ás veces, entre voz e voz, de entrada a entrada, que Luís Mariño lía de corrido un certo volume azul A-D pouco antes de a morte o chamar no Z de cedo seu, e que o lía con algún pracer e demora.
Entón, ningunha carga superior a esa lectura? Tampouco a de facelos? Tampouco a de facelos, os dicionarios, non. Pero hoxe pelexo aquí coas metalepses e os Du Marsais e fuxo ledo un instante ás figuras de micción de Antón Lopo. Entre imaxe e territorio, entre pensamento e dicción, aquel libriño dos Chineses con outros poetas a carón seu: Isolda Santiago, Rafa Villar, Carlos Amado, Lupe Gómez, Anxo Quintela, Ana Romaní e Ricardo Martínez Conde.
No medio, xusto no medio pero ao comezo, a figura (parabólica sempre) da micción:

Os rapaces mexando
exhiben tartarugas
sobre o estómago e sorrín,
sostidos só dunha mau.
Unha imaxe inquietante
porque falan e se miran os ollos
e sorrín, ata non caer.
Recortan co seu rostro
a liña do horizonte.
poderían mordelo
pero o horizonte é unha granada insípida.

[O poema pertence ao opúsculo de Antón Lopo Á sombra dos rapaces mexando (1996). A fotografía de Viky García recolle un momento da performance de Antón Lopo e Iván Prado Co ceo a costas (2006), programada en interdependencia coa exposición Dentro]

Bases fóra?

23 de Setembro de 2008

Moita información no Cabaret Voltaire sobre a retirada do Premio González Garcés de Poesía a Eduardo Estévez. Haberá que meditar e falar despois con autonomía sobre esa decisión e a consecuente promoción do libro de Xabier Lama do estatus de finalista ao de gañador.

Alén disto, Lemn Sissay saca novo libro en outubro, Listener. A capa, á que accedo hoxe, é, entre moitas outras cousas afortunadas, un azar e unha necesidade para pensarmos o Garcés e o resto dos premios literarios que se convocan no país. E no mundo, en realidade. Sissay nunca levaría esta clase de premios, ca! Non teño a man as bases do PGG, pero case seguro que falaban de versos (400, 600…), como case todas as convocatorias de premios de poesía. E verso é en verdade un concepto restrinxido, en desuso na praxe actual dos poetas, un concepto acaso antigo (iría moito mellor liñas, p.e.). Como tamén o é o de ficción ou o de drama/teatro. Por non falar dos premios de ensaio. Trátase de fórmulas que exclúen moito máis do que parece de aplicárense con rigor. Fórmulas doutro tempo, talvez do XIX. Malia iso os xuris non problematizan case nunca as preceptivas que munícipes, xestores e/ou persoas coa mellor vontade encamban a eruditos e lletraferits que acceden de boa fe a xulgar e comparar textos. Talvez porque sexa inusual que os xuris lean as bases? Non o sei. Ignóroo todo sobre estas cousas, con franqueza. Haberá que meditar sobre a retirada e sobre todo o que con ela houbo. Haberá que regresar sobre as bases vellas dos premios e intentar impugnalas en bloque e a priori, ou cando menos esixir para elas unha boa man de pintura. Noutro caso, como se berraba antes do asunto do muro: Bases fóra! E premios, maiormente, tamén!