política culturalArchive for the ‘’ Category

Feijóo no CCG, ou eloxio da alienación

18 de Xullo de 2009

goberno-galego

 

O discurso do Presidente Alberto Núñez Feijóo no acto solemne que conmemorou en Raxoi os 25 anos do Consello da Cultura Galega foi obxecto de controversia en varios lugares e moi probabelmente será lembrado no futuro como un dos momentos máis irresponsábeis do seu mandato, que desexo breve, bastante breve.

Anotarei algo: non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos. En particular en tres dimensións. A primeira é a  narrativa: cómo chegamos a ser o que somos e non outra cousa distinta. A segunda é a patética, referida á lectura emocional da nosa condición periférica en Europa. A terceira e última e a argumentativa, e aquí é onde o pensador que lle escribe o conto a Feijóo fala do provincianismo dos procesos de construción nacional (pero non de todos, claro: só dos diferentes ao lexitimado pola existencia do Estado, pois o discurso naturaliza a postulación nacional de España, fóra de  cuestión e nunca provinciana) fronte ao divino cosmopolitismo. A peza oratoria leva a quen a ature á peculiar conclusión de que os máis cosmopolitas son os grandes escritores que abrazaron para expresarse unha lingua  diferente da súa orixinal ou materna. Así, Joyce, Kafka, Beckett, Kundera (sic). O anterior non é tan exacto como poda parecer, pero ese non é o asunto hoxe. De todos modos haberá que voltar a todo isto porque considero que aí reside a mandorla conceptual do discurso de Feijóo no CCG.

Pero hai máis. Hai, por exemplo, unha inelegante, maleducada incluso, deslealdade institucional, pois todos sabemos que non se vai a unha celebración á que se nos invita co único obxectivo de augar a festa aos anfitrións. E hai de porparte unha tamén inelegante deslealdade persoal co presidente do Consello da Cultura, polo uso perverso e intelectualmente obsceno de dúas citas descontextualizadas que, resulta obvio, Ramón Villares nunca poñería ao servizo da causa argumentativo-ideolóxica defendida por quen sabía que despois del ninguén podería retrucar. E o caso é que esas dúas citas son as efectivas e reais chaves vertebradoras do discurso todo de Núñez Feijóo ese día. Ese día que foi á casa daquel seu amigo, quen alén dese dubidoso privilexio é a terceira autoridade do país segundo os protocolos oficiais sancionados pola Xunta de Galicia.

Algo máis? Abofé que si. Porque non falei aínda desa pílula de diámetro superior ao da gorxa de calquera ser humano. Voltarei a ela con detalle. Menciono só que se trata dese canto a alienación cultural na que se abandeirou no Consello da Cultura  ese señor que nos preside. Apréciase agora a grave e onerosa realidade que nos caeu enriba pola incompetencia táctica de Touriño e de Quintana e pola intromisión tamén táctica do poder financeiro-estratéxico-mediático vinculado co triángulo escaleno Iñás-Piazza di Spagna-Sabón.

Así, pois, o texto de Feijóo pasará ás máis extravagantes antoloxías sobre o revisionismo histórico, sobre a colonización e a alienación culturais, sobre os conceptos de  resistencia cultural, hibridación, aculturación…, pois este home que a min antes me parecía intelectualmente limitado ten que ter acceso a algunha esotérica e potente tradición teórica, talvez recadada nos sotos da FAES ou noutro templo do saber. Direino directamente e xa sen ironías: constitúe un inaturábel insulto á intelixencia que un licenciado universitario manexe algúns conceptos de cultura xeral como o fixo Alberto Núñez Feijóo nese lugar que o texto estatutario de noso destaca nos termos que o fai.

Cando cunha mistura de desleixo e estupefacción accedín hai unha semana aos breves apuntamentos sobre o acto recollidos en prensa —na inane, na pérfida, na lexíbel e na outra—, acudín case de inmediato ás webs institucionais da Xunta en procura do texto. Porque un pensa, fíxense vostedes, que os textos pronunciados en ocasións solemnes da índole da que aquí se comenta deberían ser de acceso público. Por simple respecto aos cidadáns e cidadás, ou aos contribuíntes, palabra esta que cada vez máis penso que hai que recuperar para a esquerda cando se fala destas cousas. E é que non todo o mundo recibe un convite insstitucional para acudir a eses actos; non todo o mundo ten acomodo na pequena e incómoda sala magna do Consello da Cultura Galega, atafegante a partir de maio e insufríbel en termos acústicos polo inconsútil fío musical que chega desde a escaleira de Xelmírez dos pulmóns dun gaiteiro (incombustíbel e artísticamente menor) ao que habería que pagar de inmediato, entre todos, o plus que lle falte para alcanzar unha pensión digna que goce rodeado dos seus.

Falando xa moi en serio, sinalo isto: os discursos dun Presidente do Goberno en ocasións da entidade institucional que aquí se comenta son os que marcan políticas, son os definitorios dun rumbo, son os que estabelecen e aclaran unha cartografía e anuncian unha forma de intervención. Este de Feijóo o día 9 de xullo de 2009 de maneira absolutamente incontestábel.

Por iso mesmo, celebrei que o Consello da Cultura decidise pendurar onte o vídeo do acto, que incorpora tamén o discurso do Presidente Feijóo entre os minutos 43 e 57. E celebrei hoxe á maña, así mesmo, que a partir dese vídeo a dirección de Galicia Hoxe decidise que os seus redactores o transcribisen (“O Presidente no CCG“) para llelo ofrecer aos lectores, o certo é que con poucas grallas ou modificacións en relación co que en efecto pronunciou Feijóo (ningunha delas substancial e case todas por simple conmiseración lingüística, se ben hai unha de signo inverso, moi ao comezo da transcrición, porque o poscolonial Feijóo non fala do Obradoiro como “meeting point” senón como “melting pot“). Antes de pasar a unha parte máis analítica do que quero contar, suxiro que lean o texto á vez que teñen á vista as imaxes. Observen as actitudes do orador, fíxense ben nos seus acenos, bastante comedidos pero con algún momento de excepción, atendan tamén á resposta do público, ao meu xuízo inapropiada se temos en conta o que alí se dixo. Claro que ese público era, como diría o Presidente Feijóo, plural; por moito que a min me pareza máis ben singular, tan singular que non creo que en ningún outro lugar do mundo reaccionase así á afrenta recibida: 14 segundos de aplausos para un torpedo dirixido á liña de flotación do buque (un segundo máis que os aplausos que seguiron á intervención de Ramón Villares).

Cansa tanto relatar isto que hoxe xa non o aturo máis. Deixo para un post doutra hora a análise do texto presidencial. Pero por se alguén se animar a estudalo déixoo aquí en pdf, con só unha mínima edición de páxina e sen modificacións sobre o publicado en GH.

Un complemento: o outro día dixen que cómpre saber quen lle escribe estas cousas disparatadas e imprudentes a Núñez Feijóo. Algo avanzamos a día de hoxe. Ese ideólogo/a non é filólogo/a. Con certeza. Diría máis: non sabe gramática. Así que podería ser ese señor que aparece na foto estreitando a man do Presidente tras a toma de posesión do Goberno. Tería lóxica, lóxica orgánica, quero dicir: porque estas materias son da súa incumbencia, da de Varela, visto o asunto desde unha perspectiva conservadora. Ou é que o conselleiro de Cultura alén de saber linguas sabe gramática?

O da gramática dise porque no discurso de Feijóo hai un momento no que se menciona que “nós” (o Nós de Risco e os demais membros da súa xeración e o nós de “nós mandamos”) é un posesivo. E… vaia, como que non. Os posesivos son eles, os señores e señoras da foto da axencia EFE que abre esta anotación. Nós somos sinxelamente persoais, como o pronome nós, e tamén un pouco ambiciosos e testáns. Apropiámonos da lingua e apropiarémonos do futuro. Ñam!

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Europa: identidade e diferenza

8 de Xuño de 2009

 

repensarmosEntre os vindeiros 8 e 10 de xullo terá lugar na Faculdade de Filosofía compostelá, no marco da Universidade de Verán 2009 da USC , o curso Repensarmos Europa á luz da diferenza. Procesos emerxentes e enclaves culturais, dirixido por Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade. A páxina institucional da Universidade de Santiago de Compostela informa sobre o programa do curso e sobre a normativa en materia de bolsas e matrícula (o prazo remata o venres 26 de xuño). Tomo as notas que seguen do blogue do Grupo Alea de Análise Poética (GAAP).

Os obxectivos do curso cífranse en tres: facer visíbeis as implicacións sociais dos fenómenos vinculados ás coordenadas da emerxencia cultural e dos movementos migratorios no contexto europeo, impulsar a análise das manifestacións culturais procedentes de marcos aos que tradicionalmente se adxudica unha representatividade e/ou unha lexitimidade insuficientes e abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, políticos, económicos, tecnolóxicos, mediáticos, xurídicos ou estéticos.

O curso Repensarmos Europa á luz da diferenza pretende ser non só unha actividade de divulgación, senón tamén un encontro entre especialistas na análise da cultura nos seus diferentes aspectos. En que medida os movementos migratorios están a afectar a redefinición das identidades europeas? Cales son os vínculos, pasados e presentes, entre as culturas europeas e as culturas africanas e latino-americanas? Podemos aínda falar dunha cultura europea? Responden os discursos contemporáneos sobre Europa a unha realidade ou a unha aspiración?

Estas son algunhas das preguntas que servirán como eixe para o desenvolvemento deste curso. A redefinición de conceptos teóricos como os de enclave, fronteira, interculturalidade, identidade ou diferenza será tomada como ferramenta para a análise destes procesos e para explicar en que medida afectan á vida das persoas, así como para estimular a discusión conxunta dalgúns dos debates mais presentes no mundo contemporáneo.

Participarán como relatores Itamar Even-Zohar, Elias Torres Feijó, Nacira Guénif-Souilamas, Xaime Barreiro Gil, José M. Díaz Lage, Carlos Valcárcel, Samuel Rego, Humberto Martins, António Medeiros, Pilar Cagiao e Graziela Moraes da Silva. Alén destes relatorios desenvolverase unha mesa redonda de escritores moderada por María do Cebreiro Rábade, con participación de Limam Boicha, Joaquim Arenas, Chus Pato e Manuel Outeiriño. Varios membros do CIEPE (Raquel Bello, Manuela Palacios e Arturo Casas) presentarán o curso e introducirán algúns dos relatores, como tamén o farán Ánxelo González, do IGADI, e Antón Corbahco Quintela, da Universidade Federal de Goiás. O xoves 9 pola tarde proxectarase o filme de Pedro Costa Juventude en marcha (2006), presentado polo propio director.

A inauguración será o mércores 8 de xullo ás 10 h. a cargo da Vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo. Colaboraron coa organización e o financiamento do curso de verán a propia Vicerreitoría de Cultura, o CIEPE, o Grupo de Investigaçom GALABRA da USC, a área de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Alliance Française e o Instituto Camões.

 

Toma de terra

23 de Abril de 2009

O novo conselleiro de Cultura e Turismo deixa ver nas entrevistas que van saíndo algunhas notas que haberá que ir considerando. A primeira é que está moi canso. A segunda é que non está excesivamente ao día de case nada do que afecta ao seu departamento. A terceira é que recibiu unha orde moi clara e prioritaria do presidente do goberno. Procedamos con orde.

Está canso Varela Fariña só polo jet lag? Non. Está canso porque Feijóo lle comunicou a súa decisión definitiva apenas vintecatro horas antes de facela oficial e de convocar aos conselleiros para a primeira foto de familia. De modo que o motorista de Monte Pío saíu zumbando polo paralelo 42 adiante en dirección oeste e avisou a Varela Fariña co tempo xusto para pillar un pixama e pouco máis. Esperemos que poida usalo durante a fin de semana. Que durma, que descanse.

Domina o novo conselleiro os temas que pasarán a ser da súa competencia directa? Non, nin moito menos. En xeral contesta con evasivas e di que precisa tempo para ler os informes que lle deixou sobre a mesa Bugallo. Recoñece que dalgúns asuntos non ten a menor idea e destaca en cambio na súa conversa cos xornalistas aqueles outros nos que experimenta maior seguridade, basicamente dous, a xestión cultural e a comunicación institucional. Recoñecerei que iso é algo máis do que se lle presupuña a Varela I, cuxa bagaxe pasaba basicamente pola organización de eventos oligárquico-patrióticos en Madrid e pola redacción de arengas contra a democracia dubitativa dos primeiros 80. Recoñecerei aínda a fotoxenia de Central Park sobre a que poida ter a Cafetería Galaxia. Indubidábel.

Cal me parece a min que sexa a nai de todas as ordes que Varela Fariña recibiu do presidente (e dos que suxiren ao presidente o que hai que facer) e, asemade, a razón pola que foi escollido para o posto? Pois, en función do que vai dicindo este señor, non outra que esta: utilizar os seus coñecementos diplomáticos e de xestión consular internacional para redimensionar a Cidade da Cultura nun sentido basicamente museístico e turístico e promover unha efectiva internacionalización da cultura galega que non se desapegue en exceso desa fórmula (incluída a museización?, incluída). Aparquemos polo de agora a primeira función mencionada e concentrémonos na segunda. Soa ben, non si? Claro, soar soa ben; anotemos con todo un par de observacións a modo de aviso para navegantes sen compás. A primeira remite a algo que aquí xa se comentou con detalle: ao PPdeG non lle interesa nada, pero nada de nada, a proxección exterior da cultura galega tal como por exemplo se veu definindo nos debates do blogomillo; e non só iso, senón que ademais non ten a menor idea sobre en que consista tal cousa. De aí que o seu programa electoral diga as barbaridades que di nese plano. A fundamental, segundo pode constatarse na ligazón recén marcada, é que liga o futuro da presenza exterior da cultura de Galiza ao que se logre alcanzar mediante convenios bilaterais con organismos como o Goethe-Institut e outros homólogos. Reitéroo: n.p.i.

Entón, por que afirmo o que afirmo? Sinxelo, sinxelo e directo como todo o que se negocia nas mesas da dereita. Na misión atribuída a Roberto Varela asúmese algo moi obvio que me fartei de argumentar desde a aparición do blog. A proxección exterior da cultura ten unha vertente efectivamente exterior, que nalgúns casos posúe unha dimensión comercial e/ou ideolóxica importante (pénsese na cultura de masas estadounidense, cos seus vectores de dominación, alienación e neutralización da diferenza cultural) e que noutros moitos permanece nun terreo de interacción cun perfil relativamente limitado ás elites culturais. Pero a proxección exterior das culturas nacionais ten como fundamento principal, cando non se trata de xestionar grandes mercados, algo en principio paradoxal: lograr unha maior cohesión identitaria DENTRO e un certo orgullo de marca efectivamente nacional orientado a alcanzar un parangón con outras culturas nacionais. Proxectarse, por tanto, para cohesionarse cara a uns mesmos e promover así un afortalamento e unha mellor definición da autoimaxe. A cousa é moi sinxela: resulta bastante parecida ao que se fai coas fotos que seleccionamos en Facebook ou en webs persoais para que os demais nos coñezan e nos recoñezan.

O cometido encomendado a Roberto Varela Fariña por Alberto Núñez Feijóo e polos seus superiores/protectores, na miña percepción e análise do que se vai facendo e do que nos medios afíns se vai dicindo, é o seguinte: utilizar a proxección exterior para proxectar DENTRO xustamente a súa idea de Galiza, asociada esta tamén no marco cultural á secundarización da lingua e dos produtos máis directamente asociados a ela como vehículo ou soporte (literatura, teatro e certa música sobre todo). Aposto unhas birras a que Varela Fariña asumiu un decálogo que comeza con algo semellante a isto: 1) hai que proxectar en particular as formas culturais que non precisan da lingua como soporte (pintura, escultura, arquitectura, certa música, certo cinema, certas outras artes visuais, certa BD…), 2) cando se proxecten formas e produtos culturais de base lingüística farase con fundamentación no bilingüismo que antes foi harmónico e agora o PP denomina “cordial” (ou era hepático?, ou duodenal?), 3) a igualación oficial dos textos exportábeis estará ao servizo da idea-marco da política cultural do novo goberno e dos seus inspiradores financeiros e mediáticos, non outra que alcanzar unha minoración definitiva da lingua como elemento identitario e en consecuencia habilitaren unha vaga rexionalizadora que subordine de vez a cultura local (galega) á cultura nacional (española). Isto último significa que dentro dos modelos existentes no Estado, a política da proxección exterior estaría afastada do que fan os institutos Cervantes e Ramon Llull e se aproximaría algo (só algo) ao que se pretendía que fixese o Instituto Etxepare (co novo goberno de Patxi López e o amparo alí do PP pretenderase aínda máis), se ben aquí todo iso se fará sen unha institución homologábel ás que veño de citar e sen que se dean os condicionantes políticos e culturais que no País Vasco conduciron a pensar nunha proxección da cultura vasca de expresión castelá. Sobre este aspecto tamén teño feito comentarios no blog, case sempre por referencia a Valle-Inclán. Calquera pode procuralos e intuír que é o que eu penso sobre o asunto. Orabén, Valle-Inclán non é parangonábel en ningunha orde por exemplo con Marta Rivera de la Cruz ou con Agustín Fernández Mallo (semella que tamén obsesionados co linfoma da imposición lingüística). As circunstancias e as coordenadas de campo eran outras. Non levaría moito tempo explicarllo a un diplomático que le polas noites poemas de Ferrín, pode que mesmo de Heriberto.

Insisto en que o que acabo de formular son, ante todo, suxestións inducidas polo que un vai escoitando e vendo, pero desde logo teñen base tamén no programa electoral do Partido Popular e nas súas prácticas e formas de xestión cultural. Nas deles e, reitéroo, nas dos seus protectores do mundo financeiro-mediático. Ese semella ser o programa, sabémolo de sobra. Pero nós estamos aquí e este estarmos nós aquí non será un problema menor para esa xente nin para a súa planificación do futuro da cultura de noso.

[Bugallo e Varela no recente traspaso de poderes na Consellería de Cultura. Foto tomada de Vieiros]

Cultura europea

24 de Xaneiro de 2009

Entre as rúas de Donas e Vedoría. Abaixo, Afonso IX, e dobrando logo á dereita, a costa da Amargura. Na memoria infantil, este edificio de estraña planta trapezoidal era o lugar de paso entre as casas dos avós paternos e a casa da bisavoa Cinta, entre as rúas de Santa María e da Amargura, pasando polo lateral da colexiata, pola casa na que nacera Menéndez Pidal e polo pazo de Cornide, noutro tempo os Tomasinos, onde estudara meu pai e onde tempo despois, mediante aquelas doazóns sen volta, pasaban algunha noite estival o tirano e a súa dona, logo de viren dalgunha recepción oficial en María Pita ou dalgunha compra nas afamadas xoierías da rúa Real, San Nicolás e outras. A rúa da Amargura, onde vivía o tío Ismael, sen pernas.

Ser neno na Cidade Vella tivo que marcarnos, visto en perspectiva. Tiña que marcarnos máis do que creo que en realidade nos marcou. A quen condicionou definitivamente aquela cartografía e aquela convivencia diaria coa nova orde saída do 36 foi aos avós paternos, sobre todo a ela, a Carmen, membro da Escola Dramática Galega arredor do ano 20 malia nacer e vivir parte da infancia en Santander. E, claro, a Cinta. Supóñoo, en relación con Cinta, porque é pouco o que sei (nada se falaba). O pobre Víctor, os libros da casa a arder mal, o medo insuperado… aínda cando avanzados os 70 pretendín eu pendurar certas iconas levemente revolucionarias no dormitorio familiar. O escenario urbano tiña unha cor definida, moi definida. Era a cor dos uniformes militares. Aquela tea. Aquel olor. Aqueles retais cos que Concha, a Tata, que traballaba para os talleres da Maestranza de Artillería, facía logo algún coxín. Cómo lembro aquel coxín da bisavoa Dolores sentada na mínima cadeira de espadana relendo mil veces non sei se Dumas! Cómo lembro aquel coxín intemporal, pequeno e pobre, por asociación irremediábel co sotaque seu de Lerma, reencontrado trinta anos despois por min nos fríos da Arlanza. Exacto ao que ela mantivo durante toda a vida malia saír ou fuxir de Burgos antes de acabar o século XIX, pode que sen ter cumprida a maioría de idade, con rumbo norte, ao Cantábrico.

Xogabamos ao fútbol á saída do colexio, demorando un momento a hora de xantar, mentres chegaban as nenas do bairro, escolarizadas lonxe, e pasaba un cabo puntualmente, creo que rozando as dúas, cunha bandeixa que levaba a comida dicíase que a un coronel, para que a probase e se tal a aprobase. Ía dun cuartel a outro cuartel, dando a volta por San Francisco. Porque na Cidade Vella, alén de estar as sedes da Capitanía Xeneral da VIII Rexión Militar e do Goberno Militar había infinitos cuarteis. Visto en perspectiva, a Cidade Vella era un cuartel. Era tamén o espazo da Policía Militar patrullando entre Intendencia, Infantería, a Farmacia Militar, a Hípica, as vivendas de oficiais e suboficiais no Campo da Estrada, onde a avoa Carmen levaba a roupa a clareo… Tamén a Caixa de Recluta, da que podería contar algún episodio de sarxentos e brigadas, tenro, malia todo. E o caso é que un viña doutra vida. Da vida inocente e desregularizada de Monte Alto. As rúas Pinares, Camariñas, o espazo aberto ás Lagoas, Washington, Friol, a canteira da que saíu a pedra para o dique, o cárcere e a Torre. O matadoiro, as penas, as ferranchinas, o secadoiro, a fábrica de gafas, os chamados fabriquíns, a praia de San Amaro e se acaso o Orzán, xa lonxe. Os combates entre rúas, a pedradas; as patacas asadas ás oito do serán no inverno nos campos últimos do que a pretensión municipal rotulara como Avenida de Hércules (con todo, nome claro); o pequeno sangue nos xionllos, o fútbol sempre. Once anos aló, outro planeta. Da pedagóxica violencia infantil, ilimitada case nas prácticas tribais e na okupación de espazos abandonados ou semiabandonados para alí constituírmos repúblicas, acracias menores, á violencia simbólica desde logo desapercibida do pánfilo cabo que a diario levaba o prato co rancho para que o coronel dese o prace. Violencia simbólica porque a rúa, na Cidade Vella de entón, era un espazo deles, unha extensión naturalizada da orde e dos quefaceres militares, un lugar de paso entre dependencias lexítima e indiscutibelmente propias. Pouco que ver para min co mundo idílico do cabo Rusty, alén do Campo de Marte, xa só lembrado daquela, cando non sen solemnidade parabamos de chutar contra o paredón ou o portón alcumado da nao capitana e o orbe se detía a observar, pensando nós en Carpanta e naqueles quentapratos nos que el arreo cismaba, as présas do cabo de artillería a levar o seu vindo da antiga ceca medieval pola travesa de San Francisco, camiño da Maestranza. Finais dos anos 60, comezo dunha adolescencia que entón duraba menos que agora.

Pero eu só pretendía dicir hoxe que a iniciativa do Goberno Zapatero para a constitución dun Centro Internacional de Recursos sobre a Cultura Europea na vella sede do Goberno Militar da Coruña me parece ben. Agora só falta pensar algo sobre que sexa a cultura europea. Se existe como tal cousa hoxe. Hoxe digo, e non en Kant ou en Goethe ou aínda en Byron. Se ten hoxe esa dimensión unitaria que o nome quere instaurar sobre a cousa cun sentido eminentemente político e performativo: de construción identitaria nalgún sentido común, unha vez que a Constitución non foi e semella que non irá por moita trampa oculta que os burócratas de Bruxelas e Estrasburgo habiliten. O ministro Molina deixa ver nos seus libros unha noción de cultura bastante definida. Talvez sexa esa a noción que soña para a rede de centros que aspira a instaurar en todos os países da Unión Europea. Documentar e pensar a cultura europea. Magnífica idea. Ora, e sen ánimo de marcar distancia moral co proxecto, imaxino a faciana do ministro británico, ou mesmo a do maltés, por non falar da do francés cando Molina largue o envite. Non converxo sempre co que di o comparatista romano Armando Gnisci sobre a necesidade de pensar poscolonialmente Europa, saíndomos da razón colonial de supremacía de certos valores locais lidos como universais —eurocentrismo— para entender a historia do mundo a partir do século XVI; tampouco con todo o que postulan os teóricos da condición subalterna. Só demando que un proxecto desta clase, de ir, vaia asentado nunha comprensión ampla e non restrinxida do que é a cultura e do que é Europa.

[Sede do Goberno Militar da Coruña, visto aquí na esquina das rúas de Donas e Vedoría. A fotografía de César Quian publícaa hoxe La Voz de Galicia]

Topoloxía (3)

14 de Xaneiro de 2009


Retomemos o asunto que ontes quedaba aberto a partir da lectura do blog de Carlos Callón.

Nunha anotación do pasado 17 de novembro formulei unha proposta que agora recupero: hai que aprender a usar o par cohesión-proxección sen exceso de condicionantes identitarios. Que quero indicar con isto? A cuestión é simple: reclamo o abandono definitivo dunha pauta cultural moi típica dos procesos de resistencia cultural, unha pauta esgotada como programa e como actitude, a do agonismo identitario e cultural, quer nun plano tráxico ou fatalista quer nun plano de mera exhibición dun (re)sentimento de comunidade violentada ou apenas atribulada. Por suposto, estou moi lonxe de atribuír esa pauta cultural á posición de Callón ou á doutros compañeiros que até agora interviron no debate sobre a proxección exterior da cultura galega.

A formulación sería por tanto esta: non é intelixente adiar nada do referido á nosa proxección cultural no mundo por non termos resolvidos os conflitos internos arredor da identidade e a cohesión cultural nun plano nacional ou nun plano que poderiamos denominar de servizos e mercado. Falo de conflitos onde outros poderían falar mesmo de batallas ou de palabras máis grosas para referir a existencia comprobada, pero non polarizada senón gradualizada en forma de continuum, de dous perfís diferentes de usuarios, produtores e xestores do cultural no noso país: os de instalación básica nunhas coordenadas galegas e os de instalación básica nunhas coordenadas españolas. Eses dous perfís, esas dúas esferas que o son en parte ideolóxicas e sobre todo de pautas de consumo e de prácticas culturais, existen. Sen dúbida ningunha, existen.

Reitéroo: non é intelixente vivir de xeito agonal ese conflito. E tampouco o é pensar que é prioritario avanzar posicións e consolidar novas prácticas (conseguir que todos os galegos lean Os libros arden mal en galego; conseguir que todas as bibliotecas do país estean ben dotadas e atendidas; conseguir un desenvolvemento completo da Lei do Libro e da Lectura, conseguir que en Alvedro se poida mercar a última novela de Borrazás ou un libro de poemas de Xohana Torres…) antes de dar o paso de proxectarnos fóra. Digo máis: non sería intelixente, nin honesto, deixar de proxectar fóra o conflito existente, ocultalo.

Dentro e fóra son nocións que hoxe non poden ter o mesmo significado que puideron ter para unha percepción xeométrica da realidade. É máis intelixente pasar a entendelas nun sentido topolóxico. En definitiva, e por ser gráfico, discrepo destas palabras de Manuel Rivas na entrevista recollida en Vieiros que se citou no post anterior: “Sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas obras non teñen ese trato no propio país”. Pois non, amigo Rivas, non sería tan irreal. O irreal é pensar que aquí imos solucionar algunhas cousas de fondo nun par de anos antes de coller a mochila e saír fóra. Así que non hai que esperar a que La Voz de Galicia deixe de tratar como trata á cultura galega, aos seus axentes e produtos en termos de comparación con outros ditos nacionais ou internacionais, e abandone dunha vez por todas a praxe homologadora “Chapuzas galegas”, baseada na somatización por parte dalgún cerebro da casa —de varios, con certeza— dunha subalternidade estética e social a todas luces digna de pasar consulta patolóxica. Aliás, os quiosqueiros dos aeroportos galegos poñerán á venda o que lles pete e o que lles esixa o mercado. E o mercado esixe neses non-lugares algo apropiado para a lectura nesas condicións ou alá arriba sobre as nubes, unha paraliteratura que nós por certo non temos, unha prensa deportiva da que nós por certo carecemos, unhas revistas masculinas ou femininas, ou de bricolaxe e xardín, que usan linguas con outro mercado máis amplo. En suma, non hai que agardar a ter a casa limpa nin o Penthouse normativizado para irmos de excursión. Non parece intelixente.

Outro día falarase aquí dos nomes. Deixo claro xa agora que o debate nominal sobre como chamar ao Instituto que coordine a nosa proxección cultural exterior foi unha pexa ridícula, tamén tramposa, que contribuíu á paralización do proceso de creación dese imprescindíbel organismo malia estar comprometida esta nos programas electorais do PSdeG e do BNG, ademais de estalo de maneira menos explícita no Pacto de goberno que esas dúas forzas políticas asinaron no comezo da lexislatura cando se comprometían a lograr a “difusión da realidade e especificidade galega no mundo, proxectando a personalidade internacional de Galicia e promovendo dun xeito especial a lingua e a cultura galega no exterior”. Que uns preferisen a denominación Instituto Rosalía de Castro e outros a de Instituto Castelao non xustifica a inacción destes case catro anos. Hai que entrar na nova lexislatura con ese asunto decidido para sempre. A miña opción é a primeira: Rosalía. Non teño dúbidas de ningunha clase. Razoareino noutra anotación, outro día, se callar.

[Fitas de Moebius, tomadas de Flickr, por Serafini]
ps. Agradezo a resposta de Carlos Callón a esta anotación e á anterior. Quen lea observará que as análises son bastante coincidentes malia algún aspecto diferencialas. Carlos pensa que máis no que afecta a esta T3 que no que afectaría á anotación anterior, a T2. Pode ser. Na parte final da anotación introduce, de par do asunto nominal, unha cuestión máis na que eu mesmo consideraba necesario entrar para unha maior precisión do debate aberto. Trátase da dependencia orgánica dese Instituto para a proxección cultural exterior. Talvez aí tamén haxa un motivo de discrepancia, pois para min non debería pensarse o Instituto como unha extensión de Política Lingüística. Benvida sexa esa discrepancia, en todo caso. Só un apuntamento máis: cando falo da preferencia do nome de Rosalía é claro que iso non supón un cuestionamento do que representa Castelao nin do seu nome. De irmos por esa vía das preferencias persoais, a miña sería a contraria á formulada. Con tota sinceridade o digo. Só un apuntamento máis: a condición case monolingüe da obra de Castelao non creo que deba influír na decisión. Carlos Callón sabe tanto coma min sobre nocións como normas de repertorio ou norma sistémica (15 01 2009).

Deslocalizar o localismo

9 de Decembro de 2008

Un reto complicado da política actual en todo o mundo é dar resposta ás demandas da poboación que malia o ritmo da centralización urbana ocupa aínda zonas dispersas do territorio. Os políticos en campaña botan man de expresións como “imos conseguir que ninguén viva a máis dunha hora de…”. E é encomiábel, en particular se os organismos ou servizos aludidos son hospitais, estacións intermodais ou universidades.
Talvez por considerar que a cultura non é un servizo básico, escasean no entanto intervencións que reclamen debatir sobre alternativas á desigualdade crecente de oferta cultural entre as cidades e os espazos non urbanos, en Galiza relevantes aínda en termos demográficos e de custodia viva da tradición. A programación cultural das cidades e das institucións nelas asentadas propende ademais á autosuficiencia, cedendo adoito á competencia localista ou corporativa. Á xestión dunha imaxe. Mesmo ao alarde.
Así, un sector importante do público —palabra obsoleta no campo da xestión cultural— queda fortemente fidelizado á oferta máis inmediata e só a ela, a local; mentres que outro sector queda orfo de propostas culturais cun mínimo de calidade e atracción. Mecanismos tan sinxelos como a activación dun bo acceso en liña a versións abreviadas de catálogos e de filmacións didácticas seguen a estar fóra do horizonte dos programadores. Aquí moito máis ca noutros sitios do globo.
A política cultural debe verse como un servizo destinado a mellorar e facer máis rica a vida das persoas e a consolidar unha opinión pública formada. Planificala con rigor é unha seria obriga das institucións e dos gobernos. En Galiza precísase un maior esforzo de coordinación e de imaxinación. Pero tan urxente coma iso é un pacto que modere a inevitábel discriminación na oferta e logre que a cultura deixe de inscribirse nas angosturas do local. Sen saírmos da cerna do asunto diriamos que planificar en cultura é moito máis que programar.
[Reprodúcense as primeiras do número 1 de Xornal de Galicia e do “Caderno de lanzamento” da nova cabeceira presentada hoxe día 9 de decembro. A columna corresponde á sección “Cultura”, coordinada por Anxos García Fonte, e forma parte da colaboración periódica que escribirei para este medio co título “A grella de Cardano”. Desexo boa e longa andanza a Xornal de Galicia]