privacidadeArchive for the ‘’ Category

Tremelica o poleiro azul

10 de Setembro de 2009

 

vazquez-vs-aymerich

Tremelica. Logo cabalgamos.

Orabén, hai algo que non se entende. Algúns deputados da oposición retaron ao conselleiro Vázquez a dar os nomes dos altos cargos do bipartito que envían aos seus fillos ou fillas a escolas privadas con separación escolar por sexos. A maioría dos deputados fixeron cuestión diso e doutras miudezas que son estritamente anecdóticas e pertencen á vida privada das persoas e das familias.

A cuestión evidentemente non era esa. Con independencia de que poida existir falta de coherencia entre a posición política pública e a escolla persoal nun ámbito tan decisivo como este da opción polo ensino público ou polo ensino privado, tan a miúdo confesional. Con independencia de que optar (este, aquela, esoutro) polo ensino privado presupoña sempre unha aposta por enfraquecer o ensino público, por restarlle financiamento, por contribuír a un reparto inxusto das cargas fiscais e moito pero moito máis…

Pero a cuestión non era esa, reitéroo. Mais unha vez, o nivel dialéctico e político dos parlamentarios galegos quedou en evidencia. A cuestión é estoutra, señores e señoras deputados: como é que o máximo responsábel da educación no país dispón para uso propio dunha lista de pais /nais que fan uso dun dereito recoñecido polas leis? E tamén esta segunda: Como é que este señor se permite usar esa información como argumento político e a publicidade deses datos como ameaza en sede parlamentaria? Pero non o ven? 

As listas, en todo caso. Unha vella tradición da caverna. O bo é que cabalgar cabalgamos. Case todos.

 

[Na foto de hoxe en El País, Negreira intenta calmar, entre cadeiras azuis, o ardor desideoloxizado a apolítico do conselleiro Jesús Vázquez]

Darlle a volta

28 de Xullo de 2009

  

 

 

bouffardwhite

Entre nós, os de aquí do NW, a arte dos contrafacta sempre tivo bastante éxito. Lembro en particular un dos cánticos nas manifestacións posteriores ao afundimento do buque Prestige. A xente cantaba cunha música bastante ben sabida, a de Guantanamera, unhas cousas relativas á idade do máximo mandatario da Xunta naquela hora e a non sei que máis sobre a esperanza de vida nesta parte de Occidente. Non lembro ben o retrouso, que era ao único que se limitaba o que en orixe foi unha composición poética de José Martí encol do traballo, da vida, da camaradaxe e da morte. Porque si, hai que recoñecer que o poema de Martí fala dun señor algo lírico (“mi verso es un ciervo herido” e así) que anceia morrer cara ao sol e non sei que máis (pensen que, desde a intervención de Pete Seeger, a Guantanamera se converteu nunha das cancións máis contrafeitas do mundo). Volvendo a 2002, o que o pobo cantaba (o pobo, Feijóo, o pobo; ou sería cousa de pérfidos intelectuais e da elite transgresora e manipuladora?), o que cantaba o pobo, era isto: “Hai que ir correndo, / Manolo, hai que ir correndo!, / hai que ir correeeeeendo, / Manolo, hai que ir correndo!…” (con algo burda sinalefa queir). En fin, algo así, non estou seguro, xa digo que a miña memoria non é a que foi noutra altura.

O procedemento poético é de tanto interese hipertextual que agora o aplican no think tank de San Caetano para devolver aquel favor e fervor das camadas populares. Con efecto, Feijóo vai aos sitios e solta a música tradicional que se solta nos sitios pero con letra nova. Un pouco en plan surreal, e hippy-oulípico, porque de colleita propia San Caetano cola nos contrafacta das albas de groria mitemas peculiares sobre a conversión do Obradoiro nun melting pot, como convidando á peregrinaxe toda a montar alí mesmo a tenda e a reproducirse ipso facto para hibridar de vez o fogar de Breogán e fomentaren eles a natalidade interracial e intercultural. En ocasións, dado que neses sitios (panteóns, catedrais, consellos, iñases, balcóns, banquetes, parlamentos…) a xentiña está adormecida, resulta difícil decatarse de que é o que se dixo exactamente. Nada!, dirán os máis prudentes. Que se vai dicir? Nada! Pero, si, algo se di e algo se fai. Faise o contrafactum que reconverte Alba de Groria en Alba de Gloria e, en definitiva, equipara Castelao con Lago, ás elites co que o think tank sucursalista de San Caetano deu en chamar, e non é problema de imaxinación (élles outra cousa) pobo.

Ocorría algo similar a todo o anterior na interpretación que de cativos faciamos de determinadas letras de cancións que andaban na radio. A min sempre me quedou na cabeza como cantaba eu aquela Bambola de Pattty Pravo ca. 1968. A versión castelá dicía (no meu criterio): “Baratillo soy…” (meus pais dábanme daquela dous reais para pasar o sábado) e non “Para ti yo soy…” (ollo: non pasen a isto se non o consideran estritamente imprescindíbel para a verosemellanza do conto e non están vacinados contra todo; é simplemente unha proba de que algo de razón levaba o neno Lándoas). Tanto me gustou, de sempre, o procedemento da contrafactoría que cheguei a poñelo en práctica sobre textos propios. Sen maior éxito de público, a verdade. Direi só que en certa ocasión me pediron algo para un suplemento literario dun xornal de sona no país e eu remitín uns contrafacta do meu primeiro e francamente esquecíbel libro de poemas, titulado Sombra de unidade. E agora que o digo, permitirán que lembre algo que ocorreu noutro suplemento tamén dun xornal de renome co que eu me meto aquí ás veces (non creo que sexa por resentimento con aquilo, con isto que agora direi). Resulta que nestoutro xornal publicou alguén que aínda anda por alí unha recensión do meu segundo libro de poemas, só algo mellor que o primeiro. O libro tituleino Pedra de Nadir e resulta que alguén tivo a ocorrencia de rotular, seguro que por mandato directo do editor Rey Fernández-Latorre, do seguinte xeito a recensión: “Os poemas de Arturo Casas pasan pola pedra de Nadir”. Aquel día, non hai por que reservalo, pois pasaron xa case quince anos e durante ese tempo ninguén escoitaría unha queixa en voz alta de quen soubo sufrir en silencio, aquel día, digo, algo se moveu no meu interior, creo que entre o duodeno e o colon transverso, non sabería localizar exactamente onde (está nas hemerotecas, é verídico; o titular, digo), algo que me conmoveu por dentro e me fixo repensar durante polos menos quince minutos a pertinencia da escritura poética en tempo tan menesteroso como aquel era, case tanto coma este.

Pero regresemos ao conto. Titulei o xogo contrafáctico para o outro xornal, localizado noutra ría do país, máis meridional, “Montadito lumbar. Pola unidade da sombra”. A persoa á que llo enviei, a quen quero e valoro moito, nunca me dixo nada sobre o particular. Pasaron xa moitos anos e nunca máis me dixo nada. Eu a el tampouco, por suposto (a finais dos 70 fixera un curso en Mariñán de “Hermenéutica do silencio”, impartido por uns señores da Complutense e un poeta reservado pero moi didáctico).

O caso é que insistín na teima, como Feijóo, que cada día nos larga unha amplificatio nova coa carallada do Medulio. Total, que remitín o feito e refeito para unha antoloxía posterior, varios anos posterior, que se ía publicar en Portugal. Que se ía publicar… e non se publicou na fin pois a iniciativa acabou igualmente fanada. Hai xente que le isto e non me deixará mentir. Agora o contrafactum que presento xa remeda en pouca cousa os poemas de orixe. Pero algo hai deles. Reproduzo o poema en homenaxe a min mesmo, á resistencia propia, xa que agora está en desuso. Tamén como manifesto adiado de estima hormonal por Pattty Pravo, o seu xeito de mover as mans no escenario, mesmo en circunstancia tan dura como a de ter diante depredadores da clase do que comparece no segundo vídeo. As italianas con carácter sempre foron para min o único salvábel de Italia, entre o que non sexa restrita natureza morta. Que país! En fin, deixémolo, que xa abonda de onfaloscopia confesional e isto vai acabar onde acaban tantos e tantos blogues que polo mundo hai. O título do poema é “HLU”, que significaba segundo creo lembrar Historia da literatura universal. Consiste nisto (inédito até hoxe, primicia por tanto):

  

 

—E díganos, poeta:

 

 

Bancadas interminábeis nun estadio sen fondo, cru­ces, pértigas e insignias abandonadas no centro do cena­rio, súbito eclipse e silencio das aves que, deso­rientadas, deixan a ría e se acollen na torre?

 

[TODOS: Nación!!!!]

 

Angustia por se sentir encrucillada na adivinación da morte ou na resolución dun capítulo da historia?

 

[ALGÚNS ILUSTRADOS: Télos!!!]

 

Busca do rastro propio nun espello que­brado ao que se furta­ (oh, cruel envite) aquilo que se nomeou “presenza”?

 

[VARIOS: Identidade!! Encontro!!]

 

Céfiro mesto entre a basa inerte e a gándara de estrelas?

 

[UNS POUCOS: Sacrificio! Amor! Corpo!]

 

Asíntota que lambe o carrusel dos signos?

 

[OUTROS, AFÓNICOS: Babel, xogo, perda…]

 

 

 

 

Batutas

19 de Xuño de 2009

 

man

Pouca xente coñece a innobre procedencia etimolóxica do termo batuta. Agora non vén ao caso demorar niso. O que en realidade querería contar é igualmente descoñecido, algo que até hai moi pouco tempo reservaba un para a familia máis directa. Ou nin iso, mentres non se soubo. Debo confesalo. Gústanme as batutas. Atesouro unha colección máis que notábel. De procedencias diversas, adoro as balcánicas, e en madeiras tamén múltiples. O tacto dunha batuta ben compensada co tamaño do brazo e ben asentada contra o carpiano é algo inigualábel. Aprecio en particular que a base sexa de madeiras nobres, con algo de peso, como mínimo o que corresponde ao xacarandá brasileiro, que casa ben no cromático e no post-olfativo co arce finlandés. Para dirixir prefiro un tamaño que sei pouco ortodoxo. Estimo que a batuta non supere en tres cms como máximo a distancia que vai do cóbado ao engarce do cubital anterior no óso pisiforme. Hai dous anos que dispoño tamén dunha tarima que me fixo un carpinteiro de Cesuras. En alistonado de castiñeiro, sen quitamedo diante, porque na casa non hai perigo ningún de caída. Téñoa no gabinete de verán, nunha zona fresca. Non hai pracer superior a este de calzar os cascos sen fíos Sennhaiser e dirixir unha ou dúas horas seguidas. En particular, isto tampouco estimaba orealo en exceso, a música militar (a francesa sobre todo, “Si tu crois en ton destin / Si tu crois aux lendemains...” , viril e sobria, tamén a turca) e a zarzuela. Ah, a zarzuela! Quen non dirixa na casa non sabe do que estamos a falar. Esa é a clase de música na que intúes sempre o momento exacto no que se esgota un crescendo ou abrocha un súbito sforzato. Ou resoan os timbais alí na parte do móbel-bar, xusto diante das cortinas. Nunca falla. A batuta móvese autónoma  na escuridade azul do gabinete, de verán. O corpo descansa enteiro en nubes lentas. Esa previsibilidade emocional ofrece un rendemento emulxente para o espírito melancólico, náufrago do mal de vivre ou ahíto de trienios. Esa paz… Ou esa guerra, señor…, ese staccato que disloca o radio contra a paleta humeral e fai que ruba do profundo o cardias até rebotar na glote como un pinball, ou o mesmo con outras partes mentres imaxina un a carga da infantería ou os movementos de intendencia en retagarda. Si, iso comprace o ánimo. Como tamén o fai a voluta dramática da zarzuela hispana. Onde estea unha obra do Maestro Serrano, con toda a orquestra disposta na salita ou mesmo na cociña mentres ferve a auga para escalfar os ovos da cea, ignórense benzodiacepinas e ansiedades. Los claveles, sen ir máis lonxe.

 

Tactos da grafía

1 de Xuño de 2009

22_001-jouissance-productions-the-woman-who-left-herself-elenb-photography-sorcha-kennyresizeresize1

 

Hai quen non o entende. O pracer da escrita, que non hai motivo para pensar que deba ser menor cando se trata de dar forma ao pensamento, á análise, e non obrigadamente a iso que alguén denominou hai algún tempo beleza, elocuencia, ficción, arte verbal, poesía… nocións limitadas a miúdo nun sentido empobrecedor, estetizante, no peor valor que esta expresión posúa. En ocasións si que o é, si que é menor ese pracer, hai que recoñecelo; pero cando menos para quen aquí asina esa circunstancia resulta excepcional. O pracer de escribir calquera cousa parte xa da grafía, desta materialidade, deste tacto. E comparece case sempre. Iso é o estraño da doenza de escribir. Presentes tamén —pracer e grafía— cando non se usa de forma directa o papel e foi en realidade unha selección previa a determinante da ocupación do espazo polas palabras: tipos de letras, tabulacións, formato. Aquí, sen ir máis lonxe, nesta pantalla. Ou nun aviso para alguén, xa o teño dito. Nunha mensaxe trivial, calquera cousa. Ou nun ensaio longo. Nunha breve nota a rodapé. Nun recordatorio para nós mesmos (“Nota para o futuro *”, escribiu un día meu fillo * a propósito dun videoxogo, aparcado temporalmente aos 10 anos, que pensaba retomar cando pasase un tempiño). Todo iso… Tamén nun poema, claro está. Tamén nun poema, si, tamén nun poema. 

 

O blog é unha ferramenta extraordinaria de causar pracer para quen goce con esta inocencia sen consecuencias de xuntar sílabas e non dicilas en voz alta nun lugar con xente á vista. Todo queda a man para quen escribe. Xúntase e fica logo ao alcance dos dedos (o que non lle ocorre ao xornalista tradicional, por procurarmos agora un paralelo socorrido): o dito onte, o dito hai uns anos, o medio dito. Os ríos visíbeis e as correntes submersas das procuras e dos cruces de palabras, ideas, imaxes. Ao alcance dos dedos propios, diso estou a falar, de pel e tacto; porque a lectura allea aínda non existe nese momento que menciono, ás veces nin se prevé. Creo que nunca existe cando se escribe co propósito cabal de procurar o goce de concretarmos algo específico (sabido enteiramente ou non tanto) e logo xa se verá qué pasa con quen veña…

 

Hai quen non entende que alguén serio (non afirmo selo) diga e faga algo como un blog, perda así o tempo no espello alienador e serial, como nun ascensor de grandes almacéns no que un se contempla repetido, multiplicado, oco. A dimensión pública dese pracer e dese mostrar algo, que no blog alcanza un punto dificilmente superábel de autonomía como discurso, tamén como texto ou tecido preciso do que se quixo poñer, constituiría de seu unha inconveniencia para tal ou cal cousa… Do que se quixo poñer, insisto. Ou expresar, comunicar, activar…, de preferírense estoutros termos que supoñemos máis nobres. Ninguén enmenda, ninguén corrixe aquí no blog, ninguén suxire ou media… se un non quere. Nada entre o propósito autorial —sabido e prefixado ou non, ao xeito dun Poe e dun Auden ou un Montaigne (falamos disto hai pouco)— e a recepción inmediata por parte de quen agarda ou simplemente coincide que pasaba por alí. Nada? Nada que non sexa o encrucillado absoluto de signos no que respiramos, nada que non sexa a grella semiótica e imaxinario-simbólica das linguaxes e limitacións que nos constitúen, incluída a que permanece en cada un de nós na forma mínima dos monosílabos da caverna, os utilizados como berro de furia, de medo, de paixón… pola especie. Nada, agás todo iso, que nalgún sentido, si, o é todo. Todo e nada. Por iso hai tantos blogs nos que algúns dos considerados grandes escritores e publicistas esvaran, aquí e acolá. Ninguén lles pon no sitio correcto as comas das frases e das argumentacións. Ninguén lles tira un punto sobrante. Ninguén dita preceptos sobre gramática ou sobre semántica e mundos e estratexia. O pracer insuperábel do espello só para un, o narcisismo ao cubo, pensará alguén. A eficacia discursiva como responsabilidade só persoal, dirá outro. O mercado reducido a sensación, a onanismo intelectual… A hipóstase outravolta do concepto e da función autor, acusará displicente aquel de alí. O corpo a corpo retórico, digo eu. Eu, un pronome bastante persoal, si. Pero quen anda nisto sabe que esa é só unha parte do asunto. Unha parte que pervive o instante estrito que dura a grafía e o tacto aínda recorda. Non concordo cos moralistas que denuncian o pracer da escritura como indicio de malversación de algo ou como aburguesamento. Tampouco con quen considera que todo remate nese instante (pensaba que non sería preciso mencionalo). Falo apenas do oficio de escribir. Do oficio de escribir un blog nun país como o noso neste tempo.

 

[A fotografía, The Woman Who Left Herself, tómase da páxina Performance – Jouissance Productions de M-E Photographers]

 

As (c)idades do (c)ego

23 de Maio de 2009

ac-por-map-1973eu-lalia

 

“Avec le temps”, o poema de Léo Ferré, que vai na banda sonora desta semana, aí na columna da dereita, cantada por el mesmo, por Jane Birkin e por Abbey Lincoln. Tres versións moi diferentes, ou pode que non tanto, porque nelas, como en toda performance, o que nos informa, conforma, deforma, transforma… é un torbón de signos, algúns deles, moitos, alleos por completo a calquera propósito de quen supostamente di, de quen se dirixe en aparencia a nós, a ti, Abbey Lincoln por caso. Penso desde logo nas fotografías que alguén subiu a YouTube xunto coa música.

Ai, ai, ai…! A banda sonora da semana, a BS!, que neste lapso entre Lándoa e Lándoas, algo longo de lesbos por razóns técnicas e biográficas, o artífice foi descubrindo que en realidade era o único que a parroquia botaba a faltar. Non era a letra, ca. A música era!, algo do que confeso ignoralo todo. Só polo corpo e non pola ánima o queren a un. Así foi (animula vagula blandula / hospes comesque corporis…) e así será.

Non lembro agora mesmo se no blog anterior a este era eu algo máis novo. Coido que daquela adoitaba esquivarme como asunto, como obxecto, como subject. Ou polo menos facía como de quen, expresión esta moi da miña infancia por certo. Entón que? Quizais pola fundación da rede de fans que con clamor se anuncia (faime enorme graza o uso desta palabra —clamor— en determinada prensa, poñamos La Razón, poñamos El Correo Gallego cando se postula máis local que adoito) en Facebook tras un post recente ponderado amicalmente por Nubosidade (conceptualizadora exacta da pijocracia que quece motores sobre a moqueta de San Caetano)…, quizais porque o blog novo comece con perigo a literaturizarse (i.e., a narcisificarse?)…, quizais porque somos moitos os que convivimos nun nome e o nome xa nos vai ficando estreito… Quizais era máis novo e le temps s’en va. E pode que por iso poña hoxe estes recordos gráficos de 1973, de 199o, de 2002. Un retrato que me fixo Migueliño (Miguelanxo Prado; digo isto e xa me piden as neuronas contar algo daqueles anos); unha das primeiras fotos que me fixo Marga no piso da Rúa Nova, sobre os tellados do mundo (digo isto e xa me falta tempo para poñer unha foto memorábel dela fumando —miña dela—que nunca vou poñer); un autorretrato en espello, de tantos que van, e no que pode apreciarse que nas súas orixes programáticas o Círculo Semiótico de Vite foi en realidade apenas Lingüístico e cun punto de allo-simulador metafórico dos globechos que a banda deseñada emprega para significar pensamento non articulado en linguaxe audíbel, hoxe corrixido (o allo, o pensamento) porque os tempos son ben máis glamourosos nese bairro de Compostela chamado Vite. Esta fotografía, tomada nun baño embutobutoxa na casa actual, arriba do que era a Cal das Barras, foi no seu día un envío para Helena González despois de conversas que tivemos naquela altura pola Concha e o Kursaal, en Donostia, nas que ela me afeaba o corsé teocom que entón usaba eu por baixo da camisa (o século nacendo). 

Xa que logo, amiguitos e amiguitas, como exercicio de reflexión para a finde propoño isto: Comenta nun máximo de 300 palabras se o que di o cabrón de Ferré sobre canas, esquezos, cabalos, rostos, distancias, alteridades, esgotos, amores, hipotecas, morte… è vero ou se simplemente è ben trovato. Recoméndase non deixarse levar polos movementos faciais —ollos, arcos ciliares e zona labial sobre todo— de Ferré, un ichó para sensíbeis, como en xeral o é sempre a lingua francesa.

[Lándoas, as tres idades, ou tal]

Privacidades

27 de Xaneiro de 2009

Un dos parámetros que se move a maior velocidade entre os que dan conta do que somos en termos culturais é o da delimitación privacidade / publicidade. Este mesmo parámetro, por certo, parece moi importante asemade para informar sobre o blog como discurso que reformula ou actualiza as escritas do eu e procura dalgún xeito o territorio social da intersubxectividade.

A delimitación que menciono ten un correlato nesta outra: espazo privado / espazo público, cruzada hoxe pola idea que Marc Augé fixo célebre coa etiqueta non-lugar.

Falando hai un momento con persoas novas, detectei un par de observacións formuladas con naturalidade. A primeira relacionábase coa inestabilidade dos non-lugares na percepción que deles teñen as novas xeracións, para as que me parece probábel que o concepto sexa inoperativo e aínda pintoresco. Detectei mesmo a posibilidade dun movemento conceptual de inversión coa idea de lugar, de xeito tal que unha praza pública podería ser percibida por algúns, non agora pero si talvez nun futuro non lonxano, precisamente como paradigma da transitoriedade e da funcionalidade espida, dúas das marcas asignadas por Augé aos non-lugares. A outra observación, marcada igualmente por un aceno nalgún sentido nihilista, ou acaso por unha crítica nada cínica dos imaxinarios da memoria, referíase ao testemuño histórico e por extensión á historicidade. Ao testemuño experiencial, directo, ao que pode ser verbalizado polos protagonistas auténticos dos sucesos vividos. Con referencia a Vonnegut e ao seu coñecido relato sobre os brutais bombardeos sofridos por Dresde cando a Alemaña nazi estaba xa derrotada —pero non necesariamente entroncada co xiro lingüístico e pragmático das ciencias sociais—, a idea que surxiu era bastante simple. Para que (precisamos) a historia?

[Dresde tras os bombardeos aliados de febreiro de 1945]