proxección exterior de GalizaArchive for the ‘’ Category

Oviparidade e ideoloxía

20 de Agosto de 2009

 

ovos-desideoloxizados1

 

 

Acaban de informarme. O Conselleiro de LibrePensamento e Moita Liberdade ten mentes de promover en setembro, en colaboración coa Consellería de Medio Rural Libre, un novo control de paternidade/maternidade no marco do que el mesmo redenominou antonte Escolas de Redes Infantís (0-3 anos). Prevese un kit de acompañamento entre cuxos elementos se incluirán, como gancho para a participación, packs con media ducia de ovos azuis importados de Chile, unha libreta de aforro infantil de Caja Madrid, unha noveliña de Kundera titulada L’Ignorance e unha rifa para unha viaxe de tres ou catro persoas a Agadez, onde se poderá ver apurando o paso unha exposición itinerante sobre a cultura dos tuaregues ou homes azuis. Coa foto superior hai idea de facer cartaces na entrada das galescolas desinfectadas, seica. A pregunta prevista é: “Cales destes ovos non son ideolóxicos?“. Ignórase a día de hoxe se tamén tomará parte na consulta a SXPL. O que si se sabe é que os resultados do inquérito serán coñecidos con absoluta dilixencia, pode mesmo que antes da celebración da consulta.

ovos-azuis

Feijóo no CCG, ou eloxio da alienación

18 de Xullo de 2009

goberno-galego

 

O discurso do Presidente Alberto Núñez Feijóo no acto solemne que conmemorou en Raxoi os 25 anos do Consello da Cultura Galega foi obxecto de controversia en varios lugares e moi probabelmente será lembrado no futuro como un dos momentos máis irresponsábeis do seu mandato, que desexo breve, bastante breve.

Anotarei algo: non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos. En particular en tres dimensións. A primeira é a  narrativa: cómo chegamos a ser o que somos e non outra cousa distinta. A segunda é a patética, referida á lectura emocional da nosa condición periférica en Europa. A terceira e última e a argumentativa, e aquí é onde o pensador que lle escribe o conto a Feijóo fala do provincianismo dos procesos de construción nacional (pero non de todos, claro: só dos diferentes ao lexitimado pola existencia do Estado, pois o discurso naturaliza a postulación nacional de España, fóra de  cuestión e nunca provinciana) fronte ao divino cosmopolitismo. A peza oratoria leva a quen a ature á peculiar conclusión de que os máis cosmopolitas son os grandes escritores que abrazaron para expresarse unha lingua  diferente da súa orixinal ou materna. Así, Joyce, Kafka, Beckett, Kundera (sic). O anterior non é tan exacto como poda parecer, pero ese non é o asunto hoxe. De todos modos haberá que voltar a todo isto porque considero que aí reside a mandorla conceptual do discurso de Feijóo no CCG.

Pero hai máis. Hai, por exemplo, unha inelegante, maleducada incluso, deslealdade institucional, pois todos sabemos que non se vai a unha celebración á que se nos invita co único obxectivo de augar a festa aos anfitrións. E hai de porparte unha tamén inelegante deslealdade persoal co presidente do Consello da Cultura, polo uso perverso e intelectualmente obsceno de dúas citas descontextualizadas que, resulta obvio, Ramón Villares nunca poñería ao servizo da causa argumentativo-ideolóxica defendida por quen sabía que despois del ninguén podería retrucar. E o caso é que esas dúas citas son as efectivas e reais chaves vertebradoras do discurso todo de Núñez Feijóo ese día. Ese día que foi á casa daquel seu amigo, quen alén dese dubidoso privilexio é a terceira autoridade do país segundo os protocolos oficiais sancionados pola Xunta de Galicia.

Algo máis? Abofé que si. Porque non falei aínda desa pílula de diámetro superior ao da gorxa de calquera ser humano. Voltarei a ela con detalle. Menciono só que se trata dese canto a alienación cultural na que se abandeirou no Consello da Cultura  ese señor que nos preside. Apréciase agora a grave e onerosa realidade que nos caeu enriba pola incompetencia táctica de Touriño e de Quintana e pola intromisión tamén táctica do poder financeiro-estratéxico-mediático vinculado co triángulo escaleno Iñás-Piazza di Spagna-Sabón.

Así, pois, o texto de Feijóo pasará ás máis extravagantes antoloxías sobre o revisionismo histórico, sobre a colonización e a alienación culturais, sobre os conceptos de  resistencia cultural, hibridación, aculturación…, pois este home que a min antes me parecía intelectualmente limitado ten que ter acceso a algunha esotérica e potente tradición teórica, talvez recadada nos sotos da FAES ou noutro templo do saber. Direino directamente e xa sen ironías: constitúe un inaturábel insulto á intelixencia que un licenciado universitario manexe algúns conceptos de cultura xeral como o fixo Alberto Núñez Feijóo nese lugar que o texto estatutario de noso destaca nos termos que o fai.

Cando cunha mistura de desleixo e estupefacción accedín hai unha semana aos breves apuntamentos sobre o acto recollidos en prensa —na inane, na pérfida, na lexíbel e na outra—, acudín case de inmediato ás webs institucionais da Xunta en procura do texto. Porque un pensa, fíxense vostedes, que os textos pronunciados en ocasións solemnes da índole da que aquí se comenta deberían ser de acceso público. Por simple respecto aos cidadáns e cidadás, ou aos contribuíntes, palabra esta que cada vez máis penso que hai que recuperar para a esquerda cando se fala destas cousas. E é que non todo o mundo recibe un convite insstitucional para acudir a eses actos; non todo o mundo ten acomodo na pequena e incómoda sala magna do Consello da Cultura Galega, atafegante a partir de maio e insufríbel en termos acústicos polo inconsútil fío musical que chega desde a escaleira de Xelmírez dos pulmóns dun gaiteiro (incombustíbel e artísticamente menor) ao que habería que pagar de inmediato, entre todos, o plus que lle falte para alcanzar unha pensión digna que goce rodeado dos seus.

Falando xa moi en serio, sinalo isto: os discursos dun Presidente do Goberno en ocasións da entidade institucional que aquí se comenta son os que marcan políticas, son os definitorios dun rumbo, son os que estabelecen e aclaran unha cartografía e anuncian unha forma de intervención. Este de Feijóo o día 9 de xullo de 2009 de maneira absolutamente incontestábel.

Por iso mesmo, celebrei que o Consello da Cultura decidise pendurar onte o vídeo do acto, que incorpora tamén o discurso do Presidente Feijóo entre os minutos 43 e 57. E celebrei hoxe á maña, así mesmo, que a partir dese vídeo a dirección de Galicia Hoxe decidise que os seus redactores o transcribisen (“O Presidente no CCG“) para llelo ofrecer aos lectores, o certo é que con poucas grallas ou modificacións en relación co que en efecto pronunciou Feijóo (ningunha delas substancial e case todas por simple conmiseración lingüística, se ben hai unha de signo inverso, moi ao comezo da transcrición, porque o poscolonial Feijóo non fala do Obradoiro como “meeting point” senón como “melting pot“). Antes de pasar a unha parte máis analítica do que quero contar, suxiro que lean o texto á vez que teñen á vista as imaxes. Observen as actitudes do orador, fíxense ben nos seus acenos, bastante comedidos pero con algún momento de excepción, atendan tamén á resposta do público, ao meu xuízo inapropiada se temos en conta o que alí se dixo. Claro que ese público era, como diría o Presidente Feijóo, plural; por moito que a min me pareza máis ben singular, tan singular que non creo que en ningún outro lugar do mundo reaccionase así á afrenta recibida: 14 segundos de aplausos para un torpedo dirixido á liña de flotación do buque (un segundo máis que os aplausos que seguiron á intervención de Ramón Villares).

Cansa tanto relatar isto que hoxe xa non o aturo máis. Deixo para un post doutra hora a análise do texto presidencial. Pero por se alguén se animar a estudalo déixoo aquí en pdf, con só unha mínima edición de páxina e sen modificacións sobre o publicado en GH.

Un complemento: o outro día dixen que cómpre saber quen lle escribe estas cousas disparatadas e imprudentes a Núñez Feijóo. Algo avanzamos a día de hoxe. Ese ideólogo/a non é filólogo/a. Con certeza. Diría máis: non sabe gramática. Así que podería ser ese señor que aparece na foto estreitando a man do Presidente tras a toma de posesión do Goberno. Tería lóxica, lóxica orgánica, quero dicir: porque estas materias son da súa incumbencia, da de Varela, visto o asunto desde unha perspectiva conservadora. Ou é que o conselleiro de Cultura alén de saber linguas sabe gramática?

O da gramática dise porque no discurso de Feijóo hai un momento no que se menciona que “nós” (o Nós de Risco e os demais membros da súa xeración e o nós de “nós mandamos”) é un posesivo. E… vaia, como que non. Os posesivos son eles, os señores e señoras da foto da axencia EFE que abre esta anotación. Nós somos sinxelamente persoais, como o pronome nós, e tamén un pouco ambiciosos e testáns. Apropiámonos da lingua e apropiarémonos do futuro. Ñam!

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

BGL

12 de Xuño de 2009

tollii-porta-1991

Vinte anos e corenta números, algúns deles dobres, do Boletín Galego de Literatura, un soño feito realidade por Anxo Tarrío Varela desde a súa cátedra  de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela. El mesmo lembrou hai unha semana algúns datos e eixes desta traxectoria, de gran mérito e vitalidade, na páxina semanal que escribe para Galicia Hoxe.

Non é doado subsistir vinte anos para unha empresa desta clase nos tempos que vivimos; non é doado, para empezar, se falamos da súa dimensión primaria, a do sustento orzamentario, que é o que permite manter o equilibrio e o rumbo ao longo de tanto tempo. Este é sempre un plano delicado e máis que complexo cando se trata de revistas universitarias. Tarrío soubo conducilo con discreción e talento, o que lle permitiu aplicar pautas en verdade infrecuentes no eido da publicación académica.

Alén disto, a revista soubo interpretar a finais dos pasados anos 80 algo relevante que mantén absoluta vixencia: a conveniencia dunha expansión e dunha actualización dos Estudos literarios de marca galega en dous sentidos, o dos métodos e o dos obxectos de análise e estudo. Nese sentido, Anxo Tarrío promoveu e brindou con xenerosidade e perspicacia un espazo de diálogo e convivencia para que especialistas en literatura galega compartisen páxinas con colegas especializados noutras tradicións culturais e literarias, un espazo asemade para o intercambio de perspectivas epistemolóxicas e de aplicacións metodolóxicas diversas. Segundo a el mesmo lle aprace explicar, o proxecto corresponde a unha publicación feita en Galiza sobre literatura e sobre literaturas, o cal non é o mesmo que falar dunha publicación sobre literatura galega. O Boletín acolle este campo de estudos, por suposto, pero faino sen exclusividade de atencións, segundo saben moi ben os seus lectores e lectoras. Como tampouco practica exclusividade de ningunha especie en relación cunha lectura restrinxida ou inercial do fenómeno literario. Tarrío, e este paréceme outro dato importante que fala con anxo-tarrio1claridade do seu talante como director da revista e como coordinador do grupo de colaboradores que o acompañou e acompaña no periplo, incorporou así mesmo ampliacións comparatistas e interartísticas, algunhas delas tan inusuais no ámbito académico (de noso ou de radio máis amplo) como as que se concretaron en monográficos sobre banda deseñada, as relacións entre literatura e cinema ou a literatura infantil. A este propósito, a publicación paréceme exemplar. Éo tamén noutros aspectos. Un deles, que todo lector estima, é o exquisito coidado gráfico e a de novo plural nómina artística de debuxantes, gravadores, pintores, fotógrafos… que ilustraron as sucesivas entregas do BGL. Outra faciana tamén interesante é a constituída polas páxinas de peche da publicación, dedicadas á obra literaria de narradores, poetas e dramaturgos, consagrados ou de traxectoria aínda non tan firme, a quen se convida adoito a reflexionar en voz alta sobre esa tarefa creativa súa mercé a unha modalidade complicada pero moi atractiva que chamamos poéticas de autor.

Longa vida, pois, a este proxecto fundamental! Longa vida, desexo hoxe aquí, a unha revista que para quen asina constitúe, non o vou ocultar, unha das referencias centrais e máis queridas da súa peripecia como investigador. Como tamén o é o nome do seu director, o meu profesor e mestre Anxo Tarrío Varela. No Boletín publiquei a instancias súas diferentes traballos a partir de 1991. Unhas veces recensións, noutros casos artigos, e tamén entrevistas, bibliografías e traducións. Creo que un total de dez colaboracións neste tempo xa non tan breve, incluídos dous números monográficos tan laboriosos como satisfactorios. A nova política que se está a emprender por parte do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC permitirá axiña que o Boletín Galego de Literatura e outras revistas da casa poidan consultarse libremente on line, talvez antes de que remate o ano. Unha expansión nova, da que temos que felicitarnos todos porque favorecerá un acceso universal a traballos sobre a nosa cultura e a outros moitos, escritos igualmente en lingua galega, debidos a investigadores e investigadoras de moi plural procedencia sobre literaturas alleas que, por medio de soños como este de Anxo Tarrío, son á vez e de vez nosas.

Parabéns emocionados por estes vinte anos do Boletín e beizóns por tantas e tantas horas de dedicación, caro amigo.

[Augaforte “Porta” (1991), da artista estonia Vive Tolli, publicado na monografía 2 do BGL, e fotografía recente de Anxo Tarrío Varela, tomada do xornal Galicia Hoxe]

Toma de terra

23 de Abril de 2009

O novo conselleiro de Cultura e Turismo deixa ver nas entrevistas que van saíndo algunhas notas que haberá que ir considerando. A primeira é que está moi canso. A segunda é que non está excesivamente ao día de case nada do que afecta ao seu departamento. A terceira é que recibiu unha orde moi clara e prioritaria do presidente do goberno. Procedamos con orde.

Está canso Varela Fariña só polo jet lag? Non. Está canso porque Feijóo lle comunicou a súa decisión definitiva apenas vintecatro horas antes de facela oficial e de convocar aos conselleiros para a primeira foto de familia. De modo que o motorista de Monte Pío saíu zumbando polo paralelo 42 adiante en dirección oeste e avisou a Varela Fariña co tempo xusto para pillar un pixama e pouco máis. Esperemos que poida usalo durante a fin de semana. Que durma, que descanse.

Domina o novo conselleiro os temas que pasarán a ser da súa competencia directa? Non, nin moito menos. En xeral contesta con evasivas e di que precisa tempo para ler os informes que lle deixou sobre a mesa Bugallo. Recoñece que dalgúns asuntos non ten a menor idea e destaca en cambio na súa conversa cos xornalistas aqueles outros nos que experimenta maior seguridade, basicamente dous, a xestión cultural e a comunicación institucional. Recoñecerei que iso é algo máis do que se lle presupuña a Varela I, cuxa bagaxe pasaba basicamente pola organización de eventos oligárquico-patrióticos en Madrid e pola redacción de arengas contra a democracia dubitativa dos primeiros 80. Recoñecerei aínda a fotoxenia de Central Park sobre a que poida ter a Cafetería Galaxia. Indubidábel.

Cal me parece a min que sexa a nai de todas as ordes que Varela Fariña recibiu do presidente (e dos que suxiren ao presidente o que hai que facer) e, asemade, a razón pola que foi escollido para o posto? Pois, en función do que vai dicindo este señor, non outra que esta: utilizar os seus coñecementos diplomáticos e de xestión consular internacional para redimensionar a Cidade da Cultura nun sentido basicamente museístico e turístico e promover unha efectiva internacionalización da cultura galega que non se desapegue en exceso desa fórmula (incluída a museización?, incluída). Aparquemos polo de agora a primeira función mencionada e concentrémonos na segunda. Soa ben, non si? Claro, soar soa ben; anotemos con todo un par de observacións a modo de aviso para navegantes sen compás. A primeira remite a algo que aquí xa se comentou con detalle: ao PPdeG non lle interesa nada, pero nada de nada, a proxección exterior da cultura galega tal como por exemplo se veu definindo nos debates do blogomillo; e non só iso, senón que ademais non ten a menor idea sobre en que consista tal cousa. De aí que o seu programa electoral diga as barbaridades que di nese plano. A fundamental, segundo pode constatarse na ligazón recén marcada, é que liga o futuro da presenza exterior da cultura de Galiza ao que se logre alcanzar mediante convenios bilaterais con organismos como o Goethe-Institut e outros homólogos. Reitéroo: n.p.i.

Entón, por que afirmo o que afirmo? Sinxelo, sinxelo e directo como todo o que se negocia nas mesas da dereita. Na misión atribuída a Roberto Varela asúmese algo moi obvio que me fartei de argumentar desde a aparición do blog. A proxección exterior da cultura ten unha vertente efectivamente exterior, que nalgúns casos posúe unha dimensión comercial e/ou ideolóxica importante (pénsese na cultura de masas estadounidense, cos seus vectores de dominación, alienación e neutralización da diferenza cultural) e que noutros moitos permanece nun terreo de interacción cun perfil relativamente limitado ás elites culturais. Pero a proxección exterior das culturas nacionais ten como fundamento principal, cando non se trata de xestionar grandes mercados, algo en principio paradoxal: lograr unha maior cohesión identitaria DENTRO e un certo orgullo de marca efectivamente nacional orientado a alcanzar un parangón con outras culturas nacionais. Proxectarse, por tanto, para cohesionarse cara a uns mesmos e promover así un afortalamento e unha mellor definición da autoimaxe. A cousa é moi sinxela: resulta bastante parecida ao que se fai coas fotos que seleccionamos en Facebook ou en webs persoais para que os demais nos coñezan e nos recoñezan.

O cometido encomendado a Roberto Varela Fariña por Alberto Núñez Feijóo e polos seus superiores/protectores, na miña percepción e análise do que se vai facendo e do que nos medios afíns se vai dicindo, é o seguinte: utilizar a proxección exterior para proxectar DENTRO xustamente a súa idea de Galiza, asociada esta tamén no marco cultural á secundarización da lingua e dos produtos máis directamente asociados a ela como vehículo ou soporte (literatura, teatro e certa música sobre todo). Aposto unhas birras a que Varela Fariña asumiu un decálogo que comeza con algo semellante a isto: 1) hai que proxectar en particular as formas culturais que non precisan da lingua como soporte (pintura, escultura, arquitectura, certa música, certo cinema, certas outras artes visuais, certa BD…), 2) cando se proxecten formas e produtos culturais de base lingüística farase con fundamentación no bilingüismo que antes foi harmónico e agora o PP denomina “cordial” (ou era hepático?, ou duodenal?), 3) a igualación oficial dos textos exportábeis estará ao servizo da idea-marco da política cultural do novo goberno e dos seus inspiradores financeiros e mediáticos, non outra que alcanzar unha minoración definitiva da lingua como elemento identitario e en consecuencia habilitaren unha vaga rexionalizadora que subordine de vez a cultura local (galega) á cultura nacional (española). Isto último significa que dentro dos modelos existentes no Estado, a política da proxección exterior estaría afastada do que fan os institutos Cervantes e Ramon Llull e se aproximaría algo (só algo) ao que se pretendía que fixese o Instituto Etxepare (co novo goberno de Patxi López e o amparo alí do PP pretenderase aínda máis), se ben aquí todo iso se fará sen unha institución homologábel ás que veño de citar e sen que se dean os condicionantes políticos e culturais que no País Vasco conduciron a pensar nunha proxección da cultura vasca de expresión castelá. Sobre este aspecto tamén teño feito comentarios no blog, case sempre por referencia a Valle-Inclán. Calquera pode procuralos e intuír que é o que eu penso sobre o asunto. Orabén, Valle-Inclán non é parangonábel en ningunha orde por exemplo con Marta Rivera de la Cruz ou con Agustín Fernández Mallo (semella que tamén obsesionados co linfoma da imposición lingüística). As circunstancias e as coordenadas de campo eran outras. Non levaría moito tempo explicarllo a un diplomático que le polas noites poemas de Ferrín, pode que mesmo de Heriberto.

Insisto en que o que acabo de formular son, ante todo, suxestións inducidas polo que un vai escoitando e vendo, pero desde logo teñen base tamén no programa electoral do Partido Popular e nas súas prácticas e formas de xestión cultural. Nas deles e, reitéroo, nas dos seus protectores do mundo financeiro-mediático. Ese semella ser o programa, sabémolo de sobra. Pero nós estamos aquí e este estarmos nós aquí non será un problema menor para esa xente nin para a súa planificación do futuro da cultura de noso.

[Bugallo e Varela no recente traspaso de poderes na Consellería de Cultura. Foto tomada de Vieiros]

Adeus ao Instituto Rosalía de Castro

18 de Febreiro de 2009

“Consonte co devandito, a cultura galega deberá asumir nos vindeiros anos o reto da súa internacionalización. Trátase de ubicar no mundo unha cultura con personalidade propia a través de programas de difusión e produtos de gran calidade técnica e moi alto valor simbólico, capaces de falarlle ao mundo dende unha perspectiva específica e particular. O Instituto «Rosalía de Castro» de Cooperación Cultural, que creará o novo goberno, será o instrumento axeitado para vehicular a presenza de Galicia no exterior, principalmente naqueles lugares de Europa e América que foron destinos preferentes da nosa emigración. O Instituto «Rosalía de Castro», en colaboración co Instituto Cervantes, ocuparase de difundir e promover o coñecemento da lingua e da cultura galegas, así como de colaborar activamente coas entidades e asociacións galegas do exterior e de recuperar e conservar o rico patrimonio material e inmaterial creado ao longo do tempo pola Galicia emigrante”.

“Impulsaremos a colaboración co Instituto Cervantes para que se difunda a nosa lingua e cultura por todo o mundo”.

En letra azul o que dicía o programa electoral do PSdeG para as eleccións de 2005 (p. 68) sobre a creación dun Instituto específico para a proxección exterior da cultura galega. En vermello o que di o programa deste mesmo partido (p. 210) para as eleccións do 1 de marzo de 2009.

Seremos a única nación da península sen un organismo deste tipo? Se o PSdeG goberna semella claro que si. Se o PP goberna habería algo máis de ambición que no caso anterior. Obsérvese o que a este respecto fabula o seu programa para as eleccións do 1 de marzo:

Colaboración co Instituto Cervantes para promoción e divulgación da cultura galega, pero tamén ca o Instituto Goethe, British Institute, …etc. [requetesic en relación con todo o que se acaba de ler, incluído o peculiar sistema de puntuación, o recouso morfolóxico, a idiocia bipolar e a referencia a organismos de dubidosa existencia, a non ser que o PP fale en realidade do British Institute of Osteopathy e se equivocasen ao colalo aquí en vez de facelo no epígrafe de saúde; por certo, cada vez que neste programa se fala de cultura ou de lingua galegas abrocha o que en uroloxía se denomina incontinencia adversativa severa, pásalles mesmo cando non teñen que contrapesar nada grave, como neste caso, no que é evidente que o cinismo de fondo en toda a argumentación sobre a lingua conduce ao delirio, porque, por dicilo con serenidade: que carallo pensan no PP que vai facer o Goethe-Institut por promover a cultura galega por exemplo en Eslovenia?, a que clase de votantes pensan que enganan con esas mistificacións?]

E se goberna o BNG? O seu programa (p. 155) compromete o seguinte sobre a proxección exterior:

Creación do Instituto Castelao de Lingua e Cultura Galega, co obxectivo de promover internacionalmente a identidade, lingua e cultura de Galiza, centralizando e coordinando todas as políticas de apoio á lingua e cultura galega no exterior.

En fin, botando os cálculos demoscópicos de rigor, adeus ao Instituto Rosalía de Castro. Hai medo a activalo. O PSdeG-PSOE ten medo a crealo e cede á presión dos jacuzzis e do zurro que sae de certas cortes. Para que logo digan que o de Galicia Bilingüe foi un fracaso! Simularán talvez no PSdeG, se alguén pregunta, co retrouso da crise. E haberá quen os crea. Este blog, non. Este blog, que fixo da causa da proxección exterior da cultura galega (lémbrese Steiner alá en setembro) unha das razóns da súa activación e existencia, entra hoxe en semicoma polas emanacións gaseosas deses programas electorais repasados sen a prevención necesaria. Aínda vai ter o mantedor que chamar aos redactores contrarreformistas do PP (contrarreformistas da reforma Albor-Fraga, enténdase) para ver se o reaniman cun “, …etc” con xenebra.

[Isidro de Benito e Francisco Clivilles, Rosalía de Castro (1917), no Parque da Alameda de Compostela ]

Todo polo compango

18 de Xaneiro de 2009

Na proxección exterior o máis complexo é sempre tratar con quen vive na porta do lado. A imagoloxía sabe moito diso. As comisións de festas locais tamén. E os mozos que mocean fóra de circuíto non digamos: a violencia marca aí campo como en ningunha outra esfera. Esa era a tradición polo menos. A imagoloxía, en fin, analiza a imaxe que temos de nós mesmos e a que outros teñen do que somos. Fala de como nos ven (heteroimaxe) e de como nos vemos (autoimaxe). Todo aquilo de Marco Aurelio, Madame de Staël e pouco máis. Vía [privada] Arume, van estas caxigalines de Terapia de Grupo & Versión Asturiana, a produtora que traballa dobraxe, autoimaxe e humores. Eis galegos e asturianos en pulp(o)/compango fiction. E Ezequiel transliterado tamén.

[Samuel L. Jackson e John Travolta, intérpretes da película Pulp Fiction (1994) de Quentin Tarantino]

Topoloxía (3)

14 de Xaneiro de 2009


Retomemos o asunto que ontes quedaba aberto a partir da lectura do blog de Carlos Callón.

Nunha anotación do pasado 17 de novembro formulei unha proposta que agora recupero: hai que aprender a usar o par cohesión-proxección sen exceso de condicionantes identitarios. Que quero indicar con isto? A cuestión é simple: reclamo o abandono definitivo dunha pauta cultural moi típica dos procesos de resistencia cultural, unha pauta esgotada como programa e como actitude, a do agonismo identitario e cultural, quer nun plano tráxico ou fatalista quer nun plano de mera exhibición dun (re)sentimento de comunidade violentada ou apenas atribulada. Por suposto, estou moi lonxe de atribuír esa pauta cultural á posición de Callón ou á doutros compañeiros que até agora interviron no debate sobre a proxección exterior da cultura galega.

A formulación sería por tanto esta: non é intelixente adiar nada do referido á nosa proxección cultural no mundo por non termos resolvidos os conflitos internos arredor da identidade e a cohesión cultural nun plano nacional ou nun plano que poderiamos denominar de servizos e mercado. Falo de conflitos onde outros poderían falar mesmo de batallas ou de palabras máis grosas para referir a existencia comprobada, pero non polarizada senón gradualizada en forma de continuum, de dous perfís diferentes de usuarios, produtores e xestores do cultural no noso país: os de instalación básica nunhas coordenadas galegas e os de instalación básica nunhas coordenadas españolas. Eses dous perfís, esas dúas esferas que o son en parte ideolóxicas e sobre todo de pautas de consumo e de prácticas culturais, existen. Sen dúbida ningunha, existen.

Reitéroo: non é intelixente vivir de xeito agonal ese conflito. E tampouco o é pensar que é prioritario avanzar posicións e consolidar novas prácticas (conseguir que todos os galegos lean Os libros arden mal en galego; conseguir que todas as bibliotecas do país estean ben dotadas e atendidas; conseguir un desenvolvemento completo da Lei do Libro e da Lectura, conseguir que en Alvedro se poida mercar a última novela de Borrazás ou un libro de poemas de Xohana Torres…) antes de dar o paso de proxectarnos fóra. Digo máis: non sería intelixente, nin honesto, deixar de proxectar fóra o conflito existente, ocultalo.

Dentro e fóra son nocións que hoxe non poden ter o mesmo significado que puideron ter para unha percepción xeométrica da realidade. É máis intelixente pasar a entendelas nun sentido topolóxico. En definitiva, e por ser gráfico, discrepo destas palabras de Manuel Rivas na entrevista recollida en Vieiros que se citou no post anterior: “Sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas obras non teñen ese trato no propio país”. Pois non, amigo Rivas, non sería tan irreal. O irreal é pensar que aquí imos solucionar algunhas cousas de fondo nun par de anos antes de coller a mochila e saír fóra. Así que non hai que esperar a que La Voz de Galicia deixe de tratar como trata á cultura galega, aos seus axentes e produtos en termos de comparación con outros ditos nacionais ou internacionais, e abandone dunha vez por todas a praxe homologadora “Chapuzas galegas”, baseada na somatización por parte dalgún cerebro da casa —de varios, con certeza— dunha subalternidade estética e social a todas luces digna de pasar consulta patolóxica. Aliás, os quiosqueiros dos aeroportos galegos poñerán á venda o que lles pete e o que lles esixa o mercado. E o mercado esixe neses non-lugares algo apropiado para a lectura nesas condicións ou alá arriba sobre as nubes, unha paraliteratura que nós por certo non temos, unha prensa deportiva da que nós por certo carecemos, unhas revistas masculinas ou femininas, ou de bricolaxe e xardín, que usan linguas con outro mercado máis amplo. En suma, non hai que agardar a ter a casa limpa nin o Penthouse normativizado para irmos de excursión. Non parece intelixente.

Outro día falarase aquí dos nomes. Deixo claro xa agora que o debate nominal sobre como chamar ao Instituto que coordine a nosa proxección cultural exterior foi unha pexa ridícula, tamén tramposa, que contribuíu á paralización do proceso de creación dese imprescindíbel organismo malia estar comprometida esta nos programas electorais do PSdeG e do BNG, ademais de estalo de maneira menos explícita no Pacto de goberno que esas dúas forzas políticas asinaron no comezo da lexislatura cando se comprometían a lograr a “difusión da realidade e especificidade galega no mundo, proxectando a personalidade internacional de Galicia e promovendo dun xeito especial a lingua e a cultura galega no exterior”. Que uns preferisen a denominación Instituto Rosalía de Castro e outros a de Instituto Castelao non xustifica a inacción destes case catro anos. Hai que entrar na nova lexislatura con ese asunto decidido para sempre. A miña opción é a primeira: Rosalía. Non teño dúbidas de ningunha clase. Razoareino noutra anotación, outro día, se callar.

[Fitas de Moebius, tomadas de Flickr, por Serafini]
ps. Agradezo a resposta de Carlos Callón a esta anotación e á anterior. Quen lea observará que as análises son bastante coincidentes malia algún aspecto diferencialas. Carlos pensa que máis no que afecta a esta T3 que no que afectaría á anotación anterior, a T2. Pode ser. Na parte final da anotación introduce, de par do asunto nominal, unha cuestión máis na que eu mesmo consideraba necesario entrar para unha maior precisión do debate aberto. Trátase da dependencia orgánica dese Instituto para a proxección cultural exterior. Talvez aí tamén haxa un motivo de discrepancia, pois para min non debería pensarse o Instituto como unha extensión de Política Lingüística. Benvida sexa esa discrepancia, en todo caso. Só un apuntamento máis: cando falo da preferencia do nome de Rosalía é claro que iso non supón un cuestionamento do que representa Castelao nin do seu nome. De irmos por esa vía das preferencias persoais, a miña sería a contraria á formulada. Con tota sinceridade o digo. Só un apuntamento máis: a condición case monolingüe da obra de Castelao non creo que deba influír na decisión. Carlos Callón sabe tanto coma min sobre nocións como normas de repertorio ou norma sistémica (15 01 2009).

Topoloxía (2)

13 de Xaneiro de 2009

En data tan inverosímil como a do pasado día de Nadal, publiquei aquí unha anotación co título “Topoloxía” para nela referir a aparición de análises que contrapuñan á proxección exterior da cultura galega o reforzamento urxente das políticas culturais dirixidas ao fortalecemento, dentro do país, dunha identidade mellor definida como suxeitos de cultura e como lectores/consumidores de literatura. Tal contraposición paréceme a min que aspira a incidir nunha dimensión á vez micro e macro-comunitaria, abranguendo así desde as familias até a escola, os concellos ou o país na súa totalidade, e afectando por igual a niveis administrativos amplos, de novo entre o local e o nacional. Defendía o día de Nadal, como agora, que esa incidencia dentro, esa política cultural decidida a dotar de vigor servizos tan insubstituíbeis como as bibliotecas públicas ou a desenvolver con decisión a Lei do libro e da lectura, era sen dúbida imprescindíbel. E a iso engadía que non me parecía que bastase. Que era preciso algo máis. Algo máis que en boa medida queda enmarcado no que poida representar a idea da proxección cultural no exterior.

Nunha achega imprescindíbel para o debate, publicou hoxe Carlos Callón no seu blog unha anotación tomada da columna semanal no xornal compostelán Galicia Hoxe. Nela dá continuidade a posicións anteriores tamén ben coñecidas, que me parecen plenamente asumíbeis. Con todo, hai un par de asuntos na anotación de hoxe, titulada “Fóra e dentro. Proxección exterior e retroproxección da cultura galega”, que me moven a ampliar un chisco o debate: un é a dialéctica dentro-fóra e o outro é a cuestión nominal do instituto que se responsabilizaría de proxectar a nosa cultura no exterior (lémbrese: aquela discusión sobre se Instituto Rosalía de Castro ou Instituto Castelao, procedente por certo das respectivas posicións programáticas de PSdeG e BNG). Adiantei algo do que me suxire esta nova análise de Carlos Callón nun comentario que deixei á mañá ao pé do seu post. Vou retomar agora as consideracións que alí facía, se ben só como anticipo do que espero concretar nun momento posterior.

A cuestión básica é que sigo percibindo un fondo de reserva a unha proposta que agora reafirmarei: a proxección interior e a proxección exterior da cultura corresponden a unha mesma e única estratexia, indiscerníbeis unha da outra.

Localizo a reserva no post de Carlos Callón fundamentalmente na referencia que vén da man de Manuel Rivas (declaracións súas a Vieiros e recepción da súa obra en Galiza) e no apuntamento sobre a nosa realidade diglósica. En resume, Carlos Callón apunta á recepción/percepción de Rivas no noso país e ao feito de que non somos unha sociedade cohesionada en termos de consumo literario, motivo que demandaría unha política cultural destinada á corrección desa situación (nalgunha medida, unha alienación, engado), como mínimo no tocante á percepción de Rivas (Rivas, antonomasia) como autor galego que escribe en galego e pode ser lido en galego por todos os que aquí vivimos. Nada que obxectar a isto, só faltaría.

Obviamente, galegos e galegas somos suxeitos de consumo e somos axentes dunha identidade que se constitúe día a día: facémola nós. E obviamente tamén, esa construción está moi marcada pola incidencia sociocultural da diglosia nos hábitos de lectura e pola decisión máis ou menos consciente dunha parte importante dos cidadáns en favor da subalternidade cultural, aceptando a priori a preeminencia dos produtos que se lle ofrecen en lingua castelá sobre os que se lle ofrecen en lingua galega (aínda para o caso no que esta for a orixinal e o castelán fose resultado de traducila). Certo que esa subalternidade non é experimentada como tal por case ningún dos suxeitos que a habilitan e fomentan nas súas prácticas culturais. Somos nós (nos-outros, os que lemos blogs como o de Callón ou este meu) quen así o xulgamos ollando aquel pintoresco comportamento.

Ben, fagamos como que os que temos razón somos nós e prosigamos. Pero fagámolo noutro momento para non cansar.

[Torolf Sauermann, Moebius Torus Again, tomado da páxina CGArchitect]

The Galician Way

25 de Decembro de 2008

A presentación o pasado 16 de decembro da marca identificadora The Galician Way por parte da Consellería de Cultura é merecedora dalgún comentario, que obrigatoriamente ten de selo sobre a constitución e definición da marca e asemade sobre a súa oportunidade.

Comecemos por esta última. Non deixa de ser peculiar o momento no que a idea se concreta formalmente e se presenta en sociedade: só un par de días antes da comunicación por parte do presidente Pérez Touriño da data das eleccións de 2009. Cultura adiou en exceso, semella unha obviedade, a materialización do proxecto. E ademais toma a decisión de publicitalo no derradeiro apurón da lexislatura, como querendo subliñar un compromiso para o futuro inmediato con ese xesto (a estas alturas estamos ante todo perante un xesto). Soa, verdadeiramente, a intento de deixar un recordo do paso pola alameda que conduce ao programa electoral e, talvez, á continuación do labor de goberno.

Outro aspecto interesante relativo á oportunidade da que falamos, e que non pode pasar desapercibido para os seguidores do blogomillo, é o que ten que ver coa receptividade que Cultura amosa en relación cun dos debates que protagonizou o derradeiro trimestre do ano: o referido á proxección exterior da cultura galega. Algo que en realidade non representa outra cousa —esperemos que quedase claro coa anotación anterior a esta, oportunamente matizada por Brétemas— que un reforzamento do traballo destinado a facer presentes os produtos artístico-culturais e os seus artífices no espazo interior, no país. Como? Pois efectivamente mediante un apoio eficaz e continuado ás bibliotecas públicas, iso para empezar. Como ademais? Pois pactando cos libreiros e os xestores de superficies comerciais os mecanismos mínimos para que se fagan visíbeis nos trinques e expositores dos seus estabelecementos públicos o que foi feito por nós mesmos (libros, discos, revistas, filmes, etc.), a miúdo moito máis interesante, máis divertido e de maior entidade que o que o mercado e as grandes empresas editoriais instan a consumir de xeito tan pasivo como alienante en forma de bestseller, lectura-lixo e outras variantes das que a intelixencia debe desconfiar, con independencia da lingua de orixe do subproduto co que nos bombardeen ou da lingua auxiliar da tradución. Porque, resumamos: 1) a proxección exterior do que é exterior (e alleo) a nós é constante e infatigábel, non se detén un minuto; 2) a cultura quen non se proxecta resulta retroproxectada polas culturas concorrentes ou competidoras; 3) proxectarse fóra significa proxectarse dentro, basicamente por tres razóns: i) fortalece a autoestima nacional, ii) iguala as oportunidades dos efectos-rebote (premios e recoñecementos exteriores que se descodifican no interior como se adoita facer), iii) fomenta pontes afectivas e cohesivas entre as dúas culturas básicas de consumo que conviven en Galiza, unha centrada basicamente na lingua galega e a outra centrada só na lingua castelá (isto é tan complicado, ou tan pouco, que precisará outro post).


En consecuencia, a propósito da constitución da marca The Galician Way manifesto o meu acordo absoluto. Era e é necesario ese paso. E o nome en inglés achega de porparte boas vibracións mercé a esa apelación simultánea ao específico (o xeito ou estilo noso, our way), aínda mal coñecido e identificado por aí fóra, e ao sabido internacionalmente sobre nós (a idea de camiño espiritual, a idea do encontro interpersoal e intercultural, a idea de poñerse en marcha como metáfora da vida, a idea de finisterre e a imagoloxía asociada…). Parabéns, pois, por ese paso. Aínda que fose tan a destempo.

A explicación fornecida sobre o que pretende configurar The Galician Way, un marco unificador da produción cultural, artística e literaria de noso, semella apropiada e responde cabalmente a unha urxencia improrrogábel. Do que se trataría é de habilitar unha marca de orixe e de fábrica que á vez permite agrupar os operativos de difusión e presenza exterior para os libros (Galician Books), a música (Galician Tunes), as artes visuais (Galician Art), o audiovisual (Galician Films) e as artes escénicas (Galician Shows). Na estratexia da Consellería incorpórase alén diso unha estreita colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), activada hai só seis meses coa estrutura actual, e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural que conduce Luís Bará.

A programación de The Galician Way por parte da conselleira Bugallo e o seu equipo, e incluso o adianto dunha serie de actuacións vinculadas ao programa Focus GZ para o bienio 2009-2010, fai pensar no mesmo que antes dixemos. Pero non está mal ese voluntarismo aplicado á planificación e á continuación do moi importante labor feito, por moito que estea claro a estas alturas do partido que haberá fichaxes e repartos novos de tarefas (tamén parece suxerirse que, en calquera caso, Cultura ten ben delimitado o seu perfil orgánico e político-administrativo de non alcanzar o PP os 38 escanos que lle darían a maioría absoluta no Parlamento o día 1 de marzo de 2009).

Benvido, en suma, The Galician Way, para o que en todo caso me disgusta a simboloxía do paraugas, empregada na presentación, e tamén a rotulación dalgunha das pezas constituíntes (sobre todo, Galician Shows, na que vibra a reminiscencia dun axente festexeiro e lerdo, na mellor tradición JPV & Asociados). Benvida tamén a páxina web da iniciativa, áxil e equilibrada, malia as carencias en todo o relacionado coas parcelas até agora non desenvolvidas, todas agás Galician Tunes e Galician Books. Non estaría mal por outra banda, e resulta extraordinariamente barato, ampliar como mínimo ao francés as opcións lingüísticas á hora do acceso. Pénsese que segue existindo un mercado amplísimo no mundo francófono, localizado en varios continentes, que podería sentirse atraído pola literatura, a música ou a produción fílmica galegas.

Outro asunto é o relativo a se eses cinco frentes completan o abano do que no momento presente podemos chamar cultura (penso que non). E aínda se eses cinco expositores son os únicos que interesa mostrar ao mundo desde a web institucional e tamén, xa en directo, nos festivais, feiras e resto de eventos de repercusión internacional. Teño algunha dúbida tamén a ese respecto.

Téñoas así mesmo sobre o engarce literatura/cultura, que aquí seguimos lendo baixo estrito prisma identitario, excesivamente gobernado por unha visión teleolóxica da cultura nacional como ferramenta de liberación histórica. Isto complica algunhas decisións. Unha delas xa a tratei timidamente neste blog. É difícil explicarse en pouco espazo. Haberá interpretacións nesgadas e redutoras do que aquí se formula. Para entendernos: Valle-Inclán, por exemplo, non pode seguir sendo unha anomalía para a cultura galega. É un erro desentenderse del, da súa obra, que é plenamente nosa agás na dimensión lingüística. Iso non ten nada que ver coa súa inclusión na historia literaria galega. Xa sabemos que iso está descartado, pero é que a historia literaria non me parece que represente hoxe o que representou noutra altura: non pode ser a peneira universal, non pode ser a exclusiva alfándega identitaria. Abandónese de vez esa omnidependencia historicista da literatura, ou polo menos alixeirémola, levémola de paseo. Situémonos polo menos de cando en vez en dimensión culturolóxica: pensemos a cultura como algo máis que lingua, porque sendo lingua é algo máis que lingua.

En fin, isto, a lexislatura e o post, rematan. As eleccións están á volta dun par de follas do calendario. É tanto o que queda por facer no que afecta á proxección interior/exterior da cultura de Galiza que non queda outra que felicitar á conselleira Ánxela Bugallo e ao Goberno en conxunto por botar a andar a nova iniciativa.

E por último, unha mínima reserva. Imaxino que The Galician Way, a través da colaboración funcional pactada entre a AGADIC e a Dirección Xeral que podería ser de Produción (*Creación) e Difusión Cultural, non presupón a renuncia ao comprometido Instituto Rosalía de Castro. Imaxínoo, pero non o sei.

[Na fotografía de Antonio Hernández para El Correo Gallego, sitúanse de esquerda a dereita César Galdo, Xavier Campo, Ánxela Bugallo e Luís Bará na presentación á prensa de The Galician Way o pasado 16 de decembro]

Topoloxía

25 de Decembro de 2008

Talvez por unha indixestión orixinada polo moito que nos últimos tres meses se falou da proxección exterior da cultura galega, empezan a agromar discursos, públicos e en particular privados, que aconsellan a reversión do esforzo e do gasto orzamentario asociado nun sentido diferente. Persoas de bo siso, capacitadas para a análise cultural e política, levan algunhas semanas falando de que o que aquí se precisa de verdade é unha boa “proxección interior”.

Madia a ten! O perigo da consigna (que vén de vello) é que esquece unha cuestión capital: a proxección exterior dunha cultura é tamén, pode que ante todo, proxección interior (por prestixio, por igualación con outras políticas, por concorrencia no mercado internacional, polo intercambio de ideas, por esa dialéctica do oreo que tan ben viría…).

Por que se pensa que a dereita non fixo nada en relación con todo iso nos interminábeis anos do seu control? Fraga Iribarne, Pérez Varela (que viña do que viña e entrou para o que entrou) e moitos máis arredor deles xogaron ese xogo e instauraron esas regras sabendo moi ben o que facían: folclorizar, rexionalizar, limitar as tensións ás posicións controlábeis, avanzar no clientelismo tamén na cultura. Reducir e paralizar, en suma.

A proxección interior (rede de bibliotecas, clubes de lectura, institucionalización e planificación, convenios coas librarías para que non escondan certos libros) non abonda. É imprescindíbel, pero non abonda. A proxección exterior da cultura non presupón detraer nada da proxección interior. Ou pode que algo si, pero só no arranque dos motores porque despois eses orzamentos revertirían multiplicados cara adentro en valores simbólicos e en valor comercial. En presenza, en definitiva.

A proxección interior e a proxección exterior corresponden a unha mesma e única estratexia. Tan difícil é entendelo?

[Carátula da película de Frank Oz In & Out (1997)]

Casa della Poesia

21 de Decembro de 2008


A través do amigo Albert Lázaro-Tinaut, vicepresidente da Casa de l’Est de Barcelona, coñezo a iniciativa da Casa della Poesia de Baronissi (Campania, Italia), fundada en 1995 e vinculada a Multimedia Edizioni, para aumentar os fondos da súa biblioteca especializada de poesía internacional. Copio un par de parágrafos da carta dos directores Raffaella Marzano e Sergio Iagulli que se pode ler no foro da Casa de l’Est:

Uno dei nostri impegni quotidiani è il potenziamento di una Biblioteca e una Mediateca internazionale dedicate alla poesia e alla scrittura poetica con volumi, video, dvd, cd, riviste.

In relazione a tutto ciò, alla qualità e al prestigio internazionale acquisiti dalla nostra struttura, ci permettiamo di chiedere a tutti i poeti, gli editori, i curatori, gli amici, gli appassionati, di partecipare a questo aspetto del progetto di Casa della poesia effettuando una donazione di libri (o video, dvd, ecc.) che ne favorisca la crescita e contribuisca ad ampliarlo.

No elenco de poetas da Casa della Poesia non figura até agora ningún autor galego. Talvez esta sexa unha boa ocasión para encher esa lagoa e para trazarmos pontes que favorezan o escaso coñecemento da poesía galega contemporánea en Italia, facilitando de tal modo a participación nos diálogos e novos proxectos que a institución anuncia. O contacto pode estabelecerse mediante correo electrónico.

[Sede da Casa della Poesia de Baronissi, na provincia de Salerno, Campania]

O trasno en polaco

10 de Decembro de 2008

Con franca ledicia, anuncio a recente aparición dunha escolma de textos narrativos de Rafael Dieste traducidos ao polaco e integrados nun número especial da revista Studia Iberystyczne, monograficamente dedicada nesta ocasión ao escritor rianxeiro. Os contos traducidos pertencen na súa maioría ao volume de 1926 Dos arquivos do trasno, pero recóllese tamén un par de relatos de Historias e invenciones de Félix Muriel (1943). As dúas series narrativas, ás que se suma o célebre “Limiar” aos Arquivos, veñen introducidas por ensaios académicos da autoría de Maria Filipowicz-Rudek, Ewa Stoch e Arturo Casas. A revista é un proxecto do Instituto de Filoloxía Románica da Uniwersytet Jagielloński de Cracovia e está dirixida pola Profesora Teresa Eminowicz-Jaśkowska.
Segundo sinalou Arume en sucesivas anotacións de hai unhas semanas no seu blog e asemade en comentarios diversos enviados ao de Marcos Valcárcel, As uvas na solaina, a iberística polaca amosa unha forza extraordinaria, con numerosos investigadores/as en formación orientados por mestres e mestras de moi sólida formación romanística e cun pulo tamén encomiábel no que afecta de xeito directo aos Estudos Galegos. Studia Iberystyczne incorpora de feito sectores referidos a este campo que a nós nos interesa de preto e tamén outros referidos ás literaturas catalá, portuguesa e iberoamericana. Da sección galega responsabilízase a Profesora Maria Filipowicz-Rudek, coeditora deste número especial xunto coa Profesora Eminowicz-Jaśkowska.
Alén da satisfacción que traslado, é pertinente prestar atención ao modelo que a universidade polaca, como moitas outras en Europa e América, vehicula para a consideración da lingua e da cultura galegas. O habitual é unha mirada compartida e non necesariamente comparada co resto das culturas da península Ibérica, que por certo non sempre ocupan o rango superior de análise, xa que este a miúdo se outorga á amplísima produción cultural, literaria, artística e cinematográfica de América Latina. Sináloo de forma explícita como pauta de atención nun dobre nivel: o intercultural e o interartístico. Considero oportuno telo en mente porque, por exemplo a propósito da proxección exterior da nosa cultura, as cousas non son só como a nós nos gustaría que fosen. As cousas, con frecuencia, son como son. No meu modestísimo entender, e se se me permite a mala affectatio, unha tarefa intelixente sería vérmolo, analizárdelo (aquí, sen ir máis lonxe) e actuaren en consecuencia.

[Na ilustración, capa do número 5 de Studia Iberystyczne]

Encaixes

2 de Decembro de 2008

Non sabemos que facer con el. O mellor da nosa prosa, non digamos do teatro (moi pero moi boa parte do teatro), consistiu e consiste en falar con el. Non todo, claro. Iso de falar todo o tempo con alguén non ocorre nin con Martín Codax, nin con Rosalía, nin con Cunqueiro, nin co rei Sabio nin con Pondal. E tampouco non con Shakespeare nin con Dante.
Habería que pensalo ben. Por exemplo, a propósito do Instituto Rosalía de Castro. Si. Pero non sei se saberemos. Se nos daremos conta do capital en xogo. Uns por isto. Outros polo outro. Non sabemos que facer co maior xenio literario que deu o país en todos os seus séculos de vida cultural, na lexión toda de homes e mulleres de letras, na casa grande do teatro de noso. Digo xenio literario e dígoo con algunha inseguridade polo que iso signifique exactamente. Concedo que outros o saiban. Eu non o sei. Penso en intensidade e forza dramática, penso en enerxía escénica, penso na unción e na fervedura da linguaxe, penso nos caracteres e na caricatura extrema. Tropismos apenas. Penso ao tempo na cantidade, na canteira Valle. É importante a cantidade, a presenza. Non sabemos que facer. Castelao sóuboo. Nós non o sabemos porque mudaron coordenadas e tempos. É difícil.
A literatura aínda non sabe como dialogar coa cultura. Quero dicir: os estudos literarios non saben que facer coa cultura. A lingua é todo. A lingua non o é todo. Filoloxía con roupaxe sistémica. A vella filoloxía. Os vellos esquemas de pensamento aló na Camerata Cúbica. Ou os supostamente novos, algúns deles tan desnortados coma os vellos. E ás veces, certo, cun proxecto decidido de minoración, rexionalización, anulación. Difícil. Moi difícil. Fórmulas hai, con todo. Pero isto é só un blog. Non mas pidan aquí, por favor. Limítense a dar leña e a resituar pezas.
E só algo máis. De antemán anuncio que, case con certeza absoluta, discreparei da inmensa maioría dos que me concedan algo de razón en relación con este asunto. Coidado con iso. Eu non estou a dicir o que talvez vostede diga que digo. Non asinta, porque é máis que probábel que eu non asinta co seu asenso.

[Caricatura de Valle por Castelao, 1916]

Seis anos sen González-Millán

19 de Novembro de 2008


Na fin de semana que vén cumpriranse seis anos do falecemento de Xoán González-Millán e da súa esposa Esperanza Canedo tras un accidente de tráfico preto de Nova York. Na anotación anterior a esta mencionei o seu nome por parecerme ineludíbel á hora de trazar unha planificación para a proxección exterior da cultura galega que pase polo campo magnético da academia norteamericana e do mundo universitario en xeral.

Foi curiosa a sensación que tiven no momento de intentar localizar nos buscadores habituais unha fotografía, unha referencia, os textos das homenaxes. Queda pouco de Xan accesíbel por aí, na rede. Apuntamentos xornalísticos sobre as homenaxes de hai dous e catro anos na vila natal, algo sobre o número especial do Anuario de Estudos Literarios Galegos de 2002 coordinado e dirixido por Dolores Vilavedra ou a recente publicación das Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos ao coidado de Helena González e María Xesús Lama (cunha mesa redonda arredor da súa personalidade e obra desde catro puntos de vista complementarios), un foro en internet que agora non son quen de localizar… É pouco. É moi pouco.
Atopo logo unha fermosa semblanza de Helena González a falar das laranxeiras do Salnés. Alí recóllese algo que ao parecer eu dixen nos días tristes da morte deste home fundamental para o pensamento literario e a teoría cultural de marca galega. Escribín daquela así: “¿Quedarán continuadores, escola…, alguén que dialogue con Habermas, Gramsci, Thompson, Bourdieu, Figueroa… como el o facía? Con franqueza, penso que non. Murcha con el unha das partes que o bosque non é quen de rexenerar en por si”.
E hoxe reiteraríao. Pido desde aquí que o Consello da Cultura e culturagalega.org expoñan con máis luz e a mellor orde posíbel canto custodien nos seus arquivos sobre a figura e a obra de Xoán González-Millán (1951-2002) a fin de preservar a súa memoria e de reactivarmos entre todos o seu fundamental legado teórico-crítico e a dimensión programática do seu pensamento.
[A fotografía tómase da lapela do libro de X. González-Millán Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990), Vigo, Xerais, 1994]
ps1. Véxanse tamén, de Gabriel Rei-Doval, as emotivas e á vez profundas evocacións “Unicornio albiazul en Manhattan” e “A porta da amizade“. Incorpóroas no mesmo día da anotación orixinal, na tardiña, tras ler o seu amábel comentario (19 11 2008).
ps2. Recibo así mesmo indicacións do CCG, segundo as cales non obra no poder do Consello nin de culturagalega.org material relevante sobre Xoán González-Millán que contribúa a documentar as carencias na información accesíbel en liña que deixei anotadas no post. Grazas tamén a Manuel Gago pola rápida resposta á mensaxe remitida. Creo lembrar, ao mesmo respecto, que na páxina da Asociación Internacional de Estudos Galegos, e por suposto nas da City University of New York durante un tempo despois do fatal accidente, houbo a disposición pública unha compilación de semblanzas e de datos biobibliográficos. Estou seguro de que culturagalega.org estimaría recibir esa información se alguén a compilou ou dispón dela. A idea sería, segundo entendo, configurar un pequeno espazo que oriente ás persoas e investigadores desexosos de localizar referencias e textos (19 11 2008).
ps3. Magnífico. Imos avanzando algo na teima da recuperación e da accesibilidade de textos en liña. Helena González recupera o índice de Vieiros que contiña unha serie de colaboracións tras o pasamento de González-Millán. Segundo ela mesma observa no cuarto comentario a esta anotación semellan desactivadas as ligazóns. Falaremos con Vieiros por ver de resolvelo a tempo para cando se cumpran os seis anos. Beizóns, Helena (19 11 2008).
ps4. Avanzamos, abofé que si. Eis a resposta veloz e impecábel de Vieiros. Marcos S. Pérez, coordinador de “Máis Alá”, recupera hoxe os textos de autoría múltiple aos que se refería onte Helena González e outros complementos dos que na redacción dispuñan: unha bibliografía galega de González-Millán e o artigo “Lexicografía e nación literaria”. Espléndido traballo, Marcos. Grazas e boa andanza (20 11 2008).
ps5. E algo máis. Neste caso, a aparición dunha entrada na Galipedia dedicada a Xoán González-Millán. Beizóns emocionadas a Xabier Cid polo milagre de facelo en menos tempo do que leva pedilo e por comezar xa coa ampliación de referencias e de documentación mediante ligazóns en notas. A información irá medrando. Grazas tamén a Lara Rodríguez porque ía facer o que fixo Xabier (20 11 2008).
ps6. Desde California, Dolores Vilavedra ponme na pista desta necrolóxica súa en Estudis Romanics, 26 (2004), pp. 490-2. Boa estadía e gratitude chea de afecto (20 11 2008).
ps7. Incorporo ligazón ao relatorio de Itamar Even-Zohar que clausurou o simposio Entre o nacionalismo literario e a literatura nacional, celebrado o 5 de setembro de 2003 no Graduate Center da City University of New York en homenaxe a Xoán González-Millán. Posteriormente, xunto con outros relatorios e colaboracións novas, o texto de Even-Zohar sería compilado por Dolores Vilavedra para o Anuario de Estudios Literarios Galegos 2002 (pp. 39-53). O título do artigo é “Solucións anticuadas e a industria de ideas” (20 11 2008).
ps8. O Diario Cultural, dirixido por Ana Romaní na Radio Galega, rescatou na emisión de hoxe venres o programa especial que dedicara a González-Millán hai seis anos. Queda arquivado no seu blog (21 11 2008).
ps9. Escribe de novo Gabriel Rei-Doval desde Milwaukee para aclarar outra das cuestións formuladas na anotación. Sinala que o “Grupo González-Millán de Estudos Galegos” creouse no ano 2003 durante o congreso da AIEG en Barcelona. E engade que a principal actividade do Grupo foi a promoción da lista electrónica Galician Studies. Esta lista segue en funcionamento a data de hoxe (25 11 2008).

Alternativas á hipoteca da presenza na proxección cultural exterior

17 de Novembro de 2008

Na intervención do pasado xoves 13 no V Simposio O libro e a lectura da Asociación Galega de Editores, correspondente á mesa redonda referida na anotación de onte, dediquei os minutos iniciais a explicar os motivos polos que falo da “tentación incoativa” a propósito da proxección exterior da cultura galega nos últimos vinte anos (entramos no proceso de comezar a considerar os alicerces que fundamentarán o arrinque de…, toda esa linguaxe dos protocolos diplomáticos e das dúbidas fundacionais) e a comentar logo o que iso supón para unha hipoteca da presenza, da presenza nosa no mundo, da urxente incorporación dunha proporción máis alta dos nosos produtos culturais, e dos nosos libros en particular, á metacultura da diferenza que marca a encrucillada histórica actual en tan alta medida como o fan a globalización dos mercados ou a progresión á uniformidade na cultura de masas.

Recoñecín o xoves, por suposto, os avances nesa esfera desque en agosto de 2005 tomou posesión o goberno PSdeG-BNG. Non existe comparación posíbel entre o que representou a escura e caótica política cultural de Jesús Pérez Varela (1996-2005!) e do PP en xeral (1989-2005) e o que está a supoñer a intervención do equipo de Ánxela Bugallo, persoa por certo de verbo áxil e pulcro, tan infrecuente entre os políticos e parlamentarios en activo.

Concretei a seguir algunhas ideas a propósito do desequilibrio na percepción da cultura como bens e como ferramentas e elaborei unha hipótese sobre o problema da cohesión cultural nese terreo para o caso galego. Algúns colegas e unha parte do público déronme a entender logo que o interpretaran apenas como unha apelación á complexa cohesión política —programática e estratéxica— do bipartito, pero tivo que deberse a algún erro comunicativo pola miña parte, pois non era diso do que pretendía falar.

Finalmente pasei a formular algunhas propostas concretas para a acción cultural e a proxección internacional da cultura galega. Non me deu tempo a mencionar todas as que agora paso a relacionar con máis espazo, pero si as principais, mesmo con algún detalle. Apreciarase que en máis dun caso gardan evidente proximidade co postulado por Manuel Bragado en diversos foros, incluída a blogosfera. As propostas son estas, urxentes todas no meu criterio:

  1. Debemos aprender a usar o par cohesión-proxección sen exceso de condicionantes identitarios.
  2. Cómpre evitar toda clase de efectismo no que respecta á proxección cultural e literaria. A prioridade debería outorgarse a políticas que manteñan unha velocidade de cruceiro, ás pensadas para o medio prazo.
  3. Nese mesmo sentido, é capital a idea de procesualidade. Debe desbotarse a obsesión polas metas inmediatas, polos eventos fulgurantes, polo impacto mediático, pola ocorrencia refundacional. A aposta debe orientarse non ao curtopracismo senón a logros de calado máis profundo, sólidos, sen volta atrás.
  4. A política cultural en relación coa proxección exterior debería ser obxecto dun pacto o máis amplo posíbel entre as forzas políticas —non só as parlamentarias— e os interlocutores culturais, asociacións, fundacións e outros axentes, cun lugar de preeminencia para o Consello da Cultura Galega, con funcións asignadas nese campo. A política cultural no exterior non pode depender de quen goberne para existir ou deixar de existir. Evidentemente, quen goberne acabará imprimindo un selo propio. E todos podemos calcular que o vigor e compromiso dese selo variará enormemente en función de que man o posúa e manexe.
  5. O acordo de mínimos para a planificación da proxección exterior da literatura e do libro galegos debería manter marxes de autonomía, pero tería que estar integrado para un mellor funcionamento nun acordo programático sobre a proxección exterior da cultura galega como conxunto orgánico de bens e de ferramentas. Isto sobre todo, deixando en segundo plano a dimensión máis ou menos protocolaria e festiva de determinadas convocatorias.
  6. A administración debería evitar calquera tentación de seguir adiando decisións de fondo. E tamén calquera propensión ao silencio administrativo nestes aspectos.
  7. Dado que o horizonte práctico do mapa electoral define para Galiza un futuro de pacto de progreso ou de goberno da dereita, tería que definirse canto antes (debería estar definido xa) o reparto de funcións e de responsabilidades de goberno e de planificación relativamente á proxección exterior no caso de o PP non alcanzar a maioría absoluta no Pazo do Hórreo. Non pode ser que Presidencia, Cultura e unha Secretaría Xeral ou varias vaian por libre nese ámbito. O mundo da cultura e o propio CCG deberían demandar explicitamente que non sexa así.
  8. A proxección exterior da cultura non pode pensarse igual e homoxénea para a totalidade dos espazos nos que se desexa actuar ou intervir. Isto paréceme fundamental. E de resultas: existe a obriga de pensarmos estratexias diferentes para situacións diferentes, sen caer en abstraccións ou en xeralizacións programáticas supostamente válidas para todo tempo e todo lugar. Un exemplo obvio: a atención á especificidade do galego no mapa das linguas neolatinas (e no par lingua-cultura correlativo) non pode homologarse para a exportación indiferenciada ao espazo da lusofonía e a outros espazos lingüístico-culturais.
  9. A proxección exterior da cultura galega, e tamén da literatura e do libro, ten que considerar a fondo a chave da pluriubicación relativa de Galiza no mundo. Galiza non é a mesma realidade cultural contemplada por outras das nacións peninsulares que contemplada por Suíza, por Turquía, por Mozambique ou por Uruguai. Habería que pensar con moita claridade o esforzo concreto en determinadas áreas.
  10. Defendo que, por motivación ben distinta, Brasil e os Estados Unidos de América deberían constituírse desde xa en referentes principais. Fráncfort, Boloña e Guadalaxara —como mínimo— deben ser igualmente polos de presenza continuada pola visibilidade global que as súas feiras e mercados representan.
  11. Nesa ubicación plural e relativa á posición efectiva do outro, sería imprescindíbel unha priorización doutra orde, limitada —se se quer expresar así— ao “do ut des”. Galiza debería localizar, non só a través do expediente que poida representar Galeusca (e aquí o fundamental é desde logo Barcelona), interlocutores privilexiados por algún motivo específico de orde cultural ou conxuntural. Habería que primar nese campo unha política de continuidade con eses interlocutores, que poderían ser os do arco atlántico, os da lusofonía, os das nacións europeas sen estado, etc. Pero non só eles. Cabería pensar, complementaria e subsidiariamente, en espazos lingüístico-culturais consolidados historicamente e con algunha plusvalía específica de presente e de futuro; ou tamén en “culturas claramente alleas”, afastadas de nós xeoculturalmente pero coa escala e condicións de emerxencia/asentamento da nosa propia cultura. Aquí, en especial se pensamos nos espazos culturais homólogos en canto ás dimensións, a bilateralidade e a cooperación (intercambios, traducións…) poderían estar iluminadas polo principio da correspondencia, ese do ut des desde logo simbiótico e interesado, enriquecido mutuamente pola interacción e tamén pola difusión nas zonas de influencia inmediata respectiva.
  12. A proxección exterior e a propia política de traducións non pode seguir dependendo no grao que o fai de relacións persoais máis ou menos institucionalizadas a través do mundo académico, editorial ou de certas predisposicións discrecionais. Non pode ser que, por exemplo, a rede de lectorados e de centros de estudos galegos se constitúa e configure desde apenas o voluntarismo, o pulo discrecional e o ofrecemento de terceiros. No ámbito anglosaxón —sobre todo nel— iso está pexado ademais polo importante grao de mobilidade profesional das persoas predispostas a consolidar eses centros de estudo. Noutra perspectiva, é imprescindíbel dignificar e amparar tales centros e os lectorados en xeral, dotándoos dun mínimo de condicións no que atinxe á remuneración do persoal, materiais de apoio, seguros médicos e axudas para desprazamentos e acomodo nos lugares de destino. Igualmente, ese apoio habería que amplialo aos centros promotores de talleres de tradución do/ao galego abertos á participación de persoal discente ou investigador en formación en universidades estranxeiras (Oxford, Corcaigh/Cork, Stirling, Cracovia, Bangor, Bradford no seu día…).
  13. É fundamental atender os lugares nos que a academia exterior foi quen de crear polos de actividade galeguista e de promoción do coñecemento e a investigación no ámbito dos Estudos Galegos. Algo que tan ben soubo facer, con vigor colaborativo e sempre cordial, un home insubstituíbel, Xoán González-Millán, até o seu falecemento en novembro de 2002, axiña irán seis anos. O papel de certas universidades, sobre todo en Reino Unido, Alemaña, Italia e Irlanda, é moi relevante, pero insuficiente, quizais sobre todo pola ausencia de redes coa eficacia que poida representar unha entidade como The Anglo-Catalan Society, creada en 1954, até agora cun único correlato no campo da galeguística europea sobre o que eu posúa información, a Deutsch-Galicische Gesellschaft, presidida polo profesor da Universidade de Duisburg-Essen Alf Monjour e con Marga Romero como vicepresidenta. A existencia dalgunhas revistas universitarias tamén moi marcadas polo esforzo voluntarista e unha ilusión impagábel por facer cousas nese ámbito —en Rennes (Cahiers Galiciens / Kaieroù Galizek), en Cracovia (Almanach Galicyjski), en Birmingham (Galician Review) ou en Trier (Galicien Magazin), ou mesmo en Madrid con Madrygal, a revista da Universidad Complutense— é encomiábel, pero de novo insuficiente. Sería básico pensar onde está a forza fundamental, por razóns de prestixio, de orzamentos, de influencia e de vitalidade, e orientar a ollada ás universidades norteamericanas, basicamente estadounidenses, convertendo aí en interlocutores á Asociación Internacional de Estudos Galegos, á Real Academia Galega e de novo ao CCG. Pénsese nunha publicación como Catalan Review. International Journal of Catalan Culture, con máis de vinte anos de actividade, e na propia fortaleza da North America Catalan Society, fundada en 1978. Outro lugar de incidencia básico sería Brasil. De novo por razóns demográficas e pola vitalidade da súa emerxencia cultural e académica. Pero tamén por moito máis ca iso. Brasil suporía a este respecto a prioridade dunha relación co mundo da lusofonía, ao que pertencemos de raíz, non marcada por principios de tutelaxe ou de resentimento, algo difícil de esquivar por uns e por outros cando falamos polarmente ou en termos de bilateralidade Galiza-Portugal.
  14. A existencia de publicacións monográficas no ámbito exterior centradas na literatura e na cultura galegas non é contraditoria coa tarefa sempre pendente e mellorábel de incorporar a perspectiva galega no marco xeral dos estudos literarios, culturais e comparatistas. Por exemplo, poñendo a dialogar os nosos produtos culturais e os nosos produtores cos vinculados a outros espazos, acudindo así ao que con Helena González denominariamos “transversalidade da presenza”. É interesante a este respecto a vindeira aparición dun número especial de CLCWeb, a prestixiosa publicación en liña dirixida por Steven Tötösy de Zepetnek, centrado no comparatismo galego. Pero insisto: o comparatismo de marca galega ten a obriga, non moral pero si intelectual e académica, de situar esa marca na liña de visibilidade con moito maior empeño.
  15. Sería conveniente considerar a oportunidade estratéxica de determinadas intervencións concretas limitadas por áreas. Por exemplo, ninguén debería sentirse excluído se nun momento determinado o esforzo de proxección decide concretarse, dentro por exemplo do sector literario, na literatura infantil e xuvenil, ou nunha determinada poética ou grupo xeracional. Nunca é factíbel, nesta orde de cousas, exportalo todo nin facelo todo de golpe. O logro extraordinario para Compostela da segunda sede mundial, a carón de Oslo, do International Board on Books for Young People (IBBY), é algo sobre o que nunca se falará abondo. O exemplo de proxección e localización de mercados que representa Kalandraka é igualmente un logro con enormes virtudes para servir como referencia e exemplo.
  16. É improrrogábel a situación actual polo que se refire á creación prevista de diferentes organismos que se ocuparían da proxección exterior e da procura de facilidades de movemento e tradución para o libro galego. A Lei do Libro e da Lectura de Galicia de finais de 2006 compromete a creación dunha Cámara do libro que tería como misión primordial a promoción da exportación do libro editado en Galiza. Non me consta que iso funcione en realidade. Pero, ademais, tal instancia sería insuficiente con esa operatividade. Habería que ir máis lonxe, por exemplo ao que Manuel Bragado reclama con tenacidade, unha Oficina do Libro Galego con estratexia de país e capacidade de xestión profesional relativa a todo o que signifique promoción, tradución e proxección exterior do libro e da literatura galegos.
  17. Igualmente, é inadiábel a creación do comprometido Instituto Rosalía de Castro, que formou parte dos programas electorais dos partidos hoxe no poder e do propio pacto de goberno asinado por BNG e PSdeG no verán de 2005. Sería así mesmo fundamental a reformulación orgánica, funcional e socio-cultural do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que para comezar debería abrir á sociedade e ao público, sen tantas e tan pesadas reticencias técnicas e informáticas, a produción dos seus investigadores.
  18. Resulta encomiábel e da maior utilidade e proxección que a Consellería de Cultura e Deporte puxese en marcha o portal Letras de Galicia – Galician Books e a web ReadGalicia, onde se atopa información en galego, inglés, portugués e castelán (por que non complementala co francés?) sobre aspectos moi importantes do intercambio cultural e da proxección exterior, pero nin o primeiro substitúe ao Instituto Rosalía de Castro nin a segunda fai o propio cunha entidade parangonábel co Ireland Literature Exchange ou co Estonian Literature Centre, por falar de institucións públicas relativamente homólogas en tamaño e capacidade ás que aquí aspiramos a fundar.
  19. O libro galego e a súa proxección exterior abrangue como é lóxico a produción literaria para distintos públicos e en distintas variantes xenolóxicas e de soporte, pero é algo máis ca iso. Hai libro non literario, e todos deberiamos telo moi presente. Aliás, non toda a literatura se delimita como narrativa ficcional. E tamén a todos corresponde manter activa esa obviedade: a existencia da literatura dramática, do ensaística, da poesía. Os seus públicos, xuntos, non alcanzarán nunca a dimensión comercial do público lector de relatos e novelas, pero iso non xustifica algúns esquezos. A este respecto, e tendo presente o peso dunha tradición de séculos, a poesía segue a ser a grande esquecida da proxección exterior. Vai para dez anos que propuxen a creación dun Centro Internacional de Poesía con sede en Galiza e con atención á produción poética propia e internacional, aproveitando para iso todo o que podemos aproveitar: sermos punto de cruce de diversas tradicións culturais e lingüísticas, dispormos dun repertorio medieval, moderno e posmoderno de entidade, compaxinarmos unha feraz liña de poesía lírica e satírica de carácter popular con tendencias poéticas na vangarda da experimentación sobre os novos lugares para a poesía poslírica (música, performance, danza, poesía visual, hipertexto…). Estou seguro de ver activo ese Centro algún día.
  20. Finalmente, e regresando ao binomio cohesión-proxección, sería importante activar os foros para a consecución dunha imaxe de marca asumíbel pola maioría de nós. E nesa imaxe de marca, alén do nivel icónico, sería moi oportuno concretar o que desde hai xa algúns anos se vén consolidando noutros lugares como unha renovación da autoimaxe a partir da historiografía. Nese campo, a renovación da historia literaria galega é unha tarefa pendente. A historia literaria, como disciplina actual, é algo máis que a articulación dos vellos modos narrativos de xorne identitario ao servizo dunha causa romántico-nacionalista envorcada sobre as orixes/esencias e con sede de cumprimento histórico. Ese esquema periclitou, está esgotado, mesmo para nacións que non chegaron a completar un ciclo de fundación como estados, mesmo para nacións que non chegaron a cuestionar o historicismo pola propia dependencia e sometemento, coloniais ou doutro signo. A Galiza do século XXI precisa ferramentas historiográfico-literarias novas, e precisa telas listas e en uso canto antes. Faise imprescindíbel unha historia literaria que renuncie de vez a teleoloxismos e a determinismos, unha historia literaria feita desde a reflexión sobre a identidade e a diferenza, cunha relación non procedimental nin mecánica co ideario nacionalista (o galego e os outros). Unha historia literaria en diálogo cos procesos de cambio discursivo e heurístico das alternativas historiográficas en marcha no mundo, definitivamente afastada por tanto de toda tentación positivista. Unha historia literaria que dialogue coa propia historia efectual da serie inaugurada por Manuel Murguía e que integre o debate teórico sobre a historia en xeral, aberto por Annales e a historia cultural, e sobre a historiografía literaria en particular (de Barthes a Greenblatt, ou de Ricoeur a Bhabha, Valdés e despois), central ao longo de toda a posmodernidade. Unha historia literaria vacinada contra a exclusión, integradora, decidida ao autocuestionamento e á renovación metodolóxicos. Sobre iso, os editores teñen probabelmente algo que dicir e algo que facer.

[A ilustración é de Miguelanxo Prado e representa a Praça Sete de Belo Horizonte, a capital de Minas Gerais. Tómase do seu libro Belo Horizonte, Barcelona, Norma Editorial, 2006]

ps1. Vía Brétemas: amplo sector da emisión do Diario Cultural da Radio Galega do xoves 13 de novembro centrado nas relacións internacionais do libro galego e incorporado posteriormente ao Blog do Diario Cultural. Contén unha entrevista coa vicedirectora da Feira Internacional do Libro de Fráncfort, Mary Fé Boix, e tamén opinións de Manuel Bragado, Miguel Anxo Murado e Arturo Casas (17 11 2008).

ps2. Conclusións do V Simposio O libro e a lectura. O libro galego no mundo: presente e futuro na páxina web da AGE (20 11 2008).

ps3. culturagalega.org fala con Mary Fé Boix, Roberta Chinni e Amelia Guardiola, directivas responsábeis das Feiras de Fráncfort, Boloña e Guadalaxara respectivamente (20 11 2008).

ps4. Velaquí o apoio en formato pdf para proxección e o vídeo preparatorio, co mesmo material máis voz, da lúcida, crítica e moi amena intervención de Xabier Cid na mesa redonda do día 13 no V Simposio da AGE (20 11 2008).

ps5. Camilo Nogueira, “Un territorio común”, Vieiros, 3 de decembro de 2008 (06 12 2008).

Aberto por resurrección?

16 de Novembro de 2008


De quen é un blog? Esa era a cuestión da sexta feira. Preguntaba por non telo claro. Non se trataba dunha pregunta retórica, nin moito menos. E tampouco se non trataba dun residuo das numerosas atencións recibidas polo blogueiro que hai vinte días pechou por defunción e semella agora abrir por resurrección. Todo está por ver. Todo está por vir. Non hai nada certo e nada se sabe. Un quere pechar, en particular pechar esta fórmula, esta inercia, esta poética. Pero sería frívolo ignorar algúns consellos, algunhas recomendacións, algunhas esixencias de quen tamén fixeron blog (este blog), como traslocen as palabras recentes de Fra Vernero e de Igor. O certo é que un blog permite cousas como a que agora emprendo: complementar e compartir o dito noutro lugar, precisalo, abrilo a un público amplo. E Fra Vernero ten toda a razón, a facelo, quéirase ou non, coa autoridade asumida por un xefe de pista, que o problema é que logo se aplica —a autoridade— sobre troianos e tirios, sobre trols e conmilitóns. Xurdio asunto para unha comedia este da autoridade centrípeta do blogger! Velaí outra das obsesións no peche de outubro.

Ben. Acaso pola incapacidade persoal para desentenderme dun certo trobar clus, é inhabitual que o que os medios me atribúen tras algunha intervención pública garde a semellanza prevista co que eu quixen expresar. A culpa (?) que aí haxa só corresponde ao locutor, non se comparte. No simposio da Asociación Galega de Editores, onde atopei voces do blogomillo tan importantes e queridas como as de Cesare, Manuel Gago ou Fran Alonso, falei durante quince minutos escasos nunha mesa redonda que comezou con retraso, prorrogou practicamente até ás 15 h. e á que se incorporou un cuarto participante en principio non previsto, pero con certeza inexcusábel para a aclaración da cartografía coa que nos xogamos a proxección exterior da cultura de noso, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará (por certo, se non representar moito custo, eu cambiaba o de Creación por outro termo —Produción?— ou directamente eliminábao para a vindeira lexislatura e deixaba o rótulo abreviado en DXdeDF; porque dirixir a creación cultural parece indixesto e anacrónico, e estou seguro de que a sensibilidade dos responsábeis actuais do departamento así o recoñecerá). Presentounos co oficio e xenerosidade que son marca da casa o editor Fran Alonso. Con el e Bará estabamos na mesa tamén Helena González, Xabier Cid e un servidor. O público, numerosísimo, como nas intervencións todas desa mañá frienta. O gaiteiro do Obradoiro-Xelmírez, impenitente, ubicuo, eterno. Propoño ao Consello da Cultura Galega que lle pague unha xubilación anticipada e libere o raciocinio dese pentagrama. Vaticino: dentro duns anos algún antropólogo cultural demostrará que o desenvolvemento histórico das tarefas administrativas e dos debates intelectuais e/ou programáticos do CCG estivo profundamente afectado polo martirio gaiteiro, previsto en orixe para guiris ou peregrinaxe, pero incisivo e letal en realidade na res publica da nación, da usc, do concello, da hostelaría vip e da mesma diócese compostelá. Arma de guerra dos nosos inimigos malos esa gaita de diola!
Logo desta anotación rizomática irá outra máis lineal na que, ao fío das sempre fundamentais observacións de Manuel Bragado sobre a proxección exterior do libro galego, incorporarei unha parte do que dixen ou pensaba dicir no Consello da Cultura Galega o pasado xoves 13. É curioso: na presentación de Fran Alonso frivolicei coa morte morrida de Lándoa e agora, sen cálculo preciso e sen temor á contradición que estou a erguer, abro esta memoria de ultratumba. Que Fran, Chateaubriand e a Providencia, todos tres, o disimulen!
[A ilustración para o cartel do V Simposio O Libro e a Lectura. O libro galego no mundo: presente e futuro é de Abraham Carreiro. O deseño gráfico, de Pepe Carreiro]

Proxectarse fóra

19 de Outubro de 2008

En relación coa anotación anterior, menciono só tres cuestións de política cultural que deberían concretarse no que queda desta lexislatura e que é temerario seguir adiando: 1) a creación do Instituto Rosalía de Castro como plataforma global de interlocución da cultura e da lingua galegas no exterior, 2) a creación dunha entidade de xestión e coordinación da presenza do libro galego fóra de Galiza e de proxección exterior de autores/as, moi en particular a través da tradución e 3) a refundación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Hoxe mesmo, Manuel Bragado refírese desde a Feira do Libro de Fráncfort ao segundo deses tres puntos. Faino na súa columna no Faro de Vigo, no marco dunha lúcida consideración xeral sobre a presenza exterior da edición galega. Retoma así unha vella idea sobre a constitución do que propón denominar “Oficina do libro e literatura galega”.

No blog Brétemas, o editor ten formulado outras etiquetas alternativas a esa e mesmo presentou nalgún momento unha completa programación de tarefas para esa Oficina. Non concordo en todos os puntos da súa planificación, na que se fala adoito de narradores/as, entendo que polo maior potencial comercial destes fronte a poetas, ensaístas ou dramaturgos, e na que, alén da necesaria interlocución e asesoría pluralizada, se dá paso a un número acaso excesivo de entidades copartícipes (non sei se exactamente na xestión). Disinto tamén sobre a denominación suxerida, aquí máis pola música que pola letra (ademais, considero que habería que optar de inicio por un rótulo bilingüe inglés-galego). Pero sen outras reservas de peso, estimo que a análise de Bragado e a gran maioría das súas precisas notas para o desenvolvemento futuro desa entidade son impecábeis.

Bragado menciona con frecuencia a traxectoria do Ireland Literature Exchange, que por certo apoiou hai algúns anos a edición dunha antoloxía de poetas irlandesas traducidas ao galego editada e presentada por Manuela Palacios. Noutro lugar deste blog referín tamén o labor que leva a cabo o Estonian Literature Centre, editor por exemplo do Estonian Literary Magazine. Estonia e Irlanda son países tamén pequenos en poboación, periféricos en relación cos grandes centros históricos de alta cultura, marcados por unha historia nacional dura de sometemento e resistencia cultural, signados así mesmo pola sangría da emigración durante decenios e nalgúns casos por diásporas e deportacións masivas. Algúns parecidos hai.

As propostas que Galiza levou a Fráncfort son todas relevantes, de grande utilidade, brillantes, pero convén insistir nas urxencias de carácter orgánico e na fundamentación global da proxección exterior da cultura nacional. Non son quen de atopar explicación racional nin estratéxica de ningunha clase para que non se asentasen nestes tres anos de bipartito proxectos como os tres mencionados. Todos eles, dunha ou doutra maneira, figuraban no programa electoral de PSOE e BNG, e tamén, se non me falla a memoria, no compromiso de goberno que con bastante grandilocuencia se presentou á cidadanía o 23 de xullo de 2005 desde o CGAC. Ou é que se precisa unha lexislatura enteira para comezar a fixar as posicións de partida sobre eses asuntos?

inPOSTados (3)

6 de Outubro de 2008

“Paréceme que a cultura galega, ata agora, non soubo proxectarse verdadeiramente no exterior. Non abonda con que se fagan traducións de obras galegas a outras linguas, nin con que se creen lectorados no estranxeiro, nin con que se fagan expedicións a Cuba para gastar os cartos en mojitos. Por exemplo, o caso Steiner nunca debera ter ocorrido de termos feito o mesmo que fixeron en Cataluña. Pois ben puidemos ter con alguén de tanta relevancia intelectual atencións semellantes ás que alí se lle renderon”. [Xosé Luís Franco Grande, 2008]

Non dou creto a que isto, nin a maior parte do que arrodea a isto, o escriba (e o escriba tan mal) un académico da RAG. Non dou creto.

Cartas ao director

1 de Outubro de 2008

No ps2 da anotación inPOSTados (2) mencionei que enviaba unha nota a El País Semanal a propósito dunhas valoracións de Javier Marías sobre a furia galega na súa colaboración do pasado domingo 21 de setembro. Non saíu até agora aquela nota, como non saen a inmensa maioría das cartas a directores/as de medios de comunicación. E tanto ten, por suposto. Non é de cuestións miúdas do que querería falar hoxe. Nin tampouco teño unha lideira especial con este xornal, que creo que atravesa unha das crises cíclicas de soberbia intelectual e política que levo detectado nel desque o leo, por tanto desde o momento da súa saída, na primavera de 1976. Seguramente, por insuficiencias na cabina de mando e por pruritos múltiples (tamén dese tipo, si) na rede de cráneos privilexiados constituídos en choristes da cabeceira.

Cal é a lóxica máis frecuente nas cartas ao director que por aquí e acolá se usan? Creo que, correlativamente ao indicado neste lugar, as cartas utilízanse por moitos medios de comunicación de modo abusivo como cortalumes para marcar un territorio de control de análises e ideas. Convértense así en parapeto, parachoques, aduana. Con todo o respecto para as persoas implicadas, vexo unha boa mostra do que sinalo nas cartas consecutivas á entrevista a Steiner en EPS do 7 de setembro. Unhas liñas contidas e case institucionais de Henrique Monteagudo, unhas suaves observacións de Carlos Garrido, un cándido exabrupto de Inés Rivero de Aguilar Fernández.

Xusto a candidez do lector medio en relación coas cartas ao director é o que o conduce a pensar dúas cousas: 1) que as cartas publicadas representan ás cartas recibidas na redacción e 2) que calquera modificación dos contidos publicados está ligada ao alivio de espazo na maquetación desa sección do xornal ou dos seus suplementos. Nalgún momento puido ser así. Agora non.

Infórmome por aquí, de que Carlos Garrido asinou en realidade tamén co seu segundo apelido, Rodrigues (s final, entendo que porque o herdou ou porque lle peta), desaparecido en combate. E non só iso, senón que, como documenta a nota de AGAL referida, a carta enviada contiña elementos que minoran esa impresión de impo argumentativo que a un lle quedaba lendo a segunda columna da páxina 4 do dominical mencionado. Retiran o segundo apelido para aliviar espazo? Pode. Pero a carta seguinte asínaa unha señora que se chama, como dixen, Inés Rivero de Aguilar Fernández (Fernández, quen o dubida?, é moito máis fashion que Rodrigues). E non só iso, senón que esta lectora incorpora frases como esta: “Me sorprende y enfada que un hombre como Steiner […] haga semejantes declaraciones desvalorizando la literatura de mi tierriña galega” [curs. en orixe].

Para min é evidente a maquinaria política e a poleame imagolóxica que sustentan estas malas prácticas. Gallegos de lluvia y calma, na foto-fixa de Miguel Hernández. Eu, se hai que escoller, case fico coa furia maria(s)na.

[…]
ps1 (5.10.2008). A carta da que se fala no primeiro parágrafo deste post apareceu recollida en EPS o domingo 5 de outubro co título indicado por min mesmo, “Sobre ruidos y furias”. Anoto a casualidade faulkneriana do fío con Marías en “Peste de artistas” , nese mesmo número do dominical. Anoto tamén que se respectou a práctica integridade da mensaxe remitida, que figura case completa e case sen grallas. Debe recoñecerse o que hai, e así o fago. A análise feita segue en pé, naturalmente. Benchegado, pois, ao cortalumes (5 10 2008).
ps2. Steiner, VII Premio Reino de Redonda, foi nomeado Duke of Girona en 2007. Xuíz e parte o Sr. Marías? (15 10 2008).

Ars canendi, ou gabias baixas

27 de Setembro de 2008

Andei onte á tarde por Fonseca. O PEN Clube facía entrega dos Premios Rosalía de Castro a Álvaro Mutis, Jon Kortazar, Joan Margarit e Mia Couto. A Universidade de Santiago de Compostela sumouse á ocasión e o reitor Senén Barro entregou a Medalla de Ouro da institución ao novelista colombiano. Interveu como mantedor do acto Luciano Rodríguez, da Universidade da Coruña, con presenza e palabras tamén da conselleira Ánxela Bugallo. Copresidiu Luís González Tosar.

Deixo á marxe o ritual laudatorio e os discursos de xorne oficial, requintados de máis por momentos. Tamén a pouco sobria intervención do violinista, que debera interpretar con menos ímpeto e máis oficio a “Negra sombra”. Falo xa dos discursos dos galardoados porque é para o que abro agora o blog.

Kortazar, que pechou a rolda con emoción e oratoria de lei, estivo exactamente no seu papel (algo, como se verá despois, non tan doado). Falou do seu ingreso como lector no mundo das letras, soñando xa daquela a ponte de palabras que el contribúe a erguer desde hai ben anos entre as literaturas vasca e galega. Unha ponte pouco transitada, engado eu, que na memoria do profesor da EHU anota como pedra baselar unha mesa redonda de comezos dos anos 70 en Bilbo, con intervencións de Manuel María e Gabriel Aresti e con boura na sala.

De Joan Margarit, interesante poeta non homologábel a J.V. Foix nin a Josep Carner —discrepo do suxerido polo mantedor—, ficaría coa actio. Voz magnífica de barítono dramático e dominio do xesto no atril para transmitir a forza do hermeneuta que pervaga nos textos. Margarit equivócase emporiso no intento de recondución da tradición central na que Rosalía bebeu, que non foi a inglesa. É interesante con todo apreciar o modo no que a súa localización persoal como poeta o conduce a interpretar os poemas rosalianos, a fértil concomitancia co que na tradición das poéticas da experiencia en lingua inglesa se vén resolvendo desde o século XIX. Margarit le Rosalía desde esa tradición. E a iso ten todo o dereito do mundo, xaora.

A Mutis e a Couto ignoro que lles pasaba pola cabeza na hora boba na que redactaron ou matinaron os seus discursos, se tal fixeron. Seguín tenso as súas intervencións respectivas, sincopadas con segmentos inerciais, anémicos, disparatados…, e outros agresivos. Con certeza, sen pretendelo.

Mutis, por exemplo, quixo cantar as excelencias de Cunqueiro pero non documentou a mínima enciclopedia persoal sobre o país que o agasallaba. Glosou así os galeguismos na prosa do Cunqueiro das Crónicas do sochantre e de Merlín e familia, libros lidos polo autor do Maqroll na casa duns amigos barceloneses (e Corneille, mestre, metería el galicismos no Polyeucte?). Couto, infelizmente intemerato e olímpico, falou de Antonio Machado, García Lorca, Juan Ramón, Celaya… e un algo de Rosalía lidos no Mozambique natal. Ars canendi no salón nobre de Fonseca. Non se actúa así na casa do anfitrión. Fracaso no cálculo e coido que na iniciativa en principio cordial do PEN. Deberan repensalo todo e esixir como pouco un chisgo de correspondencia e un par de consultas na Wikipedia antes de entregar a placa.

Un exemplo de proxección cultural

19 de Setembro de 2008

Estonia é un país pequeno a carón dun xigante. Alcanzou a independencia en 1991, se ben antes desa data tamén se liberara da dominación estranxeira no período 1918-1940. A lingua estonia pertence ao tronco ugro-finés (non ao eslavo), o cal permite unha certa comunicación coa poboación finlandesa, amante das praias bálticas da zona de Pärnu, no Golfo de Riga. Non todos os habitantes de Estonia teñen a lingua oficial do país como lingua vehicular ou de uso familiar. Existe unha porcentaxe moi importante de poboación de orixe rusa. Representan un terzo do total e maioritariamente se comunican na lingua eslava que lles é propia. Así que quedan algo máis dun millón de persoas que teñen o estonio como lingua de seu. A literatura estonia experimenta desde 1991 unha emerxencia notábel, como en xeral todo o campo cultural, loxicamente amparado polo Estado. A pequena publicación trimestral Estonian Literary Magazine, con soporte impreso e electrónico (este con menos contidos e bastante limitado na parte gráfica), paréceme un magnífico exemplo das posibilidades que ofrece o inglés para unha efectiva proxección exterior da cultura e as letras nacionais.

Minhos e frangos

18 de Setembro de 2008

Algo sobre “Os camiños da vida” de Ferrín hoxe no Faro de Vigo e en La Opinión. Desde hai moitos anos estou convencido de que o único camiño transitábel para un reencontro efectivo de recoñecemento mutuo, aliviado de resentimento histórico, entre nós e os máis que plurais mundos construídos en lingua portuguesa —entre culturas e non só entre elites culturais ou grafías— non cruza o Miño senón o Atlántico. Eurorrexións á parte, Brasil debería ser meta prioritaria, ten de selo.

[…]

ps1. A fotografía corresponde a unha guía de Lisboa entregada cun xornal galego en 2004. A lenda sobreimpresa proclama: “El pollo, ingrediente básico del frango”.
ps2. Este post e algúns dos previos non corresponden á data nin á hora que Blogger marca.

De Steiner a nós

15 de Setembro de 2008

Orixinalmente publicado como anotación n’O levantador de minas (31 de agosto de 2008).

Posteriormente recollido por Brétemas (1 de setembro), polo xornal Galicia Hoxe (6 de setembro) e por Tempos Dixital (8 de setembro).

Non desexo polemizar sobre un asunto que me parece menor ao pé de tantos outros de dimensións máis serias, pero non me resisto a presentar aquí algunhas observacións que talvez fosen xa mencionadas por outras persoas en relación co que comezou sendo “caso Steiner”, derivou axiña a “caso Cruz” e eu estaría interesado en reorientar como “caso nós”. Dado que o espazo é breve, permítome enumerar unhas notas nas que concreto o meu criterio:

1. Non parece apropiado, xusto nin intelixente cualificar a George Steiner de ignorante. Tampouco o é dirixir a artillaría toda contra Juan Cruz polas liñas e as omisións da entrevista nas que hai referencia á lingua e á literatura galegas. Outra cousa é cuestionar a intervención dun e outro en cousas que aos axentes da cultura galega nos afectan de xeito directo ou indirecto.

2. Comezo observando que son excepcionais os casos de comparatistas que entenden a fondo e de verdade de máis de catro ou cinco literaturas. Fóra deses límites, bastante estreitos se temos unha idea non xerarquizada das culturas, o que os comparatistas citan provén adoito dun coñecemento parcial e non directo de textos e contextos, mediado en realidade polo dito por historiadores, críticos, antólogos e polo aprendido en enciclopedias ou a través de traducións (no de mediación emprego a propia terminoloxía de Steiner). Os comparatistas tradicionais, que son case todos incluído o autor de Language and Silence, dialogan en realidade cun canon pre-postulado como universal, trufado se acaso con casuais apuntamentos e contrapuntos menores tomados dalgunha literatura igualmente menor.

3. A literatura galega carece dun espazo propio e definido na cartografía dos comparatistas de prestixio e nas dos máis reputados historiadores das literaturas europeas ou da literatura europea como entidade, sexa isto o que for. En realidade, existe unha dobre alfándega —a portuguesa e a española— que é moi difícil salvar e que se concreta en primeiro lugar na desaparición ou inconcreción das raíces literarias medievais na construción dunha identidade propia (propia para os galegos e propia tamén para os portugueses e para os españois). Pode resultar sorprendente que a romanística non alcanzase a vencer eses atrancos, porén esa é a realidade que temos. Os alumnos portugueses de Bacharelato, p.e., poden chegar a ignoralo todo sobre o que significa Galiza en relación coa súa propia literatura nacional ou a súa nación. Hai poderosísimas razóns simbólicas, históricas e políticas de fondo, claro. Igual que na construción da idea de España. Igual que na da cultura occidental. Construír identidades, postular realidades históricas… ten moito de invención narrativa e de acordo máis ou menos imposto nunha determinada comunidade. Outras veces, ten tamén moito de xustificación e de lexitimación histórica, en particular se manexamos a vara de medir colonial e poscolonial.
4. O problema de fondo do caso Steiner tal como se veu desenvolvendo na prensa e nos blogs galegos semella ser dobre: a nosa representación exterior e a afectación diso sobre a nosa lexitimidade cultural/nacional. Iso é o que verdadeiramente debería interesarnos, alén de leas nas que os asuntos persoais ou corporativos —en sentido positivo ou negativo— desfiguren o debate. Un debate que, por certo, entendo oportuno e que, segundo observan Brétemas, o Levantador de Minas e outros bloggers, podería actuar como catalizador para unha auténtica discusión sobre a planificación da proxección exterior da cultura galega. Aquel dobre problema complícase nos dous discursos combinados na entrevista de Juan Cruz a George Steiner. Parece doer (a algúns) que aquel a quen tacitamente se concede algo semellante ao título de “maior humanista vivo” (MHV) ignore ou minimice a existencia da literatura galega e trivialice ou mesmo criminalice (a través da pouco fina alusión ao concepto de balcanización e da apelación latente á suposta violencia de certas gramáticas) algunhas linguas, algunhas actitudes, algúns dereitos, algunhas leis. Acaso axudase a entendelo, esa reflexión sobre a violencia e as linguas, a lectura das páxinas sobre o alemán de Heidegger e de Celan. Celan, o talismán da súa vida, ten dito Steiner. En segundo plano, parece doer asemade que aquel que algúns presentan como “amigo de Galiza” (p.e. o editorial de Xornal.com) non chegase a mediar nalgún sentido para que a agresividade verbal, moral e política de Steiner ou ben non chegase así a nós (ao público, e iso non é censura) ou ben recibise algunha clase de contraargumentación ou matización minimamente eficaces no contexto da entrevista (previsíbeis se o desprezo se dirixise á cultura española, ou, noutra escala, p.e., á canaria). Un terceiro plano de dor ou de molestia derivaría da comparación: Cataluña e o catalán, si; nós, a nosa lingua e a nosa literatura, non.
5. Vaiamos coa primeira dor ou afrenta. Como se ten observado por parte doutras voces, é evidente que Steiner posúe informacións escasas e terxiversadas sobre a realidade social e cultural galega. Fala de oídas e comete erros grosos na descrición dos feitos e da realidade. É algo común entre os comparatistas europeos cando falan de Galiza e da súa cultura. Non creo que por ser Steiner, talvez oínte da COPE ou lector de El Mundo, debamos prestarlle moito caso máis. E desde logo, discrepo absolutamente de quen propón enviarlle libros ou documentación para “sacalo do erro”. Non logro entender esa asunción aparentemente inxenua de subalternidade nin ese propósito de alcanzar por fin unha mirada xusta, beatífica ou cómplice do MHV. Se xeralizamos esa praxe quedamos sen fondos para a Biblioteca Nacional do Gaiás, pois son moitos os maiores humanistas vivos que xogan na liga de Steiner. Entón: afecta á nosa lexitimidade ou a nosa dignidade nacional a invisibilidade ou a escasa visibilidade coa que somos detectados en certos radares? Radicalmente, non. Temos que contestar como grupo/colectivo/nación esta clase de erros? Entendo que non. É máis, dou por sabido que a maior parte dos que se manifestan publicamente a raíz de episodios coma este, saben que falan no fundamental de portas adentro, para os de dentro, para nós. Steiner disto nin se entera. Cruz, en cambio, si.
6. Segunda dor, segunda afrenta. Con independencia do xuízo persoal que Juan Cruz merecese a cada un de nós antes do episodio —algo excesivamente presente nalgunha columna de opinión e na nota pública do PEN (por que dedicaría a metade da nota a presentarse?)—, nesta película el é un actor secundario. A súa actitude como entrevistador só debería molestar a quen considere que alguén co seu perfil público está para defender ou amparar referencias a terceiros, a terceiros coma nós, por poñer un caso (porque nós somos terceiros nos operativos mediáticos que Cruz xestiona; ou alguén ignora isto?). Malia Cruz, en efecto, formar parte dunha empresa e duns intereses determinados, en absoluto creo que nesta partida iso constitúa un referente fundamental das regras do xogo ou da estratexia de fondo. Orabén, hai outras facetas á marxe do acto e do momento da entrevista, outras prácticas, outros habitus… Hai unha traxectoria. Hai un aceptarse e postularse como interlocutor privilexiado coas provincias. Hai un sentirse cómodo co papel de canonizador do extrarradio. Hai un regusto aduaneiro. Hai unha funcionalidade apaciguadora, redutora e redutiva da pluralidade que hai fóra. Só pasan uns poucos, e de un en un. Cruz, un tipo simpático, seica, un tipo que vén de dicir que se sente ferido polo PEN galego, fala con algúns intelectuais e escritores, preséntaos no centro, delimita mesmo antecámaras nas que pode ir situando suplentes como Bieito Iglesias, un crack. A Cruz gústalle conversar, gústanlle as historias. Préstalle o ambiente Verines, como a moitos dos nosos autores e axentes. Naqueles mesmos días fala, tamén en El País, de Galiza = Praia de Santa Cristina e escolle informantes: Rivas, Reixa, un restaurador… Ve o que ve. Procura o sabor local, folcloriza, cata lagostinos… O método non variou tanto no que vai de Pardo Bazán (De mi tierra) para aquí. Hai quen contemporiza con isto. Hai quen asente. Para o que fai e quere facer Juan Cruz non precisa máis. Ás empresas ás que se debe tamén lles é abondo porque conflúen con Cruz na lei básica da partida: o centro é rico, plural e irredutíbel, non admite limitación a un par de nomes; os outros centros son homólogos en riqueza e pluralidade; nas marxes rexionalizadas abonda con sinalar unha representación en singular, o seu mundo é menos rico, máis uniforme, é un complemento (isto asúmeo tamén a prensa local e actívao como mecanismo permanente de representación da realidade cultural). Esta é a política, non só en PRISA, claro, non só en España, non só en Galiza. Todo centro exerce ese control porque, se non, non é centro. Todo centro aspira a asimilar e metabolizar o que os seus vixías sinalan como valioso no extrarradio, e se de paso se consegue minorar iso que era alleo e se fai propio pois mel na filloa (v.g.: “100 escritores en español [Manuel Rivas, Carme Riera, Bernardo Atxaga e outros…] eligen los 100 libros que cambiaron su vida”, EPS). Quen descoñece estas regras?
7. Terceira molestia: que eu saiba Steiner ten seis libros traducidos ao catalán, entre eles o último da súa produción. A produción traducida forma parte da produción cultural. Steiner é xuíz e parte neste caso. Que eu saiba Steiner non ten libros traducidos ao galego nin ao éuscaro. Os límites da súa linguaxe ou das súas linguas —as que sabe, as que entende, as que lle menciona o seu axente— son tamén nel os límites do seu mundo. Parece ser que nunca estivo aquí, onda nós. En Barcelona si estivo, non hai moito. E foi ben recibido e moi celebrado. Unha súa conferencia transmitiuse en directo nunha web municipal. Pero, ollo, non creo que agora sexa tempo de pensar en invitalo a que veña. Atención, AELG: nin cantigas nin agarimos, por favor.


8. O caso somos nós. Paga a pena pechar o suplemento dominical e entrar con forza na segunda feira para tomar decisións adiadas durante excesivo tempo por institucións, medios e gobernos: como identificarse e autorrepresentarse?, como proxectarse e dialogar coas representacións que as outras culturas fan de nós?, como xestionar o noso desigual legado cultural e literario (da Idade Media ao século XIX) e a excelente hora presente (séculos XX e XXI)?, como convencer(nos) de que tras o hiato histórico de séculos seguimos sendo nós e somos tamén outros?, que interlocutores elixirmos?, que medios?, como dialogar coa Galiza que non se identifica con esa tradición?, como suxerir a comparatistas como Claudio Guillén que se Rosalía fala mal de Castela e da súa paisaxe non é porque tautoloxicamente renuncie a calquera experiencia do outro senón porque existía a sega e existía a historia?, como marcarse un rumbo serio e firme e non entreterse con Steiner nin con Cruz nin co sexo políglota dos anxos?