Ramón NicolásArchive for the ‘’ Category

Cunqueiro: libros que non foron

23 de Xullo de 2009

 

 cunqueiro-ca-19503

O máis estimulante de abrir botica é a trastenda. Despois da anotación do outro día sobre a conferencia inédita de Álvaro Cunqueiro en Ourense chegáronme por vía privada algunhas mensaxes curiosas, incluída unha de alguén que eu non sabía que vivía. Podo dicilo abertamente, isto último; que ninguén me atribúa inconveniencias nin descortesía. Ela mesma, a dama da que falo, pediu con sentido do humor que o comentase, aínda que sen dúbida escusará se le as liñas de hoxe que non supere este límite. Unha das mensaxes sobre aquel Cunqueiro de 1933 escribiuma Ramón Nicolás, quen, coa xentil elegancia que nel todos recoñecemos, menciona unha publicación recente en Madrygal, a revista que edita desde 1998 a Universidade Complutense. O caso é que no último número desta publicación dirixida por Carmen Mejía, o amigo Nicolás informou sobre un suplemento que La Región botou a andar naquel mesmo ano da conferencia no Liceo sobre Colmeiro. Un suplemento que o xornal puxera nas mans de Manuel Luís Acuña e de Ramos Colemán. Interesoume moito no artigo de Madrygal unha especie de autoentrevista de Cunqueiro na que fai mención de proxectos seus daquel momento tan complicado na historia do país e menciona unha serie de libros que puido escribir, que pensaba escribir, e non escribiu; asunto este por certo moi propicio a unha liña de pesquisa que nos últimos tempos cobrou enorme actualidade na crítica e do que recentemente tivemos mostra nunha reportaxe xornalística de Daniel Salgado. Reproduzo só unhas liñas do Cunqueiro autointerpelado e chamo a atención sobre os valores que el propio deita sobre a obra que daquela acumulaba e mais sobre os proxectos que reclamaban con forza a súa atención creadora:

 

 

1933 chegou con certa lediza. Livros de Iglesia Alvariño, Bouza Brey. Un livro meu, de 1931-32: Poemas do sí e non. Outro livro meu escrevido en dez días composteláns: Cantiga nova que se chama Riveira. A miña maior obra: Papel de Color. Matino dar outro livro iste ano: Tres herexes simpres e incompretos. Ao millor: Ensaios de arte e literatura aitual.  Fago poesía. Os tantas veces intentados poemas en prosa do Caderno de un Mapa iñocente. Logo Adolescenza en inverno, na mesma liña de Mar ao Norde. Intento, por terceira vegada xa, teatro e novela. Teatro sobre todo. Non sei até que ponto o lograrei. Matino un caderno anónimo deshomanizado, un boletín literario i-artísteco “comercial”, unha gran serie dos Papel de color. Non sei que farei de todo isto. Perdín o senso: do posível i-o imposível. En chegando a un certo ponto tanto da pra riba coma pra baixo. Creo que 1933-34 serán dous bos anos pras letras galegas, a pesares da políteca e do chicolate canónigo das seis. Tamén creo que teño sono e non sei que cousa seña o estar calado.

 

[Fotografía de Cunqueiro contra 1950. Na man esquerda a plaquette autoeditada baixo o selo Edizós do pescador de cana, con tradución dalgúns dos poemas de Hölderlin]

 

 

 

O “Breviario” de Nicolás

28 de Xaneiro de 2009

Transcribo e asumo o apuntamento que abre o “Breviario” de Ramón Nicolás no número 36 da revista Biblos, que acaba de chegarme. Os escritos de Nicolás parécenme sempre sensatos, lúcidos, transparentes. Ten unha poderosa capacidade para a argumentación e tamén para a comunicación. Sen alzar a voz. Coa constancia dos prudentes. Os seus breviarios na publicación que dirixe Carmela González dan forma sempre ao que é necesario manifestar e ao que sería mester concretar para construír un campo cultural máis dinámico e autónomo. Constátase aquí máis unha vez:

Desculpen os lectores que retorne ao asunto da crítica literaria galega, asunto que talvez a poucos importe mais si a quen isto subscribe. Chámame poderosamente a atención como algúns eventos de carácter cultural, organizados por asociacións ou institucións de diverso xorne, mais vinculadas co libro de noso, ou mesmo coas industrias culturais de noso, evidencian un esquezo, ao meu ver magoante, respecto da presenza que este colectivo, organizado nunha sección homónima no seo da Asociación de Escritores en Lingua Galega desde hai dous anos, debería ostentar nos foros nos que se atende tan xenerosamente a outras realidades. O noso é un elo, se cadra estea de máis dicilo pero talvez cumpra lembralo, básico nese percorrido que o libro fai desde as instancias creativas até chegar ás mans do lector ou da lectora. Imaxinen vostedes que, de súpeto, desaparecesen totalmente das follas dos nosos xornais, dalgunhas revistas, dalgúns blogs ou páxinas webs, dos suplementos culturais e literarios, as referencias aos nosos propios libros: estes serían aínda máis invisibles, como tamén os seus creadores, e as editoras que os fan posibles…, e teño para min que o colectivo arriba mentado aínda o é. Pódese estar máis ou menos de acordo coa actual crítica, abofé, mesmo discrepar dos xuízos e opinións dos que a exercemos, mais o papel que cumpre na cadea do libro galego non se pode, ou debe, ignorar.

[O crítico Ramón Nicolás nunha fotografía tomada da páxina web da Editorial Galaxia]