relixións do mundoArchive for the ‘’ Category

Tremelica o poleiro azul

10 de Setembro de 2009

 

vazquez-vs-aymerich

Tremelica. Logo cabalgamos.

Orabén, hai algo que non se entende. Algúns deputados da oposición retaron ao conselleiro Vázquez a dar os nomes dos altos cargos do bipartito que envían aos seus fillos ou fillas a escolas privadas con separación escolar por sexos. A maioría dos deputados fixeron cuestión diso e doutras miudezas que son estritamente anecdóticas e pertencen á vida privada das persoas e das familias.

A cuestión evidentemente non era esa. Con independencia de que poida existir falta de coherencia entre a posición política pública e a escolla persoal nun ámbito tan decisivo como este da opción polo ensino público ou polo ensino privado, tan a miúdo confesional. Con independencia de que optar (este, aquela, esoutro) polo ensino privado presupoña sempre unha aposta por enfraquecer o ensino público, por restarlle financiamento, por contribuír a un reparto inxusto das cargas fiscais e moito pero moito máis…

Pero a cuestión non era esa, reitéroo. Mais unha vez, o nivel dialéctico e político dos parlamentarios galegos quedou en evidencia. A cuestión é estoutra, señores e señoras deputados: como é que o máximo responsábel da educación no país dispón para uso propio dunha lista de pais /nais que fan uso dun dereito recoñecido polas leis? E tamén esta segunda: Como é que este señor se permite usar esa información como argumento político e a publicidade deses datos como ameaza en sede parlamentaria? Pero non o ven? 

As listas, en todo caso. Unha vella tradición da caverna. O bo é que cabalgar cabalgamos. Case todos.

 

[Na foto de hoxe en El País, Negreira intenta calmar, entre cadeiras azuis, o ardor desideoloxizado a apolítico do conselleiro Jesús Vázquez]

Dixitopuntura

30 de Agosto de 2009

 

Falouse algo por aquí do uso do furabolos na esfera pública (sobre a súa rendibilidade na esfera privada non é preciso ofrecer detalles). Hoxe sería ben ampliar algo a mirada para atender outros planos. En especial, despois de sabermos que a conselleira de Sanidade dedicou unha parte das súas vacacións de agosto a reler a terceira encíclica de Ratzinger, Caritas in veritate (2009). O cal, como é lóxico, a nós nin nos vai nin nos vén. En todo caso, trátase dun texto que se le en menos dunha hora, polo que cabe imaxinar que Pilar Farjas tería tempo para ler ou reler, ademais, outras pezas teolóxicas ou de literatura fantástica e pode que incluso algún ensaio de certo nivel intelectual.

Ler encíclicas non é un pracer para quen suscribe, pero algunha teño lido. En xeral, as últimas parécenme sobreabundantes de soberbia e prepotencia moral e deficitarias en racionalidade. Nada raro, pensarán as lectoras. Certo, porque as relixións funcionan basicamente como corsés vantaxistas da razón e como correas de control social e político para a administración do que seguen chamando (faino de novo Roma) a verdade.

wojtyla-e-cardenalA primeira fotografía que incorpora esta anotación está na memoria de toda persoa de certa idade. Karol Wojtyla, na súa chegada a Managua en 1983, reprendía publicamente ao ministro de Cultura e sacerdote Ernesto Cardenal á vista de todo o mundo (de todos os televidentes do planeta) pola súa implicación coa revolución sandinista e quen sabe por que motivos máis. En fin, algo si que se sabe sobre esas razóns complementarias. Serían seguramente as mesmas que poucas horas despois proclamou o Papa de Roma nunha misa diante de bastante máis de medio millón de persoas, talvez a terceira parte da poboación de toda Nicaragua. Cardenal ten contado que a idea daquela homilía do Papa polaco era someter desde a autoridade espiritual a revolución en marcha. E resulta evidente que algo diso houbo revisando agora o texto. O caso é que entre o público emerxeu unha resposta firme que incomodou a aquel home visionario vestido de branco: “Poder popular!! Poder popular!!”. Isto berraban os fieis contra as palabras de quen pasou de inmediato a reclamarlles silencio. Non podo evitar asociar estas escenas coas de Ceaucescu en Bucarest tres ou catro días antes de ser fusilado; non, naturalmente, porque as historias sexan paralelas senón polo xeito no que as masas ditan sentencia ás veces dun xeito imprevisto pola dirección de escena.

Joseph Ratzinger di que en Caritas in veritate fixa a doutrina social da igrexa católica. E di tamén algo que coincide en moi alta medida co dito por Wojtyla en Managua. Que quen manda e marca o rumbo en cuestións de fe e de actuación pública dos membros desa igrexa (sacerdotes, congregacións e laicos) é Roma. Pilar Farjas, vese que estimulada por eses principios, pronunciou na Semana de Teoloxía e Pastoral celebrada estes días na Coruña unha conferencia titulada “El compromiso político vivido desde la fe“. Probabelmente, non o sei, puido glosar algúns contidos da encíclica que estudou para preparar a súa conferencia e que leu e releu (isto indica que non ten moita memoria a conselleira de Núñez Feijóo: a encíclica tivo saída pública o día 7 de xullo pasado, de modo que non puideron pasar nin cincuenta días desde a primeira lectura). Contidos como estes, por exemplo, que semellan fulcrais na articulación argumentativa —digámolo, piamente, así— dos 79 apartados da encíclica de Joseph Ratzinger e que aparecen nos puntos 28 e 56 (as reiteradas cursivas pertencen ao propio texto):

28. Uno de los aspectos más destacados del desarrollo actual es la importancia del tema del respeto a la vida, que en modo alguno puede separarse de las cuestiones relacionadas con el desarrollo de los pueblos. Es un aspecto que últimamente está asumiendo cada vez mayor relieve, obligándonos a ampliar el concepto de pobreza y de subdesarrollo a los problemas vinculados con la acogida de la vida, sobre todo donde ésta se ve impedida de diversas formas.

La situación de pobreza no sólo provoca todavía en muchas zonas un alto índice de mortalidad infantil, sino que en varias partes del mundo persisten prácticas de control demográfico por parte de los gobiernos, que con frecuencia difunden la contracepción y llegan incluso a imponer también el aborto. En los países económicamente más desarrollados, las legislaciones contrarias a la vida están muy extendidas y han condicionado ya las costumbres y la praxis, contribuyendo a difundir una mentalidad antinatalista, que muchas veces se trata de transmitir también a otros estados como si fuera un progreso cultural.

 

 

56. La religión cristiana y las otras religiones pueden contribuir al desarrollo solamente si Dios tiene un lugar en la esfera pública, con específica referencia a la dimensión cultural, social, económica y, en particular, política. La doctrina social de la Iglesia ha nacido para reivindicar esa «carta de ciudadanía» de la religión cristiana. La negación del derecho a profesar públicamente la propia religión y a trabajar para que las verdades de la fe inspiren también la vida pública, tiene consecuencias negativas sobre el verdadero desarrollo. La exclusión de la religión del ámbito público, así como, el fundamentalismo religioso por otro lado, impiden el encuentro entre las personas y su colaboración para el progreso de la humanidad. La vida pública se empobrece de motivaciones y la política adquiere un aspecto opresor y agresivo. Se corre el riesgo de que no se respeten los derechos humanos, bien porque se les priva de su fundamento trascendente, bien porque no se reconoce la libertad personal. En el laicismo y en el fundamentalismo se pierde la posibilidad de un diálogo fecundo y de una provechosa colaboración entre la razón y la fe religiosa. La razón necesita siempre ser purificada por la fe, y esto vale también para la razón política, que no debe creerse omnipotente. A su vez, la religión tiene siempre necesidad de ser purificada por la razón para mostrar su auténtico rostro humano. La ruptura de este diálogo comporta un coste muy gravoso para el desarrollo de la humanidad.

De todo o que en Caritas in veritate manifesta Ratzinger, nunha prosa obscenamente tautolóxica alén de manipuladora e falseadora da verdade empírica nalgúns momentos, o máis preocupante parece a determinación coa que se afirma a necesidade de participar Deus (en fin, deus, os deuses e demais postulacións confesionais) na esfera pública. Particularmente na súa dimensión política! Deus na esfera pública no século XXI falando pola voz das xerarquías eclesiásticas e esixindo ser parte nas decisións políticas que afectan á comunidade. Pero de verdade será alemán este home? E Farjas, a Farjas que, por suposto deixando á marxe a súa condición de membro do goberno (como se fará iso?), dixo cousas —en público!!— como que “Es pecado limitar el uso de un elemento de comunicación como la lengua”, será de Teruel ou será de Marte?  Será turolense ou será marciana a máxima responsábel da farjas_pilar_toma_posesion2sanidade pública galega cando di en público que “el ateísmo deja a la gente sin fuerza moral”? Someteranos a dixitopuntura para curarnos, aos ateos? Será obrigatorio vacinarse contra o ateísmo e comungar con rodas tautolóxicas king-size antes de pasar a consulta? Instalará confesionarios nos corredores do antigo Hospital Juan Canalejo? Carafio, ese señor si que tiña forza moral; eh, Farjas! Pasará a noción de “pecado” ao novo estatuto de rexión? Que sei eu, algo deste estilo: “Artigo 1. Galicia, rexionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ó seu autogoberno, de conformidade coa Constitución Española, o Concordato e co presente Estatutiño, que é a súa norma institucional básica despois do Catecismo”; “Artigo 5. A lingua propia de Galicia é o castelán. Será pecado venial falar galego. Será pecado mortal insistir en falar galego, particularmente fóra de usos folk ou das encherolas do día do patrón cos ancestros rurais”.

Algún día chegará no que a clase de discurso da conselleira de Sanidade perda a escasa lexitimidade que conserva e conleve en consecuencia, pronunciado en voz alta nun lugar público por un responsábel gubernativo, o inmediato cese nas súas funcións (ocorrería xa, por certo, se Farjas fose parroquiana doutras peñas, khariíta p.e.). Iso non acontecerá, con todo, mentres teñan vixencia os acordos de xaneiro de 1979 entre os estados español e vaticano, pero eses papeis, como todo, teñen data de caducidade. Chegará o día. O día no que as diferentes igrexas e confesións “regularicen a súa situación”, por empregarmos nós a frase coa que Wojtyla fixo dixitopuntura no ollo dun xenuflexo poeta de pelo cano nun lugar de Centroamérica en 1983.

 

[Na foto en branco e negro Wojtyla reprende a Ernesto Cardenal en branco e negro no aeroporto de Managua, 1983. Abaixo, en coloríns de entretempo litúrxico, a conselleira Pilar Farjas e a súa perruqueira (esta última in absentia) xuran en 2009 o  cargo no goberno. O que semella crucifixo confesional de ouro na parte inferior esquerda desta fotografía de EFE é en realidade un crucifixo confesional dourado]

cEnsura = bOndade ou nube/fraga de tags (poema transcrito do natural)

26 de Xullo de 2009

 

 

fraga-iribarne

 

 

resistencia non máis     a censura pode ser precisa pode ser precisa precisamos máis censura máis censura censura precisamos en certas condicións a censura pode ser necesaria porque en certas condicións a situación     esixe de todos a censura e o premio pois é o pobo e só o pobo e só o pobo quen premia a situación sitúa a normalidade censura en certas circunstancias censura natural o vello di que se deixe traballar          ao amo que non é tal que precisa censura por sentido común a censura pode ser precisa a censura agora como é natural que                     a censura é precisa porque si iso é certo   coas elites e o  resistencialismo non se vai a ningures o resistencialismo resiste resístese e non permite a violencia cordial de vencelo e anular presenza o pobo ordena censura           iso é ás veces é necesaria a censura (practicada por nós) e vós debedes entendelo debedes entender que é precisa a rendición das elites como Castelao o entendeu ao falar da tradición franqueade as portas á censura da Santa Compaña porque é bo para todos e todas para todos a censura é boa para a cordialidade como é natural a censura nosa xa o estades a ver todos é harmónica e natural a censura a censura si por sentido común e el debe traballar como é natural polo pobo si polo   pobo e punto  sen máis incordio de resistencia.

 

 

 

 

 

 

 

 [Manuel Fraga Iribarne fotografado por Benito Ordóñez]

Véxase aquí unha prosificación do anterior. Calíbrese, tras vela, a inmediata influencia da Doutrina Lándoas-Kruschov sobre Cando-se-Debe e Cando-se-Non-Debe Aplaudir un discurso supostamente institucional reconvertido a ataque directo contra un(s) que está(n) no público ou, noutras variantes, a groseira declaración partidista ou mesmo a apoloxía do fascismo. De ser exacto o que relata Xornal de Galicia, só de ser escrupulosamente exacto, ben por Laxe e ben por Touriño. Agasallo para eles (allegro moderato). Deshonra para os felóns (por certo esta palabra encantáballe usala a ese señor a finais dos 80).

  

A razón prostética na Quintana dos mortos

28 de Maio de 2009

O adxectivo tómase da psicanálise freudiana vía Hal Foster, por suposto. A razón como prótese. A racionalidade como aquilo que incorporamos ou non aos nosos actos físicos, ás nosas construcións mentais e simbólicas, ás nosas relacións cos outros e co mundo, en función de non sabemos exactamente que clase de escolla. Razón e pel, difícil mestura, ou algo así, di Jarabe de Palo nunha canción. Iso por exemplo. Pero non falo agora de amor, non dese amor. Falo de relixión. 

robert_gober_einleitung1

De relixión, crenzas, ideoloxía, teodiceas. Algo que a Foster (Prosthetic Gods, 2004) interesa como exploración psicanalítica, e á vez como crítica dela, por aplicación á cultura artística masculina da modernidade e da posmodernidade. O problema diso é a condución a relato da produción artística, de instalacións como esta, Sen título (1997), de Robert Gober en Los Angeles Museum of Contemporary Art. No capítulo final de Deuses prostéticos Foster fai algo necesario á hora de presentar a instalación aos seus lectores: conta o que había en torno dela e que as fotografías non poden amosar de xeito directo e completo. A virxe, de bastante máis altura que o que poida parecer nestas fotografías, atopábase sobre un gran rexistro de augas pluviais, a escaleira que está ás súas costas e que na foto superior enmarca tronco e cabeza conducía a un cadoiro de auga (650 litros por minuto caendo), a través das maletas víase unha outra corrente nunha piscina na que un home camiñaba levando no colo un cativo (só se vían as pernas), etc., etc. Titula Foster o capítulo “Enigmas, redencións, malleiras”.

robert-gober1194025431

Esquecía indicar que debaixo do rexistro había, seica, outra piscina. Nela, enormes penes humanos movidos pola corrente, outra corrente de auga. Por que lembrar isto a propósito do asunto que hoxe debatimos en tres capítulos sucesivos? Insinúo algo sobre a correlación dos chanzos de Gober e a escalinata que ascende da Quintana dos mortos á Quintana dos vivos? Propoño alegorizar a morte entre as maletas de San Paio e a Porta Santa acaso? Por que tantas correntes verticais e horizontais? Alguén pode axudarme a dicir o que querería dicir? Falo de relixión e de prótese teolóxica? De fe e razón? De violacións e abortos? De oración e argumentación (minutaxe: 7-9 en particular, onde Cañizares, o cardeal, bota contas: a cantas violacións dá dereito un aborto? Uf, uf, uf, ufff…)? Tamén por referencia á ideoloxía?

quintana

De vivir o tipo que asoma inexplicadamente nesa ventá do edificio a carón da Casa da Parra acaso el…, acaso el sabería contar mellor ca Foster o porque do tubo que atravesa á Virxe encima do gran cemiterio líquido de falos humanos tallados, ou simplemente desprendidos? E o deán, como nolo contaría o deán do cabildo compostelán todo isto?

Isto dos delictos e das impunidades, isto do misterio mariano do tubo helicoidal que atravesa o útero sen mácula?

Iso xustamente, todo iso. O do tubo salomónico tamén (hai violacións…, hai abortos…, total: fifty-fifty e todos pa’casa, non si, cardeal?). Ah, Salomón, canta sabedoría no tubo e nas hélices. Claro, o nome é SaloMÓN, de aí a autoridade. Se o rei Salomón se chamase Crispín, sería tan sabio? Ca! Todo iso, todo iso, todo iso. Pero sen esquecer Irlanda nin o rexistro nin as maletas nin as correntes nin as monxas misioneiras do Informe O’Donohue nin as contas (a como sae cada violación anal?, a canto a felación?, a canto a eterna impunidade?). Pero que non esqueza o tubo, por favor. O tubo é importantísimo. E o tipo da fiestra tamén.

A mitra do escaravello

28 de Maio de 2009

manuel_vilarinho-fragmanuel_vilarinho-frag-inv

Coa anotación anterior pretendín introducir un asunto para a reflexión que me parece capital. Existen para min agora mesmo dous eixes que merecen absoluta atención nas coordenadas nas que estamos: un é o da impunidade, outro é o da eficacia da linguaxe-razón. No fondo, son o mesmo problema, desde logo. Interésame pensar nese marco a construción social dos imaxinarios e tamén outras cousas igualmente grandes. Pero neste momento interésame reflexionar sobre a entidade argumentativa da blogosfera, do blogomillo, como movemento de contributo político para o desenvolvemento dunha acción racional no espazo público. A cuestión principal pode formularse así: en que modo aprisiona a linguaxe pública a toma de conciencia sobre a realidade? Xa se sabe que noutros momentos apareceron propostas, incluso no ámbito da estética, para a activación dunha dialéctica negativa. No campo artístico isto conduciu a repensar a vellísima noción de mímese, e aí o expresionismo alcanzou metas que non se deben menosprezar. Como usar a linguaxe e a razón nas coordenadas de campo actuais (aquí, digo aquí, non penso noutro lugar agora mesmo)? Como des-figurar e des-montar o habitus cultural que conduce a entender como normal (aquí, tamén aquí) que xeracións e xeracións de cativos socialmente desprotexidos fosen material sexual funxíbel para o catolicismo irlandés, para os sacerdotes católicos irlandeses, sistematicamente ao longo do tempo, sistematicamente ao longo do tempo… e non pase nada de nada? Por que razón se reduce iso a excepcionalidade? Por que motivo se acepta como normal a permanente intromisión política da xerarquía eclesiástica católica nas estruturas de goberno e da administración, na capacidade de decisión política sobre como vivir e como morrer, tamén por tanto na realidade diaria dos cidadáns, e non pasa nada e non se cambia nada?

A ineficacia da linguaxe mimética, a ineficacia da razón, a impunidade, o secuestro das liberdades, o cinismo social, a hipocrisía institucional e a súa frivolidade mercantil diante dun corpo violado… Velaí unha axenda aberta, tamén para a blogosfera. Só algunha das súas páxinas, claro. Hai outras. E pode que máis perentorias.

Nada que facer logo? Realmente, nada que facer con só a linguaxe e a razón? Que eficacia podemos ter? Con que grao de intervención nos contentamos?

[Fotografía de Manuel Vilariño, Cruz negra, escarabajo rojo (2001). Fragmento e fragmento con inversión cromática]

Espazo sacro, danza sacra, política de deus, corpo social

28 de Maio de 2009

O Arcebispado e a praza da Quintana. Como tratar este asunto tan vello?  As idas e vindas do festivo, do teatral, da música, do sacrificial e da política entre altares e adros? Mt 21,12-17? Desde logo, e tamén o proceso medieval e a protesta dos poderes ante o exceso de ruído, os camiños de dentro a fóra do templo, entre o drama litúrxico e os moi populares misterios, entre  a festum stultorum e outras variantes xocosas e subversivas de ordes e xerarquías, nas que a xoglaría o o laico facían osmótico o espazo liminar arredor do sagrado e o mundo se puña por momentos do revés e entraba no sagrado sen saber ben a que. Asnos orneando diante do altar, nenos-bispos, a representación do salvaxe exposto á mirada civilizada e redentora da súa natureza espida… O sagrado lese nas palabras de arcebispo e deán, agora, como núcleo centrífugo que gaña de novo terreo á esfera pública e reclama algo que a min me parece relevante: a política faise dentro. Eis a cerna da intervención que insiste sempre en incorporar o institucional-público en actos litúrxicos que deberan ser privados, acolle a voz do poder sedado e domesticado e denuncia, en cambio, o canto de xoglares e bufóns vociferantes arredor do templo. Silencio aí fóra, cidadáns, o poder recóllese a orar e decidir dentro!

Abonde hoxe Martin Codax (con Manuel Vilariño):

 manuel_vilarinho

  

Eno sagrado, en Vigo,

Baylava corpo velido:

Amor ey!

 

En Vigo, no sagrado,

baylava corpo delgado:

Amor ey!

 

Baylava corpo velido,

que nunca ouver’ amigo:

Amor ey!

 

Baylava corpo delgado,

que nunca ouver’ amado:

Amor ey!

 

Que nunca ouver’ amigo,

ergas no sagrad’, en Vigo:

Amor ey!

 

Que nunca ouver’ amado,

ergas en Vigo, no sagrado:

Amor ey!

 

 

   

[Fotografía de Manuel Vilariño, Cruz negra, escarabajo rojo (2001)]

Exilio índico

26 de Marzo de 2009

Cruzáronse datos hoxe na memoria de toses e alérxenos. Lembro como un dos días de gloria da infancia a primeira vez que subín a un Tabeirón. A un Citroën DS negro, contra o ano 64, aquel verán no que viñeran Mascarenhas e a tía Mucha desde Marrocos, onde vivían coas nenas. O país alcanzara a independencia pero eles seguiron uns anos alá, no vello protectorado francés. Lembro aquela tarde, especificamente, non sei por que razón. O momento xusto de cruzarmos a rúa do Orzán e logo, chegando xa ao cine Goya. Eles falando en francés e eu atrás coas curmás e creo que moita xente máis. Cantos entraban nun Tabeirón? Ignóroo. Pode que nese momento cruzase algún coñecido a Cordelería desde Comandante Fontanes, rúa esta onde a finais dos 60 os nenos franquistas iamos facer ximnasia con bolsas de deporte exactamente iguais ás que levaban os obreiros da construción no autobús aquel das sete e media da mañá. E pode que me vise, aquel coñecido, a través da ventá do auto. Ignoro a razón pola que ese lugar a carón do Goya pasando na Goddess quedou fixado con tanta imprecisión na memoria do cativo que fun, case como un resto onírico que moven as ondas na praia. Ignoro igualmente a razón pola que lembrei hoxe o exilio frustrado de Corina Porro (pobriña ela, que despois da vitoria de Speedy Núñez ten que contentarse co Senado!). E ignoro cal foi a pulsión que me levou a conectar exilio e Mascarenhas. Ou, aínda polo medio, a vella idea, con moito predicamento entre nós, de abrirse de aquí por non aturar o sitio, a xente, os costumes… Renunciar a todo, incluída a lingua. De Rosalía a Corina, a fenomenoloxía é ampla. E nese momento pensei, “é, ho, ampla de carallo” (un elo máis este no conto de hoxe, que non acaba de deixarse contar). Entón, ocorréuseme a vella teima, a carón da previa, de fundar, no mellor estilo Utah, reservas espirituais ou espirituosas para xente especial, rara. Galego falantes, poñamos por caso. E logo dei coa lembranza de romances de Augusto Abelaira e de Mário Cláudio. As belezas de Madagascar e da costa africana (as belezas naturais pero de xénero, quero dicir) leváronme ao amigo Larraz, xa reformado na Borgoña.
Pero ao que ía, e xa sen blogorrea: sabían vostedes da existencia das Mascarenhas Islands? Sabían vostedes que esas illas índicas, ao leste de Madagascar, comprenden unha chea de arquipelaguiños, illotes volcánicos e penedos minúsculos xunto con zonas máis amplas e habitadas? Sabían vostedes, amigos e amigas meus, que unha desas terras habitadas é Illa Mauricio e que o goberno desa illa administra outros territorios formalmente non constitutivos da República? Sabían vostedes, aínda, que un deses territorios, conformado por dezaséis penedos pequerrechos (de aí o seu nome?), ao noreste de Mauricio, recibe o nome de Cargados Carallos Islands? E remato xa o interrogatorio: sabían vostedes, pacientes lectores, que outra das illas desa gloria das Mascarenhas se chama Agalega Island?

Ben, pois algúns dirán que si. Que sabían. E pode. Igual fixeron por alí a dita lúa de mel, algo relativamente común polo que vou sabendo. Pero, en fin, o caso é que temos aí a man un lugar para o exilio, para a colonia de puretas. Unha Nova Utah non mormónica senón, como outrora nas Alpuxarras, galega. Galega coma nós. O nome é a cousa, non si? Pois veña, todos aló. Se Corina marchaba, nós non seremos menos ca ela.
De irmos aos Carallos Cargados (ou era ao revés?) eu opto polo Îlot Siren. Abofé que liquida estreses esa sonoridade lenta. E de irmos a Agalega, que optimizando recursos se decidiu por un aeroporto king-size, no canto dos tres mediocres nosos, case me pediría a cuíña Emmer, máis que nada por estar lonxe de vós.

[Mapa verídico das Cargados Carallos Islands, no Índico]