revistasArchive for the ‘’ Category

BGL

12 de Xuño de 2009

tollii-porta-1991

Vinte anos e corenta números, algúns deles dobres, do Boletín Galego de Literatura, un soño feito realidade por Anxo Tarrío Varela desde a súa cátedra  de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela. El mesmo lembrou hai unha semana algúns datos e eixes desta traxectoria, de gran mérito e vitalidade, na páxina semanal que escribe para Galicia Hoxe.

Non é doado subsistir vinte anos para unha empresa desta clase nos tempos que vivimos; non é doado, para empezar, se falamos da súa dimensión primaria, a do sustento orzamentario, que é o que permite manter o equilibrio e o rumbo ao longo de tanto tempo. Este é sempre un plano delicado e máis que complexo cando se trata de revistas universitarias. Tarrío soubo conducilo con discreción e talento, o que lle permitiu aplicar pautas en verdade infrecuentes no eido da publicación académica.

Alén disto, a revista soubo interpretar a finais dos pasados anos 80 algo relevante que mantén absoluta vixencia: a conveniencia dunha expansión e dunha actualización dos Estudos literarios de marca galega en dous sentidos, o dos métodos e o dos obxectos de análise e estudo. Nese sentido, Anxo Tarrío promoveu e brindou con xenerosidade e perspicacia un espazo de diálogo e convivencia para que especialistas en literatura galega compartisen páxinas con colegas especializados noutras tradicións culturais e literarias, un espazo asemade para o intercambio de perspectivas epistemolóxicas e de aplicacións metodolóxicas diversas. Segundo a el mesmo lle aprace explicar, o proxecto corresponde a unha publicación feita en Galiza sobre literatura e sobre literaturas, o cal non é o mesmo que falar dunha publicación sobre literatura galega. O Boletín acolle este campo de estudos, por suposto, pero faino sen exclusividade de atencións, segundo saben moi ben os seus lectores e lectoras. Como tampouco practica exclusividade de ningunha especie en relación cunha lectura restrinxida ou inercial do fenómeno literario. Tarrío, e este paréceme outro dato importante que fala con anxo-tarrio1claridade do seu talante como director da revista e como coordinador do grupo de colaboradores que o acompañou e acompaña no periplo, incorporou así mesmo ampliacións comparatistas e interartísticas, algunhas delas tan inusuais no ámbito académico (de noso ou de radio máis amplo) como as que se concretaron en monográficos sobre banda deseñada, as relacións entre literatura e cinema ou a literatura infantil. A este propósito, a publicación paréceme exemplar. Éo tamén noutros aspectos. Un deles, que todo lector estima, é o exquisito coidado gráfico e a de novo plural nómina artística de debuxantes, gravadores, pintores, fotógrafos… que ilustraron as sucesivas entregas do BGL. Outra faciana tamén interesante é a constituída polas páxinas de peche da publicación, dedicadas á obra literaria de narradores, poetas e dramaturgos, consagrados ou de traxectoria aínda non tan firme, a quen se convida adoito a reflexionar en voz alta sobre esa tarefa creativa súa mercé a unha modalidade complicada pero moi atractiva que chamamos poéticas de autor.

Longa vida, pois, a este proxecto fundamental! Longa vida, desexo hoxe aquí, a unha revista que para quen asina constitúe, non o vou ocultar, unha das referencias centrais e máis queridas da súa peripecia como investigador. Como tamén o é o nome do seu director, o meu profesor e mestre Anxo Tarrío Varela. No Boletín publiquei a instancias súas diferentes traballos a partir de 1991. Unhas veces recensións, noutros casos artigos, e tamén entrevistas, bibliografías e traducións. Creo que un total de dez colaboracións neste tempo xa non tan breve, incluídos dous números monográficos tan laboriosos como satisfactorios. A nova política que se está a emprender por parte do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC permitirá axiña que o Boletín Galego de Literatura e outras revistas da casa poidan consultarse libremente on line, talvez antes de que remate o ano. Unha expansión nova, da que temos que felicitarnos todos porque favorecerá un acceso universal a traballos sobre a nosa cultura e a outros moitos, escritos igualmente en lingua galega, debidos a investigadores e investigadoras de moi plural procedencia sobre literaturas alleas que, por medio de soños como este de Anxo Tarrío, son á vez e de vez nosas.

Parabéns emocionados por estes vinte anos do Boletín e beizóns por tantas e tantas horas de dedicación, caro amigo.

[Augaforte “Porta” (1991), da artista estonia Vive Tolli, publicado na monografía 2 do BGL, e fotografía recente de Anxo Tarrío Varela, tomada do xornal Galicia Hoxe]

Eslavística

6 de Xuño de 2009

estb1

Eslavistas en formación da Universitat de Barcelona, compoñentes dun grupo con xente entre os 18 e os 23 anos, lanzan publicación en liña, a Revista esть. Existen aínda algunhas dificuldades de navegación (comprobo que con navegadores distintos), pero hai xa bastante información e ligazóns de interese que afectan campos complementarios, desde a tradutoloxía aos estudos lingüísticos e filolóxicos ou culturolóxicos, tamén sobre blogues referidos a Rusia, aos Balcáns, a Polonia e a outros países e rexións da Europa oriental. 

Semella que o pulo veña da renovación das titulacións filolóxicas tras as pautas marcadas polo EEES e do conseguinte perigo que os eslavistas perciben sobre o futuro inmediato da súa dedicación académica e profesional. Saúdase desde aquí con ledicia a nova. En particular, por dúas razóns: primeiro porque a iniciativa corresponde a persoas moi novas que desexan intervir no debate público e, en segundo lugar, por esa intervención estar dirixida á ampliación das fronteiras de determinadas construcións culturais e mentais (a identidade europea, por exemplo) que esixen permanente axuste e para as que propostas coma esta funcionan como recordatorio incluso político. Porque Europa é algo máis que o que adoito se nos di que é.

Rosa sen mudanza

4 de Maio de 2009

Nova entrega de Clave Orión, sempre un prodixio de sabedoría, sempre unha celebración da vida e da palabra poética. A man e a mirada de Luz Pozo Garza sosteñen a revista desde a súa aparición en 1995, a partir de Nordés, a “irmá maior”, coruñesa como Clave Orión, que tamén é compostelá pola colaboración de Luís Alonso Girgado e doutros membros do consello de redacción. As seccións son as habituais: “O faro extraviado”, “Donas da palabra”, as varias “Homenaxes”, “Mensura”, “Iwerddon”, “Paradiso”, “A pluma na man”, “Partitura”… Con lugar en efecto para os poemas autógrafos, as traducións, os inéditos, a lembranza de Eduardo Moreiras e os amigos poetas que se foron ou están aínda entre nós, os estudos literarios, as entrevistas, a pintura e as artes gráficas, o debuxo e a fotografía, a música e a prosa.

Nesta entrega (números XII-XV, tras un longo silencio) recóllense tres cartas do puño e letra de Otero Pedrayo dirixidas a Moreiras. Unha é de xuño de 1972, as outras dúas son de 1974, a primeira de abril, a segunda de decembro. A letra de don Ramón muda extraordinariamente nesas tres estacións. O vigor do 72 desaparece por completo na última das misivas mencionadas, cando o patriarca aínda ten forza para exaltar a compaña dos amigos: “A millor meiciña para min é a amizade”.
Na revista aparecen en homenaxe á Torre de Hércules os Poemas do Novo Leabhar Ghabhala, ciclo de nove textos poéticos da autoría de Luz Pozo Garza nos que se reescribe unha das partes máis célebres do Book of Leinster (ca. 1160). Olivia Rodríguez escribiu unha fermosa e precisa introdución que é outro dos zafiros desta Clave Orión da primavera de 2009.

Copio agora o noveno poema deste Leabhar Ghabhala de Luz Pozo, o que pecha o ciclo. O seu título é “Avalon Avalon”:

…e contemplar contemplo na alma toda
aquela illa ensoñada diamante fuxidío
nin sei cómo arribara a esta terra mistérica
que se oculta e reserva
e souben que era a Illa de Emain Ablach
que chaman Avalon ou País das mazairas
só tiña na memoria aquela estrofa
incisa asumida no tempo:

“Quel pays merveilleux que ce pays
les jeunes n’y vieillissent point…”

e souben que era a terra das mazairas celestes
dos deuses hiperbóreos os donos do saber
da asolagada Atlántida
da asolagada Atlántida
da asolagada Atlántida…

…aquí non hai delirios nin paixón nin designios
hai camelias conscientes flores que deciden o aroma
a fragancia precisa para cada misterio:
crisantemos de inverno ou vellorita dos druídas
perennifolio acivro inda hoxe sacrosanto
ou glicinias exóticas consagradas a Dana…
…e a ti ofrendo Nai de todos os deuses
no ritmo boreal dos Tuatha Dé Danann
o alfabeto celeste
o dominio dos astros…

En Avalon hai ramas de brancura incisiva
froitos de ouro purísimo e moi fráxiles
como de vento extremo distanciado e sen patria
non son manxares para dar sustento
son unha forma esencial da concordia absoluta
unha visión total da suprema harmonía…

Oh música enigmática que vén de nin se sabe!
música que non se explica por salterios nin cítaras nin arpas!
Oh luz radiante! Oh música que escurece os sentidos!
Oh rosa sen mudanza que fire docemente!
Oh eternidade que acende vida e morte
nunha chama vivísima no exterminio da rosa…!

[Luz Pozo Garza e reprodución do Book of Leinster, fol. 53, tomada de Wikimedia Commons]