Roberto BolañoArchive for the ‘’ Category

Paul Celan en Bucarest

25 de Abril de 2009

 Para Rosa Marta

Parecen existir lagoas biográficas aínda hoxe sobre os anos que transcorren entre 1940 e 1947 na vida de Paul Antschel (Ancel en romanés). Un repaso rápido: nacido en 1920 en Czernowitz, capital entón da Bukovina romanesa hoxe repartida entre Romanía e Ucraína, asiste á ocupación soviética da rexión en 1940 e á consecutiva ocupación alemá de 1941, esta última acompañada dunha feroz represión da poboación xudía que empeza a ser desenvolvida polas tropas rumanas aliadas de Hitler (lembro agora “La parte de Archimboldi”, do 2666 de Roberto Bolaño); desde Czernowitz os pais do xove Antschel son deportados en xuño de 1942 a campos de traballo na zona do río Bug; o pai resiste só catro meses e morre de tifo, á nai fusílana pouco tempo despois “por non ser apta para o traballo”; a Paul depórtano en xullo do mesmo 1942 a un campo de traballo en Valaquia, 400 km ao sur de Czernowitz, máis tarde a outros campos, algúns nas montañas, así até febreiro de 1944, cando é liberado ou consegue escapar. En marzo de 1944 os soviéticos recuperan a súa cidade natal. Paul pasa por Kiev e regresa a Czernowitz. En abril de 1945 (estou seguindo sempre a biografía de John Felstiner, de quen por certo Emilio Araúxo publicou en Amastra-n-gallar, en 2003, Vinte preguntas que me arrepinto de non lle ter feito a meu pai) entra en Bucarest nun camión do exército ruso atestado de romaneses. Alí permanecerá até decembro de 1947. Traduce, ese é o seu traballo entón. Traballa para a editorial Cartea Rusa, entra en relación profunda co movemento surrealista romanés, xoga cos nomes, modifica o apelido para fixar o seu nome literario, anagramático a partir da versión romanesa do orixinal Ancel. Celan escribira xa algúns dos seus textos maiores. “Todesfuge“, por exemplo. Entón, decide probar a escribir en romanés, unha lingua aprendida. En edición de Víctor Ivanovici, as Prensas Universitarias de Zaragoza compilaron dezasete textos desa etapa nun libro titulado Los poemas rumanos (2005). Ivanovici sinala que son dun Celan-antes-de-Celan. Poemas en verso, poemas en prosa, un cuestionario surrealista… Sorpréndome chegando á conclusión de que o texto que maior impacto de lectura me causa é un fragmento dun poema máis extenso, perdido, acaso destruído. Reprodúzoo e animo de novo a Costraf a que abra o comentario multitudinario do poema. Deste poema brevísimo sen título:

Herba da túa mirada, amara herba,
e sobre dela o vento, unha pálpebra de cera.

 Auga da túa mirada, auga absolta.

 

 Iarba ochilor tăi, iarbă amară. / Flutură vânt peste ea pleoapă de ceară. / Apa ochilor tăi, apă iertată.

[Retrato de Paul Celan lendo na Galería Dorothea Loehr de Fráncfort en xullo de 1964. Fotografía de D.R.]