socioloxía culturalArchive for the ‘’ Category

Como comunicar?

22 de Xullo de 2009

 

dsc00208

 

A propósito de certas formas de intervención na esfera pública, un meu compañeiro seguidor das prosas que aquí se acumulan comentaba este día comigo que o problema é sempre localizar unha linguaxe e unha zona común de argumentación que habiliten non xa un consenso de análise senón, antes ca iso, o feito mesmo de fundar a posibilidade de comunicármonos con algunha posibilidade de éxito non limitada ao cenáculo inmediato da xente próxima nas esferas ideolóxica ou afectiva.

É posíbel que moito do que se di aquí e acolá respecto dos problemas importantes e dos non tan importantes quede reducido, en efecto, a desafogo emocional ou intelectual, inatendido en definitiva polas maiorías e tamén polas minorías ás que pensamos que de entrada nos diriximos. Voltamos así ao complexo asunto da eficacia da acción política e do debate no espazo público. Voltamos mesmo ao asunto da incidencia social e política da blogosfera.

Para min, e aquí coincido coa análise do colega e amigo, esa é a cerna de todo o que hai por diante. Será que un exceso de elitismo, unha sobredose de brillantez, un esteticismo político… creban calquera posibilidade de conexión con quen decide? Será que no que Debord comezou a definir hai moito tempo como sociedade do espectáculo importa máis un zapato que voa que cen argumentos ben articulados pero raseados? Sen dúbida, hai moito disto. Os populismos de dereita e de esquerda atoparon resposta e lograron canalizar vontades. Hai que reflexionar sobre o modo no que as mensaxes se constrúen e chegan onde está previsto que cheguen, onde se quere que cheguen. Obviamente, hai un aspecto crucial neste asunto: vén dado pola simple idea de rede. Aí está a potencialidade inmensa que aínda non soubemos calibrar. Pero cada día mudan as coordenadas.

E mudan a favor. O simple feito da desafección do público novo polo que significan os medios de comunicación tradicionais, en particular a TV, é de extraordinaria relevancia. Arume dos Piñeiros falaba hai pouco das súas reflexións mentres contemplaba o tratamento dado nun telexornal a unha violación en grupo, falaba diso e por suposto de moito máis: a distancia que se abre entre información e telespectadores por causa da manipulación indisimulada e dun exceso de cesións socioculturais en mente de todos. Así é: unha experiencia común. Cada día máis.

Eu mesmo teño dito aquí que a forza de moitos xornais galegos de implantación digamos non estritamente local (non falemos xa dos xornais de vocación só local) é debida a que prestan algúns servizos demandados por sectores poboacionais decisivos e que ninguén máis ca eles presta. Ás veces —na ducha, conducindo…—, ocórreseme matinar que na perspectiva de poñer límite á hexemonía de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e outras cabeceiras poderosas do país, talvez exista unha posibilidade máis eficaz que a de crear medios alternativos. Imaxinen un gratuíto de distribución diaria, con forte implantación urbana, vilega e rural,  limitado só ás esquelas. Imaxinen que iso se puidese lograr. Imaxinen a incidencia no mercado dos medios tradicionais que adoutrinan e gobernan. Imaxino, imaxinen, un gratuíto só de esquelas. Nesta imaxinación está tamén o retrato do país, ou polo menos de cómo un le o país.

 

[A foto remitiuma en 2002 un dos meus curmáns montevideanos, Julio Rey. Fíxoa nalgún lugar de México, onde traballou varios anos. Ignóroo todo sobre que sexa ese organismo que promove a campaña de aforro de auga no plano doméstico, ese/a CAPAT]

Europa: identidade e diferenza

8 de Xuño de 2009

 

repensarmosEntre os vindeiros 8 e 10 de xullo terá lugar na Faculdade de Filosofía compostelá, no marco da Universidade de Verán 2009 da USC , o curso Repensarmos Europa á luz da diferenza. Procesos emerxentes e enclaves culturais, dirixido por Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade. A páxina institucional da Universidade de Santiago de Compostela informa sobre o programa do curso e sobre a normativa en materia de bolsas e matrícula (o prazo remata o venres 26 de xuño). Tomo as notas que seguen do blogue do Grupo Alea de Análise Poética (GAAP).

Os obxectivos do curso cífranse en tres: facer visíbeis as implicacións sociais dos fenómenos vinculados ás coordenadas da emerxencia cultural e dos movementos migratorios no contexto europeo, impulsar a análise das manifestacións culturais procedentes de marcos aos que tradicionalmente se adxudica unha representatividade e/ou unha lexitimidade insuficientes e abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, políticos, económicos, tecnolóxicos, mediáticos, xurídicos ou estéticos.

O curso Repensarmos Europa á luz da diferenza pretende ser non só unha actividade de divulgación, senón tamén un encontro entre especialistas na análise da cultura nos seus diferentes aspectos. En que medida os movementos migratorios están a afectar a redefinición das identidades europeas? Cales son os vínculos, pasados e presentes, entre as culturas europeas e as culturas africanas e latino-americanas? Podemos aínda falar dunha cultura europea? Responden os discursos contemporáneos sobre Europa a unha realidade ou a unha aspiración?

Estas son algunhas das preguntas que servirán como eixe para o desenvolvemento deste curso. A redefinición de conceptos teóricos como os de enclave, fronteira, interculturalidade, identidade ou diferenza será tomada como ferramenta para a análise destes procesos e para explicar en que medida afectan á vida das persoas, así como para estimular a discusión conxunta dalgúns dos debates mais presentes no mundo contemporáneo.

Participarán como relatores Itamar Even-Zohar, Elias Torres Feijó, Nacira Guénif-Souilamas, Xaime Barreiro Gil, José M. Díaz Lage, Carlos Valcárcel, Samuel Rego, Humberto Martins, António Medeiros, Pilar Cagiao e Graziela Moraes da Silva. Alén destes relatorios desenvolverase unha mesa redonda de escritores moderada por María do Cebreiro Rábade, con participación de Limam Boicha, Joaquim Arenas, Chus Pato e Manuel Outeiriño. Varios membros do CIEPE (Raquel Bello, Manuela Palacios e Arturo Casas) presentarán o curso e introducirán algúns dos relatores, como tamén o farán Ánxelo González, do IGADI, e Antón Corbahco Quintela, da Universidade Federal de Goiás. O xoves 9 pola tarde proxectarase o filme de Pedro Costa Juventude en marcha (2006), presentado polo propio director.

A inauguración será o mércores 8 de xullo ás 10 h. a cargo da Vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo. Colaboraron coa organización e o financiamento do curso de verán a propia Vicerreitoría de Cultura, o CIEPE, o Grupo de Investigaçom GALABRA da USC, a área de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Alliance Française e o Instituto Camões.

 

Critilo e os antisistema

27 de Abril de 2009

Ultimamente tocan entrevistas. É peculiar o asunto, porque todas derivan —resulta unha obviedade— da pequena proxección que ao escriba puideron darlle as lándoas incultas que rodean a senra na que anda a diario con outros colegas do Círculo Semiótico de Vite (docencia, pescuda, levar contas, refacer currículos e planos de estudo e volver refacelos cando xa os tes listos, atender o turismo académico, pasar a mopa burocrática, solicitar proxectos de investigación e cos fondos que veñen actualizar o equipo informático que o común dos traballadores da función pública recibe co seu posto de traballo, convivir coa vella filoloxía, algo tamén coa nova, aturar egos, celebrar achados, emocionarse ás veces…). Así é a vida. O único que un espera é que desa zona mixta, dese marco non cultivado, saian ideas, análises e en particular algo de forza común para movermos o penedo grande que sempre aparece e dificulta o paso. Mixta a zona, digo, porque sendo a lándoa para o que de seu é, certo parece que nela abrochan algunhas flores e hai trebos, e dase ben nela a herba que chaman baixafumes. Aquilo —isto— é o que se espera, si, debate e intervención, e mais nada fóra diso.

A semana pasada telefonou Óscar Iglesias, xornalista de El País, para formularme unhas preguntas sobre a crítica literaria galega. A reportaxe saíu publicada o venres 24 na páxina 8 do encarte El País – Galicia con opinións de diferentes compañeiros de oficio, talvez moitos para unha soa páxina de xornal. Anotei daquela o que fun dicindo, aproximadamente o que segue, agora levemente ampliado en dous ou tres lugares. Apunto así mesmo as propostas para a reflexión de Óscar Iglesias tal como as lembro.

Preguntou o xornalista polo meu parecer sobre a crítica universitaria ou académica en Galiza. E fun e dixen algo próximo a isto:

Na miña percepción hai un bo nivel, homologábel con vantaxe para nós con outras producións críticas doutros espazos culturais. Cando falo de crítica académica en Galiza loxicamente estou a referirme a toda á que se produce, que non afecta só á produción literaria galega senón tamén á que se fai noutras linguas e noutros lugares. Un ensaio crítico feito aquí sobre Keats, sobre Leopardi ou sobre narrativas fílmicas brasileiras é tamen crítica galega. Ás veces isto non se percibe con claridade por parte da maioría. E engado outro matiz: ese bo nivel técnico considero que está pexado por unha condición inercial na que inflúen aínda en exceso os restos do paradigma estruturalista e prácticas de vella escola filolóxica. Existe unha especie de “vangarda crítica” que se liberou desa condición, pero non consegue constituírse en referente e ten escasa repercusión social, basicamente pola ausencia de operativos dinámicos de axencialidade. Tamén porque en xeral vivimos tempos de “silencio administrativo”. Quero dicir: tendo as dimensións que temos, é raro que alguén conteste; raro que alguén conteste nun sentido orientado ao diálogo e a un razoamento sen exceso de paixón, sen rizoma egótico e sen apelar nalgunha altura da discusión ao seu específico sétimo de cabalería (refírome ás conviccións profundas e aos copartícipes nesas órbitas).

Logo quixo saber Ó.I. se a teoría de sistemas e as que sinalou como outras clínicas desenvolvidas a partir dos anos 90, entre elas a teoría dos campos sociais, non condicionarían en exceso o curso das investigacións na academia galega. Eu formulei o seguinte, máis ou menos:

O peor que lle pode pasar a unha alternativa teórica é resultar trivializada e divulgada por quen non a entende e non se molesta en estudala. As teorías bourdianas e sistémicas chegaron a Galiza, arredor de 1990, con máis forza e repercusión que a calquera outro lugar da Península Ibérica e case diría que de toda Europa. Porén, os seus ecos divulgativos acabaron por afogar en alta medida o corpo conceptual e analítico, de xeito tal que se produciu unha especie de adaptación simplificadora que ten o seu expoñente máis visíbel na igualación entre “campo / sistema literario” e “literatura nacional”. A día de hoxe é complicado desmontar ese erro, tanto no mundo intelectual coma no dos lectores en sentido amplo. Para min, por exemplo, é moi sorprendente escoitar algúns escritores de prestixio sinalar que eles non pertencen ao sistema literario, como se iso fose unha opción, como se iso fose semellante a darse de alta nunha cátedra de mus ou na adoración nocturna. Pero máis grave ca iso é a renuncia a estudar a esfera de novos problemas que esas teorías sinalan como fundamentais, algúns deles con forte repercusión cultural e política, mesmo no eido identitario. Penso nos repertorios, na dominación asociada ao que se coñece como “gusto”, na homoloxia entre campo cultural e campo de poder ou nas transferencias sistémicas (movementos entre posicións centrais e posicións marxinais nun sistema dado).

Despois falamos algo de ProTexta e dalgunhas outras iniciativas en marcha no xornalismo do país, non exactamente das que se vinculan coas cabeceiras de maior difusión. Óscar Iglesias valoraba que nalgún sentido había aí un renacer da case desaparecida crítica midcult. Pensei que tiña razón e así llo dixen:

ProTexta, tanto na etapa de Iago Martínez coma na actual de Ana Salgado, e algún outro proxecto en marcha configuran a evidencia de que a crítica pode ser un exercicio intelectualmente digno e pode constituír unha intervención social e politicamente útil nunha cultura como a nosa.

Ó.I. pasou de seguido aos defectos atribuídos á crítica xornalística. Preguntoume se me parecía a min que a benevolencia era o peor de todos e lembrou algúns dos postulados teóricos de Xoán González-Millán. Lembro dicirlle que non, que para min a benevolencia non é o peor defecto da crítica. Continuei logo:

O peor defecto da crítica é a caída no desleixo intelectual e no acomodo a supostos valores locais ou universais de tipo estético e sobre todo político. Un deses acomodos é sen dúbida o promovido en aras dunha cohesión social pensada como horizonte. O que González-Millán estudou como “nacionalismo literario” ten moito que ver con eses procesos lexitimadores que ás veces son lidos como benevolencia ou amiguismo. Con todo, unhas veces é a nación o referente sobrepuxado en termos de metro-valor e outras será unha ideación alternativa, incluso con aparencia máis neutra que a que convoca o concepto de nación.

Despois pasamos a falar das fronteiras entre a produción literaria de éxito e aquela outra que Ó.I. identificou como “literatura de risco”. Mencionou algúns excesos avaliativos e algunhas correccións metacríticas deses excesos de enxalzamento esaxerado de determinados textos, case icónicos nalgún momento do pasado. Despois na reportaxe, apareceu unha mención expresa ao dito por Xesús González Gómez sobre Crime en Compostela, presentada no seu día coma fundacional para certa literatura case de quiosco. Ocorréuseme responder algo como isto:

Penso que en culturas como a galega levamos vantaxe nese campo a outras xeoculturalmente próximas a nós, tanto no noso continente como máis lonxe. É probábel que iso se deba á ausencia dunha fagocitación burguesa culminada ou completada da idea de valor artístico. Con todo, neste terreo nunca se pode dicir que haxa nada definitivamente gañado. A escola é un campo de batalla en relación co consumo de obra literaria de éxito / de risco. Interpreto que o principal de todos.

Logo derivamos á converxencia entre crítica e mercado. Óscar Iglesias mencionou que ao mellor a medra do mercado editorial estaba a condicionar a independencia dos críticos. Entón dixen:

Para min é inapropiado cuestionar en termos obsesivos a independencia da crítica e hipertrofiar esa nota por riba doutras máis relevantes. Non existe independencia na crítica e non existe tampouco tal cousa en ningunha outra actividade humana. Hai redes, hai conexións, hai fluxos, hai interdependencias, hai reparto de capital, hai conflitos e cousas en xogo. En suma: hai campo e hai sistema.

De aí fomos á recentemente creada Sección de Crítica (ou sección de crítica, a min tanto me ten) da Asociación de Escritores en Lingua Galega e aos recentes Premios Nacionais da Crítica outorgados a Chus Pato e a Marcos Calveiro (creo que en realidade, na realidade oficial, non se chaman así senón simplemente “Premios de la Crítica”, pero xa se sabe que en canto se abre o campo X ao Estado enteiro enseguida comparece, con total naturalidade, o de nacional, así que todo o mundo empeza a usalo, basicamente para marcar terreo e prestixiar o tamaño; tal retrouso, en cambio, irrita e epitelio dos españois ben nacidos cando o uso se aplica polo outro nacional, polo que ten un sentido diferente sobre os límites dos seus afectos). Óscar Iglesias lembrou que antes, na esfera galega, eses premios eran decisión dos críticos do país integrados na Asociación Española de Críticos Literarios. E mencionou, como logo se vería, e aínda se ve, na páxina mencionada do xornal, que para algúns quedaban demasiadas dúbidas no aire a propósito do sistema de votos habilitado pola AELG, en particular sobre o feito de que exista unha suposta proximidade excesiva entre críticos e escritores. Preguntoume Óscar Iglesias se eu sabía como era exactamente o sistema de votación, e en particular se podía darse o caso de que un crítico que tamén fose poeta ou narrador se votase a si mesmo. A este respecto dixen:

Esa dimensión dos premios é a que, en termos intelectuais e directamente persoais, menos me interesa de cantas se atribúen á crítica literaria. Nunca formei parte de xuris literarios (cunha excepción moi menor nos anos 80) e procuro absterme de participar en calquera votación dese tipo. O cal, como é lóxico, non significa que me pareza mal que outros colegas diriman premios. Nin me parece mal nin me parece ben. É algo no que non me paro moito a pensar (agora fágoo máis, talvez porque tamén me ocasiona algúns problemas e malentendidos e porque demanda de min xustificacións ou matizacións). Por tanto, malia pertencer á Sección de Crítica da AELG, sei bastante pouco sobre os mecanismos polos que se me pregunta. En calquera caso, creo que existe un avance importantísimo nos Premios da Crítica. Polo menos, deixaron de ser os Premios do Crítico. E iso a min non me parece pouco.

[Fotografía de Anxo Iglesias que ilustrou a reportaxe de El País da que se fala. Máis abaixo, Tres estudos de cabeza humana (1953), de Francis Bacon]

Que é Poéticas de Resistencia?

31 de Marzo de 2009

Poéticas de Resistencia é unha rede internacional de investigadores e produtores literarios e culturais de Europa, América Latina e Estados Unidos. A rede atópase en fase de constitución mediante encontros e debates centrados xustamente na especificidade das nocións de resistencia e de intervención artístico/cultural. Asúmese de xeito normal a procesualidade desas discusións e acéptase a idea de que os encontros serven para reflexionar en voz alta e en marcha. Cun compromiso crítico e tamén de debate teórico e metodolóxico.

Como se activa a produción artística, literaria, cultural… no momento histórico presente? En que modo a intervención cultural estabelece hoxe relacións de interdependencia con dinámicas sociais, políticas e económicas? Cal é a a marxe de manobra para lograr desestabilizar a axenda política e económica do neoliberalismo, para resistir e vencer a hexemonía exercida e abrirmos paso ao cambio histórico? En que medida son efectivas as poéticas de resistencia? En que modo se vinculan resistencia e poder?

A primeira reunión celebrouse hai agora un ano na Universidade de Leeds, organizada por Ben Bollig e Cornelia Gräbner. Acudira daquela á cidade inglesa unha representación galega, analistas e poetas, relativamente nutrida. Os días 16 e 17 de abril terá lugar na Universidade de Santiago de Compostela unha segunda reunión. Esta páxina web informa sobre programación e actividades do II Simposio Poéticas de Resistencia.

[Colaxe de Xosé Luís Mosquera Camba que ilustra cartaces e web do simposio. O texto tómase parcialmente do texto de presentación da reunión de Leeds]

O “Breviario” de Nicolás

28 de Xaneiro de 2009

Transcribo e asumo o apuntamento que abre o “Breviario” de Ramón Nicolás no número 36 da revista Biblos, que acaba de chegarme. Os escritos de Nicolás parécenme sempre sensatos, lúcidos, transparentes. Ten unha poderosa capacidade para a argumentación e tamén para a comunicación. Sen alzar a voz. Coa constancia dos prudentes. Os seus breviarios na publicación que dirixe Carmela González dan forma sempre ao que é necesario manifestar e ao que sería mester concretar para construír un campo cultural máis dinámico e autónomo. Constátase aquí máis unha vez:

Desculpen os lectores que retorne ao asunto da crítica literaria galega, asunto que talvez a poucos importe mais si a quen isto subscribe. Chámame poderosamente a atención como algúns eventos de carácter cultural, organizados por asociacións ou institucións de diverso xorne, mais vinculadas co libro de noso, ou mesmo coas industrias culturais de noso, evidencian un esquezo, ao meu ver magoante, respecto da presenza que este colectivo, organizado nunha sección homónima no seo da Asociación de Escritores en Lingua Galega desde hai dous anos, debería ostentar nos foros nos que se atende tan xenerosamente a outras realidades. O noso é un elo, se cadra estea de máis dicilo pero talvez cumpra lembralo, básico nese percorrido que o libro fai desde as instancias creativas até chegar ás mans do lector ou da lectora. Imaxinen vostedes que, de súpeto, desaparecesen totalmente das follas dos nosos xornais, dalgunhas revistas, dalgúns blogs ou páxinas webs, dos suplementos culturais e literarios, as referencias aos nosos propios libros: estes serían aínda máis invisibles, como tamén os seus creadores, e as editoras que os fan posibles…, e teño para min que o colectivo arriba mentado aínda o é. Pódese estar máis ou menos de acordo coa actual crítica, abofé, mesmo discrepar dos xuízos e opinións dos que a exercemos, mais o papel que cumpre na cadea do libro galego non se pode, ou debe, ignorar.

[O crítico Ramón Nicolás nunha fotografía tomada da páxina web da Editorial Galaxia]

Bamiro: plan de fuga

28 de Decembro de 2008

Alberto Lema naceu en Bamiro, Vimianzo, en 1975. Lémolo na contracapa da edición do seu libro de poemas Plan de fuga, publicado por Estaleiro Editora a comezos deste 2008 que acaba, ou a finais de 2007 se en vez de facer caso ao colofón do libro ollamos para a páxina de créditos. O libro, alén de poder mercarse como produto físico nalgunhas librarías do país, pode descargarse libremente desde a páxina da editorial, o mesmo que os outros títulos que foron saíndo ao longo do ano, un ensaio de Carlos Diegues sobre feminismo e democracia e un par de obras dramáticas de Rubén Ruibal, unha delas en colaboración con Carlos Losada.
Non creo esaxerar se afirmo que a iniciativa de Estaleiro é un dos referentes culturais deste 2008. Por varios motivos, basicamente por dous: primeiro, por promover en tanto asociación cultural unha forma diferente de entender a edición, traballando con licencias Creative Commons e apostando pola independencia e por un funcionamento asembleario, o cal conta con antecedentes como Letras de Cal; segundo, por asumir con naturalidade unha serie de conflitos sobre os que asenta e pivota o campo literario (un deles, non o principal, o ortográfico) e por facelo da man de xente máis ou menos nova, desprexuizada ou non tan afectada por vellas feridas de guerra. Así que, con independencia da forza da iniciativa e do número de libros que Estaleiro poida sacar por ano, estamos perante unha magnífica realidade que ofrece unha nova forma de ler textos de indudábel calidade e de absoluta actualidade.
Para as persoas da miña xeración (cal será?) Bamiro foi sobre todo un título, bastante lido por certo a finais dos anos 70, razón pola que nós escribimos sempre Bamiro. Probabelmente, o indicador na AC-552, entre Baio e Vimianzo, non estea en cursiva. Non lembro. Mas podía estalo, porque o pequeno libro do historiador Xosé M. Lema Suárez do que fago mención foi especial por diferentes causas. Unha delas foi que Bamiro. Un estudo do habitat rural galego (1977) activou unha mirada nova sobre o mundo non urbano e sobre a gramática dos espazos comunais. Non é que Lema Suárez inventase nada, ademais era moi novo daquela. Leramos xa propostas semellantes na xeira de Nós e na do Seminario e todos os seus continuadores, Xocas, sen irmos máis lonxe. Leramos mesmo o Seraogna de Pexegueiro case naquela mesma hora: “En Seraogna hai pegadas do traballo / […] / Alí, en Seraogna, sécanse / as ilusións”. Con todo, aquel Bamiro ía sobre un lugarexo pequecho e moi concreto, unha parroquia que andaba, e anda, nos 500 habitantes e que aparecía debuxada con pericia descritiva. As explicacións sobre a vivenda legada polo século XVIII, modificada substancialmente sobre todo na segunda metade do século XIX, resultaban accesíbeis e gráficas para un estudante do que algúns, eu non, chamaban daquela “matemáticas puras”. Alén diso, o libro obtivera en 1976 o Premio de Etnografía do Patronato do Pedrón de Ouro. E o caso é que na entrega dese premio en Baio, por decembro daquel ano, faleceu, xusto despois de intervir como presidente que fora do xuri, Modesto Rodríguez Figueiredo.
Pero regresemos ao fío, a Plan de fuga, non para outra cousa que citalo nas súas sílabas, pouco máis. Alberto Lema visita no libro dúas entidades morais e políticas que perviven no imaxinario de todos os que sobrevivimos á historia: unha é a tradición literaria da derrota anunciada, dos derrotados para ser máis precisos; a outra é o territorio límite que conduce a ollar frente a nós aos bárbaros, aos ditos bárbaros, tomados non sempre en grupo, por certo, e adoito considerados desde unha forma de complicidade, non por tanto ao xeito senatorial romano (Hannibal ad portas!) ou ao xeito UE. Con apoio argumentativo semella que evidente en Ferrín, Lucrecio ergue nos poemas de Plan de fuga a poderosa voz que advirte contra toda simulación de transcendencia e boato, contra todo poder, incluídos os poderes nada cativos de Eros e Tánatos. E Lema sae con Lucrecio a visitar barbarie, inimigos, códigos, desertores, corpos. Visita a vida, en suma, a vida na polis. Visítaa lendo nela o tráxico-neorreal, o feito de termos que vivir malia coñecermos ben as regras do xogo alienador/mortal, a dramaturxia enteira que ilustrará logo a biografía de noso. O neorreal-posreal, esa finca tamén no limes entre existirmos a diario e verse/ouvirse logo contados polo poder e as crónicas. Iso ou a épica da experiencia, segundo viron Miguel Mosquera e María do Cebreiro. Plan de fuga, como a novela Unha puta percorre Europa, tamén de 2008, fala diso, fai iso. Un traballo de campo, como Bamiro, ou case, porque aquí non se fala de Arcadia, porque aquí a desmontaxe é fílmica e porque aquí (no mundo) non se queda ninguén. Eis unha proba:

Tratarei de non ser claro
falarei da derrota como se lle pasase
a outros hai moito tempo,
como se os mortos comprendesen
que todo foi en balde e decidisen
descansar por fin en paz,
tratarei de non ser claro, de non citar
as antigas cidades arrasadas
os fugaces menceres nesta noite
demasiado longa, os deuses
e as linguas vencidas lentamente
polo mar incesante, falarei
na antiga lingua dos poetas cegos,
e á patria chamareille Atlántida.

[Alberto Lema fotografado por Sandra Alonso para La Voz de Galicia]

Pe zaspa raar marpa ís

23 de Decembro de 2008

“A naturalidade que xeralmente caracteriza a actitude dos creadores e creadoras actuais é produto dunha postura desinhibida, desenfadada, moito máis desmitificadora á hora de se enfrontaren ao acto da escrita, que perdeu xa a súa circunstancia de acto sagrado, controlado, que no pasado era un elemento cultural esencial para a supervivencia do país”.

Xulgo moi acertada esta lectura que Fran Alonso ofrece dos cambios habidos na vida cultural entre dous momentos profesionais seus separados por vinte anos no recentísimo Un país por facer (Xerais, 2008). O xornalista que segue a selo olla o pasado, cando entrevistaba para medios como Diario 16 de Galicia, e rotula “Nun país a medio facer” para trazar o retrato dun tempo ido en dezaoito perfís. Vénse logo ao presente e o titular varía a “O país que parece normal”, con catro entrevistas/panoramas/semblanzas máis. Da indeterminación (un) á determinación (o). Excelente a escolla, o matiz que nela vai, a capa do libro, a idea motora, as vintedúas instantáneas que enfocaron o labor e as ideas de escritores, editores, xestores culturais, músicos e xente de teatro e televisión. Áxil e variado o oficio seu como entrevistador, deixando falar e mantendo un rumbo. Outras veces, escoitando aquí e alá para despois constituír un discurso de discursos.

Entresaco tres apuntamentos correspondentes a tres axentes da cultura do país: Manuel Rivas, Uxía e Carlos Blanco. Este último corresponde ao momento 2, os dous anteriores ao momento 1 (é moi interesante lelos en perspectiva cruzada). Véxanse neles, así mesmo, as modulacións diversas do achegamento a formas de estar:

Son nacionalista porque Galicia non é, aínda, unha nación con todos os seus plenos dereitos recoñecidos, e teño ganas de que o sexa para non ter que ser nacionalista.

Teño moitos textos inéditos por pudor. Agora vou tratar de os recuperar porque coido que está ben que un diga o que quere dicir. Por outra banda, o problema é que en Galicia non hai letristas, como Sabina, Lluis Llach, Aute. E aquí descoidouse moitísimo a música cantada, porque todos os grupos naceron á imaxe e semellanza de Milladoiro.

O seu traballo como narrador oral fundaméntase na improvisación e nos recursos da stand-up comedy, ligándoos coa música, a poesía e a tradición da oralidade. Carlos Blanco cita a Miles Davis como símil do que debe ser a súa profesión: o músico afroamericano aseguraba que tocaba a mesma melodía de xeito diferente cada vez, adaptándoa ao público. Ao de Vilagarcía gústalle sentir que no seu público, que é diverso e reúne idades de 18 a 70 anos, cada persoa respira de forma distinta. El precisa comprender e interpretar esa respiración. Por iso define o seu traballo como “puro jazz”.

Os nomes das outras persoas que protagonizan o libro de Fran Alonso son: Suso de Toro, Cid Cabido, Xelís de Toro, Pexegueiro, Ramiro Fonte, Xavier Alcalá, Valentín Carrera, Darío X. Cabana, Méndez Ferrín, Paco del Riego, Úrsula Heinze, Víctor Freixanes, Paco Macías, Reixa, Xurxo Souto, Blanco Gil, a música actual, Marful e Lupe Gómez. A idea de recuperar todos estes textos atráeme tamén, en particular, porque entendo que esa modalidade xornalística non acaba de ofrecer, aquí, os resultados apetecíbeis. O entrevistador, así o penso, non debe ser nin cánido nin felino, nin adorador nocturno nin tabula rasa, nin porteador nin mandarín, nin pedante nin ignorante, nin sabichón nin miñaxoia. Existen outras vías. E Fran Alonso deu con elas. Tendo a pensar que o segredo está, alén de na rodaxe da masa crítica, en preparar o traballo.

[Fran Alonso nunha fotografía recente e, na parte inferior do post, el mesmo con Cid Cabido hai case vinte anos]

O legado de González-Millán

19 de Decembro de 2008


Hai un mes publiquei aquí mesmo unha anotación na que lembraba o sexto aniversario do pasamento de Xoán González-Millán (1951-2002) e lamentaba á desaparición de referencias á súa persoa e á súa obra en Internet. Confeso que levei unha moi agradábel e conmovedora sorpresa ao ver que en moi pouco tempo se produciu unha resposta que demostraba que os blogs son unha ferramenta útil e que o afecto e respecto por Xan seguían máis que vivos. Acumuláronse así sucesivos complementos ao post, até un total de nove, cada un deles con información recuperada ou de nova redacción, todos de interese innegábel.

Pero iso non abonda. Faise preciso dar algúns pasos máis. Pasos que teñen que orientarse nun sentido non só afectivo, pasos non limitados ao rexistro dunha personalidade irrepetíbel nas vertentes humana e académica. Debido a que a memoria e a influencia da obra de González-Millán persisten hai, no momento actual, algúns investigadores e estudosos que desexarían ver materializadas algunhas respostas. Unha delas é a puramente académica. Consiste no rescate das súas ideas como reto para a análise da realidade socio-cultural galega e como planificación dos Estudos galegos no seu conxunto. Cónstame que, mercé á implicación persoal de varios colegas coordinados por Gabriel Rei-Doval, profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee, haberá un panel de relatorios dedicados á análise do pensamento teórico-crítico de González-Millán no IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que terá lugar en xullo de 2009 coa colaboración das tres universidades do país.

Pero hai un aspecto máis que preocupa a todos. Falo agora dunha memoria física e documental, a relativa aos seus libros, aos seus arquivos, aos proxectos que fanou a morte e que resulta crucial recuperar, ordenar e poñer a disposición dos investigadores presentes e futuros. Non habería mellor servizo á memoria do Prof. González-Millán que garantir que esa recuperación é factíbel e pode materializarse nun prazo razoábel de tempo, dous ou tres anos como moito.

Para iso é imprescindíbel a xenerosidade dalgunhas persoas e a implicación das institucións públicas. É conveniente por tanto a cooperación leal entre quen herdaron lexitimamente un legado e as institucións que representan un país moderno decidido a preservar e custodiar con intelixencia e sentido do que é o servizo público uns bens que xa son de todos. O Goberno galego, institucións como o Consello da Cultura ou a Real Academia, as Universidades, os discípulos directos do profesor falecido, o Concello do Grove e a familia de González-Millán deberían procurar a opción idónea que asegure continuidade no tempo para o que de seu é un feito: a enorme vitalidade e fertilidade intelectual que atesouran os escritos de Xoán González-Millán.

[Itamar Even-Zohar escoita a intervención de Antón Figueroa no Simposio Entre o nacionalismo literario e a literatura nacional, celebrado en honor de Xoán González-Millán no Graduate Center da City University of New York o 5 de setembro de 2003]