Suso de ToroArchive for the ‘’ Category

Raptar a realidade

3 de Maio de 2009

 Exactísimo hoxe Suso de Toro na súa columna de El País. Titúlaa “Fuera piel de cordero” e nela describe con precisión os operativos mediáticos do nacionalismo español en relación co Estado ben entendido, que como ocorre sempre nesa esfera arrinca cunha precisa planificación dos usos da linguaxe. Sempre a manipulación comeza por aí, xa se sabe. Primeiro é o dominio da linguaxe e o sometemento previa caricaturización dos enunciadores de mensaxes contrarias ou simplemente diferentes, despois vén o resto, até a claudicación de calquera outredade, até a asimilación de toda diferenza, até a comuñón confesional e única nalgúns principios morais e políticos emanados de quen sabe que cloaca dos poderes de sempre.

 Insistirei en algo postulado noutros momentos neste mesmo lugar: un dos compromisos colectivos básicos que ten por diante todo aquel que se sinta demócrata é axudar a sacar á luz con rigor e sobre todo con eficacia política o secuestro da linguaxe por parte de quen prentende anularnos, algo que comeza por ser sempre un secuestro da razón e un secuestro da realidade.

 O encontro de tres nacionalistas na COPE esoutro día constitúe unha manifestación meridiana de como se monta unha realidade paralela fundamentada na falsificación dos feitos. Entre Pedro J. Ramírez, Federico Jiménez Losantos e un Alberto Núñez Feijóo tacticamente reducido pola corveira COPE a labores de palanganeo radiofónico (e alá el se iso colma o seu ego e a súa folla de servizos) argallaron unha retórica na que unha vez máis se promoveu a confusión entre dominados e dominadores, entre vítimas e vitimarios, entre dereitos e abusos, entre o caos e a lei. Basicamente por referencia á lingua, aínda que non só, porque no mesmo paquete se meteu o asunto do parque móbil e todo o resto de contas do rosario desta xente pía.

 Reitero máis unha vez a cerna do asunto: hai que retar a quen sexa, incluído o actual conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e naturalmente o presidente do goberno, a que nos sinale un só caso na escola galega dos últimos vinte anos no que un neno ou unha nena que no momento de ingresar en Ensino Primario tivese como lingua inicial o castelán modificase por factores sociais, institucionais e ambientais referidos ás estruturas escolares esa opción de uso lingüístico en favor do galego. Déannos un só caso, un só caso que contraste coa realidade esmagadora que dá conta real do proceso inverso, o único que existe, o único documentado: o dos nenos e as nenas que empregando no ámbito familiar e social a lingua galega mudan esa opción tras un par de anos de escolarización (incluso menos tempo en zonas urbanas ou nas vilas). Déannos un só caso de nenos ou nenas que á porta da escola se despidan dos pais en castelán e regresen a casa un curso ou dous despois saudándoos en galego, pedíndolle auga á nai ou ao pai en galego. Un só caso!

 De modo que iso que se recolle na nota da COPE sobre o compromiso de Feijóo para a “reposición de los derechos civiles en los colegios” é un insulto intolerábel á verdade e á intelixencia. O Estado funciona, abofé que funciona cando se trata de impor a idea de que España segue a ser unha. E isto sabémolo requetebén todos, incluídos os tres tartufetes da tertulia matinal do 28 de abril na COPE, os falsificadores da FAES e os seus adlátares, os catedráticos de Dereito Constitucional, os editores dos grandes medios centenarios galegos e o bispo de Compostela, nacionalistas de ben todos eles.

 E un derradeiro apuntamento. Núñez Feijóo é moi libre no plano individual de decidir a quen serve. Nós, as cidadás e cidadáns de Galiza, temos a obriga de lle lembrar sen tregua que alén de chamarse Alberto e ter uns ideais e uns gustos persoais é o presidente do goberno do país e que por dignidade institucional non pode ocuparse das palanganas que lle poñan nas mans en público individuos como Federico Jiménez Losantos.

 [Jiménez Losantos, vocalista]

Politropía

22 de Setembro de 2008

Moi de acordo con Croques e con Brétemas: memorábel o artigo de Suso de Toro de hoxe, co ton exacto para entrar en territorios que son moi complexos para a sensibilidade política que impera no Estado e para a que día a día alicerza a liña editorial de El País. Nunca lin nada de Suso de Toro que me deixase máis de acordo coa análise de fondo e cos argumentos utilizados. Entendo incluso que obvie o que obvia, malia non ser pouco (expreseino en diversos foros e está presente neste blog). Ás veces, como querían os vellos mestres de retórica, para alcanzar algún avance no entendemento das cousas resulta máis efectivo un silencio -un non dicilo todo- que o dedo índice a mostrar a realidade construída e aos artífices da súa construción. Normalmente, son as circunstancias, o lugar, o auditorio… o que marca esa clase de decisións, ese reparto entre o dito e o calado, entre a idea de España e a idea de Galiza (nosotros), entre cruz e raia: politropías… Chapeau!