xeraciónsArchive for the ‘’ Category

cEnsura = bOndade ou nube/fraga de tags (poema transcrito do natural)

26 de Xullo de 2009

 

 

fraga-iribarne

 

 

resistencia non máis     a censura pode ser precisa pode ser precisa precisamos máis censura máis censura censura precisamos en certas condicións a censura pode ser necesaria porque en certas condicións a situación     esixe de todos a censura e o premio pois é o pobo e só o pobo e só o pobo quen premia a situación sitúa a normalidade censura en certas circunstancias censura natural o vello di que se deixe traballar          ao amo que non é tal que precisa censura por sentido común a censura pode ser precisa a censura agora como é natural que                     a censura é precisa porque si iso é certo   coas elites e o  resistencialismo non se vai a ningures o resistencialismo resiste resístese e non permite a violencia cordial de vencelo e anular presenza o pobo ordena censura           iso é ás veces é necesaria a censura (practicada por nós) e vós debedes entendelo debedes entender que é precisa a rendición das elites como Castelao o entendeu ao falar da tradición franqueade as portas á censura da Santa Compaña porque é bo para todos e todas para todos a censura é boa para a cordialidade como é natural a censura nosa xa o estades a ver todos é harmónica e natural a censura a censura si por sentido común e el debe traballar como é natural polo pobo si polo   pobo e punto  sen máis incordio de resistencia.

 

 

 

 

 

 

 

 [Manuel Fraga Iribarne fotografado por Benito Ordóñez]

Véxase aquí unha prosificación do anterior. Calíbrese, tras vela, a inmediata influencia da Doutrina Lándoas-Kruschov sobre Cando-se-Debe e Cando-se-Non-Debe Aplaudir un discurso supostamente institucional reconvertido a ataque directo contra un(s) que está(n) no público ou, noutras variantes, a groseira declaración partidista ou mesmo a apoloxía do fascismo. De ser exacto o que relata Xornal de Galicia, só de ser escrupulosamente exacto, ben por Laxe e ben por Touriño. Agasallo para eles (allegro moderato). Deshonra para os felóns (por certo esta palabra encantáballe usala a ese señor a finais dos 80).

  

Vidas oclusivas, vidas fricativas

16 de Xuño de 2009

nena_daconte-he_perdido_los_zapatos-frontal

Anótoo para exploralo como dialéctica outro día. Hoxe só iso. Algo ocorreu entre Miguel de Unamuno e Nena Daconte, no tempo transcorrido; algo ocorreu que ten un correlato na ciencia fonolóxica, nesa abstracción da oclusión e da fricación, previa á teorización sobre o continuum larínxeo-alveolar e á emerxencia da idea de caos. Fonosimbolismo tamén nos eidos que abren entre filósofo e dúo. E onomancia, pois non pode ser o mesmo chamarse Pepe que chamarse Fifí, chamarse Tata que chamarse Fofó ou Fofito, aínda que este último hipocorístico atempera a fricatividade no xiro derradeiro de seu. Nomes oclusivos malia as aparencias (Unamuno) e nomes fricativos malia o propio (Daconte). Poéticas oclusivas e poéticas fricativas? Claro! No campo da poesía hispánica Unamuno andaría polos penedos aqueles da oclusión encabalgante e Nena Daconte andarían polas chairas esoutras dos estanques e dos parques temáticos, fricativos eles (fricativa sobre todo ela na redución articulatoria que remite a unha minoría de idade declamatoria, sentimental e intelectual, propiciatoria no imaxinario patriarcal de cazas e capturas —supóñase un Pondal pola parte de Neaño— no límite do estupro), si, fricativos eles na dicción e no pensamento, insisto, como un demorado flato oral, nasal, vaxinal. Anal non, anal non. Un flato emitido empero como crítica da linguaxe. E como apoteose do ripio (“tardamos mucho en no volver / a ver la luz del sol nacer”, onde o eneasílabo se alcanza como sexa, faltaría plus).  Compróbese, compróbese se non se me outorgar creto. En termos puramente empíricos e comparados. Primeiro este “El Aleph” (2009) do dúo omnipresente, co vídeo de autor (J.A. Bayona)  e a inconsistencia dos vellos conceptos a derrubarse con feitura plástica desde as alturas hermenéuticas  de tellados ou as baixuras metamórficas de patio urbano, entre kubricko e gadameriano todo, con palabras rotas (“corazón” – “razón”, e logo “compartir” – “partir”, “sentimiento” – “miento”, “ilusión”, ¡”pareja” – “reja”!, “confianza” —mágoa perder aí o xogo que tería dado “fianza” de tirar algo máis da corda, coa isotopía aquela do préstamo hipotecario, euríbor e tal— e, en fin, pero non ao final senón polo medio, ¡¡”sentido”!!…, que clímax conciliatorio e diexético o de sentido meu-deus!). E de contado, todos quietos, o contrapunto: un soneto de Unamuno, un soneto mal composto que non sei ben por que sempre me amolou un chisco. Que mente, Unamuno!, ese prodixio de facer el crítica aos postestruturalistas e á posmodernidade antes de existir nada semellante ao estruturalismo ou a Barthes, nin en Salamanca nin en Fuerteventura nin en París. Todo iso nos catorce versos do soneto en cuestión. Antes, escóitese e véxase, se se quer, Nena Daconte, que fan da corda e da fricatividade ontolóxica alegorese e sostén da súa poética enteira, segundo se preanuncia xa na foto que arriba incorporo, non sei se carátula tamén nin penso comprobalo:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/qFg9OVEGUIg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

[Por se alguén bloquear o acceso, que temo que si, clíquese neste punto e váiase acolá: http://www.youtube.com/watch?v=qFg9OVEGUIg]

Velaquí agora o soneto de Unamuno, “Don Juan de las ideas”, da serie “De nuevo en casa” de Rosario de sonetos líricos (1911), escrito en Salamanca no outono premoriente e encabalgante de 1910, cen anos antes de Nena Daconte fricativizarnos a todas horas cerebelo e linguaxe mentres a AP-9 transcorre no parabrisas e afoga o tempo, oclusivo ou polo menos africado, con este pó quente que vén do Sahara, seica:

Don Juan de las ideas que cortejas

todas las teorías, libertino

del pensamiento, eterno peregrino

del ansia de saber, sé que te quejas

 

de hastío de inquirir y que aconsejas

a los mozos que dejen el camino

de la ciencia y encierren su destino

de la santa ignorancia tras las rejas.

 

No amor a la verdad, sino lujuria

intelectual fue siempre el alimento

de tu mente, lo que te dio esa furia

 

de perseguir a la razón violento,

mas ella se vengó de tal injuria

haciendo estéril a tu pensamiento.

 

 

 

Visibilidades

11 de Maio de 2009

 

Leo a entrega G de Escrita Contemporánea, a publicación da AELG, que recollín o sábado na Cea das Letras en Compostela. Dedícase monograficamente ao III Encontro de Novos Escritores, celebrado no Pazo de Mariñán en setembro de 2008. O título do volume é Entre dous séculos. Vexo a mesa redonda sobre presenza e invisibilidade das escritoras e dos escritores na sociedade actual, coordinada por Elvira Riveiro, con participación de Ana Acuña, Samuel Solleiro e Iolanda Aldrei. Quedemos agora coa relación de preguntas que a coordinadora da mesa lanzou ao auditorio e aos relatores convidados. Estas dez:

Realmente somos pouco visíbeis?
Menos do que deberiamos ser?
Debe ser o autor/a responsábel da visibilización da súa obra?
Debe visibilizarse o/a autor/a ou só a obra?
Debe o/a autor ser apenas visíbel no texto que escribe?
É a soidade e o illamento condición necesaria do oficio de escritor/a?
Cales son as estratexias de visibilización —se as houber— necesarias?
Todos/as os/as invisíbeis queren selo?
Existen, entón, invisibilidades forzadas —tamén— na literatura?
Importa realmente algo todo isto?

Sempre e bo preguntar, solicitar respostas. E aquel día houbo reflexións ben articuladas e moi lúcidas dos tres relatores que logo interviron arredor deste asunto ás veces algo frivolizado da visibilidade de escritoras e produtoras artísticas en xeral.

Na Cea das Letras atopei, antes de recoller esta e outras publicacións, vellas amizades que había moito tempo que non vía. Puiden saudar tamén novos amigos e amigas que se achegan a Lándoa e dos que só tiña constancia nominal, ou nin sequera iso. Unha cuestión reiterada na conversa foi a de canto tempo dedico ao blog. As lectoras pensan que moito. Contesto sempre o mesmo: menos do que parece. Escribo rápido, directamente sobre a infausta caixa de Blogger. E logo repaso e resolvo grallas ou recoloco algunha coma mal posta. Xantei e bebín, non excesivamente ben, nunha mesa con colegas de oficio e con moi caros amigos e amigas. Lembramos, rimos, ponderamos os premios, debuxamos, aloumiñamos ao lindísimo fillo de María Lado, que aínda non entende de aplausos…

Celebrei con emoción, no momento final da rolda, o premio a Marcos Valcárcel por As uvas na solaina. Marcos é para min unha referencia intelectual e ética de primeirísima orde, no blogomillo e en todas as cordas que el leva tocado na súa traxectoria como investigador e como home da cultura. Son consciente de que As uvas na solaina é un acontecemento que ten algo de rara e irrepetíbel alquimia. Movido por esta convicción, díxenlle a Apicultor,

alí presente, que o premio era tamén para todos os amigos de Marcos, a tertulia que un día considerei senado máximo da Gallaecia e da que os nenos e nenas na escola deberían aprender os nomes todos que alí deitaron humor e saber, como meu pai era quen de repetir varias dianteiras do Athleti da posguerra e aínda hoxe o é. Apicultor, que ten sorriso de home santo, discreto e sabio, díxome que non. Que o premio era de Marcos. E eu non retirarei nunca unha sílaba de Apicultor nin de ninguén dese Senado que tantas horas de lecer e de reflexión leva proporcionado aos lectores e lectoras do país, a todos quen, nalgún xeito, lemos no blogomillo a nación que podemos e debemos ser. De modo que perder unha votación (perdérmola, os nominados e nominadas todas ao mellor blog literario do blogomillo), nunca tan gratificante foi.

[Arriba, Elvira Riveiro Tobío intervén no XXV Galeusca (Valencia, 2008). Na foto que figura abaixo, tomada da páxina da AELG, Marcos Valcárcel e algúns dos galardoados/as na Cea das Letras, ou representantes seus, Ana Romaní, Xosé Cobas, Teresa Moure e Inma López Silva, flanqueados por Cesáreo Sánchez Iglesias e José L. Troitiño, á esquerda, e Mercedes Queixas e Elena Poniatowska á dereita]

3 comentarios perdidos no proceso de mudanza

Apicultor disse…
Discreto? Si. Home sabio? Dificilmente. Home Santo? Protesto: Eu non aspiraba a iso!

Un post de pura elegancia o seu, amigo Lándoas.

Apertas.

12-05-2009 19:30

Iacobus Von der Stein disse…
Vostede, Apicultor, polo que está a facer por Marcos merece o ceo.

12-05-2009 20:32

Anónimo disse…
Lándoas, compartir mesa e mantel con vostede foi unha ocasión magnífica para o riso. E lembre que as gráficas só foron posibles grazas ao seu boli elegante (e verde-oliva)…
m.

13-05-2009 10:19