Xosé María Álvarez CáccamoArchive for the ‘’ Category

Desconcerto

4 de Abril de 2009

En 2001 Antón Lopo propúxome facer un número da Revista das Letras, con poemas novos e unha entrevista que logo se titulou “Lopo & Casas en (des)concerto”. Publicouse o 19 de xullo. Recollo a última pregunta súa e a resposta que daquela dei:
LOPO.— Nestes poemas que publicamos en rDl, vostede insiste nos roteiros dunha poesía de esculca formal e contidos desvergonzados. Nun momento en que os poetas galegos parecen instalados nas convencións, vostede inclínase cara á imaxinación e o xogo. Non cre que se pode considerar pouco seria a súa proposta? Ou, pola contra, opina que o motor lúdico é a única aposta seria da poesía?

CASAS.— Desque pechei Momentum. Circungrafía, o meu terceiro libro, cousa que aconteceu contra 1994 —malia o libro saír no 97 (todos os meus libros de poemas saíron tres ou cinco anos despois de escritos)— non volvera a escribir poesía. Por tanto, pasaron sete anos sen facer practicamente nada nese campo, todo o máis algún texto pequeno para revistas, dous ou tres como moito, obra aforística, microrrelatos para autoconsumo. Tampouco estou seguro de que faga ben publicando agora “Dereito Natural”. Neste tempo pasaron cousas, pasáronme cousas como lector e tamén na miña relación coa literatura e coa vida. Cando saíu Momentum escribín unhas palabras preliminares nas que facía explícita e pública a conciencia de pechar un ciclo e unha concepción da escrita. Estaba moi seguro diso.

En Galiza hai agora mesmo unha ducia de poetas cun nivel extraordinario. Iso, estatisticamente, non é normal. Por temperamento e por outros motivos éme difícil converxer decididamente con outras poéticas activas do momento, pero o certo é que nestes anos ler e estudar determinados autores e autoras galegos —e non nego que Pepe Cáccamo e Chus Pato son para min referentes principalísimos, como tamén o son Avilés de Taramancos, Méndez Ferrín e varios outros escritores, tamén poetas doutras tradicións—, levoume a tomar nota de que hai espazo para unha literatura poética que, facendo da elaboración discursiva e do traballo coa palabra case un emblema, interveña no eido social e político con algunha eficacia.

Nese sentido, estes textos de “Dereito Natural” non van alén da vontade de experimentar un discurso civil que aspira a abrir o diámetro xa amplo desa clase de rexistro. Vostede destaca a dimensión lúdica, outros apreciarán neles a parodia de certas convencións ou de certas poéticas, outros a denuncia das manifestacións diversas e inesgotábeis do abuso e da impunidade…

Non lle sei se isto é menos serio que o que antes escribía (tendo a crer que non, máis ben todo o contrario). Se é menos metafísico, menos esencialista, menos hermético…, etiquetas estas que se atribuíron á miña poesía en diversos momentos. Pero o que noto é que “Dereito Natural” pode ser un indicio do que me interesaría saber facer no futuro (se eu tiver futuro como escritor, cousa que está por ver). Con independencia ademais do marco xenérico que escolla, porque non nego que me interesaría recuperar unha relación máis normal coa novela ou aínda co teatro. Mesmo como lector.

Doutra parte, eu son un señor que entre as súas perversións confesábeis conta a escrita de dicionarios, de bibliografías e doutras empanadas semellantes. Agora mesmo, cando saio do traballo, o corpo pídeme outra relación coas palabras, outra mirada. Con moita frecuencia, humorística e crítica, nas primeiras versións case sempre algo máis duras e acedas que nas que finalmente dou ao prelo, se as dou.

Os cinco poemas que agora publico quizais naceron cun propósito máis definido de instalarse no gume dunha provocación menor e nunha apertura interpretativa que acaso sexa temeraria, porque non faltará quen os lea xusto ao revés de como eu os comprendo. Tanto me ten. A literatura é con frecuencia un exercicio de compensación. Lendo e escribindo compensamos algunhas carencias que nos amolan. Neste tempo menesteroso e tartufón, con iso abonda.

[Antón Lopo sorrí en 2006 (Dentro). Abaixo e fóra, As tres idades do sorriso (2003), de Amalia Iglesias Serna]

Memorabilia

22 de Febreiro de 2009

Andaba na procura doutra cousa e lembraba a Psicopatoloxía da vida cotiá de Freud, todo aquilo das chaves equivocadas (querer abrir a porta do traballo coa chave da casa, p.e.), todo o de Lou Andreas-Salomé a ferver leite nos días da Gran Guerra e a morte do seu terrier branco, todo o de cruzar os contrasinais entre contas bancarias e teléfonos de persoas queridas, o de non atopar ese papel que sen dúbida está sobre a mesa e marca unha obriga perentoria… Freud resulta simpático cando vai tan directo á explicación. Ben, o caso é que eu ía por outra cousa non sei onde e dei cunhas notas de lectura de Memoria de poeta, de Pepe Cáccamo, de cando presentamos o libro no Casino de Compostela, en xuño de 2006.

Recupéroas (algunhas). Estaban destinadas a pensar o que ía dicir eu aquel día. Logo dixen outras cousas.

Creo que estaría ben cargar tintas no que de exploración autopoética hai no libro. Sorprendeume constatar que detrás de cada texto poético de Cáccamo haxa xa non unha experiencia senón mesmo unha anécdota. Incluso en títulos, como Praia das furnas, hai por suposto unha praia real. Semella que a operación é sempre semellante e diso se fala arredor da páxina 220 cando Pepe comenta unha impresión de Rodríguez Padrón. Pártese sempre dun acontecemento, ás veces mínimo. Desde aí opera unha abstracción simbolizante, unha categorización fotografada e deshistorizada, no sentido de que parece paralizada ou acristalada, museizada?, desconectada das coordenadas reais e efectivas de carácter xeohistórico, aquel lugar naquel momento. Esa categorización procura dotar o texto dun valor moito máis amplo que o ligado á súa radicación auténtica, universaliza o seu sentido e suspende toda incidencia co real aparentemente. Coido que o procedemento procede dunha circunstancia: o moitísimo que PC escribe, a súa entrega febril e constante á escrita. Iso activará moita reescritura, moito proceso de categorización meta-física e meta-histórica, case no sentido Chirico.

Outra: PC almacenou sempre moreas de notas, documentos, cartas, diarios, cadernos de viaxe, poemas, textos. En que medida estas memorias son glosa ou expansión de todo ese material/canteira? En que medida estas memorias son un arquitexto? En que xeito son produto da relectura das memorias en directo por el transcritas cada día da súa vida (anterior)?

Pensar o xogo memoria/memorias/memorial/memorando e tamén memorabilia co valor García Bacca (“o recordábel”) pero tamén no sentido anglosaxón de obxectos que teñen un certo valor simbolizante. Por certo moi próximo ao que os Álvarez Cáccamo conceden á idea de microtopofanía (concepto técnico en antropoloxía?).

Pensar tamén nos esquezos, no que “caeu da memoria”, como di a frase coloquial.

[Pepe Cáccamo en Compostela. Foto de Otto AGN para Galciae]

Pepe Cáccamo escribe a Ramiro Fonte (1988 e hoxe)

11 de Outubro de 2008

Quero lembrar a Ramiro na vida, nos días en que tiñamos todo o tempo por diante. Daquela, contra finais dos 80, escribinlle este poema que logo incorporei ao meu libro Cimo das idades tristes. Da man de Ramiro, o magnífico poeta e narrador cuxa obra é tamén vida inesquecíbel, conservo un feixe de debuxos de rápida e afortunada feitura, resoltos sobre a marcha da conversa en tertulias de café, maiormente en noites longas da década dos 80 e primeiros 90. Vexo a liña do seu sorriso irónico e simpático a pairar por riba dos papeis debuxados (entre eles estes dous que acompañan o meu poema) que me acaba de entregar para a miña colección. Cando todos tiñamos todo o tempo por diante e ninguén podía albiscar no horizonte a cor inaturábel da ausencia.

Pepe Cáccamo


Carta a Ramiro Fonte desde Barraña

Benquerido Ramiro: xa vai Xullo
devalando nas praias do Barbanza
e o mar xeme por dentro na procura
do seu amor máis forte cara á seca.
Logo en Agosto varan as enchousas,
as illas fican libres de arredores
e camiñan os homes sobre as augas.
Mais eu non estarei no tempo fértil
das marés prodixiosas. Non verei
as materias do sal que deitan sedas
sobre o corpo dos nomes —Abanqueiro,
Mañóns, Praia da Corna, Ribeiriña—
nos días en que o mar medra fragoso
e calado labora o seu vacío.

Estas terras son miñas desde o abrente
até unha noite lenta de figuras
que en lago escuro imitan as alfaias
de ardora, as simetrías do solpor.
Pero Xullo debuxa nos esteiros
rostros meus cada hora máis feridos
de salitre e de tempo. Morre o sol
nas abras do Barbanza. Penso en ti
que estás testemuñando o devalar
das Cidades da Nada, o teu Designio
sobre un mar onde brúa a Tempestade.