xustizaArchive for the ‘’ Category

Curso de Esculca

4 de Setembro de 2009

 

Os vindeiros 17, 18 e 19 de setembro terá lugar na Faculdade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela o curso de verán de Esculca (Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades) A tutela internacional dos direitos e liberdades públicas fundamentaisO programa pode consultarse aquí.

 deportation-class

[A ilustración tómase do Boletín Esculca número 19]

 

As regras da partida

24 de Agosto de 2009

 

syra-alonso2

Non se trata de trazar parábolas nin de comparar o incomparábel. Pero a casualidade fai que se crucen lecturas e  relecturas que conducen a unha conveniencia. A de precaverse contra a insensatez, ou a inxenuidade, de considerar que o labor de xuíces e maxistrados é puramente técnico. A de non esquecer a condición política da súa actuación, que en momentos como o actual pode mesmo incorporar, na decisión colexiada de expertos presentados á opinión pública simplemente como iso —como un grupo de especialistas altamente cualificados para determinar en sentido técnico se hai axuste ou non o hai entre unha Constitución e un Estatuto de autonomía—, nada menos que o rumbo histórico inmediato dun Estado. De modo que as deliberacións conxuntas e tamén as consideracións máis persoais dos maxistrados do Tribunal Constitucional ao longo dos últimos anos, meses, días, horas… probabelmente garden unha proporcionalidade variábel segundo os casos e os individuos pero, en todo caso, consistirán antes que nunha intervención pericial e experta nunha especie de intento de resolver unha inecuación vinculada a unha álxebra algo estraña na que se combinan máis parámetros dos que un podería imaxinar. Intúese que con algo maior complicación da que a redución nominal conservadores / progresistas (por empregar etiquetas que en realidade significan outra cousa) permitiría sospeitar.

Insisto en que no texto que agora se reproduce son outras as cuestións tratadas, é outra a historia, por moito que, en efecto, todo proveña do mesmo pozo negro que a historia adoito é. Corresponde ao capítulo XVIII do “Diario de Tordoia” dos Diarios de Syra Alonso, na tradución do castelán orixinal ao galego que Anxos Sumai preparou para a colección “Mulleres” da editorial A Nosa Terra no ano 2000. Un libro imprescindíbel, no meu criterio.

Era setembro e era outubro de 1936. Neste fragmento escrito dous anos e medio despois dos acontecementos vividos, Syra Alonso, tras unha semana implorando información no Goberno Civil da Coruña e nos cuarteis de Falanxe e sobre a sorte do seu home, o debuxante e pintor Francisco Miguel, alcanza os datos que lle foran ocultados no cárcere. Dá coa verdade no Xulgado de Carballo, cando un xove xuíz lle presenta unha certificación para asinar:

francisco-miguel-_natureza-morta_1930

Carballo está a trinta quilómetros da Coruña. Vou ata alí acompañada polo meu irmán Fernando e polo doutor Manolo Varela. O coche parou diante dun modesto edificio, hai un pequeno xardín como todos os xardíns destes lugares: xeranios e roseiras e unhas diminutas palmeiras que son o ornato principal destes recantos. É día de feira, pasan soldados, mulleres, rapaciños, anciáns, mozos. Hai moito barullo nas estreitas e empinadas rúas; todo vive, os seres, as plantas, ¡todo menos el!

Entro no xulgado, unha sala espaciosa con esa cheirume a humidade, ese cheiro tan característico de Galiza. Estou diante dun home novo ao que miro desconfiada, aínda que en verdade non lle atopo nada estraño. É un home alto, delgado, cun pálido rostro que iluminan uns escuros ollos de franca e nobre mirada e un afectuoso sorriso cunha marcada expresión de piedade.

Despois de cambiar con el unhas palabras de simples saúdos, vai cara ao armario. As súas mans collen un groso caderno e le con voz un tanto insegura o que hai escrito nel:

“Número 29. Cadáver sen identificar. Cadáver descoñecido, aparecido no punto chamado de Margade, do lugar de Que de Arriba [Queo de Arriba] da parroquia de Bértoa. Un home de trinta a trinta e tres anos, alto, viste traxe gris, camisa branca, xersei color beige, zapatos e calcetíns castaños; todo en bo uso. Ten a cabeza desfeita e tres feridas, unha no ombro esquerdo e dúas no ventre, ao parecer de bala”.

O xuíz fai unha pausa como se desexase poñer punto final á lectura.

¿Francisco Miguel, desposuído no cuartel  da garda civil de toda a súa documentación, pensou talvez en dicirme o derradeiro adeus neste pano de mesa que a noite do 28 lle levara coa cea á prisión?, ¿neste pano de mesa que o xuíz atopou no seu cadáver, suxeito entre o xersei e a camisa cun alfinete? Tremendo de emoción collino entre as miñas mans, bicábano os meus beizos, as vermellas manchas de sangue falábanme da súa morte.

Acabo de ler algo que o xuíz coas súas mans intenta agacharme naquel groso caderno.

Rematamos a lectura, doume conta de que a súa conciencia parece tranquila por terme permitido ler o que a lei lle prohibe, pero o que a súa persoa non admite. Sen embargo, o certificado que veño de ler é substituído polo que segue:

“Número 29. Nome e apelidos: Francisco Miguel Fernández Díaz. Na vila de Carballo, provincia da Coruña, ás dezasete horas e quince minutos do día cinco de outubro de mil novecentos trinta e seis, procédese a inscribir a defunción de Francisco Miguel Fernández Díaz, de trinta e seis anos de idade, natural da Coruña, provincia da Coruña, fillo de don Román e de dona Marcelina, domiciliado na referida cidade da Coruña, de profesión pintor e de estado civil casado con Syra María Alonso Brufau, matrimonio do que deixa tres fillos chamados Francisco Alberto, Xoán Ramón e Sandro de trece, sete e tres anos de idade. Francisco Miguel faleceu dun colapso cardíaco, no punto chamado campo de Margade, do lugar de Que de Arriba da parroquia de Bértoa. Asinan o xuíz e mais as testemuñas”.

 

[Syra Alonso nunha fotografía tomada en Lisboa en 1942. Natureza morta (1930), pintura de Francisco Miguel]

Lapidacións en Irán

21 de Agosto de 2009

 

IRAN FRANCE PROTEST

Sakineh Mohammadi é unha muller iraniana condenada por suposto adulterio nun xuízo sen garantías. Amnistía Internacional fai unha chamada á mobilización para impedir a lapidación ditada polo tribunal, pendente neste momento só da resolución dunha Comisión de Indulto na que non cabe depositar excesiva confianza. Pido ás lectoras e lectores deste blog que sumen a súa sinatura á acción promovida por AI. Os prazos son curtos.

A democracia aparente

7 de Abril de 2009

Leo o capítulo VIII da vixente Lei Electoral, “Delitos e infracciones electorales”. Leo despois as declaracións de José Luis Baltar a Xornal de Galicia o domingo 5 de abril. Pregunta o xornalista ao presidente da Deputación de Ourense se o carrexo é un invento seu. Responde Baltar: “Lo hacemos todos, pero nosotros ganamos. Hay que trabajar. En todas las elecciones voy a Nogueira para vigilar cómo va la cosa. Vi a una pareja y tuve dudas. Le pregunté si me darían el voto, me dijeron que sí y entonces les cambié las papeletas que llevaban en la mano por unas del PP. Los acompañé hasta la mesa y luego comprobé que le iban a votar al PSOE”.
Vai pasar algo? Que fai a fiscalía?
Resulta obvio: iso que declara Baltar é un episodio que sabemos mínimo. O tipo, fachendoso como é, pletórico na súa estatura moral, ardido na hiperestesia ocasionada pola vitoria e por saberse co control absoluto de cada centímetro cadrado da provincia de seu, afeito ao vaivén hormonal do trombón fálico-retórico (burrada colosal seguida de inmediata retracción da vara; infamias persoais seguidas de calculadísimas peticións de desculpas), no límite último da súa lenta retirada da vida pública institucional, confesa algo. O tipo confesa algo mínimo. Mínimo, si. Sabemos que iso que di Baltar representa na escala dos mapas etopolíticos deste self-made man unha minucia, un nanocouso, un retallete do catálogo brutal de sometemento a intereses propios e de partido da bendita democracia, desta democracia tamén lenta del e do seu partido. En efecto, mínimo o acto do tipo na xornada electoral, mínimas as consecuencias. Pero a fiscalía non pode ignoralo. Ten a obriga constitucional de intervir. Máis aínda por ocupar Baltar o cargo que ocupa. E non debería agardar a que ninguén, particulares ou partidos políticos, promova nada.
A fiscalía ten que observar se hai ou non hai delicto no que Baltar confesa que fixo o día 1 de marzo. De habelo, terá que concretar aínda en que número. Cantos son os delictos confesados nesas palabras mínimas polo presidente da Deputación?
[Baltar no seu gabinete da Deputación de Ourense. Fotografía de Suso Arjomil publicada en Xornal de Galicia]

Homofobia e xustiza

24 de Febreiro de 2009


Mal día o martes de entroido para un galego tomar posesión como ministro de Xustiza, pero hai cousas peores. Como a do xurado popular vigués que botou man da vella e abominábel apelación ao “pánico sexual” para absolver ao individuo que en 2006 asasinou dúas persoas por medo insuperábel a ser violado por elas. O xurado popular, en cambio, valorou como delictivo o incendio posterior da vivenda na que moraban as vítimas (acto destinado polo agresor á eliminación de probas). Porque morto o can acabada a raiba, supoño que pensarían os sete membros do xurado que entenderon de xeito tan peculiar a “defensa propia”. Mañá mércores hai unha concentración na Praza do Toural de Compostela ás 20 h. convocada polos colectivos LGBT contra a homofobia. Entendo que Caamaño está convidado.

[A fotografía tómase da web da federación Aturuxo]