Cunqueiro: libros que non foron

 

 cunqueiro-ca-19503

O máis estimulante de abrir botica é a trastenda. Despois da anotación do outro día sobre a conferencia inédita de Álvaro Cunqueiro en Ourense chegáronme por vía privada algunhas mensaxes curiosas, incluída unha de alguén que eu non sabía que vivía. Podo dicilo abertamente, isto último; que ninguén me atribúa inconveniencias nin descortesía. Ela mesma, a dama da que falo, pediu con sentido do humor que o comentase, aínda que sen dúbida escusará se le as liñas de hoxe que non supere este límite. Unha das mensaxes sobre aquel Cunqueiro de 1933 escribiuma Ramón Nicolás, quen, coa xentil elegancia que nel todos recoñecemos, menciona unha publicación recente en Madrygal, a revista que edita desde 1998 a Universidade Complutense. O caso é que no último número desta publicación dirixida por Carmen Mejía, o amigo Nicolás informou sobre un suplemento que La Región botou a andar naquel mesmo ano da conferencia no Liceo sobre Colmeiro. Un suplemento que o xornal puxera nas mans de Manuel Luís Acuña e de Ramos Colemán. Interesoume moito no artigo de Madrygal unha especie de autoentrevista de Cunqueiro na que fai mención de proxectos seus daquel momento tan complicado na historia do país e menciona unha serie de libros que puido escribir, que pensaba escribir, e non escribiu; asunto este por certo moi propicio a unha liña de pesquisa que nos últimos tempos cobrou enorme actualidade na crítica e do que recentemente tivemos mostra nunha reportaxe xornalística de Daniel Salgado. Reproduzo só unhas liñas do Cunqueiro autointerpelado e chamo a atención sobre os valores que el propio deita sobre a obra que daquela acumulaba e mais sobre os proxectos que reclamaban con forza a súa atención creadora:

 

 

1933 chegou con certa lediza. Livros de Iglesia Alvariño, Bouza Brey. Un livro meu, de 1931-32: Poemas do sí e non. Outro livro meu escrevido en dez días composteláns: Cantiga nova que se chama Riveira. A miña maior obra: Papel de Color. Matino dar outro livro iste ano: Tres herexes simpres e incompretos. Ao millor: Ensaios de arte e literatura aitual.  Fago poesía. Os tantas veces intentados poemas en prosa do Caderno de un Mapa iñocente. Logo Adolescenza en inverno, na mesma liña de Mar ao Norde. Intento, por terceira vegada xa, teatro e novela. Teatro sobre todo. Non sei até que ponto o lograrei. Matino un caderno anónimo deshomanizado, un boletín literario i-artísteco “comercial”, unha gran serie dos Papel de color. Non sei que farei de todo isto. Perdín o senso: do posível i-o imposível. En chegando a un certo ponto tanto da pra riba coma pra baixo. Creo que 1933-34 serán dous bos anos pras letras galegas, a pesares da políteca e do chicolate canónigo das seis. Tamén creo que teño sono e non sei que cousa seña o estar calado.

 

[Fotografía de Cunqueiro contra 1950. Na man esquerda a plaquette autoeditada baixo o selo Edizós do pescador de cana, con tradución dalgúns dos poemas de Hölderlin]

 

 

 

2 ResponsesCunqueiro: libros que non foron to “”

  1. Mario Says:

    Aínda me interesa máis a daqueles libros que foron obrigados a ser fantasmas. O contido das imprentas de Ánxel Casal, por exemplo, onde desapareceu o primeiro Fole e a última revista Nós, o primeiro libro de Mourullo (Homes sinxelos) que segue inédito por vontade do autor (ou da súa evolución kármica), ou aquel Os corvos, a figueira e a fouce de ouro que lle valeu a cadea a Ferrín e que non aparecerá até que (o demo non o queira) este desapareza. Eu mesmo tiven, durante quince días, a certeza de que a única copia da miña primeira novela desaparecera definitivamente tras un golpe que escangallou o disco duro do portátil. Cousa que xulguei naquel momento como a maior traxedia da miña vida, e que seguramente non era para tanto. 🙂

  2. lándoas Says:

    É certo, Mario. E tamén están as destrucións sistemáticas da obra propia. Escribir directamente para queimar. E manter esa poética durante anos. Coñezo casos.