Ideario Feijóo

Día a día o Presidente Núñez Feijóo configura malgré lui un discurso propio que afecta á esfera identitaria. É evidente que esa non era unha das súas arelas vitais nin sentimentais. Faino forzado polo feito de a historia saírlle ao paso, pois a historia e os feitos non se retiran ao paso dos poderosos. Fican. E resulta que el ten que falar. E fala.

castelaoConcretei en análises anteriores algunhas notas sobre o que vai comparecendo nesas alocucións. Hoxe parece mesmo urxente abundar no asunto. Parécemo polo día no que andamos e porque Feijóo volveu falar noutro lugar de forte carga simbólica e incorreu de novo nesa práctica deshonesta de terxiversar textos e ideas alleos.

Pode crerse que para min representa un esforzo non menor dedicar tempo a isto. Non experimento ningún pracer tratando de escudriñar o que en realidade vén dicir este señor. Pois, en definitiva, desde unha perspectiva semiótica e de análise do discurso, un sabe que se dispón a falar do espectáculo de quen aspira a se (re)presentar a si mesmo como a nada, como alguén que postula a conveniencia escénica de non ser e non pensar nada, de quen hoxe se abandeira nun raro furor populista, o de  reducir a cero o respecto xa non á realidade histórica e ao presente senón ante todo á racionalidade humana. A cada paso máis preto daquela norma de Franco, facer como que un non está en política para facer política de vez.

Leo o discurso seu de hoxe en Bonaval, perante o féretro de Castelao, e teño presente de novo o texto de hai dúas semanas no Consello da Cultura. En esquema digo:

1. Feijóo aspira a promover dous ideoloxemas constitutivos de todo o sistema de coordenadas do seu “pensamento” político: un é a súa noción de liberdade, o outro é a súa noción de pobo.

2. A acepción Feijóo de liberdade incorpora como antónimo de uso o termo imposición. Mentres que a acepción Feijóo de pobo sitúa como antitética a idea de elites culturais.

3. Para Feijóo e para quen inspiren o seu discurso oficial, que talvez non sexan exactamente os seus subordinados no Gabinete, as liberdades corresponden ao pobo innominado, mentres que as imposicións corresponden ao exercicio e á intervención das elites culturais.

4. O pobo é galeguista. As elites culturais do país propenden ao nacionalismo. Galeguismo e nacionalismo han de promoverse desde o discurso do poder como concepcións antagónicas. O mesmo que pobo e elites culturais.

5. O pobo en Feijóo caracterízase, alén do anonimato, pola aceptación mansa do que sobrevén de fóra en forma de superestrato cultural ou de dominación. As elites son o Medulio, é dicir, un reduto enclaustrado que se limita a exercer a resistencia perante os ritmos naturais da historia.

6. El, Feijóo, intentará no seu mandato dous logros históricos que na súa linguaxe non pública poderían definirse como “definitiva despolitización da esfera pública” e “sometemento tras rendición, e posterior tutela, dos resistentes do Medulio”. Esa é a tarefa histórica de Feijóo. En tradución libre a unha linguaxe adulta, permítome transcribila nestoutros termos: populismo sustentado nun pacto financeiro-mediático de non agresión entre o poder institucional e os poderes efectivos ou reais e logro dunha definitiva rexionalización da nación (aténdase a un punto feble deste equilibrio inestábel: a posibilidade de que a rexionalización político-cultural levada ás súas últimas consecuencias supoña algunha clase de restrición da autonomía do poder económico e/ou mediático do país).

7. Un mecanismo que merece optimizarse é o da manipulación ou terxiversación, mesmo deconstrutiva, de mitos e símbolos identitarios, entende Feijóo. Esa é unha tarefa que el interpreta que debe afrontar directamente: incidindo nas institucións e nos lugares nalgún sentido sacralizados polas elites culturais nacionalistas ou simplemente galeguistas (se estas se excederen nalgún momento por algunha razón, mesmo desde dentro do PP).

8. No Consello da Cultura, o pasado día 9 de xullo, Feijóo golpeou até cansar no fígado identitario diso que algúns chamaron “criterio filolóxico” (algo que, serei claro, merece revisión desde un punto de vista empírico e sociolóxico, con total franqueza) e outros describiron como “filoloxización da cultura”. Veu dicir alí, en definitiva, que a cultura galega non ten por que facerse en galego. Aínda máis: que pode ser máis galego culturalmente alguén que se exprese en castelán que alguén que se exprese en galego. E aínda isto: que Valle-Inclán é máis galego que por exemplo Rodríguez Mourullo ou Guerra da Cal (por poñer nomes, xa sei que é probábel que  Feijóo non lese nada deles, de ningún deles, de ningún dos tres, quero dicir). E vaia, só por procurar un punto de encontro e animar a rebotica, até entraría un nese debate… Pero, claro, só a condición de… (isto, outro día).

9. Hoxe, no Panteón de Galegas Ilustres, Feijóo fixo outras cousas, moi na liña de usar a conveniencia propia o dito por terceiros, o discurso de outros, en especial se nel detecta algunha plusvalía simbólica. Moi na liña tamén de saírse do guión institucional e, non sei se por entender mal aquilo de se poñer á defensiva, acabar na mala educación e no vicio máximo de calquera acto retórico: ignorar por completo o sentido empático e suasorio do kairós. Malia todo o cal, tamén debe recoñecerse que pronunciou unhas certas palabras de Castelao, nada menos que da Alba de Groria de 1948 (escribo groria por non escribir gloria e evitar así irmos todos con Lancelot xusto alí en data tan sinalada como esta). Si, Feijóo falou do que na edición anotada que eu manexo Castelao enunciou comobeckett “substractum insobornable da patria galega”. Iso aparece máis ou menos así no texto que esta vez si remitiu Presidencia ou polo menos o partido aos medios de comunicación e que eu recupero sen anotación marxinal ningunha (polo de agora). Un texto co  algo aparatoso marbete de “manifesto” ao que accedín hai unhas horas polo favor dun amigo xornalista. Será posíbel iso do substractum etc.? Diríao de veras? Pois si, díxoo. Curiosamente, creo que un Touriño, por caso, nunca repetiría esas palabras de Castelao, nin na intimidade. Pero igual me equivoco.

10. Entón, que está a acontecer aquí? O que ocorre é que Feijóo usa de novo un lugar emblemático para seguir castigando o fígado identitario como unha especie de adaíl antielitista e rexionalista. Para alén das modificacións que introduciu na cita de Castelao (quen por certo atuaba ao seu público naquel 25 de xullo bonaerense, nun texto algo modificado ou normativizado na cita usada) e para alén doutras cuestións menores, o que Feijóo fixo hoxe foi deconstruír por completo a mensaxe de Castelao de 1948, que non esquezamos que era un canto á irmandade no exilio político e na emigración social ademais dunha homenaxe aos galeguistas, republicanos e en xeral demócratas asasinados desde 1936, e sobre todos eles unha homenaxe a Bóveda. De forma que Feijóo usa a Castelao, cita a Castelao, expele mesmo o que nel é un simple flatus voci (“patria galega”). E non como substractum senón como superestrato discursivo e ideolóxico, como un xogo cínico entre pastiche e cambalache para así reformular e negar o pensamento de Castelao. Como se dixo por aquí hai pouco, para espetar de novo onde máis doe. Por que? Acaso é malévolo Feijóo? Non nos precipitemos. Diso tratarase no punto 12, derradeiro de hoxe.

11. Alba de Groria foi un emotivo discurso (persoalmente, tería algo que engadir a esa valoración pero non o farei aquí) articulado, tras un moi interesante exordio, en dúas partes: unha, a final, centrábase en efecto no pobo (nese pobo reconducido a espírito e a unha aparente —en Castelao, só aparente— mansedume, que tanto chifla ao Presidente Feijóo) e outra, a inicial, referíase aos nomes propios, aos nomes históricos, ás elites… (horreur, Rueda, Varela!) encabezadas por Prisciliano e con colofón (vaia!) no nome de Valle-Inclán. Era o que Castelao chamou de modo acaso inconveniente pero acaído ao acto cívico daquel día naquel exilio “Santa Compaña inmorredoira” (polo medio, Xelmírez, Pardo de Cela, Faraldo, Rosalía e moitos máis, algún deles tamén presente a carón do lugar que ocupaba hoxe o orador). Por tanto, de novo, Feijóo furta unha parte substantiva da mensaxe e do texto: todo o que lle sobra ou estorba: as elites, os intelectuais, os ideólogos e idealistas, os que soñaron e fixeron a nación. E con que fica? Con iso que el soletrea como p-o-b-o e que Castelao chamou tamén, por conmover á xente, “a espranza celta”, “xermes incorruptibles da nosa futura hestoria” e demais.

12. Non esquivo a pregunta. É Feijóo malo? Por que nos trata así? Sabe o que fai? Como conxectura técnica, diría que Feijóo non ten nin puta idea de cara onde vai, que non se dá conta en absoluto de todo o que se está a cargar, que se sente como un Harry Potter benévolo que poñerá as cousas no seu sitio: o das liberdades e o pobo, o do pobre neno que experimenta a imposición de ter que chamar “conxunto baleiro” ao que propiamente se ve que é un “conjunto vacío”. Cada vez máis, Fraga —de novo por dar un nome—, o que Fraga Iribarne representou, esváese da súa memoria. Pouco ten que ver xa con el nin co sentido institucional de quen a estas alturas arelaba ser conserxe do Izelig1nstituto de Vilalba (e isto si que empeza a ser canalla, o de non nomealo conserxe a don Manuel e darlle a oportunidade de concluír os seus servizos ao Estado como sempre quixo) e ten que andar recibindo condecoracións do carniceiro de Guiné Ecuatorial. Pero Feijóo si ten algo na cabeza (algo, apenas algo, non extrememos os xuízos) no marco identitario e na súa planificación do que ten de ser a Galiza futura e a política cultural que a tal ideación corresponda: i) a bandeira da liberdade debe tapar a do dereito e a lei; ii) os dereitos explícitos dos cidadáns sométense a unha noción tácita, esencial, abstracta e nunca continxente do comodín liberdade; iii) en canto oio falar de cultura saco o DOG e amanso o patio; iv) todo intelectual ten un prezo (barato); v) toda cita e todo símbolo son susceptíbeis de sometemento á lei do calcetín; vi) a esfera pública pode e debe reconducirse a casino ou no peor dos casos a taberna (por aquí a andrómena do harmónico, o cordial e outras variantes que frivolizan o conflito); vii) o pobo ten a palabra e para iso se fan inquéritos e periódicos, para que a teña; viii) a identidade é dos que veñen, nós non a precisamos e limitámonos a asimilar a dos que veñen a vernos (como Kundera!, como Beckett!, como Zelig!); ix) a identidade é unha deconstrución e, como debeu dicir Píndaro e non dixo xustamente por ser elite cultural, hai que chegar a ser o que non somos, coma min e como a oposición.

Todo o anterior está a facer o seu efecto. As cartografías xa son outras, é certo. Feijóo malia non saber exactamente onde quere ir está logrando algo: un desarme, un certo decaemento, algúns actos de reacción mal calibrados e con carencias tácticas penosas. Pero os montes seguen onde estaban, incluído o Medulio e todos os significados que anden na órbita dese nome como mínimo eufónico. Reaccionemos!

 

12 ResponsesIdeario Feijóo to “”

  1. luis Says:

    Unha análise moi lúcida (como sempre), pero hai un punto do que non estou tan convencido: Feijóo non sabe o que quere.
    En contra do seu criterio, señor Lándoas, é posible que queira todo o poder ( en Madrid). Senón como se entende que non empece a sentir a vertixe de quedar na lembranza como o presidente que atraizoou ao seu propio pobo.
    Os venecianos (por poñer un caso) manteñen viva, hoxe mesmo, a lembranza dos dogos traidores aos intereses da República Serenísima aínda que esta xa non exista.

  2. bretemas Says:

    Bravo, Arturo! Xenial, mestre! Beizons!

  3. Un lector Says:

    De novo lle envío os meus parabéns, señor Lándoas. Imprescindibles é a palabra que mellor define os seus posts. Lidos en conxunto, os dedicados ao labor ideolóxico do presidente Feijoo parécenme admirables. Lúcidos e rigorosos, como precisamos neste tempo de destrución.

  4. pablo gonzalez Says:

    Estimado señor, estou impresionado pola análise certera, pola claridade da exposición e polo irrefutable dos argumentos. Este texto será de lectura obligatoria nas escolas algún día. Noraboa.

    Este modelo de pensamento feijoniano (feijoniense?) é o mesmo que utiliza Aguirre en Madrid para aniquilar a oposición (mesmo a do propio partido): pobo vs. élites, libertade vs. imposición e, sobre todo, devenir histórico natural vs. lei e dereitos. A dereita estatal necesitaba un líder macho e xa o ten: so pode perderlle o seu afán.

  5. Xosé Gundín García Says:

    12….¿É Feijoo malo?…¿Sabe o que fai?….diría que Feijoo non ten …idea de cara aonde vai, que non se da conta …de todo o que se está a cargar…. Ese enunciado non permite resolvelo problema, é unha conxetura técnica da que se poden sacar outras conxeturas técnicas e non máis. Aporto outro, non por gusto de facer xuizos persoais, senón pq este individuo fai (e voluntariamente, querendo) de punto nodal no conflicto que nos ocupa. Feijoo é un malandro; en que proporción malvado ou necio (posibilidade esta última que Vde. non considera) queda ignorado. As abundantísimas obviedades que usa para dicir nada, o pseudoculto recurso a citas e nomes consagrados traendoos, veñan a conto ou non, ó seu muiño, o discurso pragado de contradiccións, especialmente entre aspiracións e obxectivos invocados e camiños que levan en dirección contraria, a pretensión de poñerse conciliadoramente por riba do conflicto por el mesmo desatado, etc..dime que hai bastante do segundo, e desta forma cumpriríase a diferencia que din hai entre malvado e necio: que o primeiro sabe que o é (por eso pode arrepentirse e corrixir), mentrelo segundo non sabe que o é (non ten, pois, de que arrepentirse nin correxir, e por iso é máis perigoso que o malvado). Feijoo SI sabe onde quer ir, e sabe tamén o rol que AGORA ten que desempeñar para avanzar hacia os seus obxectivos. El sábese e quérese vicario en Galicia dos obxectivos do nacionalismo español en versión PP actual, que procura traballala tendencia ó desorde inherente ó Estado das autonomías para acentuala súa crise e tomar posicións para o retorno ó Estado xacobino. Por eso atacou e ataca a fondo as cuestións identitarias: Estatuto e idioma, sabendo que no concepto do nacionalismo xacobino español -de dereitas ou de esquerdas- as cuestións identitarias -os nacionalismos periféricos- son inimigo a bater. Para eles a posibilidade de integralos nacionalismos periféricos no Estado español -federalismo, vaia- é unha entelequia. ¿Pq fai ese papel de criado-executor?. Pq quere mando, poder, ascenso; e escaso de capacidades propias ten que conseguilas por gracia do xefe: sendo un ben mandado. E pq pode exercer co DOG na man algo dese mando, xa gratificante aínda que de momento limitado. Dase perfecta conta de todo o que se está a cargar, e non lle importa; a súa falta non é ígnaro, senón insensible. Recomendo adoptar estoutra conxetura técnica por dúas razóns: a primeira, pq permite enfocar mellor as raices persoais do conflicto; a segunda, pq ó desempeñar el voluntariamente un papel nodal -probablemente en aumento, dadala sua tendencia absorbente- unha parte do combate ten, por forza, que ser contra el persoalmente. ¿Cómo?. Oidas -pola radio- as palabras que pronunciou antonte e onte, penso que non haberá forma de que este malandro veña a consenso. Creo que haberá que enfrontalo: no parlamento, coa ILP; fose para de momento gañala ou para perdela, o caso será ferilo Leviathan, facelo sangrar, para que os seus compañeiros se encarguen del.

  6. montse Says:

    Grazas por descorrer os velos desta nova idade media de linguaxes encriptadas. Non canse. Reaccionamos!

  7. Oscar de Lis Says:

    É inspirador ler análises tão lúcida. Dá forças.

    Parabéns e saúde.

  8. lándoas Says:

    Interesante análise, Gundín. Haberá que pensar a fondo sobre a proposta de intervención que suxire para contrarrestar os movementos de Feijóo. Creo que esa posibilidade está na mente de moitos aínda que non se formule en voz alta (por simple cálculo táctico). Anoto a suxestión sobre a posíbel necidade do actual Presidente e concordo tamén no interese de explorar e explotar as numerosas contradicións nas que incorre o discurso público deste home. É algo no que ando desde hai certo tempo. Unha suxestión: por que non facer algo tan sinxelo como levar aos medios de Madrid o feito de que perante os restos de Castelao o Presidente fixo súas esas palabras que corresponden asemade a un manifesto do PPdeG: ” [os mortos anónimos que constitúen o pobo galego] son os seres innombrados que ninguén lembra xa, e que todos xuntos forman o substrato insubornable da patria galega. Esas almas sen nome que crearon o idioma en que eu lles estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, e en fin, o feito diferencial de Galicia “. SUBSTRATO INSUBORNABLE DA PATRIA GALEGA e FEITO DIFERENCIAL DE GALICIA. Si. Feijóo fixo súas estas palabras de Castelao, e fíxoo asumindo de fondo a dubidosa (para min) polaridade entre Historia e Tradición (con maiúsculas agora só para que se vexan mellor). Que tal sacarmos cartas nos medios da canalla madrileña con este discurso asumido polo presidente do PPdeG e polo partido? Sabe que ocorre? Todos saben, tamén alí, que o espectáculo da política ten estas cousas e que debe deglutir e dexectar (2 x 1) as contradicións e as retóricas todas. A nada. Esas palabras son antes que inauditas… inaudíbeis. Ninguén as oe, ninguén lles outorga creto. Unha das misións de resistencia política e cultural (chámese como se chame iso agora) é tirar proveito das contradicións da dominación. Saberemos?

    Alén diso, a álxebra de intencións dun futuro a catro anos reitero que non me parecen de rendibilidade a día de hoxe. O que Feijóo queira ser de maior qué nos importa a nós agora, a menos de cinco meses do 1 de marzo? Pero, si, vostede acerta en todo o que sinala: os paralelos, as dependencias e sumisións, a redución de Galiza a peza peonil. Todo iso é certo.

  9. El voto con botas » Blog Archive » Dejamos la cuestión lingüística? Says:

    […] la interpretación de Luis Fernández en un comentario de otro post. y en la mismaa línea, desde El ideario Feijóo. Es interesante también reflexionar, como bien dice Damián Villalaín en otro comentario, en que […]

  10. Xosé Gundín García Says:

    26 Xullo. Oído o que se dixo nestes cen días, especialmente a morea de palabras de onte e antonte, e algunha cousas máis, como as declaracións de Feijoo á COPE (referencia en \Libertad Digital\ de onte), deduzo que o Presidente da Xunta (que é peza clave neste asunto) non ten propósitro algún de vir a recuperalo consenso, e mentres o paso do tempo a nós adormece a el non para, e sen prexuizo de que sigan o seu camiño as iniciativas que están en marcha ou outras que aparecer poideran, creo que chega a hora de enfrontalos. Aténdase: non digo abandonala procura do consenso, cousa impensable tratándose da lingua, digo defenderse activamente e buscala defensa e o consenso por medio da confrontación. A mellor defensa sábese cal é. Estimo que a iniciativa defensiva, i.e: o ataque debe partir deste lado e ter lugar no outro territorio. O camiño pode ser a ILP, que obrigue a definirse onde estas cousas se deciden: no Parlamento, e que debe ser concebida de forma que de impoñerse eles pola forza do número saíralles unha victoria cara. Só debe haber unha condicción: unha e non máis de unha ILP; a división nesto sería mortal. Individualmente ou agrupados, a axuda dos galeguistas no PP e do galeguismo institucional debe ser apreciada, se teñen a ben axudar.
    Non alcanzo a velas consideracións tácticas polas que esto se deba ter calado e retrasado. Entendo precisamente o contrario. O primeiro acto de ataque sería o anuncio da iniciativa, sen preocuparse do que a outra parte faga. E sábido que poden ser rabiosos, pero o valor ainda téñeno sen demostrar.

  11. Xosé Gundín García Says:

    Indícame lándoas: “O que Feijoo queira ser de maior que nos imnporta a nós agora.” Hai algo que aí nos importa: o que el quere ser maior é a guía de todolos seus actos. Os seus actos convírtense en previsibles cando se entende a súa lei directora. E interésanos prevelos, pois este malandro non acabou aínda de producir conflictos para agradar a aqueles de quenes depende o que el ha ser de maior, p. ex: disque xa logo tomará decisións sobre das caixas de aforro…¡ai, ai!.

  12. calidonia Says:

    Interésame sobre todo a cntinuación do punto 8. Estarei á espreita…