“Chapuzas gallegas”

 

samos-foto-de-xavier-lombardero

A peculiar fruición coa que La Voz de Galicia rotula o espazo informativo “Chapuzas gallegas” desde hai uns anos podería ser un dos motivos secundarios polos que, como empresa xornalística, recibe subvencións que superan o millón de euros anuais nas sucesivas resolucións dunha convocatoria da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia destinada ao enaltecemento patrio ou cousa semellante. O caso é que o artigo 2º da resolución pola que se convocan esas axudas, segundo se le no Diario Oficial de Galicia do 2 de decembro de 2008 baixo o epígrafe “Actuacións subvencionables”, recolle textualmente o seguinte:

 

1. Poderán solicitar as axudas obxecto desta resolución as empresas que publiquen, ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego.

2. As empresas xornalísticas e de radiodifusión que se acollan ás axudas reguladas nesta resolución comprometeranse a: respectar, nas informacións redactadas en castelán, a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, cando menos na relación xornalística cos representantes cidadáns e cargos de responsabilidade pública. A oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada.

 

 

A redacción da convocatoria non esixe demasiado, a que non? Con todo, talvez non incorramos no que Umberto Eco chamaría sobreinterpretación de concluírmos que con esa mornísima prosa oficial autoexcluiríanse da posibilidade de recibir cartos para a promoción da lingua galega só os medios dedicados frontalmente e sen tapuxos ao vituperio dese obxecto de promoción: a lingua, a cultura e a identidade galegas.

Desde logo, a sección “Chapuzas gallegas” de LVG —curiosamente iniciada cun jacuzzi na ligazón arriba marcada— non semella moi orientada ao sentido que a Secretaría de Medios di querer promover. Excepción ou categoría este detalle que se apunta? Categoría, xaora! Iso sabémolo todos: os promotores do decreto, as empresas subvencionadas ano tras ano (sen maiores flutuacións segundo pode comprobarse nas asignacións de 2008 comparadas coas actuais de 2009) e nós. Sabémolo todos agás os fiscais, os xuíces, os defensores do pobo e os grupos parlamentarios que non tiran dos fíos do estado de prevaricación no que nos fomos afacendo a vivir. Todo iso que noutra altura histórica se chamou indecencia.

La Voz de Galicia e a inmensa maioría dos outros medios subvencionados por “alentar a defensa da identidade de Galicia” cumpren coa súa misión histórica. E o Goberno paga relixiosamente ese esforzo seu. Cos nosos impostos, naturalmente. Tamén cos teus, lectora, lector. Claro, esa cifra é moi menor en termos relativos. En realidade, os medios reciben moitísimo máis por outras vías, non sempre públicas. Quen ignora isto? Un millón de euros por ano non é nada. Supón pouco máis que dous Audis de Touriño, por así dicilo. Pouco máis que oito Audis de Touriño nunha lexislatura. Cartos para promover o galego e a nosa identidade… Como nas “Chapuzas gallegas”. Suxiro que a foto inmediata que LVG saque nesa sección sexa a da páxina 13.548 do DOG deste ano, esa táboa coa asignación última recibida por eles, tan parangonábel por certo aos bidés e retretes reconvertidos a testo floral (textos, testos, que máis ten…) de calquera locus amoenus rural.

Porque iso si, as chapuzas que saca este xornal a través do cal podemos entender o que efectivamente somos apuntan sempre cara a un feísmo específico, un feísmo de clase. Non urbano, non de recualificación de solos, non de finanzas, non de Vuitton servido en palangana aurífera, non de moqueta. Non. Aquí, nas páxinas do xornal coruñés, o que mola é o cutre. Polo que devecen estes xornalistas nados en Teixeiro, A Laracha, Arzúa ou a Agra do Orzán é polo cutre a escala menor (só a escala moi menor e sempre cun punto de alienación e falsa conciencia). Revísese a serie. Considérese, asemade, a autoría popular desas fotos, a mirada que as alecciona, a educación cívica e estética recibida con esa mirada, a que mece a conciencia de noso desde as páxinas do xornal de referencia no país.

Aprovéitese logo —non evado o outro problema, en todo caso secundario para min— e estabelézase unha consideración antropolóxica (e ecolóxica) sobre o sentido último  das pezas sanitarias reutilizadas como elemento de ornato en hortas e xardíns privados, non necesariamente no sector máis recóndito dos mesmos, o cal resulta tamén significativo. Por que camiño se chegou aí? Por que camiño histórico demos niso? É diferente ese vieiro ao que habilita as vellas potas do caldo para fins análogos? Hai un punto de simple agradecemento polos servizos prestados?, hai un non querer destruír e esquecer senón simplemente xubilar aquilo do que tan preto nos sentimos durante tempo e tempo por vía dixestiva ou epitelial? Hai un factor de xénero nesas decisións? Son os homes ou son as mulleres quen chantan retretes floridos a carón do pozo?

E, xa postos, considérese a chave comparada do asunto. Somos nós os únicos entre os indoeuropeos que o facemos? Esas chapuzas gallegas de LVG son só galegas? Que clase de reminiscencia etno-estética hai detrás? Figurará no Catálogo Aarne de constantes folk? Por que LVG suscita esta exploración xeocultural de xeito tan apaixonado? Sabe algo que nós non saibamos? Que se investigue todo isto, por favor! Que se investigue a fondo. E a propósito de pescudas, nestoutra resolución en DOG do Goberno galego (do anterior, non do monopartito senón do bipartito) poden verse os cartos asignados á investigación básica nas tres universidades galegas, co reparto cuatrienal decidido. Vexan, calculen cantos proxectos de investigación en química orgánica, edafoloxía, inmigración, osteoporose ou acuicultura se poderían soster co millón de euros anuais que LVG recibe por promocionar o galego (a catro anos, 80 proxectos cunha asignación similar á recibida, por exemplo, polo titulado Síntesis de derivados deuterados de la Vitamina D de interés biomédico, que levou segundo o DOG mencionado 50.312€ para o cuatrienio 2008-2011; ou 135 proxectos do tipo do titulado Algoritmos genéticos en problemas de satisfactibilidad: estudio formal y aplicación a answer set programming, que levou un montante de 29.555€ para o mesmo período). Señores, basta xa de imposicións.

 

[Fotografía de Xavier Lombardero tomada na parte de Samos e incorporada á serie “Chapuzas Gallegas” de LVG]

  

 

10 Responses“Chapuzas gallegas” to “”

  1. Un lector Says:

    Volveu o señor Lándoas! Non sabe ben canto o botabamos en falla. É unha alegría comprobar que vén con azos anovados, magnífico este post sobre a promoción do galego nos medios. Un millón para LVG, mais este ano non hai cartos para as axudas á tradución (véxase o Xornal de Galicia de hoxe).

  2. suroeste Says:

    Cousa bonita ese bidé, de verdade, e para máis colonizado por flores ventureiras, das que só se dan onde lles peta. Como é posíbel tan pouca sensibilidade para condenar esta acción combinada da sensibilidade recicladora humana unida á casualidade rexeneradora da natureza autóctona?
    Morte por aburrimento e noxo ao paternalismo simplón e pijo de LVG!!

  3. José Fornelos Solla Says:

    Mil primaveras mais para Galicia e a sua lingua…! Quero decer non un millón, mil millóns mais para La Voz de Galicia, xornal que , como dixo o Ferrin, “fai do odio ao galego un pretexto de vida”. Veña, mais millóns para La Voz!
    Botámolo moito a menos Sr. Lándoas! Benvido !

  4. Loureiro Says:

    A maiores da interesante e documentada crítica (como sempre) de Lándoas a La Voz hai outro elemento que engade máis noxo a este exercicio pretendidamente divertido e \cool\. Estas \Chapuzas gallegas\ trátase dunha sección copiada, noutro contexto, do concurso de fotografia anecdótica de Aduaneiros sen fronteiras (aínda poden verse as imaxes no seu arquivo). Por suposto La Voz non cita fontes nin influencias. Quere todo o protagonismo no seu ronsel de autoodio.

  5. Lándoas Says:

    Grazas, Loureiro. Non dou entrado nos arquivos da Obra Social de Aduaneiros, pero si conseguín acceder a un número de National Geographic dedicado á cuestión esta da fotofolk. Dedicada!

  6. Máis información Says:

    Moitos parabéns, Lándoas. Aquí tamén falaron diso:

    http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=153&idNoticia=329524

  7. Lándoas Says:

    Vaia. Non sei se lin nalgún momento este texto de Xabier Cordal en _Galicia Hoxe_. Penso que non. Agosto xa se sabe o que ten. Pero, véndoo agora, diría que hai algo máis que converxencia casual co escrito por min na anotación de onte. Nunca se sabe… En fin, subscribo ao 100% o escrito por Xabier e saúdo máis unha vez a súa maxistral forma de sinalar o real.

  8. Loureiro Says:

    Pois ten razón vostede, señor Lándoas, pensaba que o arquivo estaba aínda aberto e visitable. De tódolos xeitos neste enderezo:
    http://www.aduaneirossemfronteiras.org/blog.php?id=77
    pode verse unha imaxe e comentario na súa sección de Obra Social do 2º concurso de fotografía, que é do ano 2006. O 1º concurso xa é de 2004…! La Voz debe pensar que a xente non ten memoria.

  9. Cazachapuzas : aliciacrece Says:

    […] na anotación ó respecto no bló das Lándoas non me atrevo a meter o dente para non deixar claro que son un simple, rescato aquí un texto que […]

  10. morouteira Says:

    Vendo o aspecto do señor Santiago Rey Fernández (Latorre) un pode imaxinar como será o seu chalé (digo eu que vivirá nun chalé moi fisno) e seguro que non haberá ningún ready-made ecolóxico como o bidé cheo de ventureiras do que se mofan na súa serie de “chapuzas gallegas” . Mais se cadra si, un hórreo, unha cruz de pedra ou algún que outro símbolo do ruralismo galaico, tan enxebre, do que tanto gostan os galegos con poder. Aínda lembro, con rabia, o día que LVG adicou a súa “La Voz de la Escuela” á declaración do 2008 como ano internacional das linguas minorizadas pola UNESCO. Un monográfico onde se nos ofrecía un exhaustivo estudo do número de linguas do mundo que sufrían desprotección e multitude de consellos para cambiar o seu fatídico destino nun mundo globalizado. Nin unha soa liña na lingua minorizada que dá nome ao seu xornal, e por suposto, nin a máis mínima alusión á mesma. O desprezo a través da súa ignorancia. Esa é a forma de actuar do xornal que recibe a maior axuda da nova Xunta pola súa promoción da nosa lingua e cultura, unha axuda que case triplica á do medio que lle segue, outro que tal baila, refírome a “El Faro de Vigo”