Artes de manipular

cage-e-tudor-no-xapon-1962

A foto é de autoría descoñecida. John Cage préstase á brincadeira e atura  a graza de David Tudor (Xapón, 1962). De ser efectivo o golpe de corda as orellas de Cage caerían en pedazos baixo a campá, no chan do santuario.

E algunhas caerían tamén o pasado 5 de agosto polas praias do país  lendo un artigo de Roberto Blanco Valdés sobre un dos seus temas favoritos: a paz dunha sociedade harmónica que só a ideoloxía dos perversos perturba. Oportunista e coordinado como adoito, o catedrático de Dereito que Santiago Rey emprega para dar lustre académico á súa Fundación e ao seu xornal. Para dar lustre e para atordoar coa campá que tanto lle presta repenicar.

Comento o texto neste arquivo en pdf, de novo por animar prácticas análogas e multiplicadas que entren a avaliar o rendemento desta clase de aproximacións sinxelas e pedagóxicas aos usos falaces da razón. Todo texto é interpretábel e toda posición política está sometida ao criterio dos outros, claro. Non hai graos cero en case nada. A un, xa se vai sabendo por aquí, anóxao un pouco a manipulación exercida desde unha certa posición de autoridade (a da academia) ou de poder (o dos medios, o político…) e a redución consecuente de diámetro da esfera pública até afogar as liberdades e os proxectos outros de convivencia social ou de construción identitaria. A idea esta, tan de Blanco Valdés, tan recorrente, tan prosmeira e sectaria de que todos os que non van con el de excursión e entregan premios a Francisco Vázquez son pérfidos, primitivos ou títeres do nacionalismo malo (que é sempre o alleo, o outro, claro está) non por reiterada e ecoica resulta menos insufríbel. E o caso é que este señor pasa o día largando desde o minarete e acusando aos outros de todo iso: de intolerantes, de sectarios, de manipuladores, de censores. 

Por aí, no que se poida, non se pasa neste blogue. Hai que contestar ás agresións na medida en que se poida, por suposto que si. Con constancia contra os que non moven folla. De modo que o combate será longo e, naturalmente, desigual. Isto último por diversas razóns (non todas en beneficio do xurista-ideólogo de LVG). Longo en especial o combate contra quen apelando á democracia e á lei nega a diferenza e postula sen tregua a falsificación e a simplificación da realidade social. E parecerá soberbia (ou candidez, ou dar couces contra o aguillón, ou…) pero estou convencido de que estas cousas pequenas serven para algo. E o silencio disciplinado tamén, por suposto.

8 ResponsesArtes de manipular to “”

  1. suroeste Says:

    Non se me abre o comentario ao clicar.

  2. lándoas Says:

    Ou é cousa da T.I.A. ou do adobe.

  3. Cazachapuzas : aliciacrece Says:

    […] Destas hora a anotación xa é a penúltima. Pero a última é tamén moi recomendable. ¡Benvolvido das vacacións!, señor das Lándoas. Moito se lle botaba […]

  4. Carlos Callón Says:

    Útil e estimulante análise. Eu tamén estou convencido de que as cousas pequenas serven para algo.

  5. lándoas Says:

    Inténteo de novo, Suroeste. Introducín algunhas melloras para facilitar a lectura do pdf.

  6. suroeste Says:

    Nada, non hai forma. De todos xeitos non quero deixar de recoñecer que suliña vostede moi ben. De estarmos na mesma clase eu ben sei a quen lle pediría ao apuntes…ou non que seguro que gastaba moito en fotocopias 🙂

  7. caralladas76 Says:

    Bueno, este home Blanco Valdés é un compendio de talante, harmonía bífida, espírito demócrata e sabedoría infinita. Non sei por qué vos metedes con él. Eu diretamente deixei de ler hai ben tempo o panfleto nacionalista español no que escreve, e punto.

  8. fumador Says:

    Parabéns por este folio. Aclara moito como xogan coa linguaxe.