O erro Berg

 

kristina-berg1Kristina Berg equivócase facendo o préstamo que fai para a demolición do que foron as galescolas do goberno anterior. Un préstamo por outra banda innecesario, porque o mundo está cheo de galiñas azuis (a da Universidade de Delaware, por exemplo), non sempre asociadas en termos simbólicos ao mesmo que o conselleiro Jesús Vázquez —ignórase se tras inspirarse en Cirlot ou en Eranos, ou ficando só nunha lectura algo perversa, oportunista e cínica do conto de Carlos Casares— atribúe atropeladamente á pita celeste e desideoloxizada. Así que xa temos icona nova para a rede que Vázquez e Mato rescatan do gulag entre lapsus, coñas e desidia estival, con sol moi torero e rojigualdo sobre a nube azul ao fondo do cartaz (por certo, o sea). Documéntase  todo de modo suficiente nestes vídeos da Axencia Galega de Noticias que rexistrarán para a historia, sen deixar espazo á incredulidade de quen veña tras nós, en que consistiu exactamente en fondo e formas este Goberno Feijóo.

Berg non só cedeu aquilo que non se acaba de ver por que motivo é materia de cesión (a diferenza cromática?, a diferenza articulatoria que xa tratou Platón no Crátilo?); que non se acaba de ver fóra dunhas circunstancias socio-culturais como as nosas, claro. Como as nosas postas do revés, patas arriba, dándolle a volta ao escrito por Casares, algo que a estas alturas é evidente que tonifica a libido de quen manda no país. Moi alén da cesión non lucrativa de dereitos, Berg tomou parte no acto gubernativo e acompañou na mesa aos conselleiros Mato e Vázquez, quen, obviamente, utilizaron esa marca (a marca Casares) dun xeito que poderá cualificarse como se queira pero nunca como desinteresado.

A estratexia é, máis unha vez, perceptíbel e barata. Cáptase lexitimidade galeguista (individual, faniliar, institucional…) mediante acordos non descritos nin publicitados, probabelmente tácitos. Deconstrúese, en paralelo e sen rubor ningún, a cerna estruturante do ideario nacionalista, presentando por exemplo a Castelao, diante da súa tumba!, como un rexionalista estetizante. E así sucesivamente por academias, clubes e consellos.

Berg decidiu libremente incorporarse ao traxecto Feijóo, a esa planificación trazada ao milímetro por estrategas que ninguén debe menosprezar na súa capacitación técnica e que case todos sabemos cara onde dirixen a máquina, malia os erros e os despistes concretos dalgúns subalternos no aparato, como os penosísimos na dicción e na formación do conselleiro Vázquez  na súa intervención de onte (a ver o que di a Conferencia Episcopal cando escoite iso de que o obxectivo da Consellería de Educación do Goberno Feijóo é “formar dende o berce a cidadáns librepensadores”, 43-45″ do vídeo ligado; se iso o di noutro tempo o agora vicesecretario da Mesa do Parlamento veriamos a Martínez Camino con escordadura de larinxe terminal) ou outras veces do propio Feijóo, presunto xefe dun goberno obsesionado con muíños de vento.

Kristina Berg, en fin, faría ben en ler o escrito por Damián Villalaín no último A Nosa Terra baixo o título “Piñeiro, Feixóo e o galeguismo“. Na versión impresa do semanario este artigo ocupou enteira a páxina 6 e viña ilustrado precisamente cunha foto na que Piñeiro escoita unha intervención do propio Carlos Casares (a foto pertence ao Arquivo Familiar Casares-Berg). Déixenme concluír co penúltimo parágrafo de Villalaín. Teño a impresión de que vén ao caso:

Se Núñez Feixóo ten algún respeto por Ramón Piñeiro, e eu non quero dubidar de que isto é así, debería ser máis coidadoso á hora de esgrimir o seu nome con finalidades completamente alleas ás causas ás que Piñeiro dedicou toda a súa menesterosa vida. E calquera que coñeza un pouco a obra do de Láncara, sabe que entre esas causas nunca estivo a desprotección da lingua galega nin o bilingüismo harmónico, ese mítico constructo de pai descoñecido por cuxa definición precisa seguimos agardando moitos galegos.

 

[Kristina Berg nunha fotografía tomada por Xoán Carlos Gil na Fundación Carlos Casares en 2008]

7 ResponsesO erro Berg to “”

  1. David Paz Nóvoa Says:

    Comparto todo o que dis, do comezo ao fin. A galiña, para estar “desideoloxizada” (palabro que nin o conselleiro é capaz de pronunciar), ten unha carga simbólica de carallo: “a sensibilidade dos nosos nenos, o respecto cara os demais, a liberdade, a diversidade, a pluralidade, a democracia…” Deus meu, e parecía só unha pita.
    Por certo, que eu non sei o que significa “escola de redes infantís”, será para aprenderen ás nenas a ser redeiras no porto de Aguiño? Os lapsus deste conselleiro son demasiado frecuentes como para chamarlles lapsus.
    E moi boa elección a do video de Lokua Kanza, eu tamén son fan.
    Saúdos.

  2. xos Says:

    Canto tería que ver neste sucedido o “encontro amigábel” que o conselleiro de “Turismo e cultura”, Roberto Varela, mantivo coa presidenta da fundación Carlos Casares a principios de agosto en Estocolmo!!! para tratar proxectos da fundación en Suecia?
    http://culturaeturismo.xunta.es/actualidade/nova.php?id=1058&lg=gal

    Efectivamente, os vídeos son autenticos poemas, en especial o último.

  3. Un lector Says:

    Pobre galiña azul! A galiña do conto de Casares fuxiría desta xente que agora se lle achega coa intención de lle retorcer o pescozo a todas as ideas que defendía no conto. Pódese dicir que lle recortaron as ás, e ben. Quero crer que Casares non toleraría unha manipulación así.
    Señor Lándoas, teña a seguridade de que o seu labor vale de moito, este blog é hoxe un faro.

  4. EMF Says:

    Sobre o comentario de xos: Que boa coussa é a memória!.

  5. mimosita inc. » Galinhas azuis (e nom vermelhas) Says:

    […] http://landoas.blogaliza.org/2009/08/19/o-erro-berg/#comment-1608 […]

  6. O pastor eléctrico Says:

    Concordo con todo o exposto anteriormente.
    Gustaríame engadir que non vexo que prolemática causaban as galescolas, era polo seu nome de resoancia avertzale ou por ser centros de formación en galego? Agora, nestes redes de escolas infantís A Galiña Azul (moito gusta a dereita dos nomes absurdamente longos) garantirase a aprendizaxe da lingua de Galiza aos cativos?
    Eu non quero ser mal pensado, que pensando ben bastantes paus nos dan, pero a min unha pita si que me trae connotacións ideolóxicas e a cor azul tamén. Educarán ás crianzas no sentir de que o galego é temeroso, covarde e estúpido como as pitas e o único que quere é ter un goberno de dereitas que non lles “impoña” a súa propia lingua.

  7. Twitter Trackbacks for lándoas » Arquivo do blogue » O erro Berg [blogaliza.org] on Topsy.com Says:

    […] lándoas » Arquivo do blogue » O erro Berg landoas.blogaliza.org/2009/08/19/o-erro-berg – view page – cached kristina-berg1 Kristina Berg equivócase facendo o préstamo que fai para a demolición do que foron as galescolas do goberno anterior. Un préstamo por outra banda innecesario, porque o mundo está cheo de galiñas azuis (a da Universidade de Delaware, por exemplo), non sempre asociadas en termos simbólicos ao mesmo que o conselleiro Jesús Vázquez —ignórase se tras inspirarse en Cirlot ou en Eranos, ou ficando só nunha lectura algo perversa, oportunista e cínica do conto de Carlos Casares— atribúe atropeladamente á pita celeste e desideoloxizada. Así que xa temos icona nova para a rede que Vázquez e Mato rescatan do gulag entre lapsus, coñas e desidia estival, con sol moi torero e rojigualdo sobre a nube azul ao fondo do cartaz (por certo, o sea). Documéntase todo de modo suficiente nestes vídeos da Axencia Galega de Noticias que rexistrarán para a historia, sen deixar espazo á incredulidade de quen veña tras nós, en que consistiu exactamente en fondo e formas este Goberno Feijóo. — From the page […]