Furabolos

 

blanco-e-hernandez-competindo-cos-dedinhos

A xente do común non o sabe, pero a unidade temática 3 do célebre De Viris Illustribus in the Age of Media (New Haven, Punctum Press, 2001), do consultor e profesor estadounidense Francis Petraccioni, dedica todo un apartado a un tema fundamental na vida pública e na vida empresarial sometida a foco baixo o epígrafe (traduzo) “Como sinalar co furabolos sen parecer imbécil”.

Toda a nosa clase pública, intúo que a través dunha especie de prontuario alegal fotocopiado (tiven oportunidade de ver eses folios), tirado desa biblia da comunicación aplicada á icónica do poder, accede na semana inmediatamente posterior ao seu nomeamento a unha especie de inmersión neses mesteres: un cursiño acelerado e básico para manter diante do público ou perante a masa de votantes unha presenza e unha auctoritas entre viril e estatuaria fundamentada no uso e disfrute do furabolos (apartado 3.2.1., “Razón áurea e angulística do furabolos: entre a verticalidade e os 15º, cunha amoestación sobre a inconveniencia performativa de ultrapasar esa inclinación”).

O dedo estirado serviu tradicionalmente a pintores e escultores como marca diso, da autoridade do patriarca (e ás pombas urbanitas serviulles asemade para pousar na estatuaria civil de porte dixital e defecar alí tranquilamente sobre o espazo público cando a calva do prócer resulta invisitábel para o seu non moi esixente sentido do aseo público). Petraccioni aduce mesmo razóns psicanalíticas de fondo, e baixa a indagar á fase anal dos políticos USA (isto non é difícil en termos de campo), para explicar o que el chama “furor furabólico”, consistente no abuso do aceno e explicado en termos prácticos co caso do gobernador dun pequeno estado da costa atlántica, quen cada vez que intuía o clic dunha cámara experimentaba unha pulsión dixital irreprimíbel, unha incontinencia eréctil do furabolos (digital priapism) que nunha ocasión tivo consecuencias clínicas (nun mitin preelectoral o gobernador aloumiñaba á súa esposa e cativos para as cámaras e entre a falta de práctica real desa proxémica e a hiperabundancia de clics fotográficos acabou metendo compulsivamente o dedo na órbita esquerda da dona e do fillo maior, até o punto de que aquilo semellaba ao final unha peli gore algo desagradábel) e supuxo a fin da carreira pública do político, agora empregado como guía turístico nunha coñecida empresa da Gran Mazá.

Por aquí, na BHR (Blue-Hen Region), un señor que con probabilidade tivo acceso á versión orixinal do libro de Petraccioni é o director xeral dunha caixa de aforros do norte. Faino relativamente ben o tipo, o de estirar o dediño á menor previsión de punctum, acompañando ese xesto adoito cunha elevación do queixo, entre 20 e 35 graos, que minora o papo e acentúa o corte de pelo entre casual e de tipo-en-idade-provecta-que-lanza-a -mensaxe-de-que-puido-vivir-máis-intensamente-do-que-o-fixo-pero-agora-xa-foi.

Hai outros espécimes rexionais, miñasxoias, que aínda non asimilaron plenamente a doutrina Petraccioni. Entre eles, estes dous mandatarios da foto de arriba, un ministro e un conselleiro de obras públicas. Coa pasta que terán e aínda con fotocopias… Ocorreulles esa mañá, con todo, o peor que lle pode ocorrer a un político cando se atopa con outro de signo contrario (descúlpese a falta de precisión ontolóxica). O caso aparece descrito por Petraccioni nun subapartado da unidade temática 3 (o 3.4.5.2) onde se reclama absoluta precaución co rigor dixital en circunstancia de espectacularización agonística, casco incluído. E non é só que a competencia furabólica de signo contrario propenda á anulación fáustica, que si, senón que a xente arredor pois se distrae e non acompaña debidamente a dramatización dese momento pretensamente histórico e a la postre inane. Pode, en casos como o actual, que por estaren todos preocupados pola fotoxenia do casco. Na foto de AI, por exemplo, os adláteres políticos e técnicos diversos das dúas administracións —con colaboración escénica dos poderes locais— confusos polo cruce dixital e a hibridación de auctoritas (nin os galóns distintivos no casco de Blanco, nin a severidade relativa do rictus entre ministerial e chacineiro, nin a superior verticalidade do dedo de seu abondan para desequilibrar a partida), acaban ollando, indebidamente, un panel ministerial do horizonte inmediato que indica o mes e o ano da finalización desas obras do AVE que case todo o mundo chama accesos a Galiza cando é obvio que o que son é accesos á meseta e a Madrid. Por iso sorrín os polos arredor, contribuíndo sen querer, ou querendo, á ridiculización de ambos xefes. Pois nada hai máis patético nesta vida que estender o dedo ou outras partes do corpo do varón ilustre e que ninguén preste atención a esa desmesura iluminada.

 

[O ministro Blanco e o conselleiro Hernández en pugna dixital. Foto de AI en El País, 22 de agosto de 2009]

 

5 ResponsesFurabolos to “”

  1. r.r. Says:

    A expresión é vulgar e está fóra de lugar neste bló e neste momento pero permítame, Don Artemio que lle diga que vostede ultimamente está que se sae (máis do habitual)

  2. arume dos piñeiros Says:

    Abundo no de rr. Está vostede que se sae, totalmente priápico.
    E só ten 33 visitas. Este país non o merece.
    13 cinches é o stop spam.

  3. arume dos piñeiros Says:

    http://www.telegraph.co.uk/telegraph/multimedia/archive/00792/usainbolt080819ap_792948c.jpg
    Estaba este tamén na cascada do outro día?

  4. lándoas Says:

    Pero como vostede sabe mellor ca min, Bolt é un semideus, amigo Arume, e nós, os da etnia pálida, estamos en retirada histórica. Bolt ten dereito a facelo. En todo caso el non sinala, el sinxelamente “mostra”. Grazas aos dous polas inmerecidas flores. Poden crer que só procuro o seu sorriso e dous ou tres máis mentres xogo coas palabras e espero polo día 29.

  5. lándoas » Arquivo do blogue » Dixitopuntura Says:

    […] algo por aquí do uso do furabolos na esfera pública (sobre a súa rendibilidade na esfera privada non é preciso ofrecer detalles). Hoxe sería ben […]