Con Federico García Lorca, no Azougue ou xalundes

Tiara Chrysler

Hoc sub aspectu, res politica et fides conectuntur.
Benedicti PP. XVI, Deus caritas est (2005).

Achille Ratti, Quadragesimo anno, 1931, xustificación de pactos e concordatos
contemplada por Federico García Lorca desde as altas cabezas de aguia
de Manhattan, onda o misterio do pan e o traballo
por el, xa o home vestido de branco predisposto, finais dos vinte
a escoitar entender arrufar bendicir falanxes de Roma e da Iberia,
foxos, cruzadas previstas na encíclica que o forno aquece
pola restauración da orde social;

quen cantou isto en Letrán?;

Ratti impío empenado de incómoda plumaxe
nas páxinas perdidas de Poeta en Nueva York,
vello que ignora a vida nova, queipo de tripla coroa de ferver
fame infantil mentres a arquitectura de Auschwitz agroma en páramos negros,
cúpula Chrysler inversa de cocer odio ao progreso, á voz
liberadora da moeda que queima;

quen cantou isto no cavorco de Víznar?;

badalada profunda e longa polo home sempre vestido de branco
que no seminario de Traunstein soña, finais dos trinta,
con mitras e dogmas e concibe acaso inmaculadas cebolas bávaras no búnker
antiaéreo arredor dun núcleo devastado e frío onde chapucan
a pomba dos ouriños, a muller lapidada, as masas de violinos, martelos ou nubes;
“amor, amor, amor”: “
eros, philia, agapé” na encíclica: introdución á morte;
baixo das estatuas non hai amor, non hai amor
baixo os ollos de cristal definitivo;

quen cantou isto en Bad Aibling?;

balada que dita o currículo de Joseph Ratzinger nas prazas de Ratisbona,
ou cando a limpeza do río Hudson nos anos sesenta,
ou as palabras aquelas de finais dos oitenta,
antes de máis, diríxome a vós, doentes da SIDA, con aflita solicitude;
Pete Seeger besbella a ritmo de blues a Deus caritas est
para o Reichs Arbeitsdienst, non vos sintades sós,
irmáns negros de Harlem, Haití, Nixeria,
the blacks that take out the spittoons,
o Papa procederá a autoinocularse, como no verso 27 do “Grito hacia Roma
de Lorca, e logo declarará inaugurado o Simposio;
quen canta isto en Soweto?

[Na fotografía de maio de 1932, procedente do Arquivo Fotográfico Martínez-Barbeito, Federico García Lorca con Ramón Fernández Cid, José Álvarez Sánchez-Heredero, Francisco Esteve e José Barbeito no cruceiro do Azougue en Betanzos, diante da igrexa de San Francisco, pode que antes de iren xantar xunto con Arturo Cuadrado á Casilla, camiño de Lugo, e deixar na casa de comidas o poeta granadino un poema a Betanzos, escrito en lingua galega e dedicado a dona Angelita, quen rexentaba daquela A Casilla. Do poema de Lorca, escrito nun pano de mesa, non ficou rasto nin constancia documental. Viviu só na memoria (non creo que na ilusión) de Cuadrado.
“Tiara Chrysler”, texto de A. Casas, apareceu en 2006 no libro Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte, volume ao coidado de Xesús Alonso Montero (Vigo: Pen Clube de Galicia). Elimínase agora algunha gralla da edición impresa e, contra o criterio Restai de posprocesado electrónico, déixanse tres trémulos links]

Os comentarios están pechados.