Enfeite diferencial

 

bernabeu

A día de hoxe un dos lugares e momentos nos que con maior nitidez se concreta en que consiste España desde o punto de vista dos sentimentos primarios paréceme a min que sexa o Estadio Santiago Bernabeu cando o Real Madrid xoga contra os equipos que, en certo imaxinario sólido e amplamente asentado na capital, representan por unha ou outra razón a anti-España. Hai moitos anos que teño a convicción de que ese público é quen mellor interpreta o significado histórico daquelas nacionalidades (tres?) despois baleiradas de diferenza política que os “pais da Constitución” recoñeceron a finais dos anos 70 entre memoria da lexitimidade republicana, os axustes orzamentarios da conxuntura, os sempre complexos encaixes de fueros / huevos con navarros e vascos, o medo á comparecencia militar nalgún entreacto do que non se sabía aínda se ía ser sainete, entremés, traxedia, comedia burguesa ou happening e as ensoñacións neorrománticas de carrete solto alimentadas daquela e aínda hoxe polos cataláns, por unha maioría importante dos cataláns.

Ignoro que pensará sobre o asunto Bautista Álvarez, madridista tan confeso coma discreto (agás subidón incontrolado, seica), pero algo de estimulante hai no momento, triste e non infrecuentemente inxusto en estritos termos futbolísticos, no que o Real Madrid se adianta con algunha carambola raulina no marcador do Bernabeu contra o meu equipo ou contra outros dous moi concretos se falamos da actual nómina de conxuntos da primeira división. Refírome a Deportivo, Barcelona e Athletic Club, claro. Volveu a ocorrer o pasado sábado durante o partido inaugural da liga 2009-2010, Madrid-Dépor. O fenómeno descríbese así: baixo certas circunstancias ambientais de expectativa histórica, tensión hormonal e cálculo infinitesimal, en canto os de branco cobran vantaxe no marcador abrocha en miles de gorxas (pero en moitos miles de gorxas) o cántico que un afastado serán de 1973 percorreu por vez primeira as meninxes ubérrimas de Manolo Escobar & Bros. Si, xusto; ese Y Viva España que todos sabemos de cor tras tanto chute en vea por chiringuitos e festas populares.

Tan reiterado como esta pulsión antropolóxica do estadio de Chamartín (máis vibrante canto máis medo previo pasou o madridismo no partido ou no que agora os necios chaman a previa) é o silencio asociado e case sempre cómplice dos locutores da radio e a televisión públicas (dos privados xa nin falo) encargados da información, o cal conduce a pensar que existan indicacións claras da superioridade sobre a inconveniencia de subliñar ese feito, ese enfeite diferencial co que por pasiva agasalla Madrid, rompeolas machadiano de las Españas, ás “nacións periféricas” do Estado. Porque é claro que o que fan os mexanacamas que pretenden saber de tácticas e que en realidade se limitan a machacarnos con patolóxicos orneos, insensatez cúbica e infantil fachenda expostfactista (do tipo “isto xa o dicía eu no minuto 3 e tal e cal...”) é, no fundamental, interviren como coro da excelencia atribuída aos protagonistas (deportivos, financeiros, mediáticos) de branco. Malia estar afeito un tras tantos anos a esas e a outras regras do xogo non deixa de causar enorme vergonza allea comprobar ano tras ano que nós, os branquiazuis, somos como moito figurantes, ou peor: tenros e dóciles años para a Gran Festa do Sacrificio Merengue. Pero non era dese descaro nin desas feblezas do que hoxe ía falar, certamente.

O que pediría aos meus lectores e lectoras é que colaboren a aclarar que pasa aquí partindo dos seguintes faits accomplis:

1. Ese cántico, o da canción de Escobar, resérvase rigorosamente no Bernabeu para as conxuncións astrais nas que o Madrid se adianta no marcador sobre equipos vascos, galegos ou cataláns (coa excepción do Español). Non se entoa o YVE contra Racing, Sevilla, Getafe ou Valladolid (creo que tampouco tanto contra Osasuna, pero agardarei por carminha-burana-berto-2004información suplementaria). Así, pois, na mellor tradición Hippolyte Taine: raza +  momento + medio + xionllazo do 7 caído no chan = clímax emerxente en forma épico-lírica. Por suposto, estase a falar aquí unicamente do cántico desde as bancadas, pois é certo que o tema de Escobar se pincha por megafonía antes de dar comezo o partido e ás veces tamén no descanso (ignoro se sempre ou se se trata dunha deferencia exclusiva para determinados contrincantes), incluídos neste caso os encontros da selección española. Un inciso: é para este cronista un arcano o regusto do DJ que goberne esas decisións, pois concatena as veces a copla do almeriense con Carl Orff e  con quen faga falta. Aínda que, agora que o penso, pode que o de Orff fose o outro día unha piscadela patriota aos da AVA (Avícola Católica e Azul), sector histórico.

2. O vigor na interpretación de Chamartín gaña en decibelios e bemol duodenal dependendo dunha serie de algoritmos que aínda non son quen de especificar nos que se entremisturan parámetros como a actualidade deportiva, a actualidade política, a situación económica, a posición na táboa clasificatoria, a retentiva renal de cada siareiro, a diferenza conxuntural no marcador (a máis diferenza de goles a favor do Madrid, pero con certo límite, máis gorxas cantando a peza) e o momento estacional.

3. O estro lírico de Escobar aspirou no seu día a integrar en Y Viva España a diferenza rexional con mención explícita (e exclusiva, por certo) de certas marcas identitarias catalás: a sardana e a Costa Brava, nada menos; todo pasado convenientemente polo pasapuré nacional en combinación con estoutros figuremas de neutralización: a Costa do Sol, o fandango, a hidalguía patria e a corrida (de touros).

4. Que clase de historia efectual (Gadamer) conduciu ás masas merengues a esgrimir o himno de Escobar contra a periferia afastándose así do pulo orixinal panhispánico integrador do xenio de El Ejido? Eh? Acaso o feito de non teren alí, na meseta, unha Rianxeira ou cousa similar? Acaso o ritmo inapropiado do chotis? Pero non hai tamén nesa decisión, en medio dela, unha rara contradición consistente en definitiva en recoñecer ao outro como outro nacional? Como diría García-Sabell, cómpre aprofundar.

 

[Arriba, o Bernabeu nun Madrid – Sporting Ciudad. Abaixo, carátula de Berto (2004) en Aduaneiros sem Fronteiras]

 

11 ResponsesEnfeite diferencial to “”

  1. arume dos piñeiros Says:

    Andaba eu ese día por rúa Galera, sentado na barbacana do Bombilla, cando souben do gol do Madrid polo berro emanado do Bar Hong Kong. Tamén souben do do equipo local, tamén berrado polos mesmos do tanto anterior. O segundo do Madrid, con penal incluido (xuro que non vin o partido), tamén foi gloriosamente aplaudido polos do Hong Kong, baixo dun edificio modernista oculto ás masas.
    O segundo do dépor serviu para que un siareiro do Dépor, xa na porta doutro bar en Olmos, dixera esa cousa tan tenra e dócil de “non gañaremos, pero metémoslles o medo no corpo no Bernabeu”. Con iso xa abonda.
    Non escoitei o terceiro do Madrid por estar en vinoteca de capitán Troncoso, onde nin poñen cañas, nin poñen pinchos nin teñen televisión. Eso si: un silencio de modernidade entendida como exhibición de pratos cadrados e camareiros de mandilón negro adornaba o magnífico mapa de España con todas as denominacións de orixe de detrás da barra. Incluidas as Illas Baleares.

  2. arume dos piñeiros Says:

    http://www.elpais.com/fotografia/paso/corredores/elpdiadep/20090831elpepidep_13/Ies/

  3. lándoas Says:

    Troncoso, eh? Vostede é de Yéboles ou da Iebolina, don Arume? Cantas veces estivemos alí xuntos tres xeracións de Lándoas. Eles co cigales servido por Julio ou por Emilio e eu con 1-Li e os camaróns máis brillantes que vin na vida. Aínda non chegara a NASA á lúa.

  4. Mr Tichborne Says:

    Cabe dicir que o Real Madrid, por estas e outras cousas, é recibido cada vez peor cando visita a eses mesmos equipos (vascos, cataláns agás o Español e galegos). E inclúo ó Osasuna, con máis inquina recíproca que por exemplo o Athletic ou a Real. Ignoro se lle cantan a escobarada no Bernabeu, mais sería lóxico.
    E déixense de vinotecas e crucen Capitán Troncoso ata a tasca do Cerillas: boas tapas libres de glamour de delantais negros, cañas e se se pide, o Dépor na tele.
    Saúdos.

  5. lándoas Says:

    Grazas, Mr. Tichborne. Eu hai moito que non vou por Troncoso, pero permítame dicir que xa me puña cego de cerillas co meu avó a finais dos 60. Nese bar, porén, nunca entrou meu pai, ignoro as razóns. Si, en cambio, ao de enfrente, Las 2 Ciudades, ao que creo que tamén foi algunha vez Manolo Rivas. Dígoo e lembro todas as facianas, todos os mostradores, todo o serrín.

  6. Iacobus Von der Stein Says:

    Esa canción deberíana proibir por antisistema

  7. Manuela Palacios Says:

    Pois eu diría que non abonda con que un afirme a súa identidade, téñenola que recoñecer os outros, e como moi ben afirma vostede, Lándoas, o YVE é todo un recoñecemento da diferenza nacional do outro. Acaban reinscribindo aquelo que condenan.

  8. arume dos piñeiros Says:

    Eu nunca fora por Troncoso máis que de paso para pedir prórrogas que era a miña única relación con Coruña en tempos. Dese periodo glacial aínda quedaba en min certa xenreira pola cidade do sporting ciudad que agora xa non move muiño. Pero parece ser que a peatonalizaron e medraron os bares de diseño entre outros xa clásicos na súa modestia. Hai que recoñecer que eses bares (perdón, vinotecas) predominan na península e itsmo.
    Tomarei nota deses bares que dan as cousas gratis, porque non adoita a herculina a regalar nada. Curioso resulta que sexa o Prada a tope e o seu correlato a Taberna de Cunqueiro (de cheirumes bercianos) os que acompañen os viños con pinchería variada.

  9. Loureiro Says:

    O máis simpático, o dato e rigorosamente certo, é que Manolo Escobar é do Barça. Que pensará Manolo de todo isto?

  10. louro Says:

    deixo aqui umha perla que nom vem muito ao caso, mas que talvez sirva para análises futuras. jogam o Deportivo da Corunha e o Rácing de Ferrol na Malata, trata-se dumha eliminatória, a partido único, da Copa del Rey (sic.). no espaço ocupado pol*s torcedor*s corunhes*s, umha faixa com a seguinte legenda: “Ferrol, el barrio más pobre de Coruña”.

    sim, ao final houvo distúrbios.

  11. o traveseiro » Blog Archive » Desahuciada pero con orgullo… vikingo Says:

    […] …teñen fixación cos equipos bascos, cataláns e galegos, pois "se realizan otros tifos de menor envergadura pero de gran colorido, como el del día de la Real Sociedad, que se sacan letras con la bandera de España de fondo" […] "contra el F.C. Barcelona se realiza un impresionante tifo de banderas de España" […] "La temporada 94/95 la comenzamos (contra o Athletic de Bilbao) con un tifo de cartulinas que conforman la bandera de España", e fóra da casa… […]