Xeremías baixa á rúa

 

rembrandt-jeremiah1

Naquel tempo baixou Xeremías á rúa Real e ao Cantón Grande para comprobar como senta solitaria entre as nacións a cidade populosa pasados xa os Caneiros e principiando o curso político. A princesa entre as provincias sometida a tributo. Ninguén a consola e lonxe están os galeguistas bos que noutro tempo acompañaran a paseata do profeta entre comisarías, covas, portos exteriores, cidades da cultura, parques eólicos e rotativas. Hoxe, os gobernos traballan mal aquí e en Madrid, e as oposicións traballan mal en Madrid e aquí. Todo é amargura, quiasmo e aflición, e el sofre tanto… Máis aínda sofre el sabendo que Quin mantén choferesa e frigo de 12 voltios no maleteiro do carro. De aí o pensar quiasmático, peripatético e bipolar que tanto rende a finais de lexislatura e a comezos da inmediata, sobre todo entón se estratexia e operativos foron ben. Con todo, queda a rúa, a voz da rúa. Solitario, solitario vaga Jeremy a orillas del Duero-Monelos Canalizado e pon a orella na mellor tradición Casares, un dos bos no bo sentido da expresión. Ah, angulemia de vox populi así, nesta altura do verán, co jacuzzi morno… Baruc o leal ecoa axiña acolá nas covas do Yohakin bíblico, a discoteca fronte a cal asenta hogano a kefia palestina. Canta dor, mon dieu, canta dor a súa; e cálculo. Mágoa non ter tempo aquí para exercitarmos o cálamo segundo é demandado nos comentos por quen imaxina ao blogger humilis como gurú do transvase Mandeo-Sarela salvador da nación nestes idus menesterosos. Arume, mentor no ecrán, caro amigo, que afasten de min tal copo, rediola! Que o afasten de vez. Que eu volto xa ao escrutinio da vírgula e mais á intimación de pedicuras locais por castas emerxencias. E outros colegas hai no blogomillo que o fan mellor, moito mellor que un. E varios son, que son varios e moi superiores en prosa e análise a cantos xuntos cobran por ecoar a dor e os cálculos do dono. Pois o mundo está ao revés. Tanto, que hai quen desde os biosbardos critica a lectura e estudo deste mal sen se decatar de que por aí comezan sempre a acción e a intelixencia. Pois non abonda con non ler ou ignorar con desprezo intelectual a quen a maioría le unhas veces de modo directo (a encíclica semestral) e outras, isto é moito máis relevante, de modo indirecto mercé ao efecto coercitivo co que o discurso plastificado do editor impregna logo cada páxina e cada himpo radiofónico dos seus empregados durante os 365 días do ano. Todos e cada un. As hipotecas, xa se sabe.

 

[Xeremías lamenta a destrución de Xerusalén, de Rembrandt, 1630]

 

2 ResponsesXeremías baixa á rúa to “”

  1. arume dos piñeiros Says:

    O que máis me gusta, amigo Lándoas, aparte da súa comprensión de frenopatólogo polos que, coma min, dedican o tempo ocioso á percura de vírgulas mal ubicadas, é esa súa (que fago tamén miña) teima por non desprezar, nin facer de menos, nin deixar de ler o diario de cabecera gótica flamíxera, tan apropiada, como ben sabe vostede, para libros de fantasía o de terror. Hai que lelo e hai que amosalo no seu esqueleto de ideas nacidas da neutralización populista, que nega as diferencias e crea a hipnótica percepción de que o sentido común sempre está do seu lado, sabón mediante.

  2. Iacobus Von der Stein Says:

    Polo que vexo xa comprou o aparato. Parabéns.