Gran Baamonde

 

anton-baamondeUn excelente Baamonde onte no País. Nesa descrición que compara formas de chegar e traxectorias de arranque dos primeiros cen días dos gobernos bipartito (PSdeG e BNG) e monopartito (PP) e na entrevista a Carlos Mella, no mesmo medio o mesmo día, fican retratadas boa parte das condicións e das expectativas que configuran a realidade na que estamos, a realidade que somos en termos políticos e económicos. Velas, non velas…, querer telas presentes ou non para chegarmos a ter a posibilidade de modificar o futuro inmediato de Galiza é outro asunto.

Como en todo, a estratexia das linguaxes é capital. E, como sempre, hai quen o ten asumido no código xenético e hai quen segue a confiar na evidencia da razón ou do amor/compromiso como algo que se enuncia de seu. Non é así. Por iso a dereita manexa sempre tan ben os tempos, con tanto proveito propio. Fala e sobre todo fai e desfai desde o primeiro minuto do partido.

Acerta Antón Baamonde cando suxire que a marca goberno é algo que se xestiona e se rexistra como tal marca neses cen ou cento cincuenta días que en xeral hai tendencia a considerar de cálculo e instalación. O bipartito tenteou e tenteou, inactuou perante o espello, dubidando que roupa poñer para saír a escena. Tanto que chegou á fin da lexislatura e decidiu entón mover pezas de xeito precipitado e imprudente, quizais por rexistrar a marca que antes non fora quen de rexistrar, ou para modificar a que sabía que quedara no imaxinario mediático e social do país: non outra que a do espello fronte ao espello.

Os tempos políticos. Niso non hai dúbida: hai moito que aprender. Indicios de que se asuma esta verdade de caixón na esquerda nosa? Até o día de hoxe, ningún. 

[Na foto, Antón Baamonde]

2 ResponsesGran Baamonde to “”

  1. arume dos piñeiros Says:

    Concordo con vostede na consideración do artigo de Baamonde, se cadra un dos seus mellores. Pero entendo que imos vendo cal debe ser a calidade do exercicio intelectual político. Por esta vía, ao meu xuízo, imos por bó camiño.
    Non lle parece que falta unha plataforma civil que permita debatir estes aspectos e poida influir decisivamente nos partidos políticos da oposición, ensimismados ad nauseam? Non sei se opinión pública impresa e bloguería combativa pode ser suficiente para marcar pautas.

  2. lándoas Says:

    A opinión impresa corrente ten algunha capacidade de matización das grandes liñas da política entendida como administración e, en menor medida, como xestión. A opinión dos pesos pesados dos xornais galegos (ou dos editoriais alí onde existen) considero que é bastante superior, non só polo que de seu activen senón ademais por algo no que insisto adoito nas anotacións deste blog: porque marcan tendencia e desvelan a panoplia de axenda e argumentario lexitimados. As feblezas da opinión pública no país están na base desta incidencia relativamente menor e da conversión das columnas de opinión en correas de transmisión. O blogomillo político creo que a día de hoxe está a funcionar como un subsistema afluente da opinión que despois aparece nos medios tradicionais. Digo isto ante todo pola escasa incidencia directa e inmediata dos blogs no noso país e pola dificuldade de superar uns centenares de lectores. Esa audiencia, moi fidelizada mediante mecanismos diversos, non presupón case nunca a expansión pública efectiva de case nada, pero, como digo, funciona nalgún sentido como pensamento afluente. Non é tan raro, neste sentido, ver como determinados asuntos, reflexións e mesmo expresións surxidos no blogomillo reaparecen logo na prensa escrita adaptados ou directamente plaxiados por persoas que constrúen opinión nas súas columnas. En xeral, considero que o blogomillo acepta esa regra do xogo de moi boa gana, pois do que se trata é de que as ideas e as análises cheguen onde máis lonxe mellor.

    Canto á plataforma, considero que xa hai as suficientes para a situación que temos. Para min o problema é que os partidos políticos con vocación de poder exerzan a función para a que están aí e fagan o posíbel para recuperar o único que en política ten sentido real cando se quere cambiar a vida das persoas e as regras do xogo. Falo, loxicamente, de ter e de conservar o poder.