Buridán

 

manuel-vazquez

“Nadie quiere que le impongas un idioma, pero tampoco que ataques a tu lengua. Esa es la combinación de la que no sabe salir”. Iso di hoxe nunha entrevista Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG, en relación co que o goberno Feijóo está a facer en materia de lingua e, de paso, en relación co que, seica, o BNG concretou na lexislatura anterior como modelo lingüístico co que eles, os ditos socialistas galegos, tiveron que apandar. Tamén di que o seu partido non ten nada que ver co nacionalismo (non di con que nacionalismo exactamente). E di que quere meter paixón na vida política e que van reforzarse porque saben que cousas fixeron mal e daquela van gañar e non sei que do modelo vasco e outros apuntamentos de literatura fantástica.

Quedemos co primeiro: deixando á marxe o que presupón aceptar inscribirse sumisamente no léxico do contrincante político (imposición e outros raros tigmotropismos en procura da medra gorda), deixando asemade á marxe o vaivén de indefinidos e posesivos (malia o cal a mensaxe fica clara), o que di Vázquez… que é?

Iso, que é o que di Vázquez en relación coa lingua hoxe en El País? Haberá alguén que o saiba? Por axudar no paradoxo, procedo á mirepoix:

1) Unha cousa é “un idioma” e outra cousa é “tu lengua”.

2) Hai idiomas que se impoñen e hai linguas atacadas.

3) O idioma que se impón ten que ser por definición alleo, nunca o propio. Pois non se pode impoñer o que xa é propio dun.

4) “Tu lengua” significa a túa lingua; nunca, por definición, outra allea.

5) Daquela que? En que morea xantamos, Pachi? Áteme esa mosca polo rabo, ho.

 

[Manuel Vázquez, líder do PSdeG, na foto de Andrés Fraga que incorpora a entrevista de El País de hoxe]

 

7 ResponsesBuridán to “”

  1. José Fornelos Solla Says:

    Hai pouco que agardar do Psoe a respeito da lingua.lembramos ao difunto Amadiòs, cando abandonou o citado partido, dando o portazo e decindo:” a única palabra en galego que ouvín dentro do partido foi “coruña”. Moi adentro, e moi na superficie, tamén, non difiren gran cousa da actitude do PP . Ambigüidade calculada, indiferenza, e facer como que facemos…Para eles, a lingua “es el gallego”.

  2. PCL Says:

    Limitareime a subliñar e comentar dúas pasaxes que me semellan singularmente saborosos:

    (a) “Aquí vivimos todos con un bilingüismo y una cohabitación razonablemente bien, sabiendo que iba ganando el castellano y en retroceso el gallego”.

    Non sei, Sr. Lándoas, que opinión lle merece a vostede este aserto de D. Francisco; a min, iso de que “vivimos todos razoablemente ben” tráeme á memoria unha tira de Mafalda na que alguén (a propia Mafalda, talvez) dicía que si, que todos somos iguais, pero que algúns son máis iguais ca outros. Hai xa máis de vinte anos que se aprobou a Lei de Normalización Lingüística, e todos sabemos que, malia o tempo transcorrido, segue a ser posible (e mesmo habitual) que os nenos galegofalantes aprendan a ler e escribir en castelán; segue a ser posible (e mesmo habitual) que os empregados públicos atendan en castelán a un cidadán que se dirixe a eles en galego; segue a ser posible (e mesmo habitual) que haxa parlamentarios e conselleiros incapaces de se expresar en galego cun mínimo de fluidez e corrección; segue a ser posible (e mesmo habitual) que os galegofalantes novos cambien ao castelán nas entrevistas de traballo, para que o entrevistador non pense que son uns paifocos (se o seu acento é moi enxebre), ou uns condenados bloqueiros (se o seu acento é máis “descolorido”, por dicilo dalgunha maneira); segue a ser posible (e mesmo habitual) que… ¿Mais para que alongar este memorial de agravios? Co dito abonda, coido eu, para decatarse de non todos vivimos tan razoablemente ben como supón D. Francisco Vázquez. Polo demais, alguén debería recordarlle a D. Francisco que o famoso decreto do 50% foi cociñado na Consellería de Educación, a cuxa cabeza non se achaban Bieito Lobeira nin Pilar García Negro, senón Laura Sánchez Piñón.

    (b) “¿Que aun no teniendo mayoría absoluta el PP pueda gobernar? Pues puede pasar. Y tampoco pasa nada, si lo deciden los ciudadanos.”

    Hoxe ninguén (ou case) discute que son os cidadáns, cos seus votos (pasados pola peneira dunha lei electoral), os que deben decidir quen goberna. E por iso, porque se trata dun principio sagrado, os progresistas galegos (militantes, simpatizantes ou simplemente votantes do PSdeG e do BNG) aceptamos o resultado das eleccións do 1 de marzo. O PP obtivo a maioría absoluta, e non hai nada máis que engadir, como dicía Fraga. ¿Mais que sucederá se o PP non acadase tal maioría nas eleccións de 2013? Das palabras de D. Francisco dedúcese que el estaría disposto a deixar gobernar á dereita se o BNG non se comportase como o PP vén de facelo en Euskadi. Non vou poñerme agora a discutir se é xusto reclamar tal comportamento dos que foron os nosos socios no Hórreo durante catro anos (e sono aínda nun gran número de concellos). Limitareime a sinalar a trampa que implica referirse ao froito desa hipótetica falta de acordo (goberno do PP en minoría) como unha “decisión de los ciudadanos”. Non, D. Francisco, non: se o PP non obtén a maioría absoluta en 2013 (¡ogalla!), será precisamente porque a maioría dos votantes prefiren que non goberne catro anos máis.

    Conclusión:

    Se estas declaracións de Francisco Vázquez dan a medida do que os socialistas galegos podemos ofrecerlle ao país, daquela a cousa é peor, moito peor do que cabía sospeitar. Se cadra aínda non nos liberamos da negra sombra doutro Francisco Vázquez, que un bo día marchou e agora, ¡horror!, ameaza con regresar dende Roma para exercer como defensor do pobo (¡pobre pobo!).

    Post scriptum:

    Moi interesante, Sr. Lándoas, a súa alusión á “o que presupón” a aceptación acrítica “do léxico do contrincante político”. Confío en que algún día trate ese punto máis polo miúdo.

  3. PCL Says:

    Veño de me decatar -¡a boas horas!- de que no comentario anterior bauticei a Manuel Vázquez co nome de “Francisco” (por mor do influxo do seu alcume, e porque, mentres escribía, tiña sempre en mente a figura do gran prócer coruñés que noutrora exercera de Secretario Xeral do PSdeG-PSOE). Sospeito eu que este erro, unido ao retraso con que chegou a rectificación, vaime privar de todo o meu recoñecido prestixio (?) como analista político. ¡Isto si que é comezar con bo pé!

  4. arume dos piñeiros Says:

    Comparte, amigo PCL, o propósito hexemónico do PSdG, explícito nas palabras de Pachi Vázquez de irdes cun programa e unhas ideas propias, sen terdes en conta ao socio benegué?
    A min sempre me interesou o que poida opinar un socialista (xa que hai tan poucos e os poucos que hai deben de ter cargos orgánicos no partido).

  5. PCL Says:

    Non se engane, amigo Arume. Eu non son cargo orgánico, senón militante de a pé. Fago uso de foros coma este para poder dicir o que calo nas asambleas da agrupación local, e non porque nelas exista censura, senón porque ir alí a falar de política é unha falta de consideración para cos membros da executiva (*). E respondendo á súa pregunta direille que, ao meu entender, o PP gobernará en Galicia ata o momento en que o PSdeG-PSOE e o BNG comprendan que se precisan mutuamente. ¿Cada un no seu sitio? De acordo, pero ben collidiños das mans. Desprezarmos e/ou ignorarmos o BNG, sacarmos peito estupidamente, á maneira de Gil Robles pai (**), só servirá para que as posicións da dereita se tornen inexpugnables. Digo eu.

    (*) Sabido é que o papel da militancia nesas reunións se asemella ao do pobo na misa: de cando en vez hai que dicir “é xusto e necesario”, e pouco máis.

    (**) “¡A por los trescientos!”, dicían -seique- os carteis electorais da CEDA en febreiro de 1936. Ao final, non foron nin 150.

  6. arume dos piñeiros Says:

    Moitas gracias por tan sabias precisións, coas que concordo. Xa sabía que vostede non podía ser cargo orgánico: por iso lle preguntaba.
    Sorte en todo caso.

  7. lándoas Says:

    Amigo PCL, agradezo moito que comparta nesta dacha as súas reflexións sobre o rumbo do partido no que milita. Considero, como case todo o mundo que dedica uns minutos a erguer a mirada e ollar arredor, que o PSdeG segue e seguirá en stand by. E creo tamén que se equivoca con excesiva frecuencia para aspirar a unha hexemonía no país do tipo da debuxada por Vázquez. O máis grave desde o punto de vista interno intúo que sexa exactamente iso que vostede apunta: a reconversión a figurantes dos que militan e teñen unha folla de servizos non ligada á ocupación de cargos públicos. Para min é un misterio relativo o éxito relativo do PSdeG no país. Creo que non hai merecementos. Pero niso non son orixinais vostedes. Na crise de identidade perceptíbel nas palabras do secretario xeral sono algo máis. Pero levan con ela, así, trinta anos. Non sei como o aturan, a verdade. Vostede sabe, se segue estas prosas, que eu postulo ás veces, en broma ou en serio, un entrismo digamos que masivo no PSdeG por parte de xente con algunhas luces e algunhas conviccións. A idea do enxerto tamén vale. Entrar, orear e medrar para outros ser alguén e perder a dependencia do escalímetro. A medio prazo nin BNG nin PSdeG terán forza para gobernar en solitario. Non é preciso que dean voces recoñecéndoo por aí, pero é imprescindíbel que o asuman.