Educar a un presidente

 

celanova-casa-dos-poetasAnoto con brevidade uns apuntamentos relacionados cos acontecementos recentes de Celanova:

1) Algunhas persoas e institucións, tras unha longa fase de reflexión, tomaron a decisión de asumir as súas responsabilidades. Magnífico.

2) Algúns membros do séquito do presidente puxeron caras mentres escoitaban as “imprudencias” que Xosé R. Barreiro, presidente da Real Academia Galega, dirixía ao presidente da Xunta. Algunha prensa di que amosaban o seu malestar.

3) Algúns medios silenciaron ou ocultaron o acontecido. Outros operaron coa calculada diplopia empresarial que lles é propia. Outros magnificaron o significado do episodio. Por aquí está o combate.

4) Sobre os actos institucionais caben dúas clases de pactos tácitos. Óptase en ocasións por unha neutralización ritual do discurso (a fin de non dicir nada novo e de que todo fique en harmonización sonora). Óptase outras veces por elaborar un discurso de fundamentación incoativa: “propoñémonos facer tal cousa”. O que resulta claramente inapropiado e abusivo é empregar un acto institucional para agredir verbalmente determinadas conviccións e programas, en particular se se presupoñen abrazados por unha maioría do público presente.

5) A terceira opción foi a de Feijóo desque agarrou o temón do poder. Cunha especificidade: fíxoo en contextos moi definidos, os que teñen a ver coa política cultural e lingüística. De modo que nunha serie de actos institucionais de toma de contacto ou de celebración cívica e simbólica fixou como pauta vertebradora das súas intervencións afear en público certos compromisos, certas traxectorias, certos consensos, certas políticas. Feijóo subiuse a si mesmo, ao seu cargo, para rifar e agredir a quen lle petou, basicamente aos que non pensan como el, que en Galiza somos maioría, por certo.

6) O pasmo paralizante e irresponsábel de moitos en actos como os indicados non fixo senón incrementar a autoestima que en xeral padece de forma tan patolóxica coma irrisoria case todo individuo da especie humana que accede a cotas de poder relevantes (isto increméntase exponencialmente en casos de persoas intelectualmente capitidisminuídas e/ou hiperhormonadas, máis aínda se elas mesmas foran conscientes, nalgunha fase previa de mínima lucidez, da súa mediocridade mental e/ou moral; véxase o caso paradigmático de Aznar).

7) Educar ao príncipe posmoderno é de novo tarefa do pobo. Eu, modestamente,  estaba a consolidar entre os meus achegados a que iamos chamar “Columna Levante”, cuxo operativo principal consistiría en acudir a actos oficiais nos que se anunciase a plática de Feijóo ou do seu mariachi mediático-administrativo sobre materia cultural para, en plan bastante Gandhi, coller e erguer un a un de xeito educado e digno á mínima faltada do presidente, como nunha respectuosa procesión de caladiños, pero sen tambor nacional nin cilicio na virilla. É mágoa que Barreiro, nalgunha medida, fane a iniciativa ao activar —por fin— algo que malia todo o que se diga só as institucións son quen de activar. Ou non a fana e podemos seguir coa Columna Levante imaxinando que o exemplo cunde e que toda Galiza se ergue e se vai do salón?

8 ) Señor*s: Dignidade e forza contra a impostura! Sátira e firmeza contra a institucionalización da mendacidade e a alienación campante! Linguaxe contra o orneo! Érganse e ábranse se os insultan ou insultan ao país! Basta de contemporizar coa mediocridade, a falsificación e a angostura mental! Somos o que somos non por Marta Rivera de la Cruz nin polas levitacións de Farjas nin polas cotizacións empresariais (acolá) do conselleiro de Economía!! 

 

[Barreiro e Feijóo no acto de entrega á RAG do XXV Premio Celanova Casa dos Poetas. Fotografía de El Correo Gallego]

 

18 ResponsesEducar a un presidente to “”

  1. arume dos piñeiros Says:

    En ocasións coma esta é cando eu proclamo a miña rendida devoción por vostede. Porque tras o aplauso unánime para o cumprimento do deber aínda que serodio, vostede é quen de calibrar tales estertores e de situarse no exacto punto crítico que a conxuntura merece.

  2. suroeste Says:

    Esta historia aínda ha dar moito que falar. Feijoo pensou que cun par de golpes de efecto (como o de nomear a certo secretario xeral) e dúas subvencións ían ir todos en procesión a lamberlle as mans e bicarlle o anel. Algúns foron prestos e submisos poñendo o cazo, outros miraron para outro lado (que pensan, que din, que soñan?) e outros remoeron o disgusto antes de dar un paso adiante.
    Cada un terá que explicar a súa postura. A RAG xa anunciou que non vai ser a comparsa de Feijoo, ou iso entendín eu. E o CCG? Vai seguir aplaudindo?
    Polo menos xa non somos só os radicais de sempre. Menos mal!

  3. arume dos piñeiros Says:

    Eu non son tan entusiasta do acontecido. Non acabo de entender completamente esto:
    “La gente estaba esperando una reacción de la Academia”, conviene Antón Santamarina, antiguo director del Instituto da Lingua Galega. “Pero lo que dijo Xosé Ramón Barreiro Fernández en Celanova es lo que dice el manifiesto de la RAG en la víspera del Día das Letras, aunque recibiese menos publicidad”.

  4. lándoas Says:

    Estou coas cautelas de Arume pero tamén co optimismo relativo de Suroeste. Creo que Santamarina, igual que outros académicos, argumentará que a Academia se mantivo en todo momento no seu sitio e que a firmeza de Celanova estaba xa noutros discursos. Está no seu dereito a dicilo, pero creo que iso non se corresponde coa percepción maioritaria dos que seguimos esta historia (como podemos). Santamarina e os seus compañeiros/as da Academia saben que non foi así de rodado todo. E seguramente asuman intramuros que se debía ter reaccionado antes. Pero a Academia debe significar tamén discreción.

    Claro que todo se complica polo escaso recoñecemento e mínima presenza social que a RAG ten no país e, de novo, nos medios. Tamén pola recta final do mandato de Barreiro e por varios factores máis en mente de todos e, agora en particular, na de Feijóo e os seus cortesáns. Intúo que Celanova abre, iso si, unha nova etapa de intercambio relativo de golpes. Cando menos acabou o pim pam pum de feira no que sempre disparaba o mesmo galán diante da mesma loira ao mesmo bonequiño de trapo.

  5. Gonzalo Vilas Says:

    Qué lúcida análise, coma moitas que aquí leo. A ver si o inusitado ataque de dignidade de Barreiro é o punto de inflexión para que certa esquerda e nacionalismo saia do burato de avestruz en que está sumido, pensando que o perfil de vendedor de seguros de Feijoo é o dun líder carismático. Coñezo moitos presuntos esquerdistas/nacionalistas que sempre veñen con aquelo de “temos Feijoo para 16 anos”, dándolle eles mesmos a entidade que non ten.
    Que lle teña que parar os pés e baixar do seu pedestal de impostada “amabilidade” a anquilosada RAG, xa é chamativo. Esperemos que valga para que a maioría social, aínda creo, galega lle perda o medo a esta panda de botarates.

  6. luis Says:

    Falou Barreiro pero, porque lles custa tanto falar aos demais? Salvo casos contados, os intelectuais e escritores galeguistas así como as institucións e colectivos profesionais que os representan, calan como petos.
    Non é xa o momento de promover unha resposta conxunta a todas as agresións que se levan feito e de plantar cara á prepotencia do Goberno de Feijóo?
    Qué máis tén que pasar?

    Está claro que o que máis dano lles fai é a opinión das institucións que non están baixo o seu control.
    Hai varias que podían facelo e se é diante dos seus fociños, como en Celanova, moito millor.
    O discurso de Barreiro estivo ben pero moito millor sería unha posición formal, por escrito e avalada por todos os membros da institución, permanetes e non permanentes.

  7. lándoas Says:

    Hai algo impactante no discurso de Barreiro, amigo Luís. Véxao nesta foto. O presidente da Academia fala xustamente sen papeis. En termos retóricos e nunha situación de tensión dialéctica como a que alí debeu de vivirse (non quero esaxerar nin restar méritos), falar sen guión escrito non é doado. Teño criticado con dureza a Barreiro. Hoxe corresponde felicitalo abertamente. Pero non tanto pola gallardía ou pola claridade coma pola oportunidade e a intelixencia. Ese xeito de intervención é o adecuado. Ten efectos. E diso se trataba. Puido ter máis, de Feijóo entrar ao trapo, como é probábel que alguén pensase que podía ocorrer. Por que non entrou Feijóo? Quen o sabe.

    O que querería destacar é que a intervención de Barreiro foi intelixente porque está a activar un debate público e está atraendo miradas. Atraería moitas máis de vivirmos nun país con opinión pública e medios de comunicación libres e plurais. A mordaza é brutal e colapsa a maioría das iniciativas. Por iso, reitéroo e non me cansarei de dicilo, hai que saber moi ben de quen a bota que corta a respiración do país. En calquera lugar do mundo cunha prensa libre, algo como o acontecido en Celanova sería de información obrigada, merecería análises e reportaxes. Un primeiro ministro ou un presidente da nación (pensémolo así) ao que o presidente dunha antiga institución que simboliza o que simbolizan as academias da lingua en Occidente (xa, xa, con todos os peros, eu tamén os poño) lle di en público, na recepción dun premio tamén con forte significado simbólico, o que lle dixo Barreiro a Feijóo: que está a facer coa lingua do país todo o contrario do que debe, que está a destruír conscientemente un dos sinais de identidade da nación, que está a fulminar un labor de séculos e un pacto de convivencia, que está a estragar unha fonte de riqueza e benestar social, que está a manipular conceptos e palabras tan necesarios como “liberdade”. Como non ía erguerse o público? A Feijóo doeríanlle no fígado eses aplausos tanto ou máis que a medida e “improvisada imprudencia” dun catedrático de Historia non tan vello como algúns andan a dicir por aí.

  8. luis Says:

    Certo, señor lándoas. Concordo.
    E gostaría de saber se nalgún sitio se pode ver o video do acto.
    Súmome ao seu comentario e imaxino o impacto visual desas imaxes. Deduzo que sería moi importante ver o video e facermos que circule.

  9. Antón Dobao Says:

    Eu estou de acordo con todas as consideracións, desde logo. E mesmo podemos pensar que o documento da Academia do 17 de maio non foi suficiente, aínda que existiu e está aí, como ben di Santamarina. O que acabo de comprender é por que de toda esta historia sempre queda á marxe o Consello da Cultura Galega, en cuxa sede Feijóo tamén dixo cousas -tan ben analizadas por Lándoas, por certo- sen que ninguén, aínda hoxe, lle dixera nada. E cales son os cometidos do CCG? Por que ese silencio teimudo? Por que a Academia, pese a dicir cousas, con maior ou menor contundencia, é criticada e o CCG queda no limbo dos xustos? É algo que a min se me continúa a facer estraño.

  10. esteiro Says:

    Os meus parabéns a Lándoas e á súa serodia rectificación de xuízo encol da performance da Academia sobre o asunto Feixóo que, como el ben sabe, nunca se equivoca. Gustaríame tamén ver salientada, iso si, en flagrante analoxía, a evidente submisión e pleitesía doutros consellos de nomes ilustres do país en ocasión semellante, pero xa sería pedir de máis, supoño.

    e unha aperta.

  11. suroeste Says:

    O \vendedor de seguros\ –encantoume– Feijóo non falou sen papeis porque non sabe ben o que ten que dicir. Ás veces non entende nin o que di. Sempre le o que alguén (alguén que lle aseguraron que é moi listo, culto e cosmopolita) lle escribe aínda que nesta ocasión leuno tendo claro que non sería iso o que debería ler. Dobre inseguridade. Barreiro tirando con onda atina no medio e medio da testa e o afoutado vendedor de seguros aparece na foto dese día como un ser insignificante. Mexou por si.

    Tanta fachenda e atrevemento e ignorancia ficaron, polo momento, neutralizados.

    Como lle chamamos a isto, Lándoas: \o esvarón de Celanova\?

  12. Un lector Says:

    Magnífico este post, señor Lándoas. Aínda que isto non é novidade, un xa está afeito á brillante lucidez das súas análises. Ademais de felicitalo, queríalle dicir que debe seguir adiante coa idea da Columna Levante. Sabe que hai outros grupos que están a artellar actuacións semellantes? Que, sen sabermos uns dos outros, vaiamos na mesma dirección, é reconfortante.

  13. Educar a un presidente, anotación de Arturo Casas – ProLingua Says:

    […] publicada o 8 de setembro de 2009 no blog […]

  14. Gemina Says:

    Parabens pola súa exposición….pola súa claridade na analise….estábaa esperando dense que lin a noticia nos xornais….

  15. Brais González. Says:

    Feliz coincidencia co Lándoas e o Dobao ao tempo:

    Paréceme oportuna a reflexión de Lándoas ao fío das críticas que el mesmo califica “duras” e que leva lanzado contra a Academia. Paréceme axeitada agora unha laudatio para o “vello” que, como se ven a dicir o propio Lándoas, activa con intelixencia os resortes para a apertura dun debate social oportuno (e necesario).

    Non concordo con todas as críticas que se levan verquido contra da Academia. Con todo, chego a este blogue para coincidir co Dobao: u-lo Consello da Cultura? Supoño que a matriz retranqueira das súas palabras dilúen unha pregunta máis directa. Ou quizais me extralimite eu facendo unha lectura intencionada da súa achega. Mais, eis a cuestión:

    A que tipo de táctica (de acoso e derrube, diría eu) responde 0 feito que as turbinas de xeración de discurso/opinión (hexemónica no eido nacionalista) do BNG, e arrabaldos, roden a todo trapo para debilitar á institución presidida por Barreiro, para poñela no albo de toda crítica (institución irresponsábel/institución disidente)?

    E polo contra, a que táctica (á mesma, é evidente) responde ese ritual silencio, adobiado de impunidade, que se está a gardar sobre o acougo dun CCG atento á subvención, submiso ao poder, digo, atento ao poder, submiso á subvención?

    Agardo a interesante análise que de seguro nos brindará o Lándoas nalgún intre.
    Parabéns!

  16. arume dos piñeiros Says:

    E se por un momento pensamos sen cecegués nin ragas? Digoo por se non somos algo maiorciños para estas solemnidades? Tanta sociedade civil e aínda andamos por chanzos xerarquizados.
    Nota: convén ler os regulamentos e estatutos de RAG e CCG para saber cales son as súas características diferenciadoras. Entre outras cousas, para falarmos con propiedade sobre ambos casos.

    http://consellodacultura.org/files/2008/09/regulamentoccg.PDF
    http://www.realacademiagalega.org/academy/GoToStatutes.do

  17. lándoas Says:

    Proximamente nesta pantalla, Brais, Arume, Antón, Esteiro…, amig*s. Refírome ao que comentan sobre as institucións. Nótase ben que perciben nos meus versículos un aquel comparatista. Por que será? Compararemos logo, cando haxa modo.

    Amigo Esteiro, grazas tamén a vostede polo que sinala a maiores. Rectificar é de sabios. Orabén, eu nin son sabio nin rectifiquei o meu xuízo sobre a Academia e o seu presidente. Quen rectificou foi el. Xa ve que aí discrepo de Santamarina. Ou é preciso lembrar agora a escena de Láncara. Unha cousa non quita a outra. Pero a outra tampouco non quita a unha.

  18. O café na trincheira » Blog Archive » ¿Está Feijóo jibarizando ó PP ? Says:

    […] Despois  das  palabras  de  Xosé  Ramón  Barreiro  as  de  Ramón  Villares  confirman  a  soidade  de  Feijóo  no  campo  do  galeguismo. É  unha  soidade  buscada,  porque  está  provocada  non  só  pola  súa  mala  política,  senón  tamén  pola  súa  mala  educación,  como  indicou  tan  ben  Arturo  Casas  no  seu  estupendo  blog  http://landoas.blogaliza.org/  na  entrada  correspondente  http://landoas.blogaliza.org/2009/09/08/educar-a-un-presidente/ […]