Tremelica o poleiro azul

 

vazquez-vs-aymerich

Tremelica. Logo cabalgamos.

Orabén, hai algo que non se entende. Algúns deputados da oposición retaron ao conselleiro Vázquez a dar os nomes dos altos cargos do bipartito que envían aos seus fillos ou fillas a escolas privadas con separación escolar por sexos. A maioría dos deputados fixeron cuestión diso e doutras miudezas que son estritamente anecdóticas e pertencen á vida privada das persoas e das familias.

A cuestión evidentemente non era esa. Con independencia de que poida existir falta de coherencia entre a posición política pública e a escolla persoal nun ámbito tan decisivo como este da opción polo ensino público ou polo ensino privado, tan a miúdo confesional. Con independencia de que optar (este, aquela, esoutro) polo ensino privado presupoña sempre unha aposta por enfraquecer o ensino público, por restarlle financiamento, por contribuír a un reparto inxusto das cargas fiscais e moito pero moito máis…

Pero a cuestión non era esa, reitéroo. Mais unha vez, o nivel dialéctico e político dos parlamentarios galegos quedou en evidencia. A cuestión é estoutra, señores e señoras deputados: como é que o máximo responsábel da educación no país dispón para uso propio dunha lista de pais /nais que fan uso dun dereito recoñecido polas leis? E tamén esta segunda: Como é que este señor se permite usar esa información como argumento político e a publicidade deses datos como ameaza en sede parlamentaria? Pero non o ven? 

As listas, en todo caso. Unha vella tradición da caverna. O bo é que cabalgar cabalgamos. Case todos.

 

[Na foto de hoxe en El País, Negreira intenta calmar, entre cadeiras azuis, o ardor desideoloxizado a apolítico do conselleiro Jesús Vázquez]

13 ResponsesTremelica o poleiro azul to “”

  1. Rue Valette Says:

    Cabalgar cabalgaremos, pero talmente o facemos nos cabaliños dun carrusel, xirando e xirando sen ir a ningures. …peor aínda, semella que imos un paso ‘pa’ diante e dous ‘pa-pa’ tras!
    Yukiko Kitahara: Silencio.

  2. lándoas Says:

    Pois eu percibo gromos verdes, Rue Valette. Falo en termos máis sociais que políticos. Vexo que hai cousas que se moven. Vexo que o goberno empeza a ter catarros despois do subidón de encaramarse ao poder. Vexo nervos neles porque seguramente saben que a rúa non é ese Hórreo anémico e predecíbel. Agora mesmo, en termos sociais, creo que hai incógnitas, que non todo está dito, que haberá acción.

  3. calidonia Says:

    Se Vostede o afirma sen dúbida cabalgaremos/arán. Mais a sociedade galega hai tempo que deixou de prestar atención ao que acontece no hipódromo.

  4. suroeste Says:

    Unha vez desfeito todo o que os anteriores fixeron e de aforrar moitos cartos… vén a dura realidade: unha crise económica peliaguda con recortes sociais de todo tipo e ningún plan. A ver que pasa, na voz xa rozan a ciencia ficción nos titulares e a realidade é cada vez máis miserable. Pensades que a xente non se dará conta?

  5. lándoas Says:

    Darase. Darémonos. En breve, ademais. E no hipódromo tomarán nota.

  6. Lupín Says:

    Non sei se é unha sensación miña ou a realidade pero paréceme que con quen están tendo problemas reais é con diferentes sectores sociais e menos cos partidos políticos que non dan artellado unha oposición contundente.
    Pode que sexa o despertar da sociedade civil que pedía o outro.

  7. bouzafria Says:

    Hoxe pola mañá indignación nos cadros directivos do colexio público que está perto da miña casa: Instrucións da Consellería de Educación para que listaran os/as rapaces/zas que precisan profesorado de apoio: de non seres cantidade suficiente para a súa ratio suprimirán o profesorado de apoio. Moralexa: Nos centros privado/concertados si van ter profesorado suficiente: se o teu fillo/a ten problemas, vete a eles.

    Idéntico caso, mesma estratexia, que na sanidade pública: listas de agarda para operacións: váiase señora ao Hospital de Fátima, privado/concertado, onde alí lle operarán rapidamente da cadeira. Se vostede se nega (“prefiro ir ao Hospital Xeral”) desaparece das listas de agarda ( ou volve á cola, non sei como remata o calote).

    Non concordo con Calidonia: Se o bipartito perdeu foi porque os seus votantes ollaron con prismáticos ao hipódromo, demasiado concentrados no seu cabalo, no canto de ter unha mirada panorámica sobre o estadio. Ai dos que se abstiveron porque non foi positiva a xestión na súa leira particular (Courel,Reganosa,etc..), pode que agora pensen que os nosos eran manifestamente mellorables pero os outros son (estámolo vendo) metafisicamente impeorables.

    E non esquezamos que os dous partidos da actual oposición tiveron máis votos que o P.P. Se fósemos circunscripción electoral única non teriamos a desgraza de ter coñecido a Farjas ou Vázquez Abad ou…

  8. suroeste Says:

    Rue Valette, unha vez máis é vostede a voz máis pesimista de todas as desta coral, só por iso xa sei quen se agacha baixo ese orixinal disfraz. Dobre bico sen babas: plis, plas!

  9. arume dos piñeiros Says:

    Hai que incorporar á reflexión de Lándoas a posibilidade de que todo sexa demasiado natural e non se precise de estímulos externos para amosarse.

  10. Rue Valette Says:

    Vaia, Suroeste identifica o meu natural ‘pepsi’mismo, este meu burato negro que me delata! Eu é que non lles acabo de ver eses gromos verdes, e tamén falo máis en termos sociais. Desexo ser eu o que erra na percepción, por suposto.

  11. morouteira Says:

    Precisamos moitos gromos verdes que fagan xogo coa nosa terra. Cada un de nós aportando o que poida. É momento de arrimar o ombro. A sociedade civil ten que erguer a palabra (evito o termo:Voz) e lembrarlle a Feijooo 009, licenza para aniquilar todo o que de bo se fixo (culurgal por exemplo,etc) que tamén el é mortal.

  12. calidonia Says:

    Bouzafría, eu non podo concordar nin discordar consigo, porque eu só fixen un comentario acerca do Parlamentiño de papel e do irrelevante que é todo canto aconteza agora alí dentro. Non falei sobre sobre as causas da derrota do bipartito, aínda que se se refire a iso, efectivamente discordamos. O groso do voto perdido polo BNG non está á esquerda, si a cidadanía máis crítica, pero non o gros, que ficou na casa ou se marchou ao PSOE (datos do postelectoral do CIS mediante, se os quer discutir é cousa entre eles e máis Vostede).

  13. esteiro Says:

    Por suposto, eu tamén penso que cabalgamos, estase a demostrar que unha cousa é gañar as eleccións contra o galego, e outra moi distinta gobernar contra o galego. Aquí o PP vaise encontrar na situación un día destes de responder ao “fogo amigo” de GB.

    Na cuestión cabalgadora hai que destacar a influencia da maior pluralidade informativa que hai no país respecto da era Fraga e, particularmente, o de o Xornal, que é o que mellor está retratando as manobras da prensa amiga.

    Por último, por que o PSOE non actúa dunha vez contra GB?