Unha noz é unha noz é unha noz

 

noces

Afeito a escoitar e a ler palabras non sempre sensatas durante algunhas horas cada día, pouso os ollos á noite nunha bolsa negra de plástico. É despois da cea. Ábroa. Non me parecen gran cousa, a verdade. Mentres parto e mastico as noces leo a parte posterior da bolsa. Penso: iberismo e sinestesia. As noces dan tristeza, dicía Pepe. Dúas ou tres si, a partir de aí entra a melancolía. Se a marca é Borges todo se multiplica. Probaríaas o axente de publicidade antes de redactar estas frases? Por que nos fai isto? Transcribo en calquera caso, despois de sorprenderme tamén polo feito dunha empresa como esta recoñecer por escrito que na bolsa se lles puido colar algún cacahuete ou traza. Tamén di que as noces son “do país”, expresión que desde neno me parece un pouco metafísica. Transcribo:

Tu nuez ibérica, por los cinco sentidos. Pequeño tesoro redondo. Con ligeras pinceladas de azabache. Destellos en su piel agradablemente áspera. Su paladar crujiente susurra un sabor rugoso, con la intensidad de las raíces ibéricas de nuestra tierra.

Era isto de verdade necesario?, pregúntome. Conclúo para min coa nona noz, agrilloado xa na saudade: o tipo chegou a terceiro de carreira, topou con Garcilaso e as abellas aquelas fonosimbólicas e toledanas e deu a volta para casa. Isto é unha especie de vendetta por el non poder coa filoloxía e as églogas. De aí este caos cacofónico de palabras que se eu fose xurisconsulto proporía levar sen remisión posíbel ao Código Penal. Escribir “susurra un sabor rugoso”? Cinco anos e un día. E de aí en adiante.

[Noces, ou sexa, noces]

 

4 ResponsesUnha noz é unha noz é unha noz to “”

  1. Manuela Palacios Says:

    O autor do texto aspiraba a sumiller, pero quedou nas noces.

    O dos cacahuetes, teño entendido, é unha advertencia precisa por unhas graves alerxias que se produciron.

  2. arume dos piñeiros Says:

    Para min que se lle atragantou o capítulo da aliteración e a sinestesia. A conglobatis, creo.
    Hai, sen dúbida, xacementos retóricos nos tetrabriks.

  3. Gonzalo Vilas Says:

    Alguén tiña que decir algo sobre esta subliteratura hipercursi, que xa vexo que se contaxia dende as botellas de viño até as que un cría inocentes noces ou crouchos. Susurra un sabor rugoso, saborea un susurro rugoso, arruga un susurro sabroso…a orde dos sumandos non altera a chorrada. Outro día tería que comentar vostede e iluminarnos sobre a pseudoliteratura de moitos cociñeiros “mediáticos” ou aspirantes a tal, que incurren en similares e vacuas “jerigonzas”.

  4. mariademallou Says:

    que lle corten a cabeza!!
    😉