Iacobus Von der Stein recibe en Recatelo un poema (frouxo) de Robert Walser traducido por Lándoas e bagulla conmovido

A tradución é en efecto para Iacobus Von der Stein, que quere que o blogueiro cale.
Poeta e noiva
Un poeta díxolle á súa noiva:
“Sabes ben que son un xenio
e que por iso non podo evitar
vivir ao día como un inutle.
Iso é o que fixeron todos
os que se sentiron chamados a algo superior.
Os da miña estirpe non nos resignamos
a sermos dilixentes e traballadores,
iso é algo que deixamos para os burgueses”.
De seguido, a rapaza respondeu:
“Creste por ventura máis ca o resto?
Deberas avergoñarte por seres tan fachendusco.
Se es verdadeiro poeta,
leme o que tes aí escrito.
O conto de Nonnosresignamos
mellor contasllo a outra.
A soberbia e as ousadas frases feitas
non abondan para facer un poeta!”
El amosoulle o último
poema e dixo: “Levoume catro semanas
escribilo”. “Que?”, exclamou ela. “Catro que?”
Leuno, e cando rematou
riuse diante da súa cara e guindou
o poema ao chan:
“Estes versos son horríbeis,
quen os compuxo
que se afaste de contado da miña vista”.
O poeta ficou doído,
pasou a man pola cabeza
e dixo: “Non mo tomes a mal”,
deulle un bico e recolleu
o poema, buscou un bo
oficio e converteuse axiña nun home honrado,
e os dous foron moi felices
e amáronse, tiveron fillos
e non fixeron ren que non fose sensato.

[Robert Walser nunha célebre fotografía tomada en Berlín en 1905. O poema tradúcese da versión castelá incluída no libro de Walser La habitación del poeta. Prosas y poemas inéditos, Madrid, Siruela, 2003]

7 ResponsesIacobus Von der Stein recibe en Recatelo un poema (frouxo) de Robert Walser traducido por Lándoas e bagulla conmovido to “”

  1. Carlos Callón Says:

    Plas-plas-plas-plas-plas!

    Que bo texto! Difundireino entre os meus amigos poetas, a ver se tamén buscan un oficio honrado.

    Está moi ben tamén o momento homenaxe a Novoneyra na tradución…

    Unha apertiña.

  2. Un cartuxo arrepentido Says:

    É vostede un lince, don Carlos!

    O poema de Walser, creo que escrito cando novo, non paga a pena se non se olla no contexto dun home que viviu a paixón de non ser nada fronte ás dinámicas sociais que nos esixen sempre sermos algo.

    O docto e expansivo amigo Von der Stein, como contrapartida a unha actividade profesional esgotadora na que priman facundia e persuasión, anda coa teima de esixir fora-do-foro un laconismo-sen-grelo en canto o vulgo fai. Ignora que cada paso é pegada e cada pegada signo? Non o ignora, ca. De feito, el vive agochada a paixón do paroleo infindo. Que fai se non fotografándose con locutores deportivos, hoxe por hoxe quintaesencia de toda logorrea e trasunto onomatopeico de toda pequena morte cando lles reverbera na glote o gol calmizo dalgún outro inutle a raias?

  3. Iacobus Von der Stein Says:

    O poema elle ben millor dos que algunha vez teño lido e feito -vostede é testemuña-, pero no día de Reises, agradézese e saiba que todo o que digo e por que o aprecio e é pola súa saúde, que xa non é un rapás.
    Díxome miña nai un día que non sei de que estabamos a falar unha frase que sempre me quedou gravada: TÓDOLOS OLLOS NON CHORAN O MESMO DÍA.

  4. xdc Says:

    A mín parecéume que o da foto era o Von der Stein

  5. Colexio de procuretas Says:

    A nós tamén.

  6. amedio Says:

    Pareceume un mal augurio que o contrasinal requerido polo anti-spam fose precisamente “examou” pero enfin.

    Teño unha pregunta que facer sobre o conto do fillo pródigo revisitado por Walser: E se fose un bo poema? Quero dicir, un poema realmente bo, que amortizase esas catro semanas e aínda as fixese curtas, e por seguila corda, poñamos que a rapaza fose sensible á poesía (como non semella o caso) Que pasaría entón?

    Saúde.

  7. lándoas Says:

    Nese caso coido que as consecuencias podían ser aínda peores, amigo Amedio. Polo menos desde a perspectiva Walser.
    Intúo que o que vostede suxire é que talvez exista un contra-canon literario configurado por obras que algunha clase de poder ou autoridade rexeitou polos motivos que fosen. Unha historia da literatura submersa conformada por obras perdidas, mesmo por autores/as perdidos, por poéticas esmagadas. Quen o dubida?
    Walser, por outra banda, semella instalado nesa altura da súa biografía nun asunto moi schopenhaueriano, non? Natureza vs cultura, ou algo así. As astucias da vida fronte á vida retirada de estudo, oración, creación (?).
    A noción de “poema realmente bo” é interesante, aliás.