Academias, Consellos, intervención

En relación co asunto das institucións culturais e coa crítica pública que poida merecer a súa intervención perante as graves agresións en materia de política cultural e lingüística do goberno Feijóo, son varias as voces que insisten nas últimas semanas en reclamar que as valoracións se estendan como mínimo ao Consello da Cultura ademais de á Academia. Diría incluso que hai persoas que senten incomodidade se nun momento dado se critica só á Academia e non se sinala nada complementario do mesmo calibre ccg1sobre a outra institución, presidida segundo é sabido pola terceira autoridade do país en termos de protocolo.

 

Do debate, o que máis me interesa é a diferente percepción social que hai das dúas entidades. Creo que a RAG é relativamente coñecida pola xente, talvez —polo menos en certa proporción— por correlación con outros organismos homólogos noutros países. A maior parte dos medios impresos galegos, por exemplo, ao tempo que silencian por ignorancia militante asuntos de entidade incuestionábel anuncian o catarro de tal ou cal académico da Española, non digamos se o pillou paseando por Boiro ou dando unha conferencia en Ourense. En cambio, penso que do CCG só saben as persoas iniciadas en campos artísticos e universitarios específicos. Pode que iso se deba á diferente representación que se lles asigna á RAG e ao CCG desde os medios impresos. O poder sancionador da RAG en materia lingüística é tamén un elemento importante.

 

Sinalo todo o anterior para explicar, xa que se me demanda, un dos motivos polos que sempre interpretei que a forza social e política dunha declaración da RAG era imprescindíbel no contexto actual e que o era desde hai xa meses. Direi máis: estou convencido de que a insistencia das redes sociais tivo bastante que ver no acontecido en Celanova o outro día. En fin, ese é outro asunto. Volvamos ao rego, que é probábel que para moitos lectores resulte polémico. No meu criterio cando se fala de opinión pública e de intervención social, o mesmo que cando se fala de procesos políticos, hai que autoesixirse pragmatismo e polo menos tanta humildade coma firmeza. A día de hoxe, permítaseme sentar algunhas premisas para o que sinalarei logo, non concibo o debate político se non é para modificar o estado das cousas. Deixaron de interesarme as galerías e as conviccións que non integran o movemento de acordo e de pacto entre as forzas políticas que non se ecuacionan coa dereita, co imperialismo, co sometemento confesional, co gran capital e coa impunidade dos poderosos.

 

ragDito o cal, engadirei que entendo francamente anacrónicas institucións nas que rexen principios como os das academias nacionais (e non só existen as da lingua, claro). Síntome particularmente lonxe da idea da pertenza vitalicia a esas entidades, o cal ao mellor non era un dato relevante no século XIX, cheo de poetas tísicos e/ou suicidas, pero que si o é no século XXI. Por suposto, resúltame igualmente antipático o fundamento na cooptación tal como se exerce, algo que comentei aquí outras veces, mesmo ao comezo da xeira como blogger, o que levou a algún colega a inducións algo pintorescas sobre posíbeis apetencias persoais (é bastante doado saber quen as ten: fíxense na súa boca).

 

O mundo cultural galego está bastante marcado por inercias e por xerarquizacións nas que pesa en exceso o factor idade. Nada teño contra as persoas de idade, faltaría máis. Aseguro que máis ben é todo o contrario no que afecta a trato e a respecto. Pero institucións como a RAG, máis aínda en circunstancias como estas tan duras que atravesamos —alén do que de conxuntural poida haber no que materializamos no nome da peste que nos veu enriba pola pésima xestión gubernamental dos tempos políticos na lexislatura anterior (por iso máis que por outras razóns, créase)—, deberían ter outra fortaleza e outra capacidade de aparecer oportunamente e de falar claro.

 

Non pode ser que a idade media dos académicos sexa a que é. As persoas que xa cumpriron unha traxectoria e que superan unha certa idade (que lles parece 80 anos?) deberían ter a xenerosidade intelectual e política de retirarse e deixar paso a individuos de capacidade e cunha formación non menos sólida que a que os académicos actuais poidan atesourar. Na RAG deberían entrar dunha vez persoas de menos de 40 anos. Sobre todo mulleres e sobre todo xente que non proveña da filoloxía, porque xa abonda cos que hai. Os estatutos non poden seguir estigmatizando nin racaneando a retirada de quen desexe dar o paso por problemas de saúde ou polo que sexa. É moito o traballo por facer. Son moitas as batallas que dar e múltiples os escenarios. É imprescindíbel a combinación da experiencia e a do ímpeto e capacitación para entender as coordenadas novas que hai por aí fóra. E o capital intelectual que hai fóra da Academia é extraordinario. Ou alguén ten algunha dúbida ao respecto?

 

O CCG xestiona algo mellor eses parámetros. Ten como é lóxico eivas no funcionamento e na súa constitución orgánica. Posúe, doutra parte, a seguridade orzamentaria que lle garante a súa específica entidade estatutaria, e iso é unha vantaxe enorme na comparativa coa RAG. Eu creo, en fin, que ten outro dinamismo, dígoo con franqueza e creo que sen prexuízos. Alén diso carece do timbre sancionador que a Academia autorreclama como marca filolóxica, prerrogativa algo vetusta e francamente molesta tal como se usa (cando menos para a miña sensibilidade), en especial se quen exerce a autoridade está incapacitado por algún motivo para iso. Non falo da Academia nosa só. Falo de todas. En todas as academias do mundo hai ineptos e hai desleixo. E en todas elas hai persoas que accederon á súa cadeira por razóns inconfesábeis ou por redes de favores debidos. Nos outros sitios tamén, por suposto. Pénsese, sen ir máis lonxe, no que significou o franquismo para esta clase de institucións. E considérese de par diso a lonxevidade dos intelectuais acomodaticios… Son eternos. Só quero indicar que a estas alturas un non concede nada por probado se non se lle proba antes.

 

A cooptación incorpora outra pexa que fai que olle con distancia moral esta clase de institucións, tan rifadas coa representatividade das pluralidades sociais e culturais no mundo actual. Falo do reparto de cotas. É moi complicado entrar nesta especie de clubes se non se forma parte, nalgunha medida, desta ou desoutra sección ou grupo. Non só iso: ás veces, as observacións que aparecen nos debates públicos sobre o que cómpre esixir ás institucións trazan vínculos bastante doados de seguir con militancias, simpatías ou outras proximidades (non se me esixan probas, por favor). Non son tan inxenuo como para pensar que habería lugar no mundo actual para outra clase de reparto do xogo. Só pido que non sexa obrigatorio vendar os ollos. Eu nin sei nin quero facelo.

 

Nada do anterior empece o feito de que un saiba que as academias teñen unha función institucional e uns valores simbólicos que proxectan dinámicas socioculturais de certa entidade performativa; nalgúns casos, políticas e aínda nacionais, no sentido construtivo e postulativo do termo. O que me interesa delas como analista é xustamente iso. Como cidadán, como lector e como blogueiro non me explico por que razón algunhas persoas de valía e con capacidade de mover as cartografías que nos definen acabarán tendo 70 ou 75 anos cando entren por vez primeira coa medalla da Academia sobre o peito no vello edificio da rúa Tabernas.

15 ResponsesAcademias, Consellos, intervención to “”

  1. :: madeira de uz | Propostas para dignificar a RAG Says:

    […] Um recente artigo do blogue Lándoas sobre a RAG fez-me refletir sobre a necessidade de profundas reformas nesta instituição. Há tempo que tinha vontade de redigir umas linhas a respeito, mas nunca me senti com vontade…. até hoje. […]

  2. arume dos piñeiros Says:

    Onde hai que asinar?

    Curioso (e non digo máis ca curioso) resulta ademáis que os estatutos da RAG estean aprobados vía ministerio do Educación e Ciencia (Mariano Rajoy foi o que asinou o Real Decreto) e o CCG sexa unha institución establecida no Estatuto de Galicia. A composición da RAG procede por cooptación, como ben sinala Lándoas, e tende ao vitalicio, mentres a do CCG depende de certas conxunturas político sociais e rota cada certo tempo. A primeira, en efecto, tampouco ten asignación presupostaria (supoño que, por homologación coa RAE, os seus membros só cobran os gajes do oficio), mentres o CCG ten un orzamento propio fiscalizable polo parlamento: non funciona, como se dixo noutro post, por subvencións. A RAG ten unha encomenda parlamentaria a partir da lei de normalización lingüística (non figura, en principio, en estatutos) que ten que ver basicamente coa lexicografía e como moito coa ortografía e a fonética (aínda que esto xa foi hai tempo e se cadra os académicos poidan preferir xa outros camiños da lingüística). A súa páxina web ou os datos que fornecen desde ela non son os esperables nunha institución do seu rango; comparado neste caso concreto co CCG, que, desde hai certo tempo, ofrece interesantes achegas: tamén é verdade que o campo de actuación do CCG é inmensamente máis amplo.
    Dito esto, eu sigo sen entender esta ollada aos académicos. Ou non hai xente suficiente en Galicia, fóra deses corpos, que poida dicir o mesmo? Vostede o dixo, extraordinario Lándoas, século XXI, século XXI.

  3. Berenguela Says:

    Hora era de que alguén dixese isto e non quedo estrañada que fose vostede quen se atrevese; discusión que na miña vida privada me ten causado algunha disfonía e algún malestar de dimensión xigante porque unha é muller e nova e sobre todo non pode asumir que algunha destas “vacas sagradas” ousase darlle as costas nunha demostración palpábel de “malas maneiras”. Con todo, e por seguir furgando un pouco, prezado Lándoas, por que di que RAG deberían entrar sobre todo mulleres (o de que non proveñan da filoloxía está claro)?

  4. José Fornelos Solla Says:

    Espléndido Mr. Lándoas. Moi acertado, no de retirarse os da Rag, aos 80 (por exemplo), e de que entre xente mais nova, neste sentido ás entradas de Cabana, Axeitos e a vindeira de Rivas, melloran a situación. Non é cousa só da idade, de todas as maneira: Alonso Montero, que xa pasa desa idade, está lúcido e actuante . Con todo non me non parece un “corpus” vellouqueiro. É mais prroblemático o das mulleres, ou o de non entraren outros sectores sociais (pintores, arquitectos, xentes do teatro, investigadores…). É así é…esa certa sensación de que os uns chaman polos outros…
    Espléndido, Mr. Lándoas.

  5. Jo Says:

    Passando muito da Rag…

  6. suroeste Says:

    Si, si, pasando de todo pasándolo bien! Pois mire por onde se demostra que en situacións de alarma coma esta ter institucións propias e que funcionen é moi útil. Pasando de nada e cos ollos abertos.

  7. esteiro Says:

    Hai dúas cousas que boto en falta na panorámica de Lándoas, as dúas teñen que ver máis con motivos de conxuntura política e histórica que con cuestións de estrutura legal ou biolóxica. As dúas son tamén preguntas retóricas: é pura coincidencia a campaña de petición de proclamas e bises á Academia coa derrota do goberno do Bipartito? E pura coincidencia que boa parte dos cahiers de laios e queixumes estivesen escritos en bo AGAL ou padromés?

  8. arume dos piñeiros Says:

    E non hai tamén nisa distinta percepción entre RAG e CCG unha posición política, máis próxima ao BNG na RAG e máis próxima ao PSdG (sector galeguista) no CCG, como, por outra parte, parece describirse en xeral este país, a base de rutinaria preguiza intelectual?

  9. Anxo Says:

    Pois si, señor Lándoas, está moi ben iso de empezar a analizar o papel e a función destas instucións na vida pública con mirada serena, pois aínda que as Academias, e concretamente a RAG, semellen cousa obsoleta, o certo é que a maioría da sociedade ou ben nin sabe de que vai (pero iso de “Real” infúndelle un escuro respecto reverencial, como se fose unha instancia divina, un cónclave laico que practica a cooptación con fumata bianca de vez en cando) ou ben pensa, por inercia desconfiada cara a todo o que soe a poder, que é un “choio” para que a algúns pillabáns enchufados e privilexiados lles medre o patrimonio. En canto ao CCG, en efecto, tén unha actividade interesante, por máis que me pareza que ás veces se sae das súas áreas competenciais. O asunto político, señor A dos P, coido que ten máis calado que esas adscricións de que fala, pois Galaxia, que tivo como obxectivo prioritario durante o piñeirismo ocupar a RAG, con éxito ou sucesso indubidábel, quizais aínda teña un peso nada desdeñábel, e non a vexo moi do BNG.

  10. lándoas Says:

    Señoras, señores, grazas moi sentidas pola atención que prestan ao que aquí se escribe. Tiven un día de moito traballo e non puiden estar pendente.
    Amiga Berenguela, incorporación de mulleres á Academia obedece para min a un simple sentido da representación social. O mundo é como é aí fóra. Fifty-fifty ou así. Non creo que as mulleres vaian facer nada mellor por selo. Pero entendo bochornoso que nestas alturas haxa academias e institucións cunha presenza reducida a anécdota das mulleres. Esa tarefa é inadiábel. E a RAG algo fixo nos últimos anos, creo que está fóra de dúbida.
    Arume, grazas sempre polos complementos informativos, documentais e de opinión. Imprescindíbeis para min. No segundo punto que toca, creo con Anxo, que as cousas non son exactamente como as pinta en termos políticos. Por suposto polo que con tino apunta Anxo e ademais porque na RAG, en termos políticos, están representadas outras dúas opcións políticas bastante perfiladas que teñen nesa institución unha influencia moi superior á que teñan no espazo político exterior, non digamos xa no Parlamento.
    Jo e Suroeste: eu penso que hai que estudar e analizar sempre ao contrincante, a quen aspira a tumbarnos. Iso é unha máxima no boxeo e tamén o é na esfera pública. Por iso eu falo tanto aquí de LVG, porque considero esa empresa un elemento chave na determinación da historia do meu país. A RAG para min non é en absoluto un contrincante, pero aínda que o fose (amigo Jo) se se queren modificar as cousas o que hai que facer, segundo observa Suroeste, non é ollar para outro lado senón intervir, cada un como lle pete.
    Madeira de Uz, agradécese o seguemento.
    Fornelos: en xeral sinto respecto por unha ampla maioría dos académicos/as da da RAG. E teño admíración rendida por algúns e algunhas deles. Aquí non vou entrar na dimensión intelectual individual destas persoas. É un asunto no que non desexo intervir. Quédome no outro: no espazo institucional e na clase de intervención cultural e política das institucións.
    Esteiro: no post que escribín hai con certeza moitas outras ausencias e algúns criterios máis que discutíbeis. Claro que si. En principio, como sabe, eu sobre ortografía non desexo ser expansivo neste medio, máis que nada porque despois pasa o que pasa. Se interpreto ben o que di, permitirame que me distancie da súa valoración. As críticas á RAG teñen que ver coa caída do bipartito, claro que si, pero non pola caída do bipartito en si senón porque iso supuxo a chegada dos hunos. O resto, xa lle digo, non o vexo así. Alén diso, en ortografía e noutras prácticas afectivas tendo a apreciar o continuum antes que as polaridades. Descúlpeseme se co que digo ofendo a sensibilidade de alguén.
    Que tarde se nos fai!

  11. arume dos piñeiros Says:

    Amigo Anxo: vexa que eu puxen que esa ecuación era froito da preguiza intelectual, non resultado dunha análise miuda. Non se me escapan complexidades, pero eu témome que hai siareiros dunha e doutra en función de afinidades selectivas de corte político e mesmo persoal (por exemplo, que estea Ferrín na RAG condiciona a certos cidadáns ou que Villares presida o CCG inclina a outros). Creo, xa digo, ver nos foros onde se debaten estes aspectos unha tendencia simplificadora a esas dúas bandas, que, como tamén digo, resultan cómodas (e polo tanto, escasas de matizacións) desde un punto de vista de suposto análise político.

  12. lándoas Says:

    Non se trata de constituír unha crítica da sospeita nin nada semellante. A socioloxía está para algo. No fundamental para aplicala. A frame analysis e sóbre todo a análise de redes son de interese para visualizar as relacións de forza en núcleos de decisión como as academias. En toda institución é claro que existen axentes coa marca centralidade moi acusada. Funcionan como nós na constitución e sostén da rede, igual que ocorre en determinados ámbitos de decisión política, sindical, etc. Na RAG existe un claro reparto de funcións e de capacidade decisoria que pivota entre a esfera lingüística e a esfera literario-humanística. As grandes decisións nesta última esfera (grandes?, gran e periódica en singular?, non estou seguro) pasan de xeito obvio por dous deses nós, dos que aquí falo estritamente en termos de análise de redes. Claramente, amigos Anxo e Arume, os nomes son os de Ferrín e Alonso Montero. Isto sabémolo todos. Outro asunto vinculado con isto que tratamos e que vai alcanzar maior repercusión social que nunca é o feito de Barreiro rematar o seu mandato como presidente moi en breve. Cales serán os movementos nas redes existentes na RAG? Nunhas coordenadas como as actuais resulta obvio que sobre os asuntos máis ou menos de trámite apareceu un novo (por moito que Roberto Blanco Valdés, en sintonía coa folla de ruta á que serve, intente dar voces por aí indicando que non se misture a erudición coa presenza social). Ese asunto novo formúlase así: que clase de relación imos marcar co poder político-mediático que nos goberna e que de seguir as cousas como agora están na oposición seguirá gobernándonos durante unha boa tempada? Precisamos un presidente de que corte? Flegmático? Iracundo? Negociador? Florentino? Xurdio asunto para un docudrama.

  13. Anxo Says:

    Dende logo está claro que Ferrín aglutina polo seu radicalismo e curiosa p0sición sistémica ( central e marxinal a un tempo), moitos académicos (por ex. do ILGA, tacitamente ou de xeito explicícito a través da rede escarlata, moitos como meros suscritores a quen se lle supón capacidade intelectual para xenerar pensamento político do mesmo xeito que no antigo servicio militar se lle supoñía aos reclutas VALOR) que delegan en Ferrín a súa opinión, e así non teñen que tecer discurso propio. Alonso Montero é como El Llanero Solitario. A facundia e a absoluta dedicación son as súas armas diante daqueles académicos ágrafos incapaces de ou preguiceiros para construír argumentos que lle dean solidez ao seu voto: culiparlantes, chamábanse antes. Debe ser así como prosperan algunha das propostas, por veces algo disparatadas, de ambos os dous “nós” da rede RAG.

  14. Steven Alí Says:

    Co propósito de fornecer materiais para o debate (e tamén para botar unha risas), o reporteiro anglo-árabe Steven Alí transcibe literalmente a resposta de Ramón Villares á pregunta “Cal é a súa postura como presidente do CCG en relación coas declaración do presidente da RAG en Celanova sobre a política lingüística da Xunta?”. Eis o que dixo Villares:

    “Eu son membro da Academia Galega por tanto todo o que di o presidente da Academia representa o sentir en xeral dos académicos e por tanto asumo o que di o meu presidente como presidente da Academia, así como os membros do Consello, aínda que a veces non lles poida gustar, supoño que asumen o que o presidente do Consello di a respecto disto e de moitas outras cousas porque este é o fair play necesario en todas as institucións”.

    – A que me soa isto? -pregúntase Steven Alí.
    – Quizais a algunha declaración do cardeal Agostino Casaroli durante a guerra fría ou a esas frases tautolóxicas de Aznar en plena exhaltación vigoréxica.
    – Creo que a cousa vai máis polo do cardeal raposeiro, respondeu.

  15. morouteira Says:

    Respecto á reflexión feita por Lándoas sobre os camiños e as razóns que levan a ser membro de institucións como as Academias, veume á cabeza unha “idea profunda” de Paloma, a nena de doce anos da novela de Muriel Barbery, “La elegancia del erizo” (Seix Barral): “Se un ascendese na escala social de xeito proporcional á súa incompetencia, pódovos asegurar que o mundo marcharía doutro xeito”.
    Mais a correlación entre valía para un cargo na sociedade, no ámbito que sexa, non soe ser o factor máis determinante para desempeñalo. Se así fose, coido que nunca terían chegado a ser presidentes do goberno George Bush, Aznar ou Berlusconi, por poñer algúns exemplos recentes ou vixentes.
    Os oitenta anos parecen unha boa marxe para obter un descanso e dar paso a persoas, vaia se as hai, que realicen un traballo que precisa, como todos, de renovación.
    O ideal é que haxa diversidade (nas datas de nacemento e nas orixes profesionais) para entre todos /todas enriqueceren as perspectivas da RAG e maior equitatividade na composición por xéneros.