Onte

 

calendar

Este blogue leva activo un ano e un día. E que?, dirán vostedes. Non, nada. É só que nunca imaxinei que durase tanto. Aínda hoxe non se me alcanza por que razón dura, por que motivos está a durar así. Este local abriu por dous motivos, un imprevisto e outro relativamente previsíbel: o pleito polos marcos con Steiner foi o primeiro (vinme metido nel de socate) e un compromiso académico para impartir un seminario sobre blogues foi o segundo. Daquela pensei en relación co segundo motivo, rememorando Dámaso: “fáltame a outra ladeira”. E pumba! Coñezo unha razón terceira hoxe para seguir tocando o organillo: catarse, literatura. Hai un efecto catártico para quen suscribe vindo aquí como un fuxido, mesmo en horario laboral, como agora, para anotar algo. Uns toman café. Eu escribo algo, o que sexa: escribo, fago escritura, literatura?, si. Na temporalidade hacker na que todos andamos, tanteando, aprendendo, porque isto veu para quedarse, a mistura indiscerníbel de horario laboral e horario de suposto repouso, no día, na noite, que máis ten. Logo existen todos os eus outros do equipo, o Círculo Semiótico expandido, Dora Muriel e as demais colegas. Toda a tropa que constitúe o Ente Lándoas e que se describe acolá abaixo á dereita. E por suposto os siareiros/as, quen le, anota, reflexiona ou me manda a fritir puñetas tras ler o que aquí se di. É interesante todo iso, estimulante. Todo agás eses momentos en que o trato cortés deriva a melifluo. Lévoo mal. O de señor das lándoas e tal. Pero en fin, vai no cargo. O caso é que estiven considerando aí atrás pechar o chiringuito aproveitando a coartada do ano cumprido. Fin de ciclo, nada que engadir, caso resolto… Un bo modo, tamén, de regresar á lectura de blogues. Porque escribir e ler son vasos comunicantes incluso para o tempo dispoñibel. Querería ler máis, escribir menos. Pode que alguén botase en falta as homilías e filípicas do sitio (non contesten a isto, non é un reclamo) se pecha. Outros dirían: por fin calou. E outros, como aqueles aos que se depara un trato especial nesta casa, considerarían: unha mosca cojonera menos. Eses tamén len blogs. Nótaselles na cara. Quizais non lean directamente, polo menos nun principio, pero logo si, porque isto engancha (un saúdo tamén para vós) e porque a mellor prosa e a mellor análise do que está a ocorrer anda nos blogues antes que nos medios tradicionais. De aí os tránsitos, de aí a copia. En fin: entre a catarse que alivia a tensión craneal e o gusto perverso polo paso da nube. A partida está aberta.

17 ResponsesOnte to “”

  1. suroeste Says:

    Está el señor Lándoas? Le traigo un paquetito:

    http://nubosidadevariabel.blogspot.com/2009/09/porque-unha-rosa-e-unha-rosa.html

    Firme aquí.

  2. Rue Valette Says:

    Pois eu tamén lle vou deixar un ‘paquetito’, eso si, moito máis humilde (un coreño, vaia, que diría Suroeste):
    http://www.youtube.com/watch?v=aDbpgjLqGGM

    De hoxe nun ano e antes moitas veces (tópico pero sincero).

  3. r.r. Says:

    Hostia, prometo non volver tratalo de Señor.
    Parabéns, e que siga o conto.

  4. José Fornelos Solla Says:

    Que a abella continue a zoar, Mr. Lándoas. Que siga a história ésta.

  5. lándoas Says:

    Obrigado, amigos, pola rosa e a nube, polo tempo e o corvo que pasa e nos pon hiperestésicos, melancólicos, casemente líricos, como mosca que fenece na dozura lenta do resto que fica nun copo de ron unha noite de verán. Naquel xardín sen calendario.

  6. arume dos piñeiros Says:

    Noraboa, amigo Lándoas, pero déixese de aniversarios e a traballar, que ten choio:
    http://media.lavozdegalicia.es/default/2009/09/12/0012_2622319/Foto/g12p6f1.jpg

  7. lándoas Says:

    Caro Arume, un respiro, pardiez! Déixeme gosar do aniversario.

    Sobre cifose postural diplomática ou síndrome de Piqué-Piqué creo que xa temos falado algunha vez, non si? Esta debe de ser a variante que a literatura médica denomina cifose sacra, orixinada por unha mala soldadura do óso sacro debido a unha alimentación deficiente en nutrientes COS-n-LIM (cosmopolitan and non-limiting nuts), unha irrigación excesiva dos mesmos con Coke e unha sobredose de catecismo nos exercicios espirituais guiados por Sor Pilarín. Pero o asunto cura (seica) lendo o Forever in Galicia de atrás padiante na posición do loto e rotando de Wagner como mínimo a Alban Berg.

  8. xOsse Says:

    Si que engancha si. Un blog é algo liberalizador,… o día que o deixe sentirase preso, tanto que acabará por voltar.

  9. Neoiorquina sen solución Says:

    Lándoas querido, felicidades. Segunda tempada… Do que máis gosto son dos imprevistos.

  10. Neoiorquina sen solución Says:

    Perdón pola concordancia ad sensum. Do que máis gosto é dos imprevistos (quen ía dicir que ía ter que escribir hoxe aquí dous comentarios… todo é imprevisíbel e azaroso…)

  11. Apicultor Says:

    Súmome aos merecidos parabéns.

  12. folerpa Says:

    Parabéns Mr. Lándoas

  13. Bradomin Says:

    Grazas

  14. esteiro Says:

    Cada vez que o queira deixar pense en Blanco Valdés: el nunca o faría. Creo que ese é o sentido primeiro da resistencia: o pulso.

    E despois, navegar é necesario, como vostede sabe.

    Parabéns entón.

  15. Un lector Says:

    Como r.r., tomo nota no do “trato cortés que deriva en melifluo”. As miñas desculpas, se algunha vez caín nese erro.
    Os parabéns son obrigados, cada nova entrada é un agasallo. E sei que a segunda tempada, como di a neoiorquina sen solución, aínda ha ser mellor que a primeira.

  16. lándoas Says:

    Amig*s, agradezo de novo a súa consideración e estima.

  17. Iacobus Von der Stein Says:

    Veña, veña, non se faga derrogar e a traballar.