Rosas

 

rosa-sala2

Día de rosas de aniversario, hoxe. Sigamos, pois. Souben deste blogue de Rosa Sala Rose por unha amiga, tamén Rosa. Interesante, o labor desta investigadora, tradutora e ensaísta catalá, autora en Acantilado do Diccionario crítico de mitos y símbolos del nazismo (2003).  O blogue, que abre co seu propio nome, está destinado no fundamental á indagación, sempre documentada e lúcida, da historia cultural de Alemaña e dos acontecementos bélicos que en dimensión macro ou micro definen a presenza dos alemáns na construción e destrución de Europa. O máis recente post, de onte mesmo, fala de suicidios, con atención a dous momentos importantes na historia europea: 1945 e 1989. Impacta ver fotos como as tomadas polas fotógrafas de guerra norteamericanas Lee Miller e Margaret Bourke-White. Son tamén de interese algunhas revisións da idea de heroísmo, as consideracións sobre as memorias escritas na cadea ou, desde logo, a rede que trazan cultura e morte, atravesada como non pode ser doutro xeito pola presenza da Shoah.

 [Rosa Sala nunha foto de Vicens Giménez]

 

One ResponseRosas to “”

  1. morouteira Says:

    Obrigadiña, Lándoas, polo teu enlace coa páxina de Rosa Sala Rose, que pasarei a incluír nas miñas favoritas, onde a túa, da que tanto aprendo, está de primeira. Un saúdo.