O desigual combate

tabernas-11

Seguramente será que non dou aprendido o oficio. O de galego. Ou será que levo sangue das dúas Castelas, de Flandes, de Cataluña e de Cantabria como mínimo, alén dunha proporción (considerábel) de sangue do país, sexa isto o que for. De sangue e do resto de líquidos corporais, claro. Bile incluída. Ou quizais sexa que, como se di agora no xardín Moncloa-Palas, eu xa teño colmadas as miñas aspiracións políticas despois de ser presidente consorte da comunidade de viciños do edificio no que vivo. Razón esta pola que non tería nada que perder, pois nin aspiro a columnista ben pagado nin a insignia de ningunha clase. E ademais os búlgaros cáenme ben. Igual é iso. Igual é que me importan menos que nada a pompa e o carnaval. Igual é que distingo aos que pretenden tumbar a cultura do meu país para proceder logo a facer a autopsia a todos os que confundían o sentido institucional e a dignidade coa sumisión. O cal resta mérito, pode que si, a esta vontade de falar claro polo menos uns minutos ao día. Pero quen falou aquí de méritos?

O combate é desigual. Uns tocan o cornetín de ordes de Sabón con chulería subsidiaria mentres deitan chumbo ardente desde o castelo do seu señor, que aí atrás marcou a toda a tropa a folla de ruta para o curso político 2009-2010 , e outros fan discursos firmes pero abstractos, xustificatorios e nada apostróficos  (por tanto, sen marcar quen é o destinatario coa claridade que o caso reclamaba) nos que malia ficar claro (para algúns, só para algúns) que o que se está a facer é responder ao insulto previo e á tosca e mendaz caricatura reiterada de Roberto Blanco Valdés pois resulta que este nome, o do cornetín, non sae por ningures. Non pido que se mente ao dono, Freixanes, pero si polo menos a quen lle coida a porta e o insultou a vostede e aos seus compañeiros aducindo as máis estrafalarias imaxes e as máis falaces  argumentacións que un soñaría escoitar nunca na boca dun publicista demócrata ou simplemente na dun señor cultivado. E engado algo. O que acabo de indicar non me interesa en absoluto como anécdota: o problema é que me interesa como categoría. Iso é, iso está a ser no meu país a categoría! Ou non nos queremos dar conta?

A partida, seino, xógase case sempre fóra da casa. Eu só digo isto: o espazo público, o logro de alcanzarmos algún día en Galiza unha opinión pública libre, digna e politicamente madura só se concretará se chamamos ás cousas polo seu nome, se declaramos sen veos nin danza a quen estamos a responder cos nosos argumentos e se contraatacamos o bombardeo artilleiro que pretende borrarnos do mapa co calibre proporcionado a esa agresión e sen sordina. Se fai falta, desde outra tribuna, pois hai máis (e censuran menos).

[Rúa Tabernas, na Cidade Vella da Coruña. A foto é de xornalcerto e vén de Flickr]

 

7 ResponsesO desigual combate to “”

  1. Certo Says:

    Encántanos esa foto. O malo non é o cabo eléctrico que a atravesa, senón que nin a rúa da Real Academia Galega está galeguizada -ou bilingüizada se nos poñemos estupendos- en A Coruña.

    Fala vostede de censura? Pero en que país vive! (Modo retranca aceso).

  2. lándoas Says:

    Grazas pola elegancia, Certo. E desculpas por tardar unhas horas en indicar que a foto é súa.

  3. José Fornelos Solla Says:

    Brillante, como sempre. Sobre todo, o último parágrafo.Completamente de acordo. Chamar as cousas, e aos homes(ou mulleres), polo seu nome. Vde , e o señor Baamonde, sempre lle chaman ao periódico polo seu nome: La Voz de Galicia. Somos moitos , penso, os que non compredemos como determinadas firmas (Freixanes, entre elas, por suposto, e Alonso Montero, e Sandra Faginas, e Caneiro, e Fernandez Prieto, e… tutti quanti…) seguen a escreber na Voz, a caron de Blanco Valdés, O tero Lastres, Maneiro e cia. Ou é que ésta miña é unha postura maximalista, Mr. Lándoas?

  4. lándoas Says:

    Obrigado, Fornelos. Teño falado do que comenta noutras ocasións, mesmo nos inicios do blogue xa. Vexa, se ten a bondade, o escrito hai hoxe un ano, o 17 de setembro de 2008, co título “Medios, analistas e opinión pública”. Se introduce na caixa “Procurar” a palabra “mascota” irá directamente a el. Un é de piñón fixo para certas cousas.

  5. arume dos piñeiros Says:

    O sangue das dúas castelas fai moito, ao meu entender, sobre todo mesturado.

  6. esteiro Says:

    Imos ter que encargar ese canón que di vostede, Lándoas, o carallo é que seguro que non hai quen nolo finacie. Desta beira da Historia: zapatos pedras e blogs. E algún columnista “entrado” na prensa madridista.

  7. r.r. Says:

    (Coa boca pequena) Pois eu creo que menos mal que aínda quedan algúns razonables aí dentro…