Cinta na Caeira

Na anotación anterior falei da casa de Cinta, avoa de meu pai, na rúa da Amargura. Acabada a guerra, algún día dos primeiros anos 40, viaxou a Pontevedra. Quixo ir soa. Imaxino, pero non teño datos precisos, que puido ser en 1943, o ano no que se inaugurou a liña ferroviaria entre A Coruña e Compostela, que enlazaba coa vella vía a Carril. A idea era visitar o lugar no que mataran a Víctor e a outros compañeiros galeguistas e republicanos. Recibiuna en Pontevedra Amalia Álvarez Gallego, viúva de Alexandre Bóveda. Foron logo á Caeira. Disque Amalia foi a autora desta fotografía de Cinta a carón do piñeiro contra o que fusilaran en novembro de 1936 o seu fillo maior. A Bóveda matárono no mesmo lugar. Tamén onda esta árbore, seica. Meu pai lembra —tiña cinco anos recén cumpridos— que acompañou á nai aquela noite na colexiata de Santa María. Rezaría por unha conmutación de pena.

Xerardo Álvarez Gallego, en Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, conta algo sobre o lubre da Caeira, aquel piñeiro e a súa corta, que presupuña ordenada por mandos militares para intentar evitar o que naquela altura xa era inevitábel, a peregrinaxe de familiares e compañeiros de partido a un lugar que simbolizaba a continuidade do ideario galeguista. Fala tamén dos pitelos da árbore conservados como reliquias en Bos Aires, cidade na que puido editar o libro dedicado ao seu cuñado e camarada.

Hai moitos anos intentei escribir un poema sobre esta fotografía. Non souben. O encadre, que non semella profesional, aínda fere.

[Cinta Rei na Caeira, anos 40. Fotografía talvez tomada por Amalia Álvarez]

5 ResponsesCinta na Caeira to “”

  1. apicultor Says:

    Non sabía que gardaba parentesco con Víctor Casas. Triste época aquela.

  2. lándoas Says:

    Que casualidade velo hoxe aquí, Apicultor! Non a vou desaproveitar.

    Dígame unha cousa, se ten a bondade. A que atribúe o esquezo case absoluto do pensamento político de Casas no ámbito do discurso nacionalista actual e non só actual? Talvez á súa toma de posición sobre pactos políticos durante a República? Acaso á súa opción por un galeguismo laico e de esquerda (moderada)?

    Para min, pero é evidente que non debo falar moito disto, non ten explicación o tratamento de historiadores e de presumíbeis herdeiros intelectuais e ideolóxicos. En realidade, atopo explicacións, pero non as expoñerei en público.

    Direi algo máis. Tendo en conta o que supuxo Casas no mantemento d’_A Nosa Terra_ durante a práctica totalidade dos anos nos que a publicación estivo activa até a guerra (nalgúns segmentos temporais concretos situados entre a ditadura de Primo de Rivera e o 36 VCR supúxoo todo, porque ás veces a publicación pasaba enteira por el) como é que, mesmo desde a cabeceira ANT reactivada nos 70, se limita tanto a atención ao seu discurso político e ás súas análises sociais, culturais e ideolóxicas, ás veces referidas mesmo ao marco internacional?

    Ese debate é algo que me gustaría activar coa anotación de hoxe.

  3. apicultor Says:

    Supoño que serán varios os motivos, conscientes ou inconscientes.

    O discurso nacionalista actual vai ao que vai: ao práctico. Daquela, “non ten tempo” para andar á procura de referentes históricos e menos para “publicitalos”. Con Castelao e, en menor medida, Bóveda ou Rosalía, xa coida que ten suficiente. Paco Rodríguez, que vai impartindo doutrina, só ten ollos para Castelao Ou Rosalía, levando sempre a auga ao seu rego, claro está.

    Por outra banda, pode ser que tamén inflúa que Casas foi sobre todo un home de acción. Os seus artigos non son moitos e están demasiados esparexidos e, se non lembro mal (que seguramente si), fan máis ben mención a aspectos puntuais políticos do galeguismo republicano. Ao non ter unha “obra” no formato libro, faise máis difícil “presentalo en sociedade”.

    Con todo, A Nosa Terra publicara hai xa bastantes anos un útil libro no que o meu amigo Alberte Romasanta compilaba os escritos de Víctor Casas en ANT e facía unha interesante introdución ao seu pensamento e posición política (non o teño agora a man). Coido que é o único que hai cunha certa profundidade. Mais tamén me comentaba seu pai que apenas lle fixeran caso moitos dos así chamados intelectuais nacionalistas de hoxe.

    Sexa como for, Víctor Casas é hoxe alguén moi esquecido (inxustamente, desde logo), cuxo nome tan só lle soa a unhas cantas dúcias de persoas. Daquela, non é reivindicado porque, desde o punto de vista práctico, non “ecoa” nas mentes de case ninguén. O nacionalilsmo hoxe vai ao que vai: a obter resultados en votos, escanos e políticas. Isto ten, naturalmente, os seus custes. Entre outros, non facer xustiza a este home.

    Non se me ocurre, de momento, dicir ningunha outra cousa. Lamento ser tan prosaico.

  4. lándoas Says:

    Si, concordo en parte. Recoñezo no que apunta a propia lectura de Romasanta, que en todo caso menciona tamén outros aspectos. Algún tan peculiar no nacionalismo de preguerra como unha certa proximidade, ou quizais simple respecto intelectual e moral, a Azaña. Unha das series máis nutridas de Casas como columnista en ANT foi “Do momento”. Diso se trataba, en efecto, dunha análise do inmediato. Pero Víctor Casas non escribiu pouco e a súa ollada non se limitou nunca ao táctico. Aí penso que existe un problema: xustamente na aceptación de que alguén que non cursou estudos superiores puidese intervir no debate con perspectiva e profundidade. Nada diso faltou en Casas, interpreto. E non publicou só en ANT, fíxoo tamén, sen prodigarse, noutros medios; participando incluso da discusión estética e literaria. Na contracapa do libro editado por Romasanta en 1996 fálase da intención de buscar un certo parangón cos nomes fundamentais do galeguismo. Cítanse expresamente os nomes de Castelao e Bóveda. En proximidade con datas significadas, desde o semanario ANT tense insistido nesa mesma aposta. En fin, xa digo que non me corresponde reivindicar nada. Non era iso o que intentaba. Interésame apenas a recuperación dun discurso máis nun tempo histórico que foi plural, seguramente moito máis que o actual. Grazas pola súa análise.

  5. lándoas Says:

    Desculpe, algo máis que non hai por que calar. Sempre me chamou a atención outro silencio irrespectuoso (en termos corporativos, se fai falta dicilo así). O dos xornalistas. Paréceme peculiar o modo no que se esquece na profesión o que representaron Lustres Rivas, Casas e outros asasinados que se gañaron a vida basicamente escribindo nos xornais. Dirixíndoos mesmo, como fixo Casas en ANT. Outros dous xornalistas asasinados, Johan Carballeira e Blanco Torres, están algo máis presentes na memoria hoxe, pero seguramente non por exerceren o xornalismo senón polas súas responsabilidades públicas de goberno e polo foito de ser poetas. Hai máis casos.