Ledo e a heteroimaxe

Teño falado aquí dos ritmos da Academia, dos usos da cooptación e da opinión que iso me merece. Hoxe saúdo a entrada de Margarita Ledo polo que representa en relación coas pautas aquelas. A Academia prima sempre unha liña de tradición nas súas escollas e iso seguramente é consubstancial ao seu estrito marco institucional. Pero hai que recoñecer que con Ledo entran algunhas notas novas. Baixará algunha centésima a media de idade dos académicos (asunto serio, créase) pero sobre todo supón abrir algo máis a casa para a entrada de aires non filolóxicos. Un non ten nada contra a filoloxía se esta é consciente das súas forzas e méritos, do que representa na sociedade actual. Ora, se intervén desde a impostación anacrónica e a imposición dun discurso lento, como fai adoito, entón si que convén abandonar a posición do loto. Así, Ledo representa prestar atención a outras chaves: ao fílmico, á fotografía e á visualidade, aos imaxinarios, ao xornalístico. Iso ademais do feito de ser muller (a quinta na Academia) e á marxe da literatura, por suposto. Na medida na que isto último sexa relevante na súa traxectoria, que o é, en particular no eido da narrativa.

Interesoume o que declarou o outro día sobre a conveniencia de sabermos administrar a nosa heteroimaxe fóra. Incidirmos na imaxe que os demais teñen de nós e que, certamente, depende nunha proporción non doada de estabelecer dos desequilibrios e impugnacións que nós saibamos e desexemos introducir nos paveros e ríxidos estereotipos que nos definen na mirada do outro. No que a min respecta, son testemuña de que a día de hoxe nós, por exemplo, somos en xeral bastante máis claros e decididos que os que nos xulgan indecisos. Xestionar determinados asuntos axuda a velo claro. Somos máis directos que outros habitantes da península ou do continente. Asegúroo.
A imaxe do peirao e a emigración, de Manuel Ferrol, dicía Ledo que non podía seguir constituíndo a tarxeta de visita dos galegos no mundo. Iso crin entender. Eu apúntome a esa idea. A todo o que supoña dinamizar a autoimaxe e a heteroimaxe. Xestionarmos a heteroimaxe, a imaxe que os outros concretan sobre nós, é unha tarefa que importa. Nunca se controla totalmente esa ficción pactada e consensuada en procesos de longa duración histórica, pero o problema comeza a ser serio cando nós mesmos aceptamos e cremos como verídica unha imaxe que se nalgunha altura puido ter algo de validez agora mesmo carece de sentido e de precisión. Iso é sen dúbida o peor que teñen os estereotipos. Non que falseen a realidade, que tamén. Falo fundamentalmente da súa renuncia, por definición, ao axuste, á dialéctica do tempo, ao cambio.

[Margarita Ledo Andión nunha fotografía tomada do soportal AVG]

4 ResponsesLedo e a heteroimaxe to “”

  1. arume dos piñeiros Says:

    Que debemos desfiloloxizar (sobre todo ese peso lapesián e damasoalonsián que arrecende polo burgo das nacións sen número) está máis que ben: que a entrada de Ledo poida facer tal labor parece excesiva ilusión.
    Aínda que ná centésima véselle pulquérrima a ironía.

  2. lándoas Says:

    Non é ironía o da media. Calculando a ollo atrévome a dicir que coa entrada de Ledo baixa algo menos de 40 centésimas a media de idade dos membros de número da RAG. Pode que me equivoque pero creo que esa media non é inferior aos 67 anos. E non debera ser así. De ningún modo debera ser así.

  3. ARUME DOS PIÑEIROS Says:

    Non só idade, tamén tradición, cultura, formación, intereses. Tan idénticas. Hai algo de pleonasmo.
    Unha rexistradora da propiedade? Un arzobispo? Un almirante? Unha enxeñeira de camiños, portos e canles?
    Un anatomopatólogo? Unha economista?

    E se probamos a desbaratala.

  4. Anonymous Says:

    Margarita Ledo ten o estraño don de pensar por si mesma, cualidade que brilla especialmente nas súas intervencións orais. Poucas veces a ruptura sintáctica abriu tantos camiños para o pensamento -cavilo tamén na súa prosa ficcional. Si que é un verdadeiro luxo para unha Academia, como dis, avellentada, e non só por idade. Moi de acordo tamén cos propósitos desfiloloxizadores. Sabemos que a lingua está nos usos -e que a lingua en por si é uso- pero esta conciencia segue sen atopar correspondencia nas institucións. Apertas dende o frío,
    m.