Memorabilia

Andaba na procura doutra cousa e lembraba a Psicopatoloxía da vida cotiá de Freud, todo aquilo das chaves equivocadas (querer abrir a porta do traballo coa chave da casa, p.e.), todo o de Lou Andreas-Salomé a ferver leite nos días da Gran Guerra e a morte do seu terrier branco, todo o de cruzar os contrasinais entre contas bancarias e teléfonos de persoas queridas, o de non atopar ese papel que sen dúbida está sobre a mesa e marca unha obriga perentoria… Freud resulta simpático cando vai tan directo á explicación. Ben, o caso é que eu ía por outra cousa non sei onde e dei cunhas notas de lectura de Memoria de poeta, de Pepe Cáccamo, de cando presentamos o libro no Casino de Compostela, en xuño de 2006.

Recupéroas (algunhas). Estaban destinadas a pensar o que ía dicir eu aquel día. Logo dixen outras cousas.

Creo que estaría ben cargar tintas no que de exploración autopoética hai no libro. Sorprendeume constatar que detrás de cada texto poético de Cáccamo haxa xa non unha experiencia senón mesmo unha anécdota. Incluso en títulos, como Praia das furnas, hai por suposto unha praia real. Semella que a operación é sempre semellante e diso se fala arredor da páxina 220 cando Pepe comenta unha impresión de Rodríguez Padrón. Pártese sempre dun acontecemento, ás veces mínimo. Desde aí opera unha abstracción simbolizante, unha categorización fotografada e deshistorizada, no sentido de que parece paralizada ou acristalada, museizada?, desconectada das coordenadas reais e efectivas de carácter xeohistórico, aquel lugar naquel momento. Esa categorización procura dotar o texto dun valor moito máis amplo que o ligado á súa radicación auténtica, universaliza o seu sentido e suspende toda incidencia co real aparentemente. Coido que o procedemento procede dunha circunstancia: o moitísimo que PC escribe, a súa entrega febril e constante á escrita. Iso activará moita reescritura, moito proceso de categorización meta-física e meta-histórica, case no sentido Chirico.

Outra: PC almacenou sempre moreas de notas, documentos, cartas, diarios, cadernos de viaxe, poemas, textos. En que medida estas memorias son glosa ou expansión de todo ese material/canteira? En que medida estas memorias son un arquitexto? En que xeito son produto da relectura das memorias en directo por el transcritas cada día da súa vida (anterior)?

Pensar o xogo memoria/memorias/memorial/memorando e tamén memorabilia co valor García Bacca (“o recordábel”) pero tamén no sentido anglosaxón de obxectos que teñen un certo valor simbolizante. Por certo moi próximo ao que os Álvarez Cáccamo conceden á idea de microtopofanía (concepto técnico en antropoloxía?).

Pensar tamén nos esquezos, no que “caeu da memoria”, como di a frase coloquial.

[Pepe Cáccamo en Compostela. Foto de Otto AGN para Galciae]

Os comentarios están pechados.